O branco sur do Brasil-Curitiba, Porto Alegre e Gramado

O “Ollo” no Museo Niemeyer de Curitiba

Travessa Venezianos en Porto Alegre

Visitar o link Brasil Nordestino para coñecer a primeira parte desta viaxe.

CURITIBA

Voo dende Fortaleza a Curitiba vía o aeroporto de São Paulo-Guarulhos coa aeroliña Latam. Esta compañía aérea, froito da fusión da chilena Lan e da brasileira Tam, é a primeira de América Latina polo numero de conexións. Malia a proliferación de novos voos dentro do Brasil aínda queda moito por facer e moverse dunha cidade a outra non é sempre nin tan rápido nin tan evidente como pode parecer. Fortaleza e Curitiba, a quinta e a oitava megalópoles máis poboadas do Brasil, non teñen ningún voo directo que permita percorrer rapidamente os 2.700 km que as separan e a mellor conexión que consigo demora case dez horas dende que saio do meu hotel en Fortaleza ata que chego ao de Curitiba. Comprobando horarios para outros días, o tempo de viaxe porta a porta non baixa dun mínimo de oito horas.

Aterrando en São Paulo

Aterro en Curitiba, a capital do Estado do Paraná, a media tarde e a primeira impresión é bastante negativa. Veño de Fortaleza, unha cidade soleada de temperaturas tropicais á beira do mar para encontrarme cunha cidade de interior de ceos agrisados e vinte e cinco graos máis fría cá primeira. O país é o mesmo pero o ambiente de rúa muda completamente. Apenas atopo xente de cor e a actividade na vía pública desaparece case por completo.

Logo está o tema da temperatura que tampouco axuda a caldear o ambiente da cidade. Curitiba asenta sobre o Altiplano Paranaense, por riba dos 900 metros sobre o nivel do mar o que, xunto coa súa latitude, condiciona un clima de veráns suaves e invernos bastante frescos. A época invernal ten sona de ser a máis fría de todas as capitais do Brasil. En fin, todo fai lembrar a cidades de América do Norte ou de Europa e marca distancias co que un, eu polo menos, espera do Brasil.

Curiosas paradas de bus por toda a cidade

Pero, por outra banda, Curitiba, malia unha poboación de dous millóns de habitantes, presume de ser unha cidade ben planeada que ofrece ata trinta parques públicos para o lecer cidadán e un cociente de 64,5 m² de área verde por persoa. Unha urbe recoñecida pola eficacia do seu sistema de transporte público e polas súas políticas ambientais. E tamén posuidora duns índices óptimos de calidade de vida que lle valeron ser elixida en varias ocasións coma unha das mellores cidades do Brasil para morar e traballar. Por se non fose suficiente, a seguridade cidadá é moi superior á do resto do país.

Dende o aeroporto baixo directamente ao meu aloxamento, o hotel boutique Slaviero Conceptual Full Jazz. O establecemento, pertencente a unha cadea cento por cento brasileira, é totalmente recomendable e está situado no barrio de Batel, que conta con numerosos centros comerciais e unha das mellores ofertas de restauración da cidade. O eixo formado pola Avenida do Batel e pola Rua Bispo Dom José concentra a maior parte da oferta.

www.slavierohoteis.com.br/es/hoteis/slaviero-conceptual-full-jazz-curitiba/

Dou un paseo a media tarde por rúas bastante baleiras ata a Arena da Baixada do Clube Atlético Paranense, un estadio de arquitectura moi pechada no que tiveron lugar catro encontros da primeira fase da Copa do Mundo da Fifa celebrada no ano 2014.

Arena da Baixada

Curitiba chea dunha morea de igrexas de diferentes confesións

Curitiba foi fundada no século XVII pero o seu desenvolvemento non comezou ata a segunda metade do século XIX. Polo tanto carece de zona colonial e tampouco destaca por albergar monumentos ou atractivos de primeira orde. Aínda así, os diferentes gobernos da cidade souberon crear nestas últimas décadas unha ampla oferta de lugares de interese para o turismo que dan para pasar unha xornada ou dúas realizando agradables visitas. Un pequeno problema é que estes lugares están moi espallados pola cidade e a bastante distancia uns dos outros.

Tal vez a mellor opción, e posiblemente a máis barata, sexa apuntarse aos autobuses municipais de dous andares da Linha Turismo con saídas dende a Praça de Tiradentes ás 9, 10 e 11 da mañá. Logo cada 30 minutos ata ás cinco e media da tarde. É un itinerario de 45 quilómetros que pasa por todos os puntos turísticos e precisa dun mínimo de tres horas para completar o percorrido, sen paraxes. O seu prezo é de 45 reais, un pouco máis de dez euros.

Autobús de Linha Turismo na Praça de Tiradentes

O billete é valido para un só día e permite realizar unicamente catro paradas que hai que escoller adecuadamente entre as vinte e cinco posibles. O itinerario da miña elección, e que detallo a continuación, lévame dende as dez e cuarto da mañá ata media tarde. Fago a última parada e remato o meu percorrido no Setor Histórico para, dende alí, pasear e coñecer o centro da cidade.

www.urbs.curitiba.pr.gov.br/transporte/linha-turism

Subo ao autobús preto da Rua 24 Horas (3ª parada), un pequeno tramo de rúa de 120 metros de lonxitude cuberta por unha bóveda de cristal con tendas e restaurantes. A publicidade anuncia, como indica o nome da rúa, espazos que están abertos as vinte e catro horas do día, aínda que a realidade é que a maioría das tendas pechan ás dez da noite.

O autobús realiza vinte e cinco paradas aínda que moitos dos atractivos se ven parcial ou totalmente dende o autobús e non é necesario baixar. Algúns deses son, e por esta orde, o Teatro Paiol, o edificio do novo Mercado Municipal, o Teatro Guaíra, o Paço da Liberdade, o Centro Cívico, o Memorial Árabe, o Bosque Alemán, o Memorial Ucraíno, o Portal Italiano, Santa Felicidade e a Torre Panorámica.

Rua 24 horas

Parada do Museu Ferroviário

Teatro Paiol

Parada do Xardín Botánico

Polas rúas de Curitiba

Mercado Municipal

Paço da Liberdade

Bosque Alemán

Memorial Ucraíno

PARAXE 1 – XARDÍN BOTÁNICO

Inaugurado no ano 1991 e inspirado nos xardíns franceses, é un parque bastante grande cun centro de estudos botánicos, o Museu Botânico, o Jardim das Plantas Nativas (especies propias do Estado de Paraná) e o Jardim das Sensações. Nunha contorna moi coidada, destaca o pequeno edificio do invernadoiro feito con estrutura metálica e cristal.

PARAXE 2 – MUSEU OSCAR NIEMEYER

Primeiro houbo un edificio construído en 1967 que rematou sendo completado por unha estrutura en forma de ollo no ano 2002. É por esa razón que tamén se coñece coma o Museu do Olho. Os folletos véndeno como o museo máis grande e moderno do Brasil con 2.200 obras do acervo nacional e internacional. Do que non hai dúbida é do seu atractivo radical. A veciñanza non ten nada de especial pero a obra do arquitecto brasileiro Niemeyer é dunha forza que non deixará indiferente a ninguén. O prezo da entrada é de vinte reais, apenas cinco euros.

No interior destacan algunhas das obras como ao do cearense (do Estado de Fortaleza) Eduardo Frota. Moi apetecibles os obxectos que venden na tenda do museo aínda que de prezos elevados.

www.museuoscarniemeyer.org.br/home

Pasillo que comunica o “Ollo” co corpo central do museo

PARAXE 3a – ÓPERA DE ARAME

Curitiba destaca pola boa recuperación que fixo das numerosas pedreiras que se estendían polos límites da cidade. Algunhas delas reconvertidas en parques públicos ou, como neste caso, nun teatro de bonito deseño. O edificio da ópera é de estrutura metálica e cristal e foi levantado en 1992 para acoller a 2.400 espectadores. O seu punto forte foi aproveitar a natureza exuberante que arrodea o lugar.

A ópera forma parte do conxunto Parque das Pedreiras no que comparte lugar co teatro ao aire libre “Espaço Cultural Paulo Leiminski” con capacidade para 40.000 espectadores.

PARAXE 3b – PARQUE TANGUÁ

Para aforrar unha das catro paradas posibles do meu billete de Linha Turismo decido ir a pé dende a Ópera de Arame ata o Parque Tanguá. Son uns vinte minutos costa arriba que precisan de algo de esforzo.

Inaugurado no ano 1996, Tanguá é un parque inmenso con 450.000 m² de área e diversos espazos diferenciados. Outro bo exercicio de recuperación medioambiental de dúas canteiras unidas por un túnel de corenta e cinco metros de longura e unha pasarela sobre a auga.

Vindo da Ópera de Arame, tanto a pé coma en autobús, chégase pola parte superior do parque, onde unha estrutura moderna serve de punto panorámico sobre o resto da área verde. No caso de querer baixar ao lago ou á segunda pedreira é necesario dispor de moito máis tempo.

Miradoiro do parque

Parte baixa do parque dende o miradoiro

PARAXE 4 – SANTA FELICIDADE

Foi esta unha colonia formada por inmigrantes italianos no ano 1878 que agora funciona como un barrio dedicado á gastronomía e con algo de encanto nas súas construcións. Os restaurantes preséntanse ben decorados e, en xeral, teñen unhas dimensións enormes polo que os supoño preparados para a celebración de grandes eventos.

Pode ser a paraxe axeitada para comer pero no caso de facer o percorrido recomendado haberá que coller o autobús coa primeira saída da mañá e, dese xeito, chegar a Santa Felicidade a un hora razoable. O barrio tamén ofrece algunhas tendas interesantes de artesanía típica.

PARAXE FINAL – SETOR HISTÓRICO

A miña última parada é no Setor Histórico, o barrio da cidade que funciona como un pequeno centro antigo con recunchos de certa beleza. O eixo principal é a rúa Dr. Claudino dos Santos, dende a Praça João Càndido ata á Rua Br. do Serro Azul. Aquí están algúns dos edificios salientables de Curitiba, como a igrexa do Rosario, a igrexa Presbiteriana Independente, o Belvedere (en reforma), o Palacio Garibaldi e a igrexa da Orde. Incluso unha mesquita de nova factura que fai lembrar as súas irmás en Samarcanda e Isfahán. E todo arrodeado por pequenas casas de cores en estilo colonial portugués.

Mesquita de influencia centro asiática

Rua Dr. Claudino dos Santos

Largo Cel. Enéas

Igrexa do Rosario

Praça Garibaldi e igrexa Presbiteriana Independente

Sen saír desta área tamén se pode visitar a Casa da Memória, o Museu Paranaense, o Museu de Arte Sacra, o Museu Alfredo Andersen e algunha galería de arte.

Dende o Setor Histórico sigo a pé ata á céntrica Praça de Tiradentes, o Marco Zero da cidade co edificio da Catedral Basílica Menor de Nossa Senhora da Luz dos Pinhais, de estilo neogótico. O edificio, como os de moitas outras catedrais no Brasil, resulta pouco fascinante.

Catedral de Curitiba

Nunha praza veciña está outra das iconas da cidade: o Paço da Liberdade. O edificio neoclásico con influencia Art Nouveau do ano 1916 que funcionou como primeira Casa do Concello para reconverterse nun importante Centro Cultural a partir do ano 2009.

Paço da Liberdade

Dende alí achégome a unha terceira praza, a de Santos de Andrade, coa sede da que foi a primeira universidade do Brasil no ano 1912, a Universidade Federal de Paraná, e o Teatro Guaíra, entre os máis grandes de América Latina, con tres auditorios e capacidade para 2.173 espectadores. A fachada do teatro non resulta especialmente interesante.

Universidade Federal de Paraná

Remato na rúa principal da cidade, chea de tendas e restaurantes e con animación ao longo do día. É a Rua XV de Novembro que no seu treito inicial occidental recibe o nome de Rua das Flores e conta co privilexio de  ter sido a primeira rúa peonil do Brasil dende 1972.

Rua das Flores ou XV de Novembro

Deixo Curitiba coa pena por non conseguir realizar o famoso Paseo en Tren pola Serra do Mar, tamén chamado Trem de Morretes. Nun país e nun subcontinente que vai perdendo moita da súa oferta en tren é unha mágoa non poder percorrer esta ambiciosa obra de enxeñería inaugurada no ano 1885 e que, a través de pontes e túneles escavados na rocha, une a cidade de Curitiba coas pequenas vilas históricas (Morretes, Antonina,…) do litoral do Estado de Paraná, vilas que aínda conservan a súa arquitectura do século XIX. Na semana da miña visita o tren opera unicamente en sábado e non coincide co meu día libre. É aconsellable consultar as webs de operadores turísticos coma Serra Verde Express, Cadastur, Touron e Peixe Urbano, entre outras, para comprobar as posibilidades de viaxar, xa que os días de operación mudan moito dunha tempada á outra.

Tampouco teño a oportunidade de apuntarme a algunha das excursións diarias para realizar o Caminho do Vinho, unha ruta pola rexión para visitar adegas nas que poder degustar algúns dos caldos con máis sona do Brasil.

PORTO ALEGRE

Voar dende Curitiba ao meu seguinte destino resulta máis doado que o meu voo anterior. Fágoo coa terceira compañía por importancia do país, Azul Linhas Aéreas Brasileiras, que ofrece un bo servizo a bordo. Nunha hora e cuarto cubro a distancia que separa as dúas principais cidades do sur do Brasil.

Aterrando en Porto Alegre

Panel no aeroporto de Porto Alegre

Despois duns días en Curitiba, eu esperaba que unha cidade tan meridional como Porto Alegre fose aínda máis organizada e menos perigosa cá anterior. Incluso o nome (tan bonito!) parece prometer algo especial. Pero non é así! A cidade, capital do Estado de Río Grande do Sul, resulta pouco acolledora e aparece bastante descoidada. A realidade de Porto Alegre reforza a boa sona de Curitiba como cidade organizada e segura.

Edificios sen rematar nas rúas de Porto Alegre

Imaxes de rúa excesivamente habituais en Porto Alegre

A miña colega Clara, unha navarra que mora dende hai uns anos en São Paulo, comentárame que Porto Alegre tiña certa vida bohemia e “cultureta” que compensaba o seu pouco atractivo. Pero eu non a vexo por ningures e atopo unha cidade bastante aburrida que vai xustiña no que ten que ofrecer.

No meu único día libre aproveito para facer unha excursión ás vilas de Gramado e Canela polo que fago a visita de Porto Alegre neses intres que van quedando entre as horas de traballo.

O meu hotel está situado en pleno centro histórico, na Avenida Alberto Bins. Un lugar interesante pola proximidade dos atractivos turísticos e cheo de vida durante as horas diúrnas pero que se baleira totalmente despois do solpor, deixando unhas rúas polas que resulta pouco aconsellable camiñar.

Comezo a visita polo Largo Glênio Peres onde se atopa o Mercado Público Central, un edificio dun só andar construído entre 1864 e 1869 ao que se lle engadiu un segundo andar na segunda década do século XX. Numerosas tendas de produtos agrícolas, carne, peixe, bebidas e servizo de restauración tanto arredor do edificio coma no patio interior do mesmo.

Largo Glênio Peres

Mercado Central

Tumba? do Orixa Bará no Mercado Central

Nun punto central do mercado hai un círculo protexido por unha corda no que, segundo unha lenda local, está sepultado o Orixá Bará, o gardián de casas e cidades que representa o traballo e a abundancia. Esa mesma lenda fala de que foi enterrado polos propios negros que construíron o mercado. O lugar é hoxe unha referencia para os adeptos ás relixións afro-brasileiras.

Casa do Concello de Porto Alegre

Nun lateral do mercado está a praza Montevideo co edificio de influencia neoclásica da Casa do Concello (Prefeitura) inaugurado no ano 1901. Fronte á porta principal hai unha fonte feita con azulexos de Talavera de la Reina, agasallo realizado en 1935 pola comunidade española na cidade.

Dende alí diríxome á próxima Praça da Alfândega que acolle os principais contedores culturais da cidade: o Santander Cultural, o Museo de Arte do Rio Grande do Sul (MARGS) e o antigo edificio de Correos, case xémeo do anterior polo seu aspecto, que  hoxe alberga o Memorial de Rio Grande do Sul (Centro de información e divulgación da historia e da cultura do Estado). As tres son construcións en estilo neoclásico de comezos do século XX. O Santander Cultural foi adquirido polo banco español para ofrecer mostras de arte e exposicións internacionais que o converten nun dos referentes culturais do país.

Santander Cultural

Memorial de Rio Grande do Sur

Museo de Arte do Rio Grande do Sur

Nas datas da miña visita, os tres espazos anteriores, conxuntamente coa igrexa de Nossa Senhora das Dores e o Quilombo do Areal da Baronesa, están a celebrar a 11ª Bienal de Artes Visuais do Mercosul “O Triângulo Atlântico”, unha ollada sobre as conexións artísticas entre África, Europa e América do Sur dende hai cincocentos anos.

Interior do Santander Cultural

Exposicións da Bienal

Na Praça da Alfândega e nas rúas que saen dende esta hai numerosos vendedores ambulantes. A xente de cor volve ser habitual e o ambiente é moi popular.

A seguinte visita e á Casa de Cultura Mário Quintana -… Clara vai ter razón co da cultura nesta cidade- no antigo edificio do Hotel Majestic. Realmente son dúas construcións de entre 1910 a 1933 unidas cuns pasadizos de varios pisos que van de lado a lado. O Centro Cultural rende homenaxe ao gran poeta brasileiro que aquí viviu dende finais da década dos sesenta ata o ano 1980. En 1990 foi transformado neste espazo que ofrece salas de teatro, sala de exposicións, cine e café-restaurante.

Casa de Cultura Mário Quintana

As dúas últimas paradas do día son na igrexa de Nossa Senhora das Dores, a máis antiga de Porto Alegre, e no Centro Cultural Usina do Gasômetro -…ao final, Clara ten razón!-, unha antiga fábrica que axudou a fornecer de enerxía a cidade. Esta central termoeléctrica de carbón á beira do Lago Guaíba funcionou ata 1974 para se reconverter no ano 1991 –noutro!- centro cultural. O edificio está pechado e en reforma.

Igreja de Nossa Senhora das Dores

Centro Cultural Usina do Gasômetro

A carón do Centro Cultural está o peirao dende onde parten moitas das excursións en barco polo lago e polas illas do Delta do Río Jacuí. O barco Cisne Branco ofrece dúas saídas ao día para un paseo dunha hora por un prezo de trinta reais. As fins de semana e festivos hai unha saída extraordinaria ás catro e media con música en vivo a bordo. A duración é dunha hora e media e custa corenta reais, algo menos de dez euros.

Estraño edificio aínda sen uso a carón do peirao de cruceiros turísticos

Hai outras opcións cos barcos Porto Alegre 10 e o Noiva do Caí que van dende os vinte aos cincuenta reais. Tamén posibilidade de embarque no Cais do Porto. A visión do río e do lago non me resulta moi apetecible e decido pasar do paseo en barco.

Catedral de Porto Alegre

A seguinte escapada dentro da cidade lévame ata a Praça Marechal Deodoro, centro do poder político e relixioso do Estado de Rio Grande do Sul, coa Catedral Metropolitana de inspiración renacentista, o moderno Palácio Farroupilha (Asemblea Lexislativa) e o clásico Palácio Piratini (sede do Poder Executivo). Na mesma praza está o Theatro São Pedro levantado en 1858 e que supuxo todo un fito na vida cultural da cidade.

Noutro momento achégome ao coñecido como “Caminho dos Antiquários”, a rúa que aparece promocionada nos folletos turísticos como o lugar no que abren as súas portas as tendas de antigo. O sitio non ten maior atractivo para os non interesados neste tipo de obxectos e a contorna está bastante deteriorada. En calquera caso, mellor acudir os sábados dende as dez da mañá ata as catro da tarde cando se celebra a Feira de Antigüidades. Evitar os domingos que é cando pechan as tendas.

Arredores do Caminho dos Antiquários

Centro Administrativo do Estado de Rio Grande do Sur, preto do Caminho dos Antiquários

Dentro do barrio da Cidade Baixa e preto do Caminho dos Antiquários hai dúas rúas que fan lembrar un Porto Alegre con máis sabor. A Rua João Alfredo ten algunhas casas cun “lixeiro” encanto, e a Rua Lopo Gonçalves e a súa perpendicular Travessa Venezianos acollen un grupo de casas populares de arquitectura moi sinxela de comezos do século XX. Tamén próximo, o Museu Joaquim Felizardo que funciona como museo histórico de Porto Alegre.

Rua Lopo Gonçalves

Entrada ao Museu Joaquim Felizardo

Unha realidade cultural diferenciada do resto do país que se percibe paseando pola cidade é o chimarrão, a bebida do mundo gaucho (Porto Alegre é a capital gaucha do Brasil). É habitual ve-la xente bebendo polas rúas esta versión local da infusión de mate típica dos seus veciños do Uruguai e da Arxentina.

A noite do sábado achégome á Rua General Lima e Silva, no barrio da Cidade Baixa e un pouca afastada do centro, na que se concentra a actividade nocturna de Porto Alegre. Son numerosos os restaurantes e os bares para tomar copas pero o ambiente é bastante tranquilo en xeral.

Queda para outra ocasión a Fundação Iberé Carmargo por estar pechada nas datas da miña viaxe. O museo ocupa un atrevido edificio do arquitecto portugués Alvaro Siza, sendo a súa primeira obra no continente americano.

Tamén queda no tinteiro o barrio de Moinhos de Vento, o reduto snob da cidade cunha boa oferta de comercios, servizos e algúns dos mellores restaurantes de Porto Alegre. A principal concentración da súa oferta está na coñecida como “Calçada da Fama”, un treito da Rua Fernando Gomes. O considerado como barrio nobre e da elite ofrece algunhas casas de interese histórico e cultural así como a Hidráulica Moinhos de Vento que serviu para o abastecemento da cidade.

Solpor no Delta do Río Jacuí dende a zona da Estación de Autobuses de Porto Alegre

GRAMADO e CANELA

Escaparate en Gramado

Gramado é o destino ao que todo brasileiro quere viaxar dentro do seu país. Un anaco de Centro Europa máis próximo a Baviera ou Suíza que ao resto do Brasil. Nunha paisaxe de media montaña dentro da Serra Gaucha e a unha distancia de 115 km de Porto Alegre é o primeiro destino turístico do Estado de Río Grande do Sul.

Aquí hai unha ausencia absoluta do sabor tropical brasileiro. A combinación entre a inmigración europea, principalmente alemá, e unha climatoloxía relativamente fría (ten nevado en ocasións) deu forma a un recuncho de paisaxes urbanas totalmente atípicas para estas latitudes. Ademais, as autoridades locais e as iniciativas privadas teiman en que Gramado sexa cada día máis bonita. As rúas aparecen moi limpas e cheas de flores. E a seguridade é absoluta. En Gramado xáctanse de non ter cárcere. E os brasileiros gábanse de que haxa unha cidade como Gramado no seu país.

Moitos turistas viaxan a Gramado pola súa tranquilidade, por sentirse seguros, pola súa gastronomía e pola boa calidade de hoteis e restaurantes. Os prezos son bastante superiores a Porto Alegre e iso tamén lle aporta unha auréola de destino selecto para clientes de certo nivel.

Poboada por inmigrantes portugueses, italianos e alemáns é a miúdo comparada coa aldea de La Cumbrecita nas Sierras Pampeanas, preto de Córdoba (Arxentina). Tamén neste caso corren rumores de ser un refuxio para nazis que fuxiron despois da Segunda Guerra Mundial buscando lugares nos que non seren detidos. Pero as diferenzas son notables, La Cumbrecita é moito máis pequena e carece da oferta de servizos turísticos de Gramado. No que si se asemellan é no uso de patróns arquitectónicos centro europeos totalmente fóra de contexto nos países nos que ambas localidades están situadas.

Indiscutíbel ambiente europeo en Gramado

Para chegar a Gramado hai autobuses frecuentes dende a Estación de Autobuses de Porto Alegre. Demoran aproximadamente unha hora e media e custan corenta e cinco reais por traxecto, uns dez euros.

O problema é que Brasil está en folga de camioneiros autónomos dende hai uns días. A chamada “Crise do Diesel” comezou o día 21 de maio como resposta á política errática de alza de combustibles, sobre todo o diésel, por parte da empresa estatal Petrobas. Ademais de manifestacións e paralización de servizos, hai piquetes que pechan a entrada de transportes á maioría das cidades. Hoxe é día 27, o combustible comeza a escasear e os brasileiros de todo o país sofren restricións de varias clases. As gasolineiras só permiten un máximo de litros por coche e as colas son inmensas.

Vou á Estación de Autobuses sen convencemento de que poida viaxar e co risco de que, no caso de facelo nun sentido, non teña autobús de volta a Porto Alegre. Finalmente, o bus sae sen problemas e con moi pouca pasaxe. Na entrada a Gramado somos detidos por un piquete pero deixan que continuemos despois duns minutos. Na viaxe de volta pasaremos sen parar e sen problema ningún.

Unha vez en Gramado non hai moito que ver nin que facer. Asomarse a algúns dos miradoiros sobre o val, tomar algo nunha terraza con música bávara en directo, ou comprar chocolate, unha especialidade local, nalgunha das centos de tendas que enchen a cidade. Tamén hai unha serie de parques e lugares de lecer especialmente preparados para os turistas que visitan a cidade.

Miradoiro sobre o val

Baviera no Brasil

As famosas chocolatarías de Gramado

Gramado pode verse en dúas horas pero tamén se poden pasar algúns días. Depende do ritmo de cada un. De calquera xeito, atopo que Gramado é un destino perfecto para xente local que busca algo diferente dentro do seu propio país, pero non tan interesante para que os vimos de lonxe.

Dúas datas nas que Gramado aparece especialmente animado son durante o Festival de Cine (agosto) especializado en cine de América Latina e do Brasil, e o Natal Luz, as festas de Nadal, o momento de maior afluencia, cando a cidade aparece engalanada ata o paroxismo con decoracións típicas do Nadal e cando son frecuentes concertos e outras celebracións.

Dende a coqueta Estación de Autobuses de Gramado collo un bus local que me leva en quince minutos á vila de Canela. Seica Canela quere seguir os pasos da súa veciña e vai pouco a pouco mellorando a súa oferta.

O principal punto de interese da vila é a Catedral de Nossa Senhora de Lourdes, máis coñecida como a “Catedral de Pedra”. De estilo neogótico inglés destaca pola súa torre de 65 metros. O edificio comezou a ser construído na década dos anos cincuenta e non se rematou ata finais dos oitenta. O interior decepciona unha chisca.

Catedral de Pedra en Canela

Fotos na neve simulada a carón da Catedral de Pedra

De novo a refencia aos “galegos” nun supermercado de Canela

Centro de Artesanía preto da Estación de Autobuses de Canela

O outro grande atractivo de Canela é o Parque Estadual do Caracol, a uns sete quilómetros do centro da vila. A área protexida é de cen hectáreas, das que vinte e cinco están abertas ao turismo a través de sendas e diferentes itinerarios. O seu punto forte é a fervenza cunha caída de 131 metros. Hoxe é domingo e a única forma de achegarme ata alí é en taxi. Os prezos parécenme moi esaxerados e trato de negociar a tarifa. Non chego a un acordo con ningún dos taxistas e deixo a visita para unha futura ocasión.

Regreso a Porto Alegre onde aínda pasarei un par de días longos e aburridos. Saio do sur do Brasil coa convicción de que non é un destino que introducir nunha listaxe de prioridades ao visitar o país. As cidades non están faltas de lugares interesantes pero hai moitos outros destinos que coñecer con moita forza e máis identificados coa imaxe que temos do país.

 

Un comentario en “O branco sur do Brasil-Curitiba, Porto Alegre e Gramado

  1. Pingback: Traballo e pracer no Brasil | Cidadán do Mundo, pero galego

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.