Chego ao outro confín do Mar Mediterráneo cargado de imaxes e, tamén, dalgún que outro prexuízo. As imaxes foron depositándose dende a miña infancia a base das moreas de noticias que xeraron o asentamento do Estado de Israel e os seus conflitos cos seus veciños e coas terras palestinas ocupadas. Os prexuízos veñen dados pola miña tendencia a colocarme da parte dos que sofren e dos que son sometidos contra a súa vontade. Non estou aquí para facer análise política nin para buscar xustificacións históricas a un problema de difícil solución. Non me quero pronunciar en ningún sentido sen maior coñecemento pero…, o meu corazón está na parte palestina.
A viaxe dende Galicia é relativamente cómoda. Voo con Iberia e ao traxecto Santiago de Compostela-Madrid hai que engadir as catro horas de espera en Barajas e outras catro horas e media da ida de Madrid a Tel Aviv. Nesta ocasión vou acompañado da miña amiga vasca Idoia que parte dende o aeroporto de Donostia para coincidir comigo en Madrid.
Saio da miña casa ao mediodía e chego ao meu hotel de Tel Aviv case á medianoite. Perdemos bastante tempo á hora de pasar os trámites de Emigración no aeroporto xa que as colas son interminables e os policías israelís van de vagar. Aínda así, os controis son menos esixentes do esperado e todo flúe sen problemas.
O troco de moeda que ofrecen as oficinas do aeroporto non é interesante por mor das altas comisións que cargan. Para chegar ata o centro, os taxis oficiais ofrecen unha tarifa fixa de 160₪ séquel (ou shéquel/shékel), aproximadamente 38 euros, que se pagan directamente ao condutor. Hai que pasar polo mostrador de taxis en Saídas da Terminal onde entregan un recibo co prezo que deberá ser aboado á chegada ao destino.
TEL AVIV
No meu camiño do aeroporto ao hotel vexo unha cidade ateigada de bandeiras co arco da vella que anuncian a celebración da famosa semana do Orgullo Gay de Tel Aviv.
O meu aloxamento é un hotel moi agradable en pleno paseo marítimo fronte á praia de Trumpeidor. Realmente, a fronte marítima de Tel Aviv é unha praia única, dende a desembocadura do río Yarkon ata o emprazamento da cidade vella de Jaffa, separada por diques e protexida por illas artificiais que vai mudando de nome cada pouco.
www.orchidhotels.co.il/?orchid_tel_aviv=orchid-tel-aviv&lang=en
Moitos dos hoteis de certa categoría nesta zona ofrecen gratuitamente o servizo de alugamento de bicicletas. O carril-bici ao longo da costa é perfecto para coñecer dunha maneira rápida a oferta dos areais da cidade. Non hai elevacións fatigosas pero si numerosos quioscos de praia nos que parar a tomar algo. Pero é importante, para a carteira de cada un, saber dende o primeiro momento que os prezos en Israel son moito máis elevados que en España. O país parece levar unha boa marcha económica e as pagas que reciben os israelís marcan unha gran diferenza cos minguados salarios españois. Hai que contar con que é difícil atopar unha cervexa que baixe dos seis ou sete euros. E se queremos comer…, un prato principal e unha cervexa póñense rapidamente nos trinta euros.
O paseo marítimo, realmente a rúa Retsif Herbert Samuel que vai mudando de nome, é un escaparate da xente que poboa a cidade. É curioso ver unha praia maioritariamente gay á altura do Hotel Hilton e, de forma case inmediata, unha praia para xudeus ortodoxos onde homes e mulleres se alternan segundo o día da semana. Esta última aparece pechada por un alto valado que impide ver a xente que está a bañarse no mar.
Ao final do paseo cara ao norte, e antes de chegar á desembocadura do río Yarkon, está o Porto Vello de Tel Aviv reconvertido nunha ampla zona de lecer chea de cafetarías e pubs. O lugar está un pouco desarranxado pero dá e impresión de ser un punto de encontro para os días de bo tempo. A media mañá aínda hai pouca afluencia que debe ir aumentando a medida que pasan as horas do día.
Eu estou acostumado ás praias salvaxes de Galicia e non me gustan aquelas que teñen unha cidade detrás. Pero debo recoñecer que o principal atractivo de Tel Aviv é desfrutar da súa costa e, sobre todo, da incrible cor turquesa que o Mar Mediterráneo ten nesta parte do mundo.
Tel Aviv foi fundada no ano 1909 nas aforas do porto histórico de Jaffa. A cidade foi construída tan rapidamente para asentar o novo Estado de Israel que xa se fusionou con Jaffa na década dos anos 50. Hoxe é a segunda cidade máis poboada do país despois de Xerusalén se atendemos aos límites municipais, pero a súa aglomeración urbana é moito maior e cos seus 3.900.000 habitantes aglutina a case o 50% da poboación total de Israel.
O feito de que a súa fundación fose recente e as presas á hora de construíla determinan que Tel Aviv sexa un destino pouco interesante dende o punto de vista do seu patrimonio monumental. É unha cidade nova con grandes zonas de pouca calidade construtiva que nestes últimos anos comezou a encherse de rañaceos de nova xeración e de barrios cool nos que se están abrindo restaurantes e bares que aparecen nas revistas de tendencias de todo o mundo. De feito, hoxe en día fálase de Tel Aviv como un destino imprescindible para os que buscan a actualidade cool do planeta. Paseando pola cidade é doado comprobar os esforzos e o investimento dedicado a facer de Tel Aviv un lugar máis cómodo e bonito para vivir.
Un motivo polo que si destaca e polo que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2003 é polos numerosos edificios de estilo Bauhaus que lle valeron o alcume de “Cidade Branca”. A orixe está nos arquitectos xudeus alemás que escaparon a Israel despois da subida ao poder de Hitler e que chegaron a Tel Aviv no momento en que se precisaba dar acubillo aos milleiros de persoas que chegaban ao país. Eses arquitectos viñan fortemente influenciados polos principios da Escola Bauhaus de Weimar e levantaron ata 4.000 edificios que fan de Tel Aviv a cidade con maior número de exemplos de este estilo en todo o mundo. De calquera xeito, o Estilo Bauhaus é sinxelo, escapando de barroquismos e da arquitectura espectáculo, polo que vai interesar unicamente a aqueles namorados da propia Bauhaus ou da arquitectura en xeral.
XERUSALÉN
A segunda xornada da nosa estadía saimos cara a Xerusalén onde pasaremos tres días antes de regresar de novo a Tel Aviv. O transporte máis rápido é o autobús con saída cada dez minutos entre as dúas cidades e un prezo de 16₪, catro euros escasos. Non hai paradas intermedias e demora unha hora de viaxe. No traxecto de volta e no caso, coma o noso, de non necesitar outra conexión é mellor coller o autobús que ten como destino final a Estación de Tren (máis céntrica cá de Autobuses).
Neses días aparecen reportaxes en prensa que falan da liña en construción para o tren de alta velocidade que unirá Tel Aviv e o aeroporto Ben Gurion con Xerusalén nun tempo de vinte e oito e vinte minutos respectivamente. Seica hai empresas españolas envoltas neste proxecto. A liña leva en construción dende o 2001 e parece que vai estar rematada a finais deste ano. Algúns israelís optimistas xa falan dunha rede de alta velocidade que contará cunha prolongación ata Haifa polo norte e a Eilat, cidade de vacacións no Mar Vermello, polo sur.
Nada máis entrar en Xerusalén decátome de que o aspecto urbano e o da súa poboación muda completamente. Esta é unha cidade típica do Mediterráneo tanto na parte antiga como na nova que pide ser paseada a pé en lugar de utiliza-lo o coche. Axiña se percibe unha harmonía urbana consecuencia das leis municipais que obrigan ao uso da pedra cor area típica desta zona no revestimento de fachadas. O ambiente de xente nova e cosmopolita de Tel Aviv deixa paso a riadas de turistas e a un gran número de xudeus ortodoxos. E con eles moitos grupos de policías e militares que se fan aínda máis visibles no Barrio Árabe.
Xerusalén foi durante algúns anos do século XX unha cidade dividida en dúas por muros de formigón onde Xordania controlaba a parte oriental, incluída a Cidade Vella, e Israel a parte occidental que converteu na capital do país. A cidade foi reunificada baixo o mando israelí despois dunha guerra entre os dous países.
Aquí están algúns dos principais lugares sagrados para as máis importantes relixións monoteístas do mundo. O Muro Occidental (unicamente os españois se refiren a el como Muro das Lamentacións) para os xudeus, a única parte que se conserva do segundo Templo de Salomón (ano 515 a. C.) destruído polas tropas romanas. A Cúpula da Rocha, o terceiro lugar sagrado para o Islam despois da Meca e de Medina, onde segundo a tradición o profeta Mahoma ascendeu ao Ceo. E a Igrexa do Santo Sepulcro, a Vía Dolorosa e outros moitos lugares relacionados coa vida e a morte de Xesús.
Comezamos cunha visita guiada privada acompañados por unha delegación de representantes do sector turístico español á que fomos convidados pola Embaixada de España en Israel. Un paseo de tres horas a pé pola cidade vella que percorre algún dos lugares míticos das relixións xudía e cristiá. O guía recóllenos no flamante bulevar Mamilla que parte dende o hotel de luxo do mesmo nome ata as escaleiras que dan acceso á Porta de Jaffa. O bulevar é un centro comercial a ceo aberto agradable e cun bo nivel de tendas.
A Porta de Jaffa é o acceso principal ao Xerusalén intramuros e dende aí parte a rúa que conduce ao Muro das Lamentacións, separando o Barrio Cristián e o Árabe do Armenio e do Xudeu. O Xerusalén antigo é practicamente peonil e está totalmente rodeado por unha alta muralla na que se abren oito portas. Dende a Porta de Jaffa e seguindo o sentido das agullas do reloxo van aparecendo a Porta Nova, a de Damasco, a de Herodes, a dos Leóns, a Dourada, a do Esterco e a de Sión. A Porta Dourada leva pechada dende 1541 por orde dun sultán otomán e, segundo a tradición hebrea, será o lugar polo que entrará de novo o Mesías resucitado ao seu regreso a Xerusalén.
Nada máis pasar a Porta de Jaffa deixamos á dereita a Torre de David, un bastión defensivo con orixes no século III situado dentro dos límites do Barrio Armenio. Dentro da Torre ten lugar un espectáculo de luz e son todas as tardes do que nos falan moi positivamente. Tentamos facer unha reserva pero non hai entradas nin para esa semana (aínda é mércores) nin para a seguinte. Pois si que debe ser bo, si.
A primeira paraxe é na Igrexa do Santo Sepulcro, tamén coñecida como Basílica da Resurrección. Un importe centro de peregrinacións xa que, segundo os Evanxeos, é o lugar exacto onde tivo lugar a Crucifixión de Cristo, o seu enterramento e a posterior Resurrección. É o famoso Monte Gólgota tamén chamado Monte do Calvario. A palabra “monte” é un pouco esaxerada para o que debía ser un pequeno outeiro no seu tempo e que non se correspondería en absoluto coas imaxes que aparecen nos filmes de Hollywood. Dende a explanada de acceso ao templo pode verse unha capela á dereita do edificio cunhas escaleiras exteriores de pedra que, de novo segundo a tradición, ocupa o lugar do mencionado outeiro.
Unha vez dentro hai tres visitas ineludibles: o punto no que estaba cravada a Cruz de Cristo, a Pedra da Unción ou da Deposición e o Sepulcro de Cristo. A pedra da cruz está dentro da capela que ocupa o lugar do Monte Calvario. A Pedra da Deposición, o lugar no que o corpo de Cristo foi preparado para o seu enterramento despois de ser baixado da cruz, está na planta baixa. O Sepulcro é o centro principal do templo, en medio dunha nave circular, e marca o emprazamento no que foi enterrado e onde resucitou o corpo de Cristo tres días despois.
Durante a nosa visita os grupos flúen sen grandes esperas e unicamente atopamos unha ringleira importante para entrar no Santo Sepulcro. Para evitar esperar moito tempo é posible ir por atrás da pequena construción e entrar nunha capela diminuta na que se pode tocar a rocha baixo a que se supón que foi enterrado Xesús.
O mantemento da basílica e os protocolos de culto corresponden ata oito igrexas cristiás diferentes que teñen perfectamente marcados os seus deberes e a parte do templo baixo a xurisdición de cada unha. Segundo o noso guía, ningunha destas igrexas ousa meterse no territorio de outra á vista dos conflitos que esta convivencia ten xerado ao longo da historia.
A Igrexa do Santo Sepulcro non deixará indiferente a ningún crente, tanto pola importancia histórica dos lugares visitados como polas grandes expresións de fe que amosan os seus visitantes.
Saímos do Santo Sepulcro e dirixímonos á Vía Dolorosa, formada por unha serie de rúas estreitas dentro da zona vella de Xerusalén. Comeza no Barrio Árabe preto do Mosteiro da Flaxelación, onde Cristo foi interrogado e condenado por Poncio Pilatos. E remata na Igrexa do Santo Sepulcro seguindo o itinerario que tomou Cristo camiño da súa crucifixión. Conta con quince estacións, nove delas ao longo da Vía Dolorosa e outras seis dentro da propia Igrexa do Santo Sepulcro. Vemos peregrinos que levan unha cruz ás costas a imitación da que tivo que cargar Xesús camiño do Monte do Calvario.
A nosa visita guiada remata no Muro Occidental ou Muro das Lamentacións que aparece rotulado co seu nome en inglés como The Western Wall. Os hebreos consideran este muro de 488 metros de longo, o único que permanece do antigo Templo de Salomón, como o seu lugar máis sagrado. Durante os anos de goberno xordano o acceso ao muro estivo prohibido para os xudeus. Hai unha parte diferenciada para homes e mulleres. O acceso é libre e pode entrar todo o mundo sexa da relixión que sexa. Os homes teñen que poñer na cabeza unha kipá (kippah) ou gorro tradicional xudeu que está a disposición dos visitantes de forma gratuíta á entrada do recinto.
No lateral esquerdo do muro hai unha porta que dá acceso a unha gran sala na que unha morea de ortodoxos de todas as idades pasan o tempo orando freneticamente. A visión de tanto radicalismo relixioso impresiona unha chisca. De novo o acceso está aberto a todos os visitantes de xénero masculino.
A zona de homes e a de mulleres están separadas visualmente por unha pasarela elevada de madeira que dá acceso á Cúpula da Rocha, que se atopa por riba do Muro das Lamentacións. A mal chamada “mesquita” é máis ben un lugar de culto onde xudeus e cristiáns sitúan o sacrificio de Abraham e o Islam a “rocha” dende a que Mahoma subiu ao Ceo. Segundo a tradición hebrea aquí estivo a parte máis sagrada do Templo de Xerusalén de cuxas pedras foi construído o resto do mundo. O templo orixinal foi destruído polos babilonios e reconstruído setenta anos máis tarde polos xudeus que regresaron do exilio, ata que foi arrasado de novo durante a dominación romana. Un lugar controvertido e unicamente accesible para os non islámicos durante tres horas ao día, a partir das sete e media da mañá. O control de acceso está na entrada da pasarela de madeira, preto do Muro das Lamentacións. Hai outras portas cun horario moito más amplo para acceder á Cúpula da Rocha e, á súa veciña, a Mesquita de Al-Aqsa pero están pechadas a aqueles que non profesen a relixión musulmá.

Pasarela de madeira que dá acceso á Cúpula da Rocha e separación entre homes e mulleres no Muro das Lamentacións
A tarde do primeiro día en Xerusalén está ocupada por temas de traballo. Xa de noite, decidimos regresar ao noso hotel entrando de novo pola Porta de Jaffa para seguir pola rúa David e pola rúa Ha-Gay (tamén chamada El-Wad) que atravesa o Barrio Árabe cara á Porta de Damasco. O barrio está moi animado, son días de Ramadán e todo cobra vida despois do solpor. É de noite pecha pero o mercado arredor da Porta de Damasco está moi concorrido. Do mesmo xeito, as patrullas son omnipresentes e atopamos militares fortemente armados cada escasos metros. A decisión de Trump de traslada-la Embaixada dos Estados Unidos a Xerusalén ten ocasionado moitos conflitos nestes últimos tempos. Aínda así, en ningún momento temos a impresión de que a nosa seguridade poida verse ameazada.
O primeiro que facemos no noso segundo día na cidade é mudar de hotel. O Hotel Addar da primeira noite é un auténtico desastre, un tres estrelas bastante decaído cun servizo e unhas instalacións que non chegan a unha estrela. Reservamos un apartamento estupendo no Hotel Hillel 11, na rúa do mesmo nome, por un prezo bastante razoable para o habitual neste país. Preto do noso hotel está a rúa Yafo, a principal rúa comercial e peonil da parte nova.
O resto do día dedicámolo a pasear paseniño todo o Xerusalén vello. Dos catro barrios que comparten a zona interior das murallas, o Barrio Armenio é o máis pequeno e o de menor interese. O Barrio Cristiá é o que acolle a Igrexa do Santo Sepulcro e parte da Vía Dolorosa. O Barrio Árabe é sen dúbida o máis animado e a principal oferta comercial do Xerusalén antigo. E o Barrio Xudeu, o máis coidado, alberga ademais do Muro das Lamentacións numerosas fundacións relacionadas co mundo hebreo.
Entramos no Barrio Xudeu pola Porta de Sión e percorremos a rúa Hakardo que se corresponde coa antiga vía (cardo) da cidade romana. Aínda se conservan algunhas das columnas que a flanqueaban, agora resgardadas baixo unha cuberta protectora. Nesta mesma rúa poden realizarse visitas guiadas á Sinagoga Hurva, a máis importante da zona vella, aínda que o edificio actual é unha reconstrución do ano 2010 sobre o lugar doutra sinagoga histórica.
Regresemos de novo ao Muro das Lamentacións e pasamos bastante tempo recreándonos con locais e visitantes. Tentamos adiviñar os países de procedencia dos xudeus ortodoxos e ultra ortodoxos polo modelo de sombreiro que acostumaban levar no seus países de orixe. Os sefardís que foron expulsados de España polos Reis Católicos distínguense por un chapeu que fai recordar lixeiramente ao sombreiro cordobés.
Saímos Pola Porta do Esterco e baixamos a pé cara ao Val de Cedrón para coñecer a Cidade de David, un recinto arqueolóxico no lugar do primeiro asentamento de Xerusalén do que se conservan restos de vivendas e palacios, túneles e depósitos para auga. Esta parte da cidade foi recuperada para Israel durante a guerra con Xordania do ano 1967 pero a contorna segue a ser de maioría árabe. As escavacións provocaron e provocan grandes enfrontamentos a medida que se van expropiando casas para seguir cos traballos. A estas horas do mediodía vai unha calor insoportable e o recinto está ateigado de escolares que non fan máis que berrar. Decidimos aforrar os dez euros que costa a entrada e regresar de novo ao centro da cidade. De feito, na baixada cara ao val poden verse unha gran parte dos edificios que saíron á luz durante as escavacións e a visita non parece nada excitante.
Xa de regreso cara á parte nova tentamos acceder a Cúpula da Rocha pola entrada preto da Porta Dourada pero somos rexeitados polo control militar. Aproveitamos para coñecer o Mosteiro greco-ortodoxo de Santa Ana onde, segundo a tradición ortodoxa, naceu a Virxe María e viviron os seus pais, Ana e Xaquín. Tamén paramos no veciño Mosteiro da Flaxelación, a segunda estación do Vía Crucis da Vía Dolorosa, un conxunto de edificios que representan os lugares onde Cristo foi flaxelado e condenado a morte por Pilatos. Por suposto, todos estes lugares van ser moito máis apreciados e sentidos por todos aqueles con inquedanzas relixiosas.
De regreso ao noso hotel percorremos por fóra un anaco da muralla entre a Porta de Jaffa e a Porta Nova ata o comezo da rúa peonil Yafo. Na praza da Casa do Concello hai un curioso piano para ser tocado polos viandantes.
Non queremos rematar esta viaxe sen facer unha incursión aos territorios palestinos. O día a día dos telexornais amosan unha realidade moi crúa da que queremos ser testemuñas. Os territorios da Cisxordania (antes Xudea e Samaria e agora denominado West Bank no ámbito anglosaxón) baixo o control da Autoridade Palestina (o Al-Fatah de Yasser Arafat) foron reducíndose a medida que pasaban os anos do século pasado e neste momento limítanse a unha serie de áreas inconexas progresivamente colonizadas por Israel. Israel considéraos territorios en disputa por non ter unha soberanía anterior evidente e pouco a pouco vai rabuñando novos anacos. De feito, a cidade de Bethlehem, un dos principais centros de poboación de Palestina, está a tan só dez quilómetros de Xerusalén.
Nun principio, a mellor opción para entrar en contacto con Palestina pasa por apuntarse a unha das numerosas excursións que ofrecen as axencias locais e, dese xeito, coñecer dous dos seus principais lugares históricos: Bethlehem (Belén), onde a tradición cristiá coloca o nacemento de Cristo, e Jericho (Xericó), que pasa por ser unha das primeiras cidades da humanidade e a que conserva os restos da muralla máis antiga do mundo.
Os prezos “económicos” que atopamos para grupos organizados varían entre os 125 e os 132 dólares americanos por persoa, sen incluír nin entradas nin manutención. Grazas á información facilitada pola recepcionista estadounidense do noso hotel conseguimos un coche con guía e á nosa disposición por un total 240 euros. Temos dende as oito da mañá ata o solpor e podemos marcar o noso propio ritmo e horarios. Tamén negociamos para, polo mesmo prezo, incluír a visita aos diferentes lugares históricos do mítico Monte das Oliveiras e ao punto no Río Xordán que aparece relatado no Novo Testamento como lugar do bautismo de Xesús por parte do seu primo Xoán “O Bautista”.
Polo tanto, o noso terceiro día saímos de mañá cedo cara ao Monte das Oliveiras, unha montaña visible dende a zona vella de Xerusalén pero a suficiente distancia para que sexa preciso ir en coche. O monte é un labirinto de estradas estreitas que comunican varios lugares moi transcendentes para a relixión cristiá. Os grupos que chegan en autobús teñen que realizar algúns treitos a pé pola imposibilidade de pasar co vehículo. No caso de dispoñer de coche e de saber como moverse, as visitas de todos os lugares de interese poden ser realizadas nunhas dúas horas.
A primeira paraxe é no alto, no miradoiro dende o que vemos unha vista espectacular da aba da montaña cuberta por un cemiterio hebreo que baixa cara ao Río Cedrón. Este inmenso cemiterio acolle máis de 150.000 tumbas, algunhas que se remontan aos tempos bíblicos. É o máis cotizado do país e xudeus de todo o mundo pagan cantidades asombrosas para estar máis preto da Porta Dourada, aquela pola que vai entrar de novo o profeta no seu regreso a Xerusalén. Curiosamente, na aba que sube cara á Cidade Santa dende o Río Cedrón, na zona inmediata á Porta Dourada, hai un tamén inmenso cemiterio musulmán que “protexe” a porta tapiada. Loita de crenzas ata despois de mortos, cousas das relixións! Dende o miradoiro hai unha moi boa panorámica sobre a cidade vella, sobre as murallas e sobre a Cúpula da Rocha, esta última facilmente recoñecible pola súa cuberta dourada.
A seguinte paraxe é no Edículo da Ascensión, un recinto amurallado cunha pequena capela octogonal no centro que alberga a pedra dende a que Xesús ascendeu ao Ceo. En tempos de Saladino foi convertida nunha mesquita e aínda permanece un minarete apegado á parte exterior do muro do recinto. Á primeira hora da mañá aínda hai poucos visitantes pero amosan o mesmo fervor relixioso que noutros lugares santos. A entrada é de cinco séquel.
Moi preto deste edificio está a Basílica e a Gruta do Noso Pai onde, segundo a crenza cristiá, Xesús instruíu aos seus apóstolos e aprendeulles a reza-lo Noso Pai. Á gruta está debaixo da basílica e para entrar hai que pagar unha pequena cantidade de 10₪. O acceso faise por un mosteiro carmelita de clausura da segunda metade do século XIX en cuxo claustro poden verse paneis cerámicos coa oración do Noso Pai en máis de trinta linguas, o galego e o éuscaro entre elas.
Aínda visitamos a igrexa coñecida como Dominus Flevit ou Igrexa do Pranto de Xesús. Unha construción recente do ano 1955 con forma de bágoa no lugar no que Cristo chorou pola cidade de Xerusalén. Detrás do altar hai unha ventá para rememorar a vista que Xesús tivo no seu día. Á entrada do recinto (gratuíta) hai restos dun cemiterio xudeu-cristián e sartegos romanos de comezos da nosa era. Dende o miradoiro hai unha boa vista sobre as cúpulas douradas da Igrexa Ortodoxa de Santa María Madalena.
A última paraxe no monte é na súa parte máis baixa á beira do río Cedrón (Kidron), un punto dende o que visitar a pé o Horto das Oliveiras, a Basílica das Nacións e, doutro lado da estrada, o Sepulcro da Virxe María.
O Horto das Oliveiras ou de Getsemaní é un pequeno xardín con oliveiras centenarias onde Xesús acostumaba retirarse para orar e onde foi arrestado froito da traizón de Xudas Iscariote a noite despois da Última Cea e antes da súa crucifixión. A entrada ao xardín é gratuíta e dá acceso á Basílica das Nacións, tamén chamada Basílica de Getsemaní e Igrexa da Agonía. Este templo católico de aspecto bizantino foi construído a comezos do século XX con diñeiro achegado por quince países principalmente católicos, entre eles España.
O Sepulcro é o lugar do enterramento da Virxe María para os cristiáns ortodoxos. Os católicos son da crenza de que a Virxe, igual que o seu fillo, ascendeu aos Ceos. Realmente vemos unha igrexa construída polos cruzados no século XII sobre outra anterior destruída por Saladino durante a conquista de Xerusalén. Unha escaleira empinada conduce ata as tumbas de María, Xosé e os país da Virxe, Xaquín e Ana. A entrada é gratuíta pero non se admiten pantalóns curtos. Os católicos que queiran coñecer o lugar da Ascensión de María deberán achegarse á Abadía de Hagia María no Monte Sión, doutro lado da cidade.
Para coñecer o programa do resto deste día compre visitar o post Palestina
YAFO E TEL AVIV (DE NOVO)
Despois de Xerusalén e Palestina regresamos de novo a Tel Aviv para pasar outros dous días máis de estadía nesta metrópole.
Nada máis chegar dirixímonos ao noso hotel, un novo establecemento para esta segunda estancia. O Hotel Florentin House, na rúa Florentin, é unha especie de mestura entre albergue e hotel boutique. O aloxamento ofrece dormitorios comúns para tamén cuartos individuais e con baño moi ben equipados e con certo deseño contemporáneo. O prezo de 120 € por noite e cuarto é esaxerado pero Tel Aviv está ateigada por mor da celebración do Orgullo Gay. A rúa do hotel ten un ambiente de xente nova e moderna con numerosos restaurantes e galerías de arte. O barrio que a arrodea está en plena transformación e parece que en pouco será unha nova veciñanza cool de Tel Aviv.
O programa para hoxe é sinxelo: Tel Aviv celebra un dos Gay Pride de máis sona desta parte do mundo ao que acode xente de toda Europa, de Australia e dos Estados Unidos. Hoxe é oito de xuño e aquí celebran un Orgullo madrugador para non entrar en competencia con outros tan famosos como o de Ámsterdam, Berlín e Madrid. Tamén é venres e sabbath, o día de descanso absoluto dos xudeus practicantes. Así que o Orgullo de Tel Aviv é madrugador tanto na data de celebración como nas horas do día nas que ten lugar o festexo. Supostamente ás ultimas horas deste día os xudeus teñen que parar a súa actividade ata o domingo.
O desfile de carrozas sae ás doce do mediodía e transcorre pola avenida litoral en paralelo ás praias do centro da cidade. A participación é alta pero non chega aos niveis de Madrid. O bo tempo aporta un aire estival e de festa. Tres horas despois o desfile remata e a xente amoréase a bailar no Gay Village do Parque Charles Clore, tamén á beira do mar e preto do Vello Yafo.
Pola tarde aproveitamos para ir pasear polo bulevar Shderot Rothschild, o paseo elegante de Tel Aviv, pero non vemos nada que esperte o noso interese. Xa de regreso cara ao Gay Village pasamos polo mercado Shuk ha Carmel que ferve de actividade a esta hora da tarde. Aproveitamos para facer un xantar-cea no Restaurante Market ambientado con música e xente divertida.
De novo no Parque Charles Clore chegamos a tempo de ver a actuación da cantante israelita Netta Barzilai que coa súa canción “Toy” gañou o último Festival de Eurovisión celebrado en Lisboa (e que, por certo, tiven oportunidade de ver en directo en Portugal). Netta limítase a cantar o seu éxito gañador xa que esa mesma noite ten outra actuación e de pagamento.
Ás sete en punto da tarde a música para definitivamente. Algúns israelís teñen a súa cita co sabbath e outros, incluídos os estranxeiros, diríxense ás festas privadas do Orgullo.
Ao día seguinte, e último día en Israel, achégome a pé a Jaffa/Yafo, un dos portos máis antigos do mundo operativo dende hai 4.000 anos. Yafo xa non ten o esplendor portuario do pasado pero o seu conxunto urbanístico pasou a converterse na zona vella que Tel Aviv non ten de seu. O lugar é moi agradable con teatros, xardíns, museos, galerías de arte e tendas de recordos. Ademais, a zona próxima ao mar está chea de terrazas moi apetecibles para tomar algo e ver pasa-la xente.
Yafo é unha opción perfecta para un día de sabbath. Mentres Tel Aviv aparece pechada a cal e canto, nesta zona da cidade hai moitos restaurantes e tendas abertas, e, sobre todo, un bo ambiente de rúa.
Yafo é tamén, segundo a tradición cristiá, o lugar no que San Pedro tivo a visión que o empurraba a predicar a súa nova fe, o intre no que o Cristianismo pasou de ser considerada como unha seita esotérica do Xudaísmo a unha nova relixión que se expandiría por todo o mundo.
Por outra banda, no parque que está por riba do porto hai unha pequena ponte coñecida como a “dos desexos”. Segundo unha lenda moi antiga, calquera que pase pola ponte portando o seu signo do zodíaco e mirando ao mar verá como os seus desexos se fab realidade. Pero a realidade, a de verdade, é que esta zona de Yafo serve como estupendo miradoiro sobre as praias e os rañaceos de Tel Aviv.
Aproveito para facer un xantar tardío no restaurante con nome en hebreo do número 14 na rúa Hazorfim, pola parte de atrás do outeiro de Yafo. Pido un dos pratos nacionais composto por ovos con berenxenas e prebe de tomate que parece bastante caro para a sinxeleza dos seus ingredientes e preparación. Pero quedo abraiado cos aperitivos que acompañan gratuitamente ao prato principal. Non hai máis que ver a fotografía para entendelo.
Regreso a pé ao meu hotel para deitarme cedo. O taxi para levarme ao aeroporto vén a recollerme á unha da madrugada como consecuencia das tres horas que esixen as autoridades israelís para realizar os trámites de seguridade antes da saída do voo. De novo, como á chegada, paso todos os filtros sen ningún problema.
Pingback: Palestina (Cisxordania), onde todo comezou | Cidadán do Mundo, pero galego