Para coñecer o programa deste día e o resto da estadía en Terra Santa consultar o post Israel
Despois de visitar o Monte das Oliveiras saímos cara a Bethlehem (Belén). Durante os escasos dez quilómetros que separan ambas cidades temos tempo de ir coñecendo algúns feitos do día a día en Palestina que contrastan coas imaxes preconcibidas que tiñamos.
O noso guía-chofer é musulmán con nacionalidade israelí e proporciona moita información que nos axuda a interpretar a realidade dos dous países. Seu pai, de orixe palestina, vivía en Xerusalén cando o asentamento do estado de Israel e por esa razón, ao igual que o outro 21 % da poboación árabe deste país, recibiu a nacionalidade israelí.
Pero non nos queda moi claro a súa situación; ao longo da viaxe descubrimos que tamén ten pasaporte xordano o que, segundo as súas explicacións, é compatible co pasaporte israelí (?). Logo comenta que esta situación de convivencia entre os dous pasaportes ten data de caducidade e que en breve terá que escoller unha das dúas nacionalidades. Tamén segundo as súas explicacións, a maior parte dos palestinos de Cisxordania teñen pasaporte xordano e para as súas saídas ao estranxeiro utilizan o aeroporto de Amán. Unha ponte sobre o Río Xordán exclusiva para palestinos permite o paso destes a Xordania para a súa comunicación co resto do mundo. A ponte está preto da cidade de Jericho (Xericó).
Dende a fiestra do coche e durante os nosos paseos a pé percibimos un nivel de vida superior ao que a renda per capita de Palestina pode facer supoñer e moi superior ao das imaxes que vemos habitualmente na televisión. Palestina aparece más limpa e ordenada do esperado.
Posiblemente esas imaxes negativas ás que estamos acostumados correspondan a sitios menos turísticos ou a esa outra parte de Palestina que é a Franxa de Gaza. Gaza é outra historia e o noso chofer dános referencias moi negativas sobre a vida diaria e sobre a seguridade dos visitantes nese lugar. O Movemento de Resistencia Islámica (Hamas) que goberna en Gaza está acusado como organización terrorista por varios países e non mantén boas relacións cos outros territorios palestinos baixo o goberno de Al-Fatah. Gaza é como unha gran prisión, sen apenas territorio e cunha densidade de poboación ao nivel de Hong Kong ou Singapur. Un lugar sen fontes de riqueza coñecidas no que a vida debe ser moi dura.
Dende Xerusalén vamos por unha autoestrada baixo control israelí pero totalmente arrodeada por territorios baixo o goberno da Autoridade Palestina. Uns grandes letreiros vermellos a ambos lados fan lembrar aos israelís da inconveniencia de saírse da estrada. Non pasamos ningún control evidente, nin israelí nin palestino. Unicamente baixamos a velocidade nunha cabinas en metade da autoestrada onde o noso chofer se limita a baixar as xanelas para que poidan vernos as caras. Ou ben temos caras que gustan en Israel ou ben o noso taxi ten permiso para moverse libremente por ambos os territorios.
Entrando en Belén constatamos a proximidade dos asentamentos israelís. Costa definir que vivendas pertencen a un lado ou ao outro. Imaxinabamos os asentamentos xudeus como un conxunto de vivendas modestas e con poucos servizos, ousadías arriscadas de pioneiros extremistas, pero o que vexo son modernas urbanizacións de bloques de edificios coas mesmas comodidades que calquera cidade dormitorio española. Pero a proximidade de Xerusalén pode influír neste feito, habería que coñecer outros asentamentos en zonas máis afastadas.
A nosa primeira parada é á entrada de Belén, nunha gasolineira da que colga un gran mural de Banksy, o pintor de graffitis que saltou á fama polo seu compromiso social e polo impacto emocional das súas creacións. Bansky é o alcume dun artista de rúa británico do que se descoñece a súa biografía e, incluso, o seu propio aspecto. A imaxe da gasolineira é un canto á reconciliación, un palestino en plena Intifada lanzando flores en lugar de pedras. Esta icónica imaxe serviu de portada para o libro “Wall and Piece” editado no ano 2005.
Viaxe de Bansky á Franxa de Gaza:
Cruzamos a cidade de Belén para achegarnos de novo aos límites entre Cisxordania e Israel. Aquí, o goberno israelí ergueu un muro de formigón de ata sete metros de altura coa desculpa de impedir os ataques contra os vehículos que circulan polas estradas israelitas. Muros e torres de vixilancia son un dez por cento da barreira defensiva aprobada polo goberno hebreo no ano 2002, composta por valados e aramados na maioría do seu trazado.
Preto do muro hai unha segunda obra de Bansky, unha pomba da paz no obxectivo dunha arma de fogo coa que resume as razóns polas que viaxou a esta parte do mundo: “Pareceume excitante transformar a estrutura máis degradante do planeta na galería máis grande do mundo e fomenta-lo libre discurso e a mala arte”.
No anaco do muro que pateamos vemos algunha outra obra de Bansky e graffitis de moitos anónimos. Un par de tendas próximas venden sprays de tinta para que quen queira poida deixar a súa mensaxe. Tamén visitamos o veciño Hotel Walled Off, anunciado como o aloxamento “coas peores vistas do mundo”. O muro está a tan só uns poucos (moi poucos) metros. Todas os cuartos deste hotel inaugurado no ano 2017 son obra de Bansky. A orixinalidade está garantida pero as tarifas para aloxarse son bastante altas. A entrada á recepción e a unha sala de exposicións (1º andar) de novos valores palestinos é gratuíta. Dentro do hotel tamén hai un pequeno museo cunha estatua de Lord Balfour asinando a declaración de 1917 pola que se daba apoio “ao estabelecemento dun fogar nacional para o pobo xudeu na rexión de Palestina”.
Aí deixo un link ao xornal El País coa historia do hotel Walled Off
Regresamos ao centro de Belén e despois de pasar polo seu agradable mercado entramos na Basílica da Natividade (S. XII), sobre o lugar no que naceu Cristo. O acceso é unha porta minúscula e temos que agacharnos para poder pasar. Nada que ver coa nave inmensa que atopamos doutro ladro. Debaixo da igrexa está a gruta orixinal na que tivo lugar o nacemento do Neno Xesús e onde recibiu a visita e os agasallos dos Tres Reis Magos.
Hai unha fila enorme de xente esperando para baixar á cripta e fálase de dúas a tres horas para poder entrar. Os que teñan moito interese e non teñan paciencia para a espera poden negociar cos guías locais e entrar pola parte de atrás. As cantidades que piden son abusivas, 100 ₪ (24 €) para dúas persoas, pero é doado chegar a un acordo asumible. Nós pasamos dos pillabáns que queren aproveitarse dos visitantes e, polo tanto, tamén de baixar á cripta. Conformámonos cos estupendos mosaicos que apareceron coas obras executadas na nave da basílica.
Na nosa saída de Belén facemos unha breve paraxe na Gruta do Leite, a tres metros de profundidade por debaixo da Igrexa do Repouso da Virxe. Aquí é onde o Neno Xesús foi aleitado por primeira vez (e é aquí onde Idoia e máis eu confirmamos o noso gran descoñecemento sobre a historia de Cristo e a mítica do cristianismo). A gruta é un lugar de moita devoción a María por parte das nais de familia, tanto cristiás como musulmás. A entrada á Basílica da Natividade e a Gruta do Leite son gratuítas.
Seguimos camiño cara á cidade de Xericó e pouco antes de chegar desviámonos ata a beira do Río Xordán, ao lugar no que Cristo foi bautizado por Xoán “O Bautista”. Ese punto en concreto está protexido por valados (e minas segundo o noso guía) e baixo o control israelí. Temos que parar nunha caseta á entrada onde nos falan en castelán para comprobar a nosa nacionalidade.
O río é unha pequena decepción máis aló do seu valor simbólico: un curso moi estreito de augas estancadas de cor verde. A outra beira é territorio xordano e ambos os lados aparecen acondicionados para recibir visitantes. A proximidade é tal que “case” poderíamos saltar dunha beira á outra. No Río Xordán non hai moito máis que facer que ser bautizado (no caso de traer unha persoa que poida oficialo) ou recoller auga bendita (?) para levar a casa.
Deixamos o Río Xordán e en escasos minutos entramos na cidade de Xericó, menos compacta e con menos sabor do que desprendía Belén. O principal atractivo dunha das cidades máis antigas do mundo é visita-las ruínas do seu primeiro asentamento, un lugar no que se atoparon evidencias dunha morea de civilizacións. A visita parece unicamente interesante para os que saiban interpretar os lugares arqueolóxicos nos que, máis que ver, hai que imaxinar o seu aspecto pasado. Tampouco nos anima moito as altas temperaturas que estamos a sufrir. Acadamos rapidamente os 38 graos como consecuencia dos 223 metros baixo o nivel do mar nos que está asentada a cidade de Xericó.
A carón das ruínas hai un centro turístico dende onde sae un teleférico que aparece anunciado coma o “O teleférico máis longo do mundo debaixo do nivel do mar”. Realmente son tan só 1.350 metros de percorrido que levan ata o Monte Carantania ou Wadi Kelt, un pequeno macizo pelado con estupendas vistas sobre a chaira de Xericó. A tradición fala de Carantania como o Monte das Tentacións, o lugar onde Cristo pasou corenta días de xaxún e oración e onde foi tentado polo diaño en varias ocasións.
O teleférico fai unha paraxe repentina en medio do percorrido que provoca un pequeno susto. O prezo é de 60₪ (14 €) ida e volta e o treito máis próximo á saída permite ver bastante ben o que queda do Xericó antigo. Unha vez arriba hai que subir unha chisca máis ata o mosteiro greco-ortodoxo de San Xurxo de Koziba, unha construción literalmente pendurada do baleiro. Chegamos ás catro e vinte, dez minutos antes do peche, pero o acceso ao mosteiro xa está trancado con cadeado. Paseamos, non sen certo perigo, polo borde do abismo para ver as múltiples covas poboadas por ascetas e eremitas durante os primeiros anos do cristianismo. O restaurante miradoiro situado por debaixo da estación do teleférico xa está pechando e non ten nada para comer nin tampouco bebidas alcohólicas. Tomamos o teleférico de volta algo esfameados e coa pena de non poder entrar no mosteiro, pero sentimos que as vistas dende o alto compensaron a visita a Xericó.
Regresamos a Xerusalén a onde chegamos unha hora despois. A sensación do día é agridoce, por unha parte parécenos terrible toda a situación que está a vivir esta parte do mundo, pero, por outra, imos lixeiramente reconfortados por atopar unha Palestina (polo menos esta Palestina) onde a vida parece menos dura do que nós imaxinabamos.