Esta viaxe estaba cantada despois da nosa escapada de hai dous anos ao Festival de Teatro de Almagro. Había que repetir e pronto. A fórmula de viaxar por España co gallo da asistencia a algún dos numerosos festivais de teatro que se celebran durante a tempada estival parécenos perfecta para coñecer mellor o noso país.
Formamos o mesmo equipo que naquela ocasión: o tándem Chelo&Fernando, amigos aos que me unen case trinta anos en común, e, a miña colega e amiga, Carmen. Os catro estamos encantados coa combinación de teatro e turismo. Daquela en Almagro compenetrámonos tan ben que non dubidamos en apuntarnos a esta nova iniciativa.
O proceso é sinxelo. Primeiro hai que escoller a obra ou obras do gusto de todos para poder comprar as entradas en canto se poñan á venda. Logo, reservar o aloxamento antes de que se esgoten as prazas ou estas suban de prezo desmedidamente. E por último, definir os lugares que quedan en ruta e paga a pena visitar para deseñar un itinerario coherente. Isto último non é sempre doado cando somos persoas que viaxamos por separado e, ademais, o facemos a miúdo. A ninguén lle peta moito regresar de novo a un lugar que acaba de visitar ou que xa coñece abondo.
É unha evidencia que os meus colegas asumen que se eu formo parte do grupo vou ser o encargado de organizar a ruta e de reservar os servizos necesarios. Eles quéreno así e eu tamén. A miña experiencia viaxeira valídame ante os demais e a miña propia esixencia fai que viaxe incómodo se non levo o control da ruta (algo malo tiña que ter viaxar tanto…).
O FESTIVAL
Este ano decidímonos pola 64 ª Edición do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida (así de suntuoso é o nome!) que se celebra durante oito semanas, dende o 29 de xuño ata o 26 de agosto.
Un total de oito obras de teatro e un espectáculo de danza baseados nos clásicos para seren representados no teatro romano da capital estremeña: Nerón, Fedra, Filóctetes e Ben-Hur entre elas. E Electra, a obra coa que arranca o Festival, interpretada polo Ballet Nacional de España.
O Festival diversifica as súas sedes e, como en anos anteriores, potencia as representacións teatrais noutros tres enclaves históricos. O teatro romano de Medellín, no concello pacense do mesmo nome, acolle tres obras distintas cunha única representación cada unha delas. O tamén teatro romano de Regina (Casas de Reina), preto de LLerena, ten unha única cita coa obra Viriato. E o xacemento romano de Cáparra (Oliva de Plasencia) presenta unha pequena programación de catro días con outras catro obras diferentes.
A programación do Festival complétase con actividades como conferencias, xornadas, contacontos, exposicións… Por suposto, sempre relacionadas co mundo clásico, coa presenza e historia de Roma e coa cultura e o teatro.
A diferenza do Festival de Almagro, en Mérida hai unha soa sede, o Teatro Romano, na que se representa a mesma obra de mércores a domingo. Polo tanto, a única posibilidade que temos os que vimos dende outra comunidade para ver máis dunha obra é facelo coincidir coa programación de Medellín, Regina ou Caparra, dúas localidades na provincia de Badaxoz e unha na de Cáceres, ou ben programar unha estadía mínima de domingo a mércores. Deste xeito poderiamos asistir á última representación dunha obra e á primeira da seguinte.
Compramos as entradas a principios de abril, o primeiro día que se puxeron á venda. A compra podía facerse tanto por teléfono coma pola Internet. O prezo das entradas comeza en 14 € e vaise incrementando dependendo da mellor ou peor situación no recinto. A única obra que se representa nas datas que podemos viaxar é Ben-Hur, a posta en escena da novela creada por Lewis Wallace. Escollemos asentos centrados na cávea central, unha boa posición para ver as obras de preto, e pagamos trinta e poucos euros por persoa.
Estou a escribir este post en agosto e, consultando a web oficial do Festival, aínda atopo entradas dispoñibles ata final de mes para a maioría das representacións de Mérida e dos escenarios alternativos. A longa duración do Festival e o grande aforo do Teatro Romano inflúe para que, tamén a diferenza de Almagro, sexa máis doado conseguir lugar nas obras representadas.
A nosa cita é o venres seis de xullo ás dez da noite. Esa é a hora na que abren as portas do teatro, pero a representación non empeza ata corenta e cinco minutos máis tarde. Malia as moreas de persoas, o ingreso ao recinto faise amodo e sen atoamentos.
Nada máis franquear a entrada atopamos un bar cun agradable ambiente chill out. O lugar é un miradoiro perfecto sobre o teatro que, de noite e iluminado, loce espectacular. E ademais serven cervexa Estrella Galicia a un prezo razoable. Todo un privilexio! Pola zona traseira de acceso á cava teatral hai varias barras nas que os surtidores de Estrella Galicia volven ser os protagonistas.
Durante a tarde, os meus compañeiros de viaxe preocupáronse de procurar coxíns cos que suavizar a dureza das gradas. Varias visitas a tendas de chineses ata dar co produto axeitado. Pola noite, somos os únicos cuns elementos totalmente innecesarios. Ao chegar aos nosos lugares comprobamos que a organización xa prové de moles coxíns nos que aparece rotulado o número do asento.
Polo que respecta á obra representada, a mellor definición deuma un amigo por teléfono antes do seu comezo: “Ben-Hur, unha entretida e simpática mariconada”. Eu mesmo non conseguiría atopar mellores cualificativos para describila.
Este Ben-Hur é unha versión escrita polo actor galego Nancho Novo sobre a obra orixinal de Wallace. A dirección corresponde ao grupo Yllana e entre os actores de sona están Eva Isanta (Aquí no hay quien viva e La que se avecina) e Agustín Jiménez, posuidor dunha ampla traxectoria en teatro, televisión e cine. Ben-Hur é unha nova e orixinal ollada sobre o mítico persoeiro dende a perspectiva do humor e cun alto contido de temática gay. A obra, tal e como anuncia o folleto, tamén é novidosa polo uso de efectos especiais moi logrados que fan lembrar un 3D, pero sen necesidade de gafas específicas. Como dato curioso, no gag sobre a chegada da Virxe María e San Xosé a Belén ambos os dous teñen un marcado acento galego e comentan que chegan de viaxe dende o “norte”. Cousas de Nancho Novo, supoño.
Pasamos un bo momento e rimos abondo pero, quizais, non sexa a obra que esperariamos dun Festival de Teatro Clásico. Coido que unha versión máis xunguida ao orixinal tería máis xeito para o lugar no que estamos.
Arredor do recinto hai varios restaurantes que seguen abertos despois da representación teatral. Non tardamos en atopar unha mesa baleira e rematar o día ceando un dos mellores bocadillos de xamón ibérico de toda a miña vida.
A VIAXE
DÍA 1 Sotoserrano
Saímos de Santiago de Compostela un mércores ao mediodía despois de traballar. Chelo e Fernando marcharon antes de Vigo para achegarse á miña casa no Concello de Teo, preto de Compostela, e deixar o seu coche vixiado durante os días da viaxe. Aínda non deran as tres da tarde cando nos pomos en marcha. Non chegamos ata a hora de cear despois de realizar unha breve paraxe no camiño para tomar algo.
Son 520 km os que nos separan do noso primeiro destino: a aldea de Sotoserrano, no val de Las Batuecas, ao sur da provincia de Salamanca. Pasamos da verde Galicia á estepa castelá de Zamora e ás devesas taurinas de Salamanca para entrar de novo nunha zona verde de montaña: a Sierra de Francia. Esta serra é o tramo medio do macizo montañoso (Sistema Central) que separa a meseta castelá das terras estremeñas.
Pero Sierra de Francia é máis coñecida polos conxuntos históricos ben conservados que acolle entre as súas abas que polos seus valores naturais (que tamén!). Hai cinco aldeas que deberían estar indubidablemente en calquera itinerario pola zona: La Alberca, Miranda del Castañar, Sequeros, Mogarraz e San Martín del Castañar. Sotoserrano, a aldea onde imos pasar a noite, non é ningunha delas pero está perfectamente situada como base para coñecer a zona.
Durmimos nun hotel sinxelo, como os do resto do percorrido, pero bastante xeitoso e con certo encanto. É o establecemento de propiedade municipal Hotel Rural Sierra de Francia que ocupa un bonito e antigo edificio enxebre desta zona. Está nunha rúa estreita a escasos metros da Praza Maior, onde se atopa a Casa do Concello e a Casa del Reloj. A aldea tamén ofrece outros aloxamentos, cafeterías e un par de restaurantes onde probar a gastronomía local.
www.hotelruralsierradefrancia.com/
Sotoserrano é unha localidade agradable e bastante puxante por contar cun par de empresas especializadas en embutidos e con cooperativas para o tratamento das cereixas. Non hai que esquecer que estamos a pouca distancia do Valle del Jerte, posiblemente a zona produtora de máis sona de España.
DÍA 2 Las Batuecas/Sierra de Francia e Plasencia
O programa do día pasa por visitar o patrimonio arquitectónico e etnográfico dos cinco Conxuntos Históricos xa mencionados. Hai un sexto, a localidade de Villanueva del Conde, que foi declarado recentemente e que deixamos para outra ocasión.
As distancias entre as aldeas son curtas pero as estradas que as unen están en obras e incluso cortadas, obrigándonos a dar grandes rodeos coa consecuente perda de tempo. Todas elas son lugares ideais para pasar unha ou varias horas paseando e visitando os seus monumentos. Os servizos de restauración van dun mínimo dun restaurante (Sequeros) ata unha oferta bastante completa en varias das aldeas.
Principiamos por LA ALBERCA, a primeira localidade de España en conseguir a declaración de Conxunto-Histórico Artístico alá pola década dos anos 40 do século pasado. Hoxe en día é a aldea máis coñecida e visitada da serra. A máis turística. Tamén a mellor preservada con moitas fachadas dos séculos XVIII e XIX.
La Alberca está chea de tendas onde mercar artesanía, cereixas en tempada e os riquísimos embutidos da zona. Os puntos de referencia son a Praza Maior e a Praza da Igrexa. Fronte á igrexa hai a escultura dun porco, o “Marrano de San Antón”, que simboliza unha antiga tradición que podemos coñecer persoalmente no caso de achegarnos ata aquí na segunda metade do ano.
La Alberca tamén alberga o Museo de Trajes y Joyas Populares, a Casa Museo Sátur Juanela e outros puntos de interese.
A seguinte aldea é MOGARRAZ, toda unha sorpresa que a converte deseguido na nosa preferida. Niso estamos todos de acordo. Cunha orografía en pendente, o lugar é moi bonito aínda que cun nivel de conservación unha chisca inferior ao de La Alberca.
Mogarraz é tamén coñecida pola súa actividade artesanal en coiro, polos seus bordados e, sobre todo, pola filigrana en prata e ouro. Todo isto pode verse no seu pequeno Museo Etnográfico “La Casa de las Artesanías” (2 €) situado na praza principal da localidade. Outras visitas interesantes son á Igrexa de Nosa Señora das Neves, á ermida do Humilladero e a un Calvario do século XVI, este último na estrada que vai cara a Miranda del Castañar.
Un pouco antes do Calvario está o Restaurante Mirasierra, un dos de máis sona da zona con corenta anos de traxectoria. Especializado en gastronomía salmantina ofrece vistas estupendas da serra. Pero non é barato.
www.restaurantemirasierra.com/
Porén, o que realmente fai de Mogarraz un lugar diferente e a nosa aldea preferida é o proxecto Retrata 2/388. A idea xurdiu hai moi poucos anos e consistiu en recuperar o arquivo do fotógrafo local Alejandro Martín para decorar a maioría das fachadas da aldea con fotografías de moitos dos seus moradores pasados e presentes. A viúva do fotógrafo cedeu os 388 retratos feitos no ano 1967 para o carné de identidade dos maiores de idade que nese momento residían en Mogarraz. Con eles, o pintor local Florencio Maíllo realizou outras tantas pinturas sobre chapa metálica que no ano 2012 foron colgadas das fachadas da aldea. O proxecto foi subvencionado pola Deputación de Salamanca.
Tan só espero que a idea permaneza no tempo e os cadros vaian sendo restaurados a medida que se deterioren. Dende logo, o feito de conxugar as paisaxes urbanas cos seus moradores fan de Mogarraz un lugar senlleiro e con moita personalidade.
SEQUEROS é, pola contra, unha pequena (pero moi pequena) decepción. Lemos nos folletos turísticos sobre o seu pasado como capital administrativa da Sierra de Francia dende 1834. Era a poboación onde había que acudir para solucionar calquera papelame. A aldea foi dotada de servizos como centro comarcal. Porén e malia ese feito, o conxunto resúltanos menos interesante cás outras aldeas visitadas.
Aquí priman as fachadas en cantería de granito sobre as de armazóns de madeira. Froito do seu pasado como capital comarcal conserva un bonito teatro de austera presenza e marcado estilo rural. Normalmente permanece pechado e temos que conformarnos con ollar fotografías do seu interior.
O principal atractivo de Sequeros é a contorna da igrexa de San Sebastián, con amplos soportais nos que tiveron, e aínda teñen, lugar moitos dos actos públicos da aldea. Enriba deles, a chamada “Torre del Concejo” ou espadana sobre o edificio da antiga Casa do Concello, agora reconvertida en centro cultural e biblioteca.
Nas aforas da aldea está a ermida do Humilladero, pequenos lugares de devoción situados ás entradas ou ás saídas das poboacións e moi habituais nas aldeas de Las Batuecas.
E aínda máis nas aforas: a igrexa de El Robledo. Aquí descansan os ósos e a caveira da Moza Santa, a profetisa que vaticinou o achado da imaxe da virxe da Peña de Francia, e de Simón Vela, o seu descubridor. Unha curiosa historia, ou lenda?, local que podedes seguir na Internet. É aconsellable consultar o horario de apertura da igrexa antes de achegarse ata alí.
Rematamos a mañá en SAN MARTÍN DEL CASTAÑAR. A sorpresa é tamén positiva e atopamos unha aldea máis bonita do esperado. Aproveitamos para xantar o menú do día no Restaurante San Martín, a carón da Casa do Concello e con terraza na Praza Maior. Na mesma praza hai unha bonita e gran fonte que tamén serve de bebedoiro para as bestas.
Achegámonos á pequena ponte medieval sobre o río Avellanos e ás ermidas do Socorro e (coma non?) do Humilladero. Noutro extremo da aldea está a igrexa parroquial e a parte conservada do vello castelo. O castelo foi levantado no século XV e acolle tanto o Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera como, curiosamente, o cemiterio local. Ademais serve de perfecto miradoiro sobre San Martín e as montañas do fondo.
No exterior do castelo, hai unha antiga e atípica Praza de Touros de planta completamente irregular onde aínda se celebran corridas durante as festas do verán.
A última visita en Sierra de Francia é a MIRANDA DEL CASTAÑAR, un dos recintos fortificados máis salientable da provincia de Salamanca. Miranda é tamén a aldea máis turística da zona xunto con La Alberca. Situada no alto dun outeiro, ofrece a súa mellor fotografía de conxunto vindo pola estrada de San Martín.
O acceso á zona histórica faise dende a praza que serve de aparcadoiro, aos pés do castelo. Pasamos por diante da antiga Alhóndiga, agora Casa do Concello, e entramos pola porta de San Ginés, unha das catro que aínda se conserva nas murallas. Percorremos de ida e volta a Calle Larga e todas as perpendiculares que dan a ela.
Non sei se é polo feito de ser a derradeira visita do día que Miranda del Castañar nos resulta menos impresionante que Mogarraz ou La Alberca. Pode ser cousa do momento… Pero sen dúbida, outro lugar a visitar.
A media tarde saímos cara a Plasencia, a cidade máis setentrional da Comunidade de Estremadura. Chegamos con tempo de acomodarnos no noso hotel e dar un paseo polo seu centro histórico.
Axustada a unha poboación que supera lixeiramente os 40.000 habitantes, a localidade está a medio camiño entre unha vila grande e unha cidade pequena. Ten infraestrutura de cidade, incluso cun flamante e modernísimo Pazo de Congresos, pero o seu ambiente é limitado, de provincias. En calquera caso, unha cidade interesante e agradable.
Deixamos atrás as temperaturas da montaña salmantina e batemos de fronte coas calores rigorosas da estepa estremeña. Esa temperatura excesiva forza a que a xente saia a facer uso das terrazas e que haxa certa animación nocturna.
A parte interesante da cidade é a zona que está arrodeada pola muralla medieval da que aínda se conservan algunha das súas cinco portas orixinais. Por certo, a muralla fai lembrar moitísimo á súa irmá castelá de Ávila. Fóra das murallas, e non lonxe do centro, consérvase un tramo de 200 metros e 55 arcos do acueduto, obra construída no século XVI para traer auga dende a serra ata Plasencia.
Damos un paseo pola Praza Maior, moi ambientada con terrazas nas que beber algo ou cear. Seguimos cara á Plaza de la Catedral e rematamos na Plaza de San Nicolás e na contigua Plaza de San Vicente Ferrer. Nesta última abre as súas portas o convento do mesmo nome agora reconvertido en Parador Nacional.
DÍA 3 Plasencia e Mérida
Pola mañá damos unha volta por Plasencia para coñecer a parte da zona vella que non tivemos tempo de visitar o día anterior. Tamén entramos no complexo formado pola Catedral Vella e a Catedral Nova, con orixes respectivamente nos séculos XIII e XVI. Entramos de forma gratuíta na Catedral Nova, onde nos sorprenden o altar maior, o coro de madeira e, sobre todo, as bonitas bóvedas con numerosos nervios en dourado. A entrada á Catedral Vella é de pagamento e faise dende a Catedral Nova ou directamente dende o exterior. Lamentablemente, non abre as súas portas ata as once da mañá e non podemos esperar para visitala.
Recollemos as nosas pertenzas no hotel e apañamos o coche para achegarnos ao novo Pazo de Congresos da cidade. Hai xa uns anos, a Junta de Extremadura quixo dotar ás principais cidades da súa Comunidade con estas infraestruturas para fins turísticos e de negocios e, ao mesmo tempo, aproveitar para mandar unha mensaxe de modernidade, propia dun destino de vangarda, que contrastase coa imaxe de Estremadura como un territorio rural parado no tempo. Entre os Pazos de Congresos de Cáceres, Mérida, Badaxoz, Villanueva de la Serena e Plasencia, son quizais estes dous últimos os de arquitectura máis radical. O de Plasencia marca un contraste moi evidente co que se podería esperar da cidade.
Eu adoro inmediatamente a obra, espectacular e ben rematada, no límite entre a zona urbanizada e a campiña que rodea Plasencia. A única nota negativa é para a mediocre urbanización de chalés no outro lado da rúa. Pero son o único nesta admiración, os meus amigos non se molestan en saír do coche e cualifican o edificio coma “un espantallo fóra de lugar”.
Deixo Plasencia coa certeza dun próximo regreso. A cidade transmite algo especial e agradable para querer retornar. E ademais funciona como porta de entrada para dous destinos tan próximos e interesantes coma son o Valle del Jerte e o Parque Nacional de Monfragüe, destinos que aínda non coñezo.
Facemos os 150 quilómetros que separan Plasencia de Mérida en menos dunha hora e media por unha cómoda autoestrada. Chelo e Fernando van especialmente animados xa que ao chegar a Mérida encontrarémonos coa súa filla Noa, residente en Sevilla dende hai algúns anos. Noa aproveita que tan só ten dúas horas de viaxe para escapar da súa cidade e gozar desta noite de teatro en compañía dos seus pais.
Xa todos xuntos e despois do xantar facemos o percorrido da antiga colonia romana de Iulia Augusta Emerita. A cidade fundada no ano 25 a. de C. por orde do Emperador Octavio Augusto que se convertería nunha auténtica metrópole e capital da provincia de Lusitania, unha das tres nas que estaba dividida a Hispania romana nese momento.
Augusta Emerita, Emérita Augusta ou, co seu nome actual, Mérida é a nova capital de Estremadura e a sede das súas principais institucións. A cidade non é obxectivamente bonita pero o seu legado romano é tan importante que foi declarada Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco en 1993.
Cada vez que chego a esta cidade atopo novidades en relación co seu patrimonio. As escavacións realizadas van dando resultados e sacan á luz novos xacementos relacionados co seu pasado romano que son abertos ás visitas.
Unha forma barata de coñecer os principais atractivos turísticos é comprar un tícket combinado que por quince euros permite a entrada ao Circo, Teatro e Anfiteatro Romanos, á Alcazaba, á Casa de Mitreo, á Área Funeraria dos Columbarios, á Cripta da igrexa de Santa Eulalia e ao Conxunto Arqueolóxico de Morerías. Pode comprarse na xanela de venda no acceso a calquera destes monumentos e é valida para varios días.
Comezamos o noso paseo no Circo Romano que, cun espigón central de 233 metros e un aforo de 30.000 espectadores, foi un dos meirandes do mundo. Din que tamén o mellor conservado. Aquí tiñan lugar as carreiras de carros tirados por cabalos, tamén chamadas carreiras de cuadrigas. Malia o estado ruinoso das gradas, o que podemos ver hoxe dános unha boa idea da importancia que tivo a cidade. O Circo estivo abandonado e incluso chegou a pasar unha estrada nacional polo medio.
Xa camiño da basílica de Santa Eulalia deixamos a un lado os restos do acueduto de San Lázaro, condución de auga do século XVI que aproveita algúns dos pilares do acueduto anterior de época romana, o máis longo dos tres que existiron en Mérida. Polo que respecta ao templo, é, segundo a tradición, o lugar de enterramento de Santa Eulalia, martirizada en Mérida, así como de moitos dos bispos da diocese. O legado monumental da cidade mestúrase de tal xeito que o “hornito” en honra de Santa Eulalia foi construído cos restos dun templo dedicado ao Deus Marte. Nas escavacións do soto da igrexa poden verse restos das diferentes etapas históricas e dos diversos estilos artísticos que deron forma á cidade.
A seguinte visita é ao Museo Nacional de Arte Romana, situado fronte ao acceso ao recinto do Teatro e do Anfiteatro. A entrada non está incluída no tícket combinado e temos que pagar tres euros por persoa. O edificio de ladrillo é unha obra destacada do arquitecto Rafael Moneo que deu moito que falar (positivamente) dende a súa inauguración en 1986. Ademais da estupenda colección de obxectos expostos tamén se pode visitar a cripta con restos de casas romanas, conducións hidráulicas etc. Hai que contar cun mínimo dunha hora e media para poder desfrutar do museo. Pecha os luns.
A penúltima paraxe é no Teatro Romano e no veciño Anfiteatro, ambos do século I a. de C. O Teatro tiña unha capacidade para 6.000 espectadores que acudían ás representacións teatrais separados nas diferentes cáveas por clases sociais. O que diferenza Mérida doutros teatros romanos e o fai especialmente atractivo é que conserva unha gran parte da fachada da escena (scaenae frons) con dous andares de columnas. Porén, todas as dependencias utilizadas polo actores ou postcaenium xa desapareceron e hoxe están ocupadas por uns xardíns onde quedan algunhas columnas e pouco máis.
A escasos metros do anterior, o Anfiteatro era o lugar para as loitas de gladiadores e as pelexas con animais salvaxes. De planta elíptica podía acoller ata 14.000 persoas. O grao de conservación das cáveas é desigual pero permite facerse unha boa idea do impresionante que tivo que ser esta obra nos seus mellores momentos.
No camiño ao hotel paramos no Templo de Diana, unha zona de lecer cunha atrevida rehabilitación a carón dun templo romano. Aquí abren as súas portas numerosas cafeterías e terrazas especialmente animadas as noites das fins de semana. O templo foi levantado no S.I a. de C. para o culto ao Emperador. A súa boa presenza é consecuencia de que a estrutura orixinal foi aproveitada como parte do Palacio del Conde de los Corbos e, tamén, pola súa posterior rehabilitación. Ese estraño conxunto arquitectónico formado polo palacio e o templo dá testemuño desa mestura de civilizacións que é tan propia de Mérida.
Despois dun breve descanso no hotel, regresamos ao Teatro Romano. Hoxe é a noite de Ben-Hur, o heroe xudeu enfrontado á Roma Imperial. Ningún lugar tan apropiado coma este para atender á representación.
DÍA 4 Llerena, Jerez de los Caballeros e Encoro de Proserpina
Dedicamos o día a coñecer algunha das poboacións máis fermosas do sur da provincia de Badaxoz. A xente que descoñece a oferta turística e monumental de Estremadura podería pensar que non hai moito que ver por ser unha Comunidade de interior e por esa imaxe que arrastra de zona economicamente deprimida. Pero nada máis lonxe da realidade. Estremadura é unha rexión extremadamente rica e chea de lugares marabillosos.
Imos directamente a Llerena, un conxunto histórico a escasos quilómetros do límite da provincia de Sevilla. Ao entrar na poboación sentímonos axiña a gusto con esta vila cha e branca. Conducimos directamente ata a Praza Maior, o centro da vida deste municipio. Aquí están a Casa do Concello, a Igrexa de Nosa Señora da Granada e edificios nobres con longos soportais.
Nun deses edificios, no portal de Morales, dise que morou Francisco de Zurbarán, o famoso pintor estremeño do Século de Ouro español. A afluencia de importantes artistas a Llerena durante os séculos XVI e XVII outorgoulle o alcume da “Atenas de Estremadura”. Na Praza Maior podemos ver unha escultura na honra de Zurbarán. E a súa obra do Cristo Crucificado no interior da igrexa.
Preto da Praza Maior está o Museo Histórico Ciudad de Llerena, unha bonita recuperación do antigo Pazo Bispal e da que foi a primeira sede da Inquisición nesta parte da provincia de Badaxoz.
A seis quilómetros de Llerena, nas aforas da localidade de Casas de Reina, pode visitarse o teatro romano de Regina, testemuño da antiga cidade de Regina Turdulorum. Cunha capacidade de máis de mil espectadores, forma parte da programación do Festival de Mérida.
Ao remate da visita de Llerena temos que dicir un “ata outra” a Noa que regresa á súa casa en Sevilla. Noa tan só estivo 24 horas con nós, foi convidada a esta viaxe á última hora e xa tiña outros plans para a fin de semana.
A seguinte paraxe é en Jerez de los Caballeros, outra bonita poboación do sur da provincia pacense. De feito, Turismo de Estremadura usa a miúdo a imaxe do branco conxunto urbano desta vila como promoción turística. No cumio dun outeiro e coas agullas das igrexas sobresaíndo por riba das casas, resulta tan espectacular dende lonxe como paseando polas súas rúas. O mellor sitio para contemplar a imaxe do conxunto é vindo do sur, achegándose pola estrada N-435.
O alcume “dos Cabaleiros” ten a súa orixe no seu pasado como sede da Orde do Temple, a dos monxes guerreiros que protexían os peregrinos camiño de Xerusalén. Son varios os mitos e lendas relacionados co paso dos templarios por aquí. E tamén feitos históricos como o da “Torre Sanguenta”, a Torre da Homenaxe do castelo onde foron degolados e dende onde foron guindados ao baleiro os últimos cabaleiros desta Orde.
Sabemos pola historia que a Orde do Temple fora disolvida daquela polo Papa Clemente V e que o Reino de España ordenara aos templarios renunciar e entregar as súas terras. Os cabaleiros de Jerez negáronse a cumprir os mandados do Rei e do Papa e defenderon a súa lealdade ata a morte.
Pasear por Jerez é unha continua subida e baixada que pode supor un esforzo considerable. Hai que visitar o recinto da Alcazaba e do Castelo por onde pasaron os árabes e as ordes do Temple e de Santiago. Tamén a Casa Natal de Vasco Núñez de Balboa, o primeiro europeo en divisar o “Mar do Sur” (actual Océano Pacífico) no ano 1513. A casa é unha especie de centro de interpretación para entender a vida do descubridor e do momento histórico que lle correspondeu.
Pero, quizais, o edificio máis salientable sexa a igrexa de San Bartolomeu, unha das catro parroquias da vila. Neste templo, con orixe no século XV, destaca a fachada principal, ou do Evanxeo, e a torre campanario. Ambas as dúas presentan un estilo barroco de elementos decorativos nos que se utiliza o xeso policromado, o barro vidrado e pezas de olería. O noso itinerario por Jerez lévanos ata San Bartolomeu a horas nas que a igrexa permanece pechada e non podemos visitar o seu interior.
Hoxe a calor acada case os corenta graos e decidimos, xa de volta a Mérida, achegarnos ao encoro de Proserpina, a escasos dez quilómetros do centro da cidade. Este encalco construído no século I a. de C. era un dos tres sistemas de abastecemento de auga a Emérita Augusta e forma parte do legado romano declarado Patrimonio da Humanidade. O seu bo estado de conservación responde a que unha vez que perdeu a súa función orixinal de traer auga á cidade pasou a ser un lugar de recreo e baño estival moi popular. De feito, hoxe en día hai dúas barriadas residencias veciñas ao encoro.
A obra que podemos ver é un dique de 400 metros de longo cunha altura máxima de 21 metros. Non parece gran cousa para as atrevidas e colosais obras públicas do noso século. E como ademais chegamos pola parte superior – onde é difícil percibir a altura do dique – o efecto resulta pouco impresionante. A importancia de Proserpina radica en que un pobo, como o romano, puidese acometer este tipo de obras para mellor vida da súa cidadanía hai xa dous mil cen anos.
A presa está interpretada a través de paneis explicativos que proporcionan información sobre as técnicas de construción e o seu funcionamento para levar auga ata Mérida. Á beira do encoro hai un par de agradables chiringuitos nos que tomar un gin tonic á fresca.
A nosa derradeira noite en Mérida aproveitamos para beber unha copa na animada Plaza de España e para achegarnos ás rúas próximas ao Arco de Trajano, outra zona de lecer con numerosos restaurantes e terrazas. O Arco debeu ter un aspecto moi diferente en época romana. Non está claro que fose un arco triunfal e os estudosos do tema son da crenza de que era unha porta monumental de entrada ao foro da cidade romana.
DÍA 5 Medellín e Cáceres
Esta mañá en Mérida, e antes de saír cara a Medellín e Cáceres, facemos unha última visita na beira do río Guadiana. A razón é que aínda conservamos o tícket combinado que compramos o primeiro día e aproveitámolo para visitar a Alcazaba árabe. A fortaleza foi construída no ano 835 nunha das marxes da ponte romana para así dominar o seu paso e o acceso á cidade. Despois da Reconquista, no ano 1228, o edificio foi cedido á Orde de Santiago.
Curiosamente, o recinto acolle nunha das súas esquinas o edificio da Presidencia da Junta de Extremadura. A Orde de Santiago levantou un conventual que foi abandonado e destruído co paso do tempo. Pero a finais do século XX foi reconstruído de novo (e bastante ben) coa finalidade de albergar a institución estremeña.
No interior da Alcazaba podemos atopar unhas poucas ruínas entre as que é de destacar un alxibe escavado na rocha en época árabe. A cisterna de augas filtradas do río Guadiana é accesible por un bonito e amplo pasadizo polo que podían pasar animais nos que cargar a auga.
Dende a muralla temos unha boa vista da ponte que cos seus 792 metros era unha das máis longas da Península Ibérica en época romana.
Saímos de Mérida e seguimos dirección a Don Benito ata a vila de Medellín, unha colonia romana fundada no ano 79 a. de C. co nome de Metellinum. Medellín é tamén a vila natal de Hernán Cortés, o conquistador do imperio azteca.
Entramos na poboación cruzando a Ponte dos Austrias ou Ponte de Felipe IV. Unha bonita construción de 28 arcos e 400 metros de lonxitude que salva o río Guadiana. A orixe da ponte é posiblemente romana.
Subimos directamente ata o outeiro do castelo e aparcamos na zona preparada a carón da igrexa de San Martiño. Seguimos a pé ata a igrexa de Santiago Apóstolo que funciona como Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico de Medellín. Dende aquí saen as visitas guiadas (3 €) ao veciño Teatro Romano. Hai que informarse previamente das horas de visita e dos días de peche.
O espectacular teatro foi construído no século I da nosa era e permaneceu durante moito, moito tempo oculto por toneladas da terra que baixaba da montaña. Non se comezou a escavar ata as últimas décadas do século pasado e non se abriu ao público ata o ano 2013.
Segundo a nosa guía, as gradas están mellor conservadas que as de Mérida e a escena (scaenae frons) é moito máis espectacular. O único que necesitan son fondos suficientes para poder montala de novo. Entrementres, as vistas do val, do río e da propia Medellín fan un fondo de escena case insuperable.
Para os que non anden curtos de tempo, como é o noso caso, paga a pena subir ata o castelo, de fundación árabe e profunda reforma cristiá, e tamén achegarse á Praza Maior no centro da vila.
A nosa seguinte paraxe e última do día é en Cáceres, a cidade máis monumental da Comunidade de Estremadura. A que é a segunda cidade por poboación da rexión é toda unha sorpresa e unha gran descoñecida para o turista medio.
Por aquí tamén pasaron romanos e árabes pero o esplendor da cidade comezou a finais do s. XIII cando familias aristocráticas do norte peninsular construíron pazos e casas señoriais. A cidade completou o seu conxunto monumental durante o século XVI baixo o estilo renacentista. Todo iso valeulle para que a Unesco a declarase como Cidade Patrimonio da Humanidade no ano 1986.
Chegamos baixo un sol abrasante e, despois de deixar as maletas no hotel, acudimos a un restaurante na Praza Maior recomendado polo persoal de recepción. Os soportais desta praza que separa a parte nova da zona monumental son unha sucesión dun restaurante tras outro. Pedimos o menú do día no Restaurante La Minerva e xantamos realmente ben por poucos cartos.
Polo que respecta ao noso hotel, o Hotel Alfonso IX, é un establecemento sinxelo pero perfectamente situado para moverse por toda a cidade.
www.hotelalfonsoix.com/esp/index.html
Pasamos a tarde deambulando por unha cidade case baleira. Que gran diferenza coa miña cidade de orixe, Santiago de Compostela! Ambas as dúas son Patrimonio da Humanidade pero a vida nas rúas de cada unha delas é completamente diferente. Santiago ateigada de visitantes ofrece un centro histórico moi “vivido” tanto por locais coma por visitantes. Hoteis con encanto, coquetos restaurantes e tendas de recordos ocupan todos os baixos comerciais.
Cáceres é todo o contrario. Hoxe é domingo e a cidade presenta a face dun gran decorado. Sen vida, sen xente. Pero, ao mesmo tempo, encantadora. Todo un privilexio vagar por unha das urbes máis monumentais do noso país e non atopar as riadas habituais de turistas.
Malia a falla de animación e de servizos turísticos (estes últimos limitados a contados aloxamentos e restaurantes) Cáceres non pode defraudar a ninguén. O conxunto monumental é de sentir un abraio continuo. Máis que monumentos illados é a harmonía dos diferentes espazos a que namora.
Coido que a mellor forma de coñecer Cáceres é deixarse levar, saltar de praza en praza e non esquecer ningunha rúa da zona vella. Evidentemente hai que pasar pola Plaza de San Jorge coa igrexa de San Francisco Javier, pola Concatedral de Santa María e o Pazo Episcopal, polo barrio da Xudería, polos alxibes de orixe árabe e por tantas e tantas casas-palacio e construcións nobres. Non hai ningún recuncho sen algo que ofrecer. Coñecer ben o centro histórico de Cáceres pode supoñer un par de horas ou varios días. Depende do ritmo de cada un.
Xa de noite acudimos a cear ao Gastrobar Mastropiero, un agradable restaurante con xardín de comida fusión e especialidades estremeñas. A presentación dos pratos é moi coidada e o servizo amable.
www.mastropierogastrobar.es/los-espacios
DÍA 6 Granadilla, Hervás e Candelario
Hoxe regresamos á casa, a Galicia. Polo camiño realizamos tres visitas a outras tantas localidades, dúas na provincia de Cáceres (Granadilla e Hervás) e unha na de Salamanca (Candelario).
Para chegar ao noso primeiro destino hai que saír da autovía uns quilómetros antes do límite coa provincia de Salamanca, en dirección a Zarza de Granadilla. Despois por estradas locais ata a minúscula aldea de Granadilla, situada nun outeiro sobre o encoro de Gabriel y Galán. Vexo información sobre o lugar nun folleto promocional de Turismo de Extremadura e incorpóroo inmediatamente á nosa ruta.
A aldea foi desaloxada por mor da construción do encoro a comezos da década dos anos 60 do século pasado. A previsión era que este pequeno conxunto de casas e monumentos fose asolagado polas augas do novo pantano. Pero isto nunca aconteceu. Incluso cando o nivel das augas está máis alto, non chega a entrar na poboación.
Granadilla foi declarada Conxunto Histórico no ano 1980 e posteriormente incluída no programa de recuperación de poboacións estremeñas abandonadas. Hoxe é unha especie de museo no que visitar as murallas e o seu castelo do século XV ademais dun pequeno grupo de bonitas casas de estilo rural. Recomendado o paseo pola muralla e as vistas dende o castelo.
Granadilla é un lugar especial en moitos sentidos e debe ser esa a razón pola que Pedro Almodovar rodou aquí as escenas finais do seu filme ¡Átame!
Chegamos a media mañá xunto con algúns outros visitantes e atopamos que o enreixado de entrada está pechado. Granadilla funciona como un museo e, ao igual que estes, non abre os luns ao público.
Regresamos á autovía e uns escasos quilómetros máis ao norte desviámonos cara a Hervás. A desviación é mínima e chegamos axiña a unha das xuderías mellor conservadas da Rede de Xuderías de España e a un dos principais reclamos turísticos do norte de Estremadura.
Deixamos o coche aparcado á sombra no gran parque que hai no centro e dirixímonos á xudería, un conxunto de rúas estreitas e empinadas que baixan por un terreo abrupto cara ao río Ambroz.
O noso interese radica no legado da comunidade hebrea que aquí se asentou no século XV, ata que foi expulsada a Portugal. Os paneis turísticos distribuídos pola vila falan de vinte e cinco familias que preferiron deixar o seu lugar de orixe a ter que se converter ao cristianismo. Non parecen moitas pero seica eran determinantes para a actividade comercial de Hervás
Aínda se conservan moitos edificios nos que os materiais utilizados son a madeira de castiñeiro formando unha armazón con adobe ou pedra. As rúas son angostas e unha delas promociónase como a máis estreita de España. A verdade é que non deixa de ser un pasadizo entre paredes case cegas máis que unha auténtica rúa.
O paseo por Hervás é moi agradable. Chaman a atención as teas protectoras que resgardan as rúas das inclemencias solares. Non consigo pescudar se estas son un recurso habitual dos meses estivais ou se corresponden ao atrezzo propio dalgunha festa histórica.
Aproveitamos Hervás para facer compra de saborosos queixos e embutidos que levar de volta á casa.
Un pouco antes do xantar saltamos o límite entre Estremadura e Castela-León para desviarnos cara á vila de Béjar, a segunda aglomeración urbana máis grande da provincia de Salamanca. Atravesamos a poboación para chegar ata a aldea de Candelario, a uns cinco quilómetros de distancia.
Chelo e Fernando, que xa coñecían Hervás e Candelario doutra viaxe, viñan comentando que a aldea cacereña xa visitada lles parecía máis bonita cá nosa próxima parada salmantina. Eu estou totalmente en desacordo. Entramos en Candelario e quedo enfeitizado pola beleza do lugar.
Un cartel á entrada da poboación anuncia Candelario como “Uno de los pueblos más bonitos de España” e concordo totalmente con esta denominación. O conxunto histórico é un exemplo perfecto de poboación montañesa coa Serra de Béjar e Candelario ao fondo.
A arquitectura muda completamente con respecto a Hervás. Este é territorio do granito e dos panos das fachadas pintados de branco que fan lembrar ás aldeas do norte de Navarra e do País Vasco. As rúas ascenden pola aba da montaña e por moitas delas baixan as regaderas. Son estas canles que conducen a abundante auga das montañas e que funcionaron como sistema de saneamento ata o ano 1933.
As casas son en xeral construcións acomodadas e cun certo aire nobre. É doado constatar que Candelario tivo unha actividade económica florecente grazas á súa dedicación case exclusiva á produción de embutidos. Os seus chourizos eran famosos en toda España.
Nesta poboación dáse un tipo de vivenda coñecida como a “casa choricera” ou “casa chacinera”, unha evolución da casa gandeira, habitual dende o século XVIII ata comezos do XX. Son construcións de tres andares nas que o baixo está destinado á elaboración de produtos cárnicos, o primeiro é a propia vivenda, e o sobrado serve para sequeiro e para almacén dos produtos elaborados no baixo.
Outro elemento construtivo senlleiro de Candelario son as batipuertas. A súa función era protexer a porta principal das nevadas e tamén evitar que as bestas entrasen nas casas cando esta estaba aberta. Pero o seu uso fundamental estaba relacionado coa actividade da industria cárnica. A batipuerta, coa súa amplitude, permitía que os animais puidesen entrar para o seu sacrificio, deixaba pasar iluminación natural para desenvolver o traballo e axudaba a ventilar o baixo durante a época da mata.
Deixamos o coche no aparcadoiro preto da ermida do Humilladero e imos subindo cara á igrexa de Nosa Señora da Asunción, na parte máis alta da aldea. Candelario está chea de recunchos marabillosos e quedamos con pena de non ter tempo para máis. Xantamos de marabilla na terraza exterior do Restaurante La Candela, preto da igrexa, e prométome regresar para gozar dunha estadía neste bonito recuncho da xeografía salmantina.
.