O post de hoxe vai ser curto. Quero falar dunha festividade de grande arraigamento e tradición en toda a Galicia costeira: a Festa da Virxe do Carme. Nosa Señora do Monte Carmelo – así é o seu nome menos popular – é unha das múltiples advocacións da Virxe María e unha figura de moita veneración á que se rende culto por toda a franxa marítima da nosa terra.
A Virxe do Carme non só é protectora de aldeas, vilas e cidades (case cen en toda España), é tamén a padroa do mar e dos homes do mar: pescadores, mariñeiros e mariños que forman parte da Armada Española.
A nosa Comunidade, unha potencia pesqueira e mariñeira, ten na Coruña e en Vigo dous dos principais portos da Unión Europea polo volume de descarga de peixe fresco e conxelado. Pero a influencia das actividades no mar supera o ámbito destes portos e chega ata a meirande parte da poboación galega. Aquí son moitos e moitas os que traballan no mar e os que arriscan a súa vida con labores que non son para nada doados. Enténdese pois perfectamente que todos eles busquen a protección da que, segundo a tradición cristiá, é a súa valedora.
A Festa do Carme é unha celebración popular e habitual de toda a xeografía galega. Nós decidímonos pola Illa de Arousa por unha razón evidente: é o lugar onde os nosos amigos ourensáns, Mayte e Antonio, teñen o barco ancorado todo o ano.
O día do Carme é o 16 de xullo pero a Illa de Arousa celebra o día grande, o da procesión, o sábado 28 de xullo. Segundo algúns dos preguntados o porqué está en deixar que os barcos que queiran participar nas festas dos outros portos da Ría de Arousa poidan facelo en días diferentes. Pero, oficialmente, a razón é outra. A diferenza doutras vilas, a Illa ten que ter en conta que a procesión sae dun porto e chega a outro, aínda que os dous na mesma poboación. O calado do porto de chegada é moi limitado e faise inaccesible con marea baixa para a meirande parte dos barcos participantes. Polo tanto, vese obrigada a combinar a celebración da festa co calendario de mareas.
A Illa ocupa totalmente o territorio do concello do mesmo nome. Coa súa forma esaxeradamente sinuosa é un pequeno paraíso que os viaxeiros tardaron en descubrir. As súas costas ofrecen unha morea de praias grandes e pequenas nun mar de augas transparentes. E a súa localización no medio da ría axuda a que as ondas cheguen con moito menos forza que nas praias de mar aberto.
Ademais, o Porto do Xufre, na capital do concello, benefíciase da descarga de peixe e marisco que trae a diario a súa abondosa frota de barcos. Comer ben na illa e moi doado. Se temos festas (moitas), praias (moitísimas) e unha gastronomía na que mandan peixes e mariscos, temos o cóctel perfecto para non desencantar a ninguén.
Dende 1985 é moi facer o acceder á illa. Nese ano inaugurouse a ponte de case dous quilómetros que a une a terra firme, preto de Vilanova de Arousa, e que rematou cun illamento de séculos.
A xente de fóra podemos seguir a procesión dende terra ou dende o mar pero coido que, no caso de ser posible, a segunda opción gaña por goleada. Hai que vivir dende o mar esa confusión de barcos pequenos e grandes que mudan continuamente de rumbo dando a impresión de quereren arremeter uns contra outros. Sen esquecer que navegamos por unha baía, a Ría de Arousa, cunha paisaxe espectacular.
Por suposto, para poder facelo deste xeito é preciso ter algún amigo ou coñecido con barco que vaia participar ese día e que teña a ben convidarnos. Outra opción é achegarse aos barcos á saída da misa que se celebra na lonxa de peixe e pedir o favor de que nos leven. Pero polo que me comentan, e no caso concreto da Illa, cada vez é máis difícil se non tes algún coñecido a bordo.
As once da mañá sae a procesión terrestre dende a igrexa parroquial de San Xulián cara á lonxa de peixe, no peirao do Porto do Xufre. Na lonxa ten lugar unha multitudinaria misa na honra da Virxe na que participa o coro parroquial. Ao rematar a misa, a Virxe é levada ao carricho ata a embarcación que a trasladará por mar. Os portadores son voluntarios da Illa que van vestidos con traxe branco para a ocasión, como se fosen mariñeiros da Armada.
A responsable da organización é a Confraría de Pescadores que, tras unha chamada telefónica pola miña parte, me aclara que o barco seleccionado para portar a imaxe é escollido entre os candidatos dese ano, atendendo ao seu tamaño, ao seu xeito e ao tempo que faga que non realiza este cometido. De calquera forma, as opcións que cumpran con todos os requisitos son poucas nunha vila de tamaño medio, como é a da Illa de Arousa.
Despois, barcos grandes e pequenos, lanchas de pesca, motoras de paseo e sospeitosas planadoras comezan unha caótica singradura que, moi devagar, vai bordeando as costas insulares ata chegar ao porto da Ribeira do Chazo. É este o segundo porto da illa, a bastantes leguas mariñas do Porto do Xufre pero a tan só unhas cantas ducias de metros por terra. Ambos os dous portos atópanse no mesmo istmo, pero en diferentes beiras, no que se asenta a capital do concello.
Nun momento determinado durante a navegación faise unha ofrenda floral que é botada ao mar. Unha vez no porto de chegada, volve a converterse nunha procesión terrestre que achega a imaxe da Virxe de novo á igrexa de San Xulián. Durante a parte terrestre da procesión a imaxe pode ser detida en varias ocasións para recibir o canto da “Salve mariñeira”, un anaco da zarzuela “El Molinero de Subiza” (1870) popularizado como himno da Armada Española.
Por suposto e como en calquera festa galega, a gastronomía ten un peso moi importante. Non hai barco participante, sexa grande ou pequeno, que non leve a bordo unha boa escolma de manxares e larpeiradas galegas. E ben regadas polos viños da terra. É esa mestura do relixioso e do profano o que fai que a xente comece a xantar nada máis saír do porto. E o moito tempo que dura a procesión así o esixe.
Para non faltar á tradición, a nosa embarcación vai ben provista de empanada, tortilla de patacas, camaróns e unhas nécoras saborosísimas. Polo camiño caerán unha botella de vermú galego St. Petroni, elaborado con uvas albariñas do val de Padrón, e un par de botellas de viño godello “Crego e Monaguillo” da D.O. Monterrei.
Despois das festas, a devoción á Virxe do Carme mantense todo o ano. Ao final do Paseo do Cantiño, no peirao do Naval, hai unha imaxe súa tallada en pedra, unha figura de tres metros realizada por Alfonso Vilar, finado artista e escultor sanxenxeiro. A figura foi instalada en 1984 no Porto do Xufre para logo ser desprazada ata a súa localización actual.
Para acabar, aqueles que aínda non coñezan a Illa de Arousa teñen que visitala e pronto. Dende a emisión de varios programas televisivos sobre a vida na Illa son cada vez máis os que se achegan por aquí. Este bonito lugar dá para pasar un par de días visitando os seus recunchos, gozando coas súas praias e saboreando as riquezas que o Mar de Arousa nos ofrece.