En coche polo Reino no Ceo (Lesoto)

No camiño a Katse Dam,mozos arroupados coas típicas mantas de Lesoto

Na cova de Motouleng, preto de Clarens (Suráfrica)

Lesoto é a primeira paraxe dunhas vacacións de verán que nos van levar por tres países do sur do continente africano.

Cando comentabamos cos amigos e coñecidos os destinos escollidos para este ano, todos sabían situar Namibia e Suráfrica no mapa. As dúbidas chegaban no intre de nomear Lesoto. Unha illa? (ehhh?) Unha rexión de Suráfrica? E moitos quedaban sorprendidos cando explicabamos que estabamos a falar dun país soberano, dun reino que soubo manter bastante ben a súa independencia malia funcionar coma un protectorado británico durante case un século (1868-1966).

De feito, Lesoto podería ter mantido unha independencia total xa que non tiña ningún valor estratéxico para os poderes coloniais. Pero foi o seu primeiro monarca, o Rei Moshoeshoe I “O Grande”, quen acudiu por axuda ao Imperio Británico para frear o avance dos boers (colonos holandeses da África austral) polo seu territorio.

A nosa viaxe comeza co voo directo de Iberia dende Madrid a Xohanesburgo, a conexión máis rápida entre España e Suráfrica. Despois dunhas horas na principal cidade do país seguimos para Bloemfontein, a súa capital xudicial. Ese será o noso punto de partida para percorrer en coche unha gran parte da xeografía lesotiana durante os seguintes cinco días. Ao sexto día entraremos de novo en Suráfrica para pasar tres noites na vila de Clarens e coñecer os principais atractivos dos seus arredores. É este un itinerario de 1.749 km por estradas de moi diversa tipoloxía que rematará de novo en Xohanesburgo, onde tomaremos o noso voo a Windhoek, a capital de Namibia.

Podedes seguir as outras etapas desta viaxe nos links Namibia e No Sul de Suráfrica

Facemos o salto de Santiago de Compostela a Madrid para coller o voo que nos levará en dez horas e media a Xohanesburgo. Unha vez en Suráfrica, os trámites fronteirizos son rápidos. Os españois non precisamos de visado para entrar no país. Trocamos uns poucos euros en moeda local (rands) na propia terminal aérea e así poder pagar un taxi ata o centro. As taxas de cambio das diferentes oficinas son aparentemente convenientes pero hai que ter en conta as comisións, de entre un catro a un cinco por cento, que se descontan da cantidade final. Rematamos conseguindo un cambio de 16,33 rands por euro.

Despois de facturar coa compañía Airlink o noso seguinte voo a Bloemfontein aínda temos por diante catro horas libres que nos permiten facer unha escapada ao centro da cidade.

XOHANESBURGO (Suráfrica)

Eu xa pasei por Suráfrica en dúas ocasións. Unha xornada en Xohanesburgo, camiño de Suacilandia e Mozambique, e unha curta estadía na Cidade do Cabo a onde cheguei directamente dende Europa para pasar unha fin de semana. Para Bruno é a primeira viaxe a estes países e a segunda incursión en África despois de visitar as illas de Cabo Verde. Quizais é por esa razón que se sente algo impresionado ante a fama de cidade violenta que ten Xohanesburgo.

Unha vez en Joburg (así, abreviado, é como se refire a xente local a Xohanesburgo), a visita usual para un viaxeiro novel é ao barrio de Soweto, o township que tivo como veciños dunha mesma rúa a dous premios Nobel coma foron Nelson Mandela e o pacifista Desmond Tutu, o primeiro home de raza negra en chegar a ser nomeado arcebispo anglicano da Cidade do Cabo. Para entendernos, un township, palabra que repetirei máis adiante, é un asentamento urbano exclusivamente para xente de raza negra creado por mor da política do apartheid. Unha especie de gueto con malas condicións de vida e grandes problemas de seguridade.

Actualmente, Soweto é unha parada máis no percorrido turístico da cidade, a onde acoden practicamente todos os visitantes de Joburg. Aínda así, Bruno prefire algo lúdico e decidímonos polo barrio de Maboneng. Hoxe é domingo, o día no que se celebra o famoso mercado do mesmo nome.

Negociamos cunha das empresas de taxis presentes na terminal do aeroporto para, por unha tarifa de 600 rands (37 € ao cambio), realizar o traslado de ida e volta ata o centro. Unha vez en Maboneng, o taxi pasará a recollernos dúas horas máis tarde para levarnos de novo ao aeroporto. Somos conscientes de estar a pagar unha tarifa algo superior ao seu valor real pero preferimos unha compañía de confianza e, deste xeito, irnos habituando pouco a pouco ás condicións de seguridade deste país.

O barrio de Maboneng está formado por rúas nas que conviven edificios de nova xeración con outros de aire industrial que recibiron unha segunda oportunidade. A zona énchese en domingo coa xente nova e alternativa de Xohanesburgo e, tamén, con moito público en xeral que se achega ata aquí para comer nalgún dos restaurantes de tendencia ou comprar en tendas de evidente aire hipster.

No barrio de Maboneng

O epicentro é o edifico Arts on Main, un antigo almacén arredor dun patio reconvertido nun espazo cultural contemporáneo. Fóra, na rúa, as actuacións musicais e os postos de artesanía e souvenirs axudan a crear un ambiente animado e simpático. Un dos edificios alberga unha boa escolla de street food no que degustar especialidades locais a un prezo axeitado. Damos unha volta por Maboneng e regresamos ao aeroporto.

BLOEMFONTEIN (Suráfrica)

Bloemfontien é unha  das tres capitais de Suráfrica, a capital xudicial do país xunto con Pretoria (capital administrativa) e a Cidade do Cabo (capital lexislativa). Unha cidade de orixe boer e de tamaño medio que acolle á sé do Tribunal Supremo de Apelación. Tamén coñecida como “Cidade das Rosas”, é a capital e a cidade máis poboada da provincia do Free State.

Unha vez alí, Bloemfontein, cun evidente aire de provincias, parece ter moitísima menos poboación dos máis de cincocentos mil habitantes que aparecen nas estatísticas e que a converten na quinta aglomeración urbana de Suráfrica. Por outra banda, a cidade anda escasa de legado monumental ou de calquera outra razón que fagan dela un destino turístico senlleiro.

A nosa razón para comezar a viaxe aquí é que a tarifa aérea dende Joburg pode chegar a ser ata tres veces máis económica que de facelo a Maseru, o único aeroporto operativo en Lesoto. Tamén axuda o feito de que os coches de alugueiro teñan moito mellor prezo en Suráfrica que no noso país de destino. Finalmente, Bloemfontein está a tan só unha hora e media da fronteira lesotiana e a comunicación faise por unha estrada en moi boas condicións na que se poden acadar os 100 km/h sen ningún problema.

Asomados á xanela do avión durante a aproximación ao aeroporto vemos unha paisaxe que fai lembrar á de Castela-A Mancha, unha inmensa chanceira de cor ocre sen apenas relevos. Bloemfontein esténdese por un altiplano a case 1.400 metros sobre o nivel do mar.

No momento de aterrar non hai ningún taxi á espera dos viaxeiros. Negociamos co condutor dun transporte previamente contratado por outro pasaxeiro para que nos achegue ao centro da cidade. É xa a tardiña e, despois de acomodarnos, saímos a cear ao único sitio no que parece haber algo de vida: o centro comercial Waterfront. O propietario do noso aloxamento ofrécese a levarnos gratuitamente xa que, malia a aparente seguridade do lugar, non nos recomenda movernos a pé. De camiño atravesamos a zona centro que aparece totalmente deserta en domingo.

O primeiro que facemos á mañá seguinte é achegarnos ás oficinas da empresa First Car Rental para recoller o noso coche de alugueiro. O coche xa viña contratado dende Galicia, un pequeno Toyota Etios moi normaliño, para os seguintes nove días. A tarifa é de 44 €/día incluíndo a maior cobertura posible, os suplementos de pase de fronteira de Lesoto e a devolución en Joburg, así como unha franquía máxima de 190 euros. Hai que asegurarse de que a compañía fai entrega da autorización para circular por Lesoto xa que pode ser solicitada nos controis de tráfico do país veciño. Levamos con nós o permiso internacional de conducir pero nin nolo solicita First Car nin ningunha das outras tres compañías que utilizaremos ao longo desta viaxe.

www.firstcarrental.co.za/

Moi importante e a ter en conta é que, nos tres países visitados, os coches deben ser devoltos perfectamente lavados (en Namibia só por dentro) ou a empresa de alugueiro cargará na tarxeta de crédito unha cantidade de entre trinta a corenta euros por este concepto.

Antes de saír de Bloemfontein aproveitamos para cambiar diñeiro no centro comercial Mimosa Mall, rands que nos serán válidos para utilizar durante toda a viaxe, tanto en Suráfrica como en Lesoto e Namibia. Tamén queremos coñecer dous dos seus lugares emblemáticos: o outeiro de Naval Hill e o Museo de Arte Oliewenhuis.

Naval Hill é unha zona militar elevada sobre a chaira da cidade que serve de perfecto miradoiro sobre ela. Nestes últimos anos foi colocada unha xigantesca estatua de Nelson Mandela que se asoma na zona máis alta do outeiro. Para subir ata alí pasamos por un control de acceso na base do cerro.

Estatua de Nelson Mandela e Bloemfontein ao fondo

Bloemfontein dende o miradoiro de Naval Hill

O Museo Oliewenhuis é unha bonita mansión de estilo neoholandés que foi rematada no ano 1941 como residencia do Gobernador Xeral da Unión de Suráfrica. Tan interesante como a colección pictórica do interior son as atrevidas esculturas que adornan o seu xardín. O museo está arrodeado por doce hectáreas de vexetación, nas que destacan as árbores que lle dan nome (Oliewenhuis significa Casa das Oliveiras), e que poden ser percorridas a través de vieiros peonís.

Bruno no xardín do Museo Oliwenhuis

Obras de arte espalladas polo xardin da Oliwenhuis

Despois das dúas visitas saímos cara a Lesoto e moi devagar. Nos tres países a visitar a condución é pola esquerda e eu teño que ir paseniño ata coller o ritmo da condución. A vía está en moi boas condicións pero hai que ir amodo xa que en 135 km que separan Bloemfontein de Maseru atopamos ata seis (!) controis de tráfico. As estradas teñen en xeral, tanto en Suráfrica como en Lesoto, unha beiravía moi ancha na que os coches acostuman abeirarse para deixarse adiantar polos que veñen atrás.

Paisaxe entre Bloemfontein e Lesoto

Facemos unha parada para xantar en Ladybrand,  unha vila de poboación maioritariamente negra xa moi preto da fronteira. Pasamos pola Oficina de Turismo onde non saben recomendarnos ningún punto interesante da vila e rematan facéndonos entrega dun folleto de Lesoto (!!).

MASERU (Lesoto)

Lesoto é un país de interior, sen saída ao mar e totalmente contornado por territorio surafricano. O único xeito de chegar ata aquí é polas diferentes estradas que chegan dende o país veciño ou nalgún dos tres voos diarios da compañía Airlink que comunican Xohanesburgo coa capital de Lesoto. Nin máis nin menos. E aínda así hai que ter en conta que algúns pasos fronteirizos son unicamente accesibles en vehículos todo terreo.

Nós chegamos pola entrada principal ao país, pola fronteira de Maseru Bridge, nun barrio ás aforas da capital lesotense. Lesoto ten ata trece pasos fronteirizos con Suráfrica pero tan só dous, e Maseru Bridge é un deles, están abertos as vinte e catro horas.

Fronteira no lado surafricano

Fronteira no lado lesotense

Esta fronteira é a máis  concorrida de todas e os comentarios na Internet falan de ata tres horas de demora, sobre todo na fin de semana. Nós facémolo en tan só corenta e cinco minutos. Primeiro paramos no lado surafricano para selar a saída no noso pasaporte. Pasamos sen parar pola Aduana deste país e repetimos a operación no lado lesotiano. Ninguén inspecciona o noso vehículo. Tampouco temos ningún problema nin parece que poida habelos.

Entramos en Maseru pero non temos a sensación de estar na capital dun país. Non é o que se espera dunha “capital”. Atravesamos a cidade pola que é practicamente a súa única rúa interesante (Kingsway) e seguimos pola estrada do aeroporto ata o noso aloxamento nas aforas.

O Rio Guest House é unha agradable casiña de cuartos modestos e un acceso endiañado. De feito, pasamos varias veces de largo sen decatarnos do desvío. Os últimos douscentos metros na pista de acceso son propios dun percorrido de trial. Pero unha vez no aloxamento, o persoal desvélase por facer a nosa estadía agradábel.

Baixamos cear e dar un paseo por Maseru e comprobamos que a frase que aparece na nosa guía de viaxes “Maseru é unha das capitais africanas e do mundo de perfil máis baixo” é verdade. A zona interesante da cidade limítase a unha única rúa con algúns edificios novos e, en xeral, pouca personalidade. Tampouco hai atractivos turísticos ou construcións con valor patrimonial. Realmente Maseru ten pouco de capital, sobre todo se temos en conta que é a única aglomeración importante de todo Lesoto. Nin sequera dá a impresión de estarmos nunha cidade de 430.000 habitantes.

Ceamos en pleno centro, no restaurante Rendez Vous que, como o nome indica, ten un certo aire afrancesado. O lugar fica agochado na parte traseira dunha área de aparcadoiro, pouco visible. Na carta non hai pratos típicos da gastronomía nacional pero a presentación e moi boa e o sabor aínda mellor. Ao longo da viaxe teremos tempo de comprobar que esa “gastronomía nacional” é practicamente inexistente. Unha sorpresa positiva é cando vemos na carta que as botellas de viño surafricano custan a partir de catro euros.

E coido que foi nese intre cando comezamos a namorarnos deste país.

Saímos de cear ás nove e media da noite e Maseru, case a escuras, xa durme tranquilamente. Vai algo de frío, estamos en inverno e os seus 1.600 metros sobre o nivel do mar fanse notar. O que non percibimos é esa atmosfera de perigo da que falan algunhas guías de viaxe.

Á mañá seguinte baixamos de novo á cidade, ao moderno centro comercial Pioneer Mall, para comprar aperitivos que levar no coche e, sobre todo, obter información no quiosco de información turística que está situado nun corredor do centro.

Estamos especialmente interesados en coñecer o estado das estradas, hai que informarse daquelas unicamente accesibles por vehículos 4X4. Tamén en obter unha listaxe con todos os aloxamentos do país. Á hora de facer as reservas pola Internet hai algunhas poboacións do noso percorrido das que non foi posible obter información ningunha. A oferta pode ser moi limitada e convén coñecer os aloxamentos dispoñibles en cada cidade.

Decidimos non cambiar diñeiro xa que traemos rands dabondo do día anterior. A moeda local, o maloti ou simplemente loti, ten o mesmo valor que o rand surafricano. En todo o país pódese pagar indistintamente en rands ou lotis. É máis, buscamos con insistencia billetes de lotis para gardar como lembranza e apenas atopamos uns poucos. Iso si, no caso de ter malotis hai que desfacerse deles antes de saír de Lesoto xa que non teñen valor algún nin en Suráfrica nin en ningún outro país.

Bruno diante dun letreiro anunciante moi curioso

Conducir por Lesoto é doado, as estradas están en mellores condicións do esperado. Malia conducir un coche pequeno e de pouca potencia, non temos problemas. Unicamente debemos renunciar a algunha estrada non pavimentada. É conveniente levar sempre o depósito cheo pero atopamos oferta suficiente de gasolineiras en case todas as vilas importantes do país. Como en Suráfrica, a beiravía serve para abeirarse á esquerda e deixar pasar os coches que queiran adiantar. Pero sempre con precaución, xa que é habitual que as beiravías se interrompan repentinamente ou atopar obstáculos no medio.

Algo moi importante á hora de pasar os controis de tráfico para non ter problemas é parar no mesmo lugar (pero no mesmo, mesmo) onde está o sinal de Stop e esperar a ser chamado para achegarnos á policía. O protocolo funciona así, non parar o facelo en lugar non axeitado pode resultar sospeitoso e traer complicacións. Nós pasamos por numerosos controis ao longo da viaxe e tan só somos detidos nunha ocasión. E coido que foi por que o policía tiña máis gañas de falar cuns estranxeiros que de preocuparse do tráfico. Dous brancos con matrícula surafricana parecen non espertar moito interese. No caso de que non haxa un sinal de Stop, tan só hai que reducir a velocidade e pasar moi amodo atentos ás indicacións da policía.

Finalmente, hai que ter en conta que Lesoto é un país con estradas a grande altitude sobre o nivel do mar. Pódense acadar facilmente varios graos baixo cero nos meses do inverno austral. A neve e o xeo fan a miúdo acto de presenza e a condución pode volverse perigosa.

E non hai que esquecer que estamos nun país no que a gandaría é a principal fonte de recursos, polo que burros, ponis, ovellas, cabras e vacas son unha constante da paisaxe e das estradas.

MATSIENG (Lesoto)

Dende Maseru seguimos cara ao interior do país. A primeira paraxe do día é na pequena aldea de Matsieng co Museo e os Arquivos Reais. A paisaxe do lugar é moi bonita, ao pé dunha parede vertical de rochas.

Hai que deixa-lo coche na bifurcación de camiños, ao pé do letreiro verde “Royal Residence”, e pedir para face-la visita aos militares de garda nos barracóns de ladrillo á esquerda dese letreiro (a situación exacta aparece no mapa da sección “Percorridos” deste blog). Esta é unha zona de acceso restrinxido por mor da existencia dunha residencia real.

Un militar acompáñanos para mostrarnos dende fóra o chalé do actual rei Letsie III. A familia mora habitualmente nun palacio en Maseru pero ten aquí unha segunda residencia que ocupa durante moitas fins de semana ao ano. Chamado eufemisticamente como palacio, non deixa de ser o que sería unha modesta casa de campo en países desenvolvidos. Non se permite facer fotos do lugar.

Despois, o militar déixanos na porta do museo, fronte á residencia real, onde nos recibe a coidadora-caixeira-guía do edificio. Non sei se debemos chamar museo ao pequeno barracón que o alberga nin a mínima colección de obxectos do seu interior. Pero por quince lotis, menos dun euro, facemos unha visita moi entrañable que nos introduce na historia de Lesoto e da súa familia real.

Entre Maseru e Matsieng

Bruno co militar a carón do Museo de Matsieng

A sinxeleza deste país comeza a chegarnos ao corazón. Non levamos nin vinte e catro horas e a nosa simpatía por Lesoto non para de medrar.

MORIJA (Lesoto)

Uns poucos quilómetros despois de Matsieng aparece a aldea de Morija, o asentamento da primeira misión europea neste país. O punto de referencia en Morija é o pequeno edificio de cor amarela que alberga, de novo, os Arquivos e o Museo, A colección é moi variada, con pezas etnográficas, artefactos científicos e arquivos sobre as misións.

Entramos no Museo pero non para visitalo. O que queremos é arranxar unha excursión pola montaña que nos leve a coñecer as famosas pegadas de dinosauros desta zona. Lesoto é un destino óptimo para este fin, con numerosos lugares de referencia espallados por diferentes zonas do país (Leribe, Quthing,…). E quizais Morija sexa o que ofrece a contorna máis espectacular. Esta excursión tamén pode ser feita a lombos dun poni sempre que sexa contratada por adiantado na Morija Guest Houses, un pouco máis arriba do museo. O Pony Trekking é unha das ofertas turísticas senlleiras de Lesoto.

Mentres esperamos polo noso guía aproveitamos para tomar algo no café do Museo. As mesas ao aire libre e un patio moi agradable compensan unha oferta reducida a pizzas caseiras.

Patio e café do Museo

A excursión a pé pode ser contratada directamente no Museo e sen reserva previa. O prezo é de cincuenta lotis por persoa, uns tres euros, para un paseo de ida e volta cunha duración aproximada de hora e media. Os preguizosos poden subir en coche ata a Morija Guest Houses. Os aforradores poden facer o mesmo e, dende alí, seguir pola súa conta montaña arriba, pero non hai sinalización e é doado perderse.

O camiño de subida e a montaña son fantásticos de seu pero non aptos para os que non queiran esforzarse. A subida final ata a rocha coas pegadas fai botar os folgos. Nada que non compense as bonitas vistas do val dende o alto.

Camiño dende o Museo de Morija ata as pegadas de dinosauros

Pegadas de dinosauros nunha rocha sobre o val de Morija

MALEALEA (Lesoto)

A última parada do día é xa no noso aloxamento, o Malealea Lodge na aldea do mesmo nome. O único acceso posible para nós que vimos do norte é dende Motsekuoa, por unha estrada de ida e volta. Os derradeiros sete quilómetros son de terra pero os coches pasan bastante ben. O outro acceso vindo do sur do país, dende Mohale´s Hoek, é unha estrada non pavimentada unicamente para coches 4X4.

Un dos atractivos que máis promociona o Departamento de Turismo de Lesoto é a posibilidade que ofrece este país de aloxarse nun antigo e auténtico trading post. É dicir, aqueles pequenos asentamentos comerciais que daban servizo ás áreas remotas a comezos do século XX. Agora reconvertidos en aloxamentos con certo encanto. Os trading posts de Malealea, Roma e Ramabanta son a súa principal oferta.

Malealea é o peor comunicado de todos, nunha especie de Shangri-La arrodeado de montañas ao que se accede por un paso de montaña coñecido como “Entrada ao Paraíso”. Un lugar parado no tempo que provoca unha sensación de illamento total. É necesario traer a reserva confirmada xa que non hai outra opción en moitos quilómetros á redonda, nin de aloxamento nin de restauración. E é aquí onde coincidimos, por primeira e única vez en todo Lesoto, con pequenos grupos organizados de turistas.

Entrada ao Paraíso

O aloxamento pode facerse en sinxelas pero acolledoras cabanas ou en rondavels, as típicas chozas africanas de forma redonda que foron pasadas polo filtro do século XXI para proporcionarlle certas comodidades.

Cabanas e rondavels en Malealea Lodge

http://malealea.com/

Malealea é un bo lugar para pasar un par de días xa que, ademais do aloxamento, ofrece paseos a pé polas aldeas do lugar, percorridos en bicicleta e experiencias en poni que van dende dúas horas a dous días. Os prezos de toda esta oferta aparecen na súa páxina web. Ademais, o establecemento ameniza as tardes cunha actuación musical na que participan un grupo coral e outro instrumental formados por xente local.

Entretemento musical en Malealea Lodge

Pola noite sentimos algo de fresco na cama. Nesta estación do ano pódese chegar aos vinte e pico graos durante o día pero as noites son frías e precísase do agarimo dalgún tipo de calefacción.

Son poucas as horas que pasamos en Malealea e sentimos certa pena de non poder quedar un día máis. Pero traemos case todos os aloxamentos reservados e temos que axustarnos ao programa deseñado.

Aínda que levamos pouco tempo en Lesoto xa temos constatados algúns feitos evidentes. Lesoto é un país esaxeradamente tranquilo, cunha oferta de atractivos de nivel medio e totalmente fóra das rutas dos circuítos turísticos. O país limítase a recibir a visita de surafricanos, especialmente en fin de semana, e duns poucos europeos que combinan Lesoto e Suráfrica. Ou, polo menos, iso é o que parecen indicar os libros de sinaturas que hai nos lugares turísticos.

A gastronomía é moi sinxela pero os escasos bos restaurantes ofrecen calidade a un prezo moi razoable. Fóra dos núcleos importantes de poboación non é doado atopar restaurantes coas condicións necesarias polo que se aconsella levar algunhas provisións a bordo do coche. A oferta de viños surafricanos é limitada pero cuns prezos esaxeradamente baratos para o peto español.

Por outra banda, Lesoto é un país moi puro dende o punto de vista racial, sen brancos. Un país cunha sociedade homoxénea tanto a nivel lingüístico como cultural. Apenas se perciben nin as diferenzas sociais nin as económicas e a maior parte da poboación é moi pobre, que non miserenta. A xente parece honesta e pacífica, deixan tranquilo ao visitante e fan da estadía unha experiencia positiva. En ningún momento sentimos perigo algún.

Polo que respecta á oferta turística, é moi limitada e con contados aloxamentos e restaurantes de nivel. Viaxar a Lesoto supón deseñar unha ruta de interese e reservar o maior número posible de servizos con antelación.

Se hai algo negativo que contar de Lesoto (máis tarde comprobaremos que tamén de Namibia) é a pouca oferta de lecer despois do solpor. A hora da cea é bastante cedo e o persoal dos aloxamentos vaise durmir ao seu remate. Os establecementos non teñen oferta de entretemento e as vilas e cidades tampouco. A única opción é refuxiarse no cuarto de cada un cunha boa lectura xa que a cobertura de wifi aínda é escasa.

QUTHING-MOYENI (Lesoto)

Á mañá seguinte desfacemos o camiño ata Motsekuoa para desviarnos cara á principal cidade do sur do país. O estado do pavimento das estradas é moi variado pero nun relativo bo mantemento en relación coas nosas expectativas. Aínda que sempre pondo mil ollos para adiantarse aos imprevistos. Algúns treitos presentan abondosas fochancas que as veces se converten en severos buracos. Tamén hai que ter precaución dos desprendementos que se producen nestas erosionadas montañas, sobre todo nesta zona do sur onde parece que levan moito tempo sen ser limpados.

Pasamos varias horas percorrendo bonitas paisaxes de montaña. Temos presa en chegar a Quthing xa que foi o único lugar do país do que non conseguimos información sobre aloxamentos dende Galicia. Quizais o problema estaba en que buscabamos na Internet polo seu nome actual e non polo antigo de Moyeni, que segue a ser moi utilizado entre a poboación local.

Cos rapaces á saída do colexio Masitise

Cinco quilómetros antes de chegar a Quthig-Moyeni desviámonos á dereita, uns poucos centos de metros por pista para visitar a Masitise Cave House Museum. Hai un letreiro na estrada principal. A pista non está en bo estado pero conseguimos pasar. Aparcamos a carón do colexio de primaria Masitise e seguimos a pé os escasos metros ata o rondavel do garda e guía do museo. A entrada é de quince lotis, non chega a un euro. Comprobamos no libro de visitas que ninguén pasou por aquí hai xa varios días.

Foi esta unha antiga misión na que o reverendo suízo David-Frédéric construíu a súa vivenda familiar baixo unha inmensa rocha que xa fora ocupada hai centos de anos polo pobo San. Curiosamente, no teito formado pola propia rocha aparecen un par de pegadas de dinosauro. Preguntámoslle ao guía polas pinturas San das proximidades ás que fai referencia a nosa guía pero seica xa non son accesibles.

Pegada de dinosauro na rocha do teito

A cova dende fóra

Regresamos á estrada principal e pasamos de largo o desvío para Quthing. A moi escasos metros do desvío paramos nun pavillón cunha área de aparcadoiro á esquerda da estrada.  O edificio é insulso pero dentro podemos ver unha gran rocha de areísca con moitas pegadas de dinosauros. O prezo da entrada é de trinta lotis. Coñecer as pegadas en Quthing é doado en comparación con Morija pero resulta moito menos atractivo.

Pavillón con pegadas de dinosauros á entrada de Quthing

Rematada a visita comezamos a nosa busca de aloxamento para ese noite. Ao día seguinte teremos unha longa xornada de condución ata a vila de Roma. Na Oficina de Turismo de Maseru recomendáranos o Fuleng Guest House pero está completo. Despois de percorrer toda a oferta da cidade e atopar algúns establecementos completos e outros pechados, rematamos no único aloxamento digno e con dispoñibilidade: o Mountain View Hotel. Un pouco pretensioso, ofrece cuartos amplos pero algo lúgubres e, sobre todo, caros para o seu valor real. Non temos ningunha outra opción e pasamos alí a noite.

Ceando no Fuleng Guest House

Para cear regresamos ao Fuleng Guest House que parece ser o mellor (e único) restaurante da cidade. A cena bufete sérvese a unha hora en concreto na que soamente hai dúas mesas ocupadas, incluída a nosa. Non entendemos moi ben ese “cheo” dos aloxamentos da cidade. Onde están a cear todos os hóspedes que enchen os cuartos do Fuleng e demais establecementos? E cal é o interese de tanto visitante nunha cidade como Quthing, desprovista de atractivo e afastada do resto do mundo? Finalmente, quedaremos sen resposta a este interrogante.

ROMA (Lesoto)

É o noso cuarto día e temos por diante unha das estradas máis espectaculares do país. Lesoto é coñecido como “Kingdom in the Sky” ou Reino no Ceo, facendo dobre alusión á súa condición monárquica e ao feito de ser o país coa a altitude mínima sobre o nivel do mar máis alta do mundo. Para entendelo, o punto máis baixo de Lesoto é de 1.380 metros sobre o nivel do mar. E dende esa altitude, a paisaxe sube e baixa ata os 3.482 metros da montaña Thabana Ntlenyana, no macizo Drakensberg.

Conducir por Lesoto é todo un pracer. Malia ter que ir prestando atención ao estado da estrada, cada recuncho ofrece unha sorpresa. Montañas áridas e paisaxes erosionadas pero tamén prados verdes, profundos canóns e fervenzas espectaculares. E todo este “mix” arrodeados por un mundo rural en estado virxe e sentíndonos os únicos protagonistas estranxeiros.

Conducindo por Lesoto

Pasamos toda a mañá a conducir, unhas catro horas con tempo para fotos. Á metade do camiño, o canón do río Orange loce especialmente atractivo baixo un ceo azul anil. Queremos chegar á pequena poboación de Semonkong antes do xantar. En xeral, as cidades de Lesoto non son bonitas, nin sequera interesantes. Pero Semonkong é o punto de partida para coñecer unha das fervenzas máis engaiolante das que teño visto eu: a Maletsunyane Falls.

Canón do río Orange

Unha vez en Semonkong hai que procurar o sinal do Semonkong Lodge e seguilo para desviarse por unha pista de terra nun terrible estado de mantemento. Cando a pista comeza a descender abruptamente é mellor deixar aí o coche aparcado (agás os 4X4) e facer os últimos metros a pé ata o Lodge. O Semonkong Lodge é o lugar perfecto para comer algo e coller forzas antes de atacar a excursión á fervenza.

Fronte á recepción do establecemento acostuman a estar sentados os guías, xente nova, que, por 135 lotis ou uns 8 € por persoa, acompañan aos visitantes ata a fervenza. Un paseo interesante de dúas horas entre a ida e a volta para chegar ao alto dun canón no que o río ofrece un auténtico espectáculo cunha caída de auga de case 200 metros en vertical. E coido que a palabra espectáculo queda algo cativa nesta caso. As vistas son dende a outra beira do canón. Aqueles que dispoñan de máis tempo tamén poden organizar previamente co guía no caso de querer visitar o pé da fervenza.

Outra opción é facer o paseo en poni. O Semonkong Lodge é de novo o lugar onde poder arranxalo. O servizo ten un importe de catrocentos lotis, case vinte e cinco euros por persoa, incluíndo a montura e un guía acompañante.

Ponte de entrada ao Semonkong Lodge

Camiño da fervenza

A marabilla de Maletsunyane Falls

É preciso saber que o caudal de auga do río varía moito segundo a estación do ano. Estamos a finais do mes de setembro e comezos da primavera austral cando o río Maletsunyane leva un nivel medio. O mellor momento para visitar a fervenza é a tempada de choivas da época estival.

A esta altura da viaxe xa somos fans incuestionables de Lesoto. Sentímonos moi a gusto neste país e cóstanos entender que reciba tan poucos visitantes. Esta si é a África real. Un país cun tamaño semellante ao de Galicia e unha poboación de dous millóns de habitantes que dá para unha viaxe de seis ou sete días e sen deixar de ver lugares impresionantes. Non sei se a razón de que sexamos tan poucos visitantes é a escasa presenza de Lesoto nos medios de comunicación ou as dificultades de transporte para achegarse ata aquí. Quizais que nunca protagonizou un feito histórico de renome… Non sei, pero o noso sentimento é que Lesoto merece ser coñecido por moita máis xente da que viaxa ata aquí.

Camiño de Roma

Despois da fervenza, seguimos o noso percorrido ata a vila universitaria de Roma. Si, o mesmo nome que a capital italiana. A entrada na vila é por unha sorprendente canteira de areísca branca pero a poboación que descubrimos deseguido non resulta tan interesante.

Uns poucos quilómetros despois de Roma e, de novo, cun acceso penoso nos derradeiros centos de metros, chegamos ao noso aloxamento: o Roma Trading Post. O lugar resulta moi agradábel para durmir, incluso o noso rondavel está mellor equipado co de Malealea. Pero o Roma Trading Post non respira o encanto do seu “irmán” o Malealea Lodge. Os espazos comúns perden en comparación, sobre todo o comedor. De feito tan só hai un cuarto, ademais do noso, ocupado por unha simpática parella de ciclistas holandeses.

www.tradingpostlodge.com/

Bruno diante do noso rondavel no Roma Trading Post

THABA-BOSIU (Lesoto)

Amencemos en Roma e seguimos camiño ata o enclave de Thaba Bosiu (Montaña da Noite). Esa pequena montaña plana foi onde o primeiro Rei de Lesoto, Moshoeshoe I “O Grande”, se atrincheirou e estableceu o poboado “capital” da Nación Basotho no ano 1824, o berce de Lesoto. O Rei Moshoeshoe nunca sufriu unha derrota e foi grazas a el que Lesoto permaneceu como unha unidade territorial e cultural. Tamén foi o responsable de que o cristianismo se convertese na relixión maioritaria do país. A montaña de Thaba Bosiu é o primeiro sitio histórico de Lesoto pola súa importancia, pero a realidade é que dende o punto de vista turístico ofrece pouco para visitar.

Estamos de novo preto da capital, a vinte e cinco quilómetros de Maseru. Ata agora seguimos un itinerario case circular que nos levou polo sur para traernos de novo ao norte do país.

Ao pé da montaña, na estrada principal, hai unha pequena cabana que funciona como Centro de Visitantes onde poder informarse da mellor maneira de subir a este enclave que aínda conserva algúns restos do asentamento e dun pequeno forte, así como a sinxela tumba do Rei. Tamén se pode contratar un guía para facela visita a pé ou en poni. Hai  que contar cun par de horas e que ninguén espere moito máis que o valor histórico do lugar, un agradable paseo e as vistas dende a montaña.

O que si resulta interesante e o complexo de edificios que se estende na chaira que está por debaixo do Centro de Visitantes. Unha entrada dobre con teito de colmo pecha o recinto no que podemos encontrar un museo, o poboado cultural, o auditorio e un restaurante. A entrada combinada para a visita guiada do museo e do poboado cultural e de oitenta lotis equivalentes a escasos cinco euros.

Montaña Thaba-Bosiu á esquerda dende os edificios do complexo cultural. Cabana do Centro de Visitantes ao pé da montaña

Edificios do complexo cultural en Thaba-Bosiu

Cabanas no poboado cultural de Thaba-Bosiu

O Museo recrea a historia do país a través de paneis informativos. O guía que nos acompaña pon moito énfase en todo o que explica pero cóstanos seguir o acento endiañado do seu discurso. A visita ao poboado cultural resulta máis apetecible. Un pequeno recinto agrupa numerosas vivendas de estrutura moi sinxela que representan as diferentes tipoloxías construtivas que existiron en Lesoto. Entre elas, a vivenda das esposas favoritas de Moshoeshoe I (tivo moitas) trasladada dende o alto da montaña.

Demoramos moito tempo na visita e matamos a fame no restaurante do complexo cultural. Despois seguimos en coche ata o outeiro Quiloane, unha formación famosa no país por recordar a figura do sombreiro típico nacional basotho.

Sombreiro típico basotho

Outeiro Quiloane, preto de Thaba-Bosiu

HA KOME (Lesoto)

A segunda e última visita do día é á cova Ha Kome ou Kome Cave. Dende Thaba-Bosiu hai dúas opcións, ben facer un desvío de moitos quilómetros pasando por Maseru, ben coller a estrada directa e máis curta pero interrompida por sete quilómetros de pista.

Optamos pola segunda posibilidade e iremos arrepentíndonos ao longo de todo o traxecto. O firme da pista non reúne as condicións adecuadas para o noso vulnerable Toyota e cada metro percorrido é unha posibilidade de deixa-las rodas no camiño. Ademais a ruta carece de sinalización e en cada cruzamento temos que buscar alguén que nos marque o camiño axeitado ou improvisar e decidir por nós mesmos.

Chegamos a duras penas á pequena aldea de onde parten tanto a estrada como o vieiro que baixan ata o Centro de Visitantes da cova Ha Kome. Vimos advertidos das malas condicións do firme da estrada e deixamos o coche xunto ao sinal indicativo. Baixamos a pé por unha senda peonil que atravesa a aba da montaña. Dende o noso aparcadoiro vemos perfectamente o edificio do Centro de Visitantes abaixo, no val, e resulta doado seguir a senda ben marcada que baixa pola montaña.

Baixando cara ao Centro de Visitantes de Ha Kome

O Centro é realmente un edificio baleiro que tan só funciona como lugar onde pagar a entrada ao recinto e onde encontrarse co guía local. O prezo é de 43 lotis, menos de 3 euros, por persoa. Durante o paseo estaremos acompañados por un grupo de rapaces do lugar que buscan entreterse cos poucos estranxeiros que chegan ata aquí.

 

 

 

 

 

 

Esta visita é un dos puntos fortes do noso paso por Lesoto. Houbo e haberá outros pero Ha Kome quedará na nosa memoria por moito tempo. O lugar non é realmente unha cova senón un saínte da montaña que acolle no seu interior unhas poucas e moi sinxelas vivendas construídas en barro. Parte desta experiencia positiva son esas dúas vellas que viven aquí como descendentes das familias que as poboaron por primeira vez a comezos do século XIX e coas que compartimos uns momentos simpáticos. Somos invitados a entrar e a comprobar as poucas comodidades do día a día destas persoas. Seica as novas xeracións prefiren as casas mellor preparadas das aldeas veciñas polo que Ha Kome será outro lugar turístico sen vida en moi pouco tempo, en canto as nosas amigas sexan recollidas polas súas familias por non poder valerse por si mesmas.

Os nosos compañeiros durante a visita

A historia do porqué deste lugar é longa e complicada. O noso simpático guía aporta tantos datos que non somos quen de almacenalos na memoria. Demoramos dúas horas ata que regresamos de novo ao coche.

TEYATEYANENG (Lesoto)

A media tarde xa estamos no lugar onde imos pasa-la noite, unha das poboacións importantes do país que aparece abreviada como TY (Teyateyaneng). Esta vila ten fama de ser o único centro de artesanía que mereza tal nome en Lesoto. Hai ata tres tendas especializadas e nalgunha delas pódese seguir o proceso de fabricación dos típicos tapices do país. Polo resto, TY non resulta un lugar demasiado interesante.

Chegamos unha chisca pasadas as cinco da tarde e os locais de artesanía xa están todos pechados. Aproveitamos para entrar nalgún dos grandes almacéns da rúa principal que, ao igual que no resto do país, están en mans da poboación chinesa. Compramos unha das mantas tradicionais con cores atrevidas que son un emblema nacional do país. As mantas substituíron as peles dos animais na segunda metade do século XIX  e, dende entón, son o abrigo que axuda a levar as frías noites e o  longo inverno deste país. Están presentes por todas partes e dentro dun estilo propio hai moita variedade de cores e de deseños. O prezo dunha boa manta cento por cento lá é a partir dos 750 lotis ou 45 euros.

TY vai esmorecendo co solpor e seguimos para o noso aloxamento nas aforas, o Kapitseng Guest House. Xa de tardiña gozaremos coa comida do restaurante e con certa animación do seu bar, máis tendo en conta a habitual  austeridade das noites deste país.

www.kapitsengguesthouse.com/

KATSE DAM (Lesoto)

Hoxe é a nosa derradeira xornada en Lesoto e sentimos moitísima pena por ter que deixar un país que nos fai sentir tan ben.

A dúbida chega á hora de organizar este día. TY queda a unhas dúas horas da fronteira de Calendonspoort, dende onde temos unha hora máis por territorio surafricano ata o noso destino na vila de Clarens.

Unha opción é parar e visitar as cidades de Leribe, tamén coñecida como Hlotse, e Butha-Buthe, a segunda en importancia do país. Ambas quedan de camiño aínda que non parece que poidan ofrecer algo interesante. A segunda opción é coller unha estrada de montaña dende Leribe que nos levará polo Parque Nacional Bokong para achegarnos ata o encoro de Katse Dam. No caso de escoller esta última precisaremos de entre dúas horas e media a tres horas para percorrer os 122 km que hai entre Leribe e Katse Dam. E outro tanto para a volta.

Escollemos a segundo opción aínda que temos claro que imos andar moi xustos de tempo. Pero tamén estamos seguros de que non volveremos a Lesoto en moito tempo. O interese de Katse Dam radica en visitar un dos maiores encoros do sur de África pero tamén en atravesar parte das paisaxes virxes do centro do país. O encoro foi construído como medio para conseguir ingresos (Lesoto anda moi curto deles) a través da venda de auga potable a Suráfrica.

O noso pequeno Toyota que puido coas estradas de Lesoto

Paisaxes e perigosas estradas cara a Katse Dam

Amencemos moi cedo para non andar ás presas e o acontecer do día vainos confirmar o axeitado da nosa decisión. Pasamos as horas subindo e baixando por empinadas pendentes. Vendo o lento que discorren os quilómetros decidimos non parar no Centro de Visitantes do Parque Nacional Bokong. Ao fin e ao cabo xa estamos a gozar da súa paisaxe.

Á metade da nosa ruta desátase unha das famosas tormentas eléctricas polas que é coñecido este país. Aínda que habituais da época estival tamén se manifestan durante o resto do ano. Non hai outros coches na estrada nin lugar onde gorecerse. Pasamos algo de medo cando nos vemos arrodeados por raios e unha choiva intensa que remata converténdose nunha sarabia de grans moi gordos. Ao remate, queda unha paisaxe que parece nevada e numerosos desprendementos de rochas no medio da estrada.

Treboada e sarabia no camiño

A viaxe faise infinita ata que, por fin, chegamos a Katse Dam. Visitamos rapidamente o Centro de Visitantes dende onde se obteñen as mellores fotografías da parede desta inmensa presa (1.950 millóns de metros cúbicos). Aqueles interesados nas obras de enxeñería hidráulica tamén poden face-la visita guiada polo seu interior. Nós, con medo dunha nova treboada na viaxe de volta, seguimos o noso camiño ata o Katse Lodge, aloxamento e restaurante onde saboreamos un bo xantar con vistas ás augas do encoro.

Katse Dam

Xantando en Katse Lodge con vistas ao encoro

Por sorte, atopamos mellores condicións ao noso regreso. De novo en Leribe seguimos cara á fronteira que permanece aberta ata as dez da noite. Os trámites fronteirizos son os mesmos cos de entrada pero o paso está baleiro e rematamos en menos de quince minutos. Entramos de novo en Suráfrica.

Lesoto queda atrás e con el unha gran dose do noso cariño por este lugar. Aqueles á procura dunha África real e espontánea, este é o seu país. Posiblemente Lesoto sexa un destino que non dea para máis de oito ou dez días e con visitalo unha vez na vida poida ser suficiente, pero facédeme o favor de non eliminalo da vosa listaxe de lugares a coñecer.

Durante o noso percorrido non deixo de verlle similitudes cunha viaxe anterior a Ruanda. Ambos os dous son países de interior, moi montañosos, sen grandes atractivos, sen estéticas tribos nin sorprendente vida salvaxe (a non ser os gorilas das montañas de Ruanda). Pero ambos os dous viven á marxe dos grandes fluxos turísticos que inundan o resto do mundo. Son destinos de prezos razoables. Lugares onde unha receptiva poboación local fai que o estranxeiro se sinta a gusto. Quizais, destinos para ir en boa compaña.

CLARENS (Suráfrica)

Pasamos a fronteira e unha hora despois entramos en Clarens. A vila de Clarens foi fundada no ano 1912 coa instalación de dúas granxas. No ámbito surafricano é bastante coñecida por pertencer á Ruta Escénica das Terras Altas, entre as montañas Roolberge e as Maluti, converténdose nestes últimos anos nun famoso destino de fin de semana, sobre todo entre os habitantes da provincia de Gauteng e a cidade de Xohanesburgo.

Despois de pasa-la fronteira con destino Clarens

Nós decidimos pasar por Clarens pola súa situación no noso camiño cara a Joburg e polas recomendacións da guía Lonely Planet que o presenta como un destino emerxente, un lugar de aire bohemio con numerosos restaurantes con encanto, galerías de arte e anticuarios. Ademais, Clarens é un bo punto de partida para coñecer outros lugares como o Parque Nacional Golden Gate Highlands e Qwaqwa.

Acomodámonos na, totalmente recomendable, casa de Niki. Unha inglesa encantadora que aterrou en Suráfrica despois do seu paso por Canadá. Niki aluga dous cuartos totalmente independentes anexados á súa propia vivenda por 40 euros/noite. O cuarto é moi confortable e Niki fai todo o posible para que a estadía resulte pracenteira. O aloxamento aparece referenciado coma 16 Horeb Street na maioría dos buscadores.

Seguimos a moita altura xa que nos encontramos a 1.810 metros sobre o nivel do mar. Imos cear a un restaurante recomendado por Niki na praza central da vila, relativamente animada na noite do sábado. Hai música en vivo pero remata antes da hora á que os galegos acostumamos cear. Seguimos de troula polos poucos pubs nocturnos de Clarens, todos próximos a esta praza central. Pero o ambiente nocturno é excesivamente xuvenil para o noso gusto e rematamos deitándonos cedo.

Diversas fotografías da vila de Clarens

Bruno catando a produción da cervexería local

Deixamos Clarens cun sentimento de pequena decepción. Seguro que é un destino ideal para a fin de semana dos surafricanos que poden viaxar ata esta pequena e coqueta vila na que se respira un agradable ambiente de vida rural con aire chic e sen problemas de seguridade nas súas rúas. Pero Clarens resulta aburrida durante a semana e, coido que, non paga a pena para os estranxeiros se é que teñen que facer un gran desvío sobre a ruta programada.

GOLDEN GATE HIGHLANDS NATIONAL PARK (Suráfrica)

Á mañá seguinte tomamos a estrada que vai cara á cidade de Harrismith. Despois dun traxecto de vinte minutos en coche pasamos o control de entrada do Parque Nacional Golden Gate Highlands, onde rexistran a matrícula do noso coche. Aos poucos quilómetros, despois de deixar á dereita o Golden Gate Hotel, atopamos unha zona de acampada e un aparcadoiro a carón do Centro de Visitantes do Parque.

Camping e Centro de Visitantes no fondo do val visto dende o Sentinela

A estrada divide o Parque en dous polo que se pode desfrutar da súa paisaxe de forma gratuíta. Pero no caso de parar no Centro de Visitantes e querer facer a pé algunha senda haberá que pagar unha entrada cuxo prezo nos parece totalmente fóra de lugar. Os non surafricanos debemos aboar a chamada Standard Conservation Fee de 210 rands, equivalentes a case 13 euros por persoa. A entrada dá dereito a realizar algún dos vieiros que sube pola aba fronte ao Centro de Visitantes con paseos que van dunha a dezaseis horas. Tamén para facer en coche os dous loops, itinerarios dun só sentido, que ascenden e descenden polas montañas e permiten ver algo de vida salvaxe.

Vida salvaxe dende un loop

Os loops teñen o pavimento en bastante mal estado e as indicacións son inexistentes. Para ver ben os animais son necesarios os prismáticos. O segundo loop que aparece á esquerda seguindo a estrada de Harrismith conduce ata a Área de Conservación de Voitres, onde unha pequena caseta de observación permite contemplar estas aves de preto cando se achegan aos comedeiros preparados polo persoal do Parque. Non sei se é por ser domingo, que ese día os voitres non fan aparición no lugar.

De volta no Centro de Visitantes, facemos o paseo máis habitual, o Brandwag Buttress Trail, que sobe ata o cumio do Sentinela, un inmenso rochedo de areísca convertido no símbolo non oficial do Parque. O paseo é de dous quilómetros e medio e supón algo máis dunha hora. Dende o rochedo hai unha vista magnífica do val.

Facendo o Brandwag Buttress Trail

A formación rochosa do Sentinela dende dúas perspectivas diferentes

Nin facendo os loops no coche nin a camiñada a pé pasamos ningún control do persoal do Parque. Tampouco hai control de saída seguindo a estrada de Harrismith. Entendo que se podería face-la visita sen ter que pagar a cara entrada do Parque, pero iso queda para a iniciativa de cada un.

Vindo de Lesoto non entendemos o interese deste Parque. A súa paisaxe é unha máis ( non a mellor) das que podemos atopar no país veciño. Pero todo queda no seu lugar cando fagamos a nosa viaxe por terra a Xohanesburgo dous días despois. Golden Gate é un lugar moi senlleiro e bastante espectacular en relación coas paisaxes dominantes desta parte de Suráfrica cunha presenza esaxerada de terras chairas de cor ocre.

www.sanparks.org/parks/golden_gate/

MOTOULENG HARITAGE SITE (Suráfrica)

É o noso último día en Clarens e Niki, a nosa anfitrioa, recoméndanos a visita á Cova da Fertilidade ou Motouleng Haritage Site. Desfacemos o camiño pola estrada que trouxemos de Lesoto en dirección á vila de Fouriesburg. Ao ver o sinal de Surrender Hill hai que desviarse á dereita por unha pista de terra.

O mundo máxico e case irreal da cova

Seguimos varios quilómetros pola pista principal e sen ningún tipo de indicación ata que vemos carteis de No Entry (propiedade privada). Atendendo ao que nos contou Niki pasamos de longo e sen facer caso ao letreiro ata atopar un cerrume lateral co nome Motouleng Haritage Site en grandes letras. No caso de que a cancela estea pechada hai que toca-la bucina do coche un par de veces para que a encargada, que vive na casa inmediata, se achegue a abrila.

Pagamos vinte rands por persoa. Entramos no recinto e pasamos a carón de moitas vacas seguindo en coche ata un aparcadoiro varios centos de metros máis aló, ao final do camiño transitable. Logo seguimos a pé durante quince minutos, cruzando un par de veces o río Little Caledon. Entramos na cova, debaixo da parede vertical do canón do río e o que descubrimos alí convértese nun dos mellores momentos desta viaxe.

Unha cova natural invadida por certa sensación de irrealidade e cunha forte atmosfera de misticismo. Dentro hai unhas cantas vivendas moi sinxelas e uns valados de pedra que pechan as áreas nas que os peregrinos pasan a noite. Vemos xente con moita devoción que acode a pedir polos seus antepasados ou a rogar pola fertilidade das súas mulleres. Vemos persoas que recollen a auga que pinga da rocha do teito, seica polos seus valores positivos. Vemos peregrinos axeonllados ante altares pagáns. Pedras sagradas que son limpadas polo coidador de cova,….

Ademais temos a sorte de coincidir cun casamento (grazas Niki!): un grupo de xente da provincia de Limpopo que vén ata aquí para celebrar un matrimonio e, deste xeito, asegurar a fertilidade da parella. Somos convidados a participar sen restricións da cerimonia e do posterior convite.

A unión non é oficiada por ningún representante da xerarquía relixiosa. Todo transcorre ao ritmo do canto dos asistentes. O evento é sinxelo, sen ningunha complicación. Polo que chegamos a entender, o casorio queda consumado no intre no que a parella solta unha pomba en liberdade que, por certo, alguén se encargará de apresar de novo.

O “banquete” é modesto. A comida de calquera outro día a non ser por esa torta con forma de rondavel que posiblemente faga alusión á vivenda que ocupará o matrimonio. Pero o xantar non importa, este é un deses momentos marabillosos que converte nun auténtico pracer o feito de viaxar polo mundo!

Peregrinas camiño da cova

Bruno á entrada da cova co canón do río de fondo

Imaxes da Cova da Fertilidade

Toda unha experiencia poder participar neste casamento!

 

PHUTHADTJHABA-QWAQWA (Suráfrica)

Despois de visita-la cova desfacemos o camiño andado e regresamos a Clarens. Dende alí collemos de novo a estrada de Harrismith que atravesa o Parque Nacional Golden Gate Highlands para seguir ata a cidade de Phuthadtjhaba, un township e capital do antigo homeland de Qwaqwa.

Os homeland (palabra apartheid con sentido pexorativo) ou bantustanes (a versión contra apartheid) foron un invento do réxime surafricano a comezos do século XX para privar de dereitos a unha gran parte da poboación negra do país. Eran reservas tribais, de poboacións homoxéneas dende o punto de vista étnico, que, con diferentes niveis de autonomía, estaban confinadas en territorios de escaso valor produtivo. Deste xeito, os negros eran estranxeiros no seu propio país e precisaban dun pasaporte para moverse por Suráfrica. Os homeland eran bolsas de man de obra moi barata para os intereses surafricanos e, ao mesmo tempo, unha especie de prisión na que controlar aquela poboación non desexada.

Qwaqwa foi un dos bantustanes máis pequeno con tan só 655 km² e poboado por 180.000 negros de raza basotho e lingua sesotho. Un lugar improdutivo e sen posibilidades de prosperar. A día de hoxe, tanto a cidade como a rexión resultan pouco interesantes a non ser polas bonitas montañas que lle serven de fondo fotográfico.

Phuthadtjhaba é unha cidade escangallada e moi sucia, habitada case exclusivamente por poboación negra. Buscamos onde xantar e non hai un só restaurante que pague a pena. Un gran contraste coa delicadeza branca de Clarens. Nin sequera vemos  algún recuncho que nos anime a facer fotos. Na avenida de entrada hai uns edificios novos da Universidade que parecen un canto á esperanza, aínda que os letreiros avisando da falla de seguridade nesa zona nos devolven á certeza do lugar no que estamos.

A única fotografía interesante que vimos en Qwaqwa

Ao día seguinte percorremos en catro horas a distancia que separa Clarens do aeroporto de Joburg. Enlazamos estradas comarcais e nacionais en moi bo estado pasando polas poboacións de Bethlehem e Warden. Nesa última cidade entroncamos coa autoestrada N3 que vén dende Durban camiño de Joburg. Atopamos moitos controis de tráfico, coma sempre neste país.

As autoestradas son de pagamento e a peaxe é descontada automaticamente a través dun receptor no noso vehículo do que nós non sabiamos que existía. Tamén hai a opción de pagamento manual en metálico ou con tarxeta de crédito.

Chegamos á autoestrada de circunvalación de Joburg e non é doado controlar as direccións. Moitas das saídas aparecen unicamente referenciadas coa matrícula da estrada correspondente, sen figurar o destino.  No noso caso precisamos seguir o navegador do meu teléfono para non dar voltas e voltas e así poder estar en tempo na terminal do aeroporto.

Tamén vemos pórticos electrónicos de peaxe nas autoestradas de circunvalación, ao modo dos de Portugal, para os que é preciso levar un receptor no vehículo. É moi importante  comentar o itinerario a realizar en Suráfrica coa empresa de coches de alugueiro e, dese xeito, ver as necesidades para o pagamento de autoestradas.

Hoxe decimos con pena un adeus a Lesoto e un ata logo a Suráfrica antes de berrar un ola ao noso próximo destino en Namibia.

4 comentarios en “En coche polo Reino no Ceo (Lesoto)

  1. Pingback: No sul de Suráfrica – O corazón da África branca | Cidadán do Mundo, pero galego

  2. Pingback: Namibia-Deserto a esgalla | Cidadán do Mundo, pero galego

  3. Hola Xan: Creo que para redondear los post deberias ampliar los pies de fotos, ayudan mucho a seguir el hilo del relato. En muchos faltan, en otros eres muy escueto.. por ejemplo en la foto de la boda en la cueva pones “Toda unha experiencia poder participar neste casamento!” yo hubiera puesto: Tuvimos ocasion de estar en una boda en el santuario, donde admiramos la indumentaria de boda de los asistentes, y pudimos parrticipar sujetando el palio (o lo que hubierais hecho

    Un bico

    • Hola Enrique, muchas gracias por seguirme en gallego desde Valencia. Cuando no escribo ningún pie de fotografía significa que son distintas instantáneas de un mismo momento que se corresponden con el último pie de foto. Pero tienes razón, a veces puede ser interesante comentar algo más para entender mejor lo que está pasando. Lo tendré en cuenta. Un abrazo.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.