O noso paso por Namibia consiste nun itinerario de dez días que se corresponde coa segunda etapa dunhas vacacións de verán que comezan en Lesoto e rematan no sur de Suráfrica. Podedes ler as outras partes desta viaxe nos links Lesoto e No Sul de Suráfrica
Organizar as nosas vacacións en Namibia resultou algo fatigoso. Tanto que houbo momentos nos que estiven a piques de tira-la toalla. O problema eran os aloxamentos. O país é inmenso e a oferta limitada. As grandes distancias entre as escasas cidades, entre os atractivos turísticos e entre os propios establecementos non dá para a improvisación. Se o aloxamento do teu interese está completo, non é doado achar facilmente un substituto. Encontrar unha oferta digna onde pasa-la noite, preto dos lugares apropiados e a prezos razoables, resultou moi difícil.
Malia principiar as reservas con tres meses de antelación, chegou un momento no que parecía non haber máis opcións que prescindir dalgunha visita ou pagar cantidades non aptas para o noso peto. Para facelo máis complicado, moitos aloxamentos non aparecen nin en webs como Trivago nin en centrais de comercialización como Booking e hai que solicita-la reserva directamente con cada un deles. Finalmente e con moita paciencia fun quen de ir arranxando as cousas, pouco a pouco.
O meu consello é organizar a visita a Namibia con moito tempo e sen deixar nada á improvisación. Non é un destino nin para chegar sen reservas nin para ir arranxando as necesidades no día a día.
Despois de rematar a nosa estadía en Lesoto e na vila de Clarens, atravesamos o territorio central de Suráfrica para chegar ao aeroporto de Xohanesburgo. Tras un par de horas de espera na terminal aérea, saímos nun voo de Air Namibia con destino Windhoek. Son dúas horas escasas dentro dun avión que ofrece un bo servizo a bordo. O prezo do billete foi de 134 euros incluíndo dúas maletas facturadas por persoa.
Aterramos de noitiña nun aeroporto case baleiro, con escasos avións e aínda menos viaxeiros. Os españois non precisamos de visado e os trámites van rápido. O cambio de moeda das oficinas da terminal parece razoable, conseguimos 16,30 dólares namibios por cada euro. Trocamos o xusto para esa noite á espera de conseguir un mellor cambio ao día seguinte.
Hai que ter en conta que o dólar namibio ten paridade co rand suráfricano. E co transcurso dos días comprobaremos que, ao igual que en Lesoto, os pagamentos poden ser feitos indistintamente en rands ou dólares locais. E sen ningún contratempo.
Temos o traslado contratado directamente co noso aloxamento. A tarifa de vinte e tres euros parece sensata para os corenta quilómetros que separan o aeroporto do centro da cidade. A estrada que comunica o aeroporto con Windhoek está sen iluminar e dá a sensación de atravesar unha zona despoboada, sen casas nin tráfico.
Xa de noite pecha, o persoal da recepción dános pouca esperanza de atopar algún lugar aberto que resulte interesante para uns estranxeiros. Ao final, o diñeiro cambiado non vai ser necesario; Windhoek é unha cidade moi tranquila, sobre todo nos días de semana.
Quedamos no noso hotel, o Cameleon Backpackers&Guesthouse, un establecemento que parece ser o centro mochilero da cidade pero que tamén ofrece cuartos cun alto nivel de comodidade. Pagamos uns cincuenta euros ao cambio por un cuarto dobre co almorzo incluído.
Á mañá seguinte toca facer as xestións necesarias para a nosa estadía no país: trocar o diñeiro suficiente ata chegar á próxima cidade (Swakopmund), pasar polo supermercado e mercar provisións para as infinitas horas que imos estar conducindo (e viño para as tranquilas noites do país), e recoller o coche de alugueiro que nos vai acompañar durante a nosa estadía.
O noso coche é un Toyota Corolla da compañía Hertz por un importe de 324 euros para o total dos nove días. Aquí conseguimos franquía cero agás para os pneumáticos e o parabrisas. Esas coberturas non estaban dispoñibles no momento de face-la reserva pola Internet e quedaron en suspenso para ser contratadas directamente nas oficinas de Namibia. Xa en Windhoek, pídennos outros 180 euros por este concepto.
Decidimos prescindir desa cobertura e arriscarnos a ver o que pasa, confiando na nosa boa sorte. Pero esta debe ser unha decisión moi meditada xa que unha gran parte das estradas de Namibia, incluídas moitas nas áreas turísticas, non están pavimentadas. O estado do firme pode ir dende aceptable a moi deficiente. E no caso de picada nunha roda ou de crebar o parabrisas correría por conta do cliente.
O transporte público é totalmente ineficaz para visitar Namibia, hai pouca oferta e non dá servizo á maior parte dos lugares turísticos. O viaxeiro que opta por visitar Namibia faino ben nun circuíto organizado ou ben alugando un vehículo propio co que realizar o seu itinerario. E a maioría, a diferenza de nós, decídense por un 4×4 apropiado ás difíciles condicións destas estradas. Sen dúbida, un 4×4 é a mellor opción pero este tipo de vehículos teñen unha tarifa de alugueiro moito máis cara.
Sexa o coche que sexa, conducir por Namibia esixe encher o depósito do combustible sempre que haxa unha gasolineira dispoñible e, por suposto, pór moita atención ao estado do firme e aos animais salvaxes que poidan ocupa-la calzada. Tamén é importante no momento de recoller o coche de alugueiro comprobar que leva a roda de reposto e o gato elevador.
Remataremos o noso percorrido nove días despois bendicidos pola sorte de non ter ningunha incidencia malia conducir un Toyota Corolla sen grandes prestacións. Non fomos os únicos, o meu amigo francés Alex estivo por aquí hai poucos meses, tamén cun Toyota, e conseguiu saír indemne do reto. Pero a resolución de que modelo de coche alugar e de se incluír ou non a protección de pneumáticos e parabrisas debe tomala cada un, valorando os pros e os contras da súa decisión.
En Namibia, ao igual que nos países veciños, hai que devolve-lo coche limpo, sobre todo no seu interior. O persoal de Hertz advírtenos de que no caso de entregalo sucio farán un cargo na nosa tarxeta por un importe equivalente a uns corenta euros.
As estradas asfaltadas teñen aquí un mellor mantemento que en Lesoto e apenas hai fochancas, pero carecen das anchas beiravías tan típicas de Suráfrica. A falla de tráfico intenso e os escasos núcleos de poboación atravesados permiten que academos velocidades de ata 120 km/hora, sempre dependendo das condicións do pavimento e segundo a velocidade autorizada.
TSUMEB
Saímos de Windhoek en dirección norte, camiño do Parque Nacional Etosha. O noso primeiro destino é Tsumeb, unha pequena cidade de quince mil habitantes que ostentou o rango de capital da provincia de Oshikoto ata o ano 2008. A orixe de Tsumeb foi a minaría do cobre pero hoxe vive grazas ás numerosas granxas asentadas na zona.
Dende Windhoek son 438 quilómetros por unha estrada ben pavimentada que ofrece unha paisaxe extremadamente monótona de árida sabana. Unha inmensa chaira elevada (Tsumeb está a 1.250 m de altitude) que anuncia os desertos que logo veremos por todo o país. Polo camiño non atravesamos ningún núcleo poboado que mereza ese nome. Numerosos sinais advirten ao condutor da posibilidade de atopar familias de xabarís invadindo a calzada.
En Namibia, ao igual que en Lesoto, non é doado atopar nin cafeterías nin restaurantes ao longo da estrada. E as distancias son enormes, unha aldea ou unha vila poden estar a ducias de quilómetros do seguinte lugar habitado. Hai casos extremos como a ruta de 220 km entre Walvis Bay e Solitaire na que non atopamos ningún servizo en todo o camiño. Cada quen debe levar consigo no coche o que poida precisar.
A sinalización das estradas non acostuma a ser boa e, a miúdo, resulta moi irregular. As direccións a seguir e a distancia ata á seguinte poboación poden aparecer abundantemente ou, simplemente, non aparecer. Depende de cada unha das vías.
Chegamos a Tsumeb e imos directamente ao noso aloxamento, o Tsumeb Backpackers. Malia o nome, o establecemento é unha pequena vivenda privada na que se alugan cuartos con acceso individualizado e baño privado. Agrádanos sobre todo o xardín tapizado con area de praia e ambientado cunha antiga furgoneta Mercedes que fai as veces de bar. Pagamos 575 dólares namibios por un cuarto dobre co almorzo incluído.
Dando unha volta polo centro de Tsumeb entendemos deseguido o lonxe que están as cidades namibias con respecto ao modelo de urbe mediterránea. Aquí lévanse as poboacións moi espalladas, dotadas de grandes avenidas e sen apenas tráfico. E sempre baleiras de xente dende primeiras horas da tarde. Son as cinco e todo aparece pechado agás os poucos bares e aloxamentos do centro.
Coido que é por influencia xermana e estadounidense que as cidades namibias teñen pouco de africanas, tanto no seu aspecto físico como no seu latexo vital. Resultan pouco interesantes en xeral. Despois de cear nun dos escasos lugares abertos e con algo de animación, regresamos ao noso aloxamento.
Polo noso horario de chegada a Tsumeb e o de saída cara a Etosha á mañá seguinte, tan só temos tempo de dar unha volta pola cidade. Os que dispoñan de máis horas poden visitar un pequeno museo que hai no centro (por suposto, pecha ás cinco da tarde) e os restos do meteorito Hoba, a varios quilómetros ao sueste de Tsumeb. O meteorito, que está considerado como o de maior tamaño dunha soa peza e, con sesenta toneladas, o máis pesado do mundo, pode ser visitado no seu lugar de aterraxe preto da cidade de Grootfontein.
PARQUE NACIONAL ETOSHA
Xunto co Parque Nacional Kruger en Suráfrica, están considerados os dous mellores santuarios para a vida salvaxe do sur do continente africano. E eu diría que bastante mellor co Kruger xa que o Parque surafricano é tan extenso que resulta máis difícil encontrarse con animais.
Aínda así, o Parque Nacional “Gran Lugar Branco” -esa é a tradución de Etosha- ten unha extensión de 22.912 km², un setenta e oito por cento da superficie de Galicia. E iso como consecuencia dos recortes progresivos que foi sufrindo dende os seus 80.000 km² orixinais.
O noso desexo inicial era pasar dous días en Etosha facendo noite no Halali Resort, un aloxamento a medio camiño entre as portas de entrada Von Lindquist e Andersson e un dos escasos catro establecementos situados dentro da área protexida. Halali era ademais o único que ofrecía un prezo razoable.
Sen ningún cuarto dispoñible para as nosas datas, intentámolo co resto da oferta de aloxamento e xa dispostos a pagar unha tarifa maior. Finalmente, e malia a antelación coa que tentamos facer a reserva, non conseguimos nada dentro do Parque. Polo tanto, non quedou máis remedio que mudar de planes: durmir a noite anterior ao noso ingreso fóra dos límites do espazo protexido e durmir de novo fóra despois de visitalo.
Aínda aloxándose fóra, ben para abaratar custos ou ben para solucionar o problema da alta ocupación dos establecementos, a visita de Etosha nun día é posible. Tan só hai que madrugar o suficiente para, saíndo de Tsumeb, visita-lo espazo protexido e chegar xa de noitiña a algún dos hoteis que se atopan máis aló dos seus límites.
Despois de visitar Namibia, coido que a alta ocupación que dan os aloxamentos no momento da reserva non é real. Son cotas bloqueadas polos operadores turísticos do país para os seus clientes de circuíto. O turista que visita Namibia en grupo organizado é coñecedor de que está a viaxar a un destino caro e parece non ter problema en pagar polo “privilexio” de durmir en certos lugares.
Saímos de Tsumeb moi cedo pola mañá e collemos a estrada ben pavimentada que vai cara á cidade setentrional de Ondongwa. Á altura do Parque, cando vemos o sinal de Namutoni, desviámonos cara á esquerda e seguimos os últimos dezanove quilómetros sen asfaltar antes da porta de entrada. Son un total de noventa e dous quilómetros os que separan Tsumeb da Porta Von Lindquist. Curiosamente, e malia ser Etosha un dos principais atractivos turísticos de Namibia, o seu nome non aparece en ningún sinal ao longo da estrada.
Na Porta Von Lindquist é onde rexistran a matrícula do noso coche e onde pagamos unha entrada de oitenta dólares namibios por persoa e outros dez dólares polo vehículo. Un total de cento setenta dólares equivalentes a pouco máis de dez euros.
No Tourist Shop a carón do Namutoni Resort, dez quilómetros máis aló da Porta Von Lindquist, venden uns folletos moi prácticos coa cartografía da rede de estradas e coa situación de todas as pozas a visitar no Parque.
Un aspecto positivo de Etosha é que pode ser visitado tanto en circuítos organizados e con guía como coa liberdade que proporciona o ter un coche propio. Nin sequera se precisa dun vehículo 4×4. Si, Etosha está aberto á visita individual e en coche particular. Cada un pode marcar o seu propio itinerario.
Soamente hai que ter en conta que o Parque abre ao amencer e pecha ao solpor. Fóra da hora de apertura non se permite a circulación de vehículos e os visitantes deben permanecer nos seus aloxamentos. E por suposto, durante a visita hai que manter as portas e os cristais do vehículo pechados en todo momento. Tan só hai unhas poucas áreas sinalizadas nas que se permite descender do vehículo. Os animais salvaxes están presentes por todo o territorio do Parque e poden facer acto de presenza en calquera momento
Outro aspecto favorable de Etosha é a súa paisaxe dominante, a sabana de vexetación baixa, herbácea e arbustiva, onde ver animais é relativamente doado. Para facilitar a observación da vida salvaxe creáronse unha serie de pozas artificiais que, xunto cos bebedeiros naturais, son o lugar perfecto para encontrarse coas bestas que acoden a beber en manada. As pozas ou waterholes están espalladas por todo o territorio e os animais acostuman concentrarse nelas á primeira hora da mañá e á última da tarde.
Dende Namutoni dirixímonos cara ao nordés, pola pista que arrodea Fischer´s Pan. A palabra inglesa pan (tixola en galego) tamén fai referencia a chairas salinas normalmente secas que poden acumular auga por mor das choivas intensas durante algúns meses do ano. Decidimos visitar primeiro esta zona por non seguir o itinerario de todos os coches que nos preceden e que van camiño do Halali Resort.
Lamentablemente, os sinais indicativos son practicamente inexistentes nesta parte do Parque. É doado perderse. A mellor referencia é circular deixando a chaira salina sempre á nosa esquerda. Chegamos á súa poza principal, a de Aroe, que está case seca. Atopamos poucos animais e temos que conformarnos con algunhas galiñas de Guinea, ñus, gacelas e cebras de diferentes especies e subespecies.
Pero temos a boa sorte de ver un kori bustard, o paxaro voador meirande do continente africano. E despois dunha curva pechada, unha preciosa xirafa sae ao noso encontro no medio da estrada que fai que o desvío a Fischer´s Pan pague a pena.
De regreso a Namutoni seguimos as pistas que bordean a Etosha Pan, outra chaira salina. Esta é inmensa, e moito máis grande ca Fischer, cunha medidas máximas de cento dez por sesenta quilómetros e unha superficie total de 4.731 km².
A nosa ruta non está programada, consiste en deixarnos levar polas estradas de terra que van dende a Porta Von Lindquist á Porta Andersson e que unen os resorts de Namutoni, Halali e Okaukuejo. Un itinerario lineal de oeste a leste que cobre aproximadamente un cincuenta por cento das rutas transitables do Parque.
O itinerario entre as dúas portas sería de 169 km no caso de coller o camiño máis curto, pero nós metémonos por moitas pistas alternativas e facemos un percorrido de máis quilómetros. Non todas as pistas son accesibles, algunhas están en bastante mal estado e hai un alto risco de quedar atascado no caso de non levar un coche con tracción ás catro rodas.
Polo camiño imos visitando as pozas ou waterholes de Chudop(*), Kalkeheuwel, Springbokfontein(*), Batia, Rietfontein, Okaukuejo(*) e, xa case saíndo do Parque, Ombika(*). As que levan un asterisco é onde a súa vida animal nos deixou máis abraiados. Pozas onde se mesturan moitísimas clases diferentes de animais: elefantes africanos, órices (oryx), kudús (tragelaphus strepsiceros), impalas, alcélafos (alcelaphus caama) e raficeros comúns (raphicerus campestris).

Os enormes elefantes africanos e moreas de cebras atravesando a estrada preto do waterhole de Springbokfontein
Xantamos no Halali Resort, pero chegamos unha chisca tarde e o restaurante xa está pechado. Temos que conformarnos cuns bocadillos na cafetaría da piscina. O aire non corre e a calor do mediodía resulta asfixiante. Ao nordés de Halali paramos no miradoiro de Etosha (Etosha Lookout), onde a vista se perde na inmensidade da Etosha Pan.
É a última hora da tarde cando o Parque nos agasalla con dous galanos. O primeiro regalo é a posibilidade de ver unha leoa atacando un ñu, un espectáculo natural e cruel que nos fai sentir protagonistas dun documental sobre a vida salvaxe en África. O segundo agasallo chega co solpor, na poza situada na parte de atrás do Lodge Okakuejo. Aquí temos unha visión que nos fai lembrar cando os animais eran donos e señores deste mundo. Quedamos totalmente impresionados polo que vemos no Okakuejo waterhole. Non tedes máis que mirar as fotos que alí fixemos.
Unha vez rematado a nosa visita no pozo de Ombika, a carón da porta de entrada Andersson, seguimos outros trinta e dous quilómetros ata o noso aloxamento no Mondjilla Safari Camp.
Deixamos o Parque sen a oportunidade de ver hienas, leopardos ou guepardos. En Etosha non hai nin hipopótamos nin crocodilos pola falla de auga. Pero levamos acumulada na nosa retina unha chea de imaxes de gran forza. Ve-los animais en liberdade no seu medio natural é un auténtico privilexio.
Os nosos amigos Mayte e Antonio, cos que nos xuntaremos uns días despois na Cidade do Cabo, pasarán un par de xornadas no Parque Nacional Kruger de Suráfrica antes do noso encontro. Pero o que eles verán está moi lonxe das nosas vivencias en Etosha. Máis tendo en conta que viaxaban organizados e acompañados dun guía…
O noso aloxamento, o Mondjila Safari Camp, ofrece tendas de campaña estables e ben acomodadas por un importe de noventa e un euros/día para dúas persoas incluíndo o almorzo. O prezo está por riba do que lle corresponde pero é o habitual na oferta próxima a Etosha. Pola noite preparan unha cea bufete algo cara e excesivamente farturenta para as nosas necesidades. Negociamos para que nos preparen un só prato a prezo conveniente.
https://mondjilasafaricamp.wheretostay.na/
MACIZO BRANDBERG (White Lady)
Á mañá seguinte saímos por estrada asfaltada ata a cidade de Outjo. Dende aí seguimos en dirección á vila de Khorixas e pouco antes de entrar nesta poboación desviámonos a Uis. Dende Outjo collemos diversas pistas de terra ata completar os 243 km que separan este lugar do noso destino final. A paisaxe é cada vez máis desértica.
Á altura da aldea de Uisberge detémonos na estrada para ver os postos de artesanía das mulleres da tribo herero. As herero visten cos mesmos vistosos traxes de estilo vitoriano que debían levar durante o período da colonización obrigadas polos alemás. Traxes limpos, sorprendentes e totalmente fóra de lugar. A súa artesanía é sinxela, composta esencialmente por bonecas de trapo, bolsas de tela e pulseiras de corno de búfalo.
En xeral, a artesanía namibia é escasa e pouco orixinal. As tendas de Windhoek e Swakopmund acostuman vender obxectos coa orixe noutros países africanos.
En Uisberge ofrécennos a posibilidade de seguir a pé cun guía en busca da manada de elefantes do deserto (si, no deserto namibio hai elefantes) que é habitual desta zona. A excesiva calor do día quítanos os poucos ánimos que levamos. Ao fin e ao cabo vimos de ver centos de animais en Etosha e, entre eles, moitos elefantes.
Nos últimos quilómetros antes de chegar a Uis, preto do desvío cara ao Macizo Brandberg, encontramos outros poucos postos de artesanía, nesta ocasión atendidos por mulleres das tribos himba. A artesanía que venden é a mesma que ofrecen as mulleres herero, ao que hai que engadir algún abelorio propio da súa vestimenta e as pequenas bonecas himba.
É esta unha tribo seminómade formada por unhas 50.000 persoas que viven en grupos pequenos e en lugares remotos do norte de Namibia e do sur de Angola. A orixe e a lingua de himbas e hereros é común pero o seu aspecto é completamente diferente. Os himbas non pasaron o filtro da colonización, a súa escasa vestimenta e os seus elementos decorativos son extremadamente orixinais. O aspecto máis rechamante é esa cor avermellada e brillante dos seus corpos, froito da arxila de ocre mesturada con manteiga coa que enzoufan os seus corpos.
Hereros e himbas son as dúas tribos representativas de Namibia, as que saen en todos os catálogos turísticos. Pero o seu hábitat fica lonxe dos itinerarios turísticos e visitalos nos seus poboados orixinais supón organizar caras expedicións de varios días. Cada vez chegan máis ao sur do país na procura dun diñeiro que axude a equilibrar á súa difícil situación económica. A única opción de velos para os que seguimos rutas establecidas son estes postos de artesanía ou os mercados turísticos de Windhoek e Walvis Bay. E aquí, preto de Uis, resultan moito máis naturais.
Viaxamos toda a mañá para chegar a xantar ao único restaurante de Uis, situado fronte ao supermercado da vila. A comida pareceunos escasa e moi mellorable. Unha excepción nun país no que, ao igual que en Lesoto e Suráfrica, o habitual e gozar dunha oferta gastronómica interesante e a bo prezo.
Uis é un deses lugares literalmente afastado do mundo. Sen apenas transporte e unicamente comunicado por estradas de terra. A razón da súa existencia é unha inmensa mina situada nas aforas desta pequena vila.
Hai dous Uis completamente diferentes. O branco, para enxeñeiros e directivos, formado por unha cuadrícula ben urbanizada de casas individuais que respiran comodidade. E o Uis negro, a uns poucos quilómetros do anterior, ocupado polas familias dos obreiros da mina. O Uis negro ofrece un aspecto desordenado que fai lembrar aos townships surafricanos. Os dous Uis son pequenos e a súa oferta de servizos é moi limitada.
En Uis non hai moito que facer así que pola tarde subimos á montaña artificial formada polo material extraído da mina para ver a posta de sol sobre o Macizo Brandberg. O alcume de Brandberg é o de “Montaña de Fogo” pola incidencia do sol sobre a fronte occidental deste macizo de granito rosa á última hora da tarde.
O noso aloxamento está entre os mellores do percorrido por Namibia. O Daureb Isib Campsite está formado por unha serie de cabanas amplas e confortables que teñen un simpático baño a ceo aberto nunha construción auxiliar. Pagamos cincuenta e un euros ao cambio pola cabana e o almorzo dos dous. Un inconveniente é que a cafetaría do hotel pecha ás cinco de tarde e o establecemento queda desatendido ata que chega o vixiante nocturno, varias horas despois.
www.daurebisib.com/daurib-isib-campsite/
A única opción para cear sen ter que regresar ao restaurante do mediodía é achegarse a unha das casas do Uis branco, a curta distancia do hotel. A Inecia´s Home Kitchen ofrece un servizo de catering cuns poucos pratos e prezos que van dos 85 aos 150 dólares namibios (de 5 a 10 euros). A comida pode ser consumida directamente na casa ou servida no hotel, neste caso previo pago dunha pequena cantidade polo desprazamento. A comida de Inecia é saborosa e unha boa forma de pasa-la noite en Uis. E se engadimos un viño aceptable do supermercado local, pois moito mellor. A casa non ten letreiro e hai que preguntar na recepción do hotel ou a algunha persoa na rúa.
Co novo día desfacemos algúns quilómetros da estrada pola que viñemos o día anterior. Saímos en dirección a Khorixas ata atopar o desvío sinalado como White Lady. Vamos camiño das montañas Brandberg onde se atopa a maior altura de Namibia cos 2.573 metros sobre o nivel do mar do pico Königstein (Pedra do Rei).
O macizo é de seu un destino turístico para aqueles que queiran face-lo ascenso de dous días ata o pico Königstein ou para outros que, coma nós, veñan coñecer a White Lady. A estrada que seguimos remata na entrada da Reserva Natural Brandberg. Aquí pagamos un tícket de cen dólares namibios por persoa, uns seis euros, que inclúe unha visita guiada de hora e media.
O paseo lévanos pola parte baixa dun canón ata un pequeno saínte da rocha no que ver as famosas pinturas coñecidas como White Lady (Dama branca). Este desfiladeiro ademais acolle centos de refuxios que foron feitos aproveitando as rochas naturais e miles de pinturas realizadas sobre pedra que se remontan ata cinco mil anos atrás.
As árbores retorcidas e de pólas esnaquizadas do camiño son as testemuñas dos elefantes que acostuman vivir no macizo. Pero nesta época Brandberg preséntase como unhas montañas calcinadas nas que non ten caído nin unha pinga de auga nos últimos meses. Os elefantes tiveron que abandonar o lugar en busca de novas fontes onde beber.
O sol é abrasante e o único alivio posible é un sombreiro nas nosas cabezas. Tampouco hai que esquecer a crema protectora solar.
A White Lady foi un dilema arqueolóxico que barallaba múltiples hipóteses sobre a data e a autoría da obra. Incluso houbo historiadores que chegaron a xustificar a súa relación coas pinturas da civilización minoica da illa de Creta. Hoxe en día está bastante aceptado o feito de seren pinturas realizadas hai uns dous mil anos polo pobo San. Tamén se cre que a “Dama branca” é realmente un xamán masculino ataviado para unha danza ritual, un persoeiro real que practicaba a medicina neste territorio. Outras teses falan simplemente dunha escena de caza.
Regresamos a Uis ao mediodía e decidimos comprar algo de comer no supermercado para seguir o noso camiño cara á costa.
CAPE CROSS
Saímos atravesando o deserto de Namib cara ao noso destino final para ese día, a cidade de Swakopmund. Pero antes, ao chegar á costa e preto da poboación de Hentiesbaai (ou Henties Bay), collemos en dirección norte ata a Reserva de focas de Cape Cross. Ao conducir por Namibia hai que ter en conta que os topónimos que aparecen nas estradas poden facelo indiferentemente na súa forma en inglés ou en afrikaans. Nunca aparecen as dúas ao mesmo tempo.
Ao encontrarnos co mar collemos a estrada que bordea a costa en dirección norte. Ao longo de moitos quilómetros imos vendo que nas beiras da estrada hai numerosos postos rudimentarios con obxectos á venda e sen ninguén cos atenda. Paramos nun deles para comprobar que a mercancía que ofrecen son anacos de sal, algúns con formas moi orixinais. Unha listaxe de prezos en cada un deles indican os importes que os clientes “deberían” deixar por vontade propia. Coa nosa mentalidade desconfiada pensamos que tiñamos que estar sendo vixiados por alguén, pero fixemos o xesto de levarnos o sal sen pagar e ninguén se achegou a nós.
Finalmente nin levamos nin pagamos nada. A miña experiencia coa compra de obxectos de sal nas minas de Polonia confírmame a incompatibilidade destes obxectos co clima galego. Rematan desfacéndose e converténdose en auga.
A nosa visita a Cape Cross volve ser un intre marabilloso desta viaxe. É a posibilidade de exercer unha interacción con miles de focas. En concreto cen mil delas se é que facemos caso do que contan as guías de viaxe. A colonia de focas máis numerosa do mundo grazas á abundancia de peixe que arrastran as correntes mariñas que golpean este treito da costa.
Aquí aprendemos sobre o comportamento irregular destes animais, sobre todo dos machos, que pasan dunha agresividade máxima á unha aparencia totalmente relaxada en tan só escasos segundos. As focas permiten que paseemos entre elas sempre que non nós acheguemos en exceso. Se se senten en perigo poden atacar e os seus dentes afiados son unha boa arma defensiva. Pagamos oitenta dólares pola entrada (5 €) e pasamos unha hora pasmando cos berros e fanfurriñadas destes animais.
Cando collemos o coche para saír cara a Swakopmund vemos un par de chacais roldando as focas máis noviñas. Seica o chacal é, ademais do home, o principal depredador de focas en terra firme. É xa de tardiña e saímos entusiasmados de Cape Cross. Desfacemos o camiño ata Hentiesbaai para logo seguir a Swakopmund a onde xa chegamos coa escuridade da noite.
SWAKOPMUND e WALVIS BAY
Son tres as noites que pasamos na única parte da costa namibia con certa densidade de poboación. O cambio con respecto á nosa primeira etapa de viaxe por este país é radical. Swakopmund non é o que calquera esperaría de África senón unha cidade de aspecto occidental, tanto polos servizos e comodidades que ofrece como pola súa arquitectura de forte influencia alemá. O nivel de vida parece ser alto e moitos edificios residenciais son enormes e luxosos. Swakopmund representa un adianto das zonas “brancas” que logo visitaremos en Suráfrica.
A cidade parece ter un clima especial (raro) que nos acompaña dende Cape Cross. Pasamos rapidamente do deserto cun sol abrasador en Brandberg ás néboas abondosas e ás temperaturas frías e húmidas de Swakopmund. Quizais fose esta a razón pola que os europeos decidiron construír aquí, para fuxir das calores rigorosas do resto do país. Non deixa de ser curioso xa que Swakopmund foi levantada directamente sobre a area do deserto e tan só hai que dar uns pasos fóra da poboación para atopalo de novo.
Durmimos nos Apartamentos Sandcastle e pagamos cento dezaseis euros ao cambio (só aloxamento) polo total das tres noites. Os apartamentos son amplos e agradables e o único negativo foi que neses días facía unha chisca de friaxe no seu interior.
www.sandcastle-swakopmund.com/
O primeiro día decidimos viaxar 44 km en dirección sur para visitar Walvis Bay, a cidade xemelga de Swakpomund pero de forte influencia inglesa. Walvis Bay é unha cidade industrial que contrasta co carácter residencial e turístico de Swakopmund. A súa baía acolle o único porto marítimo do país e o principal aeroporto da costa namibia.
De camiño, e sete quilómetros antes de entrar en Walvis Bay, somos parados nun control de tráfico onde nos solicitan os papeis de Aduana do noso coche con matrícula surafricana. Os papeis non están co resto da documentación facilitada por Hertz e o coche e retido pola policía. Dános a impresión de que debe ser unha situación frecuente xa que en canto telefonamos á oficina de Hertz en Walvis Bay, os responsables comprométense a acudir inmediatamente cun coche de reposición.
Demoramos dúas horas en solucionar este inconveniente, tempo que enchemos de conversas coas amables mulleres policía, moi curiosas por coñecer cousas sobres as nosas existencias e o estilo de vida español. Pero non quero nin imaxinar se esta situación tivera lugar en Uis, en Etosha ou en calquera outro punto do noso percorrido, lugares moi afastados e sen ningunha oficina Hertz a man. Sen dúbida perderiamos varios días de viaxe con todos os problemas de reservas que iso supón.
É por esa razón que na nosa última xornada en Windhoek, á hora de devolve-lo vehículo, decidimos pór unha reclamación contra a compañía de alugamento de coches. Pero o persoal da oficina de Hertz asume o seu erro e aceptamos unha compensación dun día gratuíto de aluguer. Polo tanto…, lección aprendida! Se un coche de alugueiro ten matrícula estranxeira, neste país ou no que sexa, hai que comprobar que ten os papeis axeitados para poder circular.
Pasado o control de tráfico seguimos a ruta do día, xa co noso novo coche, e cruzamos Walvis Bay ata as aforas, ao sur da cidade. Aquí hai unha lagoa con luxosas casa residenciais á beira dun paseo dende onde se poden ver de preto bandados de preciosos flamencos rosas.
De regreso ao porto deportivo da cidade, xantamos estupendamente no restaurante Anchors & The Jetty. Por suposto, acompañados dunha boa botella de viño surafricano. Os tres restaurantes da zona e o pequeno mercado de artesanía fan do porto deportivo a referencia turística de Walvis Bay, sobre todo en domingo.
No porto atopamos moita xente nova procedente de Bostwana, pequenos grupos que aproveitaron os días de ponte pola conmemoración da independencia do seu país para atravesar Namibia e achegarse a coñecer de preto o mar. Veñen vestidos coas súas mellores galas e traen moitas ganas de pasalo ben. Algúns tardaron dúas xornadas dende o seu lugar de orixe. E outro tanto para a viaxe de volta.
Xantando no porto escoitamos música en directo que sae do restaurante veciño La Bella Vita. Decidimos aproveitar e tomar unha copa á primeira hora da tarde arrodeados por vellos moteiros brancos. Un ambiente de alcohol e música rock and roll que dá a medida perfecta dos extremos contrastes deste país, tanto en paisaxes como na xente que o poboa.
Rematamos o día na Duna 7, unha duna xigante de 383 metros de alto situada ao pé da estrada que une Walvis Bay co seu aeroporto, a seis quilómetros do centro da cidade. Duna 7 ten o récord de ser a máis alta do Deserto do Namib e, ademais, facilmente accesible en coche. O lugar é un espazo habitual no que pasar o día e onde facer pícnic, especialmente en domingo. Aquí predomina a xente local, hoxe acompañados dos grupos de Bostwana, e Bruno e máis seu somos dos poucos brancos presentes.
O reto consiste en subir a duna con certa dignidade pero non todos o conseguen. Moita xente maior e algúns novos quedan polo camiño. Unha vez arriba, botarse correndo pola súa ladeira é todo unha ledicia.
Ao día seguinte, o último en durmir en Swakopmund, dedicámonos a coñecer esta curiosa poboación. A cidade ofrece a mellor escolma de arquitectura de influencia alemá de toda África. Os edificios están moi espallados e leva un tempo coñecelos todos devagar. Tamén aproveitamos para trocar diñeiro e para encher o depósito de gasolina.
Na visita incluímos a antiga estación de tren do ano 1901 reconvertida nun hotel de categoría superior. Os mostradores de venda de billetes son agora os da recepción do establecemento. Pasamos polo Kaiserliches Bezirksgericht, antigos xulgados do ano 1902 transformados na residencia de verán do Presidente de Namibia. Subimos á torre da Woermannhaus, declarada Monumento Nacional. Intentamos visitar o restaurante situado no baixo do rechamante faro do centro de Swakopmund, agora pechado por reformas. Esculcamos detidamente a fachada da Casa Hohenzollern.
Tamén nos achegamos ao jetty, o peirao de ferro construído en 1905 que foi durante moitos anos o único molle utilizable en todo o país, ata que a cidade autónoma de Walvis Bay foi incorporada ao estado namibio. Visitando o peirao de ferro atopamos unha foca moribunda que veu morrer na praia veciña. Seica é habitual ver ao longo de toda a costa a focas que veñen descansar ou, como neste caso, morrer en terra firme. Unha tristura ver ás nosas bipolares amigas de Cape Cross nos seus últimos momentos.
Os interesados en arquitectura colonial gozarán coa oferta de Swakopmund. Polo resto, a cidade non loce especialmente animada no mes de outubro. Unha boa oferta de restaurantes e uns poucos bares de copas axudarán a levar as frescas noites da costa namibia. Swakopmund é tamén o mellor lugar do país para mercar artesanía africana, pero os prezos son bastante elevados en xeral. De feito, nós sairemos do país cos escasos obxectos comprados a hereros e himbas.
Dicimos adeus a Swakopmund, sen dúbida un lugar estraño que non deixou en nós ningunha pegada de emoción. Un punto e aparte en Namibia ao que lle outorgamos un interese relativo.
Deixamos sen realizar as dúas excursións habituais nesta parte do país. Por unha parte, a visita en vehículo 4X4 ás dunas xigantes que hai uns anos enterraron literalmente o pequeno porto e base comercial de Sandwich Harbour. As dunas morren no mar e resultan bastante espectaculares. Por outra parte, a ampla oferta de voos en avioneta que sobrevoan as zonas desérticas do norte (Skeleton Coast) e do sur do país (Sossusvlei). Aínda que valoramos ambas as dúas posibilidades, os prezos que manexan os operadores turísticos e as axencias de viaxe locais parécenos totalmente descompensados co interese desta oferta.
SOSSUSVLEI
Entramos na recta final do noso paso por Namibia. Saímos de mañá cedo de Swakopmund, pasando de novo por Walvis Bay e con destino final en Solitaire, un pequeno enclave de servizos relativamente preto das famosas dunas de Sossusvlei.
A acepción francesa da palabra solitaire (solitario, en soidade) parece máis axeitada para este lugar ca súa correspondente en inglés (pedra preciosa). Solitaire parece un decorado sacado directamente dun filme estadounidense sobre a epopea da conquista do Oeste. Pouco máis que unha panadaría, un supermercado, un restaurante e unha gasolineira nun poeirento cruzamento de camiños a catro horas de Walvis Bay. E sen ningún servizo nin poboación ao longo do camiño.
A pista que collemos pouco despois de pasar Walvis Bay é a que ten o firme nas peores condicións entre todas as que levamos percorrido ata agora. Son especialmente esgotadores aqueles treitos completamente cubertos de rodeiros que nós fan sentir máis dentro dun batedor que dun coche.
Varios quilómetros antes de chegar a Solitaire e, despois, ao longo do camiño entre esta poboación e Sesriem vemos abondosos sinais cos nomes de establecementos de aloxamento que non son visibles dende a propia estrada.
Chegamos a Solitaire á hora do xantar. Parecen non estar preparados para o número de visitantes dese día e atopamos o restaurante xa pechado e a panadería moi escasa de produtos á venda. Finalmente, matámo-la fame cun café con leite e uns pasteis tan grandes como pouco agraciados. Aínda máis, o lugar non é barato.
Pasamos a tarde na piscina do noso hotel, situado a dezaseis quilómetros de Solitaire en dirección a Sesriem. O Soft Adventure Camp está nun bonito lugar, unha chaira con vistosas montañas de rochas no horizonte. Pero o establecemento resulta caro e a relación calidade-prezo parécenos desfasada. Pagamos case noventa e dous euros/noite por un pequeno e sinxelo bungaló para dúas persoas que nin sequera inclúe o almorzo. Non dan opcións para a cea a non ser o bufete (caro). E a segunda noite quedamos sen luz e sen aire acondicionado.

Fotografías das diversas instalacións do noso hotel, o Soft Adventure Camp. O lugar precioso pero falla o servizo
Solitaire é a poboación (?) de referencia para todos aqueles que queiran visitar as dunas de Sossusvlei, posiblemente a imaxe icónica máis fotografada do país. Pero dende aí aínda hai por diante oitenta e catro quilómetros ata Sesriem, o lugar no que pagar a entrada ao Parque Nacional Namib-Naukluft no que se atopa Sossusvlei. O aspecto que ofrece Sesriem tamén parece sacado dos filmes sobre o Oeste americano.
E aínda non chegamos. En Sesriem comeza unha estrada perfectamente asfaltada e sen saída que remata ao pé das dunas de Sossusvlei, sesenta e un quilómetros máis aló. É tremendamente curioso o feito de que superemos os 300 km de pistas de terra en condicións bastante deficiente dende que saímos de Walvis Bay, para encontrarnos cunha estrada asfaltada en moi bo estado de conservación e que non comunica ningún lugar habitado. Feita por e para o turismo.
É o segundo día cando facemos a viaxe de ida e volta dende o noso hotel ata Sossusvlei. O noso consello é saír moi cedo para evitar o terrible sol do mediodía durante a subida a Big Daddy, a gran duna con 325 metros sobre o nivel do val á que todo o mundo quere subir. Nós deixamos o noso hotel ás cinco e media da mañá, antes do amencer. Por diante 129 quilómetros, primeiro de pistas de terra e, logo, por unha estrada excelentemente asfaltada.
As portas de Sesriem abren coa saída do sol e pechan ás sete menos cuarto da tarde. A entrada ao Parque Nacional é de cen dólares namibios por persoa, uns seis euros ao cambio. Pasado Sesriem tan só hai que seguir a estrada ata o seu remate. Ao chegar ao final aínda estamos a uns catro quilómetros de distancia do comezo da subida á Big Daddy.
No mesmo aparcadoiro de coches hai un contedor sobre rodas onde ofrecen un servizo de transporte (shuttle) para percorrer esa distancia. Aqueles que leven un vehículo 4×4 poden pasar ata o último aparcadoiro en Sossusvlei Pan, o máis preto da duna. Os que levan un coche normaliño coma o noso están obrigados a seguir a pé ou contratar o servizo shuttle.
O prezo do shuttle, cento setenta dólares por persoa, é claramente turístico. Uns dez euros para un traxecto de ida e volta que non debería custar nin unha cuarta parte do seu prezo. É evidente que se aproveitan das circunstancias pero nós decidimos pagar. E recomendo face-lo mesmo. O calor abafante e o fatigante de camiñar pola area aconsella gardar as forzas para encarar a subida á gran duna.
Durante o camiño, o condutor do noso vehículo ten que deterse nun par de ocasións para axudar a desenterrar vehículos con condutores pouco acostumados a este tipo de firmes. No traxecto de volta vemos algún coche abandonado á espera de que veñan sacalo deste mar de area. Dende logo, non é aconsellable face-lo traxecto entre os dous aparcadoiros no caso de non ser un condutor con experiencia.
O aparcadoiro de Sossusvlei Pan no que nos deixa o shuttle está a mesma distancia do inicio do Big Daddy, a duna de referencia, e de Deadvlei, o famoso val mil veces fotografado no que afloran restos de árbores que asemellan petrificadas. Tamén serve de punto de partida para subir a Big Mama, unha duna menor (sen ánimo sexista), ou para facer un paseo de catro quilómetros entre a ida e a volta ata Hiddenvlei, outro val de árbores petrificadas moito menos visitado que Deadvlei.
Os viaxeiros que nos preceden diríxense indistintamente cara Big Daddy ou Deadvlei. Unha vez realizada a visita, a experiencia confírmanos que é mellor encamiñarse primeiramente cara a Big Daddy para atacar a súa subida por calquera dos dous camiños posibles. O ascenso ata o cumio esixe bastante esforzo e demora ben entre sesenta e noventa minutos. Unha vez arriba é un auténtico pracer descender a pé (e aínda máis correndo) pola ladeira de 325 metros que baixa directamente a Deadvlei. Aínda que Big Daddy é menos alto ca Duna 7, a nós pareceunos que require un esforzo moito maior. Non hai que esqucer levar moita auga.
Aqueles que escolleron dirixirse nun primeiro momento a Deadvlei e queren subir a Big Daddy teñen dúas opcións. A primeira é regresar de novo ao aparcadoiro para encarar a subida por un camiño practicable. Pero a esas horas a calor é abafadora e moitos xa veñen cansos demais para enfrontar a Big Daddy.
A outra opción -pouco práctica- é tentar subir directamente dende Deadvlei. Pero son moi poucos os que o conseguen xa que a ladeira ten unha pendente excesiva e esixe unha gran preparación.
Algúns excursionistas, sobre todo de idade avanzada, vanse desilusionados sen poder subir e gozar das vistas do inmenso deserto do Namib-Naukluft. Polo tanto e sen dúbida, primeiro Big Daddy e, dende alí, baixar pola ladeira da duna ata Deadvlei.
A visita de Sossusvlei é un imprescindible para calquera que visite Namibia. Unha vez rematado o noso marabilloso paseo regresamos ao aparcadoiro para coller de novo o shuttle que nos deixará a carón do noso coche. O último shuttle de volta sae de Sossusvlei Pan ás catro da tarde. O duros ascenso a Big Daddy e as altas temperaturas do deserto déixannos sen folgos para outras camiñadas.
De regreso a Sesriem , en concreto no km 45, paramos no aparcadoiro ao pé da Duna 45 que se eleva a tan só 150 metros sobre o nivel do val. Os preguizosos que non se atrevan con Big Daddy teñen na Duna 45 unha opción menos fatigosa.
WINDHOEK
O noso penúltimo día en Namibia comeza cunha longa viaxe ata á súa capital, Windhoek. A estrada faise infinita e o seu estado deixa moito que desexar. Pasamos toda a mañá conducindo para chegar con tempo de lava-lo coche, enche-lo de carburante e devolvelo en tempo nas oficinas de Hertz. Lembrade que nesta parte do mundo as empresas de alugamento de coches fan cargos moi esaxerados no caso de entregalos sen limpar.
Pasamos a tarde paseando pola cidade pero Windhoek non ten moito que ofrecer. Os seus principais atractivos limítanse ao mercadiño de artesanía da rúa principal (nova oportunidade de ver mulleres himba) e a igrexa luterana de Christuskirche, convertida en icona representativa da capital.
Tamén visitamos o Museo Memorial da Independencia, cun aspecto que delata o feito de ser un agasallo do Goberno de Corea do Norte. Tomamos un ascensor, exterior e transparente, nun dos laterais do museo e subimos á cafetería do último andar. Dicimos adeus a Namibia con moita pena vendo o solpor dende esta atalaia.
Cando baixamos ás cinco da tarde, a cidade aparece deserta e sen ningunha actividade nas súas rúas.
A mañá seguinte e antes de que saia a luz do sol, collemos o noso voo de Air Namibia con destino á Cidade do Cabo. Podedes seguir neste link No Sul de Suráfrica a última etapa desta viaxe.
Felicidades por haber podido disfrutar de una nueva aventura, con algunos inconvenientes pero compensados con el resto de vivencias.
Si tengo que escoger, me quedo con las mujeres himba y la subida al Big Daddy. Será porque me gusta el rojo…..
Esperando el próximo.
Sí Rosi, no tienes mal gusto! Quizás has escogido dos de los supermomentos del viaje por Namibia (junto con mis amigas las simpáticas (?) foquitas de Cape Cross).
Pingback: En coche polo Reino no Ceo (Lesoto) | Cidadán do Mundo, pero galego
Pingback: No sul de Suráfrica – O corazón da África branca | Cidadán do Mundo, pero galego