No sul de Suráfrica – O corazón da África branca

Cidade do Cabo dende Table Mountain

Casetas de praia en Muizenberg

Paisaxe costeira entre Hermanus e Cidade do Cabo

Este post correspóndese co treito final dunha viaxe que durante un mes levounos por terras de Lesoto, Namibia e Suráfrica. Podedes consultar as outras dúas partes do percorrido nos links Lesoto e Namibia.

Deixamos Windhoek tomando un voo da compañía aérea Air Namibia. O prezo son uns 143 € para o traxecto de escasas dúas horas que une a capital namibia coa Cidade do Cabo. Ao igual que no traxecto Xohanesburgo-Windhoek, realizado coa mesma compañía, o avión sae puntual e o servizo a bordo resulta agradable.

Temos por diante tres días en Cidade do Cabo. Dous antes de que cheguen Mayte e Antonio. Eles son os nosos amigos de Ourense que están de circuíto organizado polo norte de Suráfrica. A partir da súa chegada á Cidade do Cabo compartirán a viaxe connosco para, xa xuntos, coñecer a que é a cidade máis atractiva do país. En mutua compañía tamén visitaremos algúns dos lugares máis fermosos da provincia de Western Cape, como son a Península do Cabo, a vila de Hermanus e a famosa “Ruta Xardín”.

O noso encontro vai ser “case” froito da casualidade. Foi durante as Festas do Carme na Illa de Arousa, cando nós xa tiñamos practicamente arranxada a nosa viaxe, que Mayte comentou as súas intencións de viaxar a Suráfrica en datas próximas ás nosas. Simplemente consistiu en axustar o día de saída da súa viaxe organizada para coincidir todos na Cidade do Cabo e, dese xeito, facer xuntos os últimos oito días de percorrido.

É por esa razón que facemos o noso programa para os dous primeiros días na cidade tendo en conta que haberá que deixar os seus principais atractivos para velos xuntos.

CIDADE DO CABO

Dende o aeroporto dirixímonos ao noso aloxamento no barrio De Waterkant, zona céntrica de maioría branca aos pés do outeiro de Signal Hill. O propietario chinés do noso hoteliño explícanos nada máis chegar que a cidade está dividida en diversos territorios separados por liñas imaxinarias. Hai lugares aos que non é aconsellable ir nin de día nin de noite. Outros barrios son idóneos para ser visitados durante o día pero pechados pola noite aos turistas. E barriadas “case” totalmente seguras onde o viaxeiro pode moverse sen problemas de seguridade. Sempre segundo o seu criterio, De Waterkant é un destes barrios seguros. Pero teremos tempo de comprobar que tampouco o é de todo.

O noso primeiro día dedicámolo en exclusiva ao Waterfront, un complexo de lecer na fronte marítima e en pleno centro da cidade onde a poboación local e os turistas non senten a falla de seguridade doutras partes da Cidade do Cabo.

O Waterfront ofrece un gran centro comercial, tendas de artesanía, unha morea de restaurantes de nivel medio e superior e un Food Court, como corresponde a unha cidade de tendencias como esta. Na beira do mar pódese atopar unha oferta moi variada de excursións marítimas pola baía, así como un embarcadoiro propio para os servizos regulares a Robben Island.

Table Mountain dende o Waterfront

Signal Hill dende o Waterfront. Ao fondo asoma a punta dos 669 metros da montaña Lion´s Head

O Museo Zeitz MOCAA especilizado en arte africana. Ocupa un antigo silo do Waterfront

Diversas imaxes do Waterfront coa omnipresente Table Mountain ao fondo

Robben Island aparece en todas as guías como unha visita imprescindible, é a Illa das Focas, unha illa chá e sen apenas alturas de dous por catro quilómetros onde Nelson Mandela pasou dezaoito dos seus vinte e sete anos na cadea, antes do remate do apartheid. Hoxe, o cárcere xa non recibe inquilinos e o lugar forma parte do Patrimonio da Humanidade da Unesco. A visita é guiada e faise acompañada por antigos presos. Inclúe o edificio da prisión e un paseo en bus polo principais lugares da illa. Sen dúbida, un bo xeito de mergullarse na problemática historia recente deste país. Hai que contar con tres  horas e media entre o transporte ata a illa e a propia visita.

Tentamos reservar pero non conseguimos praza ata o día despois da nosa partida da Cidade do Cabo. Seica hai máis demanda que prazas dispoñibles ao longo de todo o ano. Polo tanto, os que teñan interese en coñecer Robben Island deben procurar facer a súa reserva pola Internet bastante antes da súa chegada á cidade.

A primeira noite saímos a tomar unha copa pola veciñanza. A oferta de bares é interesante pero non sempre evidente. De Waterkant tamén funciona como o barrio gay da cidade cunha media ducia de locais relativamente próximos uns dos outros. Malia estar en zona “segura”, hai moito indixente e xente buscándose a vida que se achega a nós á procura de cartos.

STELLENBOSCH e FRANSCHHOEK

Durante o noso paseo polo Waterfront do primeiro día entramos na Oficina de Turismo e reservamos un percorrido organizado pola zona vitivinícola que arrodea á Cidade do Cabo, un circuíto que inclúe catas de viños en diferentes adegas. Collemos a viaxe co operador turístico African Eagle e o custo da excursión é de 1,040 rands por persoa, uns 64 euros ao cambio.

www.daytours.co.za/en

No itinerario que imos compartir con Mayte e Antonio tamén deixamos un día para coñecer os viñedos de Stellenbosch e Franschhoek, pero daquela farémolo cun coche de alugamento que vou conducir eu. A idea é adiantarnos e repeti-la viaxe para que eu poida gozar das catas de viños sen medo aos controis de tráfico.

Somos un grupo pequeno formado por dúas rapazas brasileiras, unha parella inglesa, dous mozos holandeses e un par de señoras maiores das Illas do Canal. A visita resulta totalmente recomendable.

Suráfrica é o noveno produtor de viños do mundo. A súa principal zona vitivinícola, a Coastal Region, esténdese polo suroeste da Cidade do Cabo englobando seis distritos diferentes. O de Stellenbosch, con máis do 15% de viñedos do país, concentra o maior número de adegas de Suráfrica. Segundo o noso guía acolle 200 adegas do total de preto de 600 que hai en todo o país.

Durante a excursión visitamos tres adegas distintas nos arredores de Stellenbosch e Franschhoek. En cada unha delas a cata inclúe catro ou cinco viños de produción propia adornados coas explicacións dun especialista. Ás veces, os viños van acompañados de petiscos e lambiscadas que axudan a baixalos.

Casas de estilo holandés en Stellenbosch

Igrexa e edificio da Universidade en Stellenbosch

Igrexa Renish na praza principal de Stellenbosch (Die Braak)

Déixanos moi sorprendidos o  bo nivel das adegas, tanto polo o seu emprazamento, como polo coidado da súa contorna, a decoración e a preparación dos seus profesionais. As catas comezan cedo pola mañá –a horas impensables para un español- e rematan tamén (demasiado) cedo pola tarde. Normalmente, as adegas dispoñen dun restaurante aberto ao público e unha tenda de obxectos relacionados co mundo do viño.

Visita a diferentes adegas nas que se coida ata o mínimo detalle

A excursión inclúe un pequeno paseo en tranvía de dous andares recentemente recuperado e no que, por suposto, se nos ofrece un viño que apenas temos tempo de beber polo breve da viaxe.

Ademais da visita ás tres adegas hai unha chisca de tempo libre nas vilas de Stellenbosch (a nosa preferida) e Franschhoek. De forte influencia holandesa a primeira e francesa a segunda, son lugares fóra de contexto no continente africano. Poboacións totalmente brancas, de ambiente chic e moi agradables para pasear ou aloxarse unha fin de semana.

Casa do Concello de Franschhoek

A paisaxe, tanto os viñedos que se estenden polo val como as numerosas montañas e reservas naturais presenten ao longo de todo o itinerario, é dunha gran beleza.

CIDADE DO CABO (de novo)

De volta na Cidade do Cabo quedamos para encontrarnos e cear con Mayte e Antonio que chegan en avión procedentes do Parque Nacional Kruger, vía o aeroporto de Xohanesburgo. A cita é no noso barrio, onde temos unha boa experiencia gastronómica no restaurante Beluga, malia que o lugar, agochado nun patio interior, hai que buscalo expresamente.

https://beluga.co.za/

Despois de tomar unha copa cada cal regresa ao seu aloxamento. A escasos metros do noso somos parados pola policía que, con bastantes malos modos, revolve nas nosas pertenzas. Nese intre non entendemos que, nunha cidade chea de malandríns e con tales problemas de falla de seguridade, a policía se dedique a molestar turistas en barrios turísticos sen aparentes problemas. Pero pronto o imos entender…

Fauna en Table Mountain

Ao día seguinte e xa os catros xuntos dedicámolo a visitar os principais puntos de interese da cidade. Collemos un taxi por 100 rands, aproximadamente seis euros, ata a estación do teleférico que sobe ao Parque Nacional Table Mountain, a famosa “Mesa” convertida nunha icona cuxa presenza preside todas as imaxes da Cidade do Cabo. Á Table Mountain tamén se pode subir (e baixar) a pé pero supón un esforzo considerable e habería que dispoñer de todo un día.

Os que leven coche de alugueiro teñen un aparcadoiro gratuíto na esquina entre Kloof Nek Road e Tafelberg Road. Dende alí hai un servizo, tamén gratuíto, do bus MYCITI ata a estación do teleférico.

O teleférico foi inaugurado no ano 1929 para conectar o sur da cidade con esta meseta que acada os 1085 metros no seu punto máis alto. Neste medio tempo veu transportando ata 27.000.000 de persoas. As cabinas son redondas e teñen unha rotación de 360 º de tal xeito que os 65 pasaxeiros poidan ter unha visión completa mentres ascenden e descenden.

Subindo no teleférico. Montaña de Lion´s Head á esquerda e a súa prolongación ata preto do mar co nome de Signal Hill

O prezo do billete de ida e volta é de 330 rands (20 €) que baixa a 290 rands no caso de subir despois da unha da tarde. Unha vez arriba hai unha cafetería/restaurante e unha tenda de souvenirs. O Parque ofrece sendas marcadas con percorridos de 15 a 45 minutos que ofrecen vistas sobre a propia cidade e as zonas de Camps Bay e Hout Bay. Dende a Terraza dos Doce Apóstolos saen paseos guiados e gratuítos cada hora, entre as nove da mañá e as tres da tarde.

Vistas dos Doce Apóstoles dende a Table Mountain

Barrio de Camps Bay dende Table Mountain

Vila de Hout Bay, ao fondo, dende Table Mountain

Hai que contar cun par de horas arriba no caso de facer o paseo longo e de saír de cando en vez da senda marcada. Ou no caso de parar a tomar algo na cafetería.

No alto de Table Mountain

De novo no centro, o taxi déixanos no barrio de Bo-Kaap, tamén coñecido como Cape Malay (Cabo Malaio). É esta outra das imaxes habituais da cidade. Unha zona que comezou como acuartelamento de soldados para se converter posteriormente nun barrio de escravos liberados. O lugar está formado por unhas poucas rúas de casas baixiñas pintadas de cores moi rechamantes. Este aspecto é relativamente recente xa que antes da chegada da democracia era un barrio pobre e moi descoidado.

A pequena grella de rúas acolle ata dez mesquitas que a converten no centro musulmán da Cidade do Cabo. A Mesquita Auwal, construída en 1798, é o lugar de oración islámico máis antigo do país (pechada aos non musulmáns). Bo-Kaap dá unhas boas fotos pero non hai moito que facer a non ser a visita do seu museo sobre a vida local.

Rúas e casas de cores en Bo-Kaap

Para xantar baixamos ata a céntrica rúa de Long Street, moi animada durante os días laborais pero case baleira nun domingo coma hoxe. Temos a mellor experiencia gastronómica de toda a viaxe no restaurante Haiku Asian Tapas da rúa Burg Street, unha rúa paralela a Long St. De inspiración asiática, os pratos están ben traballados e o local resulta moi agradable. Coma sempre, todo acompañado dun bo viño surafricano, unha constante en toda a viaxe. Aínda que o viño encareceuse unha chisca con respecto a Lesoto ou Namibia, é doado atopar unha boa botella de viño local por oito ou nove euros ao cambio.

www.bukhara.com/haiku/

Despois de xantar percorremos Long Street. Primeiro imos cara ao sudoeste, ata a zona onde se concentran algúns dos mellores bares musicais da oferta nocturna da Cidade do Cabo. Logo regresamos en sentido á fronte marítima pasando por unha sucesión de tendas de souvenirs e de artesanía que alternan con numerosos restaurantes. Somos poucos os turistas e centramos a atención de todos os “colgados” e pedichóns que andan pola zona. Algúns poden ser moi insistentes e facer do paseo un pequeno pesadelo. Moitas das caras que se achegan a nós son un exemplo perfecto dos efectos perniciosos das drogas nos seres humanos.

Casas e bares con personalidade en Long Street

Aproveitamos para visitar a intervención artística coñecida como Open House, froito da declaración da Cidade do Cabo como Capital do Deseño Mundial no ano 2014. Situada na esquina entre Long St. e Dorp St. é unha falsa fachada de cor vermello que celebra os anos de democracia deste país. A verdade é que nos resultou pouco ou nada fascinante.

Open House

Algo aburridos de seren molestados continuamente e despois de visitar o mercado de artesanía da praza Greenmarket Square, acudimos a cear ao Waterfront. Ao rematar, Mayte e Antonio regresan ao seu hotel e nós facemos o mesmo. A idea é mudar de roupa e saír a tomar unha copa polo barrio.

De novo, e antes de chegar ao noso aloxamento, volvemos a ser parados pola policía. Dúas noites seguidas! Non pode ser casualidade nin coincidencia. Ante a nosa protesta fan unha mostra excesiva de poder e revisan ata o último recuncho das nosas mochilas. Agora a cousa está clara. Policías parando turistas en zona seguras de lecer nocturno só pode ter unha lectura. Se os seus esforzos non se concentran en minorar a altísima e evidente criminalidade da contorna, é que buscan un proveito persoal. Estamos case seguros de que a súa busca radica en atopar algún tipo de droga ou sustancia prohibida coa que poder extorsionar ao turista e, deste xeito, sacar un salario extra. A nós fannos pasar uns malos momentos. Pero deixan ao resto da policía e á súa propia cidade cunha carta de presentación pouco aconsellable. Por suposto, a situación provócanos tan mal humor que renunciamos a saír esa noite e as seguintes.

PENÍNSULA DO CABO

É o noso cuarto día en Cidade do Cabo e acudimos de mañá cedo ás oficinas da compañía de alugamento de coches Avis, moi preto do noso hotel. Imos polo terceiro coche de aluguer destas vacacións, un Hyundai pequeno para os tres próximos días por un importe de 98 € que inclúe todos os seguros dispoñibles e unha franquía cero.

A idea é baixar ese día cara ao sur, ata o Cabo de Boa Esperanza, para regresar a durmir á Cidade do Cabo Os outros dous días faremos de novo un percorrido polas adegas de Stellenbosch e Franschhoek para facer noite na vila costeira de Hermanus, o mellor lugar da costa sudafricana para embarcar e poder ver as baleas de preto. Despois de Hermanus, e xa de regreso á Cidade do Cabo, seguiremos a costa ata Gordons Bay por unha estrada que bordea a Reserva Natural de Kogelberg, unha das rutas con mellores panorámicas de todo Sudáfrica.

Saímos a media mañá bordeando a fronte marítima da propia cidade para enlazar coa estrada que percorre a costa occidental da Península do Cabo. A paisaxe é espectacular despois de Camps Bay, ao pé das formacións coñecidas como os Doce Apóstolos e que non son máis que os cantís da fronte occidental do Parque Nacional Table Mountain.

Saíndo da Cidade do Cabo coas formacións rochosas dos Doce Apóstolos á esquerda

A primeira paraxe é breve, no porto da vila mariñeira de Hout Bay. Aquí, a carón do restaurante Fish on the Rocks, atopamos unhas focas que sorprenden polo seu enorme tamaño. Vemos catro ou cinco que, entendemos, aproveitan os restos de peixe e marisco que botan dende o restaurante ao mar.

Seguimos pola estrada Chapman´s Peak Drive con asombrosas panorámicas sobre a baía. Hai que pagar unha pequena peaxe para poder gozar destas vistas. Antes de que a estrada vire cara á praia de Noordhoek aparecen varias áreas de aparcamento que funcionan como miradoiros nos que deterse e tirar unhas boas fotografías da baía.

Vistas da baía Hout Bay dende a Chapman´s Peak Drive

Pasamos a que é posiblemente a poboación máis bonita da Península, Simon´s Town. Polo camiño ao longo da costa vemos moita xente con binoculares na procura das baleas que adoitan visita-la zona.

Praia de Noordhoek

Varios quilómetros despois, tras deixar a baía Smitswinkel, chegamos ao punto de acceso a Cape Point e ao Cabo de Boa Esperanza, de novo dentro do territorio protexido do Parque Nacional Table Mountain. É aí onde hai que pagar a entrada de 303 rands por adulto, uns dezaoito euros. Os horarios de visita nesta época do ano son entre as seis da mañá e as seis da tarde. Os coches que saian despois desa hora terán que pagar unha penalización de 500 rands.

Seguimos conducindo uns cantos quilómetros dirección sur ata chegar á area de aparcadoiro ao pé do camiño que ascende cara aos dous faros. Ao longo da estrada vemos sinais que marcan sendas peonís e, xa case chegando ao noso destino, o desvío cara ao Cabo de Boa Esperanza. A crenza popular era que este cabo nomeado polos navegantes portugueses era o extremo meridional do continente africano e o punto de encontro entre os océanos Atlántico e Índico. Hoxe sábese que ese punto é en realidade o Cabo Agulhas, a bastantes quilómetros cara ao leste.

Vistas dende a terraza do restaurante

Chegamos ao aparcadoiro onde atopamos unha tenda de souvenirs e un restaurante con vistas privilexiadas sobre o mar. Dende alí, os máis preguizosos poden tomar un funicular, por 70 rands a ida e volta ou 55 rands só un traxecto, que en tres minutos realiza o percorrido ata a estación próxima ao faro vello. Pero o ascenso non é nada fatigoso e calquera persoa que teña unha mobilidade normal pode realizalo sen problema.

O faro construído no ano 1859 érguese sobre os cantís a 249 metros sobre o nivel do mar. As vistas son espectaculares e abarcan ata o outro extremo da baía False. Co tempo, malia á súa altura e ao seu alcance de 67 quilómetros, o faro resultou ser ineficaz xa que aparecía cuberto por nubes o pola néboa moi a miúdo. O faro deixou de funcionar en 1919 como consecuencia do afundimento do barco portugués Lusitania en 1911.

Mayte, Antonio en Bruno na senda de acceso a Cape Point. Ao fondo vemos o faro vello

Cabo de Boa Esperanza dende a subida a Cape Point

Vista da costa dende o faro vello de Cape Point. Ao fondo o Cabo de Boa Esperanza

Faro vello no alto do cantil

Un novo faro foi levantado moitos metros máis abaixo, na punta coñecida como Dias Point, e a tan só 87 metros sobre o nivel do mar. Para chegar ata alí hai  unha senda de terra que sae do faro vello e vai bordeando o acantilado para rematar nun miradoiro sobre o faro. As vistas polo camiño son impresionantes pero poden provocar algo de medo aos que non gusten das alturas.

Miradoiro sobre o novo faro en Dias Point

Hoxe é luns oito de outubro e hai moitísimos visitantes, estranxeiros e locais, que veñen pasar o día. É difícil atopar praza no restaurante e lugares como o faro vello sofren de exceso de xente. Coido que é interesante, sobre todo en tempada alta, non facer coincidir a visita coa fin de semana.

Desfacemos o camiño ata Simon´s Town. Á entrada desta poboación está a pequena praia de Boulders, moi coñecida pola seu numerosa colonia de pingüíns africanos. Esta especie agora ameazada chegou a contar con ata un millón e medio de exemplares que se viron reducidos a un 10% desa cantidade a finais do século XX.

Aínda que Boulders dá nome ao lugar, os pingüíns concéntranse sobre todo na praia Foxy, un pouco máis aló, para cuxo acceso hai que pagar unha entrada de 76 rands (escasos cinco euros). Se alguén non quere pagar para visitar estes simpáticos animais, o mellor é deixa-lo coche no primeiro aparcadoiro vindo de Cape Point e seguir a pasarela de madeira que comunica as dúas praias. A pasarela pasa pola zona de cría e fai posible ver gratuitamente e de preto moitos destas aves mariñas.

Os animais chegaron aquí por primeira vez no ano 1982, unha parella que co paso dos anos formou unha colonia de máis de 2.200 exemplares grazas á abundancia nestas augas do seu principal alimento: sardiñas e bocareus.

Dende Boulders seguimos costeando pola cara oriental da Península do Cabo ata Muizenberg. Esta vila é un famoso destino de praia para familias e practicantes de surf pero non ten o encanto doutras poboacións da Península. A principal razón para achegarse ata aquí son as coloristas casetas de baño de estilo vitoriano chantadas sobre a area da praia. As cores utilizadas son nos seus tons máis fortes e moi contrastadas entre elas.

A imaxe da praia e as bonitas casetas é utilizada na edición actual da guía en inglés da editorial Lonely Planet “Cape Town & the Garden Route”, pero hoxe xa non é posible ver esa abundancia de casetas que aparecen nas fotografías. Algunhas foron separadas en varios grupos espallados pola praia de Muizenberg e outras trasladadas á praia de St. James, entre Kalk Bay e Muizenberg.

Casetas vitorianas de cores na praia de Muizenberg

Unha vez máis STELLENBOSCH e FRANSCHHOEK

Despois de durmir na Cidade do Cabo saímos para unha viaxe de dous días polas áreas vitivinícolas de Stellenbosch e Franschhoek e pola costa oriental da False Bay, cunha noite intermedia na vila de Hermanus.

A primeira paraxe do día é na adega Vergelegen, fundada polo Gobernador do Cabo xa no ano 1700. É unha das adegas máis elegantes da zona cunha oferta de dous restaurantes, zona de merendas e varios edificios que funcionan como museos sobre a historia do lugar e dos seus propietarios. Os xardíns de estilo versallesco proporciónanlle un estilo propio e os castiñeiros centenarios falan da antigüidade do lugar. Facemos unha cata de viños das súas adegas a primeira hora da mañá por escasos tres euros. Durante a visita non hai que esquecer o paseo polos diferentes xardíns da propiedade nin deixar de entrar nos seus interesantes edificios.

www.vergelegen.co.za/

Xardíns da adega Vergelegen

Mayte, Antonio e Bruno en plena cata mañaneira

Sala de catas

Edificios museísticos e castiñeiros centenarios en Vergelegen

Dende a adega Vergelegen seguimos ata Stellenbosch, bonita vila de estilo holandés e segundo asentamento máis antigo de Sudáfrica despois da Cidade do Cabo. Nesta ocasión, xa con máis tempo, dá para visitar o centro da vila incluíndo o mercado de artesanías na súa praza principal de Die Braak.

Na rúa Ryneveld, preto do edificio da Universidade, visitamos o Museo da Vila de Stellenbosch. Por moi poucos rands é posible coñecer catro casas de diferentes épocas que amosan a evolución da forma de vida dos holandeses despois da súa chegada a Suráfrica. Os edificios van dende 1709 ata 1939 e cada un foi restaurado e amoblado segundo o estilo propio da súa época. Resulta moi simpático o feito de que as vixiantes e informadoras vaian vestidas co traxe dos primeiros holandeses no país. A entrada é de 40 rands.

www.stelmus.co.za/

Museo da Vila en Stellenbosch

En Stellenboch aínda temos tempo de xantar e facer unha segunda cata. Practicamente, calquera bar ou restaurante das zonas vitivinícolas ofrece catas de viños a prezos moi baratos. Nalgúns lugares pagamos menos de dos euros por ata seis viños diferentes! Sempre son caldos da zona e veñen acompañados das súas correspondentes explicacións.

Bruno, de cata nun restaurante de Stellenbosch

De Stellenbosch viaxamos en moi pouco tempo a Franschhoek. O día foi pasando e xa non temos tempo de visitar ningunha nova adega. Como xa comentei, comezan cedo pola mañá pero tamén rematan excesivamente cedo para o horario español. Hai adegas que pechan as súas portas ás catro da tarde. Damos unha volta pola rúa principal e aproveitamos para facer algunha compra de artesanía no mercado ao aire libre que hai nun lateral da Casa do Concello.

HERMANUS

O resto da tarde seguimos por paisaxes con moita forza ata a costa, ata a vila de Hermanus. Ao chegar ao noso aloxamento, o propietario fainos o  favor de reservar as nosas prazas en barco para visitar as baleas á mañá seguinte. Xa de noite, saímos a cear a unha sección da avenida Marine Drive na que se concentra unha gran parte dos restaurantes de Hermanus. O escollido é o Ocean Basket, unha cadea con ampla presenza en toda Suráfrica na que xa estiveramos anteriormente nun par de ocasións. Especializado en peixes, a calidade é boa e a súa relación co prezo máis que aceptable.

No porto pesqueiro de Hermanus

A mañá seguinte acudimos en coche ao porto pesqueiro de Hermanus, nun dos extremos da vila e un pouco afastado do centro. Aquí teñen as súas oficinas de venda de pasaxes e os seus embarcadoiros as tres empresas con licenza para realizar excursións en barco: Southern Right Charters, Hermanus Whale Watchers e Hermanus Whale Cruises.

Viaxamos con Hermanus Whale Cruises pero a duración da viaxe, os horarios de saída e o prezo son os mesmos en todas elas. Unha vez no mar, as tres compañías repártense ao longo da costa para non coincidir no mesmo lugar. O prezo de 800 rands por persoa, case 50 euros, parécenos totalmente abusivo e non xustificado para un paseo en barco que non fai máis que costear durante unha hora e media ou dúas horas. Ese mesmo paseo en Galicia costaría a metade o unha terceira parte do importe de Hermanus. Pero non hai competencia nos prezos e se queremos ver baleas non queda outro remedio que pagar. Queremos pensar que o Estado Sudafricano leva unha gran parte desta cantidade en concepto de taxas ou impostos.

Unha vez no mar, a sensación de estar tan preto destes inmensos animais é fantástica. Temos oportunidade de achegarnos a varios exemplares e ver os seus movementos con detalle. Ademais, a paisaxe de fondo coas montañas que se asoman por detrás de Hermanus forman o marco adecuado para sentírmonos moi preto da natureza.

Volvemos ao centro de Hermanus e facemos compras nas numerosas tendas e galerías que enchen a poboación. A vila é moi agradable e en pleno centro, no Gearing´s Point, hai un aparcadoiro á beira dun paseo marítimo no que aparecen expostas unha serie de atrevidas e imaxinativas esculturas.

Parque de esculturas en Gearing´s Point

Xa no camiño de regreso, xantamos a carón do porto de Keinmond. Logo, unha vez pasada a vila de Betty’s Bay, paramos na reserva de pingüíns de Stony  Point. Interesante pero non tanto despois de visitar a de Boulders na Península do Cabo.

Montañas en Keinmond

Pescadores e pingüíns en Stony Point

A paisaxe que nos acompaña dende a nosa saída de Hermanus é dunha gran beleza.  Moi apropiada para o extremo dun continente. Con algo de última fronteira. A partir de Betty´s Bay aínda aumenta máis esta sensación. Ver as nubes desbordando sobre a montaña, como se de unha fervenza branca se tratase, resulta bastante espectacular.

Paisaxes entre Hermanus e Gordons Bay

Chegamos á Cidade do Cabo para durmir. Á mañá seguinte moi cedo subimos ao aeroporto no noso propio coche de aluguer.

RUTA XARDÍN

A nosa primeira intención cando comezamos a organizar os días da viaxe era deixar os tres últimos para facer en tren o percorrido dende Cidade do Cabo a Xohanesburgo. Queríamos incluír unha paraxe de vinte e catro horas a medio camiño, na poboación mineira de Kimberley, aquela cun enorme burato de 240 metros de profundidade no medio da cidade como consecuencia da explotación mineira e da febre de diamantes que sufriu a partir do último cuarto do século XIX.

Despois atopamos que os horarios e os días operativos desta liña ferroviaria facíano totalmente imposible. Sen posibilidade de chegar a tempo a Xohanesburgo para o noso voo de regreso a Galicia.

Ante a imposibilidade de viaxar en tren, valoramos retrasar o noso voo de Windhoek a Cidade de Cabo e aproveitar eses días para visitar as Cataratas Victoria, na fronteira entre Zambia e Cimbabue. Pero tamén rexeitamos esta posibilidade xa que nesta época do ano é cando a fervenza leva menos caudal de auga.

É a última hora, unha vez pechadas todas as demais reservas, cando decidimos facer un salto en avión á cidade de George para coñecer a “Ruta Xardín”, famoso destino de vacacións para moitos sudafricanos. Ruta Xardín é unha franxa de 200 quilómetros entre as poboacións de Mossel Bay e Plettenberg Bay, a medio camiño entre a Cidade do Cabo e o Porto Elizabeth.

O nome deste destino turístico vén dado polo verdor permanente dos bosques e das montañas desta zona en contraste coas inmensa chairas requeimadas que se estenden ao norte, a moi escasos quilómetros. Tan só hai que mirar pola fiestra do avión ao despegar do aeroporto de George para entender o micro clima benigno e a paisaxe tan agradable desta franxa costeira.

O noso voo de Airlink aterra en George a primeira hora da mañá. Foron corenta e cinco minutos de avión por unha tarifa duns 75 € ao cambio. Recollemos na mesma terminal o noso coche de aluguer (e van catro!). Nesta ocasión é un Toyota Avanza automático de Europcar para tres días e medio por unha tarifa de 160 €. Os coches de aluguer son moi baratos en Suráfrica pero soben rapidamente de prezo cando buscamos un modelo superior ou con gran capacidade no maleteiro.

Pasamos de visitar George xa que, malia ser a cidade máis poboada da Ruta Xardín, nin dá ao mar nin ten atractivos de interese. Saímos para percorrer dous portos de montaña que comunican a franxa marítima coa meseta que se estende ao norte. Subimos polo Montagu Pass, unha estrada estreita de terra e sen apenas tráfico que vai remontando a montaña. O paso foi aberto no ano 1847 e hoxe ten a declaración de Monumento Nacional. Non é preciso un vehículo catro por catro.

Unha vez chegados ao alto conectamos coa estrada asfaltada e retrocedemos para baixa-la montaña polo Outeniqua Pass . Construído moito despois, é o acceso principal entre George e o resto do país. Montagu Pass ten algo de graza pero Outeniqua, sendo bonito, non deixa de ser calquera estrada de montaña das moitas que temos en Galicia.

Dende os miradoiros de Outeniqua Pass

Despois iniciamos o noso percorrido pola costa cara ao oeste. A nosa primeira visita é a Herold´s Bay. Decontado entendemos que estamos nunha zona de turismo exclusivo e de raza branca ao cento por cento. As casas son en xeral grandes e luxosas. Fan lembrar a construcións da costa de California e Florida. É evidente que hai gusto e cartos a partes iguais. A poboación de raza negra unicamente está presente como persoal de servizo. A tempada turística aínda está a comezar e os lugares vense baixos de forma, a medio ralentí. O feito de que o tempo sexa fresco e a miúdo con orballo ou choiva lixeira, fai que teñamos a impresión de estar en calquera lugar da Europa atlántica, moi lonxe de África.

Chegamos a comer a Mossel Bay, unha das poboacións importantes da Ruta Xardín e onde imos pasar a nosa primeira noite. Pola tarde visitamos a cova e o faro de St. Blaize. A cova, pertencente á Idade de Pedra, presenta un aspecto un tanto abandonado. Pola contra, as vistas dende alí e dende o faro son preciosas. Ao final da tarde damos unha volta polos chiringuitos do porto de Mossel Bay e pola praia de Santos. Unha cervexa na terraza do restaurante Jackal on the Beach, nun bonito edificio Belle Epoque sobre a praia, é unha boa forma de remata-lo día.

Marmotas en St. Blaize

Dende a cova de St. Blaize

Mayte e Bruno na senda litoral dende St. Blaize

Ao día seguinte pasámo-la mañá comprando artesanías e pinturas nas tendas a carón da Oficina de Turismo. Moi preto, visitamos o Dias Museum Complex onde coñecemos a réplica do barco co que o descubridor portugués Bartolomeu Dias visitou a baía Mossel en febreiro do ano 1488. A carabela chegou navegando dende Portugal a comezos do ano 1988 e supón un agasallo do goberno portugués para conmemorar os cincocentos anos da xesta.

Tomando un café para quentar o corpo no xardín do Dias Museum. Praia de Santos e edificio Belle Epoque ao fondo

Réplica da carabela de Bartolomeu Dias

Desfacemos o camiño ata George e seguimos cara ao leste cunha breve parada en Victoria Bay. Chove e fai frío polo que facemos tempo xantando no restaurante The Girls on the Square da poboación de Wilderness. Comida saborosa e ambiente agradable.

www.thegirls.co.za/

Victoria Bay

Praia de Wilderness

Xa pola tarde chegamos ao noso seguinte destino, a cidade de Knysna (pronunciar naisna) onde durmiremos as dúas noites seguintes. Esa mesma tarde visitamos o Waterfront, de novo e como no resto de Sudáfrica formado por un complexo comercial onde se asentan a maioría de tendas e restaurantes da cidade.

Knysna ocupa un emprazamento bastante espectacular, na beira da lagoa do mesmo nome, unha especie de ría na que se mesturan as augas do Río Knysna coas do Océano Índico. A lagoa é bastante pechada e tan só se comunica co mar por unha bocana franqueada por dous cantís coñecidos coma The Heads. A Mariña Real Británica consideraba a The Heads como a entrada a porto máis perigosa do mundo.

O centro de Knysna non resulta moi interesante para o turista a non ser o propio Waterfront e a zona aberta ao público da illa Thesen Island. Esta última e unha chaira de pouca elevación sobre a lagoa e unida á cidade por un terraplén. A illa Thesen está ocupada case completamente por unha urbanización de luxo pechada aos non residentes e tan só conta cunha área de servizos e restauración aberta aos visitantes.

Ao día seguinte e penúltimo destas vacacións facemos un percorrido recomendado pola Oficina de Turismo local. Pasamos varias horas facendo un paseo anódino polos bosques ao norte da cidade. Regresamos a Knysna coa sensación de perde-lo tempo. O único positivo é que a estrada que collemos de volta a Knysna permítenos coñecer varios townships ou zonas de infravivenda nas que vive a poboación negra. O contraste co luxo e bo vivir da zona branca é brutal.  O reencontro coa poboación de cor fainos lembrar que seguimos en África, aínda que poida non parecelo.

Dirixímonos cara a The Heads e polo camiño entramos na illa Leisure Island. Como a illa Thesen, é unha pequena elevación sobre a lagoa unida por un terraplén a terra firme e ocupada por vivendas de luxo. A diferenza é que neste caso si podemos entrar e circular por todas as vías da pequena illa. As casas e as vistas son igualmente espectaculares.

Vista da Lagoa de Knysna con marea baixa dende Leisure Island

En Leisure Island e The Heads ao fondo

En The Heads repítese a situación, a aldea está formada por vivendas de altísimo nivel que aparecen penduradas dos cantís que pechan a bocana da lagoa. Xantamos na terraza do East Head Café totalmente ateigado de poboación branca e con aspecto de ter un alto poder adquisitivo. A comida boa e as vistas sobre a lagoa e sobre The Heads inmellorables.

www.eastheadcafe.co.za/

Na praia ao pé de The Heads

Promontorio esquerdo de The Heads e urbanización de luxo vistos dende a Lagoa de Knysna

Vista da lagoa e da illa Leisure Island (á dereita) dende The Heads

Miradoiro dende o alto de The Heads

Pola tarde achegámonos a Belvidere, a dez quilómetros de Knysna onde se levanta unha pequena igrexa de estilo normando construída na década dos 50 do século XIX. Tamén visitamos as bonitas praias salvaxes de Buffalo Bay e de Brenton-on-Sea.

Praia de Buffalo Bay

Ao día seguinte regresamos ao aeroporto de George para devolver o noso coche de aluguer e tomar o voo da compañía de baixo custe Kulula Airlines (55 €) con destino a Xohanesburgo. Dende alí, e xa pola tarde, saímos con Iberia de regreso a Santiago de Compostela.

Rematamos a nosa estadía en África cun pouco de desencanto. A viaxe foi verdadeiramente marabillosa na súa parte de Lesoto e Namibia, indo de menos a máis. Pero Suráfrica non deixa de producirnos un sabor agridoce. O país conta coas mellores infraestruturas turísticas do sur do continente. Viaxar é doado e o destino ofrece moitos lugares de alto interese. Pero, por outra banda, sentimos que é unha África “rara”, en moitas ocasións excesivamente próxima aos veciños europeos e en moitas outras con claras connotacións á “cultura” estadounidense. Volvemos coa sensación de que é un país con posibles problemas a curto prazo. Agora que a figura de Nelson Mandela non está presente con todo o equilibrio e mutuo respecto que proporcionaba á convivencia entre razas. Durante a nosa estadía non vemos apenas parellas nin grupos de amigos formados por razas distintas. Brancos, negros e indios seguen por separado. O apartheid racial foi substituído polo económico. Os brancos viven ben e os negros como poden. Os brancos son os que consomen e os negros os que serven aos brancos. O tempo dirá…

Finalmente e como recomendación, no caso de incluír Ruta Xardín nun itinerario como o noso é mellor comezar por aquí para logo viaxar a outros lugares con máis forza, máis África. E se é posible facelo en tempada alta cando as cidades e a costa locen animadas.

4 comentarios en “No sul de Suráfrica – O corazón da África branca

  1. Pingback: Namibia-Deserto a esgalla | Cidadán do Mundo, pero galego

  2. Pingback: En coche polo Reino no Ceo (Lesoto) | Cidadán do Mundo, pero galego

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.