Polas illas do sur de Tailandia

Templo de Wat Leam Suwanaram

Illa de Koh Nang Yuan

O que aquí vou contar correspóndese cos últimos catro días dunha viaxe de case dúas semanas que me levou polo Sueste Asiático, percorrendo as capitais de Indonesia, Malaisia e Tailandia así como a illa de Koh Samui ao sur deste último país.

Da primeira parte non hai moito que dicir. Un itinerario contra reloxo por mor do meu traballo que me fai pasar por Iacarta, Kuala Lumpur e Bangkok sen tempo para visitalas.

En Iacarta, nun hotel a carón do principal estadio de fútbol do país, tan só teño unhas horas para dar unha volta a pé (por certo, totalmente insípida) por unha maraña de autoestradas e novos centros comerciais. Unha zona nova da capital pero un lugar eslamiado e pouco acolledor que podería estar en calquera outra cidade do mundo.

En Kuala Lumpur paso moito tempo nun autobús alugado pola organización para levarnos do aeroporto ao centro da cidade, a case sesenta quilómetros de distancia. O escasísimo tempo libre dá para un paseo curto nas proximidades do hotel.

En Bangkok teño unha chisca máis de tempo para achegarme pola noite ao mercado de Patpong e poder gozar das sempre agradables masaxes, tan doadas -e aínda razoables de prezo- de atopar neste país.

Deses primeiros días tan só podo alegrarme, dende o punto viaxeiro do asunto, do meu hotel en Kuala Lumpur. O Hotel Mandarin Oriental está pegadiño ás famosas Torres Petronas, convertidas en símbolo da cidade e da propia Malaisia, e a fiestra do meu cuarto ofréceme unha panorámica inmellorable destes rañaceos. As Torres Petronas foron construídas polo arquitecto arxentino César Pelli e con 452 metros de altura ostentaron o récord de seren os edificios máis altos do mundo entre os anos 1998 e 2003. Ata que foron superadas polo rañaceos Taipei 101 da capital taiwanesa. As Petronas chamaron moito a atención durante uns anos nos que os países do mundo parecían competir  por levantar edificios que acadaran máis e máis altura. E sobre todo vindo dunha economía emerxente como era Malaisia nese intre.

As Torres Petronas dende o cuarto do meu hotel

E de noite

As vistas dende o meu cuarto en Kuala Lumpur

Cada viaxe que fago a Extremo Oriente son máis consciente do rápido que vai esta parte do mundo. As grandes cidades deste confín de Asia perden sabor e personalidade excesivamente rápido para o que a min me gustaría. Van aparecendo edificios de última xeración e complexas redes de vías de comunicación ao mesmo tempo que desaparecen os mercados na rúa e os barrios tradicionais. Unha mágoa para un fenómeno que xa é imparable.

O lecer chega ao final da viaxe de traballo. Decido prolongar a miña estadía para regresar a unha illa que coñecín na miña primeira viaxe por Tailandia. Daquela, a mediados dos anos oitenta, Koh Samui, a segunda illa de maior superficie do país, estaba considerada como un pequeno paraíso de praias virxes e bonitos hoteis agochados entre palmeiras. Todo comezara na década anterior cando os primeiros viaxeiros chegaron ata aquí na procura de algo de aventura e atoparon unha illa de natureza exuberante e praias de augas cristalinas. Ata ese momento a illa permaneceu case completamente illada do continente. Non había estradas e cruzala dunha parte a outra supoñía unha xornada enteira camiñando.

Aterrando en Koh Samui

Pero como mudou a cousa! E que excesivamente rápido vai o fenómeno turístico! Agora Koh Samui está comunicada con varios aeroportos rexionais e, sobre todo, con Bangkok. A compañía aérea Bangkok Airways (tamén referida como Bangkok Airlines e cos avións rotulados como Bangkok Air) ofrece, segundo a época do ano, entre dezasete e vinte e dúas frecuencias diarias en cada sentido entre Samui e Bangkok. Unha ponte aérea para encher as moreas de aloxamentos e resorts que cobren literalmente todas as praias da illa.

Construído en 1989, o aeroporto da illa é privado e propiedade da propia compañía Bangkok Airways. Polo tanto, non hai competencia nin outras opcións no caso de querer chegar por vía aérea. Véxome na obriga de pagar unha tarifa de 305 € por un billete de ida e volta, moi caro comparado con outros destinos a unha distancia similar.

Simpáticos autobuses no aeroporto da illa

Os avións pasan continuamente por riba de Chaweng na súa aproximación ao aeroporto

Partindo do feito de que xa non quedan espazos virxes e da sobreexplotación turística de Koh Samui, decido coller o meu hotel na praia de Chaweng, ao nordés da illa. Chaweng é a máis famosa das praias é tamén a que ten unha mellor oferta de lecer nocturno.

Lagoa no centro de Chaweng

Por suposto, a illa xa non ten nada que ver co que foi hai uns anos atrás. Hoxe, Koh Samui é como calquera outra illa turística do Mediterráneo, con clientes que chegan motivados polas boas temperaturas, polos prezos relativamente axeitados e por moita festa nocturna. Atopo turistas de todo o mundo: Europa, Australia, Oriente Medio, pero tamén de países próximos como da India ou da China e doutros países limítrofes. E por suposto, os prezos foron aumentando ao mesmo tempo que a chegada do turismo masivo. Estamos en tempada baixa e hai moitos negocios baleiros. Un exceso evidente de oferta á procura de mellores tempos.

Entre a clientela destacan as parellas e, sobre todo, os grupos de amigos exclusivamente masculinos atraídos polas Festas da Lúa Chea que se celebran todos os meses na illa veciña de Ko Pha Ngan -ou Koh Phangan, a lingua tai non ten unha transcrición exacta á grafía latina- e polo mercado de sexo, tanto o gratuíto como o de pagamento. Si, e como en moitos outros destinos turísticos deste país, o centro de Chaweng Beach e doutros lugares da illa está ateigado de macro bares e discotecas para todos os públicos pero tamén de bares con rapazas de alugueiro. Estes últimos non son espazos agochados, son lugares abertos visibles ao pasar e situados nas rúas principais da cidade.

Día e noite en Chaweng. Todo muda

Lamentablemente, o Koh Samui de hoxe parécese bastante ás imaxes que nos chegan de Magaluf na illa de Mallorca, coas súas festas na piscina, as sesións de discoteca con dj´s internacionais e a oferta de produtos turísticos totalmente enlatados. Ao que habería que engadir unha alta dose de testosterona e de certo descerebre en moitos dos seus visitantes.

Pero por outra banda, Koh Samui tamén é un lugar agradable de vacacións onde tirarse a carón do mar, recibir económicas masaxes, cear directamente sobre a area da praia e gozar dunha ampla oferta de actividades para entreterse. Seguro que haberá moitos turistas e algúns viaxeiros que nun momento determinado procuren este tipo de escapada.

Diversas imaxes da oferta de lecer na praia de Chaweng

Os aloxamentos turísticos están sobre a propia area todo ao longo da praia de Chaweng

Piscina e dj´s ao borde do mar

O que si teño claro é que Koh Samui deixou de ser un destino axeitado para min. Pero de calquera forma, paso uns días agradables gozando da saborosísima cociña tailandesa e das boas temperaturas da illa. E sen esquecer unha ou dúas masaxes cada día.

Polo que respecta á oferta de excursións, contrato as dúas que resultan do meu interese: a viaxe combinada ás illas de Koh Tao e Koh Nang Yuan e o tour da illa de Koh Samui ao completo. Outra excursión moi habitual, e posiblemente a máis interesante de todas, é ao Parque Nacional Mariño de Angthong, formado por corenta e dúas illas de exuberante orografía. Malia que as illas ofrecen numerosas praias virxes, as excursións non están pensadas para relaxarse nelas, máis ben serven para facerse unha idea do lugar e tirar algunha fotografía. Se alguén pensa en aloxarse nalgunha destas illas deshabitadas, a única oferta está en Koh Wua Talap e pode ser reservada a través da web dos Parques Nacionais de Tailandia. Eu xa coñezo o Parque da miña visita anterior e prefiro centrarme nas outras dúas excursións xa mencionadas.

Son multitude as axencias que venden excursións aínda que todas son organizadas por tan só uns poucos provedores. Nesta época do ano, con escasos clientes na porta, as axencias xogan a facer descontos que reducen das súas comisións para, deste xeito,  atraer unha maior clientela. Despois de moito regateo consigo que a excursión a Koh Tao e Koh Nang Yuan baixe dos 2.100 baht do folleto aos 1.300 que pago definitivamente, é dicir de 56 a 35 €. E que o tour da illa teña un desconto de 50 baht sobre os 450 iniciais para finalmente pagar pouco máis de dez euros. Estes descontos parecen inimaxinables en España ou en países occidentais, pero todo pode ser obxecto de negociación en Tailandia.

A excursión das illas inclúe o traslado dende o hotel, no meu caso en Chaweng Beach, ata o porto de embarque, un almorzo e un xantar bastante básicos e as lentes para facer mergullo. O barco fai lembrar unha motora de gran tamaño, suficientemente rápido para facer o traxecto ata a illa de Koh Tao en pouco máis dunha hora pero terriblemente incomodo tanto á hora de navegar como á hora de utilizalo para o mergullo. A navegación faise sen que os pasaxeiros teñamos horizonte nin podamos ver a costa que nos arrodea. A cabina do barco é un espazo único no que as cadeiras quedan por debaixo das ventás e imponse a obriga de ir sentados durante o traxecto.

Por contra, os lugares escollidos son fantásticos. Coa masificación de Koh Samui, numerosos visitantes foron colonizando Koh Phangan e, posteriormente, Koh Tao, a máis setentrional deste grupo de illas. Pero Koh Tao aínda respira un aire relaxado e, dende o mar, parece non sufrir os problemas de masificación das illas veciñas.

Fotos da illa de Koh Tao e do mergullo nas súas augas

Despois de deternos en dous enclaves paradisíacos para o mergullo na costa de Koh Tao, seguimos ata a illa de Koh Nang Yuan, situada ao noroeste da primeira. Koh Nang Yuan son realmente tres illas pequenas unidas por unha praia e arrodeadas por un mar transparente de augas cor turquesa.

A illa é privada e pertence á empresa de barcos Lomprayah. Permanece aberta dende as dez da mañá ata ás cinco da tarde e hai que pagar unha entrada de 100 baht (2,60 €) que non está incluída no prezo da excursión. Preto do peirao de ancoraxe hai unha cafetería onde beber e xantar algúns pratos sinxelos.

Son moitas as excursións diarias que chegan dende Koh Samui e dende Koh Phangan a pasar unhas horas na illa. Dende Koh Tao é máis doado e pode facerse de xeito individual, arranxando directamente o transporte de ida e volta cos numerosos barqueiros da costa. Polo tanto, ninguén debe facerse a idea de gozar en exclusiva deste pequeno paraíso. Aínda así, a beleza do enclave e a transparencia das augas fan deste lugar unha visita imprescindible para aqueles que pasen por Koh Samui.

Os que non gusten de compartir a area da praia con moita outra xente poden dedica-lo seu tempo a camiñar pola pasarela de madeira que bordea unha parte da illa e, sobre todo, a subir ao miradoiro panorámico no cumio da illa sur. As vistas non van decepcionar a ninguén.

Illa de Koh Nang Yuan. A illa norte e a leste dende o miradoiro da illa sur. Á dereita o extremo setentrional da illa de Koh Tao

Aproximación ao peirao e fileira de visitantes para entrar na illa

Imaxes do istmo que une as tres illas e do mar tranparente que as arrodea

Camiño de madeira na illa sur. Illa de Koh Tao á esquerda

Vista do istmo dende o miradoiro da illa sur

Con respecto ao tour da illa de Koh Samui, contrato unha excursión da empresa Sita Tour 2000 e pago 400 baht, uns dez euros e pico, que inclúen exclusivamente o transporte en minibús e o servizo de guía. Non cobran entrada en ningún dos lugares visitados. Unha vez iniciada a excursión, o guía ofrece dúas visitas complementarias, e bastante caras, para dar un paseo curto en elefante na fervenza Namuang e para ver monos recollendo cocos das árbores nalgún lugar no medio da illa. Eu non estou interesado neste tipo de “experiencias” turísticas e serei o único que rexeite a oferta.

Comezamos pola propia península na que se asenta Chaweng Beach e facemos dúas paradas. A primeira no templo budista de Wat Leam Suwanaram e a segunda, uns poucos quilómetros máis aló, na estatua xigante coñecida como Big Buddha.

Wat Leam Suwanaram, cunha antigüidade de cen anos, ofrece un clásico templo tai de cores rechamantes no medio dun estanque e a figura xigante da monxa chinesa Jao Mae Kuan Im. Coma en case todos os templos tai, o exterior resulta máis atractivo ca decoración interior.

Imaxes do templo Wat Leam Suwanaram

Por outra banda, o Big Buddha é a imaxe icónica do patrimonio monumental de Koh Samui, unha figura de doce metros de altura nun outeiro ao que se accede por un escalinata de 73 chanzos. A estatua está nunha pequena illa unida a terra firme. Tanto nun templo coma no outro hai tendas de souvenirs e venda de bebidas.

Estatua do Big Buddha

Interior do templo do Big Buddha

Desfacemos o camiño, agora cara ao sur, para, bordeando a poboación de Chaweng, facer unha breve parada no miradoiro sobre a praia do mesmo nome, a máis longa da illa con sete quilómetros de fina e branca area. As vistas son agradables pero pouco máis.

Miradoiro sobre a praia de Chaweng e vila de Chaweng ao fondo

A seguinte visita é a unha formación rochosa na costa coñecida como a Rocha da Avoa e do Avó (Grandmother&Grandfather Rock en inglés ou Hinta-Hinyai en tai). Realmente son dúas formacións en granito e a escasa distancia unha da outra que fan lembrar un pene e unha vaxina. As figuras están relacionadas coa lenda dunha parella xa maior que, despois de moitos anos de convivencia e un fillo polo medio, deciden casar. Na viaxe por mar ata a illa, a barca naufraga e a parella morre afogada. As rochas coas formas dos seus atributos sexuais permanecen como testemuña das boas intencións da parella.

Chegamos con marea alta e o órgano feminino non é visible. O que si hai son unha morea de tendas de recordos, en xeral de pouco valor, onde as compras deben obxecto de duro releo.

Pedra na zona que orixina confusión co órgano sexual da Avoa

Cartel cunha fotografía do atributo feminino da Avoa

Atributo masculino do Gran Avó

A penúltima paraxe é nun pequeno templo coñecido coma “O monxe momificado”. No altar principal e dentro dunha urna de cristal consérvanse os restos sen descompoñer do monxe Phra Khru Samathakittikhun (1894-1973), antigo abade do templo Wat Kunaram que non tomou os seus votos ata a idade de cincuenta anos. Coñecido pola súa capacidade de meditación e con numerosos seguidores foi quen de predicir a súa propia morte ocorrida en 1973. O corpo permaneceu incorrupto e os seus discípulos decidiron exhibilo para inspirar a xeracións futuras no seguimento das ensinanzas budistas.

A visita non dá para moito e será obxecto de interese unicamente para curiosos e/ou morbosos.

Desviámonos da estrada perimetral da illa para penetrar na súa parte central e visitar unha das súas famosas fervenzas. Realmente son dúas cos nomes de Namuang I e Namuang II. A primeira é accesible por estrada pavimentada e ten un área de aparcadoiro, a segunda está a media hora a pé da primeira e tamén se pode chegar en coche catro por catro.

A zona deixou de ser natural hai xa tempo, aparece un pouco descoidada e ten un exceso de tendas e de oferta allea á propia fervenza. Un valado pecha un recinto a carón do aparcadoiro onde os visitantes poden dar unha volta en elefante despois de pagar a pertinente entrada.

Bañistas ao pé da fervenza Namuang I

Antes de regresar a Chaweng paramos para xantar na vila de Nathon, na costa oeste de Samui. É a vila máis grande e antiga da illa e o lugar de partida dos barcos que saen para o continente. De non coincidir en día de mercado, a poboación non ten ningún interese especial.

Deixo Koh Samui despois de pasar uns días agradables pero coa pena de comprobar como o exceso de turismo e a súa mala xestión poden volverse en contra do que foi un destino paradisíaco.

2 comentarios en “Polas illas do sur de Tailandia

  1. Lo más bonito, los colores del gallo.
    Otra vez he disfrutado doblemente de otro de tus viajes.
    Es una pena el idioma. Me cuesta traducir.😏😏😏😏

    • Hola Rosi. Siento que una fiel lectora de este blog tenga problemas con el idioma. Pero mi uso del gallego es respuesta al gran amor que siento por mi tierra y por una de las lenguas más bonitas del mundo. En su tiempo coloqué un multitraductor en el menú de la derecha pero soy consciente de que, en el caso del castellano, no deja de ser una mala traducción. Espero que puedas ir llevándolo poco a poco. Ten en cuenta que de esa forma te irás familiarizando con otra lengua que te puede ser muy útil en los países lusófonos. Gracias y un abrazo.

Deixa unha resposta a RosiCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.