Traballo e pracer no Brasil

Goiás Velho (Cidade de Goiás)

Capela de São Benedito na Praia dos Carneiros

Illa Fernando de Noronha

Como algunhas das miñas viaxes, esta tamén comeza por mor do meu traballo. Unha intensa viaxe de negocios que me levará dende São Paulo a cidades do sur do Brasil (Porto Alegre), do centro (Goiânia) e do nordés (Recife).

Un inconveniente á hora de voar dentro do Brasil é que a falla de conexións aéreas directas provoca a perda de moitas horas de viaxe. A oferta é abondosa no caso de voar a Rio de Janeiro e, sobre todo, a calquera dos dous aeroportos de São Paulo (Congonhas e Guarulhos) ou incluso ao aeroporto da súa cidade veciña de Campinas (Viracopos). A cousa comeza a complicarse cando queremos viaxar directamente entre cidades que non sexan as antes mencionadas. Mesmo cidades de primeiro nivel como son Porto Alegre ou Recife escasean de comunicacións directas con outras cidades importantes do país. Deste xeito, para ir de Porto Alegre a Goiânia deberei pasar polo aeroporto de São Paulo-Gurarulhos, e outro tanto ocorrerá cando queira ir de Goiânia a Recife. Con cinco días para catro cidades, incluídos os traslados aéreos, enténdese que non haxa moito tempo libre para practica-lo turismo.

São Paulo

Dito isto, non me preocupa moito que o meu paso por São Paulo sexa breve. A cidade non me resulta especialmente atractiva e xa tiven oportunidade de visitala en varias ocasións anteriores. Ademais, e coma sempre que paso por aquí, a climatoloxía non acompaña. O ceo aparece cuberto de nubes grises e hai unha alternancia incómoda de frío e calor. A choiva tamén fai acto de presenza nalgúns momentos.

As miñas horas libres dedícoas a dar un paseo por algúns dos barrios con mellor nivel de vida do suroeste da cidade coma son Itaim Bibi, Jardins e Pinheiros. Son lugares nos que é evidente a oferta de boas tendas e de servizos de restauración, pero que non din nada dende o punto de vista patrimonial ou do interese das súas construcións. O que si permiten é entender perfectamente o grave problema que sofre este país. O das drásticas diferenzas de clases e os consecuentes problemas de seguridade cidadá que iso comporta. O luxo esaxerado dalgunhas tendas e dos centros comerciais contrasta con outras realidades a moi pouca distancia destes barrios.

Polos barrios ricos de São Paulo. Centro Comercial Iguatemi no barrio de Jardins

São Paulo é unha cidade inmensa e o percorrido das súas liñas de metro aínda é limitado. Despois do meu paseo polos barrios do suroeste decido coller un taxi (aínda de prezo razoable) e achegarme ata á Avenida Paulista. A principal arteria da cidade, a das grandes corporacións empresariais e a dos rañaceos máis modernos, convértese en días como hoxe nunha rúa peonil á que acode a entreterse unha gran parte da poboación paulista. Os domingos son os días nos que a avenida se enche de actuacións de rúa e de postos de venda de artesanía e doutros múltiples obxectos. Os centros comerciais tamén permanecen abertos. Sen dúbida, a Avenida Paulista é a mellor cita da cidade para os domingos de lecer.

Centro comercial aberto en domingo na Avenida Paulista

Museu de Arte de São Paulo (MASP) na Avenida Paulista

São Paulo dende o miradoiro do MASP

Diversas imaxes do ambiente de domingo na Avenida Paulista

Polo que respecta ao resto da parte profesional desta viaxe, paso por Porto Alegre e Recife sen apenas asomarme á porta do hotel. Os horarios de traballo non mo permiten. De calquera xeito, non sinto pena xa que estiven nesta dúas cidades no mes de maio deste mesmo ano e están lonxe de parecerme apaixonantes. Podedes consultar os meus posts sobre Porto Alegre e Recife nos respectivos links de O branco sur do Brasil e Brasil Nordestino 

Letreiro lembranza de Porto Alegre fronte ao meu hotel

GOIÂNIA e GOIÁS VELHO

Esta é a miña primeira incursión no Estado de Goiás, o sétimo máis extenso do Brasil. Un territorio interior e sen costa que arrodea completamente o Distrito Federal de Brasilia, a capital do país. Aquí é outro cantar, esta é terra incognita para min e, por suposto, necesito descubrir o que estas dúas cidades teñen que ofrecer.

A Cidade de Goiás, tamén coñecida como Goiás Velho ou Vila Boa, foi a primeira capital do Estado de Goiás despois da súa fundación no ano 1727 a mans dos portugueses que viñan na procura do abundante ouro desta zona. A outra cidade, Goiânia, é a capital do Estado dende o ano 1937, unha cidade moi nova que non comezou a ser levantada ata 1933 para substituír a antiga capital.

Goiânia é tamén o centro económico deste Estado e alberga unha área metropolitana de dous millóns de habitantes que contrastan cos poucos máis de 25.000 que residen na antiga capital. Pero por contra, a Cidade de Goiás foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco como exemplo de arquitectura colonial mentres que Goiânia é unha cidade sen centro histórico nin patrimonio de referencia.

Dúas cidades completamente diferentes, e a tan só cento trinta e cinco quilómetros de distancia unha da outra, que representan o pasado e o presente do Brasil.

A imaxe típica de Goiânia é a dunha maraña de rañaceos, visible nada máis aterrar no aeroporto da cidade. Unha vez no centro, os altos edificios están máis espallados do que asemellan nese primeiro ollar. O centro da cidade preséntase amplo e limpo e cun ceo transparente no día da miña visita que axuda a que luza mellor do esperado. A dispersión dos edificios e as amplas avenidas confirman que é unha cidade máis pensada para os coches que para os peóns.

Imaxe da cidade dende o aeroporto de Goiânia

Teño a sorte de que o meu traballo me leva ata o restaurante Grá Bistrô, un local con fachada de cristal e visión de 360 º no andar 40 do edificio Órion Complex, un rañaceos de última xeración que cos seus 183 metros foi o segundo máis alto do Brasil no momento da súa construción (2017). Dende alí arriba imaxino o tipo de cidade que debe ser Goiânia, un bo lugar para gañarse a vida pero afastado de case todo e, malia o seu tamaño, de vida provinciana e limitada.

Centro de Goiânia dende o rañaceos Órion Complex

Unha vez en terra achégome ao Teatro Goiânia, no cruzamento entre as avenidas Anhanguera e Tocantins. O espazo cultural máis importante da cidade foi construído en estilo Art Decó e inaugurado no ano 1942.

Teatro Goiânia

Moi preto, e a escasos metros deste cruzamento de avenidas, sae un calello moi estreito que dá na Praça Cámara Filho, unha praza interior e pouco atractiva pero que, ao igual que a calella, aparece revestida de imaxinativos grafites. É o coñecido como Beco da Codorna, antigo estacionamento de día e punto de distribución de drogas pola noite que mudou completamente cando un grupo de estudantes de Publicidade decidiu retira-lo lixo para convertelo nunha galería de arte popular a ceo aberto.

Acaso haxa un lugar interesante na praza, o Upoint, que funciona como tenda e como primeira galería da cidade dedicada á arte urbana. Nas fins de semana tamén se converte nun bar alternativo. O día da miña visita Upoint está pechado.

Grafites no Beco da Codorna

O meu paso por Goiânia e o da comitiva española da que formo parte limítase a unha única xornada: chegar á ultima hora da mañá procedentes de Porto Alegre, un par de horas libres e unha sesión de traballo dende primeiras horas da tarde ata o noso regreso ao hotel, xa despois de cear e ben entrada a noite.

A diferenza vai ser que o resto da comitiva seguirá o seu camiño cara á cidade de Recife á primeira hora da mañá do día seguinte e eu decido quedar e coller a última conexión aérea que me permite a oferta de voos do aeroporto de Goiânia. Non teño ningún interese en chegar cedo a Recife, no mes de maio deste ano xa tiven a oportunidade de pasar varios días nesa cidade e de coñecela profundamente.

Decido aproveitar ese tempo e facer unha escapada de ida e volta ata Goiás Velho. Previamente e buscando na Internet decátome de que o transporte público entre Goiânia e Goiás Velho é escaso e nada práctico para realizar unha excursión no mesmo día. Hai varias saídas pola mañá cedo que permiten chegar a Goiás Velho en tres horas, pero resulta totalmente imposible regresar a Goiânia sen facer noite na antiga capital.

Teño claro que o único xeito de poder visitar Goiás Velho e en coche de alugueiro. Á miña chegada a Goiânia, na mesma terminal do aeroporto, contacto coa empresa brasileira de aluguer de coches “Movida” que se promociona como a locadora de vehículos coa frota máis nova do Brasil.

Alí mesmo ofrécenme un coche básico para un día con todos os seguros incluídos e unha franquía duns 150 € por unha tarifa de 160 reais, uns 36 € ao cambio. Ademais hai a posibilidade de recollelo a primeira hora da mañá no Hotel Castros, xusto fronte ao meu aloxamento, e de entregalo directamente no aeroporto de Goiânia. Unicamente haberá que ter en conta, ao igual que pasaba hai un par de meses no sur do continente africano, que no caso de entregar o coche nun estado de sucidade evidente haberá que pagar un suplemento para a súa limpeza.

E así o fago. Recollo o meu coche e ás oito e media da mañá xa estou buscando a saída da cidade en dirección a Goiás Velho. A estrada é unha especie de autovía na que hai que conducir amodo e con moito ollo. Malia estar en proceso de reparación, aínda hai algunha fochanca terriblemente profunda na que deixa-las rodas do coche. Demoro case dúas horas e media en cubrir os apenas 135 quilómetros do meu percorrido. A paisaxe formada por chairas e pequenos outeiros verdes acompaña á condución e fai a viaxe agradable.

Chego a Goiás Velho e recibo unha sorpresa moi positiva. A Vila Boa é un lugar parado no tempo, nun bonito val entre as montañas verdes da Serra Dourada e sen os aderezos habituais dos destinos turísticos. Goiás Velho está lonxe do desenvolvemento de vilas coloniais e turísticas do Brasil como é Olinda e a anos luz doutras como Parati e Ouro Preto. Quizais o seu punto forte e máis atractivo sexa o seu óptimo estado de conservación, coas rúas pavimentadas e as casas ben pintadas en xeral, pero sen a necesidade de dobregarse ás peaxes que normalmente esixe a explotación turística.

Supoño que parte desta situación vén provocada polo feito de que as súas dúas poboacións de referencia, Goiânia (a 135 km) e Brasília (a 316 km), están suficientemente afastadas para disuadir a moitos grupos organizados que visitarían Goiás Velho no caso de estar noutro emprazamento. De feito, a súa oferta aínda é cativa en temas de restauración e, sobre todo, de aloxamentos con certo encanto.

Paso un par de horas camiñando e atopo a maioría dos edificios históricos pechados ou fóra da hora de visita. Un lugar non tan turístico tamén ten que ter algún pequeno inconveniente. Achégome pola Oficina de Turismo e anímanme a coñecer a Casa Museu da poetisa Cora Coralina, nun bonito edificio branco do século XVIII apegado á ponte sobre o río Vermelho. Outro punto de interese é a igrexa de Nossa Senhora da Boa Morte, transformada nun museo de arte sacra no que destacan as imaxes do escultor Veiga Valle.

Casa de Cora Coralina

Ponte sobre o Río Vermelho e igrexa do Rosário ao fondo

Polos barrios e rúas da vila

Escasos viandantes en Goiás Velho

Igrexa de Nossa Senhora d´Abadia

Fonte na praza principal de Goiás Velho

Igrexa Matriz tamén coñecida como Igrexa Catedral de Sant´Ana e esquina do Palacio Conde dos Arcos

Palacio Conde dos Arcos e igrexa Nossa Senhora da Boa Morte

Igrexa de Nossa Senhora da Boa Morte e Museo de Arte Sacra

Paseo pola rica arquitectura de Goiás Velho

Igrexa de São Francisco de Paula

Na Oficina tamén promocionan unha senda de gran percorrido chamada “Caminho de Cora Coralina”. Son trescentos quilómetros que ligan cidades turísticas deste estado, dende Cidade de Goiás ata Corumbá de Goiás, ofrecendo natureza mesturada con historia, gastronomía e a historia dos poetas locais.

Dous lugares interesantes, e moi próximos un do outro, son o Museu das Bandeiras, no antigo cárcere, e o Chafariz de Cauda, unha fonte monumental preparada para satisfacer a sede tanto de humanos (parte central) como de animais (tanques externos).

Museo das Bandeiras

Traseira e dianteira do Chafariz de Cauda

Remato xantando cedo e moi barato nalgún dos restaurantes populares do Mercado Municipal. Decido adiantar o meu regreso e, deste xeito, prever os posibles atascos no camiño de volta. Tamén teño en conta que as devolucións dos coches da empresa Movida e das outras compañías de alugueiro non se realizan na propia terminal aérea senón en instalacións propias a moi escasos quilómetros do aeroporto. O posterior traslado ata a terminal e gratuíto e realizado polas propias empresas.

Finalmente, chego co tempo xusto para a facturación e tomar algo antes da partida do meu voo a São Paulo. O avión despega pouco antes das seis da tarde e entro no meu hotel de Recife xa algo pasada a medianoite.

FERNANDO DE NORONHA

Valado dunha casa na illa

O arquipélago de Fernando de Noronha está situado catro graos ao sur da liña do Ecuador, a 545 km da cidade de Recife e a 360 km de Natal. Se seguísemos en dirección ao continente africano tocaríamos as súas costas despois de percorrer outros 2.600 quilómetros. Son un grupo de vinte e unha illas, illotes e rochedos dos que soamente está habitada a illa principal, que recebe o mesmo nome que o arquipélago. O total da superficie emerxida é de tan só 17 km².

A illa recibiu varios nomes ao longo da súa historia e aparece referenciada por primeira vez no ano 1500. O descubrimento oficial non é ata 1503 polo navegante Américo Vespúcio, o italiano nacionalizado español que daría nome ao continente americano e que nesa expedición traballaba para a coroa portuguesa. A travesía marítima foi financiada polo fidalgo portugués Fernão de Loronha do que recibe o seu nome actual. A illa foi ocupada durante algúns anos tanto por franceses como por holandeses, pero a pegada máis forte corresponde ao poder colonial portugués.

Foron os portugueses os que construíron o maior sistema fortificado do Brasil, un total de dez fortalezas de diferentes tamaños comunicadas entre si para a defensa das rutas comerciais de navegación que pasaban por aquí. Lamentablemente, a non ser o Forte de Nossa Senhora dos Remédios preto da capital, as construcións atópanse en bastante mal estado de conservación.

Unha visita egrexia foi a do naturalista inglés Charles Darwin que pasou pola illa no ano 1832. Fernando de Noronha tamén funcionou como cárcere para os xitanos brasileiros e como lugar de desterro para moitos presos políticos de esquerdas.

Hoxe a poboación non chega a tres mil cincocentas persoas descendentes de prisioneiros, militares e visitantes que viñeron prestar os seus servizos e ficaron aquí para sempre. Vivir na illa soamente é factíbel no caso de casar cun nativo ou de chegar cun contrato de traballo baixo o ombreiro. Coa finalidade de non masificar o territorio, o traballador anterior debe abandonar a illa para deixar o seu posto ao recen chegado.

Este territorio pertence ao Estado de Pernambuco (Recife) como Distrito Estadual baixo a dirección dun Administrador Xeral nomeado polo Gobernador do Estado. No ano 1988 creouse o Parque Nacional Mariño de Fernando de Noronha. E no ano 2001 foi declarada pola Unesco como “Sitio do Patrimonio Mundial Natural”.

Aterrando en Fernando de Noronha

Viaxar a Noronha é un soño para moitos brasileiros. A illa ten un bo status como destino turístico e unha fama de paraíso natural que atrae as clases máis adiñeiradas e, sobre todo, parellas xoves e recen casadas de São Paulo e do Rio de Janeiro. Todos os brasileiros saben que Noronha é un destino caro que se vende moi ben á hora de contarllo ás amizades e aos veciños. O alto custe para chegar ata aquí determina que a maioría dos turistas sexan do propio país e dos países latinos veciños. Os poucos europeos que encontro na illa son franceses e españois.

Antes de viaxar a Fernando de Noronha é interesante coñecer certas realidades para xestionar mellor a visita:

Esta é unha illa “eco” que busca o turismo sustentable baseándose no uso respectuoso do medio. É un dos principais santuarios ecolóxicos a nivel mundial. O máximo de chegadas que permite a Administración é de seiscentas persoas por día, sumando xente local e turistas.

As únicas conexións son polas compañías aéreas Gol, dende Recife, e Azul, dende Recife e Natal. Nesta época do ano hai entre cinco e oito voos por día dende Recife e uns poucos á semana dende Natal. Non hai servizos regulares por barco entre a illa e o continente. Tampouco entre as diferentes illas do arquipélago de Noronha.

Para entrar na illa hai que pagar unha Taxa de Preservación Ambiental. O importe depende do número de días de permanencia. No meu caso, para unha estadía de 4días/3 noites, pago unha taxa de 211.99 reais equivalentes a escasos 50 €. Despois de face-la reserva aérea e de aloxamento hai que cubrir un Formulario de Pagamento entrando en noronha.pe.gov.br/. Tamén, e dende hai moi poucos meses, a taxa pode ser paga dende a mesma web. Á chegada ao pequeno aeroporto da illa haberá dúas fileiras diferenciadas para os que xa fixeron o pagamento on line e para os que teñen que xestionalo alí mesmo. Levar o pagamento feito aforra moito tempo. Unha vez na illa, o viaxeiro recibe un resgardo do pagamento que debe ser ben gardado xa que haberá que mostralo de novo para poder acceder á sala de embarque á hora de deixar Fernando de Noronha.

O arquipélago inclúe dúas unidades de conservación: o Parque Nacional Mariño (PARNAMAR) que ocupa o 70% do territorio e unha Área de Protección Ambiental (APA) que cobre o resto. Os núcleos de poboación están na APA. Para entrar no territorio do Parque Nacional hai que pagar un ingreso, individual e intransferible, válido por dez días. O importe é de 212 reais para estranxeiros (outros escasos 50 €) e de 106 reais para os brasileiros. A entrada pode comprarse no Centro de Visitantes e en dous postos máis da illa. Para aforrar tempo tamén pode ser emitida e paga a través da web parnanoronha.com.br/visitacao, pero unha vez na illa haberá que cambia-lo bono da web pola entrada real. En todos os casos pode ser pagada coas tarxetas Visa e Mastercard.

O Parque Nacional ten 14 sendas de pequeno percorrido (trilhas en portugués). Para coñecer as catro máis sensibles dende o punto de vista medioambiental (Pontinha Pedra Alta, Abreus, Atalaia e Morro São José) é obrigatorio facer reserva e ir acompañados dun guía. O servizo está incluído dentro da entrada do Parque. A miña recomendación é nada máis aterrar e deixar as pertenzas no aloxamento, achegarse ao Centro de Visitantes, facilmente accesible en autobús, é facer as reservas (agendamento) pertinentes. As quendas para realizar as trilhas son bastante limitadas e por rigoroso orde de chegada.

O acceso á Praia do Sancho está regulado dende o 12 de novembro deste ano. Esta praia, nomeada durante os anos 2015, 2016 e 2017 como “a praia máis bonita do mundo” segundo as votacións de Tripadvisor (a segunda do mundo no 2018), está pechada por un cantil unicamente accesible por unha escaleira vertical entre dúas paredes rochosas. Agora hai quendas de baixada e de subida que aparecen publicadas na web parnanoronha.com.br/visitacao e nas oficinas do Parque. No caso de chegar fóra do horario da quenda de baixada aproveitade para facer o paseo ata o miradoiro da Baía Porcos.

A illa ten dúas costas ben diferenciadas. A de Mar de Dentro é a que mira cara ao continente con augas turquesas e tranquilas por estar abrigadas do vento. A de Mar de Fora está orientada a mar aberto e as súas augas son de cor azul escura. A costa de Mar de Fora presenta praias máis perigosas e de augas axitadas ao longo do ano.

Os aloxamentos, chamados habitualmente pousadas, son sinxelos e moito máis caros que na parte continental do país. Acostuman ser pequenos e moitos deles ocupan as casas dos propios habitantes. Apenas hai establecementos de gran categoría nin os resorts turísticos típicos doutros destinos. A illa ten unha clasificación de aloxamentos propia, en vez de estrelas fálase de golfiños e as categorías van dun a tres golfiños.

A oferta de restauración é variada pero cara. Haise que preparar para pagar tres veces os prezos do Brasil continental. Os únicos lugares de prezo acomodado son aqueles coa típica comida ao quilo. A illa ten un único supermercado bastante ben provisto así como varias tendas de alimentación con oferta moi limitada.

Un autobús percorre as estradas asfaltadas da illa dende moi cedo pola maña ata as once e media da noite. O prezo da carreira é de cinco reais, independentemente da distancia percorrida. A xente local non paga. O condutor cobra directamente ao entrar no autobús. Saídas cada media hora en ambos sentidos.

Hai tres oficinas bancarias na illa. A tarxeta Visa funciona bastante ben aínda que moitos aloxamentos esixen o pagamento en metálico. Algúns establecementos poden incrementar os prezos nun tres ou catro por cento no caso de querer pagar con tarxeta.

A temperatura media da illa é de vinte e oito graos ao longo de todo o ano. Hai dúas estacións: a seca (setembro-marzo) e a chuviosa (abril-agosto). O sol pode chegar a ser moi intenso e faise totalmente necesario unha alta protección solar. Na illa hai pouco protector á venda e acostuman ser bastante caros. Traer protección da casa e un sombreiro.

Restaurante na Praça do Cruzeiro

Contado todo o anterior, tan só me queda falar sobre a miña experiencia persoal. Aterro a media mañá no voo da Gol procedente de Recife por un prezo, ida e volta, de 786 reais, uns 180 euros ao cambio. A tarifa inclúe unicamente equipaxe de man. Teño o voo de regreso fixado para ás 16:35 de catro días máis tarde. Curiosamente, a hora local da illa é a mesma de São Paulo e unha máis que en Recife, un total de tres horas de diferencia con España nesta época do ano.

Somos poucos os que chegamos coa Taxa de Preservación xa paga e paso rapidamente os trámites da minúscula terminal da illa. Os traslados ata os aloxamentos son gratuítos e xestionados polos operadores locais que aproveitan o traxecto para incentiva-la venda de excursións. O tempo gañado coa Taxa de Preservación pérdoo esperando a que cheguen todos os pasaxeiros para o traslado.

A maior parte dos aloxamentos están na capital da illa, a Vila dos Remédios, e nas tres aldeas que a arrodean. Un cuarto individual na miña pousada de Floresta Velha sae por case 70 €/noite con almorzo, moi por riba do seu valor real. Foi a mellor opción que conseguín no momento da reserva. En Fernando de Noronha non hai gangas.

Despois do xantar dedícome a coñecer a Vila dos Remédios, a facer a miñas reservas no Centro de Visitantes do Parque Nacional e a contratar as excursións para os días seguintes. Hai que ter en conta que a maioría destas excursións non son realizables de non ter previamente paga a entrada ao Parque.

A Vila dos Remedios é unha capital curiosa, diferente. Sen un centro evidente, os edificios aparecen moi espallados pola contorna. A súa praza principal, a da igrexa e a da sé administrativa do Distrito, ten unha pendente máxima, moi incómoda para vehículos e peóns. Seica a razón da construción desta vila nese lugar era estratéxica, para non ser vista dende o mar e así evitar posibles saqueos.

Na praza central ou Praça do Cruzeiro está o Palácio São Miguel, o centro administrativo da illa construído no ano 1947. Na súa fronte hai dous canóns e un monumento do mesmo ano que conmemora a primeira travesía aérea do Atlántico por dous aviadores portugueses. Máis antiga, a igrexa de Nossa Senhora dos Remédios, orixinaria de 1737, presenta unha fachada indubidablemente portuguesa. Na parte máis baixa da praza está o Memorial Noronhense e Espaço Cultural Américo Vespúcio, o único museo da illa, dedicado a historia e costumes deste lugar.

Palácio São Miguel

Igrexa de Nossa Senhora dos Remédios

Esa mesma tarde percorro a pé as praias próximas ao núcleo urbano: a do Cachorro, a do Meio e a da Conceição. As dúas primeiras son praias de coios e rochas, bastante incómodas para o baño. A Praia da Conceição cumpre moitos dos requisitos para ser considerada como un lugar paradisíaco. Ademais está moi preto das zonas poboadas e non ten as limitacións de uso doutras praias do Parque Nacional.

Baixada á Praia do Cachorro

Praia do Cachorro

Praia do Meio

Para un refrixerio ou para unha comida recomendo moi especialmente o Bar do Cachorro, na parte inferior da praza principal e moi próximo á praia do mesmo nome. O interesante non é calidade da súa comida senón os seus espazos ao aire libre e as súas vistas ao mar. Outra visita apetecíbel é ao Bar do Meio Noronha, entre as praias do Meio e da Conceição. Este último ofrece un aire chill out de illa caribeña e dá directamente sobre a area da praia. Tanto nun como outro hai actuacións musicais e sinxelos shows cos bailes nordestinos que chegan do continente. Ademais, o Bar do Cachorro ofrece actuacións musicais nalgunhas noites da semana. Pero ningún dos dous é barato.

Bar do Meio Noronha e Morro do Pico ao fondo

Facendo este paseo aparecen dúas das iconas da illa: o Forte dos Remédios, moi próximo á vila capital, e a formación rochosa do Morro do Pico. Ambas facilmente visibles dende múltiples miradoiros. O Morro do Pico, o punto máis elevado de Noronha con 321 metros, é unha referencia fotográfica de calquera que pase pola illa. A figura do Morro é apreciábel tanto dende o centro insular como dende a costa de Mar de Dentro. No alto hai un pequeno faro de axuda á navegación, pero os chanzos próximos ao chan foron desmontados para impedir que a xente subira e arriscara a súa seguridade.

Forte dos Remedios

Praia da Conceiçao e Morro do Pico dende a Praia do Meio

Imaxe da Virxe da Conceiçao ao pé do Morro do Pico

Praia da Conceiçao dende o Morro do Pico. Ao fondo e no alto o Forte dos Remedios

Rematado o paseo, achégome ao Centro de Visitantes do Parque Nacional pouco antes de pechar e reservo a miña visita á Trilha do Atalaia. Aínda que non teño ningunha referencia especial sobre esta senda resúltame atractiva por visitar a única praia (Atalaia) que non está incluída nas excursións organizadas pola illa. Non me dan praza ata tres días despois, a mañá do meu día de regreso a Recife.

Xa ao final do día remato comprando excursións para os dous días seguintes. Para organizarse ben á hora de coñecer Noronha hai que ter en conta as diversas opcións da illa.

A primeira posibilidade é facendo uso do autobús municipal. Fernando de Noronha  é relativamente pequena e a súa rede de estradas mínima. O autobús vai dende o Porto de Santo Antônio, no seu extremo nordés, ata a Baía do Sueste, despois de pasa-lo aeroporto. Ao longo deste itinerario con numerosas paradas tan só hai que preguntar pola máis axeitada para logo continuar a pé polas pistas de terra que conducen a todos os recunchos da illa. Este é a opción máis barata pero precisa dalgún día máis dos que eu teño dispoñibles.

A segunda opción son os buggies de alugueiro. Dende a miña chegada non fago máis que ver centos destes vehículos meténdose por todas as pistas posibles. Pero tamén son varias as páxinas web que advirten dos numerosos accidentes a bordo destes falsos todo terreo e que salientan o estrago que provocan no fráxil equilibrio dun lugar sustentable coma este. Non chego a preguntar o custe do aluguer pero, vendo os prezos habituais doutros servizos, entendo que queda fóra do orzamento dun viaxeiro individual.

Buggies na Cacimba do Padre

Finalmente, decídome pola oferta de visitas organizadas dalgún dos tres operadores turísticos que existen en Noronha. Son case as mesmas propostas pero con prezos diferentes. Os interesados en mergullo con botella tamén encontrarán varias empresas especializadas.

Durante o meu traslado dende o aeroporto ao aloxamento, a axencia Primeiríssima aproveitou para promocionar as súas excursións. Nese intre, acabado de chegar, os prezos parecéronme elevados. Pero despois de comparalos cos outros operadores comprobo que teñen as mellores tarifas e que son a única empresa que non cobra suplemento polo pagamento con tarxeta de crédito.

O abano de excursións limítase practicamente a tres propostas.

O Ilha Tour, un percorrido de día completo en furgoneta para visitar a maioría de praias da illa e con tempo para o mergullo con tubo en dúas delas. Inclúe unicamente o transporte e o guía.

O Paseo en barco tradicional de medio día que costea o Mar de Dentro, dende o Porto de Santo Antônio ata o outro extremo da illa na Ponta da Sapata. O barco ancora preto da Praia do Sancho para nadar e para mergullo con tubo. Inclúe o transporte ata o porto e a travesía en barco con guía a bordo.

O Prancha VIP é un paseo en motora de medio día para mergullo con tubo entre o Porto de Santo Antônio e as illas menores. Son grupos moito máis reducidos que o paseo en barco tradicional. A motora vai a unha velocidade de tres quilómetros/hora arrastrando con corda ata un máximo de cinco persoas. A prancha é unha lámina de plástico duro que, segundo a posición forzada polo nadador, permite mergullarse ata unha profundidade de cinco metros ao mesmo tempo que se é arrastrado pola motora. Este paseo faise pola tarde para a posterior navegación ata o Morro Dois Irmãos e así gozar do solpor neste lugar tan emblemático. O prezo inclúe o transporte ata o porto, o paseo en motora, a máscara de mergullo e a cea a bordo.

Finalmente contrato o chamado “combo”, un paquete con prezo reducido para realizar as tres excursións mencionadas. O Ilha Tour para o día seguinte e o Paseo en barco tradicional máis o Prancha VIP para dúas xornadas despois.  Pago un total de 450 reais equivalentes a uns 106 euros, cun aforro de 250 reais sobre o prezo de venda por separado.

www.primeirissimanoronha.com.br/

ILHA TOUR. Nada máis saír, o guía para nun lugar a pé de estrada e preto do Centro de Visitantes do Parque Nacional. É o momento de alugar o kit de máscara, aletas e colete salvavidas por 30/50 reais para un ou dous días. O colete é obrigatorio para poder mergullarse na Baía do Sueste.

Evidentemente, esta excursión é a mellor forma de coñecer Fernando de Noronha. Para o meu gusto sóbranlle un par de horas de percorrido e fáltalle tempo para gozar do mar. Tamén están de máis as bromas e entretementos de recheo por parte do guía: Noronha é un lugar que xa é interesante de seu.

O percorrido lévanos pola Praia do Sancho, Baía Porcos, Praia Leão, Baía do Sueste, Praia do Cacimba do Padre (xantar) e Morro Dois Irmãos, Baía de Santo Antônio, Buraco da Raquel e Forte do Boldró. Podedes seguir o itinerario nas fotos seguintes.

Cinco fotografías da Praia do Sancho, a segunda máis bonita do mundo no ano 2018 segundo Tripadvisor

Baixada á Praia do Sancho

Miradoiro sobre a Praia do Sancho

Mar de Dentro e Morro do Pico dende o miradoiro de Baía Porcos

Morro Dois Irmãos dende o miradoiro de Baía Porcos

Praia Leão, moi perigosa

Baía do Sueste, parada para mergullo

Tartaruga na Baía do Sueste

Praia do Cacimba do Padre e Morro Dois Irmãos

Morro Dois Irmãos

Praia do Cacimba do Padre e Morro do Pico

Porto e Baía de Santo Antônio

Enseada dos Tubarões e illas menores

Capela de Santo Antônio

Xardín a carón do Museu do Tubarão

A única mágoa dun día fantástico é que non podemos meternos na auga en Praia do Sancho. A forza do mar non o permite. E este é o lugar recomendado para poder nadar con tartarugas, raias e quenllas, unha experiencia marabillosa e un dos puntos fortes de Fernando de Noronha. Temos a sorte de que as augas transparentes e os miradoiros do alto do cantil da Praia do Sancho permiten que vexamos numerosos tiburóns preto da ribeira. Seica as especies dominantes destas augas son pouco amigas da carne humana e os escasos ataques foron consecuencia de imprudencias por parte dos nadadores.

O PASEO EN BARCO TRADICIONAL é un complemento perfecto ao Ilha Tour e así ver dende o mar parte do que vimos o día anterior dende terra firme. A costa de Mar de Dentro é verdadeiramente espectacular. Paramos a escasa distancia da Praia do Sancho para o mergullo esperando ter a experiencia que o mar non permitiu o día anterior. De novo fai acto de presenza a mala sorte e perdo a máscara por un golpe de mar nada máis tirarme á auga. Ademais de non ver nada terei que pagar 155 reais (35 €) por unha máscara nova no único lugar da illa que están a venda (Atlantis). Un dos mellores momentos da navegación é ao pasar pola Baía dos Golfinhos e vernos acompañados por varios grupos de arroaces.

O barco. Ao fondo a Praia de Santo Antônio

Mergullo na Praia do Sancho

Na Baía dos Golfinhos

Morro do Pico dende o mar

Morro Dois Irmãos dende o barco

Navegando cara á Ponta da Sapata

Túnel natural na Ponta da Sapata

De volta no porto

O PRANCHA VIP é, segundo á miña opinión, totalmente prescindíbel. As augas próximas ao porto están bastante revoltas e nin eu nin ningún dos participantes conseguimos ver case nada. Tan só hai un momento algo especial cando pasamos por riba do barco grego afundido na bocana do porto. O barco encallou en 1929 e, ante a imposibilidade de flotalo de novo, foi afundido preto do porto para ledicia de mergulladores. A escasos metros da ribeira e a unha profundidade de entre cinco e nove metros é tamén facilmente accesible nadando con máscara e tubo dende a praia. Ao remate da tarde, a tripulación prepara unha grellada de peixe fresco para cear mentres o sol vai caendo detrás do Morro Dois Irmãos, o que compensa parcialmente o custo da excursión. O Prancha Vip serve máis como entretemento que para coñecer algo de interese.

Facendo Prancha VIP

Solpor e cea durante a excursión

O último día na illa recibo unha sorpresa totalmente inesperada que vai deixar unha profunda pegada en min. Á primeira hora da mañá teño a miña cita coa Trilha do Atalaia. O punto de encontro co persoal do Parque e co resto de participantes é na área do aparcadoiro da que parte a senda que conduce ata a praia do mesmo nome. Unha cancela pechada impide o acceso aos visitantes que non teñan concertada a visita. Pago 20 reais polo alugueiro dunha máscara con tubo e un colete salvavidas (obrigatorio) para poder nadar na piscina natural que se forma á beira do mar.

Segundo as informacións do guía, a praia tan só recibe seis grupos ao día cun máximo de dezaseis participantes por grupo. As visitas concéntranse durante a marea baixa xa que o seu principal atractivo é a piscina que se enche con cada marea alta para converterse nun acuario tropical cando o mar se retira. Somos uns poucos os privilexiados que podemos nadar durante un máximo de media hora nunha especie de paraíso acuático. Son moitos os peixes tropicais diferentes que nadan nun espazo equivalente a tres piscinas e cunha profundidade de oitenta centímetros. O fondo de area branca e corais iluminados polo sol do Ecuador crea un ambiente irreal no que me sinto un peixe máis. Non quero que pase o tempo e a media hora permitida non chega a nada. Un intre máxico como hai tempo que non sentía. E unha razón suficiente para facer da viaxe a Noronha algo único. Totalmente recomendable.

Praia Atalaia

Piscinas naturais na Praia Atalaia. Unha mágoa non poder sacar fotos dos fondos mariños

A visita á Trilha do Atalaia tan só me ocupa un par de horas polo que regreso en autobús ao porto da illa para facer algunha compra nas tendas a carón do dique. Aproveito para xantar no restaurante do Museu do Tubarão. A comida non sorprende pero as vistas ao mar e as informacións sobre as quenllas son un plus do lugar.

Caipiroska na Praia de Santo Antônio

Letreiro na parada do autobús do porto da illa

Remato tomando unha saborosa caipiroska de maracujá nun bar sobre a area da praia do porto antes de coller o autobús para o aeroporto e embarcar no meu voo de volta a Recife. Unha perfecta despedida dun lugar senlleiro que, malia os altos custos da estadía, non vai deixar indiferente a case ninguén.

PORTO DE GALINHAS

Chego a Recife xa de noitiña e alóxome no mesmo hotel de hai catro días, na praia da Boa Viagem. Recollo a maleta que deixei durante a miña viaxe a Fernando de Noronha e subo ao meu cuarto. Síntome canso e vou permanecer no hotel. A vida nocturna de Recife é tranquila durante as noites da semana e, sempre, relativamente perigosa.

Á mañá seguinte saio á rúa e negocio un taxi para que me leve ata a vila de Porto de Galinhas, a 63 quilómetros ao sur de Recife. A Estación de Autobuses da cidade fica terriblemente afastada e o persoal do hotel non acaba de aclararme as paradas próximas a este aloxamento. Ao terceiro taxista que paro consigo un prezo de 110 reais (25 €) para o traxecto ata o meu destino.

O camiño que me leva ata Porto de Galinhas é feo, pasando por áreas industriais bastante degradadas. Hai unha autoestrada de peaxe que aforra algúns minutos de viaxe pero iso non o sabía á hora de negocia-lo taxi. Xa preto de Porto de Galinhas, a contorna comeza a mellorar e adquirir un aspecto tropical.

Rúa principal de Porto de Galinhas

Acceso principal á praia

Antes de entrar no meu aloxamento, negocio de novo para que o mesmo taxi me leve de volta ao aeroporto de Recife, tres días máis tarde e polo mesmo prezo. O meu hotel, a Pousada Manamar, é de xerencia arxentina e ofrece unha relación calidade/prezo óptima. Dende logo que resulta barato en comparación coa pousada de Fernando de Noronha. Aquí vou pasar os tres últimos días desta viaxe, con tempo para descubrir a oferta de praias da costa sur do Estado de Pernambuco.

Porto de Galinhas é un lugar de turismo popular e agradable, lonxe da exclusividade que respiraba Noronha. Paseando polas súas rúas peonís atopo parellas, familias e moito turismo arxentino. A oferta de restaurantes e de tendas de souvenirs é moi abondosa. Chama a miña atención os vendedores de pinturas que imitan á obra do artista Romero Britto, natural de Recife. Por contra, a oferta de lecer nocturno é bastante limitada.

Moitas galiñas que confirman o nome desta vila

En dirección norte-sur únense as praias de Muro Alto, Cupe, Porto de Galinhas e Maracaípe para formar un único areal de dezaoito quilómetros.  As praias locen ben en xeral, aínda que na zona próxima ao centro urbano están ateigadas de hamacas de alugueiro e de vendedores de todo tipo de obxectos. Canto máis nos afastemos máis tranquilidade atoparemos. Un pero importante é que o areal máis próximo ao centro turístico de Porto de Galinhas desaparece case completamente con marea alta. E por suposto, ningunha delas é un lugar recomendable para camiñar pola noite.

Praia de Porto de Galinhas

Paso unha das mañás paseando pola praia ata o Pontal de Maracaípe, varios quilómetros ao sur, onde se xuntan as augas do mar e do río Maracaípe. Dende aí parten unhas pequenas barcas que percorren o mangleiral do esteiro do río, hábitat natural dos cabaliños de mar. Para o paseo non hai que esquecer nin gorra nin alta protección solar. Os preguizosos poden regatear un buggy que por 130 reais fan paseos dunha hora para ata catro persoas e que percorren toda a franxa costeira ao norte e ao sur de Porto de Galinhas.

Polo camiño e Pontal de Maracaípe

Porto de Galinhas é tamén famoso polas piscinas naturais que acollen a moitos peixes tropicais durante a marea baixa. A diferenza con Fernando de Noronha faise notar e resulta moi pobre en comparación. Pero aqueles que non cheguen desta illa no Atlántico van atopar moi apetecible a posibilidade de nadar con peixes en zonas pouco profundas e de gran visibilidade.

Hai que comprobar os horarios das mareas e achegarse á praia no propio centro da vila. Camiñando escasos metros en dirección sur as ringleiras de xente marcan o paso ata as piscinas. Sen pagar nada. Outro xeito de coñecelas é desembolsar 25 reais (6 €) por unha praza nunha jangada, a barca chá e a vela típica desta zona, e deste xeito navegar os escasos metros que separan as piscinas da beira mar. O paseo en jangada é totalmente innecesario para visitar as piscinas pero non deixa de ser unha experiencia agradable. Os turistas acostuman levar penso para alimentar aos peixes e facer que se acheguen. E evidentemente, as piscinas están abarrotadas de xente durante o pouco tempo que dura a baixa mar.

Visita ás piscinas naturais en jangada

Piscina natural con forma do mapa do Brasil segundo a xente de Porto de Galinhas

Acceso a pé ás piscinas naturais

O meu penúltimo día apúntome a unha excursión de día completo á Praia dos Carneiros, a 55 quilómetros ao sur de Porto de Galinhas. O prezo é de 60 reais (14 €), 70 no caso de pagar con tarxeta de crédito, e inclúe o transporte ata o punto de embarque e un día completo de navegación. Regateo e finalmente pago cincuenta e cinco reais con cargo á miña tarxeta Visa. No barco sérvese comida e bebida a prezos razoables.

A foto reclamo desta excursión é a capela de São Benedito, unha imaxe pintoresca dunha igrexa do século XVIII tipicamente portuguesa levantada sobre a propia area da praia e rodeada por altas palmeiras. A visión dende o mar fai que a viaxe pague a pena. Polo resto, moita xente nun barco coa música a todo volume e un guía que non deixa de berrar polos altofalantes durante toda a travesía. Por outra banda, as piscinas naturais son moi semellantes ás de Porto de Galinhas.

Xa de regreso ao porto, o barco fai unha paraxe nunha zona de lodos naturais e supostamente beneficiosos para a pel. Uns postos moi básicos venden os lodos aos visitantes.

Capela de São Benedito na Praia dos Carneiros

Piscinas naturais

Baño de lodos

Remato a viaxe saíndo ás catro e media da mañá cara ao aeroporto. O taxista cumpre co noso acordo e chega dende Recife puntual para recollerme. Por diante vinte e catro horas de viaxe a São Paulo, Madrid e Santiago de Compostela.

Un comentario en “Traballo e pracer no Brasil

  1. Pingback: Brasil – De Niemeyer e da pegada colonial | Cidadán do Mundo, pero galego

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.