Coñecendo Galicia – Os novos hoteis de madeira e a nosa experiencia en Tui

Cabanas no aloxamento Aloia Nature

Parque Natural Monte Aloia

Chegado recente da miña viaxe polo Brasil recibo unha sorpresa moi agradable. Ter bos amigos non ten prezo, e, se por riba, te agasallan cunha iniciativa como esta hailles que estar moi agradecido.

O asunto é que a comezos do mes de decembro cumpriméntanme cun presente de Nadal totalmente inesperado, un vale trocable por unha estadía de fin de semana nun novo aloxamento, o Aloia Nature. Acostumado coma estou a pasar por moreas e moreas de hoteis “clásicos”, calquera nova tipoloxía de aloxamento resulta moi apetecible de coñecer e, sobre todo, de experimentar.

Son moitas as iniciativas que xurdiron en Galicia neste último decenio e que están a converter a nosa terra nun destino senlleiro. Por exemplo, os hoteis burbulla de teito transparente nos que poder ollar as estrelas sen saír da cama. Ou os hoteis-monumento, edificios excepcionais cos que compartir a historia do lugar. Tamén faros reconvertidos en aloxamentos para gozar da proximidade do bravo océano Atlántico. Ou, coma neste caso, neocabanas de madeira, novas construcións no espazo rural que buscan integrarse no medio natural que as arrodea.

Somos lexión os galegos que temos idealizado o feito de ter unha cabana no bosque. Quizais unha herdanza de cando eramos cativos e desexabamos que os nosos pais nos sorprenderan cunha casiña nas árbores, un lugar en medio da natureza no que agocharnos e poder xogar. E agora, ao fin, é posible. E con todas as comodidades que pode ofrece-lo século XXI.

Galicia comeza a ter unha oferta abondosa de novos aloxamentos nos que a madeira é o material construtivo protagonista. Establecementos pequenos que potencian a privacidade dos seus hóspedes e fan un tratamento singular de cada cuarto. En xeral, espazos decorados cun gusto excelente e as mesmas comodidades que poidan ofrecer os mellores hoteis de cidade. Lugares perfectos para unha escapada en parella, familia ou con amigos. Pero tamén para o cliente individual que procure unha estreita comunicación coa natureza do lugar.

A oferta actual de Galicia, ata onde eu sei, está formada por dez grupos de cabanas de diferentes capacidades. Os aloxamentos están espallados pola franxa occidental do noso territorio, dende Tui, moi preto da fronteira con Portugal, ata a Costa da Morte.

Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ Δ

Aquí podedes botarlle unha ollada á oferta por se vos animades a coñecela…

ALOIA NATURE Aloxamento forestal

Recepción do Aloia Nature

Conxunto de edificacións no Hotel Aloia Nature

Tres cabanas elevadas sobre postes metálicos e tres apartamentos, dous dos cales poden unirse para acoller grupos de ata seis persoas. Expertos en facilitar actividades ao aire libre. O aloxamento está dentro dos límites do Parque Natural do Monte Aloia e a escasos quilómetros da vila monumental de Tui. Dende as cabanas sae unha senda peonil que, en poucos minutos, conduce ata os restos do castro prerromano do Alto dos Cubos (século II).

www.aloianaturealojamientos.es/

CABAÑITAS DEL BOSQUE

A casa de turismo rural Perfeuto María comezou no ano 2001 unha nova experiencia que vai dende cabanas no interior dun bosque, algunhas a unha altura de seis metros sobre o nivel do chan, ata cabanas ao pé da praia. A oferta da empresa De Artesanato  comprende cinco grupos de cabanas espalladas en diversas localizacións do Concello de Outes, no fondo da preciosa ría de Muros e Noia.

  Nº de cabanas
Os Apriscos 3
Finca Mourelos 1
Cabanas do Barranco 8
Cabanas de Broña 4
Cabanas sen barreiras 6
A Cabana de Carmen 5

https://cabanitasdelbosque.com/es

CABANAS DA RÍA

Tres cabanas máis propias de arquitecturas suízas que galegas. Moi preto da fermosa ría de Lires, a ría máis pequena de Galicia situada a cabalo entre os concellos de Cee e Muxía, na Costa da Morte. Cada cabana dispón de corenta metros cadrados para compartir coa familia ou cos amigos.

https://cabanasdelires.com/

NIDOS DE CARNOTA

Grupo de seis cabanas situadas no concello de Carnota, tamén en plena Costa da Morte. O aloxamento queda a medio camiño entre dous lugares de referencia coma son o miradoiro das Paxareiras e a praia máis longa de Galicia, a praia de Carnota. A intención destes “niños” é dar a coñecer a experiencia da observación de aves dun xeito ameno e respectuoso coa natureza.

www.nidosdecarnota.com/

MORADAS NO ULLA

Tres cabanas de vinte e sete metros cadrados cada unha no Concello de Teo, a escasos quilómetros de Santiago de Compostela. O aloxamento está a curta distancia da área recreativa do Xirimbao, onde unha ponte colgante permite atravesa-lo río Ulla.

https://moradasnoulla.com/

∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇∇

Polo que respecta á nosa escapada, chegamos á aldea do Frinxo, ao pé do Parque Natural Monte Aloia, un domingo a última hora da tarde. Vindo da vila de Tui hai que chegar ao centro da aldea e tomar unha estrada á dereita (está indicado) para, despois dunha nadiña, encontrarmos coa entrada ao aloxamento. Xa avisaramos previamente e hai un responsable á nosa espera no edificio de recepción.

O noso vale agasallo é valido para a Cabana Fervenza, a mellor equipada –e a máis cara- das tres cabanas sobre postes que ofrece Aloia Nature. A decoración interior é dun inequívoco estilo nórdico en madeira clara. Está todo o que ten que estar e non botamos nada en falla. Unha botella pequena de cava dános a benvida de parte de Aloia Nature.

A guinda do noso cuarto é unha bañeira de chorros ao aire libre, no medio da terraza exterior. A posibilidade de tomar un baño ben quentiño inmerso no verdor do lugar ou baixo un teito de estrelas resulta motivadora. Pero estamos en pleno inverno e, malia ser unha das zonas temperadas de Galicia, vai frío demais.

Bruno na nosa cabana

Terraza e bañeira a chorros

Vistas dende a nosa terraza

Cabana Fervenza

Acceso ás cabanas

Decidimos baixar ao centro de Tui, a escasos quilómetros, e cear nun agradable restaurante fronte á fachada principal da catedral. A comida non resulta nada especial pero as vistas si o son. A vila non resulta demasiado animada en noite de domingo e, unha vez calmada a nosa fame, regresamos de volta ao hotel.

Á mañá seguinte o persoal do aloxamento deixa na porta do noso cuarto e á hora convida unha cesta artesanal portuguesa feita de canas. Dentro o noso almorzo, composto de zumes, cereais, froita, iogures e pastelaría fresca do día. O café xa estaba dispoñible na pequena cociña do cuarto. Haberá clientes que prefiran un almorzo ben servido e nunha sala específica para iso, pero a nós parécenos xenial o feito de poder tomalo con liberdade no noso cuarto.

Despois do almorzo saímos a pé para achegarnos por unha pista ata o Castro do Alto dos Cubos, tamén coñecido como Cabeza de Francos por acoller un asentamento francés durante a época de Bonaparte. En menos de quince minutos chegamos ao noso destino: os restos arqueolóxicos dun poboado castrexo da Idade do Ferro (s. I a.C.). Supostamente, esta era unha das cinco citanias que chegaron a poboar a ladeira do Monte Aloia.  O castro está parcialmente escavado e é pouco o que podemos ver, pero tamén aproveitamos para asomarnos ao seu miradoiro e contemplar unha bonita vista de Tui e da súa bisbarra.

Restos dunha citania no Castro do Alto dos Cubos

Panorámica sobre Tui dende o miradoiro de Cabeza de Francos

De regreso a Aloia Nature collemos o coche para subir en dirección ao monte Aloia. Algúns historiadores apuntan que este podería ser o famoso Monte Medulio no que guerreiros cántabros, astures e galaicos preferiron suicidarse antes de entregarse ás lexións romanas no ano 22 a.C.

O Monte Aloia forma parte da Serra do Galiñeiro e remata no cumio de San Xiao, a 629 metros sobre o nivel do mar. O primeiro espazo natural en ser declarado Parque Natural de Galicia ten unha superficie pequena, de tan só 746 hectáreas, e resulta máis coñecido polas súas posibilidades orientadas á educación ambiental que polo senlleiro da súa masa forestal.

Centro de Interpretación

Aparcamos a carón do Centro de Interpretación “Casa do Enxeñeiro Areses” cunha curiosa fachada de estilo rústico levantada en 1921 polo mesmo enxeñeiro tudense. Hoxe é luns e o Centro permanece pechado.

O Parque ofrece oito rutas que superan os vinte e dous quilómetros de percorridos, pasando por miradoiros, muíños e áreas recreativas. Facemos a senda do “Rego da Pedra” e paseamos pola frondosa e verde aba que se estende detrás do Centro de Interpretación.

Paseo polos bosques do Parque Natural Monte Aloia preto do Centro de Interpretación

Despois do pequeno paseo, collemos o coche de novo para achegarnos ao cumio deste monte, á capela de San Xiao. O templo foi reconstruído no ano 1713 sobre outro anterior de estilo románico. De pasarmos por aquí un mes máis tarde, a finais de xaneiro, poderíamos participar na romaría de San Xiao, o santo da súa advocación con fama de milagreiro entre a xente da zona.

Capela de San Xiao

Relativamente preto da capela aínda se conserva un anaco, uns trescentos metros, dunha inmensa muralla ciclópea con máis de dous quilómetros que puido servir de defensa, ben a unha citania de gran tamaño ou ben ao Tui de época romana. Os estudosos non se poñen de acordo sobre a súa orixe. O mellor é baixar as escaleiras fronte á entrada da capela e seguir ata atopar unha pista de terra. Os restos arqueolóxicos están á espera da súa recuperación e dunha sinalización axeitada.

Dende a capela seguimos unha senda que nos leva ata a Gran Cruz, un monólito de catro metros construído a través de doazóns populares para conmemorar o Ano Santo de 1900. Ao seu carón, un miradoiro cunha das mellores vistas da comarca do Baixo Miño e os vales dos ríos Miño e Louro.

A Gran Cruz

Vistas do Baixo Miño dende o miradoiro

http://galicianaturaleunica.xunta.gal/es/monte-aloia

Deixamos o Monte Aloia e baixamos a Tui. É a hora do xantar e acudimos á tapería “La de manu”, seguindo a boa recomendación do propietario de Aloia Nature. O restaurante está no centro, na Glorieta de Vigo, e ofrece un menú ao mediodía no que se poden escoller dous pratos calquera da súa carta polo que sería o prezo dun menú normal noutro restaurante. Bo servizo, comida excelente e vistas fantásticas sobre os barrios de Tui. Que máis pedir? Iso si, hai que reservar previamente ou corre-lo risco de ter que esperar moito tempo.

Comedor e vistas dende a tapería “La de manu”

Unha vez rematamos de xantar, facémo-la visita de Tui. A que foi capital do Reino de Galicia durante o dominio suevo, sé episcopal dende o século V e unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia, non está a pasar polo seu mellor momento. A cidade tivo un pasado glorioso que contrasta cunha realidade modesta.

A súa situación no Camiño Portugués a Santiago, á beira do Río Miño e fronte a outra xoia monumental como é a vila portuguesa de Valença do Minho, parece non influír para que Tui despegue como destino turístico de importancia.

Pero o seu valor patrimonial segue aí, co centro histórico medieval e cos conventos de San Domingos e das Clarisas, cos restos dun dobre sistema defensivo e coa igrexa de San Francisco. E sen esquecer a capela de San Telmo, un exemplar único do estilo barroco portugués en Galicia.

Capela de San Telmo

Praza da Catedral

Restos da muralla medieval

Casa do Concello

Paseando polo Tui monumental

O edificio máis salientable é a Catedral de Santa María, iniciada no século XII en estilo románico. Aquí se levanta a primeira fachada realizada en estilo gótico dentro da Península Ibérica. Pagamos catro euros (seis con audioguía) para poder ver de preto os seus retablos, a colección do museo, o claustro e subir ás cubertas-miradoiro. Á catedral, como ao resto da vila, faille falta unha boa posta a punto.

Resulta moi curiosa a súa cuberta, dun forte carácter defensivo, con aspecto de castelo medieval. Non hai que esquecer cuns centos de metros máis aló, na outra beira do río, comezaba o que foi un país inimigo durante varios séculos.

Fachada da Catedral de Tui

Interior e claustro

Cubertas da catedral co claustro en primeiro plano

Estrada antiga a Portugal

Río Miño dende a catedral

Valença do Minho e ponte internacional de ferro dende a catedral

Deixamos Tui coa tristura de ver moitas casas bonitas en mal estado de conservación pero coa esperanza de saber que a súa situación aínda é reversible para se converter nun atractivo turístico de primeira orde.  Mentres tanto, os peregrinos que percorren o Camiño Portugués conseguen insuflar algo de osíxeno ás rúas próximas á catedral.

Para os animados a achegarse por aquí, hai que recordarlles que Tui conta cun Parador de catro estrelas, un hotel-balneario de dúas estrelas na poboación veciña de Caldelas de Tui e unha bonita ponte internacional feita en ferro. E sen esquecer a vila portuguesa de Valença do Minho e os moitos atractivos do Baixo Miño.

Porto deportivo de Tui sobre o Río Miño. Ao fondo, a fortaleza da poboación portuguesa de Valença de Minho

2 comentarios en “Coñecendo Galicia – Os novos hoteis de madeira e a nosa experiencia en Tui

  1. Tui es una gran desconocida en Galicia, y creo que esta infravalorada, este verano si puedo haré una excursión para disfrutarla y probar un nuevo tipo de alojamiento

    Gústame

    • Hola Enrique. La verdad es que estos alojamientos, por su tamaño y ubicación, te aproximan mucho más a la preciosa naturaleza gallega. En general no son baratos pero tampoco nada que no se pueda costear uno haciendo un pequeño esfuerzo. Un abrazo.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.