Budapest, recuperando o esplendor do Imperio

Café New York en Budapest

Edificio iluminado do Parlamento húngaro dende o cruceiro nocturno

Supoño que algúns lectores deste blog consideraranme unha persoa ditosa por dispor de abundantes vacacións ao longo do ano. A verdade é que, despois de moito tempo traballando para a Administración, comezo a gozar de días extras por mor da miña antigüidade. Esta debe ser, posiblemente, unha das poucas cousas boas que ten cumprir –moitos- anos!

Principiamos 2019 e eu aínda gardo na recámara uns cantos días de vacacións que, ademais, debo consumir de forma inmediata. Doce días, contando coas dúas fins de semana, que teño claro dende un primeiro momento a que dedicar. Hai xa tempo que levo desexando regresar a Budapest, a capital de Hungría. Estiven tan só unha vez e sen moito tempo para desfrutala. Daquela, foi unha viaxe rápida que non deu máis que para ver as iconas de referencia e para pasear polo centro.

Como son demasiados días para unha soa cidade e o resto de Hungría non me resulta excesivamente suxestivo, decido ver a oferta de voos de baixo custo dende o aeroporto de Budapest. Wizz Air é unha empresa de capital húngaro fundada no ano 2003 e unha das primeiras compañías aéreas europeas por número de rutas e polo movemento de pasaxeiros. O ano pasado moveu preto de 34.000.000 de pasaxeiros e neste mes de xaneiro de 2019 ofrece ata 340 rutas entre países europeos.

Vendo a súa oferta de destinos síntome deseguida suxerido por dous países dos Balcáns no sueste de Europa. En poucos minutos merco un billete de ida de Budapest a Skopje, a capital da República de Macedonia do Norte (nome que substitúe ao de Antiga República Iugoslava de Macedonia), e outro de regreso dende Pristina. Esta última é a capital da República de Kosovo, un novo país e o último territorio en independizarse tras a disgregación do antigo estado de Iugoslavia. Kosovo acadou a súa soberanía no ano 2012 despois dunha cruenta guerra con Serbia. Podedes seguir esa parte da viaxe no link Macedonia e Kosovo 

O prezo do meu voo de ida a volta a Budapest con Iberia é de 165 euros. Os billetes Budapest-Skopje e Pristina-Budapest ascenden a un total de 72 euros, incluíndo unha maleta facturada de vinte quilos.

A miña cidade de saída é Madrid onde me atopo por razóns de traballo. Os meus compañeiros de viaxe volven ser os meus amigos Chelo e Fernando de Vigo e a súa filla Noa que reside en Sevilla. A noite antes de partir durmimos todos en casa de Fran, un colega común de orixe galaica e venezolana. El vai ser o encargado de achegarnos ata o aeroporto de Barajas. O noso voo sae demasiado cedo para movernos en metro e os taxistas de Madrid levan xa varios días de folga en protesta pola competencia desleal das VTC (Cabify, Uber…).

O grupo paseando polas rúas peonís da cidade

Tardamos tres horas en aterrar en Budapest. Xa levamos arranxado o traslado dende o aeroporto ata o centro (25 €)  a través do noso aloxamento e o taxista estanos esperando á saída da terminal. Os apartamentos son os  Budapest Center Apartment da rúa (utca) Károlyi, no barrio de Belváros e preto da Ponte Isabel (Erzsébet hít). O lugar é moi agradable e tan só pagamos 198 euros polo total da reserva (dous apartamentos e tres noites), uns trinta e tres euros por apartamento e noite. No caso de estar interesados, comprobade o enderezo xa que hai varios aloxamentos en Budapest co mesmo nome.

DIA 1 BUDAPEST

Comezamos a nosa visita a última hora da mañá pola rúa peonil e comercial Petőfi Sándor. Camiñamos  ata a estación de metro Deák Ferenc tér, na liña amarela M1. A nosa intención é visitar a que foi a primeira liña de tren urbano soterrado do continente europeo, construída no ano 1896. A liña M1 conserva o traxecto inicial ao que se engadiu algunha estación nova no seu comezo e remate. Os vagóns ofrecen un aspecto máis antigo cós das outras liñas pero tampouco son os orixinais.

Vagóns e estacións da liña de metro amarela M1

Os billetes poden comprarse por 350 floríns, pouco máis dun euro, nas máquinas expendedoras á entrada das estacións. A información tamén está en inglés. Eses billetes hai que validalos noutras máquinas máis pequenas para que impriman a hora de entrada. Nos poucos días que pasamos en Budapest somos obxecto de continuos controis por parte dos inspectores do metro. Sen dúbida non paga a pena arriscarse a unha multa por viaxar sen billete.

Os que vaian facer uso frecuente do metro deben saber que dende a hora de validación teñen oitenta minutos para facer cambios coas outras liñas de metro, sempre que sexa na mesma dirección. Non son válidos para os traxectos de regreso. Tamén hai bonos de dez viaxes cun custo de 300 floríns por traxecto.

A liña M1 pasa por debaixo da Avenida (út) Andrássy, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Baixamos na estación Széchenyi fürdö, no medio do Parque Városliget ao que se asoman edificios tan importantes como son os Baños Termais Széchenyi, o Museo do Transporte, o Castelo Vajdahunyad e o Xardín Botánico e Zoo de Budapest.

Entradas antigas na liña de metro M1 situadas na avenida Andrássy

Entramos no hall dos Baños Széchenyi para coñecer as súas tarifas e coa intención de regresar algunha das noites de estadía na cidade. Tamén entramos no recinto do Castelo Vajdahunyad no que se atopa o Museo Húngaro de Agricultura. Camiñamos cara ao centro da cidade e cruzamos un lago xeado e a carón do bonito edifico que dá servizo á  inmensa pista de patinaxe sobre xeo.

Baños Termais Széchentyi vistos dende o Parque Városliget

Piscinas exteriores dos Baños Széchenyi

Varias vistas do Castelo Vajdahunyad

Museo Húngaro de Agricultura dentro do Castelo Vajdahunyad

Pista de patinaxe sobre xeo

En poucos minutos estamos nunha das principais iconas turísticas da cidade: a Praza dos Heroes (Hősök tere). Aquí está o conxunto de estatuas do Memorial do Milenio que representan aos líderes das sete tribos maxiares que fundaron o país alá polo século IX. Tamén hai estatuas doutras personalidades da historia do país. A praza está franqueada en dous dos seus laterais polos bonitos edificios do Museo de Belas Artes e da Galería de Arte (Műcsarnok), esta última é a sala de exposicións máis grande de Hungría con mostras temporais de arte contemporánea.

Diversas perspectivas da Praza dos Heroes. Ao fondo o Parque Városliget

Galería de Arte (Műcsarnok) nun lateral da Praza dos Heroes

Museo de Belas Artes, tamén na Praza dos Heroes

Descendemos a pé pola avenida Andrássy na que destacan os edificios da Casa do Terror (Terror Háza) e da Ópera. O primeiro é o antigo edificio do Servizo de Defensa do Estado (ÁVH) reconvertido nunha exposición sobre a ditadura comunista. A fachada da Ópera resulta invisible por mor das lonas que cobren as obras en curso.

Exterior da Casa do Terror na avenida Andrássy

É xa de noite e diriximos os nosos pasos cara ao Café New York. Construído no ano 1894, caeu en desuso despois da Segunda Guerra Mundial para abrir de novo en 1954 co nome de Café Hungária. Pero non foi ata o ano 2006 no que se restaurou en todo o esplendor do seu estilo italiano renacentista. Hoxe é unha visita imprescindible de todo o que pasa por esta cidade. O habitual é facer cola para ser sentado e os prezos son tan caros como podedes imaxinar. Pero como di o anuncio de televisión, gozar desta contorna e do seu pianista “non ten prezo”.

Patio interior do Hotel New York Palace, contiguo ao Café New York

Café New York

Os amantes de restaurantes antigos e con soleira lembrade que Budapest ten outras ofertas como o Restaurante Centenario (Százéves), o Kárpátia e o dos Apóstolos (Apostolok), este último con máis de cen anos de vida.

www.newyorkcafe.hu

Despois de cear, paseando polo antigo gueto de Budapest, pasamos por diante do Memorial polas vítimas xudías húngaras do Holocausto. Curiosamente, o antigo barrio xudeu  reconverteuse neste tempo nunha das zonas de maior actividade nocturna da cidade.

Budapest está considerada como a capital da “marcha” nocturna da metade oriental de Europa. A súa actividade concéntrase sobre todo nas fins de semana e nos meses de verán pero é bastante doado atopar algo de entretemento calquera día da semana. O mellor é dirixirse ao distrito VII, Erzsébetváros, onde a vida nocturna se concentra nas rúas Király, Nagymező, Madách Imre e Dob. Un lugar moi frecuentado é a pasaxe Gozsdu udvar con moreas de bares e terrazas.

Unha oferta moi específica de Budapest son os ruin bars ou bares en ruínas (romkocsmas en húngaro). Un invento de hai pouco máis de dez anos polo que algúns edificios abandonados foron reconvertidos en locais de moda. Unha mestura entre bar, discoteca, salas expositivas e espazos multifuncionais. Entre todos eles destacan o Szimpla Kert (o primeiro ruin bar), Anker´t, Corvintető e Fogas Ház.

Pasaxe de marcha nocturna Gozsdu udvar

Patio do “bar en ruinas” Anker´t

Remata o día e despois dunhas poucas horas en Budapest xa somos conscientes de dúas realidades que saltan á vista. A primeira é a presenza case total do euro na cidade (e supoño que no país) malia a que a súa divisa oficial sexa o florín. Son moitas as tendas, os restaurantes e outros servizos turísticos onde os prezos tamén aparecen en euros e o pagamento pode ser realizado na nosa moeda.

A segunda evidencia é o inmenso número de turistas que visitan Budapest, á altura de calquera das outras cidades que funcionan como grandes destinos turísticos en Europa, a pesar de estar en pleno inverno e con moito frío. Máis sorprendente parécenos que unha gran parte deses turistas sexan españois. Unha inexplicable morea de xente nova pero tamén familias e grupos de amigos que ateigan os lugares emblemáticos desta cidade.

Un feito que chama a atención é que, malia recibir este importante número de turistas e de ser o atractivo número un de Hungría, Budapest aínda non loce ao cento por cento como lle correspondería ou como xa é unha realidade noutras capitais veciñas. Aínda son bastantes as fachadas que precisan dunha reparación urxente ou dunha posta a punto que lles devolva o seu esplendor orixinal.

DIA 2 BUDAPEST

Sinagoga xudía

Hoxe comezamos a visita pola maior sinagoga de Europa e a segunda do mundo, na rúa Dohány. Un edificio decorado con franxas de ladrillos claros e vermellos, de estilo bizantino-mourisco, que foi levantado a mediados do século XIX. O prezo da entrada parécenos excesivo e pasamos de visitala por dentro. Polos arcos dun dos seus laterais pode verse o cemiterio dalgunhas das vítimas do Holocausto. A zona que arrodea á sinagoga foi un importante barrio xudeu que chegou acoller ata 200.000 persoas.

Dende alí dirixímonos á Basílica de Santo Estevo (S. XIX) a máis grande das igrexas de Budapest. A súa cúpula acada os case cen metros de altura e resulta visible dende moitas partes da cidade. Aquí consérvase a Santa Diestra, a reliquia da man dereita momificada do rei Santo Estevo. A entrada é gratuíta.

Rúa Zrínyl e Basílica de Santo Estevo ao fondo

Interior e exterior da fachada principal de Santo Estevo

Igrexa de Santo Estevo dende a avenida Bajcsy-Zsilinszky

Hai que deixar claro que Budapest é unha cidade moi harmónica e chea de edificios monumentais, un dispendio de construcións a cal máis impresionante. Pero tamén que a inmensa maioría deles correspóndense coa época histórica de maior riqueza deste territorio, a do Imperio Austrohúngaro. Foi este un novo estado creado en 1867 polo que o Reino de Hungría e o Imperio Austríaco pasaban a ter un único monarca. Non é doado ver monumentos anteriores ao século XIX agás os baños termais de orixe otomá.

Baixamos ao río Danubio e pasamos por diante da Ponte das Cadeas (Széchenyi lánchíd), a ponte máis antiga da cidade construída no ano 1849. A que vemos é unha reconstrución da anterior, voada polos alemáns ao final da Segunda Guerra Mundial.

Tranvía e lateral da Academia Húngara de Ciencias, preto do Danubio

Ponte das Cadeas e barrio de Buda. Palacio Real no alto do Barrio do Castelo

Barco de cruceiro e Buda ao fondo coa igrexa Matías destacando ao fondo

Barrio de Buda dende a outra beira do Danubio

Imos camiño do Parlamento e gozamos coas vistas da cidade de Buda e os edificios monumentais sobre o seu outeiro. Pouco antes de chegar ao Parlamento atopamos a escultura “Zapatos na beira do Danubio” en memoria daquelas vítimas da Segunda Guerra Mundial que foron arroxadas ao río durante o goberno dos nazis húngaros da Arrow Cross. Un goberno que durou pouco máis de cinco meses entre 1944 e 1945 pero que causou milleiros de mortos.

Escultura e monumento “Zapatos na beira do Danubio”

Temos que conformarnos con ve-lo Parlamento por fóra. Entramos no Centro de Visitantes, situado no baixo do edificio entrando polo río, onde nos confirman que xa non hai prazas para ningunha das visitas dese día. E iso que estamos en pleno mes de xaneiro! Ademais tampouco podemos conseguir entrada para as xornadas seguintes xa que neste Centro tan só venden o aforo do día. Os interesados en visita-lo Parlamento deben adiantarse e conseguir as súas entradas pola Internet:

www.jegymester.hu/parlament

Unha mágoa xa que este é o maior edificio de toda Hungría cun total de 691 salas e dependencias. De estilo neogótico, foi construído a finais do século XIX e comezos do XX. Aquí tamén se poden visitar as xoias das coroacións no antigo Reino de Hungría.

Diversas perspectivas arredor do impresionante edificio do Parlamento

Paseo militar fronte ao Parlamento, na Praza Kossuth Lajos tér

Regresamos cara á Ponte das Cadeas que cruzamos para subir á parte alta de Buda, o Barrio do Castelo, situado a 180 metros sobre o nivel do mar. Vimos algo cansados de camiñar e decidimos pagar un billete para o denominado “Bus oficial do Castelo de Budapest” e, dese xeito, aforrar tanto o esforzo da  subida como  camiñar o quilómetro e medio que ten de longo este barrio.

A familia de Vigo no bus do Barrio do Castelo

O Bus oficial é realmente  unha simpática, e incómoda,  furgoneta aberta  que nestes meses do frío inverno húngaro vai protexida por un peche de plástico. Ten saídas cada quince minutos entre as nove da mañá e as catro da tarde. O prezo é de 2.400 floríns por persoa, oito euros, que rematan en 2.100 floríns despois dun pequeno regateo. O bus fai catro paradas nos lugares máis emblemáticos da cidade alta. A viaxe é gratuíta para os posuidores da Budapest Card.

Estación superior do funicular

Outra opción é coller o funicular que sae da mesma rotonda có bus oficial, nada máis cruza-la Ponte das Cadeas. Este medio de transporte resultou moi novidoso no seu ano de inauguración (1870) por ser o segundo da súa clase no mundo. Está aberto dende as sete e media da mañá ata ás dez da noite e o prezo é de 1.800 floríns, escasos seis euros, para a viaxe de ida e volta. A diferenza co bus está en que, como é evidente, o funicular chega e sae dun punto fixo polo que o resto do percorrido da cidade alta debe ser feito a pé.

O noso paseo lévanos polo principal conxunto de monumentos de toda Hungría: o Barrio do Castelo, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Aquí hai ata seis grandes museos e galerías pero nós limitámonos aos edificios máis importantes do conxunto. Principiamos polo Palacio Real, destruído ata en tres ocasións.

Palacio Real de Hungría

Ponte das Cadeas dende a terraza do Palacio Real

Vistas de Pest

Dende alí achegámonos ao Bastión dos Pescadores, un sistema defensivo rematado no segundo ano do século XX e levantado sobre as murallas medievais do mercado do peixe. O nome vénlle de que esta parte da muralla medieval debía ser defendida polo gremio de pescadores do Danubio. Hoxe é unha mera estrutura decorativa e un dos mellores miradoiros sobre todo Budapest. Dende aquí, hai posibilidade de realizar unhas fotos excelentes da Ponte das Cadeas e do edificio do Parlamento.

Barrio do Castelo

Diversas imaxes do Bastión dos Pescadores

Edificio do Parlamento dende o Bastión dos Pescadores

O Bastión está fronte a un lateral da neogótica igrexa Matías, lugar de coroación dos reis de Hungría e unha das máis bonitas da cidade. Igrexa Matías é unha presenza senlleira na silueta de Buda como un dos elementos dominantes do Barrio do Castelo.

Rúa do Barrio do Castelo e igrexa Matías ao fondo

Igrexa Matías

O Bus oficial déixanos moi preto da entrada dos Xardíns do Castelo e a escasos metros da beira do Danubio. Durante a baixada, o plástico que nós envolve non evita que o aire xélido do exterior cale nos nosos ósos. A nosa intención é camiñar pola marxe do río deixando á nosa dereita o outeiro da Cidadela e a Estatua da Liberdade para chegar ata os famosos Baños Termais Gellért (ou Xerardo, en galego). Pero o frío é tal que temos que refuxiarnos de camiño.

Bonita escultura preto da entrada aos Xardíns do Castelo

Aproveitamos para entrar, e de paso quentarnos con algunha bebida, nos baños termais de orixe otomá Rudas. Construídos a mediados do século XVI, aínda conservan unha pequena parte orixinal á que foron engadindo múltiples ampliacións modernas.

Unha vez nos Baños Gellért esquezo sacar fotografías da famosa piscina central que tan famosa se fixo a raíz dos anuncios en televisión promocionando os iogures desnatados e, sobre todo, os “corpos” Danone. O edificio modernista dos baños é impresionante, por fóra e por dentro. Con prezos a partir de 18 € teñen un custo facilmente asumibles.

Os “peros” son o exceso de visitantes e a falta de información por parte da xerencia dos baños. De calquera xeito, unha experiencia a repetir. Por certo, a famosa piscina das columnas non é tan apetecible nestes meses de inverno xa que a auga está bastante fría. O horario de funcionamento é de seis da mañá ás oito da noite. As piscinas exteriores fican pechadas durante o inverno.

www.gellertfurdo.hu

Exterior e interior dos Baños Termais Géllert. Imaxes cortesía de Imaxes Google

DIA 3 SZENTENDRE e BUDAPEST

Á primeira hora da mañá, durante o almorzo, mantemos unha pequena conversa cos ocupantes da mesa veciña, uns españois residentes en Budapest. Preguntados por nós sobre unha visita interesante a algún lugar rural próximo, recoméndannos achegarnos á vila de Szentendre. Chelo tamén tiña inquedanza por botar unha ollada máis aló dos limites da cidade e, sen moita dúbida, encamiñamos os nosos pasos cara á estación de Batthyány tér, na liña vermella M2 do metro.

Antes, e por proximidade a onde estamos a almorzar, decidimos entrar no bonito edificio do Mercado Central, tamén  construído a finais do século XIX (coma non!). Ao lugar acoden moitos turistas tanto para coñecer os produtos gastronómicos locais que aparecen perfectamente presentados nos seus diferentes quioscos como as numerosas tendas de souvenirs do primeiro andar.

Fachada do Mercado Central sobre a avenida Vámház

Interior e quioscos do mercado

Ao chegar á estación de metro de Batthyány tér non é necesario saír á rúa. As indicacións condúcennos polo interior ata outras plataformas dende onde saen cada vinte minutos os trens de proximidade en dirección a Szentendre. O tren tarda uns 45 minutos en chegar e o prezo é duns catro euros e medio pola viaxe de ida e volta.

A vila está a vinte quilómetros ao norte de Budapest, na beira dun brazo do río Danubio e fronte á unha inmensa illa fluvial chamada tamén Szentendre. Habitualmente aparece referenciada como unha vila de estilo e vida mediterránea polo feito de ter sido repoboada por serbios, dálmatas e gregos que escaparonn da ocupación otomá no século XVIII, cando xa Hungría estaba liberada da opresión turca.

Durante a curta viaxe e ao chegar á Szentendre, a paisaxe aparece dominada pola cor branca, unha gran nevada que o cobre todo. Vai moito frío neste día e somos poucos os que decidimos vir de visita.

Estación de Szentendre

Chegada a Szentendre

Szentendre ten fama polas súas igrexas e polos seus museos e galerías de arte. Tamén polas moitas tendas e restaurantes pensados para os turistas. Polo visto, nos meses de bo tempo hai numerosos pintores creando e vendendo nas rúas. De feito, a fama da vila é a dun centro artístico destacado e unha referencia para a pintura húngara moderna.

Visitamos o Museo do Mazapán (Szamos Marcipán Múzeum) e pagamos unha pequena entrada para ver unha chea de traballos artísticos realizados neste material doce composto de ovo, azucre e améndoas. Tamén é visible o traballo dos artesáns en directo.

Malia que non o pareza, todo feito en mazapán!

Despois achegámonos a coñecer a Galería da Colonia de Artistas situada nun extremo da vila. Creada no ano 1926 ocupa un moderno edificio de deseño. Xantamos unha saborosa escolma de carnes acompañadas dun bo viño serbio no restaurante da mesma nacionalidade Corner Étterem, situado na avenida que bordea o brazo do Danubio.

Szentendre de día e anoitecendo

A avenida do brazo do río Danubio

Interior e exterior da Galería de Colonia de Artistas

Nas aforas de Szentendre abre as súas portas o Museo Etnográfico máis importante de Hungría. Catrocentos edificios coas arquitecturas propias das diferentes rexións do país que foron trasladados a este lugar pedra a pedra. Lamentablemente, o museo abre unicamente de mediados de marzo a mediados de novembro.

Despois de visitar algunhas igrexas, collemos o tren de regreso a Budapest. Ao chegar dirixímonos directamente á estación de metro de Széchenyi fürdö, na liña amarela M1. Hoxe é a noite na que imos gozar das augas do primeiro balneario que abriu as súas portas en Pest e un dos grandes baños de todo Budapest: os Baños Széchenyi.

www.szechenyifurdo.hu

Széchenyi é un dos meirandes complexos termais de Europa. Conta cunha serie de edificios neobarrocos construídos en 1913 e de varias piscinas exteriores. Aquí as piscinas tamén abren en inverno (ata as dez da noite) e teñen moita sona entre os visitantes da cidade. De feito, Széchenyi está ateigado de xente nesta noite de luns, moitísimos españois entre eles. No interior, as instalacións son un labirinto cunha sucesión de bonitas piscinas e saunas. Nós temos un momento divertido na piscina exterior malia a friaxe que sentimos ao entrar e saír da auga. Prezos a partir de 16 €.

Fachada exterior dos Baños Termais Széchenyi

Piscina exterior

Diversas piscinas interiores en Széchenyi

Remata o día e volvemos cedo aos nosos apartamentos. O noso voo da mañá seguinte para Skopje (Macedonia) ten a súa saída á un hora tan imposible como son as seis e dez da mañá.

DIA 4 BUDAPEST

As vivencias desta media xornada, o noso cuarto día de estadía na cidade, teñen realmente lugar oito días máis tarde que as visitas descritas no Dia 3. No medio hai unha viaxe por Macedonia e Kosovo con saída e regreso a Budapest. Esa parte da viaxe podédela seguir no link Macedonia e Kosovo.

O avión procedente de Pristina, a capital kosovar, aterra ás dúas tarde. O taxista contratado polo Budapest Center Apartment, o mesmo aloxamento dos primeiros días onde tamén imos pasar a nosa derradeira noite na cidade, está á nosa espera despois da recollida de maletas. De novo pagamos 25 € polo traxecto do aeroporto ao centro da cidade.

Mentres chegamos e nos acomodamos van pasando as horas. Para o que queda do día dá tempo a un novo paseo polo centro (hai tanto que ver!) e para un cruceiro de despedida polo Danubio. A oferta de cruceiros é ampla, variada e con moitas compañías ofrecendo servizos parecidos. Pero nos meses de inverno as posibilidades redúcense moitísimo.

O segundo día en Budapest entregáronnos preto do edificio do Parlamento un folleto da central de reservas de visitas e excursións www.budapestxplore.com que tamén ofrece cruceiros nocturnos polo río. Os prezos do cruceiro vanse encarecendo segundo o  tipo de bebida servido a bordo, ata chegar a opción máis cara que é o cruceiro-cea. Realmente todo os pasaxeiros van nun mesmo barco deixando a cuberta de acceso para os clientes con bebida e a do primeiro andar para os que levan a cea incluída. Un grupo de música tradicional diferente ambienta cada unha das cubertas.

Imos directamente ao barco e compramos os billetes no propio peirao, antes de entrar. Pagamos con tarxeta Visa e conseguimos que nos apliquen o prezo de estudante, cincocentos floríns menos ca tarifa normal. Rematamos pagando 5.700 floríns (18 €) por persoa con dereito a unha bebida de benvida e dúas copas de viño.

Malia a ser unha proposta main stream, ve-las preciosas beiras do Danubio cos seus edificios monumentais perfectamente iluminados é sempre apetecible. Ademais temos a sorte de que o noso grupo musical está composto por auténticos virtuosos que nos deleitan cunha  selección musical de primeiro nivel. Pasamos un momento agradable e sentimos que é a despedida perfecta a unha cidade marabillosa.

Interior do barco

Monumentos iluminados vistos dende o cruceiro nocturno

DIA 5 BUDAPEST

Hoxe temos unhas poucas horas libres pola mañá antes de ir ao aeroporto. Por diante o noso voo a Madrid onde nos separaremos. Chelo, Fernando e Noa quedan en Madrid ata a mañá seguinte e eu collerei o ultimo voo do día con destino a Santiago de Compostela. Xa non quedan días de vacacións e teño que traballar á mañá seguinte.

Budapest, calquera edificio é toda unha sorpresa

Aproveitamos para realizar as últimas compras e dar un último paseo. A sorpresa non remata, podemos pasar varias veces polas mesmas rúa que sempre imos descubrir algunha novidade: un interior, unha fachada, unha tenda de antigo ou un vello restaurante que nos vai asombrar.

Na Praza Szabadság, a carón do edificio da Bolsa, descubrimos un monumento moi controvertido: “Ocupación alemá de Hungría. 19 de marzo, 1944”. Un memorial que seica foi levantado moi rapidamente e con nocturnidade, sen consenso público e sen ter en conta as numerosas protestas que provocou. A imaxe principal é a figura do arcanxo Gabriel cun cetro levantado cara á aguia imperial que representa a Alemaña. A súa intención é facer aparecer a Hungría coma un país inocente durante a II Guerra Mundial,  cando é de todos coñecido a súa alianza coa Alemaña Nazi e a súa participación nas Potencia do Eixo. A administración  húngara excedeu ás demandas alemás e foi tremendamente cruel cos seus propios cidadáns.

O monumento está arrodeado por cintas das que colgan follas explicativas da situación en múltiples linguas, incluído o castelán. A protesta busca un recoñecemento sincero do que foi o pasado deste país, asumindo as responsabilidades de cada quen. A súa finalidade é a eliminación deste monumento que é acusado de falso  e enganoso.  Máis tendo en conta que se levanta na Praza Szabadság, ou Praza da Liberdade na súa tradución ao galego.

O controvertido monumento á Ocupación Alemá

A nosa derradeira visita é á tenda da famosa porcelana de Herend da rúa József nádor tér, fronte ao parque do mesmo nome. Esta porcelana fabrícase dende hai un par de séculos na considerada como fábrica dese tipo máis grande do mundo, situada na vila de Herend ao norte de Hungría. As diferentes pezas teñen en xeral un deseño clásico e orixinal ao mesmo tempo. Os obxectos de Herend resultan moi apetecibles e respiran calidade e luxo, pero os prezos están totalmente fóra dos nosos orzamentos. Recreamos a vista e seguimos cara aos apartamentos para recoller as nosas maletas.

Deixamos Budapest sendo conscientes das moitas cousas que quedaron por ver e tendo claro o noso regreso nun futuro próximo.

Última mañá en Budapest

 

3 comentarios en “Budapest, recuperando o esplendor do Imperio

  1. Pingback: Macedonia do Norte e Kosovo – Destinos emerxentes nos Balcáns | Cidadán do Mundo, pero galego

  2. Otro viaje más sin moverme de casa y en muy buena compañía.
    Impresionante lo de los baños, tanto interiores como exterior, sobre todo de noche.
    Una curiosidad : ¿Cuánto cuesta un café en el New York?
    Hasta el próximo.

    Gústame

    • Hola Rosi, tienen la lista de precios publicada en su web. Para que te hagas una idea, un capuchino anda por 7,50 € y un servicio de té para dos, incluyendo sandwich y algo dulce, unos 60 €. Además hay que añadir un 15% en concepto de servicio. Nada que no se pueda pagar pero subiditos de tono. ¡Hasta la próxima!

      Gústame

Deixa unha resposta a Rosi Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.