Para principiar quizais debería explicar o significado da palabra “Balcáns”, un termo que serve para designar varias realidades.
Por unha parte, é o nome dunha cordilleira que se estende ao longo de 560 quilómetros en paralelo ao río Danubio. De feito, este río separa a cordilleira dos Cárpatos, ao norte, da súa prolongación natural ao sur que son os Balcáns. En xeral, os seus cumios non superan os 1.000 metros de altura e o seu punto máximo é o monte Rila (Bulgaria) con 2.925 metros sobre o nivel do mar.
Os Balcáns é tamén un nome xeográfico para designar ao sueste de Europa, unha rexión de 550.000 km² caracterizada pola súa abrupta orografía. Ás veces aparece referida como Península Balcánica ou Península dos Balcáns por ser unha das tres penínsulas que dan forma ao sur de Europa.
Finalmente temos os países balcánicos, dous vocábulos que engloban unha ducia de estados, sempre no caso de recoñecer a independencia de Kosovo. Estes países teñen unha superficie afectada pola cordilleira dos Balcáns moi desigual e os únicos que se consideran cento por cento balcánicos son Albania, Bosnia-Hercegovina, Bulgaria, Macedonia do Norte, Kosovo, Montenegro e a Grecia continental.
Os que vides de ler o meu post anterior sobre Budapest, recuperando o esplendor do Imperio, xa sodes coñecedores de que esta é unha única viaxe de doce días e que a escapada a Macedonia do Norte e a Kosovo facémola con ida e volta dende Budapest.
DÍA 1 SKOPJE (DE KOSOVO A MACEDONIA DO NORTE)
En primeiro lugar, coido que a esta altura a maioría dos viaxeiros xa sabemos diferenciar entre Macedonia, rexión ao nordés de Grecia con capital en Tesalónica (ou Salónica), e Macedonia do Norte, a antiga república socialista pertencente a Iugoslavia que declarou a súa independencia no ano 1991.
Grecia mantivo un conflito con este novo país durante moitos anos para evitar o uso dun nome que consideraba ambiguo e que podería ir contra os seus intereses. E ese conflito ía bloquear indefinidamente a súa posible entrada en organismos como a OTAN e a Unión Europea. E é por esa razón que o país que coñecíamos como Antiga República Iugoslava de Macedonia, ou polas súas siglas ARYM (en castelán) ou FYROM (en inglés), chegou a un acordo co goberno grego o pasado día 13 de febreiro neste ano 2019 para adoitar oficialmente o seu novo nome de Macedonia do Norte.
Voamos coa compañía húngara de baixo custo Wizz Air e tan só pagamos 72 euros polos billetes de Budapest a Skopje e polo regreso de Pristina a Budapest, maleta incluída. O voo con destino a Skopje sae excesivamente cedo pola mañá e tarda teoricamente unha hora e quince minutos en aterrar no destino. Digo teoricamente xa que pasamos máis de media hora voando sobre a capital macedónica antes de tentar aterrar. Finalmente, a aterraxe tivo que ser abortada xa a piques de tomar contacto coa pista e o noso avión desviado a Pristina, no veciño país de Kosovo.
Parecía que comezabamos con mal pé a parte balcánica da nosa viaxe. Para principiar, case perdemos o voo pola miña confusión coa hora de saída de Budapest. Logo, pasamos un bo susto cando o avión aborta a súa aterraxe. E para rematar, o taxista kosovar que collemos dende o aeroporto de Pristina ata o noso aloxamento en Skopje tenta cobrarnos unha tarifa maior da acordada.
Pero nunca hai que deixarse levar polas primeiras impresións. O resto da viaxe vai transcorrer sen maiores complicacións e ambos os dous países e as súas xentes van deixar unha forte pegada entre as nosas lembranzas viaxeiras.
Voando sobre Skopje
Cando o avión comeza a perder altura na aproximación ao aeroporto de Skopje sorpréndenos unha paisaxe esaxeradamente invernal onde todo aparece cuberto por unha densa capa de neve. O capitán da nave anuncia a falla de visibilidade para aterrar malia que dende o avión pareza que non haxa maior problema. Despois duns longos trinta minutos anuncian o visto bo da torre de control e comezamos a baixar. A medida que perdemos altura entramos nunha densa néboa con nula visibilidade. Ao final, rematamos coa aterraxe abortada, un susto no corpo e o desvío cara a Pristina.
Ao chegar ao pequeno e novo aeroporto da capital kosovar anuncian que seremos trasladados en autobús ata o noso destino final. Como o tempo pasa e as dúas cidades están a pouco máis dunha hora por estrada, decidimos negociar un taxi e seguir camiño pola nosa conta.
Conforme a estrada vai achegándose á fronteira macedonia, o estado do seu firme vai de peor en peor. As obras dunha flamante e nova autoestrada que nun futuro próximo comunique os dous países fai que sexamos desviados por treitos en moi mal estado. Pasamos os trámites a ambos os dous lados da fronteira e sen ningún problema. A estrada no lado macedónico ten mellor asfalto pero non pasa de ser unha estrada comarcal bastante mediocre. Dende logo, cando os kosovares teñan rematada a súa autoestrada haberá unha gran diferencia nas infraestruturas a ambos lados da fronteira.
Ao chegar a Skopje temos unha forte discusión co noso chofer kosovar. O individuo argalla que o prezo a pagar é moito máis elevado có que acordaramos nun principio. Precisamos da mediación do noso anfitrión macedonio que, grazas á súa orixe albanesa, pode comunicarse perfectamente co taxista. Rematamos pagando algo máis do necesario. O episodio déixanos unha mala impresión sobre a xente de Kosovo pero que irá mudando a medida que pasen os días.
Despois de nos acomodar, decidimos baixar a xantar ao centro de Skopje. O propietario do noso apartamento ofrécese a levarnos gratuitamente. O noso aloxamento está en moi boas condicións pero unha chisca afastado do centro. Pagamos 86 € por un apartamento para catro persoas e polas dúas noites. Todo un choio!
A mellor opción para xantar é dirixirse ao centro da cidade, á beira sur do río Vardar e en concreto ao tramo que vai dende a ponte da rúa Filipo II de Macedonia ata a nova “Ponte das Civilizacións en Macedonia”. Aquí hai unha sucesión de restaurantes, tanto de gastronomía macedónica como de diferentes cociñas do mundo.
As cartas dos restaurantes están en alfabeto cirílico e lingua macedónica, pero tamén en inglés. Ao igual que en Budapest, poden realizarse pagos directamente en euros na maioría de tendas, restaurantes e hoteis. En moitos lugares os prezos xa aparecen especificados en euros. De calquera xeito sempre hai que contar coa moeda local, os dinares, para pequenos pagamentos en taxis e as entradas aos lugares turísticos. O cambio vixente nas datas da viaxe é de 62 dinares por euro.
O nivel de inglés do persoal dos lugares turísticos é bastante aceptable e apenas temos problemas para nos comunicar ao longo da viaxe.
O primeiro contacto co centro de Skopje é sorprendente. E a sorpresa é froito da súa historia: a dun país e dunha capital con pouco protagonismo ao longo dos séculos, con poucas pegadas monumentais a non ser as do seu pasado otomán e cun exceso de construcións socialistas de escaso interese. Tamén a dun goberno que hai uns anos considerou que a capital do novo estado independente precisaba dun boato ao modo doutras grandes capitais do mundo.
Consecuencia desa situación naceu o proxecto Skopje 2014. Lanzado no ano 2010 polo partido no poder tiña como finalidade construír ata 20 edificios (facultades, teatros, museos, edificios do goberno…) e 40 monumentos que fixeran da capital macedónica unha cidade impoñente e que tamén servise para mostrar ao mundo a identidade do novo país. Realmente, a intención final era dotar Skopje dun pasado que nunca tivo.
Dende o ano 2010 ao 2014 construíronse ata cento trinta e seis estruturas “monumentais” que custaron unha chea de millóns de euros. O proxecto ten sido criticado polo seu gusto kitsch, polo fóra de lugar de moitos edificios e polo desfase nos seus custos. E que desfase! Os comentarios son que as cantidades pagadas chegaron a ser de seis a dez veces superiores ao prezo real. E todo nun país con grandes problemas económicos e unha alta taxa de paro. Seica o desvío nos pagamentos cara a destinatarios “descoñecidos” foi altísimo.
http://skopje2014.prizma.birn.eu.com/en
As críticas son moitas. Fálase de utilizar un estilo arquitectónico nada apropiado (renacentismo italiano) para un país como Macedonia onde non existe presenza deste estilo ao longo da súa historia. Tamén o feito de que as súas esculturas reivindicaran figuras históricas como Filipo II de Macedonia ou Alexandre Magno que realmente naceron na Macedonia grega. Ou o feito de que a cidade se enchese de esculturas de persoeiros vivos sen ningún outro mérito que poñe-los cartos para poder financialas.
A Skopje de hoxe en día, a capital do país con medio millón de habitantes, é unha cidade diferente, de aspecto raro e pouco harmónico. Novos edificios de aire clásico e moitas veces fóra de escala mesturados con grandes bloques socialistas de aspecto deteriorado. Neste caos de estilos non faltan algunhas reproducións de galeóns, barcos varados sobre pilotes de formigón nun río que nestes meses de inverno non pasa de levar pouca auga. Para un país que non ten acceso ao mar nin realizou ningunha fazaña senlleira tampouco esta mal (!!).
Visitamos a maioría dos edificios do proxecto Skopje 2014 e rematamos o percorrido por esta zona “monumental” na Ploštad Makedonija (Praza de Macedonia), o centro neurálxico da cidade. Unha estatua xigante sobre un pedestal no medio dunha fonte representa dun xeito non oficial a figura de Alexandre Magno, malia que o seu nome sexa o de “guerreiro a cabalo”.

Edificios da Policía Financeira e o Ministerio de Asuntos Exteriores dende a Ponte das Artes (Skopje 2014)

Monumento ao Guerreiro a Cabalo na Ploštad Makedonija (Praza de Macedonia), obra do proxecto Skopje 2014

Oficialmente denominado monumento ao Guerreiro e baseado na figura de Filipo II de Macedonia (Skopje 2014)
Cruzamos a Ponte de Pedra, levantada durante a ocupación otomá sobre cimentos romanos, para entrar no barrio de Čaršija. Así se chama o vello bazar turco, nun pequeno outeiro que acolle as mellores estruturas históricas da cidade. O barrio é unha sucesión de edificios baixos con xoiarías, salóns de té, tendas de artesanía e mesquitas.
O seu principal atractivo é pasear polas súas rúas sen apenas vehículos e visitar a Galería Nacional de Macedonia que ocupa os que foron os baños turcos levantados no ano 1473, os meirandes do imperio otomán fóra de Istambul.
DÍA 2 SKOPJE E O CANÓN MATKA (MACEDONIA DO NORTE)
Ao día seguinte pola mañá baixamos almorzar ao centro de Skopje. Polo camiño imos parando taxistas para negociar unha excursión que nos leve ata o Canón do río Matka e ao mosteiro Sveta Bogorodica (Santa Nai de Deus). Ao terceiro intento conseguimos pechar un acordo polo que temos tres horas de taxi á nosa disposición por un importe de 1.500 dinares, escasos vinte e cinco euros.
Decidímonos por esta excursión no lugar da outra opción habitual que é subir en teleférico ata o Monte Vodno, onde se ergue a Cruz do Milenio cos seus 66 m de altura e o seu atrevido deseño. Supoño que as vistas dende alí deben ser bastantes espectaculares pero as condicións de visibilidade non son óptimas durante a nosa visita a Skopje.
O tempo de viaxe ata o canón é dunha media hora. Matka é unha clásica excursión de medio día para os que visitan Skopje. Nos días de bo tempo e nos meses de verán pode estar ateigado de xente.
O Canón Matka vén sendo a versión macedónica da nosa Ribeira Sacra, un precioso e profundo canón formado polo río que serviu como lugar de retiro de ascetas que buscaban lugares afastados para comunicarse con Deus. Co tempo, Matka, foi tamén refuxio de revolucionarios que loitaban contra o avance do imperio otomá.
O estado das capelas, igrexas e mosteiros é moito peor que o do noso canón e algúns edificios quedaron abandonados á ruína. Non é doado achegarse a eles e menos nestes meses de frío inverno.
Chegamos ao aparcadoiro do canón e seguimos a pé uns minutos por unha senda a carón da vaira que represa o río. Pasamos un primeiro embarcadoiro baleiro onde paran as barcas de paseo e seguimos pola beira do río ata a igrexa de Sveti Andrej (Santo André). Este pequeno templo do século XIV é un dos máis accesibles da zona. Ao seu carón abren as súas portas o pequeno Canyon Matka Hotel, unha tenda de recordos e un segundo embarcadoiro.
O paseo habitual en barca polo canón leva ata a cova Vrelo. O prezo é de 400 dinares por persoa (6,45 €), pero conseguímolo rebaixar a 350 dinares grazas a que os clientes somos escasos nesta época do ano. Hai que contar cunha hora ou hora e cuarto para o paseo polo río e a visita da cova. Vrelo é pequena e bonita ao mesmo tempo. Na viaxe de volta temos a sorte de captar algo insólito: unha familia de xabarís cruzando o río a nado. O noso barqueiro recoñece no ter visto nada igual no tempo que leva no canón.
Outra forma de visita-lo canón é paseando pola súa ribeira. Dende a barca vemos unha senda irregular, pero practicable, ao longo dun treito bastante longo do canón. O punto de saída é o Canyon Matka Hotel.

En barca polo canón camiño da cova Vrelo. Na parte superior desta fotografía pódese ver a senda que percorre un treito do canón
De volta cara a Skopje e, ao pouco de saír de Matka, un curto desvío á esquerda achéganos ata a porta do mosteiro Sveta Bogorodica. A xoia deste mosteiro de monxas é a capela do século XIV e os frescos que decoran o seu interior. Case tan bonito como os frescos é a paisaxe de montaña que arrodea o conxunto e que transmite certa sensación de illamento. A visita é gratuíta.
De regreso na capital visitamos a fortaleza de orixe bizantina de Tvrdina Kale, reformada durante a época otomá. No seu interior hai un par de pequenos museos pero o realmente interesante son as vistas sobre o río e o centro da cidade.

Museo do Holocausto (dereita) e Museo da Loita Macedonia (esquerda) situados perto da Ponte de Pedra
Estamos moi preto do barrio de Čaršija e decidimos achegarnos para xantar. E facémolo bastante ben no restaurante Pivnica An que ocupa o que foi un bonito patio dun antigo aloxamento otomán.
Continuamos o noso paseo polo centro e visitamos, xa de noitiña, a Casa Memorial da Nai Teresa. A monxa católica Agnes Gonxha Bojaxhiu, coñecida como Santa Teresa de Calcuta, naceu o 26 de agosto de 1920 na cidade de Uskub (hoxe Skopje) baixo o imperio otomán. Aquí viviu ata os dezaoito anos que partiu para Irlanda. A súa familia era de orixe albanesa procedente de Kosovo pero ela tiña nacionalidade macedónica ata que adoptou a cidadanía india no ano 1950.
A Casa Memorial quere render homenaxe á persoa máis famosa nada en Skopje e a única do país que recibiu un Premio Nobel. O Memorial foi aberto ao público no ano 2009 e ocupa o lugar da igrexa do Sagrado Corazón de Xesús (destruída nun terremoto) na que a Santa foi bautizada. No interior desta estraña construción de estilo indefinido hai unha exposición de obxectos, documentos e fotografías relacionadas coa vida de Santa Teresa e unha pequena capela na que se ofician misas.
Xa de regreso ao noso aloxamento pasamos de novo pola beira do río Vardar onde xantamos o día anterior. O lugar aparece decorado con moitas luces e animado cunha festa privada á que somos invitados a participar.
DÍA 3 CRUZANDO MACEDONIA DO NORTE
Como nos gusta ser fieis ás boas persoas que imos atopando polo mundo e coma o noso taxista do día anterior portouse correctamente, decidimos acordar con el a viaxe dende Skopje ata Ohrid, o principal destino turístico de Macedonia asentado á beira do lago do mesmo nome no sur do país.
A tarifa negociada co taxista é de 115 €, así directamente na nosa moeda. O programa é saír cedo pola mañá para facer unha visita á famosa mesquita da cidade de Totova, coñecer (e xantar) o Parque Nacional Mavrovo, fronteirizo con Kosovo e Albania, e chegar antes da noitiña ao noso aloxamento en Ohrid.
Imos comodamente no noso flamante Mercedes branco e a compañía do noso chofer que, malia o seu limitado coñecemento do inglés, resulta de todo agradable. En xeral, as estradas están nun bo estado de pavimentación e resulta doado conducir por elas.
O noso primeiro destino do día, Totovo, é unha das cidades máis poboadas deste pequeno país, superando os setenta mil habitantes. Dende o coche ofrece un aspecto un tanto caótico, feita sen moitos miramentos e con pouca harmonía. A razón de incluíla na nosa viaxe cara ao sur é pola Sărena Džamija (mesquita decorada). O edificio está en pleno centro, na beira do río Pena.
Foron dúas irmás de Totovo as que financiaron esta obra no ano 1438, baixo o imperio otomán. Neste medio tempo beneficiouse de dúas rehabilitacións, a derradeira no ano 2011. O que fai da mesquita de Totovo algo especial é carecer da clásica cúpula de estilo otomán e compensalo cunha moi pouco usual decoración floral e xeométrica tanto no interior do edificio como nas súas fachadas exteriores. A entrada é gratuíta e os non musulmáns tamén son benvidos. Esta prohibido fotografar o interior aínda que, como podedes comprobar polas fotografías, non todos acatamos a prohibición. Unha mesquita así de bonita ben pagaba a pena!
Doutro lado do río tamén se poden visitar uns antigos baños turcos agora reconvertidos en sala de exposicións temporais. E a visita de Totovo remata aquí, a cidade ten pouco máis que ofrecer polo que seguimos o noso camiño cara ao Parque Nacional.
Na medida que gañamos altura, a presenza da neve vaise facendo máis intensa. Entramos no Parque Nacional Mavrovo, o de maior superficie do país. Este espazo natural acolle o Monte Korab, un pico que comparte con Albania e que resulta ser o máis alto dos dous países cos seus 2.764 metros de altura. Conducir polas súas estradas e a través dos seus bosques de piñeiros e abetos é todo un pracer.
https://npmavrovo.org.mk/?lang=en
Noa vai especialmente entusiasmada xa que facía tempo que non pisaba tanta neve xunta. Dirixímonos á pequena poboación de Mavrovo que fai as funcións de capital do parque, nunha bonita situación na ribeira do lago do mesmo nome. Mavrovo ten o récord de ser o lago artificial de maior superficie en Macedonia do Norte.
A aldea está formada por chalés de estilo alpino con algún restaurante e moitas casas de alugueiro para dar servizo á veciña estación de esquí e principal destino de inverno deste país.
En Mavrovo tamén hai unha impoñente igrexa de nova construción, pero a súa principal referencia monumental son as ruínas da igrexa de San Nicolao, medio asolagada polas augas do lago. Por suposto, o xeo e a neve cobren totalmente o lago nesta época do ano.
Aproveitamos para xantar nun dos restaurantes que ofrecen vistas panorámicas sobre o lago e a aldea. Despois de enche-la barriga seguímo-lo noso camiño ata o mosteiro ortodoxo Sveti Jovan Bigorski (San Xoán Bautista), preto da aldea de Jănce e no lugar no que apareceu unha milagrosa icona deste santo no século XI.
Foi nese mesmo século que se construíu un primeiro mosteiro bizantino que logo destruirían os otománs para posteriormente ser reconstruído e ampliado en diversas ocasións. Esquecido durante os anos do comunismo, cobrou nova vida para converterse nun dos principais lugares de culto de Macedonia.
O complexo é bastante impresionante e destacan os ben conservados frescos da igrexa. A entrada é de 120 dinares, uns dous euros por persoa, e os visitantes poden deambular tranquilamente polas instalacións do mosteiro. Os edificios dos monxes non poden ser visitados.
Seguimos o noso camiño pasando por Struga, a outra poboación importante do lago Ohrid. Chegamos á cidade de Ohrid e deixamos a equipaxe no noso aloxamento para saír a pasear pola beira do lago e cear nalgún restaurante tradicional.
Recomendado pola dona do noso aloxamento, Dalga é un restaurante especializado na gastronomía local. Un espazo bonito, en pleno centro histórico e directamente sobre as augas do lago, pero que non deixa ningunha pegada en nós pola elaboración dos seus pratos. Curiosamente, o prezo do peixe do lago é esaxeradamente caro para os valores medios do país.
Para o noso aloxamento facemos uso dos apartamentos Villa Dudan, un pouco pequenos pero moi próximos ao lago e a unha camiñada agradable da parte histórica da cidade. Pagamos un total de 97 € polos dous apartamentos e as dúas noites co almorzo incluído. A dona do aloxamento fala un inglés excelente e proporciona moita e boa información.
DÍA 4 NO LAGO OHRID (MACEDONIA DO NORTE)
Non viñamos moi seguros do que iamos atopar nun país do que sabiamos pouco e dunha cidade da que apenas tiñamos referencias. Pero nada mais chegar recibimos boas vibracións. A presenza do lago e das montañas nevadas (todo compartido con Albania) e as vistas de Ohrid caendo en terrazas cara á auga, convéncennos de que este é un lugar especial.
A abundancia de aloxamentos e restaurantes delatan a Ohrid como un evidente destino turístico. Pero deses que souberon gardar a súa esencia. Sobre todo nestes meses nos que o tempo non acompaña e a poboación queda limitada aos seus habitantes habituais.
O aspecto de Ohrid durante os meses de frío pode ser enganoso. A cidade ten un aeroporto que, malia estar case inactivo no inverno, ofrece numerosos voos ás principais cidades europeas na primavera e no verán. Curiosamente, non hai conexións con Skopje, o outro aeroporto operativo do país. A súa oferta é principalmente a destinos en Holanda, Suíza e Alemaña, xa que son os turistas destas procedencias (e de certa idade) os que enchen os establecementos da cidade na tempada alta.
Ohrid foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 1979. Tamén recibe o alcume de “Xerusalén dos Balcáns” xa que presume de ter acollido no pasado ata 365 igrexas dentro do seu mapa urbano, unha por día. No século X foi a capital do chamado Primeiro Imperio Búlgaro .
O que sempre foi é un importante centro do cristianismo. A súa idade de ouro comeza coa chegada dos monxes-profesores Cyrilus, Kliment (San Clemente de Ocrida) e Naum, a finais do século IX, que a converten nun centro de cultura e educación. O monxe Kliment montou a que está considerada como a primeira universidade eslava con 3.500 estudantes que atendían as clases no mosteiro de San Pantaleón. A Kliment ou San Clemente tamén se lle atribúe a invención do alfabeto cirílico.
Dedicamos a mañá a percorrer a maioría de lugares de interese de Ohrid. A parte monumental e a parte nova están perfectamente diferenciadas e a primeira fica pechada polo lago e por murallas que percorren a parte alta do outeiro no que se asenta.
Tamén nos resulta apetecible a oferta de paseos en barco polo lago, pero nesta época do ano non hai saídas regulares e funcionan unicamente para aqueles colectivos que os contraten previamente.
Principiamos a nosa visita pola igrexa-catedral de Santa Sofía que aínda conserva frescos do século XI. O templo ten un importante pasado como sé do Patriarcado e, posteriormente, do Arcebispado de Ohrid. Hoxe en día utilízase tamén para concertos pola súa excelente acústica. En case todas as igrexas de Ohrid págase entrada por módicos valores que van dun a dous euros.
Dende alí seguimos a liña de costa e chegamos por unha pasarela de madeira á pequena praia de pedras de Potpes. Unha gran parte da praia está ocupada por un restaurante con terraza que pode resultar moi apetecible nos días de calor.
Seguimos pola parte alta do pequeno e antigo asentamento de pescadores de Kaneo para chegar á igrexa máis fotografada da cidade: a de San Xoán Kaneo. O pequeno templo construído no século XIII é moi procurado por aqueles fotógrafos que aprecian a perfecta situación do templo sobre un cantil e ao borde do lago. De feito, din que é o monumento más fotografado do país.
Dende Kaneo subimos pola ladeira do outeiro ata o lugar chamado Plaošnik onde se atopa o mosteiro de San Pantaleón, aquel no que se asentou a primeira universidade eslava en tempos de San Clemente de Ocrida. Aquí tamén se pode ver a tumba deste santo que el mesmo construíu no ano 916. A igrexa vese moi nova froito dunha recente restauración. Os seus arredores son unha escavación a ceo aberto por mor dos numerosos restos arqueolóxicos das distintas civilizacións que por aquí pasaron. De feito, nas estruturas con teito e sen paredes pódense ver mosaicos romanos.
Subimos ata a fortaleza do Tsar Samuel, na parte máis alta de Ohrid e a cen metros sobre o nivel da auga, para relaxarnos coas estupendas vistas que ofrece da cidade, do lago e das montañas que o arrodean. Levantada no século X foi destruída e feita de novo en varias ocasións. Nas escavacións atoparon panos dunha muralla anterior da época de Filipo II de Macedonia, o pai de Alexandre Magno.
Seguimos o paseo polo Teatro Antigo, chamado así por descoñecerse se a súa orixe é grega tardía ou xa romana. O que vemos agora é unha reconstrución de comezos do século XX que se aproveita para espectáculos teatrais e actuacións musicais.
Pasamos pola Porta Superior das murallas para visitar o outro templo de referencia en Ohrid: a igrexa da Nai de Deus Perivleptos. Dedicado á Virxe María, o alcume Perivleptos indica que ela pode escoitar e velo todo. A importancia desta igrexa do século XIII radica nos frescos do seu interior pintados polos xoves artistas Miguel e Eutychius. Estes pintores abandonaron o estilo bizantino para abrazar o estilo renacentista, e moito antes de que o fixera o artista florentino Giotto. Moitos expertos e, por suposto, o vixiante da igrexa defenden que o Renacemento xurdiu neste templo de Macedonia.
De volta á Porta Inferior das murallas pasamos por moitos outros pequenos templos, a maioría deles pechados. Para realizar unha visita completa non hai que esquecer que Ohrid ten un Museo de Iconas que, din, rivaliza con aquelas presentadas na Galería Tretiakov de Moscova. E tamén un Museo Nacional. Ohrid presume dunha longa tradición en museos xa que abriu os seus primeiros espazos antes de que o fixeran Londres e París.
Poderíamos pasar un par de días en Ohrid vendo templos, museos e o bonito urbanismo do seu centro histórico. Pero temos que nos dar présa xa que tamén queremos coñecer os atractivos da parte macedónica do lago e ao día seguinte comezamos o noso periplo de volta a Kosovo.
Negociamos un taxi por tres horas para que nos leve pola cara leste do lago ata o límite con Albania. Os lugares a visitar son o mosteiro de San Naum e a Baía dos Ósos (The Bay of Bones). E, de paso, ve-lo ritmo co que latexa a vida no lago. A negociación é dura e resulta evidente que están acostumados a pedir prezos turísticos. Rematamos pagando 1.500 dinares normacedónicos, case vinte e cinco euros ao cambio. O mesmo tempo de disposición do taxi e o mesmo prezo que pagamos en Skopje para visitar o Canón Matka.
O lago Ohrid é un dos máis antigos do mundo como o é o Tanganyka en África e o Titicaca na América do Sur. Cunhas medidas que van dos 30 km de longo aos 11-15 km de largo, dous terzos da súa superficie están en territorio macedonio e o outro terzo pertence a Albania. Varias das montañas que se asoman ao lago superan os 2.000 metros de altura.
Camiño de San Naum pasamos por zonas residencias baleiras nesta época do ano e vemos pequenas praias que tan só poden resultar interesantes no caso de escoller Ohrid como destino das vacacións estivais.
O mosteiro está sobre un cantil a 29 km ao sur de Ohrid. Ao chegar aproveitamos para xantar no seu restaurante. E somos os únicos! Os numerosos chiringuitos e postos de souvenirs da avenida de entrada están case todos pechados. Normal, tampouco hai turistas.
San Naum é toda unha referencia nesta parte do país. Recebe 200.000 turistas ao ano atraídos pola sona milagreira do santo, unha figura de moita importancia na historia de Macedonia. Seica o primeiro mosteiro era igual ao que San Clemente dedicou a San Pantaleón en Ohrid, pero o que hoxe vemos correspóndese coas reconstrucións dos séculos XVI e XVII. O máis senlleiro son os frescos da igrexa aínda que datados a comezos do XIX.
Antes de entrar no recinto do mosteiro hai barcas de alugueiro que conducen ata as Fontes de San Naum, un pequeno lago con dous illotes que está alimentado ata por corenta e cinco fontes, tanto soterradas coma en superficie.
De regreso a Ohrid paramos na Baía dos Ósos, a reprodución dun poboado levantado sobre estacas nas augas do lago. Testemuños científicos certifican que a primeira aldea palustre sobre estacas de Europa estivo no lago Ohrid xa no ano 5500 a.C. Na Baía dos Ósos atoparon numerosas estacas de madeira e unha plataforma cos restos de vinte vivendas mergulladas a unha profundidade de entre tres a cinco metros. Unha ponte movible deixaba a aldea libre de ataques de persoas e animais. Toda unha reliquia da Idade do Ferro.
Infelizmente, tan só podemos achegarnos un pouco a plataforma xa que este interesante atractivo turístico pecha nos meses de inverno. Logo en Ohrid, decatámonos de que tamén hai ofertas de mergullo para ver os restos do poboado no fundo das augas do lago.
Hoxe é a nosa última noite en Ohrid e sentimos certa pena de non dispor de tempo abondo para facer outras actividades como percorrer o Parque Nacional Galichica e subir ao Pico Magaro, dende onde son visibles os lagos Prespa e Ohrid. Quizais non tardarei ou non tardaremos en retornar a este bonito lugar para pasar uns días devagar. E mellor facelo coincidir co seu Festival de Verán ou co Festival Balcánico de cancións e bailes folclóricos.
DÍA 5 DE OHRID A PRIZREN (REGRESO A KOSOVO)
A seguinte etapa da viaxe consiste en pasar de Ohrid á cidade de Prizren, do sur de Macedonia ao suroeste de Kosovo. Unha liña recta en dirección sur-norte que se vai converter nun arrevesado itinerario con múltiples cambios de dirección.
O problema radica nas altas montañas que separan os dous países e que impiden que as estradas que os comunican sexan practicables nos meses de inverno, agás a de Skopje a Pristina. Nos meses de bo tempo, o máis doado sería regresar a Totovo e dende alí atravesar o Parque Nacional kosovar “Malet e Sarrit” para pasar directamente a Prizren, a unha distancia de 107 km da cidade macedónica.
Despois de moito preguntar ninguén nos asegura que poidamos atravesara pola, xa de seu, maltreita estrada Totovo-Prizren. E, evidentemente, non hai servizos regulares entre Prizren e calquera outra cidade de Macedonia agás Skopje. Polo tanto, non queda outra solución que non sexa coller tres transportes diferentes vía Skopje e Pristina.
O día non promete ser agradable. Moitas horas en transportes de dubidosa comodidade para chegar a un país do que non gardamos unha boa impresión despois do acontecido co chofer que nos levou dende o aeroporto de Pristina a Skopje. E non esquezamos que Kosovo ten sona, seica xustificada, pola corrupción xeneralizada e as bandas de malfeitores organizados que funcionan no país.
Comezamos collendo un taxi á primeira hora da mañá á Estación de Autobuses de Ohrid, un edificio pequeno e moderno bastante afastado do centro. Logo, un bus que nos deixará en tres horas na estación de Skopje. O billete son 480 dinares (8 €) por persoa, ao que hai que engadir outros 30 dinares como taxa polo uso da estación de Ohrid.
Ata aquí todo ben. En Skopje pagamos de novo 30 dinares por facer uso da estación e, despois dunha breve espera, collemos o transporte ata Pristina. Digo transporte xa que non sei definir ben aquela vella carraca pola que pagamos 320 dinares cada un, algo máis de cinco euros. Tardamos dúas horas en chegar pero a viaxe faise infinita pola incomodidade do vehículo. Os trámites fronteirizos, ao igual que na vinda, sen ningún problema.
A espera en Pristina é pequena e deseguido collemos o autobús en dirección a Prizren. O vehículo está en bastantes boas condicións pero vai ateigado de estudantes durante os primeiros quilómetros do percorrido. Aquí xa pagamos en euros (a moeda oficial de Kosovo), catro por persoa.
Polo camiño e dende as xanelas do noso autobús podemos comprobar que Kosovo é unha economía en rápido desenvolvemento onde o mimo urbanístico e a limpeza dos espazos naturais parece non ter ningunha importancia. Aínda así, están a levantar novos edificios por todas partes e algúns con certa dose de deseño. A impresión xeral é a de que o país está a vivir un momento económico máis doce có do seu veciño de Macedonia do Norte.
Chegamos a Prizren a media tarde con tempo de dar un paseo para un primeiro contacto coa cidade, a máis turística de Kosovo. Ceamos no restaurante Ambient, un espazo agradable situado nunha empinada costa con bonitas vistas da zona monumental da cidade. Ademais, o establecemento ofrece unha carta apetecible e prezos moi razoables.
www.ambient-ks.com/eng/index.php
O noso aloxamento, o Hotel Prizreni de tres estrelas, é sen dúbida a mellor escolla de toda esta viaxe por Hungría, Macedonia do Norte e Kosovo. Por un prezo de 44 € polo cuarto dobre e noite gozamos dun hotel con encanto en pleno corazón turístico da cidade. E co almorzo incluído. Totalmente recomendable.
Dende o primeiro intre quedamos enfeitizados con Prizren. É unha magoa, como acontece con Romanía, a visión que temos dos habitantes de Kosovo como xente pobre e perigosa. Unha impresión moi española por seren a miúdo destas nacionalidades os delincuentes que aparecen nas noticias do noso país.
Pero tamén como xa me pasou en Romanía, o que atopo é xente totalmente dentro da normalidade. Preocupada por superar os seus problemas económicos, xente traballadora e responsable que trata de pasalo ben dentro das súas posibilidades económicas.
Prizren respira bo rollo nesta noite da fin de semana. Como xa avanzaba a nosa guía e as lecturas que fixemos sobre Kosovo, a rúa principal aparece ateigada de familias e amigos paseando. As terrazas teñen moreas de persoas e os máis novos fan cola para entrar en pubs e bares musicais.
Ninguén diría que estamos no único país de Europa no que a relixión islámica é maioritaria cun 92% da súa poboación profesando esta relixión. Apenas vemos mulleres con panos na cabeza e, malia as numerosas mesquitas, a forma que teñen de ver o Islam non resulta nada integrista.
DÍA 6 PRIZREN (KOSOVO)
Que pena non ter máis tempo neste país! Chegamos onte pola tarde e dentro de 48 horas xa estaremos voando cara a Budapest. Os días pasados, cando falabamos de como organizar os nosos días en Kosovo, valorabamos a posibilidade de dedicar a metade do día de hoxe a visitar a tamén interesante cidade de Peja. Peč (o seu outro nome en serbio) está situada nun bonito emprazamento arrodeado de altas montañas ao noroeste do país. Kosovo é pequeno e daría tempo a realiza-la visita regresando a Prizren pola tarde.
Pero despois da interminable viaxe do día anterior e do agradable que nos resultan Prizren e o noso hotel, decidimos darnos un premio e dedica-lo día enteiro a gozar deste bonito lugar. Comezamos a mañá coa subida, unha chisca fatigosa, ata a fortaleza sobre a montaña que preside a cidade. No camiño pasamos a carón dunha igrexa ortodoxa que parece abandonada e dun bonito restaurante panorámico que está pechado a estas horas da mañá.
As vistas dende arriba son estupendas: a cidade aos nosos pés e os cumios nevados ao fondo. Vendo a acumulación de neve que hai no camiño cara a Macedonia do Norte entendemos perfectamente que o paso dende Totovo non sexa practicable en inverno. Pasamos un tempo neste ventoso recinto antes de baixar de novo ao centro da cidade.
O patrimonio de Prizren é algo escaso pero suficiente: a mesquita de Sinan Pasha (S. XVII), a Ponte Otomá e os Baños Gazi Mehmed Pasha do século XVI (pechados), todo en pleno centro histórico. Pero quizais a súa principal xoia sexa a igrexa de Nosa Señora de Ljeviš, na listaxe de Patrimonio da Humanidade da Unesco. Un templo ortodoxo serbio que funcionou como mesquita ata comezos do século XX e que foi moi danado polos conflitos do ano 2004.
A verdade é que a cidade nos resulta tan agradable pola animación das súas rúas e polo bo tempo que nos acompaña (estamos en febreiro e con neve) que esquecemos achegarnos á igrexa mencionada. Practicamos o deporte nacional e pasamos o día de terraza en terraza vendo a xente pasar.
A animación da rúa, o consumo en bares e restaurantes e o bo nivel dalgunhas tendas fannos pensar que estamos nun país con moitas mellores condicións económicas das que teoricamente lle corresponden a Kosovo. Coido que as remesas de divisas enviadas polos emigrantes deben ter un peso importante nesta situación.
DÍA 7 PRISTINA (KOSOVO)
Comezamos de mañá cedo en taxi ata a estación de autobuses de Prizren. Cando chegamos hai un bus para Pristina que está a saír nese intre e non temos máis que subir e coller camiño para a capital do país. Aproximadamente unha hora e media despois entramos na última parada deste percorrido polo Balcáns.
A primeira impresión é a dunha cidade meirande do esperado e cun nivel aceptable de urbanismo, tendo en conta que Pristina foi sempre unha cidade de provincias pouco relevante e afastada dos grandes centros da antiga Iugoslavia.
O que si é evidente, ao igual que no resto do país, é a mestura caótica de estilos construtivos e o pouco cariño en facer os lugares máis agarimosos. Posiblemente como consecuencia da rapidez coa que houbo que dar resposta á desfeita provocada pola guerra e á necesidade de crear unha capital para un novo país.
Non hai que esquecer que Kosovo aínda declarou a súa independencia de Serbia no ano 2008. É o país máis novo de Europa. O que si notamos é a súa cobiza por pertencer á Unión Europea. Así as matrículas dos seus coches xa implantaron ese formato. E a súa moeda é o euro tal e como escolleron outros estados como Montenegro, Mónaco, Andorra e San Mariño, malia non pertencer ningún deles á Unión Europea.
Deixamos a equipaxe no noso aloxamento e saímos a pasear. Aquí temos un apartamento para os catro que é excesivamente grande e novo e que peca de pouco acolledor.
Achegámonos aos xardíns da Universidade para ver o rechamante edificio da Biblioteca Nacional. Coido que o arquitecto croata que a deseñou tentaba dotar a Pristina dun edificio que a fixera máis bonita. Pero conseguiu todo o contrario e a Biblioteca aparece en moitas listaxes coma un dos edificios máis feos do mundo. Pero a min gustoume. E do que non hai ningunha dúbida é da súa orixinalidade.
A carón da Biblioteca está a estrutura da Catedral ortodoxa de Cristo O Salvador. Foi no ano 1995, aínda baixo o goberno de Serbia, que Milosevic decidiu dotar a Pristina dunha nova catedral. Pero sen o consentimento da sociedade maioritaria de orixe albanesa e relixión islámica que o consideraron unha provocación. Coa guerra de 1998 a estrutura quedou tal e como podemos vela hoxe.
Dende a avenida que pasa por diante da zona universitaria collemos un taxi para ir ata o Mosteiro de Gračanica. A maioría de serbios considera que a orixe do seu país está nalgúns destes mosteiros que quedaron baixo o goberno kosovar.
Pagamos dez euros por un taxi de ida e volta. Gračanica é unha poboación serbia nas aforas de Pristina e o seu mosteiro un centro cultural para os serbios do centro do país. A entrada é gratuíta e o principal interese deste complexo levantado no século XIV radica nas pinturas da súa igrexa.
Xa de volta en Pristina, pedímoslle ao taxista que nos deixe na catedral católica dedicada á Nai Teresa de Calcuta. Un edificio novo do ano 2007 e sen demasiado interese pero moi próximo ao centro e principais rúas da cidade.
Buscamos algo semellante a unha parte vella ou centro histórico. Pero en Pristina non existe. A cuadrícula de rúas que vai dende a catedral católica ata o rañaceos do Goberno de Kosovo é o máis parecido a un centro tradicional. Na contorna da rúa Luan Haradinaj e, sobre todo, no bulevar (bulevardi) Nënë Tereza é onde todo acontece.
Facemos a típica foto diante do monumento Newborn que conmemora a independencia atinxida o dezasete de febreiro do ano 2008. Nestes poucos anos, o revestimento exterior destas letras de gran formato xa ten mudado en varias ocasións.
Seguimos ata o restaurante Soma Book Station para xantar. O lugar gústanos moitísimo e ninguén diría que estamos en Kosovo. A decoración, a oferta gastronómica e o ambiente de xente guapa deste restaurante é o de calquera lugar trendy que aparece nas guías dos principais destinos de Europa. Unha paraxe perfecta para realizar á metade da visita.
Rematamos o día paseando polos pouco interesantes barrios do norte da cidade para ver a coñecida como “mesquita imperial”. A mesquita Sultan Mehmet Fatih foi construída baixo as ordes de Mehmet o Conquistador a mediados do século XV para logo funcionar como igrexa católica baixo o Imperio Austro-Húngaro. Hoxe, por suposto, é de novo unha mesquita e está considerada como a principal de Pristina.
Ao final do día estamos tentados a esperimentar de primeira man a afamada noite local de Pristina, pero o cansazo (ou a preguiza) poden máis e quedamos a xogar nas cartas no noso apartamento.
Deixamos Kosovo co mesmo bo sentimento de cando entramos en Prizren. As guías falaban de que os españois non eran especialmente benvidos por ser España un dos poucos países europeos que non recoñecen a súa independencia. Pero temos que dicir que durante a nosa estadía non sentimos ningún rexeitamento e nin sequera acenos de desgusto por parte da poboación local.
DÍA 8 REGRESO A BUDAPEST
Pola mañá aínda temos tempo de almorzar antes de dirixirnos ao aeroporto de Pristina. Pagamos quince euros polo taxi. O voo de Wizz Air sae puntual e chegamos a Budapest á hora prevista.
Podedes seguir a nosa visita á capital húngara, tanto antes como despois desta escapada balcánica, no seguinte link Budapest, recuperando o esplendor do Imperio
Otro viaje virtual que acabo de hacer.
Todo muy interesante, pero me quedo con los monasterios. Me gustan las edificaciones exteriormente, pero sobre todo, las pinturas del interior.
Hasta el próximo.
Hola Rosi, vas a tener el premio a mi lectora más asidua. Muchas gracias por tus comentarios. Me animan a seguir escribiendo. Apertas.
Pingback: Budapest, recuperando o esplendor do Imperio | Cidadán do Mundo, pero galego