Este ano ando especialmente despistado. Non é ata mediados do mes de marzo, de volta dun concerto do grupo Ojete Calor en Valencia, que me decato de que as vacacións de Semana Santa chegarán en moi pouco tempo e de que aínda non teño ningunha viaxe programada.
Consulto os voos dende Santiago de Compostela e dende os outros aeroportos galegos para esas datas e atopo que a oferta é escasa e cara. En Galicia aínda temos poucos voos de reforzo en Semana Santa e hai que reservalos con moito tempo no caso de querer pagar un prezo axeitado.
Consulto tamén as ofertas do veciño aeroporto portugués do Porto e atopo prezos moi interesantes para voar a Málaga coa compañía EasyJet. É aí cando tomo a decisión de pasa-las vacacións nesa cidade, a segunda poboación andaluza polo número de habitantes e un dos principais destinos urbanos do sur de España.
Levo xa un tempo querendo volver a Málaga, unha urbe que resultaba bastante intranscendente durante moitos anos ata que comezou a mellorar a súa oferta cultural e o seu urbanismo para converterse nun referente turístico. Hai máis de dez anos que non paso por esta cidade e estou seguro de que as melloras van ser evidentes e interesantes.
Aínda sen chegar a facer a reserva decido alongar as miñas vacacións ata o martes 23 de abril. E con esta ampliación, fóra das datas máis demandadas, consigo unha tarifa coa compañía Vueling para voar de Santiago de Compostela a Málaga por tan só 129 euros a ida e volta.
A miña intención é coñecer o ambiente da Semana Santa de Málaga, Festa declarada de Interese Turístico Internacional que se vén celebrando dende a época dos Reis Católicos, e, sobre todo, visitar as bonitas aldeas da Serranía de Ronda e outros lugares de referencia na súa proximidade.
Nos meus plans tampouco falta o Caminito del Rey, un camiño de vertixe construído a comezos do século XX para permitir a vixilancia e o mantemento dos encoros de Gaitanejo e El Chorro.
O meu amigo portugués Antonio decide apuntarse a compartir estas vacacións comigo. El reserva un voo dende Porto coa compañía EasyJet aproveitando que os horarios de ida e volta son moi semellantes aos meus e, ademais, a un prezo sensiblemente inferior.
Con respecto ao aloxamento, a esta altura do mes de marzo xa non é doado conseguir algo digno e a un prezo razoable en Málaga. É por esa razón que reservamos unicamente a primeira noite na cidade. Para o resto decidimos trasladarnos á poboación costeira de Torremolinos, hoxe en día convertida nun barrio periférico da propia Málaga.
Torremolinos foi un referente do primeiro turismo dos anos sesenta pero, todo hai que dicilo, é un lugar feo e pouco interesante a non ser por ter unha praia moi accesible en pleno centro da cidade. Pero o que si ofrece é unha oferta de aloxamentos de nivel medio moi ampla e a prezos razoables.
Tamén fai interesante a Torremolinos a súa boa comunicación a través do tren de cercanías que ten paraxe nas estacións de “Centro Alameda” e “María Zambrano”, en pleno centro de Málaga. O tren demora tan só vinte minutos e está operativo durante case vinte horas do día e da noite. A tarifa é de 1,80 € por traxecto.
Para realizar as excursións pola provincia alugamos un coche coa compañía andaluza Bahia Sexi Rent a Car, que resultou bastante máis seria do que o seu nome puidese suxerir. Pagamos 111 euros polo alugueiro de dous días con quilometraxe ilimitada, seguro a todo risco e sen ningunha franquía. Por ese prezo tamén nos levaron o coche ata o noso hotel. A tarifa pagada é para o modelo máis baixo de gama da súa oferta.
DIA 1 MÁLAGA
O voo de Santiago aterra ás 13:10 e o voo de Porto no que chega Antonio faino cuns minutos de diferencia. No aeroporto collemos o tren de proximidade (a mesma liña de Torremolinos) que nos deixa no centro de Málaga. O noso apartamento queda a escasa distancia da estación “Centro Alameda”.
Aloxámonos nos bonitos Apartamentos Santa Cruz por unha tarifa de 180 €/día. O edificio está moi ben situado e o apartamento ben coidado, malia que peca dunha chisca pequeno para o seu prezo e dun prezo totalmente esaxerado para o seu valor real.
Nin Antonio nin eu somos persoas relixiosas e o noso interese pola Semana Santa non pasa do puramente visual. Parécenos unha tradición interesante, moi vistosa que provoca profundos sentimentos entre algúns pobos de España. Pero non conseguimos sentirnos involucrados nin entender moitas das reaccións que esta festa provoca.
Chegamos a Málaga sen información, nin do programa das procesións nin de como facer para acudir como público. De camiño cara á Oficina de Turismo pasamos por avenidas e paseos nos que centos de bancadas prometen poder desfrutar comodamente das procesións da Semana Santa malagueña.
Falsa alarma! O persoal de Turismo infórmanos de que as cadeiras, os palcos e as tribunas están xestionadas directamente pola Agrupación de Confrarías da Semana Santa de Málaga. Son de pagamento a través de abonos que custan entre 60 e 678 € por persoa. Polo tanto, posibilidades nulas de conseguir algo para o mesmo día.
Tamén nos facilitan uns horarios moi completos do programa 2019 así como recomendacións sobre os lugares públicos e gratuítos nos que ter maiores posibilidades de visión. Decidimos asistir ás procesións do Cristo de Mena, a dos lexionarios que chegan en barco dende San Fernando de Cádiz, e á nocturna da Esperanza. Dúas das máis importantes do Xoves Santo.
Aproveitamos o medio tempo que temos ata a procesión da tarde para achegarnos ao porto. Queremos coñecer o novo paseo lúdico e cultural que pasa polo Centro Pompidou e chega ata o faro “La Farola”. Este é o novo centro de lecer da cidade con tendas de marcas internacionais e unha chea de cafetarías que axudan a entreter os paseantes.
De camiño pasamos polo Paseo da Pérgola, a zona portuaria máis próxima ao centro de Málaga, que marca a súa presenza cunha bonita e rotunda estrutura en forma dun “s” continuo ao longo de catrocentos metros.
Nos baixos a carón do Centro Pompidou Málaga hai un espazo aberto e gratuíto no que se celebran exposicións de artistas pouco coñecidos. E na área próxima, xa a ceo aberto, un pequeno escenario para grupos anima musicalmente a tarde. Hai un bo ambiente e, malia ao tempo mediocre dese día, esta zona do porto resulta moi apetecible para pasar unhas horas.
Regresamos ao centro de Málaga para tentar ver algunha das procesións, pero non resulta doado. Ou ben hai que pasar moito tempo de pé antes do comezo para ter unha boa posición ou ben conformarse cun lugar moi atrás no caso de chegar a última hora.
Despois de varios intentos frustrados regresamos ao apartamento e decidimos ver a procesión do Cristo de Mena dende o noso balcón, nun canellón perpendicular á rúa pola que marchan os lexionairos. A visión é limitada pero un par de copas dun bo viño axudan a que resulte máis ameno.
Para os interesados na Semana Santa existe o itinerario “Málaga Nazarena” sinalizado pola Oficina de Turismo que quere dar a coñecer aqueles lugares chave da celebración: templos, casas de irmandade, confrarías, obradoiros artesanais confrades e puntos polos que pasan as procesións.
Pola noite aproveitamos para cear e gozar do animado ambiente na contorna da Alcazaba e da Plaza de la Merced. Málaga está ateigada de turistas e as terrazas nocturnas especialmente animadas.
DIA 2 CAMINITO DEL REY
Primeiro foi a construción (1865) da liña férrea que atravesaba o Sistema Bético entre a conca mineira de Córdoba e as fábricas de Málaga. Despois, a comezos do século XX, a obra hidroeléctrica coa execución dunha canle de auga que aproveitaba o desnivel do Desfiladero de los Gaitanes para xerar electricidade. Esa foi a orixe dos Balconcillos de los Gaitanes máis tarde denominado Caminito del Rey.
O novo nome da senda veu dado pola visita que o Rei Alfonso XIII realizou no ano 1921. O camiño primitivo non era máis que unha pasarela moi estreita e sen protección que chegaba acadar os 100 metros de desnivel ao seu paso por estreitos desfiladeiros. No ano 2001, a Junta de Andalucía decidiu pechar o “caminito” tanto polo seu mal estado de conservación como polos accidentes e mortes entre atrevidos visitantes á procura de adrenalina. Foi reaberto de novo no 2015 para converterse nun dos principais atractivos turísticos da provincia de Málaga.
É tal o éxito desta nova ruta de sendeirismo que o habitual, e malia a haber case 20 quendas de visita ao día, é que as entradas estean esgotadas a dous meses vista. Os que teñades interese en visitalo debedes prever con moita antelación o día e hora para así sacar as entradas en tempo. Podedes facelo na páxina web que achego máis abaixo. Os horarios de apertura varían segundo a época do ano e os luns está sempre pechado.
O prezo da entrada é de 10 € que se converten en 18 € no caso de querer facer unha visita guiada, Os grupos son de vinte e cinco persoas e hai varias visitas guiadas cada día. O percorrido é lineal polo que haberá que engadir o billete do bus lanzadeira (0,94 € por traxecto) que devolve aos visitantes dende o aparcadoiro ao final do itinerario ás outras tres áreas de estacionamento de vehículos.
Evidentemente, no momento no que decidimos ir a Málaga xa non hai ningunha posibilidade de reservar a nosa visita a Caminito del Rey. Demasiado pouco tempo de antelación. Pero rebusco en todas as opcións e descubro que tamén existen unhas poucas axencias autorizadas a vender visitas organizadas dende a cidade de Málaga con varias saídas á semana.
Nese intre, a única empresa que aínda dispoñía dalgunha entrada era Malaga Trips. En concreto unha única entrada para toda a nosa estadía. En contacto con eles, comprométense amablemente a conseguir unha segunda entrada a través das outras axencias autorizadas.
E finalmente temos as nosas dúas prazas para Caminito del Rey! O prezo de 47 euros é moi superior ao da entrada xeral, pero inclúe a maiores o transporte de ida e volta dende Málaga, un guía durante o percorrido, e bebidas e petiscos ao remate do paseo. E de calquera xeito, non hai outra opción se é que o queremos facer!
O acceso a Caminito del Rey queda a uns sesenta quilómetros da cidade de Málaga e a unha hora de viaxe en coche. O minibús déixanos a carón do Restaurante El Kiosko dende onde camiñamos douscentos metros ata a entrada dun túnel que nos conduce a cola do encoro de Gaitanejo. Dende alí temos un quilómetro e medio por diante ata chegar ao quiosco de control. No quiosco vemos moitos estranxeiros sen entrada tentando ocupar as prazas que puidesen quedar baleiras polas persoas non presentadas.
O percorrido total é de 7,7 km dos que 4,8 km corresponden aos accesos e 2,9 km ao traxecto máis atractivo. Hai que contar cun tempo de tres a catro horas dependendo do rápido que se queira camiñar e da axilidade que nos permitan os nosos compañeiros de viaxe. Ao rematar, haberá que coller o bus lanzadeira para regresar ata o punto de saída. No noso caso xa collemos o bus da axencia organizadora de regreso para Málaga.
Caminito del Rey é unha das grandes experiencias que pode ofrecer Málaga neste momento. Eu pensaba que o seu atractivo estaba limitado ás pasarelas sobre os desfiladeiros e pouco máis. Pero non é así. Dende que se comeza a camiñar ata o remate da ruta todo é un auténtico pracer. Unha paisaxe espectacular e virxe nunha contorna dunha beleza excepcional. Deses lugares que no caso de non existir habería que inventalos. É verdade que a masificación (controlada) quítalle un pouco de encanto pero o lugar é tan único que a súa visita paga totalmente a pena.
A continuación vai unha reportaxe fotográfica progresiva de como foi o paseo:
Por suposto, as pasarelas xa non supoñen ningún perigo. A xente vai moi protexida e hai persoal de control ao longo de todo o camiño. Os que sufran de vertixe poden percorrer os camiños de acceso en ambos extremos pero non é aconsellable que se metan no treito das pasarelas sobre o abismo. Dese xeito tamén aforraran cartos xa que os camiños de acceso non están controlados e son gratuítos.
Xa de regreso en Málaga, collemos o tren que nos leva de volta a Torremolinos onde aproveitamos para descansar do esforzo realizado e, de paso, tomar unha copas na animada noite do Venres Santo.
DÍA 3 MÁLAGA CULTURAL
É tal a sona de Málaga como destino cultural que obrigatoriamente tiñamos que dedicar un día a coñecer a súa nova oferta de museos. Dende a miña derradeira visita á cidade fóronse sucedendo as aperturas de novos espazos. En varios casos apoiados polas súas casa matrices: o Centre Pompidou Málaga, o Museo Carmen Thyssen Málaga e a Colección do Museo Ruso San Petesburgo/Málaga.
Noutros casos son espazos culturais de creación autóctona, como o Museo Picasso Málaga, o Centro de Arte Contemporáneo e a Fundación Picasso (Museo Casa Natal). E novas adaptacións de museos xa existentes como é o Museo de Málaga, que recolleu as coleccións do Museo de Bellas Artes e do Museo Arqueológico no antigo edificio do Palacio da Aduana.
E así ata un total de 38 museos, coleccións, centros de arte e centros de interpretación. A nova oferta de Málaga ten algo para cada quen.
Comezamos a nosa visita polo CAC ou Centro de Arte Contemporáneo, moi preto da estación de tren de “Centro Alameda”. O edificio de seu (o antigo Mercado de Maioristas) e a súa situación na beira nunha canle baleira de auga non son nada espectaculares. Pero o seu interior conta con 6.000 m2 de superficie diáfana que permite exposicións de gran formato. Ademais de pola súa colección permanente, o Centro ten sona por presentar fantásticas exposicións temporais.
E este é o caso. Temos a sorte de coincidir coa obra do fotógrafo asturiano Dionisio González e a súa exposición “Parresia e lugar”. Teño que buscar o significado da palabra parresia (liberdade de expresión ou falar con verdade) e sigo sen entender a súa relación coa obra que presenta. Pero non fai falla, as súas fotos sobre arquitecturas irreais de gran formato son de tal espectacularidade que me gustaría comprar todo o que alí vexo. O resto da exposición temporal é tamén magnífica. E por riba, o museo é gratuíto. Todo un acerto esta visita!
Seguimos cara ao centro histórico e constatamos a mellora urbanística da cidade. Novos espazos, intervencións contemporáneas e recuperación de edificios son a tónica neste esforzo por facer de Málaga unha cidade atractiva e máis turística.
A nosa seguinte parada é o Museo Carmen Thyssen Málaga, inaugurado no ano 2011 no rehabilitado Palacio renacentista de Villalón (S. XVI). Carmen (Tita) Cervera e baronesa Thyssen cedeu 285 obras de pintura española e andaluza do século XIX pertencentes á súa propia colección.
Camiño do Teatro Cervantes facemos unha parada para o aperitivo, que rematará converténdose no noso xantar, na tradicional Tasca La Tranca. O local está moi animado e, a pesar da incomodidade do servizo, o sabor dos seus pratos e os seus prezos fano totalmente recomendable.
Á primeira hora da tarde pasamos pola Fundación Picasso, no número 15 da Plaza de la Merced. É aquí onde naceu en 1881 o famoso pintor malagueño. O tamén coñecido como Museo Casa Natal ocupa un edificio enteiro máis unha sala de exposicións nos baixos doutro edificio da mesma praza. Presenta unha colección de obras de arte de máis de 200 artistas diferentes. Tamén obxectos orixinais e recordos familiares relacionados con pintor. Pero nin Antonio nin eu somos fans de Picasso e decidimos aforrarnos os catro euros que costa a entrada.
Seguimos a temática Picasso dirixindo os nosos pasos cara ao Museo Picasso Málaga (non confundir coa Fundación) no Palacio de Buenavista, en plena zona monumental. Son máis de 200 obras entre pinturas, esculturas, obra gráfica e cerámicas do artista. Hai unha cola tremenda para entrar no museo e decidimos segui-lo noso camiño. Está visto que hoxe non temos un día Picasso.
Pasamos por diante da bonita fachada do veciño Teatro Echegaray. Despois entramos a coñece-la Santa Igrexa Catedral Basílica da Encarnación onde hai que pagar 6 € pola visita combinada co Pazo Episcopal ou 10 € no caso de quere incluír as cubertas do edificio catedralicio. Construída sobre a antiga mesquita maior da cidade demorou case catro séculos en ser rematada.
A penúltima visita do día é ao Museo de Málaga no Palacio da Aduana (S. XVIII), entre o Paseo del Parque e a fortaleza da Alcazaba. Este museo acolle tanto a colección do antigo Museo Provincial de Bellas Artes como a do Provincial de Arqueología, museos que tiñan pechadas respectivamente as súas portas dende 1996 e 1997. A mobilización cidadá “La Aduana para Málaga” axudou a decidir que o inmenso edificio neoclásico fose a nova sede deste museo.
Estupendos tanto o edificio como a súa colección. Impresionante a pintura “E tiña corazón!” (tamén coñecido como “Anatomía do Corazón” ou “A Autopsia”) creada en Roma no ano 1890 polo artista valenciano Enrique Simonet. O museo é gratuíto.
A última parada é no Centre Pompidou Málaga, un percorrido pola arte dos séculos XX e XXI a través dunha escolma de obras cedidas polo Centre Pompidou de París. Un cubo de cristais de cores que asoma á rúa para marcar salas soterradas nas que se expoñen obras radicais moi do meu gusto. Pago con pracer os nove euros que custa o billete combinado para a colección “Utopías modernas” e para a exposición temporal. Os martes son os días no que o museo fica pechado.
https://centrepompidou-malaga.eu/
Regresamos a Torremolinos cun exceso de arte no noso sangue pero contentos co visto. Agora xa podemos asegurar que a oferta cultural e de museos de Málaga mellorou enormemente nestes últimos anos e que moitos dos seus novos espazos son unha aposta moi intelixente para a transformación desta cidade.
Deixamos para unha próxima viaxe a visita á Colección do Museo Ruso por estar algo afastado do centro e pola enchente de arte que levamos connosco. Esta é a primeira sede en Europa deste interesante museo de San Petersburgo. A antiga Real Fábrica de Tabacos presenta dous mil metros de exposicións sobre a arte rusa que son renovados cada ano cos fondos do museo matriz.
DÍA 4 RONDA E A SERRANÍA
O representante da empresa de alugamento de coches Bahia Sexi Rent a Car preséntase puntual á nosa cita. Deseguida saímos para o interior da provincia coa intención de pasa-lo día visitando as aldeas de Júzcar e Setenil de las Bodegas así como a pequena cidade de Ronda.
JÚZCAR
O noso primeiro destino é Júzcar, unha das moitas aldeas brancas desta parte de Andalucía que marcou o seu destino cando no ano 2011 desembarcou a produtora Sony Pictures para promocionar o filme “Os pitufos 3D”.
A produtora pintou de azul “pitufo” 175 edificios da aldea, incluíndo a Casa do Concello, a igrexa, o cemiterio e a maioría das vivendas privadas. Tamén se pintaron persoeiros do filme en moitas fachadas e foron aparecendo novos servizos turísticos relacionados con esta temática. E Júzcar comezou a ser coñecido co alcume de “El Pueblo Pitufo”.
Foi en Júzcar e nos seguintes anos onde tamén se promocionou o filme “Os Pitufos 2” (2013) e “Os Pitufos: a aldea agochada” (2017), polo que houbo que pintar de novo as casas da poboación.
Aínda son moitos os que seguen a falar de Júzcar coma “El Pueblo Pitufo” malia que perdeu oficialmente ese nome en agosto de 2017. Cando os propietarios dos dereitos de imaxe destes persoeiros animados, os herdeiros do debuxante belga Peyo, esixiron o 12% de todos os ingresos que Júzcar puidese recibir por usa-la marca “pitufa”. A cor azul da aldea non mudou pero desapareceron moitas estatuas e figuras e tiveron que sacar calquera referencia aos debuxos na promoción que se faga deste lugar.
O novo alcume de Júzcar é o de “Aldea Azul”. O lugar non parece vivir os seus mellores momentos, non hai moito que facer e algúns dos seus reclamos parecen deteriorarse. Algún bar e unhas poucas tendas axudan a entreter o visitante. Tamén unha tirolina que pasa por riba das casas. Non esperedes moito da visita a Juzcar pero resulta curiosa e agradable.
Nós temos a sorte de coincidir cunha procesión cunhas poucas imaxes e unha banda de música. O que máis nós chama a atención é o moderna que resulta a xuventude desta aldea perdida nas montañas.
SETENIL DE LAS BODEGAS
De Júzcar saímos cara á poboación de Setenil de las Bodegas, un lugar precioso xa pertencente á provincia de Cádiz que forma parte da “Ruta de los Pueblos Blancos”.
Setenil tamén aparece a miúdo na listaxe das aldeas máis bonitas de España. A razón é a súa localización no canón do río Trejo e o feito de que unha gran parte das súas vivendas estean cubertas polos saíntes de grandes rochas. A diferenza doutros habitáculos troglodíticos do sur de España, as rochas non foron escavadas polos seus poboadores senón que estes limitáronse a pechar con muros o que xa eran abrigos naturais.
Entramos en Setenil e atopamos unha morea de coches. É domingo e Semana Santa e medio Málaga e medio Cádiz deben estar aquí a pasa-la tarde. Comezamos a dar case por perdida a posibilidade de xantar en condicións ou incluso de xantar.
O noso instinto lévanos ata o novo aparcadoiro na parte baixa da vila, ao outro lado do río e moi preto da rúa Cabrerizas, a imaxe típica e máis fotografada de Setenil. As covas edificadas de Cabrerizas son das poucas desta vila que aínda manteñen o seu uso orixinal como vivendas.
Contrariamente ao que pensabamos, non só atopamos a rúa baleira senón que ademais conseguimos unha mesa na terraza do único restaurante aberto ese día: “El Bandolero”. Imaxinamos que se non había demanda era porque o restaurante debía ser caro ou ter unha carta deficiente, pero aínda así non queremos arriscarnos a quedar sen comer. De novo erro total, xa que xantamos excepcionalmente ben e por un prezo moi axustado.

Vistas dende o restaurante co aparcadoiro en primeiro plano e o outeiro coa igrexa e a fortaleza ao fondo
E por riba gozamos do feito de estar baixo un deses teitos de rocha e ollando cara a unha das melloras vistas do lugar. Ao fondo érguese a pena amurallada que acolle os restos da fortaleza medieval e da igrexa maior. Dende logo, El Bandolero resulta moi recomendable e toda unha sorpresa inesperada nun día coma hoxe.
Despois do xantar visitamos a vila pasando polas bonitas rúas de Cuevas del Sol, Cuevas de la Sombra, Calcetas e Plaza de Andalucía. Segundo imos subindo cara á parte da alta de Setenil aparecen as masas turísticas que enchen os coches que vimos ao chegar.
Rematamos na Torre da Homenaxe, o único resto que queda do alcázar almohade situado na parte máis elevada de Setenil. Dende o seu miradoiro obtemos a mellor panorámica posible desta vila.
RONDA
O noso día de visitas conclúe na pequena cidade de Ronda, nunha meseta a 740 m sobre o nivel do mar. Ronda é a capital da bisbarra da Serranía de Ronda e o segundo concello máis poboado da provincia de Málaga.
Ronda dá para moitas horas de visita ou incluso para máis dunha xornada. Pero o que nos trouxo até aquí é a súa imaxe máis típica: o profundo tallo escavado polo río Guadalevín ao que se asoman os edificios do seu centro histórico e a ponte (Puente Nuevo) milleiros de veces fotografada.
Despois de percorrer na súa totalidade a principal rúa peonil e comercial da cidade, a Carrera Espinal, comezamos a visita pola igrexa de Nosa Señora da Mercé e pola Plaza de Toros para seguir polo parque e miradoiros veciños á ponte.
Atravesamos a ponte Puente Nuevo, construída na segunda metade do século XVIII, para entrar no barrio antigo e chegar á praza Duquesa de Parcent que acolle a igrexa de Santa María A Maior, cunha curiosa fachada-galería, e a Casa do Concello. Dende a esquina do Santuario de María Auxiliadora collemos unha rúa costa abaixo ata a igrexa do Espíritu Santo.
Dende alí seguimos pola Calle del Prado e pola Carretera de los Molinos, que forman parte da Senda Asa de la Caldera-Los Molinos, para achegarnos á “Hoya del Tajo”. Esta paisaxe é a visión máis impresionante que poida haber de Ronda. O tallo e a ponte son igualmente impresionantes dende arriba como dende abaixo. Os cento vinte metros de altura que acadan as paredes verticais nalgúns treitos non deixan indiferente a ninguén.
Deixamos incompleta a visita a Ronda. Levamos todo o día sen parar e, ao fin e ao cabo, estamos de vacacións. Decidimos regresar ao noso aloxamento en Torremolinos e quedan para outra ocasión atractivos interesantes, entre eles varios palacios e os baños árabes.
Un imprescindible é a Casa del Rey Moro, realmente unha casa de estilo neomudexar de comezos do século XX. A casa está en reformas e non pode ser visitada. Pero a entrada dá acceso a un xardín mediterráneo e afrancesado en pronunciada pendente e con vistas estupendas do tallo e das montañas. Tamén permite coñecer unha complexa obra de enxeñería hidráulica do século XIV, unha mina de auga de época nazarí que aproveita unha fenda natural na parede do tallo pola que se descende a 60 metros de profundidade ata chegar ao leito do río.
DÍA 5 POLA COSTA DE MÁLAGA
Hoxe é o noso último día e decidimos facer unha excursión pola costa ao “exclusivo” Puerto Banús e á súa poboación veciña de Marbella para rematar pola tarde en Mijas-Pueblo.
PUERTO BANÚS
Realmente non me apetece moito esta visita. Puerto Banús é un porto deportivo de luxo levantado nos anos 70 do século pasado na saída de Marbella cara á San Pedro de Alcántara. Barcos de pracer de gran formato esaxeradamente caros e tendas de moda de grandes marcas internacionais. Por suposto, terrazas coa única finalidade de ver ou seren vistos. Nada que me faga sentir cómodo nin chame a miña atención.
Pasamos o tempo camiñando e nin sequera nos molestamos en sacar ningunha foto.
MARBELLA
Marbella aseméllase a Puerto Banús pero, ao mesmo tempo, marca unha gran distancia. Si, está a Marbella dos pelotazos inmobiliarios, a da mala sona do “reinado” de Jesús Gil, e a que segue o ronsel vaidoso de Puerto Banús.
Pero tamén hai unha Marbella que aínda preserva o seu pasado de pequena e típica poboación de Andalucia: branca, encalada, decorada con laranxeiras, buganvíleas e macetas azuis nas que agroman vistosos xeranios.
O cambio dunha a outra é brusco. A Marbella que paga a pena hai que descubrila deixando a N-340 e camiñando escasos metros cara ao norte. A Plaza de los Naranjos ateigada de terrazas e restaurantes é o seu punto neurálxico. Despois tan só hai que deixarse levar e pasar un par de horas deixándose engaiolar polo lugar. De seguro que hai moitísimas vilas máis interesantes na provincia de Málaga pero, sen dúbida, Marbella está entre as máis atractivas da súa costa.
MIJAS-PUEBLO
Situado a uns trinta quilómetros de Málaga capital é unha das poboacións máis bonitas da Costa do Sol. O feito de estar nun alto, na aba da serra do mesmo nome, determinou que conseguise fuxir da presión urbanística das vilas da costa. E ese foi o seu acerto, manterse e saber conservar o seu evidente carácter andaluz.
É verdade que hoxe vive de e para o turismo. Todos os visitantes que enchen os aloxamentos da costa fan nalgún momento unha escapada para sentir un anaco de Andalucía. Queda moi a man. E Mijas-Pueblo dá a impresión de ter vida propia malia os numerosos turistas que a patean cada día.
Mijas tamén é famosa polos burros-taxi que realizan paseos turísticos de corta duración polas súas rúas. O burro xa estaba aquí e era utilizado polos arrieiros locais para transportar pedras dende as canteiras ou peixe dende os portos de mar e logo distribuílos polas aldeas do interior. Son burros de raza autóctona andaluza, de maior tamaño que o habitual e acostumados a soportar altas temperaturas. O paseo dura entre quince e vinte minutos e o seu prezo é de 15 € para unha persoa ou 20 € para dúas. A saída realízase dende a praza a carón do único aparcadoiro de coches e a escasos metros da Oficina de Turismo.
Mijas-Pueblo pode ser visitada nun par de horas ou nun día enteiro. A oferta de tendas e restaurantes está á altura dun lugar acostumado a recibir moitos turistas. E un gran número de atractivos permiten facer a visita tan longa coma un desexe. Entre os puntos de interese atopamos a ermida-santuario da Virxe da Pena, patroa da vila, a praza de touros coa súa curiosa forma ovalada, os restos do seu castelo e das murallas árabes, e numerosas igrexas e miradoiros.
De regreso en Torremolinos, a súa oferta nocturna xa non ten nada que ver cos días anteriores. Hoxe é luns e a meirande parte do turismo nacional regresou aos seus lugares de orixe. A impresionante oferta de bares do complexo La Nogalera limítase a uns cuantos locais pechados ou baleiros. Temos a sensación de ser dos poucos a seguir de vacacións.
Ao día seguinte Antonio e mais eu regresaremos ás nosas respectivas cidades. Antonio teima en acompañarme ao aeroporto malia que o meu voo despega dúas horas antes co seu. Meu pobre, eu saio na hora programada pero o seu voo acumula atraso tras atraso e remata aterrando no Porto case medio día máis tarde da hora sinalada.
Este recorrido me ha hecho recordar mi escapada a Málaga, Ronda y Caminito del Rey , entre otros, de hace unos meses.
Me quedo con la información de los lugares pendientes de visitar. Me apetece mucho Setenil.
Espero impaciente el siguiente.
👻👻👻👻👻👻