Brasil – Do París dos trópicos ao Centro Xeodésico de América do Sur

O lendario Teatro de Manaus

Crocodilo (iacaré) no Pantanal Norte do Mato Grosso

Unha nova viaxe ao Brasil e, tamén de novo, por razóns profesionais. Como xa fixen noutras ocasións, aviso de que ninguén tome o meu percorrido como un itinerario a imitar (ou si). A miña intención é que cada un xulgue se o que conto deses lugares os fai ou non interesantes para incluílos nunha vindeira viaxe polo país.

Con esta son xa nove as miñas visitas ao Brasil; coido que dabondo para poder dar o meu parecer sobre este país. Opinións que veñen confirmándose viaxe tras viaxe pero que xa estaban aí dende un primeiro momento. Vaia por diante que teño a certeza de que todos aqueles fans e namorados do Brasil non van concordar comigo e que incluso van botar as mans á cabeza.

O caso é que…, confeso que o Brasil me vai resultando cada vez menos apetecible como destino turístico. E malia todos os seus atractivos! Cando outros darían botes de ledicia e sentiríanse ditosos, eu sempre penso “uff, outra vez ao Brasil!”.

Sei que é difícil convir cunha afirmación coma a miña que vai contra unha crenza firmemente asentada no ideario colectivo. É moita a xente que pensa que o Brasil é unha sorte de paraíso. Mesmo un bo lugar no que vivir. Pero eu tamén teño razóns dabondo para soster a miña visión sobre este país. E imos aló con elas…

É evidente que os recursos turísticos do Brasil son numerosos e que algúns deles acadan o primeiro nivel. PERO a maioría destes lugares quedan moi afastados uns dos outros. Para facer un itinerario cos destinos top do país hai que dedicarlle tempo e diñeiro. Tamén hai que ter en mente que hai grandes zonas que ofrecen moi limitadas visitas de interese. Se se quere coñecer ben o Brasil hai que contar con varias viaxes e non pouco diñeiro.

Brasil non é un país caro para os prezos estándar do noso país, PERO si resultan elevados para o valor real dos servizos que se van recibir a cambio. Moitos outros países ofrecen máis por tarifas inferiores ou semellantes.

Brasil parece non acabar de acostumarse a ser un destino turístico. A información é mala ou moi mala. As oficinas de turismo fan pouco máis que repartir folletos. E ás veces incluso non é doado conseguir un mapa digno da cidade a visitar. Tampouco se poden facer preguntas moi concretas por que o normal é que non haxa un resposta adecuada. Os hoteis parecen alleos á súa función como primeiro contacto entre o visitante e o destino e non ofrecen información axeitada. E a poboación local…, descoñece absolutamente a oferta do lugar no que está a vivir. En xeral, o visitante ten serias dificultades para acceder á información que lle permita coñecer un lugar en boas condicións e debe recorrer a miúdo a Internet.

A fama de Brasil como país divertido é totalmente inmerecida. Un bluff consecuencia de extrapolar as tan promocionadas imaxes do seu Carnaval e facelas extensivas ao resto do ano e a todo o país. Debemos lembrar que o Carnaval se celebra tan só uns poucos días ao ano. O habitual é que saíndo de São Paulo e Río de Xaneiro, incluso en megalópoles con millóns de habitantes, haxa unha noite cativa ou practicamente inexistente durante os días de semana. Poden funcionar as noites do sábado pero case sempre limitada a algunha rúa ou praza á que acoden xeralmente xente nova e de clase alta. Pero todo hai que dicilo: tamén é certo que hai moitísimos países máis aburridos có Brasil.

Por suposto, un país que cobre medio subcontinente ten moitas praias excepcionais. E sobre todo nas provincias do nordés. PERO aqueles coma eu que procuramos praias salvaxes e pouco concorridas sempre corremos un perigo de ser asaltados. En canto se sae das zonas masificadas hai que estar alerta. E aínda así. E as praias seguras son xeralmente concesións con mesas enriba da area e moito barullo.

Finalmente, síntome un tanto perdido coa división esaxerada das súas clases sociais, ricos e pobres enfrontados e con ameaza de violencia polo medio. Eu non quero ir a sitios exclusivos para adiñeirados exhibicionistas. Nin tampouco a aqueles onde a miña seguridade poida correr perigo. A miúdo cóstame saber os lugares adecuados aos que acudir para sentirme cómodo.

Con isto non quero disuadir a ninguén de visitar un país que tamén ofrece experiencias marabillosas. A miña reflexión quere unicamente pór cada cousa no seu lugar. Falamos dun bo destino turístico pero con algúns “peros” que o fan distanciarse dese paraíso que moitos españois e europeos teñen idealizado.

Dito isto, por suposto que hai que recoñecer que o Brasil ten unhas praias fantásticas, unhas vilas coloniais entre as mellores conservadas de América do Sur, algunha das marabillas da natureza mundial e unha poboación que se comporta en xeral dun xeito relaxado e cordial.

Rematando a miña reflexión e volvendo á viaxe obxecto deste post, comentar que o meu itinerario vaime levar pola cidade de Manaus no Estado de Amazonas, Cuiabá (Mato Grosso), Belo Horizonte (Minas Gerais) e polo distrito federal de Brasilia, a capital do país.

MANAUS

Aterrando en Manaus

Chego a Manaus totalmente derreado. Son case 16 horas dentro dun avión, e un total de 24 se incluímos as esperas nos aeroportos, dende que deixei a miña casa en Santiago de Compostela. E a esa canseira hai que engadir as seis horas de diferenza horaria con España. Aterro e vou directamente á cama.

Xa pola tarde aproveito para comezar a descubrir esta cidade de nome mítico. A capital do Estado de Amazonas, o de maior superficie do Brasil con tres veces o tamaño de España. O estado que acolle o bosque tropical meirande do mundo considerado como o principal pulmón verde da Terra (se é que non acaban de queimalo).

Unha cidade fundada polos portugueses a finais do S. XVII que acadou a súa máxima sona na época do “ciclo do caucho”, xa no último cuarto do século XIX, cando os europeos descobren o valor desta sustancia extraída do látex.

Foron as tribos indias locais as primeiras en darlle uso ao líquido extraído das seringueiras (hevea brasiliensis) ou árbores da borracha (nome portugués para designar o caucho). Un fluído que ao transformarse en sólido mantén as súas calidades elásticas e que permitiu fabricar novos produtos tan importantes nese momento como eran os pneumáticos.

O crecemento económico dirixido polos baróns da borracha foi tal que a cidade comezou a recibir o alcume de “París dos trópicos”. Os baróns, de orixe alemá e inglesa sobre todo, tiñan tal cantidade de beneficios que encheron a cidade de caros edificios de estilo europeo. O seu famoso exhibicionismo deu lugar a historias posiblemente esaxeradas como a de dar de beber champagne francés aos seus cabalos ou a de mandar lavar as súas roupas a Portugal por atopar insá a auga da cidade.

É posible que estas historias non sexan totalmente certas. Pero o que si é verdade é que a maioría dos arquitectos e das materias primas chegaban directamente do Vello Continente. E que as clases altas mandaban os seus fillos a estudar a Europa.

Nese tempo, a renda per capita de Manaus era moito máis elevada cá das outras cidades ricas do Brasil como São Paulo e Rio de Janeiro. Manaus era a orixe do 40% de todas as exportacións brasileiras. E a cidade aínda se xacta de ser a primeira universidade fundada neste país.

Pero como todas as historias, tiña unha cara escura. Os excesos dun capitalismo asoballante levou por diante os dereitos dos indios, como propietarios das terras, e os dos traballadores das explotacións de caucho. Segundo o escritor Wade Davis: “cada tonelada de caucho supoñía o asasinato de dez indios e outras centenas deles marcados de por vida por mor das súas feridas e amputacións”. Ademais, Manaus converteuse nun gran bordel ao que acudían prostitutas de todo o mundo.

Estado de abandono dalgunhas construcións coloniais

Todo ese fulgor pasou rapidamente, breve pero intenso. A cidade comezou a declinar corenta anos despois a medida que as plantacións de caucho xestionadas polos ingleses de Malaisia e Ceilán comezaron a ser máis produtivas cás brasileiras. O prezo pasou a ser pouco competitivo e Manaus iniciou a súa decadencia. Curiosamente, esas plantacións xurdiron coas sementes levadas polos ingleses dende o propio Amazonas.

Manaus e Amazonas tiveron unha segunda febre do caucho que só durou tres anos, entre 1942 e 1945. O tempo no que as zonas de produción asiáticas estiveron invadidas polos xaponeses durante a II Guerra Mundial.

Hoxe Manaus é unha urbe que supera os dous millóns de habitantes e que vive grazas ao seu polo industrial. Seiscentas compañías de alta tecnoloxía que fabrican neste recuncho do mundo grazas aos grandes beneficios fiscais dos que gozan. Moitas destas empresas son de capital asiático e, deste xeito, parecen querer devolver parte das ganancias conseguidas polas sementes do caucho.

Manaus é unha cidade decadente e moi deteriorada que aínda conserva algúns bos exemplos do seu apoxeo pasado. Os turistas somos poucos e unha gran parte dos que chegan ao aeroporto da cidade é para seguir camiño cara aos chamados “hoteis da floresta”, aloxamentos máis ou menos ecolóxicos dende os que dar paseos para interpretar a selva amazónica, cazar ou pescar.

Rúas de Manaus

A cidade ten amplas zonas sen interese

Posiblemente o gran atractivo de Manaus, xunto co seu teatro, sexa o “encontro das augas”. A cidade abeira o río Negro, un curso fluvial de 1.700 km e augas moi escuras por mor de ácidos liberados pola descomposición dos sedimentos orgánicos que arrastra. Pois é aquí, a escasos centos de metros do centro da cidade, que conflúen as augas do río Negro coas do rio Solimões, o nome que recibe o Amazonas neste parte do seu leito.

As augas escuras do río Negro e as arxilosas do río Solimões conviven en paralelo e sen apenas mesturarse río abaixo durante unha distancia de seis a dez quilómetros. A causa deste efecto é a diferenza de temperatura (o Solimões seis graos máis quente) e a densidade e velocidade das augas.

O encontro das augas dende o avión. Fotos cedidas polo meu compañeiro de viaxe Paco Vila

Un fenómeno natural senlleiro que pode ser visitado en pequenas barcas que saen do porto da cidade. Evidentemente, a curiosa separación das augas é moito máis visible dende as alturas e, sobre todo, aproveitando a engalaxe ou aterraxe dos avións. Por se acaso, é mellor reservar unha xanela no voo no que se chega ou se sae de Manaus e levar unha cámara fotográfica á man.

Manaus non impresiona a primeira vista, resulta bastante mediocre fóra dos seus puntos turísticos. Unha inmensa parte do centro da cidade e as novas urbanizacións das aforas non presentan interese algún.

E eu síntome tan canso da viaxe que, logo dun breve paseo, regreso de novo ao meu hotel.

Ao día seguinte comezo a visita polo seu principal reclamo turístico: o Teatro Amazonas, no Largo de São Sebastião. O Teatro Amazonas foi votado polos lectores da revista brasileira Caras no ano 2008 como unha das sete marabillas do Brasil.

Teatro Amazonas

Diferentes vistas do Largo de São Sebastião dende o teatro

O edificio foi inaugurado o 31 decembro de 1896, despois dunha ducia de anos en obras, e restaurado de novo en 1974. O teatro é a expresión máis significativa da riqueza dos baróns da borracha que deste xeito querían exhibir o seu poderío económico e, ao mesmo tempo, dotar a Manaus dun espazo cultural no que recibir as mellores propostas artísticas que estaban a xirar polo mundo.

Case todos os seus materiais foron importados de Europa: tellas vidradas de Alsacia, mármores italianos de Carrara, lámpadas de cristal de Murano e diversos elementos decorativos franceses. Tan só algunhas das madeiras utilizadas son orixinarias do Brasil.

A rechamante cúpula do teatro

Algúns elementos construtivos senlleiros son a planta do patio de butacas coa forma dunha lira e, sobre todo, a cúpula exterior formada por 36.000 azulexos en forma de escama de peixe. A cúpula é un elemento disonante que contrasta co estilo neo-renacentista do edificio. Pintada nas cores da bandeira do Brasil foi alcumada como “o papagaio” ou “a manteigueira”. Moi criticada, chegouse a pensar na súa demolición pero a súa aceptación foi un proceso progresivo ata converterse nun símbolo da cidade.

Patio de butacas con forma dunha lira

Teito do patio de butacas

Ensaio da ópera Mater Dolorosa

Chego con tempo de face-la visita guiada das 09:45 da mañá. A duración é dunha hora, o prezo de 20 reais ou escasos cinco euros e a lingua de comunicación única en portugués. Manaus está a celebrar o seu Festival da Ópera (abril-maio) pero os días das representacións non coinciden coa miña estadía. Unha mágoa que se ve lixeiramente compensada polo feito de poder asistir durante a visita aos ensaios da ópera Mater Dolorosa. Tamén entramos no Salão Nobre, o lugar no que socializar antes e despois dos eventos e a única parte do edificio que non foi modificada dende a súa construción.

Teito do Salón Nobre

Columnas do Salón Nobre

Antigo camerino da primeira figura trasladado como exhibición ao último andar do teatro

O meu paseo lévame por diante do veciño Palácio da Justiça, antiga sede xudicial do Estado do Amazonas reconvertida nun centro cultural que tamén acolle o Museo do Crime.

Pazo de Xustiza

Sigo cara ao río ata a Catedral Metropolitana de Nossa Senhora da Conceição, aberta ao culto no ano 1878. Resúltame máis estética a súa perspectiva nun pequeno outeiro sobre a praza que o seu interior un tanto eslamiado.

Catedral Metropolitana

Xa estou en pleno Centro Histórico, así con letras maiúsculas tal e como aparece nos sinais da maioría das cidades brasileiras. E tamén como en case todas elas, un centro antigo que presenta unha contorna descoidada convertida en refuxio das clases populares.

A medida que me movo pola cidade vou escoitando a miúdo xente falando castelán con acento das Américas. O seu aspecto deixa claro que non son turistas. Son venezolanos refuxiados fuxindo das malas condiciones que están a vivir no seu país. Quizais sexan os do fondo da escala social xa que Manaus é unha das poucas grandes cidades do continente a onde poder chegar sen ter que pagar un caro billete de avión. Vexo moitos venezolanos tentando sacar cartos da venda ambulante ou vivindo das esmolas que reciben na rúa.

Achégome ata a Praça Dom Pedro II na que levanta a súa fachada o Palácio da Liberdade (1879), a sede do antigo goberno municipal reconvertida no Museo da Cidade. Ao seu carón outro edificio nobre: o Palácio Rio Branco, de comezos do século XX. E por detrás do museo a coñecida como “primeira rua de Manaus” . Realmente a rúa Bernardo Ramos, un pequeno treito con algunhas casas de estilo colonial en bo estado e outras en franca decadencia que aparece nos folletos de turismo como unha das rúas mellor conservadas da cidade (?).

Praça Dom Pedro II. Á esquerda fachada do Palácio Rio Branco

Palácio da Liberdade e Museu da Cidade

Casas na “Primeira Rua de Manaus”

Non moi afastada da praza aparece a terminal portuaria dende onde saen os barcos que comunican Manaus coas cidades situadas na beira do río Amazonas e dos seus afluentes. Nos arredores da terminal numerosísimos comerciais de pasaxes de barco estenden as súas mesas e cadeiras con grandes carteis nos que se poden ver as fotografías dos barcos. Non teño intención de comprar nada pero dá a impresión de que os billetes hai que remaquialos con insistencia.

Porto de Manaus

Polo camiño atraveso por barrios moi deteriorados onde xa desapareceron unha gran parte dos edificios históricos ou onde están a piques de facelo. Tamén unha pequena zona de prostitución feminina.

Escenas do barrio portuario

Remato a visita no Mercado Municipal Adolpho Lisboa, inaugurado en 1883 en estilo Art Noveau. Seica a súa fonte de inspiración foi o mercado Les Halles de París e a Galleria Vittorio Emanuele II de Milán. É como unha xoia en perfecto estado de conservación dentro dun barrio moi popular. Presenta dúas frontes con estilos construtivos completamente diferentes, destacando a fachada de ferro que dá ao Rio Negro. A construción dunha orla ou avenida marítima na década dos 90 do século pasado afastou o mercado do mar ao que antes daba directamente.

As reformas do ano 2006 deixaron o edificio como novo. Pero este perdeu a súa antiga función como mercado por quedarse moi limitado para as necesidades de Manaus. Agora apenas conserva unha pequena sección para a venda de peixe fresco e seco.

Hoxe é un punto de encontro e un lugar inevitable para os turistas onde comprar artesanías indíxenas, souvenirs e herbas medicinais, incluído o pó coñecido como viagra natural. Tamén restaurantes populares onde probar os peixes que chegan directamente do río. En definitiva, un lugar animado no que pasar un tempo.

Diversas imaxes das dúas fachadas e do interior do mercado

A continuación do mercado veñen unha serie de edificios de escaso interese arquitectónico pero con moito movemento de persoas: a Feira Municipal Manaus Moderna e a súa oferta de todo tipo de produtos frescos (din que supera as 5.000 clases de peixe) e a Feira da Banana cuxa oferta xira maioritariamente ao arredor desta froita.

Remato a visita á hora do xantar de novo no Largo de São Sebastião, fronte ao teatro. Esta praza é coñecida polo seu pavimento de ondas brancas e negras que fan lembrar o paseo da praia de Copacabana en Rio de Janeiro. Os manauaras (así é o xentilicio da xente de Manaus) aseguran que o que realmente simboliza é o encontro das augas do río Negro e do Solimões.

Nesta praza abre as súas portas un dos mellores restaurantes da cidade: o Tambaqui de Banda. Aquí aproveitamos para saborear o rico peixe de río tambaqui, tamén coñecido como pacu vermelho. Exquisito na súa versión á grella. Tamén encargamos unha sopa tacacá, un caldo lixeiro de orixe indíxena con goma mandioca. Esta especialidade do norte do Brasil ten reputación de adormecer lixeiramente a boca do comensal. Eu, sinceramente, non sentín nada.

Tambaqui á grella

Sopa tacacá no restaurante Tambaqui de Banda

Ao día seguinte teño un momento libre para visitar o Museo do Seringal, acaso o museo coa proposta máis consecuente coa cidade na que me atopo. Visitar o museo leva case medio día xa que dende o centro histórico hai que pagar unha carreira de taxi de entre 40 a 50 reais ata o pequeno porto Marina de Davi. Despois de deixar atrás a praia urbana de Ponta Negra chegamos a un pequeno peirao fluvial dende onde saen as lanchas rápidas que van deixando pasaxeiros ao longo do río.

Unha das paraxes é o Museo do Seringal. Contade con catorce reais por cada traxecto en barca máis outros dez reais pola entrada. O museo é a antiga vivenda dun barón da borracha na que a familia pasaba tan só uns poucos días ao ano. A clase adiñeirada prefería vivir permanentemente nas súas grandes e confortables mansións de estilo europeo no centro de Manaus.

No peirao da Marina de Davi

O nome ven do seringal ou facenda para explotación do caucho. A súa decoración e ambientación non é exactamente a orixinaria, máis ben correspóndese co descrito no libro “A Selva” (tamén un filme) do portugués Ferreira de Castro. O escritor viviu neste seringal ata que tivo que escapar por sentirse ameazado como consecuencia da relación adúltera que levaba coa muller do barón.

A visita dura aproximadamente unha hora e permite evidenciar as grandes diferencias sociais e económicas entre os señores e os seringueiros, aquela man de obra que procedía maioritariamente do pobre nordés brasileiro.

Os mobles, as roupas e a decoración da casa principal chegaban de Europa. Incluso os alimentos e a auga de beber. Mentres tanto os seringueiros moraban en cabanas palafíticas e sen paredes que se levantaban en zonas insalubres onde adoitaban morrer por mor da malaria ou dos ataques de animais salvaxes.

A riqueza dos baróns chegoulles tanto polo alto valor económico que acadou o caucho como pola explotación escravista que se facía dos traballadores. Estes eran enganados con luxuriosas festas de captación celebradas no nordés do país nas que corría o alcohol gratuíto e nas que se facían grandes e óptimas promesas sobre as condicións laborais de Manaus. Unha vez no seringal, os seringueiros debían pagar importante cantidades pola súa manutención e polas propias ferramentas para traballar.

Casa do barón no Museu do Seringal

A tenda

Cabanas dos seringueiros

Extración do látex

Exterior e interior da capela

Estaba argallado de tal xeito que a débeda económica dos seringueiros co patrón non era case nunca satisfeita e moitos deles morrían pobres e en soidade. E, evidentemente, o alcohol estaba prohibido. Non tiñan dereito a ningunha clase de diversión e a súa única función era producir e producir para incrementa-la conta do barón.

Xa de volta na cidade, acudo de novo ao Mercado Municipal para un xantar profesional. Nesta ocasión teño a oportunidade de experimentar novos sabores coa chamada sardiña de río, moito máis suave de sabor cá súa irmá mariña, o peixe pacu, que resulta un pouco graxo, e o peixe matrinxã que, preparado á grella e enchido de tomate e banana, resulta unha exquisitez.

Como parte do meu traballo, son invitado a un paseo en barca ata o famoso encontro das augas. Corenta e cinco minutos entre a ida e volta que me permiten testemuñar que estiven aló. Pero hoxe o ceo está cuberto e agrisado e o río batido con moitas ondas. A divisoria das augas non se percibe con claridade suficiente. Quizais cun barco máis alto… Finalmente conseguirei velo moito mellor dende o avión engalando cara a Cuiabá.

Botando gasolina no camiño do encontro das augas

Encontro das augas pouco visible dende a barca

Evidentemente, eu non tiven que pagar nada polo paseo. Para deixar unha cantidade de referencia neste post consulto aos meus colegas locais. Fálanme dun prezo arredor dos 100 reais ou 23 euros ao cambio. Pero xa me advirten de que hai que regatear duro xa que os barqueiros acostuman pedir aos turistas dúas ou tres veces o seu valor real.

Remato o día no Palácio do Rio Negro, a antiga vivenda do barón do caucho alemán Karl Waldemar Schulz. O edificio é impresionante e testemuña o nivel de sofisticación que chegou acadar esta cidade. O palacio é agora un centro cultural con acceso gratuíto.

Palácio do Rio Negro

Ao día seguinte, cedo pola mañá, deixo Manaus. O meu sabor é agridoce, o dun pasado cruel pero de resultados urbanísticos excepcionais. O dunha decadencia acelerada nun curto período de tempo.

Deixo para unha próxima visita algúns interesantes museos e as praias urbanas. Tamén parques como O Bosque da Ciência e a súa pasarela de madeira por riba das árbores. E quero regresar con tempo dabondo para viaxar polo río nalgúns deses barcos que vin no porto de Manaus. Tempo para coñecer a Amazonía antes de que unha humanidade pouco comprometida e un gobernante descerebrado a faga desaparecer.

CUIABÁ

A primeira hora da mañá estou no aeroporto de Manaus para coller o meu voo a Cuiabá, a capital do Estado de Mato Grosso. Viaxo coa compañía Azul, a mellor en servizo do Brasil xa que neste momento vén de desaparecer a filial brasileira da aeroliña colombiana Avianca.

Resulta estraño pero non hai conexións aéreas directas entre Manaus e Cuiabá malia seren as capitais respectivamente do primeiro e do terceiro estado do Brasil por superficie e de rexións veciñas que comparten límites administrativos.

Paso unha hora e media dentro do avión ata aterrar na cidade de Porto Velho, capital do Estado de Rondônia. Aquí mudo de avión e teño dúas horas por diante ata Cuiabá. Así son as distancias no Brasil.

Aterrando en Cuiabá

A que foi a primeira cidade fundada no oeste brasileiro xurdiu por mor do descubrimento de grandes cantidades de ouro a comezos do século XVIII. O apreciado metal esgotouse aos poucos anos e Cuiabá entrou nunha decadencia que non foi superada ata a década dos sesenta xa no século XX. Hoxe é unha gran cidade de máis de 600.000 habitantes pero con moi poucas testemuñas do seu pasado.

Centro de Cuiabá

Os brasileiros usan o alcume de “Cuiabrasa” no lugar de Cuiabá. Se Manaus é coñecida como “a sauna do Brasil”, o de Cuiabá xa non ten nome. A capital bate todos os récords, calquera mes do ano pode acadar máximas que van dos 37º aos 43º. As altas temperaturas combinadas cunha humidade insoportable fai que a sensación térmica poida chegar ata os 50 graos.

De feito, o slogan turístico da cidade para este 2019 é “Cuiabá Calorosa”, xogando co dobre sentido que tamén fai referencia á boa acollida coa que se recibe aos visitantes. A pesar das boas intencións das autoridades turísticas e a ser a capital dun estado de nome tan suxerinte como Mato Grosso, a realidade é que Cuiabá resulta unha decepción. Unha cidade que non está no seu mellor momento.

Unha urbe relativamente nova que destruíu gran parte do seu legado, un centro histórico descoidado e unha dispersión urbanística excesiva para o seu número de habitantes que a fai incómoda. Tamén se evidencia que a cidade non recibe nin o mimo dos seus gobernantes nin o dos seus cidadáns.

Vías do tren lixeiro entre o aeroporto e o centro da cidade

Hai casos vergoñentos como o do tren lixeiro construído para unir a terminal do aeroporto e o centro da cidade durante a celebración do Mundial de Fútbol do ano 2014. Como quen di foi antonte. Pasaron tan só cinco anos e a liña xa non está operativa e unha gran parte dos seus vinte e dous quilómetros de vías foron desmantelados. E con ela 1.400 millóns de reais tirados no lixo. Seica o gobernador do Estado rematou na cadea ante un roubo tan manifesto pero xa está de novo na rúa e libre.

Outro caso é a chamada orla do porto (ou paseo fluvial) mellorada hai uns poucos anos e que xa presenta un estado de mantemento pésimo. Os seus dous principais reclamos, o Museu do Rio e o Acuario, teñen aspecto de levar pechados un tempo e non se ven visos dunha nova apertura.

Acuario

Museu do Rio

De novo no centro, tamén atopo pechado o Museu do Mato Grosso, na mesma praza da catedral. Polo que respecta ao edificio catedralicio, rematado no ano 1970, é unha construción de escaso valor estético e arquitectónico. Esta é a terceira catedral que se levanta dende o século XVIII e parece que non é a mellor versión delas.

Catedral de Cuiabá

Palacio da Instrución a carón da Catedral. Praza da República

A visita dos lugares con relativo interese da cidade comeza na igrexa do Rosário e de São Benedito, un templo pequeno e sinxelo construído no ano 1730 e moi preto das minas de ouro que causaron a fundación de Cuiabá. Curiosamente, a igrexa está ao mesmo tempo baixo a advocación de Nosa Señora do Rosario e de San Benedito. Seica é máis interesante o seu interior barroco có exterior, pero as portas están pechadas e non hai letreiro cos horarios de visita.

Igrexa do Rosário e de São Benedito

Vista da cidade dende a igrexa do Rosário e de São Benedito. Centro Histórico en primeiro plano e edificio da Catedral ao fondo

Santuario de Nossa Senhora do Bom Despacho

Outro templo pechado é o Santuario de Nossa Senhora do Bom Despacho. Din da súa fachada que fai lembrar á de Notre-Dame de París. Pero deben ser afirmacións daquela xente que nunca estivo en París. A carón da fachada principal da igrexa está o Museu de Arte Sacra.

O que si consigo ver é o Museu do Morro da Caixa d´Agua Velha, un antigo deposito que abasteceu de auga a toda a cidade durante 142 anos. Reconvertido en espazo expositivo resulta máis vistosa a súa arquitectura interior que a propia exposición. Desta resulta interesante as fotos en branco e negro que mostran a beleza que aínda conservaba a cidade a comezos do século XX.

Interior do Museu do Morro da Caixa d´Agua Velha

Palacio da Instrución e anterior Catedral de Cuiabá

Cuiabá a comezos do século XX. Unha mágoa!

A unhas poucas rúas do museo anterior está o Centro Geodésico da América do Sul, un monumento, unha agulla que marca o centro do subcontinente. A agulla vén sendo o novo símbolo de Cuiabá.

Casa do Concello e Centro Xeodésico de América do Sur

Remato de novo na praza da Catedral dende para coller a rúa que me leva ata o centro histórico. Malia ser pequeno, con só unhas poucas rúas que visitar e estar algo descoidado, o Centro Histórico consegue facer Cuiabá máis crible como cidade.

Centro Histórico de Cuiabá

Remato a miña visita dirixíndome ao bonito e ben coidado edificio do Arsenal. Reconfórtame atopar algo mantido en boas condicións a pesar de que no día da miña visita tan só atopo aberto o triste Centro de Artesanía e o agradable restaurante do seu patio central. Aproveito para xantar cun nivel aceptable de prezo e comida.

Edificio do Arsenal

O meu último día en Cuiabá unicamente teño tempo libre á hora do xantar. Con ese fin quedo cuns amigos no barrio de São Gonçalo Beira Rio. Bastante afastado do centro, é un referente da fin de semana para comer nalgún dos seus rústicos e sinxelos restaurantes á beira do río. Hoxe é martes e a maioría deles permanecen pechados. Os que están abertos teñen poucos comensais e o lugar resulta aburrido, sen que pague a pena pagar un taxi para chegar ata aquí.

São Gonçalo Beira Rio

Se falamos da noite e da diversión, Cuiabá anda escasa de lugares aos que acudir. As dúas referencias como puntos de encontro son a Praça da Mandioca e a Praça Popular. Achegámonos á Praça da Mandioca na noite de luns e soamente hai un bar aberto que ten contadas persoas como clientes. Parece que Praça Popular ofrece locais mellor preparados e ten unha chisca de animación incluso nas noites da semana.

Durante os días que paso en Cuiabá teño a impresión de que son poucos os turistas que pasean pola cidade, incluso os de orixe brasileira. E moitos do que chegan é para seguir camiño cara ao Parque Nacional Chapada dos Guimarães ou cara ao Pantanal Norte do Mato Grosso.

PARQUE NACIONAL DO PANTANAL MATOGROSSENSE

Como aterro en sábado proveniente de Manaus, aproveito o domingo para coñecer o Pantanal Norte do Mato Grosso. Visita-lo Parque Nacional Chapada dos Guimarães é unha chisca complicado e déixoo na recámara para cando regrese por aquí e veña con máis tempo. Pola contra, visitar o Pantanal é doado, non se precisa viaxar organizado nin contar cun guía nin cos servizos dunha axencia de viaxes.

O Pantanal é un ecosistema que se corresponde cunha zona inundable durante a época de crecida das augas, “a cheia”. É a meirande zona húmida do mundo cunha superficie como case a metade da España continental. Esténdese polo sur do Estado de Mato Grosso e polo noroeste do Estado de Mato Grosso do Sul no Brasil, ademais de polo leste de Bolivia e polo norte de Paraguai, países onde recibe o nome de “chaco”. Está declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Alugo un coche como noutras ocasións coa compañía brasileira Movida. O servizo é realmente bo e as tarifas xeitosas. A operativa de empresa obriga a levar o vehículo reservado a través da súa web xa que as súas oficinas están unicamente para o papelame previo e posterior ao alugamento do coche. Pago 41 euros ao cambio por un vehículo Duster con todos os seguros incluídos e unha franquía mínima en caso de accidente.

www.movida.com.br/

O meu Duster nunha ponte do Pantanal

A mellor forma de coñece-lo Pantanal é percorrendo o treito rematado da estrada que prevía unir as cidades de Cuiabá e Curumba, esta última no Estado de Mato Grosso do Sul. Hoxe é tan só posible cubrir o tramo que vai de Cuiabá a Porto Jofre, moito máis ao norte do lugar previsto. Pero a parte que realmente interesa aos visitantes e a que recibe o nome de estrada transpantaneira e que empeza despois da cidade de Poconé. Atención! Entre Poconé e Porto Jofre non hai ningunha gasolineira. Levar gasolina suficiente para chegar a Porto Jofre.

Saio pola mañá cedo cara a Poconé, a cen quilómetros por estrada asfaltada ao sur de Cuiabá. A paisaxe do camiño non resulta especialmente interesante. Dous quilómetros despois de deixar Poconé, comeza unha vía sen asfaltar de ida e volta que conduce ata a cidade de Porto Jofre, a 145 quilómetros de distancia. Esta mesma estrada é a que me leva ata a entrada do Parque Nacional, uns poucos quilómetros máis aló. Franqueo a entrada sen ningún control nin ter que pagar entrada.

Entrando no Parque Nacional

Monumento a San Francisco como Padroeiro da Ecoloxía. Estrada transpantaneira

Xa estou na transpantaneira e teño por diante unha ruta de puro deleite sensorial na que vou entrar en contacto coa fauna salvaxe do Pantanal. Non hai que saír do camiño marcado para ver toda clase de animais, sobre todo crocodilos (iacarés), capibaras, veados, garzas, e tuyuyús, as cegoñas de maior tamaño de América.

O meu primeiro iacaré aparece no medio do camiño a escasos centos de metros da entrada do Parque. Recibo unha primeira descarga de adrenalina que se acentúa despois do meu encontro cunha familia de capibaras. Podería baixar do coche e toca-los animais con precaución se non fose que se van afastando a media que eu me achego.

Iacaré no camiño

Familia de capibaras

Percorro tan só os primeiros 62 km de vía non asfaltada ata o Hotel Pantanal Mato Grosso, situado no km 48 da estrada transpantaneira e á beira do río Pixaim. De camiño, vexo uns poucos lugares onde xantar aínda que a súa oferta non é sempre evidente e hai que estar moi atento aos letreiros.

https://hotelmt.com.br/pantanal-mato-grosso-hotel/

A comida do hotel non é gran cousa pero este establecemento ofrece paseos a cabalo e en barca que serven coma un complemento perfecto á miña condución pola estrada transpantaneira. Apenas hai comensais e o único paseo programado en barca para o día resulta demasiado tarde para volver a tempo a Cuiabá. O solpor chega cedo nestas latitudes e non quero que me colla dentro do Parque.

Resulta estraño a falla de demanda tendo en conta que hoxe é domingo e que maio é o mellor momento para visita-lo Parque. Maio é o mes no que as augas comezan a baixar, as vías son totalmente transitables e a vida animal está no seu máximo apoxeo. Os que vaian viaxar na tempada de choivas, de outubro a marzo, deben consultar o estado das estradas dentro do Parque.

Decido negociar co responsable do  hotel e pago 50 reais, uns vinte euros, por unha barca para min só para dar un paseo dunha hora. De regreso ao hotel, penso que non houbo diñeiro mellor gastado nesta viaxe. O paseo transcorre por paisaxes preciosas e faime sentir moi próximo á vida salvaxe do lugar. Vexo máis yacarés, monos e unha chea de aves diferentes. Tamén as cegoñas xigantes que me agasallan co seu impresionante voo.

Hotel Pantanal Mato Grosso

A miña barca nun lateral do Hotel Pantanal Mato Grosso

Capibara no río

Excursión en barca dende o Hotel Pantanal Mato Grosso

Iacaré no Pantanal

Cegoñas xiganes e yacaré

Conducir pola transpantaneira é todo un luxo e poder facelo ao meu aire e sen apenas visitantes, pois moito máis. Fago o meu camiño de ida e volta practicamente só.

A estrada está sendo mellorada rapidamente e moitas das súas 125 pontes están sendo substituídas por outras de formigón máis altas e non inundables. Mellor levar un coche alto para non bater ao subir e baixar as pontes novas.

Capibaras á saída do Parque Nacional

Xa de regreso, a piques de saír dos límites do Parque Nacional, atopo a familias e cuadrillas de amigos de Poconé que están a pasa-la tarde de domingo no Pantanal. Quedo abraiado por velos pescando metidos na auga sen medo aos yacarés e as pirañas que nadan nestas augas. Algúns incluso están bañándose como se non houbese ningún perigo!

Deixo Cuiabá con desexos de regresar ao Pantanal e pasar máis tempo nesta especie de paraíso. Pero tamén con poucas ganas de perde-lo tempo na mediocre Cuiabá. Para saber máis sobre a segunda parte da viaxe consultar o link De Niemeyer e da pegada colonial.

3 comentarios en “Brasil – Do París dos trópicos ao Centro Xeodésico de América do Sur

  1. Pingback: Brasil – De Niemeyer e da pegada colonial | Cidadán do Mundo, pero galego

  2. Impresionante el teatro de Mansos y curioso el encuentro de las aguas de distintos colores.
    Pendiente de disfrutar con Myanmar.

    • Hola Rosi, Myanmar sigue siendo un paía maravilloso y muy fotográfico. Aún tardaré unos días en publicarlo pero seguro que te va a encantar. Abrazos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.