Visitar o link Brasil – Do París dos trópicos ao Centro Xeodésico de América do Sur para coñecer a primeira parte desta viaxe.
BRASILIA
Despois de pasar uns días no Estado de Amazonas e no de Mato Grosso, sigo o meu itinerario ata a cidade de Brasilia, a capital do país e a sede do goberno do Distrito Federal. O Distrito Federal é a división administrativa de menor superficie do Brasil e o único dos seus vinte e sete territorios que non recibe o nome de estado.
Seica foi o estadista portugués Marqués de Pombal o primeiro en manifestar no século XVIII a necesidade de establecer a capital administrativa da colonia do Brasil nalgún punto do interior afastado da costa atlántica. Logo, a idea foi recollida na Constitución Republicana de finais do século XIX. E o nome “Brasilia” xa fora suxerido polo líder nacionalista José Bonifácio no ano 1821.
A nova capital comezou a levantarse en 1956 coa intención de, por unha parte, axudar a poboar o interior do país e, por outra, distanciarse conceptualmente de Salvador e do Río de Xaneiro como as dúas capitais anteriores vinculadas ao poder colonial de Portugal.
Brasilia foi, ao igual que outras contadas cidades no mundo, pensada e planificada para ser a capital dun país. A nova urbe tan só demorou tres anos e medio en ser inaugurada e a partir desa data comezou a recibir os principais organismos dos tres poderes do goberno brasileiro.
É a única cidade do século XX que goza da declaración pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. Unha auténtica excepción xa que este organismo esixe un mínimo de cen anos de antigüidade. Pero a Unesco entendeu que neste caso si pagaba a pena por se-la primeira cidade construída no s. XX para ser capital nacional e tamén polos valores arquitectónicos das súas novas construcións.
Lúcio Costa foi o gañador do concurso para o proxecto urbanístico. O seu plano da cidade estivo inspirado na forma dunha cruz latina, aínda que a maioría da xente o compara coa silueta dun avión. O proxecto consistiu nun Eixo Viario (as ás do avión) e nun Eixo Monumental (a fuselaxe do aparello). A man de obra estivo formada principalmente por traballadores que chegaron das empobrecidas rexións do nordés brasileiro.
O deseño dos edificios importantes do Eixo Monumental foi encargado ao famoso arquitecto brasileiro Oscar Niemeyer, grande admirador de Le Corbusier e explorador das calidades do formigón armado como elemento construtivo.
O Eixo Viario son áreas nas que predomina o uso residencial e comercial, pero con lugar tamén para o ensino e o lecer. A fuselaxe ou Eixo Monumental é unha grande avenida moi ampla cunha ampla zona central verde franqueada polos edificios dos ministerios e por outros edificios representativos do poder e da cultura do país.
Coido que con estas explicacións queda claro que Brasilia é moi diferente a moitas outras cidades. Sobre todo se a comparamos coa típica configuración urbanística das cidades mediterráneas. O mesmo Niemeyer dixo “Se un vai a Brasilia pode que non lle guste e dicir que hai cousas mellores, pero ningunha parecida”.
Aquí as avenidas son case autoestradas sen apenas semáforos e, nalgúns casos, sen beirarrúas para poder pasear. As rúas non teñen nome e veñen identificadas por unha serie de siglas que fan referencia á función do sector da cidade no que se atopa. Entender os enderezos de Brasilia é complicado para o que chega á cidade por primeira vez.
Se ollamos o mapa dende arriba vémolo dividido en sectores, cada un cunha función diferente: a comercial, a hoteleira, a financeira,… Os sectores acostuman estar especializados e non adoitan mesturar as súas funcións.
O seu deseño aínda xera controversias e son moitos os críticos que falan dunha cidade sen esquinas e sen alma. Sen eses recunchos urbanísticos que fan que un se sinta a gusto no medio de tanto edificio e tanto cemento.
Polo que respecta á miña viaxe, eu chego de Cuiabá nun voo directo da compañía Latam que demora algo máis de noventa minutos. O horario de Brasilia vai unha hora por diante con respecto ao de Manaus e Cuiabá.
O meu aloxamento é o Hotel Meliá Brasil 21 no Sector Hoteleiro Sur. Realmente é un complexo de establecementos de diferente categoría arredor dun centro de eventos, dun centro cultural e dun centro empresarial. A súa situación é perfecta por estar moi próximo ao Eixo Monumental e ao Parque da Cidade.
Unha visita básica de Brasilia pode facerse en só medio día ou estenderse ata un máximo dun par de xornadas. Tampouco dá para moito máis. Eu comezo pola Torre da Televisión, pechada por obras, e vou baixando polo Eixo Monumental en dirección ao Lago Paranoá, un lago artificial de 48 km² creado ao mesmo tempo cá cidade.
No meu paseo deixo á esquerda a primeira obra rematada do arquitecto Oscar Niemeyer na cidade: o Teatro Nacional Cláudio Santoro, tamén chamado Teatro Nacional de Brasilia. O seu aspecto é o dunha pirámide truncada ou dun casco de barco dado a volta.
O lateral do edificio que dá á avenida está revestido por un panel de bloques de cemento que está considerado como a maior obra de arte integrada nun edificio do Brasil. O teatro está pechado no día da miña visita. Pregunto a razón e fálanme de problemas de mantemento e incluso de falla de seguridade na contorna do edificio.
Fronte ao teatro, pero na outra marxe da avenida, está o Complexo Cultural da República con outras dúas obras de Niemeyer: a Biblioteca Nacional de Brasília Leonel de Moura Brizola e o Museo da República. Os planes do goberno pasan por que este complexo conte nun futuro con novos edificios como a Ópera e outros destinados a representacións, concertos e exposicións ligadas ao mundo da arte.
A biblioteca foi inaugurada no ano 2006 e inaugurada de novo no 2008. Foron precisos dous anos para solucionar todos os inconvenientes de funcionamento que atoparon na primeira inauguración.
O Museo da República, tamén coñecido como Museu Nacional Honestino Guimarães ou simplemente Museu Nacional, chama enseguida a miña atención. É unha media esfera branca que asoma sobre unha planicie de cemento gris cunha pasarela exterior que fai lembrar o anel do planeta Saturno. A súa forma rotunda convértea deseguido no meu edificio preferido de Niemeyer nesta cidade. Foi levantado ao mesmo tempo cá biblioteca, hai apenas trece anos.
O interior diáfano acolle a exposición “O ritmo do espaço”, un repaso das creacións do artista brasileiro de orixe xaponesa Yutaka Toyota. Por certo, marabillosa e gratuíta!
A continuación do museo vén a que é posiblemente a obra máis coñecida de Niemeyer en Brasilia: a Catedral Metropolitana de Nossa Senhora Aparecida. Malia non ser rematada ata o ano 1970, a súa primeira pedra foi colocada no ano 1958 e, dese xeito, figura como o primeiro monumento da cidade en comezar a ser construído. Cunha planta circular de 70 metros de diámetro e unha altura de 40 metros, pode acoller ate 4.000 persoas.
O seu aspecto orixinal non se correspondía co actual. Daquela os dezaseis tirantes da cúpula mantiñan a cor propia do formigón. E os 2.000 m² de vidreiras eran incoloras para deixar pasar a luz facilmente. Foi cando a artista Marianne Peretti deseñou as novas vidreiras de cores que lle pediu ao seu amigo Niemeyer de pintar a cara interior dos tirantes de branco para conseguir que estas destacaran máis. Visto o resultado polo arquitecto, este decidiu face-lo acabado branco extensivo á cara exterior dos tirantes.
Dentro do templo, un síntese pequeno ante o espectáculo das vidreiras. Sorprendentes sobre todo en días de moita luz. Hai tres grandes figuras de anxos de bronce que colgan do teito cun peso que vai dos cen aos trescentos quilos. A entrada á catedral é gratuíta.
No exterior destacan as catro figuras de bronce dos evanxelistas que franquean a entrada soterrada á catedral. Tamén chama a atención o orixinal campanario con catro campás fundidas en Miranda de Ebro, agasallo de españois residentes en Brasilia. Tres delas reciben os nomes de A Pinta, A Niña e A Santa María.
O treito de avenida entre a Catedral e o Palacio do Congreso Nacional está franqueado por unha sucesión de edificios iguais que acollen os diferentes ministerios do país. A vida de rúa que aportan os funcionarios que baixan a xantar nos postos de comida fai esquecer por un momento a excesiva sobriedade e uniformidade do lugar.
Seguindo camiño cara ao lago paso polo Palacio de Itanaraty ou Palacio dos Arcos, obra de Niemeyer para acoller o Ministerio de Relacións Exteriores. A escasos metros chego a outra das obras emblemáticas e máis coñecidas do arquitecto brasileiro: o Palacio do Congreso Nacional.
O seu aspecto exterior é o dun xogo de volumes onde a cúpula aloxa o Senado Federal e a cúpula invertida a Cámara de Deputados. As torres teñen 28 andares e foron os edificios máis altos propostos no proxecto urbanístico para Brasilia.
A súa inauguración, o 21 de abril de 1960, marcou o comezo da transferencia da capital do país do Rio de Janeiro a Brasilia. A visita aos edificios pode realizarse os luns, xoves e venres. É gratuíta pero o acceso está prohibido a aquelas persoas que vistan pantalóns curtos (coma min).
De ter tempo dabondo é aconsellable seguir ata a Praza dos Tres Poderes, situada xusto detrás do Palacio do Congreso Nacional. Aquí, o Palacio do Planalto acolle a sede do Goberno. Por suposto, este edificio tamén é creación de Oscar Niemeyer.
Remato a miña visita fóra do Eixo Monumental. No Santuario Don Bosco, a igrexa do colexio dos Salesianos. Malia que podería parecer obra de Niemeyer, a súa autoría corresponde ao arquitecto Carlos Alberto Naves. O senlleiro da construción son as súas inmensas vidreiras nas que domina a cor azul. No ano 2008 foi escollido coma unha das Sete Marabillas de Brasilia. Paga a pena dar un paseo ata aquí.
PIRENÓPOLIS
En Brasilia dispoño de tres días libres que me van permitir unha escapada de ida e volta no día á vila colonial de Pirenópolis, así como unha excursión de fin de semana ao Parque Nacional da Chapada dos Veadeiros. Ambos lugares situados no veciño Estado de Goiás.
Alugo o meu coche como xa vén sendo habitual coa empresa brasileira Movida e en dúas horas entro en Pirenópolis. A estrada está en bastante bo estado e a paisaxe resulta agradable.
O nome Pirenópolis deriva de “cidade dos Pireneus”, en referencia á serra do mesmo nome que rodea esta poboación. Segundo a tradición, o nome vén dado pola semellanza desta serra cos Pirineos franco-españois. Eu non vexo para nada a similitude pero este debeu ser o criterio dos inmigrantes, posiblemente de orixe catalá, que viviron en Pirenópolis.
Fundada no ano 1727, hoxe é unha preciosa vila colonial que serve de escapada para as clases adiñeiradas das cidades de Brasilia e Goiania. Aínda non tendo edificios sobranceiros, o seu conxunto harmónico fainos viaxar ata un par de séculos atrás.
Comparada coa Cidade Velha, no mesmo Estado de Goiás (ver post Traballo e pracer no Brasil), fanse evidente tanto o carácter turístico de Pirenópolis como o máis calmado e introvertido da primeira. Cidade Velha é unha poboación para a xente local e Pirenópolis pensa máis nos turistas. Os numerosos restaurantes, as tendas de recordos e os hoteis con encanto están aí para facérnolo lembrar.
Outras das razóns do éxito desta vila como destino turístico é a proximidade do Parque Estadual da Serra dos Pireneus, unha paisaxe verde de media montaña que acada os 1.385 metros de altitude. Hai unha ruta de fervenzas (cachoeiras en brasileiro) que comeza a pouco máis de tres quilómetros do centro da poboación e que se estende en diversas direccións ata os corenta quilómetros de distancia.
Eu achégome ata a Reserva Ecológica Vargem Grande onde destacan as fervenzas de Santa María e Lázaro. Na caseta de entrada infórmanme de que a oferta de natureza de Pirenópolis é case sempre de pagamento xa que os seus principais atractivos están en propiedades privadas.
No caso de Vargem Grande hai que pagar 45 reais, uns 10 euros ao cambio. De calquera xeito, non me permiten entrar xa que o espazo natural “pecha” ás catro da tarde e non dispoño do tempo suficiente para chegar ata as fervenzas e regresar antes do peche.
Unha curiosidade de Pirenópolis son “As Cavalhadas”, xogos medievais de cabalaría introducidos polos portugueses que representan a loita entre Carlomagno, o emperador do Sacro Imperio Romano, e os musulmáns que invadiron a Península Ibérica. Unha celebración dunha realidade que aconteceu séculos antes de que os portugueses chegasen a América e en lugares afastados por miles de quilómetros desta poboación.
Pirenópolis é totalmente aconsellable tanto polo seu propio encanto como unha apetecible escapada da frialdade urbanística das cidades de Brasilia e de Goiania.
PARQUE NACIONAL DA CHAPADA DOS VEADEIROS
Chegar dende Brasilia ao Parque Nacional leva algo máis de tempo que viaxar ata Pirenópolis. Son de tres horas e media a catro para percorrer os 260 km que separan a capital do país coa aldea de São Jorge, onde está o único acceso ao Parque. O P.N. Chapada dos Veadeiros foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2001.
Unha vez en São Jorge, os visitantes poden entrar no Parque entre as oito e as doce da mañá (non despois desta hora) e teñen que saír antes das seis da tarde. Os gardas levan un libro de entradas e saídas para controlar que ninguén quede dentro dos límites do Parque fóra das horas de apertura. O prezo da entrada para estranxeiros que non pertenzan a Mercosul é de 35 reais, case 8 euros.
www.icmbio.gov.br/parnachapadadosveadeiros/guia-do-visitante.html
Chego de Brasilia e teño o tempo xusto de deixar a bolsa no meu aloxamento e achegarme ao aparcadoiro na entrada ao Parque. Hai que pagar quince reais para deixar o coche independentemente da duración da estadía, sexa unha hora ou a xornada completa.
Antes de pasar o control de acceso no Centro de Visitantes atendo un vídeo explicativo de pouca calidade e unha pequena charla informativa. Tamén asino un papel no que eximo responsabilidades en caso de accidente. Entro definitivamente no Parque poucos minutos antes do mediodía.
O espazo natural ofrece a posibilidade de percorrer tres sendas (trilhas en portugués) diferentes de diversa dificultade e duración. Tamén hai a opción de facer unha travesía (Travessia das Sete Quedas) de case 24 km que permite pasa-la noite nunha zona de acampada dentro do Parque. As Sete Quedas é unicamente posible na estación seca, de xuño a novembro.
Tanto a travesía como as sendas teñen un número máximo de usuarios por día polo que é aconsellable chegar cedo para rexistrarse e poder escoller a senda a realizar.
O meu primeiro día decídome pola trilha amarela, a “Trilha dos Saltos, Carrossel e Corredeiras”. Catro horas de camiñada para percorrer os once quilómetros de itinerario sinalizado. E sen pararme para o baño como si fan outros visitantes. Totalmente obrigatorio traer gorra e protección solar xa que o calor pode ser abafante e as queimaduras habituais.
É doado segui-las indicacións do camiño que me leva a visitar un par de fervenzas, outro par de rápidos no río así como bonitos miradoiros sobre o val. Hai que camiñar atento para non tropezar coas pedras nin coas raíces das árbores. Ao pouco de comezar a miña senda atopo unha rapaza berrando de dor por mor dunha caída que non presenta bo aspecto.
A xente que visita o Parque Nacional acostuma aloxarse ben na aldea de São Jorge, a tan só un quilómetro da entrada, ben na vila de Alto Paraíso de Goiás, a 36 km de São Jorge. Eu decídome pola aldea que malia o seu urbanismo caótico ofrece algúns aloxamentos interesantes e restaurantes aceptables.
Este Parque é famoso no Brasil polos numerosos ovnis (si, obxectos volantes non identificados) que o visitan a miúdo. Eu mesmo comprobo a sensibilidade da súa poboación cara a estes fenómenos cando estou a comprar nunha tenda e os propietarios saen correndo á rúa para ver un obxecto que está a pasar voando nese momento. A verdade, eu non consigo ver nada.
Pero o caso é que os marcianiños verdes serven de reclamo para atraer visitantes ao Parque e a súa imaxe máis naíf é utilizada para decorar tendas, espazos turísticos e para acompañar a numerosos souvenirs.
Á mañá seguinte entro a primeira hora de novo no Parque para facer a senda vermella “Trilha dos Cânions e Cachoeira das Cariocas”. A súa lonxitude é de doce quilómetros que eu fago en tres horas e media. Sendo un pouco máis longa cá senda do día anterior permite avanzar máis rápido. Durante o paseo visito a fervenza das Cariocas, unha das máis atractivas deste espazo natural.
A terceira senda e opción que ofrece o Parque é a senda azul “Trilha da Seriema” con tan só 800 metros a percorrer entre ida e volta. O propio persoal desaconséllame face-la camiñada polo seu escaso interese nesta época do ano.
Unha vez visitado Chapada dos Veadeiros, e a pesar da súa declaración pola Unesco, confeso que me parece un atractivo menor. O Parque é máis interesante para a poboación local que para os que vimos de fóra. Chegar ata aquí non é doado e hai que dedicarlle un mínimo de dúas xornadas dende Brasilia. Coido que os seus agradables paseos e fervenzas non van sorprender a ninguén.
BELO HORIZONTE
O meu paso pola capital do Estado de Minas Gerais é moi breve. Xa estiven nesta cidade nunha ocasión anterior e atopo que o seu interese é bastante limitado. O que si parece é que a cidade ten medrado dun xeito desmesurado tendo en conta os poucos anos pasados dende a miña primeira visita. Belo Horizonte preséntase nun estado bastante aseado e dá a impresión de gozar de boa saúde económica.
Dedico unha mañá a pasear pola zona centro. Os seus limitados atractivos están dispersos e hai que camiñar dabondo para poder visitalos todos. Fago a miña primeira paraxe na Praça da Liberdade. Aquí ademais do Palácio da Liberdade, a sede do goberno deste Estado, hai unha serie de curiosos edificios de diversos estilos construtivos que acollen museos, bibliotecas e centros culturais.
Nesta mesma praza hai un pequeno e curioso rañaceos de formas sinuosas que foi construído na década dos anos 50 do século anterior. É o Edificio Niemeyer e resulta moi evidente a autoría do arquitecto brasileiro do mesmo nome.
Sigo pola Praça da Assembléia coa Asemblea Lexislativa do Estado de Minas Gerais e o Teatro da Assembléia. Edificios novos e unha praza bastante fría e insípida.
Paso polo Mercado Central, un lugar ideal para dedicarlle algo de tempo xa que ofrece os clásicos produtos de mercado máis postos de artesanía, venda de animais domésticos e pequenos quioscos onde comer algo.
Dende alí sigo ao veciño Centro de Convencións, sen moito interese. E remato no Palácio das Artes e no Centro de Artesania deste Estado, situado a carón do ben coidado Parque Municipal. É un dos poucos lugares da cidade onde poder comprar artesanía orixinal e de boa calidade.
Desta vez non fago a visita do que quizás sexa o principal atractivo turístico da cidade: a igrexa (digamos capela) de São Francisco de Assis, coñecida como a igrexa de Pampulha. É esta a primeira obra de Niemeyer como arquitecto, realizada nos anos 1942 e 1943.
A amizade de Niemeyer co que era alcalde de Belo Horizonte naqueles anos fixo que este barrio de Pampulha se enchese doutras moitas creacións do arquitecto como son o a Casa do Baile, o Iate Tênis Clube, o antigo Casino e actual Museu de Arte, e a propia residencia de fin de semana do alcalde: a Casa Kubitschek.
Moitas destas obras forman parte do chamado “Conxunto Moderno” de Belo Horizonte, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco hai uns poucos anos. Pampulha é un barrio agradable en torno ao lago do mesmo nome pero queda bastante afastado do centro da cidade.
Un último punto de interese para os amantes das obras de Niemeyer é a Cidade Administrativa Presidente Tancredo Neves, un atractivo complexo formado por catro edificios levantados por este arquitecto no ano 2010. Hai que ir en coche xa que está a pé da autoestrada que vai dende o aeroporto ao centro da cidade.
MARIANA
Remato os días de traballo e decido prolongar a miña estadía dous días máis para poder facer un itinerario por algunhas das vilas coloniais do Brasil. O Estado de Minas Gerais, do que é capital Belo Horizonte, ofrece ata dúas decenas de cidades históricas. Algunhas limitan o seu atractivo a tan só unha parte do seu conxunto urbano pero outras son un auténtico e perfecto exemplo do mellor Portugal colonial.
Sen dúbida, a vila de Ouro Preto é a máis famosa e atractiva de todas. Eu diría a numero un á hora de incluíla nunha viaxe polo Brasil. Tiven oportunidade de coñecela nunha visita anterior e ademais dun patrimonio de primeiro nivel en bo estado de conservación tamén ofrece unha atmosfera moi vital.
Deixo atrás a enmarañada rede de estradas e autoestradas que arrodea Belo Horizonte. De novo conduzo un coche da compañía local Movida por un prezo duns 66 € para dous días que inclúe a máxima cobertura posible. Teño dúas horas de viaxe ata a primeira cidade a visitar: Mariana.
Conducir por Minas Gerais obriga a ir moi atento ao que poida pasar na estrada. Son moi habituais os radares fixos, fochancas e diversos elementos no pavimento co fin de quebrar a velocidade do auto.
Como a veciña poboación de Ouro Preto, Mariana tamén naceu da riqueza xerada polo ouro. Habitada dende 1696, foi fundada no ano 1745 como primeira cidade do Estado de Minas Gerais para logo pasar a ser a súa capital e sé episcopal.
Mariana ten unha parte nova e outra colonial pero mantén unha animada vida propia que ambienta todos os seus recunchos.
Entro pola estrada que vén de Ouro Preto e accedo á parte alta da cidade, á igrexa de Nossa Senhora das Mercês para visitar o seu interior e subir ao seu campanil. Collo de novo o coche que deixo nas inmediacións do río (ribeirão) do Carmo, para, deste xeito, visita-la améndoa monumental.
Quizais o nivel de conservación de Mariana sexa máis espontáneo có doutras cidades coloniais brasileiras. Non dá a impresión de que todo estea enfocado cara ao turista senón máis ben conservado polo interese dos seus propios habitantes e polo atractivo do seu harmónico conxunto monumental.
A visita ten unhas paraxes de obrigado cumprimento como son a catedral-basílica de Nosa Señora da Asunción, en reformas ao meu paso pola cidade, a praza Gomes Freire e os bonitos edificios coloniais que a arrodean, e, sobre todo, o marabilloso conxunto formado polo Pelourinho, a Casa do Concello e antigo cárcere e as igrexas barrocas de San Francisco de Asís e de Nosa Señora do Carme. Estas dúas últimas igrexas son as únicas que atopo abertas en Mariana pagando dous reais por entrar en cada unha delas.
Doutro lado do río, na parte nova de Mariana, está a elegante estación de ferrocarril dende onde saen os trens que comunican Mariana e Ouro Preto. O coñecido como Trem da Vale percorre nunha hora os dezaoito quilómetros deste eixo ferroviario rematado no ano 1914. O tren turístico actual foi posto en funcionamento no ano 2006. Transporta 240 pasaxeiros por viaxe e hai dous horarios de saída en cada sentido.
Os prezos de tempada baixa van dos 46 reais no vagón turístico aos 70 reais do vagón panorámico, de dez a quince euros. O billete de ida e volta resulta máis barato que colle-los traxectos por separado no caso de querer regresar a Mariana. En tempada alta custa uns poucos reais máis por viaxe.
Sen dúbida e para aqueles que teñan tempo, o Tren da Vale é unha bonita forma de descubrir estas dúas xoias coloniais. No día da miña visita, o tren non está operativo por labores de mantemento.
É unha mágoa pero as horas non dan para poder facer unha visita que garda unha estreita relación coa orixe de Mariana: a Mina da Passagem. A meirande mina de ouro aberta á visita que permite descender nun carriño de mineiros ata un lago azul e cristalino de dous quilómetros de lonxitude. Queda para outra! Seguro que a Minas teño que volver e máis devagar.
https://mariana.minasdapassagem.com.br/
Despois do xantar sigo camiño cara á miña seguinte visita coa intención de chegar antes da noitiña á cidade de Congonhas.
CONGONHAS
Despois dunha hora e media de viaxe entro en Congonhas para ir directamente ao meu aloxamento. A cidade que vexo ao pasar non resulta bonita. Excesivamente dispersa e dun urbanismo bastante caótico.
Pero coido que o motivo de achegarme ata aquí si paga a pena: o santuario do Bom Jesus de Matosinhos, inscrito dende o ano 1985 na listaxe da Unesco como Patrimonio Mundial. Á mañá seguinte comprobarei que tamén hai un par de rúas e algún outro edificio interesante que complementan a visita ao santuario.
Escollo para aloxarme o novo H2 Hotel, un establecemento un tanto impersoal pero de recente construción con boa puntuación polos usuarios e prezo moi razoable. O hotel está situado a un quilómetro e medio do santuario.
Á primeira hora da mañá (abre ás oito) seguinte estou na contorna do santuario. É cedo demais pero debo seguir camiño a Tiradentes, dedicar tempo dabondo para visitar esta bonita vila colonial e aínda regresar a durmir a Belo Horizonte. O meu voo de regreso a Galicia sairá cedo pola mañá vinte catro horas máis tarde.
A obra do Bom Jesus de Matosinhos foi iniciada no ano 1757 por mor dunha promesa e da fortuna do portugués Feliciano Mendes que quería recrear un templo semellante ao Bom Jesus do Monte da súa Braga natal. O santuario tardou case 120 anos en ser rematado.
O templo foi encargado ao escultor e arquitecto Antônio Francisco Lisboa, máis coñecido polo seu alcume de Aleijadinho (co significado de aleixado/tolleito en galego). O adeallo deste artista de Ouro Preto fai referencia á enfermidade dexenerativa dos seus membros que provocou a perda progresiva da súa capacidade de movementos.
Non existen retratos de Aleijadinho e aínda quedan moitas incertezas con respecto á súa vida. Pero o que si se sabe é que algunhas das súas esculturas barrocas foron rematadas dun xeito rudo, cos instrumentos de traballo que os axudantes de Aleijadinho ataban ás súas extremidades deformes.
O feito de ser mestizo, fillo dun mestre de obras portugués e dunha escrava africana, fixo que a súa obra, malia a súa orixinalidade, tardase en ser recoñecida. Pero Aleijadinho é hoxe toda unha referencia en Brasil, unha especie de lenda. A súa obra circunscríbese a Minas Gerais pero a súa fama traspasou moitas fronteiras.
O complexo do santuario, considerado como o maior conxunto barroco a ceo aberto de América Latina, está formado pola propia igrexa, o adro coas figuras de pedra-xabón dos Doce Profetas e as seis capelas illadas que acollen os pasos de madeira da Semana Santa, todo obra de Aleijadinho. Non hai que pagar entrada.
A carón do santuario hai unha sala coñecida como “dos milagres” que exhibe unha colección de exvotos recibidos dos fieis que queren conmemorar un voto ou promesa por algunha graza recibida.
Nesta parte alta da cidade e mesmo a carón do santuario hai un lugar para aloxarse: o Hotel Colonial. O establecemento goza de certo encanto pero esta zona da cidade carece de actividade despois do solpor.
Tamén moi próximo ao santuario pode ser visitado o Museu de Congonhas, un edificio minimalista de novo deseño inaugurado hai tan só tres anos que conta a historia de Congonhas e Ajeijadinho.
Outra referencia preta é o Centro Cultural da Romaria, un edificio circular arredor dunha enorme explanada. A Romaria está pechada no momento da miña visita e dá a impresión de estar esperando novos usos ou unha reforma profunda. A súa colección foi trasladas ao Museu de Congonhas.

Rua Bom Jesus que baixa dende o santuario cara á igrexa de San Xosé. Outro punto de interese en Congonhas
TIRADENTES
Despois de pasar un par de horas no santuario de Congonhas sigo cara á vila de Tiradentes. Por diante dúas horas de condución e un traxecto que supera os 110 quilómetros. A estrada está en bastante bo estado e os últimos oito quilómetros van pavimentados con lastras para lle dar un estilo máis antigo.
Entro en Tiradentes e converto este lugar decontado no meu preferido do Brasil. Escoitara falar da súa fama pero non imaxinaba a sensación que ía ter nada máis chegar. Paseo pola súas rúas e penso en quedar, en mudar o meu voo de volta para un día despois. Procuro prolongar o tempo o máximo posible e prométome a min mesmo regresar algún día para compartir este lugar con algunha persoa especial.
Son fan confeso das cidades e vilas coloniais brasileiras: Parati, Olinda, Cidade Velha de Goiás, Pirenópolis, Mariana e Ouro Preto. Pero Tiradentes é o meu lugar pola súa atmosfera tranquila, onírica e lixeiramente sofisticada.
Tiradentes é tamén a cidade histórica mellor conservada de Minas Gerais e, eu diría, de todo o Brasil. Posiblemente a sorte de Tiradentes foi o seu case total abandono a finais do século XVIII cando a súa poboación emigrou despois de esgotar as explotacións de ouro. São José del-Rei, así chamado daquela, caeu no esquecemento por máis de cen anos.
Foi a elite cultural de São Paulo quen puxo en valor Tiradentes despois dunha viaxe realizada en 1924. Poucos anos despois chegou a súa declaración como patrimonio monumental que permitiu que esta poboación se conservara como na boa época das vilas mineiras do Brasil colonial. Case todo está intacto. Os paseos en carros de cores rechamantes tirados por cabalos aínda proporciona un encanto maior.
Curiosamente, o nome Tiradentes é o cuarto na historia desta vila. Vén dado como honra ao alférez Joaquim José da Silva Xavier, coñecido polo alcume de “O Tiradentes” (O Sacamoas en galego). Este odontólogo, militar e político do Estado de Minas Gerais está considerado como un heroe nacional por asumi-la responsabilidade do primeiro intento de independiza-lo Brasil, xa no século XVIII. Hai unha estatua homenaxe nunha das prazas da vila. A vila de Tiradentes é tamén coñecida como “o berce da liberdade en Brasil”.
Como en Mariana, hai un tren turístico que, neste caso, comunica Tiradentes coa poboación veciña de São João del Rei. Ademais, esta última cidade conserva un centro histórico ben preservado e con encanto colonial.
Un tren de madeira a vapor arrastrado de novo por unha locomotora Maria-Fumaça que percorre os doce quilómetros de belas panorámicas que separan ambas as dúas poboacións. Son poucas as frecuencias e limítanse ás fins de semana. Será outra vivencia que deixo pendente para a miña próxima viaxe.
Tiradentes esta chea de bonitos hoteis, tendas de artesanía mineira e restaurantes dirixidos por excelentes chefs creativos. Tamén hai unha morea de pequenos e interesantes museos que axudan a pasa-lo tempo.
Levado polo subidón da miña visita merco unha peza do artesán Aberaldo Santos na fantástica Brasileirinho. Esta tenda de artesanía ten unha selección de obxectos orixinais como poucas no Brasil. Aberaldo é un artista que vive actualmente na Ilha do Ferro no Estado de Alagoas, un dos principais polos de produción da arte popular en Brasil. A peza escollida resulta cara pero estou seguro de que vai quedar impresionante na miña casa.
www.brasileirinhotiradentes.com.br/Brasileirinho/Bem_Vindo.html
No meu día de despedida do Brasil opto por xantar no famoso restaurante Uaithai Bistrô, comida de fusión brasileira-tailandesa. A comida é boa pero quizais aínda mellor sexan as vistas dende as mesas do restaurante e dende a súa terraza exterior.
Remato cunha frase que vexo nun folleto turístico de Tiradentes: Como não amar? Despídome engaiolado pola serenidade e beleza deste lugar. Prometo volver, seguro!