Coñecendo Galicia – O norte do norte

Illa de Sálvora

Praia das Catedrais

Este post vai de xogar na casa, dunha viaxe por Galicia. Un percorrido de cinco días que me vai levar dende o Parque Nacional das Illas Atlánticas, en concreto dende as illas de Sálvora e Ons, á franxa cantábrica que vai dende a cidade de Ferrol ata á vila de Ribadeo, xa no límite co Principado de Asturias. Toda unha marabilla e un agasallo da natureza que os galegos temos a sorte de poder gozar.

Esta viaxe ten unha razón de ser. Por unha parte recibimos a visita das miñas prezadas amigas valencianas que, como en anteriores ocasións, queren coñecer lugares do noso pequeno país onde aínda non estivesen antes. Por outra banda, o 15 de agosto é festa nacional e o 16 festa local (San Roque é o padroeiro de Santiago de Compostela por librar a cidade da peste), días que engadidos á fin de semana do 17 e do 18 completan unhas mini vacacións de catro días.

A idea é visitar o Parque Nacional o mércores e logo viaxar de xoves a domingo pola costa norte. Deste xeito tan só teño que pedir un día de permiso no traballo para así poder facer unha escapada de cinco días.

As miñas compañeiras de viaxe van ser catro amigas que chegan dende a Comunidade Valenciana. Rosa, Tere, Mati e Rosi foron hai xa moito tempo clientas de circuítos turísticos nos que eu facía de guía. Coñecémonos hai case trinta anos nunha viaxe por Tailandia. Repetimos cun itinerario pola India do Norte e Nepal. Anos despois eu organicei viaxes “á carta” para elas e para outros colegas por Estados Unidos, Singapur, Indonesia e Papúa.

De esqyerda á dereita: Rosi, Rosa, Tere e Mati. En Punta Frouxeira

Aínda que vivimos a case mil quilómetros de distancia e que xa non podemos viaxar xuntos dende hai moito tempo, aquela simpatía inicial converteuse nun cariño que hoxe en día é unha forte amizade. Procuramos forzar as cousas para poder combinar axendas e, deste xeito, manter a chama da relación acendida.

Neste post non vou entrar en descricións dos lugares tan extensas como é costume, a non ser as illas atlánticas que esixen certas condicións para poder ser visitadas. As fotos xa falan de seu dos outros lugares deste itinerario. Tan só quero amosar aos que temos a fortuna de vivir aquí e aqueles que nos visitan de fóra que Galicia está chea de pequenos destinos esperando ser coñecidos.

A proposta deste post axudará a facerse unha idea de cantos deses lugares poden ser visitados nun mesmo día. A superficie de Galicia é relativamente pequena pero a nosa orografía condiciona que o moverse dun lugar a outro leve o seu tempo. E para facilitarvos a viaxe, propoño algúns restaurantes e aloxamentos dos que quedamos contentos, ás veces pola calidade das instalacións e ás veces polo seu bo servizo.

Hai un único mais importante “pero” que son as datas escollidas para viaxar. Malia que agosto é un mes óptimo pola habitual climatoloxía favorable da franxa cantábrica, a realidade é que as opcións de servizos turísticos da Galicia máis setentrional seguen a ser limitadas para as tempadas de maior demanda.

A oferta da costa norte galega é boa en xeral e a calidade dos seus restaurantes e aloxamentos fai recomendables moitos deles. Pero agosto é o mes nos que todos os galegos da diáspora regresan ao seu lugar de orixe. Tamén cando máis nos visitan os españois e os estranxeiros. E, por se eramos poucos, practicamente toda as vilas da ruta (Cedeira, Viveiro, Ribadeo,…) están en festas.

Polo tanto, facer esta viaxe no mes de agosto é unicamente aconsellable se estamos dispostos a pagar máis do habitual e a face-las reservas con tempo dabondo. Ou, como noso caso, se non hai outras datas dispoñibles. Nós reservamos os aloxamentos xa no mes de abril e cando intentamos incorporar unha persoa máis unha semana antes da viaxe, atopamos que xa non había prazas dispoñibles en case ningures.

DIA 1

ILLAS DE SÁLVORA E ONS

Hoxe viaxamos ata o porto deportivo de Portonovo, unha vila turística na Ría de Pontevedra. Malia ser agosto o día non loce como correspondería. O noso capitán Matthew, un inglés casado cunha galega e propietario da empresa de chárter náutico Escaparia, chama a tarde do día anterior para avisar de que a barca contratada ten unha avaría de difícil solución.

Escaparia consegue resolve-lo seu problema cunha nova barca pero temos que atrasar unha hora a saída prevista, ata as once da mañá. Por diante oito horas de contrato para visitar a Illa de Sálvora na Ría de Arousa e a Illa de Ons na de Pontevedra.

A zódiac a motor  ten unha capacidade de oito pasaxeiros máis o capitán, polo que invitamos a outros tres amigos a completar a súa cabida e, dese xeito, pagar menos por persoa. Carmen, Bruno e Lidya serán os outros pasaxeiros nesta escapada polo mar galego.

O prezo do alugamento do barco é de 300 € polo día completo, ao que hai que engadir o prezo do combustible consumido. Este varía segundo o itinerario a facer e no noso caso supón outros 60 € que sumar ao prezo final.

www.escaparia.com/

No noso camiño de Portonovo a Sálvora, navegando entre as rías de Pontevedra e Arousa, somos sorprendidos por unha manda de golfiños (ou arroaces como se coñecen nesta parte de Galicia) que xogan coa nosa zódiac e proporcionan un momento de ledicia ás nosa amigas do Mediterráneo. En Galicia os golfinhos son unha presenza habitual que fala da calidade das nosas augas mariñas.

De camiño co frío dun día gris

No peirao de Sálvora. Edificio do Pazo ao fondo

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia está formado por catro arquipélagos distribuídos por tres rías diferentes na costa sur de Galicia, nas Rías Baixas. O arquipélago máis meridional é o das Illas Cíes, na Ría de Vigo. Subindo cara ao norte temos as Illas de Ons, na bocana da Ría de Pontevedra. E aínda máis ao norte, a Illa de Sálvora, na bocana da Ría de Arousa, e a Illa de Cortegada, ao fondo da mesma ría.

Coñece-lo Parque non é doado xa que tan só os arquipélagos de Cíes e Ons contan con servizos regulares que parten de diferentes portos das súas respectivas rías. Os barcos regulares non están operativos nos meses de inverno. Polo tanto, para achegarse a Sálvora hai que contar con embarcación propia ou alugala, coma é o noso caso.

A visita a Sálvora pode realizarse calquera día do ano. A empresa chárter debe ter permisos do Parque Nacional específicos para navegar e fondear polo seu territorio. Aínda así debe solicitar a autorización para o día da visita xa que hai unha limitación de entre 15/20 barcos admitidos por xornada. Tamén hai un número máximo de persoas (150/200) aínda que non acostuma haber problemas polo feito de que a illa non ten servizos regulares de barco co continente.

Sálvora é, a simple vista, a illa menos atractiva entre as de maior tamaño do Parque Nacional. A tres quilómetros de terra firme, a terceira illa en superficie conta cunha orografía que dista moito da espectacularidade que as montañas e os cantís proporcionan a Ons e, sobre todo, a Cíes. É tamén a única das grandes que non ten oferta de aloxamento nin de restauración. Tampouco hai servizos sanitarios nin auga potable ou aseos públicos.

Sálvora comezou a súa historia como propiedade do Cabido Compostelán, responsable da súa posterior entrega como couto de caza á familia Mariño no século XVI. A comezos do XIX chegaron veciños do continente para coidar das explotacións agrícolas e gandeiras na illa, consolidando unha pequena aldea de oito casas e setenta e dous habitantes.

Estes veciños pagaban a súa presenza entregando un 50% das súas colleitas e do seu gando á familia Mariño. E é por esa razón que a pesca comezou a ser un recurso importante xa que do peixe non había que dar conta aos propietarios da illa.

Máis recentemente, no ano 1904, a illa foi expropiada á familia Otero, emparentada tempo atrás cos Mariño. Logo pasou a uso militar pero a familia Otero recuperouna de novo para o seu uso no ano 1958. Na década dos 60 Sálvora foi deshabitada paseniñamente e os seus habitantes regresaron ao continente na procura de mellores condicións de vida. No ano 2007 a illa pasou a mans públicas para formar parte do espazo natural protexido.

Os principais atractivos da illa son o edificio coñecido como “o Pazo”, o faro e as ruínas da pequena aldea abandonada nos anos 60. A pista de acceso á aldea está cortada por un sinal de “stop” que impide o paso. Para chegar ata alí hai que apuntarse ás visitas guiadas e gratuítas que organiza o Parque (consultar horario, só unha ou dúas visitas ao día) en tempada alta. Outra opción é contratar unha guía autorizada para que nos acompañase ou, como é o noso caso, prescindir da visita.

O pazo é a bonita construción a pé de praia e preto do peirao. A primeira imaxe que temos cando o barco está a chegar á illa. Foi construído a comezos do século pasado sobre as ruínas do almacén de salgadura levantado no ano 1770. Foi nese ano cando un industrial castelán afincado na Coruña instalou a primeira fábrica e almacén de peixe salgado da Ría de Arousa en Sálvora

A finais do ano 2010 inaugurouse un pequeno museo nos baixos que puxo en valor os grandes píos de pedra que lembran a función que tivo este edificio como factoría de salgadura. Tamén podemos ver unha dorna, a barca típica das rías, e paneis con explicacións sobre a historia da illa.

O Pazo

Polo que respecta ao faro, este bonito edificio foi inaugurado no ano 1921 para substituír outro faro anterior que resultaba ineficaz para a navegación pola ría. Foi tamén en 1921, uns meses antes de comezar a traballar o novo faro, cando tivo lugar o naufraxio do vapor Santa Isabel no que morreron 213 persoas, a maioría xente humilde que viaxaba cara á América á procura dunha nova vida. O faro estivo habitado pola familia do torreiro ata o ano 2018. A edificación está pechada e non pode ser visitada.

O faro de Sálvora

Lidya e Bruno nos penedos sobre o faro

A panda, eu no máis alto. Foto Rosi Martínez

Chegamos a Sálvora e atracamos no único peirao da illa. Ao seu carón, o edificio de pedra do Pazo e unha bonita praia de fina area separada en dúas partes polas rochas nas que se alza a estatua dunha Serea, en alusión á lenda sobre a orixe da familia dos Mariño. A cor da auga é verdadeiramente espectacular, sen nada que envexar ás augas que vemos nos anuncios do Caribe.

Seguimos polo único camiño aberto aos visitantes para percorrer a Senda do Faro, un percorrido de menos de dous quilómetros e medio entre a ida e a volta e cun tempo de visita estimado de pouco máis dunha hora.

Durante o paseo vemos algúns cabalos salvaxes, tal e como é habitual en moitos outros espazos naturais de Galicia. A paisaxe que nos acompaña está formada por monte baixo, bolos e vellos rochedos. A presenza de liques sobre as rochas proporciónalles unha bonita cor arxila, como cunha pátina de obxecto antigo. Non hai grandes desniveis e a altura máxima da illa é de tan só 71 metros.

Senda do Faro. Foto Rosi Martínez

A paisaxe non resulta espectacular pero o feito de que non haxa vehículos e que sexamos case os únicos visitantes proporciónalle unha atmosfera sosegada e cunha sensación de illamento máis evidente que noutras illas do Parque.

Como en todo o Parque Nacional, está prohibido arrincar vexetación e tirar cabichas ou lixo que, evidentemente, deberá ser levado de novo ao porto de saída. Hai que ter precaución coas gaivotas sobre todo na época de nidificación e cría cando poden ser moi agresivas.

Entre Sálvora e Ons co noso capitán inglés Matthew

Saímos de Sálvora en dirección a Ons para chegar á hora do xantar. Ons é a segunda illa do Parque Nacional que recibe máis visitas. Hai barco durante bastantes meses ao ano dende os portos de Sanxenxo, Portonovo, Marín e Bueu, todos na Ría de Pontevedra e dende o porto de Vigo na ría do mesmo nome.

Como o resto de illas ten unha limitación diaria no número de visitantes. Primeiro hai que consegui-la autorización na páxina web do Parque Nacional e, unha vez obtida, face-la reserva cunha das seis navieiras autorizadas. Mar de Ons, Cruceiros Rías Baixas e Piratas de Nabia son as empresas que ofrecen mellores conexións e saídas regulares.

A autorización pode ser solicitada ata 45 días antes da data da viaxe. Se estás organizando para o mes de agosto, ten precaución de solicitala con tempo dabondo.

https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal/illasr/iniciarReserva

A diferencia de Sálvora, Ons ofrece numerosas praias e varias sendas que dan para pasar varios días na illa.

Para o aloxamento, unha boa opción é o campamento de Chan da Pólvora, renovado no ano 2016. O lugar ofrece as habituais parcelas para plantar tendas pero dende a súa renovación tamén oferta unha novidade: o gampling. Coñécese como gampling aquelas tendas instaladas permanentemente pola propiedade e dotadas dun mobiliario xeitoso con grandes doses de comodidade. Algunhas destas tendas están colocadas sobre plataformas de madeira e dispoñen dunha pequena terraza no seu frontal.

www.campingisladeons.com/

Para un aloxamento aínda máis confortábel, Ons conta cun par de pensións que melloraron moito en calidade nestes últimos anos, e, ademais, con cuartos e apartamentos en non menos de oito casas espalladas pola contorna do Curro, a única e minúscula aldea da illa.

O servizo de restauración está cuberto con tres restaurantes e algún chiringuito de praia. Ons ten unha especialidade gastronómica local que é o polbo ao modo da illa. Tomade nota de que comer e durmir aquí non é barato, incluso unha chisca caro, pero entra dentro do razoable.

A diferencia de Sálvora e Cíes, Ons chegou a alimentar a unha poboación superior aos cincocentos habitantes. Pero a xente foi volvendo pouco a pouco aos seus lugares de orixe, sobre todo no Concello de Bueu, e hoxe en día os habitantes permanentes poden ser contados cos dedos da man. Falamos do inverno, xa que nos meses de verán as casas volven á vida enchéndose cos seus propietarios e numerosos visitantes.

Reverter a titularidade de Ons á mans públicas foi un longo proceso e os dereitos da xente que viviu na illa é un tema espiñoso que aparece decotío nos xornais galegos. Agora meso hai unha forte oposición da poboación local a que Ons sexa declarado Patrimonio Natural da Humanidade pola Unesco.

Nestes meses tamén é habitual ler na prensa galega sobre as protestas dos insulares por mor das limitacións que a administración do Parque impón aos seus familiares non censados en Ons.  Eles están sometidos ás mesmas restricións para o acceso á illa que o resto de visitantes, tendo en conta que Ons ten unha cota de 1.800 persoas/día insuficiente para a demanda da tempada alta turística.

Peirao en Ons e aldea do Curro, capital da illa, ao fondo

Peirao de embarque e desembarque en Ons

Pequena praia veciña ao peirao. Foto Rosi Martínez

Chegamos ao porto do Curro, a pequena aldea que fai as funcións de capital da illa e onde abren as súas portas as dúas pensións e os tres establecementos de restauración. Deixamos atrás os restaurantes Casa Checho e Casa Acuña para, milagrosamente, atopar unha mesa baleira no Bar O Pirata. En pleno mes de agosto, Ons é un fervedoiro de visitantes.

Decidimos arriscarmos e pedir un arroz con navallas e zamburiñas. A comida en Galicia acostuma ser excelente pero os nosos arroces xeralmente perden en comparación cos do Mediterráneo. De non estar á altura, estou seguro que as miñas amigas valencianas van sacar o tema. Pero non é así, o arroz está impecable e do mellor que un pode tomar na costa galega.

Como xa dixen, Ons dá para moitas e bonitas excursións. As súas medidas de 5,9 km de lonxitude por 1,3 km de largura agochan recunchos de gran beleza. A praia nudista de Melide e as súas dunas é un deles. Ou a excursión ata o Alto do Faro. Ou calquera das praias rochosas que se estenden dende a aldea do Curro ata o extremo sur da illa.

Como nós temos horas contadas por diante hai que limitarse a tan só unha parte da illa. Finalmente, decidimos facer un paseo pola península ao sur da aldea do Curro. Unha senda circular que pasa polas praias de Area dos Cans, Canexol e Pereiró para logo ascender ao Miradoiro de Fedorentos e ao Burato do Inferno. No caso de ir de vagar hai que deixar case tres horas para facer este bonito paseo.

Polas pistas de Ons. Foto Rosi Martínez

Son poucos os camiñantes e facemos o percorrido acompañados polo vento e as flores silvestres que agroman no camiño. Malia o ceo cuberto, as temperaturas foron aumentando ao longo do día e os visitantes prefiren toma-lo sol nas praias. En Fedorentos hai unha bonita vista da veciña illa de Onza.

Praia de Area dos Cans. Foto Rosi Martínez

Punta sur da Illa de Ons

Lidya e Bruno no miradoiro de Fedorentos

Illa de Onza dende Fedorentos e Illas Cíes ao fondo

O Burato do Inferno é unha fenda vertical de oitenta metros que conecta directamente co mar. O lugar está protexido por un valado para evitar accidentes como xa ocorreron no pasado. O nome deriva do barullo producido polas ondas e o vento que fan lembrar a choros e gritos de persoas. A xente da illa interpretaba que eran as almas que habitaban no inferno as que estaban a berrar. Un lugar de lenda reconvertido nun atractivo da visita a Ons.

Costa de mar aberto en Ons

Rosi, Lidya e Bruno preto do Burato do Inferno

Burato do Inferno. Foto de Rosi Martínez

A costa norte de Ons vista dende a senda de regreso ao Curro. Foto Rosi Martinez

Xa de regreso cara ao porto, temos que botar unha carreira para tentar chegar a tempo e encontrarnos con Matthew. E aínda así, chegamos con bastante atraso.

De volta en Portonovo, e como en Galicia gozamos de tantas horas de luz nos meses de verán, aínda temos tempo de achegarnos a unha bonita terraza sobre a praia de Foxos, xa preto da Lanzada, dende onde despedi-lo día antes de regresar cara a Santiago de Compostela

DÍA 2

CASTELO DE SAN FELIPE

Principiamos moi cedo de mañá e tras unha breve parada no centro histórico de Ferrol seguimos ata o Castelo de San Felipe. Eu son un namorado da estrada que sae da Enseada da Malata en Ferrol e percorre a beira norte da ría. Ademais dunha bonita paisaxe pasamos polas instalacións militares da Graña e polas aldeas da Graña e San Felipe coas súas casas de pedra e galerías.

É unha estrada complicada que se adapta continuamente ao abrupto terreo e á maraña de casas que caen cara á beira do mar. Unha estrada angosta que nalgún dos seus treitos precisa de semáforos para regular alternativamente o paso dos coches nun sentido ou noutro.

O Castelo de San Felipe é a construción máis importante do Ferrol da Ilustración. Comezado a construír a mediados do séculos XVI, o que vemos hoxe corresponde case todo ao XVIII. Para a visita hai un horario partido de mañá e tarde e a entrada é gratuíta.

Conxuntamente co Castelo da Palma no Concello de Mugardos, enfrontado na outra beira da ría, e co desaparecido Castelo de San Martiño formaban un sistema defensivo que facían da cidade de Ferrol un refuxio inexpugnable. Disque un dos lugares mellor protexidos do mundo ante posibles ataques dende o mar.

Pola noite, os castelos de San Felipe e da Palma estaban unidos por unha cadea de ferro a ras da auga que impedía que os barcos entrasen ao porto amparándose na escuridade da noite.

Castelo de San Felipe. Foto cortesía de Google

Diversas imaxes do Castelo de San Felipe. Fotos Rosi Martínez

PRAIA DE DONIÑOS

A non moitos quilómetros de San Felipe está unha das mellores praias da costa da bisbarra de Ferrolterra. Se hai moitas praias en Galicia de sobresaínte, as de Ferrol son case todas de dez.

Entre os cabos Prior e Prioriño Chico, Doniños é un areal de case dous quilómetros de dunas con area moi branca e un mar azul. Un lugar para toma-lo sol e practica-lo surf. Aquí se celebra o Campionato Nacional de Surf ao comezo do verán.

A lagoa detrás da barra de area e a ausencia de urbanizacións nas súa proximidades fan de Doniños un lugar moi especial.

Hai acceso polos dous confíns da praia, cun grande aparcadoiro no extremo norte a onde se dirixen a maior parte dos visitantes. Nos acudimos xusto ao lado contrario, pola zona de Punta Penencia. Aproveitamos para comezar a coñecer as marcas de vermú galegas que iremos experimentando ao longo da viaxe. O lugar é o Refuxio Lume-Boo, un bar renovado recentemente dende onde gozar dunhas vistas inmellorables da praia.

Praia e lagoa de Doniños. Foto cortesía de Google

PRAIA DE SAN XURXO

San Xurxo é outro areal espectacular aínda que a proximidade da estrada e a presenza dun campamento turístico fan que sexa bastante concorrida en comparación con outras praias da contorna.

No seu extremo sur hai un pista, primeiro asfaltada e despois de terra, que conduce ata un miradoiro dende onde obter unha panorámica espectacular de San Xurxo e das praias de Esmelle, da Fragata e do Vilar.

Praia de San Xurxo. Foto cortesía de Google.

PRAIA E ERMIDA DE SANTA COMBA

Santa Comba é a terceira das impresionantes praias que podemos atopar percorrendo a costa ao norte da cidade de Ferrol. Por pistas de terra deixamos o Cabo Prior á esquerda para chegar a esta marabilla da natureza cun quilómetro e medio de fina area.

Xunto co veciño areal de Ponzos (nudista) son as dúas praias máis virxes e salvaxes da contorna de Ferrol. As miñas amigas quedan impresionadas coa cor turquesa das súas augas. Si, o mar tamén acostuma acadar esas tonalidades nestas latitudes tan o norte.

No extremo oriental da praia hai un aparcadoiro con estupendas vistas do areal. Dende alí pódese acceder a unha pequena cala dende onde subir á illa da capela de Santa Comba.

Coido que as escaleiras non van levar un premio de deseño pero son unha obra ben intencionada dos veciños da parroquia de Covas para substituír o que era unha simple corda e, dese xeito, axudar na visita dos que por aquí se achegan.

A capela é de orixe románica levantada sobre o que a tradición di que era un templo romano. Permanece pechada a non ser nas datas da súa romaría a finais do mes de xuño. Son varias e interesantes as lendas que xustifican a razón pola que a Santa ten aquí unha capela baixo a súa advocación.

Nós subimos cando a marea aínda está afastada das escaleiras pero ao noso regreso a auga case nos chega á cintura. E iso que é pouco o tempo que pasamos arredor da ermida. Uns bañistas botan unha man ás miñas amigas para que non se mollen demais. Tamén comentan que son moitos os visitantes despistados que precisan de axuda para regresar a terra firme. Algún incluso ten que esperar por horas ata que a marea baixe de novo.

Praia de Santa Comba. En primeiro plano o aparcadoiro de acceso á cala

Praia de Santa Comba

Cala de acceso á illa da ermida de Santa Comba

Escaleiras de acceso á ermida de Santa Comba

Foto Rosi Martínez

Ermida de Santa Comba e praia do mesmo nome ao fondo

Que este comentario non vos desanime a coñecer Santa Comba pero, tal e como acostumo comentar neste blog,  moito ollo coa forza e a rapidez das mareas en Galicia.

ERMIDA DE NOSA SEÑORA DO PORTO

A seguinte parada é outra ermida tamén sobre unha pequena illa, como a de Santa Comba. Pero as tipoloxías construtivas son completamente diferentes, tella fronte xisto para as cubertas e pintura branca fronte ao granito nas súas paredes. Iso si, as dúas pequenas e de tamaño semellante.

A lenda tamén fala da imaxe dunha virxe que apareceu no mar e que foi traída a terra firme por pescadores. Seica a imaxe apareceu no mar de novo un día despois e a xente local decidiu levantar a ermida na súa ourela. Como en Santa Comba, a ermida abre as súas portas o once de xullo, día da romaría da virxe.

Agora estamos no Concello de Valdoviño, nun cabo ao sur de Punta Frouxeira e moi preto do extremo occidental da praia de Valdoviño. O camiño ata a ermida non está ben sinalizado pero non hai perda. Xa sabedes que este blog conta cun mapa no que aparecen localizados todos os lugares visitados en cada viaxe. Botade unha ollada para saber situar exactamente cada un deles.

A contorna é menos bonita cá de Santa Comba. Hai que chegar ata o aparcadoiro da Praia dos Botes e seguir a pé para deixar á dereita unhas grandes instalacións de acuicultura. Non é doado ve-la ermida ata chegar ao seu carón. Aquí o efecto das mareas parece menos complicado que na visita a Santa Comba e dá a impresión de poder subir facilmente no caso de non haber mareas vivas.

Ermida de Nosa Señora do Porto e faro de Punta Frouxeira ao fondo

Facerse fotos cos cantís e coa silueta do faro de Punta Frouxeira na distancia resulta moi apetecible.

FARO DE PUNTA FROUXEIRA

Construído en 1992 e activo dende 1994 é o segundo faro máis novo da costa galega. Pode sorprender polo seu atrevido deseño de planta rectangular e os seus 47 metros de alto. O edificio xa foi sometido a traballos de reforma para facer de obra o que antes eran superficies de cristal (os cinco andares de cor azul).

Debaixo do faro aínda se conservan túneles abandonados dunha antiga instalación militar que acollía proxectores luminosos de grande alcance como complemento ás baterías de costa que defendían a franxa marítima galega.

Hai que ter moito coidado de non achegarse en exceso aos bonitos acantilados nas proximidades do faro xa que nestes últimos anos o mar arrebatou ata catro vidas de atrevidos visitantes.

Eu nun dos túneles de Punta Frouxeira. Foto de Rosi Martínez

Foto de Rosi Martínez

Seguimos camiño cara a Cedeira coa pena de non poder coñecer os catro quilómetros da praia e lagoa de Valdoviño nin o areal de Pantín. É en Pantin onde cada ano se celebra a finais de agosto o antigo certame de surf “Pantin Classic”, agora renomeado como Abanca Galicia Classic Surf Pro.

CEDEIRA

A capital do concello do mesmo nome é unha agradable vila dividida pola desembocadura do río Condomiñas. Conserva unhas poucas rúas na súa parte antiga, doutro lado da ponte, coas típicas brancas galerías galegas. Outro dos seus atractivos é a extensa Praia da Madalena en pleno centro urbano.

Despois de cruza-la ponte, unha estrada bordea a ría deixando atrás pequenas praias en marea baixa ata chegar ao seu importante porto pesqueiro protexido dun gran dique contra a forza do mar aberto. Cedeira é un deses lugares que a xente do mar nomea para falar da calidade dos seus percebes.

Chegamos a Cedeira en plenas festas de agosto e resulta imposible atopar un restaurante para cear con comodidade. As orquestras espectáculo tan habituais das festas galegas amenizan a noite na Praza do Sagrado Corazón.

ERMIDA DE SANTO ANTÓN DE CORVEIRO

Por riba da vila de Cedeira cara ao norte está esta sinxela ermida dende onde obter un amplo panorama sobre a bocana da Ría de Cedeira e, moito máis ao sur, de Punta Frouxeira.

Santo Antón é unha sinxela capela coa súa orixe no século XVII de muros pintados de branco e ausentes de decoración exterior. No exterior da ermida podemos ver o cruceiro do Cristo da Ponte e aproveitar a área recreativa con mesas para merendar. Coido que o templo abre unicamente os días de romaría.

FARO DE PUNTA CANDIEIRA

Seguimos por estradas locais, en dirección ao faro de Punta Candieira, que deixan ver de cando en vez os vertixinosos cantís desta costa. O treito final é unha sucesión de dez curvas pechadas que baixan en acentuado desnivel ata o edificio do faro. A estrada non ten saída e haberá que da-la volta para percorrer de novo os nove quilómetros que separan o faro de Cedeira.

O edificio deste faro inaugurado no ano 1954 non é gran cousa pero o camiño para chegar ata aquí e, sobre todo, as vistas si que o son. Xunto o faro non hai aparcadoiro nin un lugar evidente para da-la volta polo que, coido, as caravanas e furgonetas teñen que pensalo ben antes de vir ata aquí. Tamén boto en falta un miradoiro doutro lado do faro que permite ver esta costa en toda a súa plenitude.

Baixada cara ao faro de Punta Candieira

Faro de Punta Candieira

De regreso en Cedeira seguimos outros catro quilómetros ata o noso aloxamento: a Casa Rural A Pasada na antiga escola de nenas da aldea de San Román de Montoxo. A decoración é rústica como  moitas outras en Galicia pero o trato de María, a súa propietaria, si que é unha auténtica “pasada”. Unha mágoa que non se sirvan comidas xa que a casa convida a quedarse máis horas cás de durmir. Totalmente recomendable.

www.apasada.com/

Turismo rural “A Pasada”

DÍA 3

MIRADOIRO CHAO DO MONTE

Saímos pola mañá con destino a un lugar mítico: a aldea de Santo André de Teixido. Empezamos a ascender polas abas da Serra da Capelada para entrar nos límites destas bonitas montañas de aire nórdico onde son habituais as greas de cabalos salvaxes. Lamentablemente desta vez non conseguimos ver nin un só cabalo para decepción das miñas amigas. Coido que é a primeira vez que acontece nas miñas numerosas visitas a este lugar.

Antes de comeza-lo descenso a Santo André paramos en Chao do Monte, mais ben unha zona de aparcadoiro que un miradoiro ao uso pero con fantásticas vistas do recolecto núcleo urbano da aldeíña de Santo André e, máis ao norte, dos impresionantes acantilados de Vixía da Herbeira.

Vistas dende o miradoiro Chao do Monte. En medio plano a aldea de Santo André de Teixido e ao fondo cantís de Vixía da Herbeira

SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

Estamos a visitar un lugar mítico, unha pequena poboación rural entre os cantís máis altos da Europa Continental e sen ningún outro lugar poboado na súa proximidade. O pequeno conxunto urbano está formado por un grupo de casas de aspecto mariñeiro pintadas de branco arredor do famoso santuario do Santo.

Hai un dito galego que fala así: “Santo André de Teixido, vai de morto quen non foi de vivo”. Segundo esa crenza aquel galego que non visite o santuario en vida terá que facelo despois de morto reconvertido en alma en pena ou quizais nun pequeno animal, réptil ou insecto.

A xustificación a esta peregrinación obrigada vén, segundo outra lenda, por un Santo André descontento e triste co seu santuario que non atraía nin de lonxe os peregrinos da tumba de Santiago, ambos os dous en Galicia. Un Deus conmovido pediulle de ficar tranquilo e prometeulle que ninguén entraría no reino dos ceos sen antes visita-lo seu santuario. E de non facelo en vida tería que acudir de morto. E é por esa tradición que os galegos crentes deberían viaxar polo menos unha vez na súa vida ata esta aldeíña.

O santuario existe dende o século XII e pertenceu á Orde de Malta e, posteriormente, a de San Xoán de Xerusalén. O edificio actual é posterior, do XVI, en estilo gótico mariñeiro. A poucos metros do templo atópase a Fonte do Santo da que mana auga milagreira que vén de debaixo do altar maior. Para consegui-lo “milagre” hai que beber do picho sen apoiar as mans na parede da fonte.

Santo André de Teixido

Interior do santuario

Na aldea son famosos os “sanandreses” ou “sanandresiños”, amuletos protectores que consisten en figuriñas de pan seco modeladas artesanalmente que despois de enfornadas son pintadas con cores moi vivas. Aínda son poucos os artesáns a facer estas pezas polo que resultan difíciles de atopar fóra de Santo André de Teixido.  De volta na casa, unha excesiva humidade ou forte calefacción poden alterar as figuras.

Sanandres, agasallo de aniversario para Rosa. Foto de Rosa Atienza

Hoxe pola noite imos celebrar o aniversario da nosa amiga Rosa. Aproveito a súa visita ao santuario para “perderme” e mercar un destes obxectos únicos para ela que, estou seguro, servirá de lembranza destes días pasados en Galicia e do cariño dos seus amigos.

Neste últimos anos Santo André de Teixido está a dar un paso adiante como destino turístico polo que veu mellorando a súa oferta de restauración e agora son varios os bares e restaurantes onde é posible probar os famosos percebes da zona.

GARITA DE HERBEIRA

Seguimos pola estrada local que leva cara á vila mariñeira de Cariño atravesando a Serra da Capelada. Uns poucos quilómetros despois, á altura dun dos maiores parques eólicos da Península Ibérica, facemos un alto para asomarnos aos acantilados máis altos da Europa Continental. Cos seus 613 metros e un desnivel do 80% son coñecidos como Acantilados de Herbeira ou, simplemente, Vixía de Herbeira.

O lugar é doado de recoñecer xa que ademais dun sinal hai unha zona de aparcadoiro nun lateral da estrada. Dende alí hai que seguir a pé uns poucos metros ata a construción de pedra no beiril sobre os famosos cantís. É a garita de vixilancia orixinaria do século XVIII que, como outras na costa cantábrica, vixiaban a costa ante a posible chegada de ingleses e piratas. A garita só conserva os muros exteriores e o tellado e o seu interior está baleiro.

Garita da Herbeira

Os acantilados con néboa

Os fortes ventos e a néboas son dúas presenzas habituais do lugar. Hoxe a brétema é moi densa e apenas nos deixa ver o mar baixo o cantil. Por contra, a paisaxe en terra, con esa mestura de vacas pacendo e xigantes muíños eólicos, é case tan senlleira como os inmensos cantís.

Foto Rosi Martínez

CABO ORTEGAL (PUNTA DOS AGUILLÓNS)

Cruzamos a vila de Cariño para tomar a estrada que bordea a Ría de Ortigueira e Ladrido e que nos leva ata o Cabo Ortegal. É este o segundo cabo máis ao norte da costa española, tan só superado polo veciño de Estaca de Bares. Ortegal é tamén a marca divisoria entre as augas do Océano Atlántico e as do Mar Cantábrico.

A estrada de ida e volta remata nun aparcadoiro a carón do faro e da explanada-miradoiro dende a que observar a paisaxe circundante: a Punta do Limo cara ao oeste e o Cabo de Estaca de Bares máis lonxe e en dirección contraria. Ao pé do faro están as formacións máis fotografadas do lugar, os tres illotes ou Tres Aguillóns que fan que en Galicia se fale indistintamente do Cabo Ortegal ou da Punta dos Aguillóns.

Os Aguillóns son rochas moi afiadas polo efecto da erosión do mar. Xa aparecen citados nun escrito do grego Ptolomeo como “Trileuco” co significado de “Os Tres Blancos”, nome que podía facer referencia á escuma de mar habitual entre os illotes ou ao guano da maior colonia de araos de España que aquí habitou ata a década dos setenta do século pasado.

A colonia de araos extinguiuse pero Cabo Ortegal segue a ser un lugar de importancia para observación de paxaros migratorios mariños, especialmente nos meses de outono.

Faro de Cabo Ortegal

Punta do Limo ao fondo

Os Tres Aguillóns

Aconsellados por María, a propietaria da nosa casa de turismo rural da noite anterior, desviámonos entre Cariño e Ortigueira ata a aldea de San Clodio para xantar no Restaurante Casa Rodrigo. A comida está saborosa, os prezos son razoables e o lugar agradable. Grazas María!

http://casarodrigo.es/

ORTIGUEIRA

Esta vila foi unha das poboacións máis importantes da costa norte galega, pero parece que nestes últimos decenios foi entrando nun estado de adormecemento preocupante. O que si segue a ser é un lugar agradable no que facer unha parada e asomarse á súa ría. Tamén compre achegarse e a moi poucos quilómetros do centro urbano, á famosa Praia de Morouzos con algúns establecementos de restauración e estupendas vistas da bocana da ría.

En Ortigueira xa comezamos ver casonas e palacetes indianos, nese estilo arquitectónico propio do Principado de Asturias e de Galicia con influencias do outro lado do Atlántico traídas polos emigrantes retornados aos seus lugares de orixe a comezos do século XX.

Coñecer Ortigueira é pasear polas rúas Eusebio Dávila e Luciano Pita coas súas bonitas galerías brancas para rematar no edificio do antigo convento de San Domingos, agora reconvertido na igrexa parroquial de Santa Marta, na Casa do Concello e no sorprendente Teatro da Beneficencia. Este bonito e pequeno teatro dá a medida da importancia cultural que tivo esta vila no pasado. Hai visitas gratuítas dúas veces por xornada nos días da semana e unha pola mañá os sábados.

Rúa Eusabio Dávila

Igrexa parroquial

Paseo do Malecón

Estatua do Gaiteiro

As rapazas en Ortigueira

Tamén hai que ve-la ría e pasear polo Parque do Malecón coas casetas de raias de cores e a escultura do “Gaiteiro de Ortigueira”. Esta obra de bronce de catro metros foi realizada polo escultor galego Francisco Leiro como referencia ao importante Festival de Música Internacional do Mundo Celta que se vén celebrando todos os meses de xullo dende o ano 1978. Nesas datas a sosegada Ortigueira cambia a un ritmo frenético que a fai irrecoñecible.

ACANTILADOS DE LOIBA/O BANCO MÁIS BONITO DO MUNDO

Á altura da parroquia de San Xiao de Loiba deixamos a estrada comarcal que comunica Ortigueira co Porto do Barqueiro para seguir por camiños locais ata o Miradoiro de Coitelo, antes coñecido como “acantilados de Loiba” e agora como “o banco máis bonito do mundo”.

Realmente debería ser o banco mellor situado do mundo polas vistas que ofrece. E por suposto, non sei se é o banco máis bonito do mundo pero si o máis famoso de Galicia. E iso que ultimamente saíron moitos competidores. De calquera xeito, as vistas e a zona son marabillosas e paga a pena coñecer este treito da costa galega.

Costoume saber a historia do nome e, despois de moito preguntar, paso a contarvos a miña versión. Seica foi un veciño da parroquia, Rafael Prieto, quen colocou con diñeiro do seu peto o banco no ano 2009. A súa intención era que os poucos visitantes que viñan a Loiba puidesen gozar coas mesmas vistas da xente do lugar e coa bonita posta do sol tras os illotes dos Aguillóns. Despois chegou unha banda escocesa que participaba no Festival de Ortigueira e escribiu sobre a madeira do banco “The best bank in the world”. Como xa saberedes bank úsase maiormente para definir entidades bancarias e non mobiliario de madeira para sentarse que sería bench. Pero polo visto, bank tamén ten outros significados como ladeira, ourela e, incluso, cantil, e esa debía ser a intención dos escoceses. O banco apareceu no anuncio de IKEA “Comeza algo novo” do ano 2013. Despois fíxose aínda máis famoso por aparecer nunha fotografía do galego Dani Caxete premiada no proxecto TWAN da Unesco no ano 2016.

Esta podería ser unha das explicacións da súa historia pero tamén hai outras. O caso é que agora converteuse nun reclamo que a xente quere coñecer. E o importante é que Loiba e o seu banco serviu de punto de partida para que outros particulares e entidades galegas colocasen bancos en emprazamentos bonitos do noso territorio para o seu uso por parte de visitantes.

Paseando polos cantís de Loiba. Foto Rosi Martínez

O banco máis bonito do mundo

Tede en conta que hai varios bancos nesta zona da costa pero o primeiro e o famoso é o que aparece na foto superior.

ESTACA DE BARES

Agora si estamos no cabo máis setentrional da Península Ibérica. Unha referencia xeográfica que todos memorizamos nos anos de escola. De camiño cara ao extremo da península pasamos pola pequena e bonita aldea da Vila de Bares. Dende alí, un curto desvío de ida e volta leva ata O Porto de Bares onde din que hai os restos asolagados dun peirao de orixe prerromana (fenicia?). Pero polo de pronto, a praia do Porto de Bares xa paga a pena.

Unha vez no aparcadoiro do faro de Estaca de Bares, hai que cruzar polo medio do edificio do faro para acadar a punta máis ao norte de España, preto do illote do Estaquín.

Aldea O Porto do Bares na Ría do Barqueiro

Camiño dende o aparcadoiro ao faro

Linterna do faro

Punta Estaca de Bares

Outro lugar interesante de Estaca de Bares son as ruínas das canles de auga e dos muíños dispostos vertixinosamente en cascada na ladeira do cantil. Están situados á dereita das abandonadas instalacións da Base Americana e a carón do edificio da Estación Ornitolóxica. Os muíños están en mal estado de conservación pero esperemos que algunha das administracións bote a man a tempo para recuperar un espazo senlleiro.

Estación Ornitolóxica

Ruínas dos muíños de Estaca de Bares

Nestes días sae na prensa que o Concello de Mañón vén de comprar as antigas instalacións da Base para darlles un novo uso turístico. É posible que na próxima viaxe por estes lares poidamos contar cun novo atractivo. Por outra banda, Estaca de Bares é outro dos lugares de renome en Galicia para a observación de paxaros.

O PORTO DO BARQUEIRO

Ou simplemente O Barqueiro, un recuncho precioso de casas mariñeiras de cores na marxe da Ría do Barqueiro e na desembocadura do río Sor. Un lugar imprescindible para comer ou tomar algo na súa abondosa oferta de servizos de restauración. As mellores mostras de arquitectura mariñeira están nas proximidades do seu porto.

O Porto do Barqueiro

VIVEIRO

A vila de Viveiro xunto coa de Ribadeo foron converténdose nestes últimos anos nas poboacións cabeceira de comarca de toda a costa norte galega. E quizais o desenvolvemento urbanístico aínda sexa máis esaxerado en Viveiro.

A sona de Viveiro medrou desmedidamente nestes últimos anos grazas á celebración do Resurrection Fest, un festival de músicas metal e hardcore, entre outras, que se vén celebrando dende o ano 2006 e que na súa última edición 2019 convocou a 102.053 asistentes.

Pero Viveiro sempre tivo un harmónico centro histórico con numerosos monumentos, unha activa zona turística arredor da Praia de Covas, doutro lado da ría, e unha numerosa oferta comercial que se corresponde coa súa intensa actividade como capital comarcal.

Viveiro tamén ten unha moi boa oferta de aloxamento con varios hoteis de catro estrelas. A cidade está en festas e os prezos son consecuentes co mes e coas datas escollidas. Reservamos no Hotel Gastronómico Boa Vista, un tres estrelas a pé da estrada nacional e unha chisca afastado do centro. Tamén ceamos no seu restaurante e aínda que o nivel de prezos sexa medio/alto tamén o é o nivel da súa oferta gastronómica. Recomendable.

www.boavistahotel.com/

Ría de Viveiro

Porta de Carlos V de entrada ao centro histórico de Viveiro. Foto de Rosi Martínez

Antiga Casa do Concello en Viveiro

Imaxes de Viveiro en festas

DÍA 4

O FUCIÑO DO PORCO

Viveiro non é só un centro histórico senón que conta cunha serie de atractivos turísticos nos seus arredores. Nós desfacemos o camiño que trouxemos o día anterior e achegámonos ao veciño Concello do Vicedo para coñecer o espazo natural coñecido como O Fuciño do Porco.

O Fuciño é unha punta que se mete na Ría de Viveiro e na que interveu a man do home no ano 2017. Nese ano o que era un antigo camiño para o servizo de mantemento dos sinais marítimos foi reconvertido nunha senda turística con atractivas pasarelas de madeira que axudan a supera-la súa accidentada orografía.

Cóstame ver a similitude porcina do nome (a tradución ao castelán é morro de cerdo,) pero si concordo con outros visitantes en que me trae á cabeza imaxes semellantes de San Juan de Gaztelugatxe no País Vasco.

Hai un dobre acceso dende a estrada LU-862. Vindo de Viveiro o máis rápido é o que pasa pola urbanización da Praia da Abrela. Hai que chegar a un punto cun aparcadoiro que neste mes de agosto resulta totalmente insuficiente para as numerosas visitas. Dende alí temos un quilómetro e medio a pé a través dun bosque de eucaliptos para chegar ao inicio da pasarela de madeira que é o realmente interesante.

Acceso ao Fuciño do Porco

Ría de Viveiro dende O Fuciño do Porco

A costa ao norte da pasarela

A pasarela de madeira

Final do percorrido de ida e volta

Fuciño do Porco non vai deixar a ninguén indiferente. Non hai que esperar moito a vir xa que a súa sona medra tan rapidamente que pode converterse na súa primeira inimiga. Mellor visitalo fóra de tempada. Como espazo natural que é non hai que pagar ningunha entrada.

O SOUTO DA RETORTA

A poucos quilómetros de Viveiro en dirección a Lugo está outro dos seus atractivos. De camiño vemos como se comezan a instalar as tendas da Romaría do Naseiro tamén chamada “festa do  bo xantar”. Esta popular festa vai ter lugar en poucos días en terreos non lonxe do Souto da Retorta.

Curiosamente, o significado de souto é, segundo a Real Academia Galega, o de terreo poboado do castiñeiros. Non é o caso, o Souto da Retorta é un bosque de eucaliptos, unha árbore que chegou de Australia a Galicia no século XIX. Por iso quizais sexa máis correcto o seu outro nome de Eucaliptal de Chavín.

O eucalipto adoptouse tan ben á nosa terra que hoxe parece autóctona. O seu rendemento económico converteuna nunha especie omnipresente que moitos galegos rexeitamos polos estragos que causa nos terreos e, no meu caso, tamén por ser unha árbore moi fea.

O caso é que neste bosque ou área recreativa están algúns dos exemplares de eucaliptos con maior altura e tamaño de Europa. A estrela é “O Avó”, un eucalipto plantado en 1880 de 67 metros de altura e máis de 10 no seu perímetro, considerada a árbore máis grande de España. É doado de recoñecer, aparece arrodeado por un valado para evitar apisoa-lo terro na súa contorna. O Avó está maliño e sofre de numerosas doenzas.

Dende o aparcadoiro hai que dar un bonito paseo de aproximadamente un quilómetro ata O Avó. Ademais dos eucaliptos, o río Landro forma un bonito bosque de ribeira.

As miñas amigas valencianas no Avó

Mati e o tronco cortado dun grande eucalipto

Rosi no Souto da Retorta

Na beira do río Landro

CERVO/SARGADELOS

Chegamos a Cervo á hora do xantar. O acceso ao centro desta bonita vila de casas tradicionais en pedra de granito está pechado por ser o último día das súas festas patronais de Nosa Señora e San Roque. Hoxe pola noite celebrarán a súa Queimada Popular.

Aproveitamos para xantar nunha das carpas da festa e probar as especialidades dos diferentes postos, percebes entre elas. Algunha das miñas amigas quéixanse de que os prezos non son tan populares como pretende selo a festa.

Festas en Cervo

A razón de parar en Cervo é o propio encanto da vila pero, sobre todo, a planta de produción da famosa cerámica de Sargadelos, un dos emblemas culturais de Galicia e, sen dúbida, a súa cerámica máis representativa.

A historia de Sargadelos comeza no século XIX cando o asturiano Antonio Reimundo Ibáñez, nomeado tras a súa morte “Marqués de Sargadelos”, abre a primeira fábrica de louza de Galicia inspirada nos motivos da louza inglesa. O seu momento de esplendor chegou entre 1845 e 1862, cando a fábrica daba traballo a mil familias.

Despois da decadencia e peche da fábrica, o ceramista e artista Isaac Díaz Pardo e outros artistas galegos exiliados crearon en Arxentina un Laboratorio de Formas que remataría reabrindo de novo Sargadelos na década dos setenta do século XX. Deseños moi atrevidos que dotarían á cerámica dunha personalidade que a identifica ata hoxe. A colaboración con artistas é unha constante e Sargadelos unha das marcas exclusivas da artesanía en Galicia e España.

A fábrica organiza visitas guiadas para grupos e permite visitas por libre e sen guía para individuais. En tempada alta hai visitas organizadas que explican o proceso produtivo. Hoxe está pechada tanto a fábrica como a bonita tenda aberta nos baixos da factoría. Son festas para todos.

Fábrica de Sargadelos

O proceso produtivo. Fotos realizadas durante unha viaxe un mes máis tarde

Tenda da fábrica de Sargadelos

Uns centos de metros despois da fábrica hai uns cuantos lugares interesantes coñecidos en conxunto como “Museo Histórico de Sargadelos”.  Aquí poden verse as ruínas (fornos, encalco, canal,…) das Reales Fábricas de Sargadelos, a que foi primeira siderurxia integral de España, o Pazo do Marqués e o Museo na antiga Casa da Administración sobre a historia e o patrimonio relacionado con Sargadelos.

E aínda uns metros máis aló: o Paseo dos Namorados. Unha senda dun quilómetro entre a ida e volta que bordea o río Xunco ata a presa artificial construída para abastecer de auga ao complexo fabril. O nome vén dunha lenda local que fala do efecto namoradeiro de face-lo paseo en parella.

Paseo dos Namorados. Foto Rosi Martínez

RIBADEO

Chegamos a Ribadeo a media tarde e aproveitamos para descansar un pouco. O noso hotel fica á entrada da vila vindo de Foz. O cansazo do día fai que deixemos para outra ocasión a visita á igrexa de San Martiño de Mondoñedo, a que foi sé do bispado de Mondoñedo e primeira catedral de España, situada no Concello de Foz.

Baixamos a cear ao centro da vila que aparece totalmente ateigada de xente. San Roque é uns dos padroeiros de Ribadeo e as festas atraen a moita xente da zona e da veciña Asturias. Faise moi difícil atopar un lugar para deixar o noso coche e, tanto ou máis difícil, é achar un restaurante onde cear.

Damos unha volta e regresemos en boa hora a durmir para poder atacar a nosa última xornada. A canseira destes intensos días de viaxe comeza a pasar efecto e botamos de menos a cama. Decidimos visitar a vila coa luz do día á mañá seguinte pero esquecemos consultar a previsión meteorolóxica.

Ribadeo, choiva e frío á mañá seguinte

DÍA 5

ILLA PANCHA

Espertamos pola mañá coa sorpresa dun día de outono gris, nubrado e chuvioso. Por riba a choiva é ben fría. Desistimos do paseo por Ribadeo e limitámonos a ver o que permiten os cristais embazados do meu coche. As ben recuperadas rúas antigas e a súa atractiva ribeira na Ría de Ribadeo terán que esperar a unha mellor ocasión.

O Cargadoiro

Pasamos por debaixo da Ponte dos Santos que une Galicia co Principado de Asturias e seguimos pola Estrada do Faro. Primeiro deixamos á dereita o antigo cargadoiro do ferro que chegaba das minas da Pontenova a través dun tren de vía estreita. Uns metros máis adiantes, e tamén á beira da ría,  aparece o Forte de San Damián,  construído no século XVII para a protección de posibles ataques por mar.

A primeira paraxe é no miradoiro da Illa Pancha. Esta pequena illa na bocana da Ría de Ribadeo acolle un faro construído en 1857. O acceso é a través dunha ponte que permanece pechada ao público dende a reconversión do edificio nun aloxamento de luxo con dous apartamentos. A tarifa do faro non é barata pero tampouco é habitual o feito de aloxarse nun establecemento desta tipoloxía.

Pancha é especialmente bonita cando as invasoras plantas de unllas de gato botas as súas flores de cor malva intenso. Esta vexetación, procedente orixinariamente de África do Sur chega a tapizar unha gran parte da superficie da illa.

Miradoiro e Illa Pancha

RINLO

Rinlo é unha pequena aldea mariñeira que vivía da pesca de balea no Concello de Ribadeo. A medio camiño entre esa vila e a Praia das Catedrais é unha bonita parada para coñecer as tres cetarias naturais do seu paseo marítimo.

Estes viveiros ou piscinas naturais servían dende 1904 para a cría de mariscos de gran calidade. O que se fixo foi aproveitar as entradas do mar e pechalas con muros de cachotería que retiñan a auga e impedían a entrada das ondas. As cetarias deixaron de funcionar hai máis de vinte anos e aparecen parcialmente restauradas como zona de lecer.

Hai que saír da aldea en dirección oeste, a primeira cetaria está a escasos centos de metros da poboación e a última despois de Punta Corveira. Un agradable paseo de ida e volta a pé ou para facer en coche. Ademais, Rinlo tamén ofrece unha interesante oferta de restauración onde poder xantar.

Porto de Rinlo

Paseo das cetarias

Cetaria. Foto Rosi Martínez

PRAIA DAS CATEDRAIS

A media mañá chegamos ao que se converteu neste último decenio no principal atractivo turístico da Mariña Lucense. Unha praia para visitar mais que para toma-lo sol. É máis, a súa sona traspasou tantas fronteiras que na alta tempada turística (pontes, Semana Santa e meses de xullo, agosto e setembro) hai que pedir un permiso para poder visitala. Esa autorización é gratuíta e pode ser solicitada ata 90 días antes da data desexada na web:

https://ascatedrais.xunta.gal/monatr/inicio

O límite máximo de visitantes é de 4.812 persoas por día que habitualmente se concentran durante catro horas ao día. Hai que ter en conta que a praia só é transitable coa marea baixa. Con marea alta as ondas baten directamente contra os cantís e non queda un centímetro de area sen cubrir pola auga do mar.

Percebes nas rochas das Catedrais

En Galicia hai unha gran diferencia na altura do mar entre a baixamar e a preamar que acontecen alternativamente cada seis horas e algúns minutos. Isto significa que cada día hai dúas baixamares e outras dúas preamares que van mudando de horario un pouco cada día, de tal xeito que á volta duns dez días o horario da baixamar pasa a ser o da preamar. Pode resultar confuso pero non o é tanto e o mellor é consultar a táboa de mareas de Ribadeo e ver as horas da baixamar do día desexado.

https://tablademareas.com/es/lugo/ribadeo

Hai que levar a autorización impresa para traspasar o control nas únicas escaleiras de acceso á praia. A miña recomendación é chegar polo menos unha hora antes da baixamar para ter tempo dabondo e recorrela antes de o mar comece a subir de novo. Os dous extremos da praia son difíciles de visitar sen mollarse en canto sube un pouco a marea.

O resto xa o sabedes, unha praia preciosa onde a forte erosión do mar deu forma a arcos, covas e formacións rochosas que fan lembrar os arcobotantes dunha catedral gótica. De aí o seu nome. Tede moito coidado ao entrar nas covas xa que houbo desprendementos e algunha vítima mortal. Tamén está prohibido camiñar pola parte superior dos cantís.

Praia das Catedrais dende a zona de acceso. Foto Rosi Martínez

De esquerda á dereita: Mati, Tere, Rosa e Rosi

PAZO DE TOVAR

Comezamos o regreso cara a Santiago de Compostela e procuramos un restaurante que quede de camiño. Escollemos o Forno de Tovar no Concello de Lourenzá, un restaurante nos baixos dun verdadeiro pazo galego. Especializado en pratos non moi usuais en Galicia como son o leitón, o cordeiro e o cabrito, tamén ofrece outras especialidades típicas da nosa terra. Boa preparación e estupendo servizo nun lugar único a prezos comedidos. Moi recomendable.

A fortaleza de Tovar aparece xa en escritos de finais do século XII como a Torre dos Canedo. No XVI adquiriu un carácter menos defensivo e serviu co tempo como vivenda incluso de varias familias. Recentemente foi sometido a traballos de restauración para converter o que era unha ruína nun novo atractivo do norte da provincia de Lugo. Hoxe alberga o restaurante O Forno de Tovar e o Centro de Interpretación dos Pazos Galegos.

Pazo de Tovar

VILANOVA (LOURENZÁ)

De regreso en Vilanova, capital do Concello de Lourenzá, facemos unha breve parada para visitar a Igrexa de Santa María, que comparte praza coa Casa do Concello. A igrexa é do século XVIII e a súa fachada, obra de Casas Novoa, considérase un ensaio da que logo sería a fachada principal (Obradoiro) da Catedral de Santiago de Compostela.

Ambos edificios forman parte das dependencias do que foi Mosteiro de San Salvador, un referente dentro do estilo Barroco Galego.

Interior da igrexa de Santa María

Praza coa Casa do Concello e a igrexa de Santa María en Vilanova

 MONDOÑEDO

Rematamos a nosa visita antes de regresar á casa, nunha das miñas vilas favoritas de Galicia. Mondoñedo foi capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia durante a Idade Media. E esa importancia do pasado está presente no importantísimo legado monumental da vila.

Lamentablemente, está a sufrir, como víamos en Ortigueira, un proceso de envellecemento da súa poboación que pon en risco o seu futuro inmediato. O Seminario está baleiro de alumnos e as tendas das súas principais rúa pechadas en gran parte. O único canto á esperanza é o  feito de que o Camiño de Santiago do Norte que atravesa a vila fose declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. A presenza dos peregrinos é continua e vai a máis.

En Mondoñedo hai moito que ver e facer, a súa impresionante Catedral, o Seminario, a Fonte Vella, o Santuario dos Remedios, o barrio típico con obradoiros artesáns dos Muíños, e moitísimo máis. A zona antiga está perfectamente restaurada aínda que non podemos dicir o mesmo da súa zona nova.

Catedral de Mondoñedo

A Fonte Vella

Praza da Catedral en Mondoñedo

Ademais, nas aforas de Mondoñedo está a única cova aberta ás visitas e a espeleoloxía en Galicia: a Cova do Rei Cintolo. E en próximas datas abrirá un novo Centro BTT para a práctica con bicicletas todo terreo.

Finalmente para os que gusten experimentar as especialidades gastronómicas locais, Mondoñedo conta cunha tarta única, moi intensa de sabor, a base de follado, améndoas  e cabelo do anxo. O Rei das Tartas ten tenda de degustación e venda tanto no centro histórico como nas aforas da vila, pola estrada nacional en dirección a Ribadeo.

Regresamos a casa contentos con esta viaxe que nos ten levado por unha chea de recunchos únicos da nosa terra.

4 comentarios en “Coñecendo Galicia – O norte do norte

  1. Un viaje precioso, me da mucha envidia los primeros días, ya que no conozco ninguna de las islas gallegas.

  2. Soy una de las viajeras que tuve la grandísima suerte de participar en esta aventura gallega. Como dice el autor del blog, una escapada totalmente recomendable.
    Nosotras tuvimos la suerte de ir acompañadas de un gallego totalmente enamorado de su tierra y, para colmo, profesional del ramo.
    Rosi.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.