É esta unha viaxe que comeza na capital sueca e remata en Gotemburgo despois de pasar pola costa occidental de Suecia. O meu desprazamento ata Estocolmo xorde co gallo de encontros profesionais por mor do meu traballo. As visitas a Fjällbacka e a Gotemburgo son puro lecer froito da miña paixón pola obra da escritora sueca Camilla Läckberg.
Seis días de viaxe que principian mal. O meu billete Santiago-Barcelona-Estocolmo coa compañía Vueling resulta estar mal emitido. Teño que regresar dende o aeroporto de Santiago á miña casa sen poder voar ate vinte e catro horas despois. Agora xa tan só teño cinco días por diante.
Aterro na terminal de Arlanda, o máis importante dos tres aeroportos da capital sueca. Teño o tempo xusto de pasar polo meu hotel a deixar a maleta para dirixirme á primeira cita profesional do día. Cando remato os meus encontros de traballo xa son as dez da noite, tempo de volver ao hotel para descansar e coller folgos para afronta-la visita a Estocolmo do día seguinte. Quedan catro días.
Grazas a que previamente decidín prolongar pola miña conta a visita a Estocolmo aínda teño unha xornada por diante para gozar desta cidade. Non é moito pero xa pasei por aquí nunha ocasión anterior na que visitei os seus principais atractivos.
Desta volta decido dedicar o meu tempo a dar un paseo tranquilo polo centro histórico e a visitar devagar as principais estacións da súa orixinal rede de metro. Todo en vinte e catro horas antes de coller o meu avión para Gotemburgo, a segunda cidade de suecia.
Estocolmo é un destino con moita sona e unha boa posición no maxín da maioría dos viaxeiros. Pero para min, malia recoñecela como unha das xoias urbanísticas de Escandinavia, non acada o interese doutras cidades europeas como Budapest ou Viena. Na cidade hai unha mestura de estilos construtivos irregular que non chega a sorprenderme en case ningunha ocasión. Nin sequera as tendas do famoso e apreciado deseño nórdico están á altura das que un pode encontrar en Copenhague. Nin en número nin en deseño.
Evidentemente, o que si resulta moi atractivo de Estocolmo é a súa sobranceira localización sobre un arquipélago de catorce illas no Mar Báltico. Esa confusa presenza de illas e canles, de terra e de auga, é a que a fixo merecedora do alcume da “Venecia do Norte”.
Tamén provoca envexa a súa calidade de vida e o respecto medioambiental que se respira na cidade. No momento de redactar este post, un par de meses despois de realiza-la viaxe, hai unha polémica nos medios de comunicación españois polo uso indebido do título “Cidade Verde” por parte do Alcalde de Madrid. Estocolmo si foi coroada como “Capital Verde de Europa 2010”, a primeira en recibir ese galardón da Comisión Europea que recoñece a boa xestión ambiental dunha cidade.
Outro valor engadido dunha visita a Estocolmo é sentirse nunha cidade moi activa e cunha gran poboación de xente nova e creativa. A pesar de se-la capital dun “modesto” país de menos de dez millóns de habitantes, Estocolmo proporcionou nomes tan míticos da nosa historia recente como son Alfred Nobel, Greta Garbo e Ingrid Bergman, grupos musicais como Europe ou Abba e músicos de última xeración como Robyn, Loreen, Zara Larsson e o finado Avicii.
Volvendo ao meu día de visita, comezo pola zona nova onde se atopa o meu hotel. Saio a pé dende o Parque Tegnerlunder para percorrer a principal rúa peonil e comercial de Estocolmo: rúa da Raíña ou Drottninggatan. Unha sucesión de locais comerciais pero con pouco actividade a estas horas da mañá.
No meu paseo desvíome ata a avenida Sveavägen para coñece-la Sala de Concertos máis importante da cidade: a Konserthuset, un curioso edificio pintado de azul do ano 1926 que funciona como sede da Real Orquestra Filharmónica de Estocolmo. Pero quizais sexa máis famoso por acoller a entrega anual dos Premios Nobel.
Sigo pola prolongación de Sveavägen para rematar na praza Gustav Adolfs, entre os edificios do Palacio Arvfurstens, o Ministerio de Asuntos Exteriores, e a Real Ópera Sueca. Deixo atrás a parte nova para cruzar pola ponte de Riksbro ao Estocolmo medieval.
Antes de entrar na illa de Stadsholmen, ocupada integramente polo barrio de Gamla Stan ou Cidade Vella, hai que atravesa-la a minúscula illa de Helgeandsholmen, onde se levantan unicamente os edificios do Parlamento sueco (Riksdaghuset) e do Museo Medieval de Estocolmo (Stockholms Medeltidsmuseum).
Gamla Stan foi o xermolo da actual Estocolmo, xa no século XIII. O seus primeiros poboadores eran de orixe alemá e deixaron a súa influencia no urbanismo medieval desta parte da cidade.
Unha vez na illa encóntrome co inmenso Palacio Real e coa veciña Catedral de San Nicolao (Storkyrkan), edificios que non teño tempo de visitar por dentro. Hai bastantes turistas mais non incomodan en exceso. O día loce soleado pero sopra un vento xeado que fai algo incómodo pasear á beira do mar. E iso que aínda estamos na segunda semana de setembro.
Sen saír de Stadsholmen sigo ata a pequena península de Riddarholmen que en tempos debeu ser unha illa separada (holmen: illote). A explanada ao pé da Torre do Conde Birger (Birger jarls torn) serve de miradoiro dende onde obter unha boa panorámica da inmensa Casa do Concello, na outra beira da canle marítima.
O pequeno barrio de Riddarholmen atrae numerosos visitantes pola igrexa do mesmo nome, un templo conmemorativo que acolle o panteón dos monarcas suecos aquí enterrados dende 1632 ata 1950.
Percorrer todas as rúas de Gamla Stan non leva moito tempo. De indubidable carácter turístico, os baixos das casas son unha sucesión de tendas de diversa índole, galerías e restaurantes. O número de visitantes é moito máis alto que en calquera outro lugar da cidade, sobre todo na rúa Vasterlänggatan e na praza Stortorget (Gran Praza) onde abren as súas portas o edificio da Academia Sueca e o Museo Nobel.
Desfago o meu camiño ata o Palacio Real, atraveso a ponte Strömbron e sigo a carón do Museo Nacional para cruzar á illa de Skeppsholmen. Ainda máis pequena que Stadsholmen é un espazo cultural no que destacan o Museo de Antigüidade de Extremo Oriente, o Museo de Arte Moderna, o Museo de Arquitectura e o Bergrummet (tamén coñecido como Colección Tidö de cómics e xoguetes). Todos son gratuítos agás o último no que hai que pagar 140 coroas suecas por adulto (uns 13 euros).
Visito o Museo de Arte Moderna e o de Arquitectura e remato na cafetería do primeiro. Dende as súas amplas cristaleiras podo ver claramente o edificio do Vasamuseet na outra beira da canle, sobre a illa Djurgẚrden. O Museo Vasa é unha das visitas imprescindibles de Estocolmo coa que eu xa cumprín na miña viaxe anterior. Acolle a considerada como nave do século XVII en mellor estado de conservación do mundo.
Este galeón de guerra naufragou na súa viaxe inaugural en 1628 debido á súa propia inestabilidade e aos varios golpes de vento que fixeron que o barco ladeara e afundira. O Vasa permaneceu no fondo do mar durante 333 anos de onde foron rescatadas ata 14.000 pezas que houbo que montar para a súa exposición. Unha curiosidade é que o edificio do museo, construído ex professo para acolle-la nave, deixa sobresaír os tres mastros do galeón por riba da súa cuberta.
Na mesma illa de Skeppsholmen está o aloxamento económico “STF af Chapman” que distribúe as súas instalacións entre o edificio do antigo Cuartel da Mariña e un magnífico veleiro ancorado permanentemente na beira da illa.
É a hora do xantar e mato a miña fame cun par de salchichas desas que venden nos postos de rúa. Como todos saberedes, comer en Suecia e no resto de países escandinavos non é barato. E beber aínda custa máis, hai que contar con seis ou sete euros para unha cervexa, prezo que se acrecenta se o que queremos é unha copa de viño.
Pero desta vez atopo todo unha chisca máis razoable. Pode que xa me acostumara aos prezos nesta parte de Europa ou que, despois das miñas derradeiras visitas a Dinamarca e Noruega, Suecia pareza ter prezos caros pero alcanzables. Vexo ofertas de menús en numerosos restaurantes e algúns bares de barrio anuncian cañas de cervexa a partir de dous euros e medio.
Con aínda medio día por diante, decido pasar un par de horas soterrado e coñecer as orixinais estacións de metro polas que é famosa Estocolmo, unha auténtica galería de arte baixo terra. Paso pola Oficina de Turismo onde me recomendan percorrer a Liña azul 11 entre as estacións de Kungsträdgärden e Akalla, así como a estación Stadion na Liña vermella 14.
Pago 45 coroas suecas, equivalentes a catro euros e medio, por un billete que me permite visitar todas as estacións de interese. Como é habitual neste medio de transporte, non hai limitación de tempo. O Metro de Estocolmo tamén permite saír á rúa e volver entrar co mesmo billete sempre que se faga dentro da hora tope impresa no tícket. Nese caso non hai que saír polas máquinas automáticas senón pasar pola xanela do vendedor-controlador de cada estación quen abrirá a comporta máis próxima despois de amosarlle o billete.
LIÑA AZUL 11
KUNSTRÄDGÄRDEN (1957)
Representa dun xeito bastante artificioso o Xardín do Rei, un dos grandes parques públicos de Estocolmo situado nas súas proximidades.
HALLONBERGEN (1975)
Decorada con graffitis imitando os debuxos feitos por nenos.
Dende Kunsträdgärden diríxome a Hallonbergen, a estación máis afastada na mesma Liña azul, e vou parando de regreso a T-Centralen nas seguintes tres estacións:
NÄCKROSEN (1975)
SOLNA CENTRUM (1975)
É a estación do centro comercial do mesmo nome . A súa decoración é unha viaxe ao centro da terra, ao núcleo dunha intensa cor vermella. Sen dúbidas, a miña favorita!
RÅDHUSET (1975)
Trata de representar unha cova natural ou unha mina.
T-CENTRALEN (1975)
Hai dúas estacións con este nome, unha que comparte as Liñas verdes 17-18-19 coas Liñas vermellas 13-14 e outra estación veciña coas Liñas azuis 10-11. A interesante dende o punto de vista do deseño e da decoración é a estación das Liñas azuis.
LIÑA VERMELLA 14
STADION (1973)
A decoración fai referencia ao estadio deportivo situado na súa superficie onde se celebraron os Xogos Olímpicos do ano 1912.
Durante o meu percorrido paso por algunhas outras estacións que me resultan grises e pouco interesantes. A simple vista e dende o convoi, xa que a publicidade do Metro de Estocolmo fala de que un 90% da súa rede presenta obras de arte de múltiples artistas que a converten na maior galería de arte do mundo (e gratuíta!).
Consultando información na Internet aparecen referencias a outras estacións con algúns elementos decorativos interesantes a visitar no caso de ter tempo dabondo. Son Fridhemsplan (Liñas azuis 10-11 e verdes 17-18-19), Thorildsplan (Liñas verdes 17-18-19), Teknisa Högskolan (Liña vermella 14) e Horstull (Liñas vermellas 13-14).
Despois dun merecido descanso, despídome de Estocolmo tomando unha copa ou varias nos animados bares da rúa Högbergssalen, na illa ao sur de Gamla Stan. Si, Estocolmo ten unha noite relativamente animada polo menos nas fins de semana. Tamén é verdade que cando regreso cara ao meu hotel, pouco despois da medianoite, moitos locais xa comezan a baleirarse ou teñen as súas portas pechadas.
Seguir a segunda parte desta viaxe no link Fjällbacka, a inspiración de Camilla Läckberg
Aunque con un poco de retraso, he viajado por Estocolmo sin moverme de casa.
Sigo con la segunda parte de viaje. Yo también he leído toda la saga. Voy a ver en directo dónde se desarrolla.
Bicos.
Rosi, moitas grazas por ser tan boa seguidora deste blog. Apertas
Pingback: Fjällbacka, a inspiración de Camilla Läckberg | Cidadán do Mundo, pero galego