Para consultar a primeira parte desta viaxe ve-lo link Estocolmo – Enriba e embaixo
É posible que este post non interese a moitos dos lectores desta bitácora se temos en conta que a única finalidade desta viaxe é coñecer de primeira man a poboación de Fjällbacka na costa occidental de Suecia.
E non é que Fjällbacka non sexa un lugar fermoso, de feito en moitas publicacións aparece como a vila costeira máis bonita de Suecia. Pero non deixa de ser unha pequena poboación de 900 habitantes moi parecida a moitas outras. E a súa situación, a 132 km ao norte de Gotemburgo e a menos de 70 km da fronteira norueguesa, non a fai especialmente accesible a non ser que esteas a facer un percorrido pola costa sueca ou te atopes de viaxe entre Gotemburgo e Oslo.
FJÄLLBACKA
Unha razón de peso para organizar unha viaxe especificamente ata aquí é, como no meu caso, descubrir a vila natal e o lugar de inspiración da escritora sueca Camilla Läckberg. Camilla é unha boa sucesora no eido da novela de misterio doutra grande como foi Agatha Christie. Non hai que pedir unha literatura sofisticada, que non é o caso, pero si guións apaixonantes e perfectamente construídos que van engaiolar ao lector dende un primeiro momento.
Camilla, que agora ten 45 anos, era unha entusiasta dos relatos de misterio dende cativa. Ela escribiu con tan só cinco anos (!) o conto “Tomten” onde narra unha historia arrepiante e sanguinolenta que fala da parte escura dos seres humanos.
Vinte cinco anos despois, no ano 2003, publicou “A Princesa de Xeo”. Unha novela de misterio na que aparece por primeira vez a vila de Fjällbacka como un protagonista máis da narración. A partir de ese momento Camilla comezou a ser unha referencia en Suecia e unha creadora de bestsellers a nivel mundial, con doce millóns de libros vendidos en ata cincuenta países diferentes.
Foi o titor de Camilla quen lle recomendou inspirarse nun lugar que ela coñecera ben para escribir os seus libros. E que mellor que Fjällbacka? A vila na que naceu e pasou unha parte da súa xuventude ata que marchou estudar a Gotemburgo.
Fjällbacka é o lugar no que residen os protagonistas de case todas as novelas de Camilla: o policía Patrik Hedström e a súa muller e escritora Erica Falck. Esta parella é tamén a que investiga e acostuma solucionar os crimes que oculta a aparentemente educada, rica e un tanto anódina sociedade rural sueca.
Camilla é pois a inspiración da miña viaxe e Fjällbacka o destino onde respirar o mesmo aire e sentir a atmosfera daqueles personaxes que poboan as novelas da escritora, como son “A Princesa de Xeo” (2003), “Os Berros do Pasado” (2004), “As Fillas do Frío” (2005), “Crime en Directo” (2006), “As Pegadas Indelebles” (2007), “A Sombra da Serea” (2008), “Os Vixiantes do Faro” (2009), “A Mirada dos Anxos” (2011), “O Domador de Leóns” (2014) e “A Bruxa” (2018). Libros que lin un tras outro e sempre con gana e expectativa dunha nova novela para botarlle man.
Despois destes dez libros nos que Patrick, Erica e Fjällbacka son os protagonistas, Camilla publicou neste 2019 “A Gaiola de Ouro”. O primeiro da súa bibliografía que rompe coa saga que a fixo famosa e no que Fjällbacka pasa a ser unha mera referencia no texto. Presumo que Camilla, moi intelixentemente pola súa parte, ou ben non quere esgotar o filón que tantas alegrías lle veu provocando ata hoxe ou ben o é que quere e abrir novos camiños que fagan a súa obra máis variada.
Volvendo á viaxe, onte deiteime unha chisca tarde pola miña incursión nocturna no barrio “de marcha” da capital sueca. Cedo pola mañá collo un taxi que me achega en vinte minutos ao aeroporto de Bromma. É este un dos tres aeroportos de Estocolmo e o que se atopa máis preto da cidade. Hoxe sábado apenas hai movemento na estrada de saída cara ao aeroporto.
Pago 340 coroas pola carreira, uns 33 euros. Cando chego á Terminal sorpréndome cunhas instalacións moi pequenas e destinadas case exclusivamente aos voos nacionais da compañía sueca Braathens. Chámame a atención que esta compañía teña só auto check-in e que o persoal de terra se limite exclusivamente a recolle-la maleta. Os mostradores de facturación non abren ata unha hora e media antes do voo e permanecen abertos ata quince minutos antes da saída.
O voo a Gotemburgo demora unha hora pasada. A ocupación non chega a un terzo da capacidade do avión turbohélice de Braathens. A tarifa máis conveniente que atopei para estas datas do ano foi de 65 euros.
Unha vez no aeroporto de Gotemburgo paso pola oficina de Hertz que representa á compañía Thrifty coa que contratei o alugamento do meu coche. Pago 145 € polo aluguer de dous días do meu Volvo V40, con todos os seguros incluídos e sen franquía ningunha.
Circunvalo Gotemburgo en dirección a Oslo. Teño por diante case dúas horas de viaxe. As ben coidadas e bonitas casas unifamiliares de madeiras coloreadas que vexo polo camiño indican un alto nivel de vida e, tamén, de preocupación pola estética. Como en gran parte deste país, a paisaxe dominante é unha mestura de chairas, pequenos outeiros, lagoas e entradas de mar. E todo inmerso nunha cor verde intensa. Non hai peaxes, polo menos nesta sección das autoestradas suecas.
A medida que me achego a Fjällbacka acrecéntase en min unha sensación de que me vai gustar. De feito, sinto unha ilusión por vir ata aquí que non é habitual. Aínda que eu non son nada (absolutamente nada) mitómano, sinto unha grande admiración por Camilla como escritora de novela negra.
Xa na miña xuventude devecía por ler Agatha Christie e aínda hoxe continúo a “devorar” canta novela de misterio cae nas miñas mans, especialmente se están ambientadas en contornas frías e con personaxes que agochan moitos segredos. Tal e como é o caso das novelas de Camilla.
Chego positivamente predisposto e Fjällbacka non me pode dar unha mellor benvida. A propietaria da casa onde me aloxo, coñecedora do motivo da miña visita, agasállame cunha confidencia: ela comprou esa casa á nai de Camilla. Vou durmir na casa natal de Camilla Läckberg e onde ela pasou algúns anos da súa nenez. Uauuu!
Por se fose pouco, tamén me comenta que a escritora está en Fjällbacka. Vén de ter un acto na escola municipal e aproveitará para pasar a fin de semana coa familia. É mais, Camilla estará moi posiblemente nunha festa aberta ao público que terá lugar esta noite no pub enriba do restaurante Bryggan. Non podo crelo! A idea de atoparme con Camilla paseando por Fjällbacka resúltame incriblemente suxestiva.
Para os interesados, o meu aloxamento é o Fjällbacka City-Room con oferta e prezos presentes en moitos buscadores. Pago 132 € por unha estadía de dúas noites en réxime de só aloxamento. A casa unicamente ofrece un cuarto dobre no seu baixo, pero este é amplo e con cociña. Non é luxoso pero si agradable, e o feito de compartir espazo coa “presenza” de Camilla non ten prezo.
Comezo o meu paseo antes da hora do xantar e comprobo con abraio que a vila está xa en plena tempada baixa. A Oficina de Turismo pechou o pasado día 1 de setembro. Os barcos regulares ao arquipélago das illas Weather, algunhas das cales aparecen nas novelas, tamén deixaron de funcionar. As excursións programadas polo arquipélago interrompéronse a semana anterior. E as visitas guiadas aos lugares que aparecen nas novelas de Camilla son poucas e exclusivamente en sueco. E aínda estamos a mediados de setembro!
Imaxino como será Fjällbacka en canto chegue o frío de verdade e as primeiras nevadas. Agora non hai moito que facer a non ser pasear. Algúns dos restaurantes e das tendas da vila xa teñen as súas portas pechadas ata o ano que vén. E malia ser fin de semana, tan só hai catro restaurantes abertos e nunca máis de dous ao mesmo tempo.
A meteoroloxía parece querer asemellar á que Camilla presenta nas súas novelas. O relativamente bo tempo de Estocolmo vaise convertendo nun vento frío e lixeiramente furacanado durante a fin de semana.
O sábado pola mañá son poucos os visitantes a camiñar por Fjällbacka e, entre eles, destacan os de orixe asiática. Paseniñamente, a xente irá desaparecendo para agasallarme cunha poboación case baleira onde eu son un dos escasos visitantes. Unha atmosfera perfecta para sentir esa sensación de illamento que Camilla trata de transmitir nas súas novelas.
Ao estar pechada a Oficina de Turismo, teño que acudir á recepción do Stora Hotellet Bryggan, o hotel que aparece nalgunhas novelas e que funciona como punto informativo durante os meses de peche de Turismo. Consigo unha pésima fotocopia dun mapa ilexible no que supostamente aparecen localizados aqueles lugares referenciados nos libros de Camilla. O mapa non pode ser máis inútil e contrasta coa boa sona organizativa de Suecia.
Finalmente descargo información da Internet no meu teléfono e consigo orientarme un chisco. O meu itinerario lévame a case todos eses lugares de Fjällbacka que pasaron a formar parte da trama de diferentes novelas. Non deixo recuncho por percorrer:
O Restaurante Bryggan, a carón do porto deportivo.
A famosísima Praza Ingrid Bergman, preto da Oficina de Turismo. Máis un memorial que unha praza. O pequeno parque no paseo marítimo serve de lembranza da grande actriz sueca que pasou vinte veráns da súa vida na illa de Dannholmen, fronte a Fjällbacka. Un mastro cunha bandeira e unha serie de paneis sobre a vida da actriz serven de referente. Tamén hai un pedestal de granito traído de Dannholmen cun busto feito en París polo artista Gudmar Olovsson en 1965. Ingrid Bergman amou profundamente esta parte da costa sueca e pediu que as súas cinzas fosen espalladas en Dannholmen despois da súa morte no ano 1983.
A subida ao Pasadizo do Rei (Kungsklyftan) onde uns bolos inmensos encaixados nunha gorxa moi estreita dan acceso á meseta de Vetteberget. Hai que pasar baixo os bolos e subir por unha escaleira de madeira ao alto da meseta, a 74 metros sobre o nivel do mar, para obter dende o miradoiro as mellores vistas sobre o arquipélago e sobre a propia vila. A meseta de Vetteberget é unha presenza rotunda que proporciona forza á imaxe de Fjällbacka. Visible dende todas partes obriga a que a vila se divida en diferentes barrios separados entre si.
O peirao da rúa Badhusgatan dende onde parten os barcos de salvamento marítimo que axudan a que Patrik Hedström e Erica Falck poidan chegar ás illas veciñas.
Os baños públicos de Varmbad (Badholmens Vandrarhem), o jacuzzi exterior e a minúscula praia co trampolín de madeira.
A igrexa na que casan Patrik e Erica e o cemiterio entre a igrexa e a estrada de acceso á poboación.
Tamén visito o supermercado, chego ata o campamento de turismo no punto máis ao sur da poboación e percorro toda a costa ata o barrio de Mörhult no extremo norte. Nese bonito barrio é onde posiblemente ten o barco Dan, o ex-noivo e actual cuñado de Erica.
Durante o meu camiñar por estas rúas desertas, barridas polo frío e polo forte vento do Mar do Norte, é doado imaxinar a vida de interiores, pechada e un tanto asfixiante da que tanto fala Camilla nos seus libros. Estou seguro de que os meses de inverno fanse demasiado longos e duros para a poboación da vila.
Pola noite acudo ilusionado á festa na que supostamente (si, por favor si) vai estar Camilla. O local é bonito pero asemella abrir tan só en ocasións especiais. Somos poucos e moitos deles veñen vestidos de festa. Dáme a impresión de que fóra de eventos puntuais como nesta ocasión, Fjällbacka carece de calquera tipo de animación nocturna, incluso nas fins de semana. Espero e espero pero Camilla non fai acto de aparición. Quedo cun sabor agridoce nesta fin de semana que estaba a ser perfecta.
Á mañá seguinte aproveito o meu bonito Volvo de alugueiro para percorrer unha parte da costa preta de Fjällbacka. Chego ata a aldea de Hamburgsund, poucos quilómetros ao sur fronte á illa de Hamburgö. O lugar ten o seu encanto por asomarse a unha estreita canle marítima que asemella un río. Pero resulta menos atractivo que Fjällbacka.
Penso en colle-lo transbordador e cruzar á illa de Hamburgö pero finalmente sigo por estradas locais ata apañar a autoestrada en sentido Oslo. Despois saio á altura da pequena cidade de Tanumshede. É este outro lugar mítico dentro do imaxinario de Camilla por acoller o posto de policía no que traballan Patrik e outros personaxes como Gösta, Annika, Bertil, Martin e Paula Morales.
Non me molesto nin en entrar en Tanumshede xa que son coñecedor de que a famosa comisaría que aparece nos libros non existe na realidade. De feito, a comisaría máis próxima está na cidade costeira de Strömstad, preto da fronteira norueguesa. E coido que o resto da vila ten pouco que ofrecer ao visitante.
O que si fago e visitar o Museo de Vitlycke nas aforas de Tanumshede. Vitlycke é o centro de interpretación dunha área de 45 km² na que apareceron ata 600 lugares con petróglifos en bastante bo estado de conservación. Os máis interesantes fican próximos ao museo e non hai que pagar entrada. Todos estes petróglifos están declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Dentro do museo hai numerosos paneis e algunha réplica de obxectos que contan como era a vida nesta parte do mundo durante a Idade do Bronce. A escasos metros do edificio principal xa se poden ver algúns petróglifos así como a recreación do que podería ser unha aldea prehistórica. Durante a tempada alta contan con empregados ataviados en vestidos de época que simulan desenvolver traballos do que debía ser a vida cotiá nese momento histórico.
Non lonxe do museo hai ata catro dos mellores emprazamentos de Suecia para visitar petróglifos. Poden ser visitados a pé e, deste xeito, pasar un bonito día no campo ou utiliza-lo coche para moverse dun a outro no caso de andar curto de tempo. Os lugares están perfectamente sinalizados e teñen zonas de aparcadoiro.
Decido visitar os dous de máis sona, situados na estrada comarcal que vai dende Vitlycke a Fjällbacka: Aspeberget (a 700 m do museo) e Litsleby (a 2 quilómetros). Lamentablemente, Litsleby ten o acceso restrinxido por mor dunhas obras de mantemento nas plataformas de madeira que serven para a observación dos petróglifos.
Paro en Aspeberget e sigo a senda de oitocentos metros que pasa por unha serie de rochas con excelentes exemplares de petróglifos. A diferencia dos de Galicia (tamén moi abundantes na nosa terra) aquí aparecen pintados de vermello, o que facilita a súa localización e unha mellor interpretación das imaxes representadas. Seica foron os expertos do museo os que tomaron a decisión de facer os petróglifos máis atractivos para o público visitante.
O museo abre tan só de maio a outubro. E o horario de tarde é variable pechando entre as catro e as seis segundo o mes do ano. De calquera xeito, a recreación da aldea da Idade do Bronce e os lugares con petróglifos están abertos permanentemente e aparecen perfectamente sinalizados para ser visitados fóra de tempada.
Despois de dous días en Fjällbacka e arredores collo o camiño de volta a Gotemburgo. Malia non terme atopado con Camilla, marcho contento. A vila e toda esta parte da costa sueca son especialmente bonitas e agradables de coñecer. Quedo coa pena de non poder visitar as illas Weather, con ese aire nórdico tan do meu gusto. Anoto Fjällbacka e a costa sueca como un lugar a repetir.
GOTEMBURGO
Chego a Gotemburgo a media mañá e devolvo o meu coche de aluguer. Por diante vinte e catro horas para coñecer a segunda cidade do país. A miña única e anterior visita foi hai xa moitos anos e teño case todo esquecido. O que si lembro é que xa daquela pareceume unha cidade cunha boa calidade de vida pero totalmente insulsa. Non sei se por que foi en pleno inverno e o frío tampouco axudaba.
Deixo a maleta no meu aloxamento nunha rúa perpendicular á famosa avenida Kungsportsavenyen. Le Mat B&B Göteborg City é un bed&breakfast coidado e limpo, moi recomendable pola súa céntrica situación e por unha tarifa máis que razoable dentro da cara hostalaría sueca. Pago tan só 58 € por un cuarto amplo e luminoso co almorzo incluído. Paga a pena aboar a diferenza como fixen eu e reservar os cuartos exteriores con inmensas ventás á rúa. A única obxección de este establecemento é que os cuartos de baño son a compartir.
Nada máis saír á rúa respiro o mesmo ambiente anódino e triste da miña visita anterior. Gotemburgo, ao igual que Róterdan e Tesalónica, son segundas cidades de pequenos países que rivalizan economicamente coas súas capitais pero que están moi afastadas do protagonismo e da beleza que estas teñen.
De feito, non vexo ningunha razón obxectiva para incluír Gotemburgo nun itinerario por Suecia a non ser como punto de referencia dende onde coñecer o seu arquipélago ou as vilas da bonita costa occidental sueca.
Dou un paseo polas rúas comerciais e principais arterias da cidade. Tamén vou expresamente a coñecer os seus edificios máis salientables tal e como podedes ver nas fotos que acompañan este post.
Unha visita habitual na parte nova é a praza Götaplatsen, creada no ano 1923 por mor da celebración dunha exposición internacional sobre a industria. Aquí abren as súas portas os edificios do Palacio de Música, o Teatro Municipal e o Museo de Arte Municipal. A praza non é especialmente bonita e resúltame de interese limitado.
Máis preto do centro histórico, á beira da canle Vallgraven, está o mercado Saluhallen, levantado no ano 1888. Ao seu arredor numerosos restaurantes e algúns dos bares que mellor funcionan nas noites da fin de semana.
Bordeando a canle Vallgraven cara ao mar chego ao mercado Feskekôrka, máis coñecido como a “Igrexa do Peixe” pola similitude do exterior deste edificio co dunha igrexa norueguesa. Chego en mala hora e os postos están case todos pechados.
Dende abril ata outubro hai paseos en barca que percorren as canles que arrodean o centro histórico da cidade con itinerarios de diferente duración e prezos a partir de 190 coroas suecas.
Paso pola Catedral Luterana levantada a comezos do S. XIX sobre o lugar doutras dúas anteriores. Visito teatros antigos e a nova Ópera de deseño. Chego na miña andaina ata o edificio alcumado como “o lapis de beizos”, un pequeno rañaceos branco e vermello que din asemella este obxecto de beleza (?) e que se converteu nunha das referencias estéticas da cidade.
Como hoxe é luns, moitos museos están pechados. Unha boa opción sería o famoso Museo Volvo xa que abre todos os días e Gotemburgo foi a cidade que veu nacer esta marca de automóbiles. Pero o museo queda demasiado afastado da cidade e renuncio a visitalo.
Outro museo interesante é o Maritiman, un museo naval no porto formado por 15 naves auténticas e diferentes, entre elas a visita a un auténtico submarino. Este museo flotante fica preto do “lapis de beizos” pero pecha os luns. Hoxe tampouco están a funcionar os barcos ás illas do arquipélago de Gotemburgo. E o famoso parque de atraccións Liseberg permanece pechado neste época do ano.
Polo tanto non hai moitas opcións. Despois dunhas poucas horas xa non sei que facer e o sosegado ritmo da cidade resúltame aburrido. A permanente nube gris enriba das nosas cabezas tampouco axuda. Gotemburgo parece ter, polo menos nos meses de inverno, escaseza de lugares de encontro, de rúas animadas onde socializar. Non me sinto moi a gusto e coido que esta será a miña derradeira visita por moito tempo, a non ser por razóns laborais.
Á mañá seguinte collo o autobús da compañía Flygbussarna que conecta ata catro puntos da cidade co aeroporto de Landvetter. No caso de sacar o billete on line o prezo é de 99 coroas suecas, menos de dez euros. Con ata catro saídas cada hora e un tempo de viaxe de trinta minutos é un xeito barato de chegar ao aeroporto.
Acabo de pasearme por estas coloridas costas.
Imagino lo que disfrutarías sintiéndote otro protagonista de la saga.
Aunque no pudiste ver a Camilla, tuviste la suerte de compartir su casa, que ya es mucho.
Como ya te dije, me hubiese encantado ver los petroglifos. Tendrá que ser en Galicia…..
Y ahora me desplazó a Myanmar. Voy a recordar….
Sí Rosi, fue un fin de semana muy especial. Saber que me podía encontrar con Camilla incrementó el interés del viaje. Y en Galicia tenemos unos petroglifos muy interesantes. No faltes!
Me ha gustado mucho, mejoras sensiblemente en las descripciones
Grazas Enrique. Tentarei seguir mellorando pero xa sabes que a miña intención non é ser unha guía de viaxes senón mais ben unha inspiración para que o lector entenda o bonito de viaxar.