Amando Myanmar I – Pyin oo Lwin e Mandalay

Vista de conxunto do Palacio Real de Mandalay

 

Ponte de teca en Amarapura

Este ano decidimos que as vacacións de verán sexan en pleno outono, do 14 ao 31 de outubro. Moitos menos tempo do acostumado con apenas trece días para o noso destino: Myanmar. Realmente pasaremos dezaoito días fóra da casa pero hai que descontar dúas xornadas para os voos de ida e volta e outros tres días e medio que imos dedicar a troulear na nosa ben querida Bangkok.

Estas vacacións van ligadas aos días libres de Bruno, o meu compañeiro de vida e de moitos viaxes. E aínda sendo unha escapada relativamente curta non podemos aproveitala mellor. O primeiro día estamos voando xa ás seis e media da mañá e non aterraremos de volta en Santiago de Compostela ata a medianoite do día que remata a nosa viaxe.

Non é moito tempo para Myanmar pero ben aproveitado dá para coñecer algúns dos seus principais atractivos. Entraremos por Mandalay, a segunda cidade do país, para facer un itinerario con forma de triángulo polos seus lugares máis turísticos: o Lago Inlé e os templos de Bagan. Polo camiño aproveitaremos para coñecer tamén outros sitios interesantes como son Pyin oo Lwin, Kalaw, Pindaya e o Monte Popa.

Por suposto, Myanmar é un destino para moito máis que trece días e interesante dabondo para varias viaxes. Nada que ver coa miña anterior visita, hai dezanove anos, cando a ditadura militar limitaba o acceso dos estranxeiros a unhas poucas zonas do país. Os viaxeiros agradecemos que a antiga Birmania fose abrindo practicamente todo o seu territorio ao turismo durante estes dous decenios.

Este Myanmar é un país completamente diferente ao que eu coñecín. E para ben. Nestes anos veu mellorando as súas vías, os transportes, o aloxamento e a información turística. E xa non hai que sufrir os continuos controis militares habituais nas súas estradas.

E o mellor é que aínda mantén aquelas cousas que o facían (e o fan) tan atractivo para os visitantes como son o carácter relaxado e agradable das súas xentes e uns prezos moi razoables. En Myanmar un sente que recibe moito máis do habitual a cambio das cantidades que paga.

Unha vez rematada, podo asegurar que esta viaxe foi redonda, case perfecta. Polo que podedes tomar como referencia todos os servizos que aquí recomendo. Como transporte usamos o avión e coche con condutor para nós os dous. Non collemos transporte público. Os aloxamentos son todos recomendables e moitos deles cunha alta dose de encanto. Xantamos e ceamos nos mellores restaurantes de cada poboación, sempre acompañados de aceptable cervexa e viño locais. Tamén mercamos moitos obxectos da bonita artesanía do país.

E todo estes servizos supuxeron apenas 2.200 euros por persoa. Un prezo que comprende absolutamente todos os nosos gastos, incluídos o visado e o seguro de viaxes. Pode parecer un desembolso importante pero non está nada mal para o que foi a viaxe. Evidentemente, poderíase facer máis barato pero esa decisión depende de cada un, e nós tiñamos gana de mimarnos unha chisca.

Para o voo intercontinental facemos uso de novo de Qatar Airways, con cambios de avión en Madrid e na capital qatarí. Qatar Airways é a compañía que a miúdo ofrece mellores tarifas no caso de querer levar un billete combinado dende Santiago de Compostela. O prezo foi de 648 euros ida e volta por persoa (comprado cun par de meses de antelación).

Malia perder a nosa conexión a Bangkok por chegada tardía a Doha, tan só temos que  esperar unha hora e media polo seguinte voo á capital tailandesa. Outras das cousas positivas de Qatar Airways son as súas abondosas frecuencias e o ben que amañan en caso de problemas. A mañá seguinte da nosa saída xa estamos durmindo no noso hotel en Bangkok.

Pasaremos un total de tres días e medio en Bangkok, antes e despois de Myanmar. Pero a nosa estadía nesta cidade non ten moito que contar. Esta é a terceira visita para Bruno e a décima para min. Aloxámonos nun hotel preto do mercado nocturno de Patpong e pasamos corenta e oito horas de compras, masaxes e lecer.

Bangkok, cada día máis futurista

A nosa intención é vivir aquí a vida nocturna á que somos tan afeccionados e, como xa sabemos, non é un dos puntos fortes de Myanmar. No noso destino final a xente vai cedo para cama e costa atopar bares ou restaurantes abertos despois da dez da noite.

Con respecto a Bangkok, confirmar o que xa veño percibindo dende hai tempo. Esta megalópole comeza asemellarse a moitas outras de Asia, perdendo día a día o seu carácter espontáneo e aquela vitalidade de rúa que a facía única.

Por outra banda, os prezos parecen ir rapidamente cara arriba. Pagar case catro euros por unha cervexa grande e dous e medio ou tres euros por un café xa acostuma ser usual. Os aloxamentos de categoría media parecen ser os únicos en manter uns prezos axeitados.

Durmimos no Silom Space Hostel polo que pagamos 34 euros/noite por un cuarto dobre con baño e con almorzo incluído (básico e autoservizo). O establecemento vai dirixido a mochileiros pero presenta certas doses de deseño e resulta moi agradable. E se buscas marcha pola noite…, estás no lugar axeitado!

Saímos de Santiago de Compostela un luns á primeira hora da mañá e o xoves, tamén de mañá, estamos collendo o noso voo a Mandalay, a segunda cidade por poboación de Myanmar. Moitos viaxeiros acostuman entrar por Yangon, a antiga capital do país ata que esta foi trasladada ao seu novo emprazamento en Naypydaw.

Voamos coa compañía Air Asia por unha tarifa de 214 € ida e volta, maleta incluída. As tarifas a Yangon acostuman ser máis baratas por haber unha maior oferta de voos. Pero entrar por Mandalay vainos aforrar tempo xa que os lugares a visitar quedan todos no norte do país e non moi lonxe desta cidade.

Saímos dende Don Mueang, o antigo aeroporto de Bangkok agora especializado en voos rexionais e compañías low cost. Paramos un taxi na rúa e arranxamos unha tarifa de dez euros ao cambio polo longo traxecto dende o noso hotel en Silom Road ata a terminal. Barato, como poderemos comprobar na nosa viaxe de volta.

Para entrar en Myanmar é obrigatorio tramitar unha autorización por Internet que logo hai que presentar á compañía aérea para poder embarcar. A nosa autorización demorou menos de 24 horas e o seu prezo foi de 47 euros por persoa. O visado real non é efectivo ata aterrar no aeroporto de chegada, cando a policía birmana coloca un selo que autoriza a ficar no país por trinta días.

Hai que prestar atención e face-la solicitude na páxina do goberno birmano xa que hai moitas outra páxinas que asemellan oficiais pero realmente pertencen a empresas de servizos privadas. E por suposto, cobran tarifas bastantes altas pola xestión da autorización.

https://evisa.moip.gov.mm/

Despois de hora e media aterramos en Mandalay. A diferencia horaria de Myanmar con respecto a Tailandia é de trinta minutos menos. A terminal é como de andar por casa se a comparamos coa do aeroporto de orixe. Dá a sensación de haber poucos voos internacionais a non ser cos países veciños.

Aterrando en Mandalay. Pontes sobre o río Irrawwady e área de Sagaing na esquina inferior dereita

 

Aeroporto de Mandalay totalmente baleiro

Segundo as estatísticas do goberno de Myanmar, o país recibiu 1.272.596 turistas no ano 2016 dos que 430.000 procedían de Tailandia e China. Os españois supuxemos apenas 12.765 visitantes nese ano. Se os comparamos cos case 33.000.000 de turistas que recibiu Tailandia tamén no 2016, entenderemos que Myanmar aínda ten unha grande marxe para medrar. E quero pensar que o vai facer con xeito e non a costa de calquera prezo.

Aproveitamos para trocar diñeiro na propia terminal xa que a taxa de cambio é boa. Segundo limos en guías e páxinas da Internet, Myanmar cotizaba o dólar estadounidense por riba do euro. De feito, ata hai pouco tempo tan só era posible viaxar polo país con dólares. O euro parecía non interesar ás autoridades locais.

Agora todo mudou, as dúas moedas cámbianse por igual e cada unha segundo o seu valor no mercado internacional. O máis conveniente para un español é traer euros, buscar un bo cambio e facer todos os pagamentos en kyats, a moeda local. Durante a nosa estadía o cambio variou entre os 1.630 e 1.660 kyats por euro.

PYIN OO LWIN

Mandalay ten moitos atractivos turísticos pero a cidade non é bonita. Hai patrimonio para visitar pero non un ambiente que resulte suxestivo. Unha urbe densamente poboada que sofre dunha calor e unha humidade desmedida que empurran a fuxir canto antes. Nesta época do ano, a sensación é a dunha sauna que invita pouco ao paseo.

Como non nos parece a mellor carta de entrada a un país, decidimos comezar o noso percorrido polas montañas que se erguen ao leste de Mandalay. Collemos un taxi que nos leva directamente dende o aeroporto á nosa cidade de destino, a que foi capital estival da administración británica: Pyin oo Lwin.

Paseando polas rúas de Pyin oo Lwin

Fundada na época colonial, na que era coñecida como Maymyo, o seu emprazamento foi escollido pola benignidade do seu clima, consecuencia dunha altitude a 1.050 metros sobre o nivel do mar. Pedimos información na Oficina de Turismo do aeroporto e alí mesmo nos ofrecen un taxi por 60.000 kyats (37 €) para o traxecto dunha hora e tres cuartos ata Pyin oo Lwin.

O noso aloxamento, o moi recomendable Royal Parkview Hotel, é un establecemento de aire colonial unha miga decadente pero aínda no seu punto. O cuarto é amplo e luminoso con enormes ventás ao xardín. O prezo 33 € a noite en réxime de aloxamento e almorzo.

http://royalparkview.hotelspyinoolwin.com/

Exterior e o noso cuarto no Royal Park View Hotel

O persoal apenas se fai entender en inglés, agás a encargada que ademais de falalo estupendamente sabe ofrecer unha información moi completa sobre que ver e facer na cidade e os seus arredores.

A nosa primeira tarde no país dedicámola a coñecer algúns dos edificios da época colonial de Pyin oo Lwin. Non son moitos nin dunha arquitectura extraordinaria pero si suficientes para facernos viaxar aos tempos do poder colonial de Gran Bretaña.

Arquitectura colonial da época da ocupación británica

 

Number 4 High School

 

A Torre Purcell ou do Reloxo no centro de Pyin oo Lwin

 

Bruno diante da pagode Maha Aung Mye Bon Thar, templo principal da cidade

Pyin oo Lwin aínda mantén unha atmosfera relaxada e moi agradable para pasear. Para experimentar algo exclusivo do lugar hai que coller algún dos orixinais coches de cabalos preparados para os visitantes. Ollando as fotos comprobaredes que os hai que asemellan á carroza de Cincenta, mentres que outros son como dilixencias do oeste americano. E sempre de tamaño reducido.

O prezo da carreira hai que negocialo e depende do percorrido a facer, dun euro e medio a dous euros polos traxectos curtos. Tamén hai posibilidade de alugar o coche para todo o día. Pode resultar un pouco chocante visitar unha cidade birmana en dilixencia pero a min non me resultou fóra de lugar.

Pyin oo Lwin ten unha proposta interesante de aloxamentos. Como noutros destinos turísticos de Myanmar, a oferta é bastante recente e, en xeral, dun gusto aceptable. O mesmo acontece cos restaurantes, sobre todo aqueles na beira do lago artificial Kandawlay e no treito da rúa Circular Road preto do lago.

Evidentemente, a noite de Pyin oo Lwin non ten nada que ver coa de Bangkok. A xente local regresa cedo ás súas casas e resulta difícil atopar lugares abertos onde prolongar a noite. Myanmar é tamén un país pouco musical. Boto en falla onde tomar unha copa con algo de ambiente, aínda que sexa relaxado, e unha boa música de fondo.

Ao día seguinte saímos a pé do noso hotel para camiñar ata os Xardíns Nacionais Kandawgyi, na beira do lago do mesmo nome (non confundir co veciño lago Kandawlay máis preto da cidade). O paseo resulta moi pracenteiro con viveiros de plantas e bonitas cafetarías durante o traxecto.

Que mellor que comeza-la mañá cunha boa cervexa!

Bonitas casas e viveiros de plantas no camiño aos Xardíns Nacionais

O xardín xurdiu en 1925 durante o Protectorado Británico coa asesoría de especialistas en botánica de Londres. O que eran bosques naturais pasaron a ser coidados xardíns coa intención de educar á poboación no aprecio ás arbores e ao medio ambiente.

Unha vez no xardín botánico, a entrada para estranxeiros pode ser paga en dólares (5) ou kyats (8.000). Hai que contar cun mínimo de dúas horas para ter tempo de pasear a gusto. As dúas entradas/saídas do xardín permiten facer un percorrido lineal e así aforrar tempo. Hoxe o acceso máis próximo á cidade está pechado por mor da visita de estado da Presidenta de Nepal, Bidhya Devi Bhandari, que atopamos nun par de ocasións durante o paseo.

Diversas imaxes dos Xardíns Nacionais

Presidenta de Nepal en paseo oficial

Diversas imaxes dos Xardíns Nacionais

 

Museo de Bolboretas

 

Lago Kandawgyi

 

Lago Kandawgyi e Torre Nan Myint ao fondo

Unha particularidade deste lugar é o Takin Compound, un espazo pechado por un valado metálico que acolle algúns exemplares deste raro animal dos Himalaias que é difícil de ver fóra do seu hábitat natural. O takín (budorcas taxicolor) é o símbolo nacional de Bután.

Takín en cautividade

Bosque de bambú próximo ao Takin Compound

A visita a Kandawlay resulta relaxante. O xardín está bastante coidado malia ter algunhas atraccións pechadas ou en mal estado, como son o Aviario e o paseo elevado de madeira. A visita inclúe un pequeno museo de fósiles, un museo de bolboretas, o xardín de orquídeas e a Torre Nan Myint.

A torre é unha curiosa estrutura con forma de foguete de aires orientais que acada unha altura dunha ducia de andares. Na parte superior hai un miradoiro sobre os xardíns, sobre o lago e sobre a cidade de Pyin oo Lwin.

Torre Nan Myint

 

Baixando da torre

 

Vistas de Pyin oo Lwin e do lago Kandawlay dende o alto da torre

Fronte á entrada principal do Xardín Nacional abre as súas portas outro dos atractivos recomendados da cidade: o Xardín de Monumentos Nacionais. Un amplo parque con reproducións a unha escala menor dalgúns dos principais edificios históricos do país. Como non nos interesa moito e a guía fala da pouca calidade das reproducións, pasamos de visitalo.

Á hora do xantar achegámonos á beira norte do lago Kandawlay, na parte máis preta á cidade. Xantamos estupendamente no restaurante Lake Front Feel (non confundir co Feel Cafe), onde hai que engadir as relaxantes vistas do lago á boa calidade da comida.

www.feelrestaurants.com/Restaurant6.html

Vistas dende a terraza do restaurante

Pola tarde paramos nunha pastelaría do centro, a carón da mesquita, para experimentar os viños de froitas polos que Pyin oo Lwin é famosa en Myanmar. Rematamos cunha boa masaxe dunha hora de duración no cuarto do hotel pola que pagamos 11.000 kyats (6,5 €).

Experimentando o viño de froitas e as especialidades locais

 

Mesquita na rúa central de Pyin oo Lwin

Para a cea escollemos o restaurante We Love Spicy (Bruno e mais eu amámolo de verdade) no número 12 de Circular Road. Aberto recentemente, a súa carta ofrece ata cinco niveis de picantes. Quedamos nun nivel dous e cóstanos aguantalo. Non chego nin a imaxinar o que debe ser unha comida de nivel cinco a non ser que queiras parecer o dragón de Xogo de Tronos.

Ceando en We Love Spicy

Despois de Bangkok, Pyin oo Lwin é o reencontro co mundo oriental e rural onde o sorriso é fácil e a vida parece resultar pracenteira. Mañá tocará afrontar o caos dunha gran cidade como é a abafante Mandalay. 

MANDALAY

Para baixar da montaña á chaira de Mandalay collemos un taxi compartido que nos recolle no noso hotel. O prezo 4.500 kyats ou menos de tres euros por persoa. Unha mágoa que non ofrezan o mesmo servizo pero á inversa, do aeroporto a Pyin oo Lwin. Conducir costa abaixo con moitas curvas pechadas e unha estrada chea de obstáculos non resulta doado, a non ser para os choferes locais.

Na recepción do hotel amosando como facer tanaka das raíces para o coidado persoal da pel dos birmanos

O noso hotel é un edificio de bastantes andares próximo á estación de ferrocarril. O Grand Central Hotel non respira o encanto doutros establecementos desta viaxe pero o feito de que sexa novo, o seu prezo e a súa situación fano recomendable. O prezo é de 19 € polo cuarto dobre co almorzo incluído.

Tal e como esperabamos, Mandalay é unha auténtica sauna á ultima hora da mañá. Decidimos camiñar dende o noso hotel ata o recinto do palacio e o que parecía relativamente próximo sobre o mapa remata converténdose nun paseo esgotador. Demasiado formigón e poucas árbores para amenizar a andaina.

Chegamos ao foso que arrodea á muralla do Palacio de Mandalay, un inmenso cadrado que parece infinito con seis quilómetros de perímetro. Os muros actuais teñen unha altura de oito metros e son unha reconstrución seguindo o mesmo estilo arquitectónico dos orixinais de 1857.

Foso da cidadela de Mandalay

 

Un dos catro ángulos do foso da cidadela. Ao fondo outeiro de Mandalay Hill

Por diante dous quilómetros máis ata a cara leste do recinto onde está a única entrada da cidadela aberta aos estranxeiros. Para entrar no palacio compramos un tícket combinado de 10.000 kyats (6 €) por persoa que permite visitar a maior parte dos templos e recintos arqueolóxicos da cidade durante cinco días. De feito, todas as visitas que imos facer esta tarde ou son gratuítas ou están cubertas polo tícket combinado.

Dende a xanela de venda de entradas ata a propia porta do palacio hai aproximadamente un quilómetro que decidimos cubrir en taxi. No caso de facelo a pé hai que seguir a vía principal, e sen saír dela por estar arrodeada por zona militar de acceso restrinxido.

O Palacio Real foi destruído durante a II Guerra Mundial e o que vemos hoxe é unha réplica, máis ou menos acertada, levantada na década dos noventa do século pasado. Trata de ser unha reprodución exacta do orixinal pero hai voces críticas que falan de demasiada celeridade na súa execución. 

Un complexo de edificios interesantes, algúns de teca, que paga a pena visitar, malia non se-los orixinais, por darnos unha idea dos niveis de sofisticación da cultura birmana antes da chegada dos británicos. As mellores vistas sen dúbida son dende a torre en espiral revestida de madeira.

Porta de entrada ao Palacio Real

 

Porta de entrada dende a torre

 

Porta de entrada ao Palacio de Mandalay

Ao rematar a visita do palacio xa non nos sentimos con forza dabondo para seguir camiñando e contratamos un taxi para as tres horas seguintes, ata o solpor, por 15.000 kyats (9 €). A primeira paraxe é preto da esquina nordés do foso da cidadela, no templo Shwenandaw Kyaung.

É este un mosteiro de teca famoso pola calidade dos seus traballos en madeira. O edificio pertenceu ao complexo do Palacio e nel morreu o Rei Mindon (1878). O seu sucesor, o Rei Thibaw, ordenou o seu desmantelamento e posterior traslado ao emprazamento actual para convertelo en mosteiro. Quizais esa é a razón pola que non sucumbiu a súa destrución durante a II Guerra Mundial como aconteceu co Palacio.

Mosteiro Shwenandaw Kyaung

A seguinte visita e ao mosteiro Atumashi, non lonxe do anterior. Un pagode de cinco andares mandado construír polo Rei Mindon. O orixinal ardeu a finais do século XIX e o actual é unha reprodución de 1996. É máis interesante o exterior do edificio que o seu grande espazo interior baleiro.

Interior e exterior do mosteiro Atumashi

Nesta parte da cidade un síntese abraiado pola proliferación de templos, mosteiros e pagodes. Lugares novos e lugares antigos rivalizando nas súas esaxeradísimas arquitecturas.

Aínda facemos outra parada no Kyauktawgyi Paya, un complexo de edificios levantados no S. XIX fronte ás escaleiras de acceso peonil á Mandalay Hill. O destacable é un gran Buda de nove metros tallado nunha única peza de mármore. Polo resto, hai partes do templo con luces rechamantes que poden facer lembrar unha discoteca.

Leóns de entrada ás escaleiras de Mandalay Hill

 

Imaxe de Buda nunha única peza de mármore

 

Templo de Kyauktawgyi Paya

Rematamos o día pouco antes do solpor no outeiro de Mandalay Hill, un perfecto miradoiro de 230 metros sobre a chaira de Mandalay. Subimos no taxi ata os pés do templo. O último traxecto dende o aparcadoiro faise en ascensor ou mediante escaleiras mecánicas.

A verdade é que o tremendo treito de escaleiras colgadas do baleiro dan un pouco de medo. Teño serias dúbidas sobre o seu mantemento. Unha vez enriba, atopamos un templo con fachadas de cristais reflectantes e unhas vistas de primeira orde. Un bonito xeito de despedi-lo día.

Escaleiras mecánicas en Mandalay Hill

Ascensor (esquerda) e edificio das escaleiras mecánicas (dereita) de subida a Mandalay Hill

Templo e terrazas en Mandalay Hill

A noite de Mandalay non ofrece nin pubs nin discotecas pero si monicreques tradicionais, danzas birmanas e outros tipos de espectáculos. Entre eles os Moustache Brothers, famosos actores que xogan coa sátira e coa comedia. A súa sona procede do feito de que un dos irmáns estivo moitos anos no cárcere por mor das súas críticas contra a ditadura militar.

“Escenario” dos Moustache Brothers

Malia aparecer en case todas as guías, os Moustache Brothers son hoxe un espectáculo sobrevalorado e un tanto patético. O bo recordo que tiña da miña anterior visita resultou co tempo nunha tomadura de pelo que vive do pasado e non vale nin remotamente os seis euros que pagamos por persoa. Definitivamente, non ir!

O noso segundo e último día en Mandalay contratamos un taxi para acabar de coñece-la cidade e visitar as veciñas poboacións turísticas de Sagaing e Amarapura. O prezo é de 35.000 kyats, uns 21 euros, para as seguintes oito horas.

A primeira paraxe do día é no oeste da cidade, no mosteiro Shwe In Bin Kyaung que nos fai lembrar o tamén mosteiro Shwenandaw Kyaung visitado o día anterior. Os dous foron feitos en madeira de teca e ambos resultaron sobreviventes da desfeita da II Guerra Mundial. O tícket combinado é válido para este mosteiro pero entramos libremente sen que ninguén controle o noso acceso.

Fotografías do mosteiro de teca Shwe In Bin Kyaung

Dende alí volvemos ao centro da cidade, ao barrio famoso polas pequenas factorías especializadas en martelar pan de ouro. As láminas de pan de ouro son unha doazón habitual dos fieis budistas para cubrir imaxes sagradas así como revestimentos exteriores das pagodes.

A factoría visitada por nós ten persoal que explica nun correcto inglés o tremendo esforzo que supón martelar estas finas pezas e o traballo realizado con elas. Incluso, podemos ollar un par de mozos en acción que poñen todas as súas forzas ao servizo deste labor. Tamén hai tenda de vendas onde comprar as láminas de ouro e pezas de ourivaría.

Factoría de láminas de ouro

A última paraxe dentro de Mandalay é na pagode Mahamuni, especialmente concorrida por acoller a imaxe do Buda máis antigo de Myanmar. O que realmente chama a atención é que a figura de Buda está totalmente deformada polos miles de quilos de pan de ouro que lle foron engadindo, un sobre o outro. A única parte inalterable é o rostro, obxecto dunha cerimonia de limpeza todos os días ás catro e media da mañá.

O lugar dá para entreterse bastante tempo xa que hai edificios anexos como un pequeno museo de artesanía tradicional, unha nave con duplicados de 710 pedras con inscricións, un museo de pinturas históricas e unha biblioteca con moita historia pasada. Tamén poden verse interesantes pinturas murais.

Pero o máis salientable é o Museo das Estatuas de Bronce de orixe khmer (Camboxa) onde destacan as estatuas do elefante de tres cabezas, a do león e algunhas figuras humanas. Para entrar en Mahamani hai que pagar unha entrada de 5.000 kyats non incluída no tícket combinado.

Patio do templo Mahamani

Imaxe do Buda totalmente deformado por mor das grandes cantidades aplicadas de pan de ouro. O rostro é o único que permanece inalterable

Obxectos á venda nas tendas to templo Mahamani

 

Estatua de bronce do elefante de tres cabezas

SAGAING

Despois de visitar a pagode Mahamani saímos da cidade en dirección suroeste para percorrer escasos vinte quilómetros e cruzar á outra beira do río Irrawwady. Sagaing foi capital de Myanmar durante 49 anos (S. XIV) e co tempo converteuse no centro intelectual budista do país e nun importante destino de peregrinacións para os fieis birmanos.

Chegar a Sagaing é unha curta escapada dende Mandalay. Os excursionistas veñen pasar unhas poucas horas ou todo o día, segundo o tempo dispoñible e os diferentes templos a visitar. Son máis de 300 edificios relixiosos pero a maioría de visitantes, coma nós, limítanse a coñecer dous ou tres templos e, sobre todo, a gozar da paisaxe do conxunto.

Durante a miña outra viaxe a este país coñecín Mandalay a fondo pero deixei sen visitar os seus arredores. A primeira visión que tiven de Sagaing foi cando ía en barco de Mandalay a Bagan. E foi toda unha sorpresa! Imaxinade unha colección de verdes outeiros coroados e adornados por unha inmensa cantidade de pagodes brancas e douradas. Unha visión que, daquela, me pareceu case irreal. Unha paisaxe propia das aventuras de Tintín e con todo o exotismo que podemos esperar de Asia.

Para min Sagaing era a “imaxe” de Myanmar. Unha lembranza gravada na retina que acudía á miña cabeza sempre que falaba deste país. Unha imaxe que quería ver persoalmente e que, por suposto, non podía faltar neste itinerario. Pero unha vez visitado, debo confesar que a realidade non acada a forza visual que ten o lugar dende o río.

Sagaing vista dende o río (imaxe cortesía de Google)

Para entrar en Sagaing hai que cruza-la ponte de ferro do mesmo nome sobre as augas terrosas do Irrawaddy. Seica hai que pagar unha entrada colectiva de 3.000 kyats pero ninguén nos detén nin reclama esta cantidade á entrada dos templos. Tampouco vemos unha xanela de venda de tíckets.

Como non hai ningún templo ou pagode que pareza sobresaír sobre os demais decidimos visitar aqueles dous que veñen recomendados pola guía Lonely Planet: a Soon U Pon Nya Shin Paya, o templo máis antigo de Sagaing, e o mosteiro Tilawkaguru.

O templo Soon U Pon Nya Shin destaca pola súa cúpula dourada de 30 metros de altura construída a comezos do século XIV. Pero aínda o fai máis fascinante (cúpulas douradas hai moitas en Myanmar) a súa terraza co as estupendas vistas do conxunto de templos e da chaira coas pontes sobre o río Irrawaddy.

Pagode no exterior do templo Soon U Pon Nya Shin

Diferentes vistas dende a terraza do templo Soon U Pon Nya Shin

Para poder entrar en Tilawkaguru o noso chofer pasa polo Museo de Buda para dar aviso da nosa visita e segue camiño até a porta do mosteiro. Despois esperamos escasos minutos e que chegue en moto o responsable deste recinto.

A singularidade de Tilawkaguru é a de ser un edificio moi diferente aos demais, semi-soterrado e sen os adornos dourados tan habituais do budismo birmano. Un lugar espartano, de recollemento e con celas de meditación que foi construído a mediados do século XVII.

As súas paredes están decoradas con algúns dos frescos mellor conservados de Myanmar. Ao final da visita facemos un donativo para compensar a boa atención do guía e o desprazamento que tivo que facer dende o Museo de Buda.

Frescos e mosteiro Tilawkaguru

Como conclusión, tede en conta que para visitar a ampla área de Sagaing pode resultar moi interesante ter un vehículo propio co que poder moverse polos outeiros sen perda de tempo e sen moito esforzo. Pero no caso de que haxa tempo dabondo, Sagaing pode ser un destino ideal para percorrer de vagar e pasar horas a ver os atractivos templos que ofrece esta zona.

AMARAPURA

Chegamos a xantar ao Restaurante Renaissance un pouco tarde. O restaurante é sobre todo unha gran terraza cuberta con teito fixo situado no centro da poboación de Amarapura. Parece ter vivido tempos mellores pero a comida segue a ser interesante. Curiosamente, non parece haber moita oferta de restauración nin no centro de Amarapura nin nas proximidades da súa famosa ponte.

Rapaz con tanaka na cara. Amarapura

Amarapura foi a penúltima capital real de Myanmar e o seu apoxeo tivo lugar a finais do século XVIII. Apenas quedan restos desa época de esplendor xa que os edificios senlleiros foron desmantelados e trasladados a Mandalay, a capital que a sucedeu. Hoxe Amarapura é máis ben un barrio do sur de Mandalay na beira oeste do lago Taung Tha Man.

A razón de achegarnos ata aquí é a famosa ponte U-Bein que cruza o lago. A ponte peonil de madeira de teca máis longa do mundo con 1.300 metros de lonxitude e 1.086 postes de madeira. Por suposto, é moi diferente velo despois das choivas do verán ou na estación seca, coma nós, cando o pouco profundo lago deixa ao descuberto unha gran parte do seu leito con hortas e leiras de tempada.

Amarapura é de entre todos os lugares turísticos desta parte da viaxe no que vemos máis xente. O fluxo de transeúntes é constante, entre eles moitos monxes e monxas. Tamén grupos de amigos e parellas que viñeron namorar. E turistas, moitos turistas.

Na ponte de Amarapura

A zona próxima á poboación de Amarapura, aquela pola que acostuman chegar os visitantes, está bastante atrapallada cun exceso de tendas de souvenirs e básicas terrazas na marxe do lago. Os vendedores ambulantes tamén axudan a crear un exceso de barullo e confusión.

Por contra, aínda é posible ver pastores con enormes mandas de parrulos e pescadores nas verdes e pouca atractivas augas do lago. Amarapura pode ser unha visita imprescindible o un lugar a evitar. Depende de querer fotografar unha das imaxes icónicas de Myanmar ou non. Din que a mellor luz para unhas boas instantáneas é facelas un pouco antes do solpor, tal e como fixemos nós.

Monxes na ponte U-Bein

 

Pescantíns no lago

 

Pastor de parrulos

 

Manda de parrulos guiada por un único pastor

 

Ponte U-Bein

Moreas de persoas a atravesa-la ponte

Parte do leito do lago seco na estación seca

Solpor na ponte U-Bein

Rematada a visita regresamos xa de noitiña ao noso hotel en Mandalay. A viaxe está nas súas primeiras etapas pero Bruno e mais eu xa imos encantados con todo o que levamos visto deste país e das vivencias coas súas xentes.

Para seguir esta viaxe ler os posts Amando Myanmar II e Amando Myanmar III (en preparación).

2 comentarios en “Amando Myanmar I – Pyin oo Lwin e Mandalay

  1. Pingback: Amando Myanmar III – Bagán e Monte Popa | Cidadán do Mundo, pero galego

  2. Pingback: Amando Myanmar II – Kalaw, Pindaya e Lago Inlé | Cidadán do Mundo, pero galego

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.