Amando Myanmar II – Kalaw, Pindaya e Lago Inlé

Pescador no Lago Inlé


Templo en Samkar

Para consultar a primeira parte desta viaxe ve-lo link Amando Myanmar I

Xa pasaron catro días dende que chegamos a Myanmar, dous deles en Pyin oo Lwin, a antiga capital estival durante o Protectorado Británico, e outros dous en Mandalay e arredores. Agora toca seguir camiño en dirección sueste para coñecer o que posiblemente sexa o destino máis especial de Myanmar, un lugar que non deixa a ninguén indiferente: o Lago Inlé.

Como comentei no post anterior, decidimos evitar os transportes públicos e agasallar os nosos corpos cubrindo en avión os traxectos máis longos. Nestes últimos anos xurdiron varias compañías aéreas que fan que voar dentro de Myanmar sexa doado e barato. Pero iso sempre que falemos dos aeroportos turísticos xa que as áreas menos demandadas aínda reciben escasas frecuencias e case sempre con cambio de avión en Yangon ou Mandalay.

Saímos do noso hotel en Mandalay e contratamos un taxi por 15.000 kyats (9 €) ata a afastada terminal aérea. É moi cedo e aínda hai pouca competencia para poder negocia-la tarifa. Á primeira hora da mañá o aeroporto preséntase practicamente baleiro. Voamos coa compañía Golden Myanmar Airlines e pagamos unha tarifa de 52 € por persoa coa equipaxe de vinte quilos incluída.

O noso aeroporto de destino é Heho, unha terminal moi pequena e sen ningunha poboación importante nas súas proximidades. Heho é o único aeroporto que dá servizo ao Lago Inlé, malia que Nyaung Shwe, o centro turístico do lago, aínda está a corenta quilómetros de distancia. O voo é tan curto que estamos tomando terra en Heho nunha escasa media hora.

KALAW

A nosa intención non é ir directamente a Nyaung Shwe (tamén escrito Nyaungshwe). Preferimos deixar o Lago Inlé para uns días máis tarde e pasar previamente pola pequena cidade de Kalaw, un destino de media montaña ideal para o sendeirismo. De camiño, o día que vaimos de Kalaw ao Lago Inlé, tamén queremos visitar Pindaya, unhas covas literalmente ateigadas de imaxes de Buda de todos os tamaños e formas.

Na terminal de Heho non hai case competencia e a escasa oferta de taxis comparte prezos pactados para os diferentes destinos. A viaxe de pouco máis dunha hora ata Kalaw supón 30.000 kyats ou uns 18 € ao cambio. Aproveito para comentar que todos os prezos que fomos pactando durante esta viaxe nunca deron ningún problema, os birmanos aínda non  están cegados polo diñeiro fácil e, en xeral, respectan a palabra dada. Á hora de cobrar non hai nin sorpresas nin suplementos.

O noso aloxamento volve ser un acerto. O Hillock Vila Bed&breakfast é un grupo de tres casas de estilo alpino con cuartos sinxelos pero moi confortables. O almorzo ten lugar ao aire libre, no xardín diante das casas, e resulta farturento e saboroso. E todo por 27 € a noite! Hillock Vila é un aloxamento moi demandado e un punto de encontro para os amantes da natureza de todo o mundo.

www.hillockvilla.com/en-us

Kalaw é, como Pyin oo Lwin, unha cidade relativamente nova fundada polos británicos que viñan fuxindo das abafantes planicies de Myanmar. Os seus 1.310 metros sobre o nivel do mar proporciónanlle unha temperatura agradable durante todo o ano e ese aire limpo e fresco típico das montañas.

A cidade resulta agradable pero non hai moito que ver. A súa oferta limítase practicamente ao mercado municipal e ao templo Aung Chan Tha Zedi, este último recoñecible por estar revestido de cristais de espello. No límite norte da poboación tamén hai un sinxelo mosteiro ao que se accede por unha escaleiras que parten de Union Road. O edificio non é gran cousa pero ofrece unhas bonitas vistas do centro da cidade e das montañas que a arrodean. Polo resto, algúns pagodes e mosteiros sen moita importancia e uns poucos edificios da época colonial.

Torre do Reloxo
Templo Aung Chan Tha Zedi
Estación de tren de Kalaw en estilo colonial

Nada mais chegar e despois de acomodarnos no aloxamento facemos unha excursión auto-guiada seguindo as indicacións do persoal do Hillock Vila e axudados por unha rudimentaria fotocopia do mapa da cidade.

Pasamos dúas horas camiñando ata a igrexa colonial de Cristo Rei e a o instituto e o colexio que se atopan nas súas proximidades. Compartimos un momento agradábel cos escolares que, como todos os xoves do mundo, están moi abertos a coñecer xente nova. A vexetación e a tranquilidade de Kalaw fan que pasear polos seus arredores resulte agradable.

Colexio preto da igrexa de Cristo Rei

Xa de volta na vila xantamos no restaurante Thu Maung, na avenida Pyi Taung Su Road que é a estrada principal que atravesa a cidade. É un grande edificio de dous andares recomendado na Lonely Planet pola súa ensalada de tomates verdes e o clásico curry birmano (de polo). Realmente, a ensalada de tomates mesturada con froitos secos triturados é unha exquisitez. Pero pola contra, o curry pareceunos algo disperso e cun exceso de sabores fortes para o padal occidental.

Todo esta fartura para un curry birmano

Pasamos a tarde paseando por Kalaw e mercando algo de artesanía no mercado. Antes de cear facemos unha paraxe no Uncle Sam Travel&Tours para arranxar un trekking para o día seguinte. Son varias as axencias que ofrecen sendeirismo pola zona de Kalaw e algunhas teñen percorridos propios nos que están especializadas. Convén comparar a oferta de dúas o tres para decidir o itinerario máis apetecible.

De entre as tres propostas que nos fai Uncle Sam decidímonos por un paseo de sete horas ao suroeste de Kalaw que nos vai levar por outeiros e zonas de cultivo con aldeas habitadas pola etnia minoritaria palaung. O principal atractivo da ruta é un miradoiro que promete vistas fantásticas das montañas que se estenden polo límite entre o Estado Shan e a Rexión de Mandalay.

Os prezos van dos 10.000 aos 15.000 kyats (6/9 €) por día segundo o número de participantes. Ao ser unicamente Bruno e mais eu pagamos 10.000 kyats á axencia por un guía que nos acompañará durante todo o día seguinte. A maiores haberá que entregar directamente ao guía outros 2.000 kyats, pouco máis dun euro, para o seu xantar. Prezos tan baratos que custa crelos.

Pola noite acudimos a cear ao restaurante Red House, un local de xerencia italiana situado na rúa Min, ao sur do mercado municipal. Dá a impresión de ser unha nova oferta xa que non aparece na nosa guía. Red House é un bonito edificio obxecto dunha boa restauración.

A súa carta tamén resulta interesante pero é unha mágoa que o viño peque de ser un pouco caro. Este parece ser o restaurante con mellor ambiente de Kalaw xa que son moitos os estranxeiros e o local loce animado. Por fin temos música ambiental pero, iso si, comeza a baleirarse antes das dez da noite.

Buscamos algo para despois da cea e lemos na guía Lonely Planet que Kalaw ofrece un dos poucos pubs musicais “á occidental” de todo o país. O pub é un local extremadamente diminuto próximo ao restaurante. Achegámonos ata alí pero nin a música nin o ambiente son do noso gusto.

Á mañá seguinte o día esperta bonito e invita a camiñar. O paseo lévanos por pequenas montañas nos que o cultivo do té substituíu ao do opio. Seica non hai moito tempo dende que o goberno birmano obrigou a face-lo cambio.

É tempo de recolleita e vemos algúns paisanos traballando en leiras cunha inclinación moi pronunciada que nos fan lembrar os socalcos da Ribeira Sacra. Atopamos algúns outros viaxeiros pero somos poucos os que andamos por estes camiños.

Pasamos por aldeas nas que a poboación ten unha orixe diferente á da etnia bamar, a maioritaria do país, pero que no seu aspecto resultan moi semellantes entre si. A xente xa non viste cos traxes tradicionais e resulta difícil constata-la diferenza. Tamén visitamos algún pequeno templo local.

O mellor momento do día é á hora do xantar cando, xa un pouco cansos, chegamos ao café-miradoiro Kalaw View Point. A oferta é limitada e a comida sinxela, pero saborosa. As vistas son impagables e razón dabondo para chegar ata aquí. O lugar parece pouco accesible e unicamente por pistas de terra que deben ser intransitables nalgunha época do ano.

O miradoiro agocha unha sorpresa. Aí atopamos unha parella de acabados de casar e un equipo de fotógrafos facendo fotos para o álbum de voda. Os noivos presentan un aspecto moi aseado con respecto aos suados e poeirentos visitantes. Curiosamente, ela leva un traxe de aires flamencos e o noivo fai maneiras de tocar palmas e darlle aos tacóns propios do sur de España (ehh?). Finalmente, o mundo faise global tan rápido que non chego a decatarme.

Vistas dende o Kalaw View Point

Regresamos a Kalaw con tempo dabondo para negociar un taxi que nos leve ao día seguinte a Pindaya e ao Lago Inlé. Despois de descansar unha chisca, repetimos cea no restaurante Red House. E a cea resulta igual de agradable có día anterior. Evidentemente, un bo momento para probar comida italiana con influencias birmanas.

PINDAYA

Saímos de Kalaw con certa pena. Estabamos encantados co noso aloxamento. E Kalaw, malia non ter grandes atractivos, resulta un lugar confortable. Incluso para quedar algún día máis se non se anda con presas como as nosas.

Temos por diante aproximadamente unha hora ata Pindaya e outra hora e media escasa dende alí ata o Lago Inlé. O taxista vai esperar en Pindaya o tempo necesario para que poidamos visitar o pagode da cova natural de Shwe oo Min. A tarifa arranxada para todo o traxecto é de 65.000 kyats ou 39 euros. O noso condutor fala algo de inglés e resulta unha persoa tranquila e educada.

A paisaxe que transitamos é verde e ondulante con pequenos outeiros coroados por fotográficos pagodes. A medida que nos achegamos a Pindaya o lugar da cova vaise facendo moi visible, ben sinalado polas dúas inmensas torres revestidas de cristal verde que acollen os ascensores de acceso. Chegamos en coche ata o quiosco de venda de entradas, no inicio dun corredor cuberto que vai ata os ascensores.

Para entrar hai que pagar 3.000 kyatspor persoa e outros 3.000 pola cámara fotográfica. Os gardas tamén poden pedir este tícket de pagamento no caso de facer fotos coa cámara do teléfono.

O conxunto de covas e túneles calcarios de Shwe oo Min aloxa entre oito e nove mil imaxes douradas de Buda que foron doadas ao longo de moitos anos (e séculos) por peregrinos e budistas de todo o mundo. Os tamaños e materiais varían, facendo uso da teca, o mármore ou o simple ladrillo. E sempre van rotuladas cos nomes e a procedencia daqueles que fixeron o agasallo.

Pindaya é un lugar diferente e interesante pero non consegue impresionarnos. Vemos peregrinos con moita devoción e espazos medio agochados para a meditación dos visitantes. Pero é, quizais, o exceso de devoción o que lle resta espiritualidade ao recinto. Para nada son necesarias tantas imaxes de Buda. O resto da decoración de estilo kitsch tampouco axuda.

Covas de Pindaya. Ao fondo o lago
Camiño de chegada de Kalaw visto dende a cova de Pindaya

Deixamos Pindaya conscientes de que podería ser un bo lugar para pasar a noite. A vila ten algúns templos menores, hai un bonito lago e unha oferta de excursións polas aldeas das minorías étnicas dos arredores. Pero nós seguimos camiño para chegar á hora do xantar ao noso hotel en Nyaung Shwe.

LAGO INLÉ

Entrar na área de influencia do Lago Inlé non é gratuíto. Os coches deben parar nos controis nas estradas de acceso onde os estranxeiros temos que pagar unha taxa de 15.000 kyats por persoa. Non sei se é un imposto para facer caixa ou un tipo de entrada como se paga nos parques nacionais (o lago é Reserva da Biosfera). O caso e que hai que pagar si ou si. Nós temos a sorte de que non haxa ninguén no control. O taxista pasa sen parar e dese xeito aforramos 30.000 kyats.

O noso hotel en Nyaung Shwe está no límite da poboación, moi preto da canle que comunica co lago e dos embarcadoiros de saída dos paseos en barca. Ao chegar subimos xantar ao restaurante-miradoiro da súa fachada principal. A comida resulta gustosa e as bebidas alcohólicas ben de prezo.

O Inle Cottage Boutique Hotel é o mellor aloxamento da nosa viaxe. O establecemento está composto por cabanas de madeira con interiores estupendamente equipados. A superficie do complexo non é moi grande e o único que botamos en falla é unha piscina onde refrescarse polas tardes e que o bonito xardín non sexa algo máis grande.

Pero realmente nada que obxectar ao que sería un hotel de luxo por tan só corenta e dous euros a noite co almorzo incluído. Ademais, o persoal é extremadamente amable e axúdanos coa organización dos nosos días no lago. Moi pero que moi recomendable.

www.inlecottage.com/

A tarde dedicámola a coñecer Nyaung Shwe. Hai moitos anos da anterior viaxe pero comprobo que son poucas as cousas que teñen cambiado. A cidade segue a ser fea e totalmente prescindible de non ser polo lago. Custa crer que nesta especie de paraíso que é o Lago Inlé non se teñan esforzado en facer unha poboación máis xeitosa.

Ademais, os lugares de interese son contados. Para entreterse están o Mercado de Mingala, no que comprar algo de artesanía, o Museo de Cultura, ocupando o palacio do que foi príncipe e primeiro Presidente do Myanmar independente, e o santuario budista Yadana Man Aung Paya coa única estupa graduada en chanzos de Myanmar.

Santuario budista Yadana Man Aung Paya
Mercado nocturno en Nyaung Shwe

Tamén hai un mercado gastronómico nocturno nun descampado preto do noso hotel. Algo de gastronomía e algo de artesanía pero pouca clientela e menos ambiente. Nyaung Shwe resulta desordenada e pouco agarimosa, mais ben un centro para organizar as escapadas polo lago que un lugar para ser vivido.

Á mañá seguinte contratamos por medio do noso hotel unha barca para todo o día. O prezo exactamente igual ao que chegaramos a negociar directamente cos barqueiros a tarde anterior: 60.000 kyats (36 €). Esta tarifa é por oito horas incluíndo o percorrido polo Lago Inlé e unha extensión ata a pagode de Taw Mwe Khaung no veciño lago Samkar.

Tamén hai posibilidade de coñecer en bicicleta a zona norte do lago. Dende Nyaung Shwe ata á poboación de Khaung Daing por estradas locais á beira do lago. Logo transbordador ata Mine Thauk (10.000 kyats bicicleta incluída) e regreso a Nyaung Shwe pola outra marxe do lago. Entre Nyaung Wan e Khaung Daing hai unhas pozas de augas termais ben acondicionadas para os visitantes.

O Lago Inlé é o segundo por tamaño de Myanmar pero definir as súas dimensións é moi complexo. As súas ribeiras están ocupadas por vexetación flotante e dentro do lago aparecen centos de illas, flotantes ou non. Unha vez no lago é difícil distinguir terra firme do que non o é. E, ademais, hai unha clara diferencia no seu tamaño entre a estación de choivas e a estación seca.

As augas do lago están ateigadas de vexetación flotante coñecida como xacintos de auga (Eichhornia crassipes), unha planta invasora orixinaria do Amazonas que ten a capacidade de extraer os nutrientes da auga. Os xacintos son unha praga moi difícil de controlar que entorpece a navegación polo lago pero que tamén permite crear produtivas hortas e xardíns flotantes grazas a superposición de varias capas. Os xacintos veñen provocando que o lago vise diminuír a súa superficie nun terzo durante o último século.

Tede en conta que os prezos se encarecen moito no caso de querer incluír Samkar na visita. Despois de atravesar Inlé hai que seguir por unha longa canle que comunica co lago Samkar, máis ao sur. Chegar dende Nyaung Shwe ata a aldea de Samkar supón tres horas de viaxe. Pero paga a pena. E moito! Aínda son poucos os turistas que saen dos límites do Lago Inlé.

Barqueiro con tanaka no rostro

De Inlé tan só podemos falar marabillas. Imaxinade un lago arrodeado de montañas cunha climatoloxía temperada froito da súa altitude a case 900 metros sobre o nivel do mar. Un lago cunha luz transparente que fai das augas un espello no que se reflicten as construcións que asoman ás súas marxes.

Imaxinade un espazo protagonizado por pescadores, monxes, artesáns, escolares e poboación en xeral que proporcionan unha intensa vida a templos, vivendas palafíticas, obradoiros artesanais e xardíns flotantes.

Dende logo, Inlé é tanto un lugar para ver como para vivir. Navegar polas súas augas transmite unha sensación envexable de relax e de paz. E a pesar dos numerosos visitantes, é suficientemente extenso para que estes non se convertan nunha presenza molesta, agás nuns poucos lugares contados.

Saímos pola longa canle que comunica Nyaung Shwe co lago. Nada máis entrar, un pescador parece darnos a benvida mostrándonos a tradicional forma de pesca destas augas pouco profundas. Veremos moitos pescadores vaiamos onde vaiamos. Unha curiosidade do lago é o estilo propio de despraza-las barcas, movendo o remo coa perna enroscada no seu pau.

A nosa visita comeza polo pagode de Phaung Daw oo Paya na aldea de Ywama, o lugar máis sagrado desta parte do Estado Shan. O principal obxecto de veneración son cinco figuras antigas de Buda, totalmente irrecoñecibles na actualidade polas incontables ofrendas de pan de ouro coas que as foron cubrindo os seus devotos.

Antes de chegar, pero moi preto do templo, pasamos a carón dunha estrutura aberta na que se distingue a forma dun barco dourado.  É a nave con forma de cisne na que son paseadas as figuras amorfas dos cinco Budas durante o festival anual.

Hoxe é o día do mercado semanal e tanto o templo como os arredores presentan un exceso de xente. Aínda así, é unha boa oportunidade para ver as diferentes etnias que poboan o lago e, tamén, para comprar algo de artesanía local nos numerosos postos do mercado. Tentamos saír canto antes e fuxir da primeira aglomeración turística dende a nosa chegada ao país.

Chegando ao pagode de Phaung Daw oo Paya

Despois enfilamos directamente para Samkar. Durante a navegación convertémonos en espectadores extasiados a medida que imos deixando atrás escolas, templos e aldeas. Todo resulta precioso e queremos que o noso destino se vaia distanciando para que a viaxe dure máis.

Distinguir as zonas de paso entre tantos xacintos de auga é difícil incluso para o noso barqueiro.  Nalgún momento a barca fica bloqueada e temos que baixar para axudar a empurrala.

Imaxes ao longo da navegación a Samkar
Bloqueados polos xacintos de auga
Mosteiro Thar Yarkone, xa no lago Samkar

Antes de chegar á canle de acceso da aldea Samkar pasamos abeirados ás ruínas duns pagodes que parecen flotar sobre a auga. Unha visión máxica difícil de superar! Pero entramos en Samkar e a imaxe que nos recibe queremos deixala na nosa retina para sempre. O lugar non parece real. E temos o privilexio de non ter que compartilo con ninguén máis que a poboación local.

Ruínas de estupas pouco antes de chegar a Samkar

Damos un paseo polo grupo de estupas en proceso de restauración. O que parece un lugar deshabitado convértese de repente nunha grande aglomeración de xente. Están a xogar un partido de fútbol detrás do templo principal que supoño importante polo número de espectadores.

Xantamos marabillosamente no restaurante Samkarer, unha estrutura de madeira sobre pilotes asomada ao  lago e ao grupo de pagodes de Samkar. A comida é boa, o persoal moi amable e as vistas inmellorables. Impresionante! Por riba estamos sós e todo é para nós os dous. Momentos coma este fan que esta viaxe xa pague a pena.

Comer no Lago Inlé non é dificil. Mentres imos navegando vemos numerosas propostas onde poder xantar ao mediodía. A oferta en Samkar é moito máis reducida. Pero na longa canle que comunica os dous lagos non nai ningún restaurante onde parar. A ter en conta para a planificación da xornada entre estes dous lagos.

Entrando pola canle de Samkar
Canle de acceso a Samkar
Xantando no restaurante Samkarer

De volta ao Lago Inlé pasamos a visitar a aldea de Inthein e os seus famosos complexos de pagodes. Situada no extremo suroeste do lago, hai que seguir unha canle estreita e encaixada que leva a esta aldea levantada sobre terra firme, fóra da zona inundable do Inlé.

Inthein tense convertido nunha visita inevitable a onde acoden todos os grupos turísticos. Pode haber exceso de xente, sobre todo os días de mercado. Pero chegamos á última hora da tarde e apenas quedan turistas. Un verdadeiro luxo ter Inthein unicamente para nós. 

Nyaun Ohak, o primeiro grupo de pagodes, está moi próximo á aldea. Pero o realmente interesante é o Shwe Inn Thein Paya, un conxunto de 1054 estupas que foron recuperadas da ruína nestes últimos anos. Para chegar ata alí hai que seguir as escaleiras cubertas que parten preto da ponte sobre a canle e camiñar uns vinte minutos. Ou pagar para que nós leve en escasos minutos algúns dos numerosos motoristas que se ofertan.

Como a noite está a caer e aínda temos que cruza-lo lago ata Nyaung Shwe decidimos pagar os 2.000 kyats por persoa que negociamos coa asociación de motoristas para o traxecto de ida e volta ata as estupas. Shwe Inn Thein Paya é outros deses lugares impresionantes do lago e de todo Myanmar. Non dubidedes en chegar ata aquí pero procurade facelo fóra das horas turísticas

De novo no Lago Inlé
Incríbel colección de imaxes de Inthein

Entramos xa de noite no noso hotel e despois dun merecido descanso saímos para cear no veciño mercado nocturno. Somos moi poucos e a comida bastante básica. Non paga a pena a non ser por saír do hotel e entreterse un pouco.

Solpor no Lago Inlé

Á mañá seguinte negociamos de novo co barqueiro do día anterior. Nesta ocasión queremos contratar catro horas, ata o xantar, para navegar de novo polo Lago Inlé. Deste xeito, o prezo xa baixa a 20.000 kyats ou 12 euros. Como os principais atractivos xa foron visitados o día anterior, o programa para hoxe pasa por visitar algunhas tendas e artesáns do lago, o mosteiro de Nga Hpe Kyaung (coñecido como “do gato saltador”) e os xardíns flotantes.

Barcas na canle que comunica Nyaung Shwe co Lago Inlé

A primeira visita é a unha factoría sobre pilotes onde unhas poucas mulleres preparan os típicos cigarros cheroots birmanos. Unha mestura de tabaco do país con algunhas herbas e follas de banana. E todo envolto en folla de tabaco e cun filtro feito con papel de xornais. Para rematar…, unha pinga de pegamento para que o cigarro non se abra.

Os cheroots non teñen nada que ver cos puros cubanos e coido que poden ser rexeitados por moitos fumadores. O que si son é extremadamente baratos. E aínda máis no Mercado de Mingala de Nyaung Shwe, varias veces máis baratos que os que podemos atopar nas factorías.

O seguinte lugar é a outra factoría, esta especializada en producir fío coas raíces de loto. Segundo as explicacións, o Lago Inlé é a única zona do mundo a producir este material que, unha vez tecido, permite crear exclusivas prendas de roupa. A aparencia do fío de loto pode recordar á da seda salvaxe pero o seu prezo é moi superior. Aproveitamos e compramos un bonito fular.

Antes de chegar ao mosteiro Nga Hpe Kyaung pasamos por unha gran tenda de venda de artesanías e souvenirs onde teñen ás famosas padaung ou “mulleres xirafa” como reclamo turístico. As padaung son orixinarias deste Estado pero son moitos os que as asocian ao norte de Tailandia, a onde fuxiron escapando do réxime militar birmano. Os prezos da tenda non son para nada interesantes.

O mosteiro Nga Hpe Kyaung fíxose coñecido polos gatos amestrados que saltaban a través de aros metálicos, por iso o seu alcume de “mosteiro dos gatos saltadores”. Xa sabiamos pola guía que este costume parece estar a perderse. De feito, os poucos gatos que vimos por alí parecían preocupados por outras cousas e sen ningunha intención de saltar.

Coido que é mellor vir ata aquí polo paseo e polo propio edificio que pola posible actitude dos gatos. Ademais, algunha das ventás do mosteiro ofrece unhas vistas estupendas sobre unha ampla zona de xardíns flotantes. Realmente os xardíns son hortas aseguradas con varas ao fondo do lago onde se cultivan cogombros, feixóns e, sobre todo, tomates.

Xardíns flotantes
Facendo unha parada para tomar unha cervexa
Depedida do Lago Inlé

Regresamos para xantar a Nyaung Shwe e somos conscientes da sorte de ter visitado Samkar o día anterior e non limitarnos a lugares turísticos xa faltos de espontaneidade. Quedamos a comer no restaurante do propio hotel que nos parece ten unha boa relación calidade-prezo.

A nosa última tarde negociamos unha pequena camioneta para visitar dous lugares moi interesantes nas aforas de Nyaung Shwe: o mosteiro Shwe Yaunghwe Kyaung e a adega de viño Red Mountain Estate.

A camioneta pertence a un matrimonio formado por un calado condutor e a súa paroleira –e negocianta- muller que se manexa bastante ben en inglés. O prezo 11.000 kyats (6,60 €) coa condición de que mentres fagamos a nosa degustación de viño na adega, eles pasarán a recoller os dous fillos que saen da escola.

Shwe  Yaunghwe Kyaung é outro mosteiro de teca convertido nunha icona de Myanmar por se-lo único con grandes xanelas ovaladas na súa fachada. As fotografías de monxes asomados por estas ventás aparecen en moitas guías e publicacións sobre o país. Hai que ter coidado xa que o mosteiro está uns metros máis aló despois do control de acceso no que se cobra a entrada ao Lago Inlé. Mellor avisar ao saír para que non tenten cobrar de novo os 15.000 kyats ao regresar á cidade.

Mosteiro Shwe Yaunghwe Kyaung e as famosas ventás ovaladas da súa fachada

Red Mountain Estate é unha das dúas adegas coas que conta o Estado Shan e todo Myanmar; ambas froito dunha iniciativa relativamente recente dun home de negocios alemán. Vimos bebendo os seus viños ao longo da viaxe e o sabor resúltanos moi aceptable (palabra de non expertos). Os viños non son baratos pero axudan a completar as ricas comidas birmanas.

Pagamos 5.000 kyats por persoa por unha cata de catro viños diferentes. As copas van pouco servidas e o prezo é superior ao do ano pasado nas zonas vitivinícolas de Cidade do Cabo. Quizais son os custes de que non haxa competencia ou o feito de pór en marcha este reto nun país no que o viño non ten presenza ningunha. Pero o caso é que gozamos do viño e das bonitas vistas dende a terraza da adega.

Adega Red Mountain Estate

Ao día seguinte saímos cedo en taxi con destino ao aeroporto de Heho. Aquí si hai competencia e pagamos tan só 15.000 kyats pola hora de viaxe, dez mil menos que no caso de collelo á inversa no aeroporto.

Imos namorados de Inlé quen parece querer sorprendernos ata o último momento. Ás aforas de Nyaung Shwe encontrámonos cunha curiosa procesión formada por rapaces a cabalo e adultos a pé con ofrendas nas súas mans. O noso chofer explícanos que os nenos son os novizos entregados polas familias aos mosteiros budistas e os seus correspondentes dotes para que sexan ben acollidos. Unha forma de acrecenta-lo peso do budismo en Myanmar e de que as familias de moitos fillos non teñan que soportar unha gran carga económica.

Entrega de novizos ao mosteiro

Para seguir a última etapa desta viaxe ler o post Amando Myanmar III

Un comentario en “Amando Myanmar II – Kalaw, Pindaya e Lago Inlé

  1. Pingback: Amando Myanmar III – Bagán e Monte Popa | Cidadán do Mundo, pero galego

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.