Esta é a terceira etapa dunha viaxe por Myanmar que nos ten levado por lugares como Pyin oo Lwin, Mandalay e arrededores (ve-lo link Amando Myanmar I), Kalaw, Pindaya e o Lago Inlé (ve-lo link Amando Myanmar II).
Esta mañá saímos de Nyaung Shwe, a vila que funciona como capital do Lago Inlé, e tardamos algo menos dunha hora en percorrer os 40 quilómetros que a separan do aeroporto de Heho. Como a competencia en Nyaung Shwe é dura, pagamos tan só 15.000 kyats (9 €) polo taxi que custaría 25.000 kyats no caso de collelo en sentido contrario no aeroporto.
Voamos coa compañía aérea Air KBZ que sae puntual (como todos os voos até o de agora) e que nos deixa no aeroporto de Bagan en corenta minutos. O prezo do traxecto 64 euros ao cambio con maleta incluída.
O avión é a mellor alternativa dende o Lago Inlé, rápida e barata. Pero no caso de vir dende Mandalay a viaxe pode ser realizada en avión, en autobús ou en barco. Unha opción, esta última, que permite navegar polo Irrawwady, o principal río do país, e que resulta bastante interesante de ter tempo dabondo.
Son tres os operadores que ofrecen este servizo con, polo menos, unha saída ao día en cada un dos sentidos. Hai que contar cunhas dez horas de navegación e prezos a partir dos trinta euros por traxecto.
Hai dezanove anos, na miña anterior viaxe a Bagan, fixemos uso do barco e resultou moi agradable. É certo que non se pasa por núcleos de poboación e que a paisaxe remata resultando bastante monótona. Pero toma-lo Sol na cuberta contemplando o terroso Irrawwady é unha bonita forma de sentir Myanmar.
BAGAN
Aterramos en Bagan e nada mais saír do avión recibimos unha forte bafarada. A mesma calor abafante que xa sufrimos en Mandalay e que nos vai acompañar durante todos os días da nosa estadía.
A pequena terminal do aeroporto de Bagan parece estar acostumada a recibir turistas e organizada de tal xeito para que todos os estranxeiros teñamos que pagar os 25.000 kyats (15 €) que o goberno birmano cobra por entrar na cidade.
Aquí non hai posibilidade de evita-lo pagamento tal e como fixemos no Lago Inlé. A equipaxe facturada non é entregada ao viaxeiro ata que este presenta o comprobante de xa ter pagada a taxa de entrada de 25.000 kyats.
No mesmo mostrador da taxa de entrada tamén ofrecen insistentemente, e venden, billetes para realizar os famosos paseos en globo por riba de Bagan. Voos de corenta e cinco minutos para ver os templos dende o aire cun prezo a partir de 300 € por persoa. A experiencia resulta suxestiva pero o prezo é bastante superior ao que estamos dispostos a pagar.
O noso hotel ofrece gratuitamente o servizo de traslado á chegada a Bagan (non así o de saída). Hai alguén esperando cun cartel cos nosos nomes e en escasos minutos estamos no aloxamento, moi preto do aeroporto.
O Bagan Sense Hotel é un bo establecemento, situado na estrada de acceso á area dos templos pero afastado dos tres núcleos de poboación que dan servizo aos visitantes. Estamos relativamente preto da vila de Nyaung U pero o suficientemente lonxe para que haxa que coller un taxi no caso de achegarnos ata aló.
O hotel é un edificio de dous andares que ofrece unhas boas vistas dende a súa ampla terraza superior. Un lugar ideal para ver voar os globos aerostáticos sobre Bagan moi de mañá cedo. Os cuartos son amplos e todos exteriores. E ademais permite gozar dunha piscina para relaxarse despois da visita dos templos ou para combater as altas temperaturas do lugar. Pagamos uns 34 euros ao día incluíndo o almorzo.
Na parte negativa están o seu afastamento dos tres núcleos de poboación que hai en Bagan e, sobre todo, o feito de que sexa un hotel dirixido a grupos turísticos, especialmente barullentos chineses co que se fai difícil poder descansar.

O ceo de Bagan cuberto polos globos aerostáticos ás seis e media da mañá. No horizonte vemos sobresaír a torre Nan Myint
Imaxinade Bagan como unha chaira inmensa con templos espallados por todas partes e tres pequenas vilas que prestan os servizos que precisan os turistas que veñen visitar o conxunto de templos. As poboacións de Nyaung U, Old Bagan e New Bagan son vilas sen ningún encanto especial que medraron rapidamente e con pouco xeito, lugares onde durmir, comer e pouco máis para facer.
Coido que á hora de decidir onde aloxarse o mellor é escoller un establecemento que nos resulte apetecible e que se axuste ao diñeiro do noso peto, independentemente da súa situación. E, unha vez en Bagan, negociar un transporte que nos leve dun lugar a outro durante toda a visita.
Nós dedicamos un día e medio a percorrer os templos máis importantes. Esta pode ser unha duración ideal no caso de estar ben aproveitada, xa que chega un momento no que os templos comezan asemellarse e resultan reiterativos.
Contratamos o noso tuk-tuk (thoun bein en birmano) a través da recepción do hotel. As tarifas parécennos suficientemente razoables para non ter que entrar en releos. Pagamos 15.000 kyats (9 €) para medio día e outros 25.000 kyats (15 €) para a visita de día completo da segunda xornada.
Bagan, a capital do Primeiro Imperio Myanmar, viu como se construían durante case dous séculos e medio –do século XI ao XIII- ata 4.000 templos budistas en ladrillo, madeira e estuco. Aínda hoxe non se coñece a razón pola que comezou o seu rápido declive a finais do século XIII, malia que todo apunta aos ataques dos mongois de Kublai Khan.
Pero Bagan segue a ser un dos lugares arqueolóxicos máis ricos de Asia e de todo do mundo con preto de dous mil monumentos conservados. E isto a pesar de seren utilizados materiais construtivos de fácil erosión, aos numerosos saqueos e a un abandono continuado. Bagan é unha visita impresionante e un deses lugares que hai que coñecer.
A reconstrución de Bagan iniciouse nos anos 90 do século pasado. Case todos os templos foron reparados ou reconstruídos e non sempre da mellor forma. Son moitas as críticas pola mala calidade dos materiais empregados e pola pouca fidelidade ás construcións orixinais. Incluso se fala que o xacemento arqueolóxico de hoxe é en gran parte unha versión “disneyiana” do que foi no seu día.
Os terremotos de 1975 e do 2016 supuxeron unha nova desgraza para Bagan. Só no ano 2016 foron 400 os templos afectados. Pero seica estas novas reconstrucións van máis devagar e tentan recuperar os templos orixinais, eliminando engadidos inadecuados. Por esta razón aínda é posible atopar algúns templos pechados á visita.
A oferta de templos de Bagan é moi variada, hainos grandes e pequenos, con vendedores e sen eles, restaurados e en ruínas, ateigados de turistas e outros nos que nós somos os únicos visitantes. Os templos tamén son de tipoloxías arquitectónicas e artísticas moi diferentes.
Cada visitante deberá escolle-lo itinerario segundo os seus intereses pero sen esquecer aqueles edificios considerados obras mestras da arte budista. A orde na visita vai depender da situación do aloxamento e doutras paradas que se queiran engadir aos templos (restaurantes, tendas,…). Todos os templos son gratuítos. Convén levar lanternas para os que están mal iluminados ou sen iluminar.
Pásavos un resumo da nosa ruta tendo en conta que hai outros templos menores que foron visitados de camiño. As transcricións que se fan do birmano ao alfabeto latino non seguen unha norma exacta e é por esa razón que podemos ver un mesmo nome escrito de formas diferentes.
TARDE DA PRIMEIRA XORNADA
ABEYADANA PAHTOYA (Preto da aldea de Myinkaba)
Pequeno templo famoso pola boa conservación dos seus frescos orixinais (restaurados pola Unesco). Nun posto no seu exterior venden os típicos cadros de Bagan feitos con area ou pedra moída. Os de aquí parecéronnos de boa calidade e máis creativos que noutros postos do xacemento.
MANUHA PAYA (Aldea de Myinkaba)
Templo moi animado por estar no centro da aldea de Myinkaba. Destaca un inmenso Buda reclinado. Myinkaba é moi coñecida por se-lo epicentro dos artesáns especializados en obxectos de laca. E as lacas birmanas son marabillosas. Aquí podemos atopar varias familias dedicadas a esta artesanía así como numerosas tendas abertas ao público.
ANANDA PAHTO (Chaira Norte)
Un dos templos máis fermoso, grande, ben conservado e venerado de Bagan. Destacan as grandes catro imaxes de Buda feitas en madeira de teca. As guías falan de Ananda Pahto como unha boa referencia para facerse unha idea de como debía ser Bagan no seu momento de máximo apoxeo. Moitos vendedores.
THATBYINNYU PAHTO (Old Bagan)
Este templo de 63 metros de altura ten o récord de ser o máis alto de todos os monumentos de Bagan. Numerosos visitantes.
SHWESANDAW PAYA (Chaira Central)
Pagode branco de estilo piramidal con escaleiras entre as distintas terrazas. Era un dos lugares preferidos polos visitantes para contemplar o solpor pero durante a nosa visita vemos carteis que prohiben subir aos andares superiores (?).
DHAMMAYANGYI PAHTO (Chaira Central)
Un templo referencial como o mellor conservado e o de maior volume de Bagan. Tamén considerado como o de mellor traballo en ladrillo. Totalmente ateigado de visitantes e vendedores.
HTILOMINLO PAHTO (Chaira Norte)
Un dos máis grandes de Bagan. Por fóra é facilmente confundible co templo Sulamani Pahto. En obras para a consolidación e mellora das súas fachadas afectadas polo terremoto de 2016. Moitos vendedores.
SEGUNDA XORNADA
IZA GAWNA (Chaira Sur)
Pequeno e coqueto templo moi próximo ao mosteiro Kyat Kan Kyaung.
KYAT KAN KYAUNG (Chaira Sur)
Mosteiro medio soterrado do século XII e aínda en activo como certifican as cadeiras e camas utilizadas para meditación.
LEIMYETHNA PAHTO (Chaira Sur)
Ofrece un aspecto completamente diferente aos demais. Un templo perfectamente encalado de branco e coroado por unha agulla dourada.
ANAUK PETLEIK PAYA (New Bagan)
Realmente son dous templos se contamos co veciño, e case xemelgo, Ashe Petleik Paya. De feito, as palabras Anauk e Ashe significan “oeste” e “leste” respectivamente e valen para marcar a súa situación. Son templos pequenos dun só andar e o seu interese permanece pechado no seus interiores. Hai unha persoa encargada da súa apertura que nós non encontramos o día da nosa visita.
LAWKANANDA PAYA (New Bagan)
Preto do río e arrodeado por un animado mercado local. Son moitos os que se achegan para gozar coa posta de Sol dende o seu miradoiro. Sufriu grandes desfeitas durante o terremoto de 2016 pero xa está totalmente recuperado. Moitos visitantes locais. Aproveitar para botar unha ollada ao mercado veciño.
SHWEZIGON PAYA (Nyaung U)
A nosa última visita é xa preto do noso hotel. Un templo formado por unha estrutura cilíndrica no alto de tres terrazas cadradas especialmente ben iluminadas pola noite. Considerado como o prototipo dos miles de típicos pagodes espallados por todo Myanmar. Tamén é un centro budista de gran veneración que acolle reliquias do propio Buda, polo que recebe moitos fieis locais.
Unha vez rematada a visita, somos conscientes de que deixamos moitos templos sen visitar. Bagan dá para moitos días pero a nosa intención é unicamente facernos unha boa idea da que debeu ser unha das cidades máis fascinantes de toda Asia.
Unha vez cansos de ver templos hai outras visitas interesantes como son o Museo Arqueolóxico, preto de Old Bagan, ou actividades como os cruceiros que se organizan á hora do solpor polo río.
Ademais, e dende o ano 2005, a torre Nan Myint pertencente ao hotel Aureum Palace ofrece boas vistas panorámicas sobre o conxunto de templos, tanto dende o restaurante do andar 9 como dende o miradoiro do 12. Moitos consideran esta construción de 60 metros de altura un desacerto máis dos moitos con que foi castigada Bagan.
Con respecto ás compras non hai que esquecer o feito de que Bagan, e sobre todo a aldea de Myinkaba, é un lugar privilexiado para mercar obxectos de laca dunha calidade excepcional. Os prezos das tendas especializadas pretenden ser fixos pero nós sempre conseguimos algún desconto.
Tamén resultan orixinais e ben de prezo moitas pinturas realizadas con area ou con pedra moída que reproducen imaxes dos templos ou da iconografía birmana. Como en todo este país, os prezos son a negociar.
Hai moitos outros postos na contorna dos templos que venden obxectos de laca. En xeral, a oferta é máis limitada que nas tendas especializadas e moitos obxectos son de baixa calidade. Pero por contra, moito máis baratos que en Myinkaba.
Tede en conta que unha boa laca esixe un traballo que pode levar ata meses. Para nós é, sen dúbida, o mellor obxecto que traer como lembranza deste país.
CONSELLOS PARA A VISITA:
Indispensábel unha forte protección solar, gorro e auga abundante.
Despois das miñas dúas visitas, coido que a mellor opción para visitar este inmenso xacemento é o tuk-tuk. É rápido e chega facilmente a todas partes. Tamén nos protexe do sol. Pero os inimigos das altas temperaturas poden botar en falla o aire acondicionado dos taxis.
Os que alugan motos teñen que soportar o implacable sol de Bagan e corren o risco de esvarar nas abondosas zonas areosas do percorrido.
A xente que se move en bicicleta precisa realizar un grande esforzo para coñecer esta ampla chaira. Só recomendado para estadías máis prolongadas cá nosa.
MONTE POPA
O terceiro día en Bagan negociamos co noso condutor de tuk-tuk para levarnos ata o famoso Monte Popa. Mellor facelo nun tuk-tuk aberto, en contacto co aire, que nun vehículo pechado. Tamén preferimos darlle negocio ao noso compañeiro dos últimos días en vez de a xente descoñecida.
Finalmente acordamos un prezo de 25.000 kyats (15 €) por unha escapada de medio día. O tempo de viaxe en tuk-tuk é dunha hora e vinte minutos por traxecto. No caso de querer facelo en taxi, a tarifa media é duns 40.000 kyats (24 €) aforrando 20 minutos de tempo de percorrido en cada sentido.
Ao saír de Bagan imos deixando ao longo do camiño unhas estruturas de madeira ben feitas, de gran tamaño e con moitos coches aparcados diante. Supoñemos polo seu aspecto que son restaurantes pero chama a nosa atención que sexan tantos e tan grandes. Decidimos parar á volta e ver o que se “coce” nun deles.
Seguindo ruta comezan a sorprendernos os centos de persoas que vemos na beira da estrada. Espalladas ao longo de moitos, moitos quilómetros e a uns metros afastadas unhas das outras. Unhas agachadas e outras de pé, como se estivesen a esperar o autobús para Monte Popa. Nunca en grupo. Vellos, adultos e nenos,… esperando.
Preguntado o noso condutor fainos entender no seu limitado inglés que son os poboadores das aldeas próximas –que non vemos- empobrecidos pola prolongada seca que sofre o país. Mendigos á espera do que poidan tirar dende os coches ou de que alguén decida parar para entregar unha esmola en man.
A visión e moi desacougante e preguntámonos a razón pola que non vimos algo parecido no resto do país. Ou ben a situación é especialmente extrema nesta parte de Myanmar ou ben é un costume adquirido para pasa-lo tempo tendo en conta os numerosos turistas que transitan entre Bagan e Monte Popa (?).
Non sei, pero a verdade é que moitas desas persoas ofrecen unha imaxe pouco sa, miserable nalgúns casos. E o birmano non é un pobo de pedir, apenas vemos pobres de rúa como noutros países do sueste asiático. Finalmente non conseguimos que o noso condutor dea outras explicacións e temos que ficar coa pertinente dúbida.
Monte Popa é o principal lugar de culto de Myanmar dedicado aos nat (espíritos), unha especie de deidades orixinais da etapa anterior á chegada do Budismo ao país. Hai 37 nat diferentes que están moi presentes nas vidas dos birmanos, algo así como os santos na relixión católica.
Eles poden dominar tanto a persoas como a lugares. Pero tamén axudan a facer realidade as aspiracións dos seus fieis. Dende o século XI o culto aos nat e a Buda conviven en harmonía e son moi numerosos os santuarios nat en Myanmar.
Hai que aclarar que hai dous Monte Popa e moi próximos un do outro. Un é o antigo nome do volcán extinto de 1.500 metros de altitude coñecido oficialmente como Taung Magyi. O outro é un colo volcánico de 727 metros (Popa Taung Kalat) coroado polo templo do noso interese.
A situación do templo, no alto desta atalaia natural, é verdadeiramente impresionante. Pero non tanto o templo de seu ao que poderiamos cualificar como “falto de gusto” ou descaradamente kitsch.
Tampouco ofrece interese ningún a pequena aldea aos pés do templo. Nin é un bo lugar para poder mercar artesanía nin hai restaurantes que resulten apetecibles.
O que si paga a pena é subir os empinadísimos 777 chanzos que levan ata o templo. A súa terraza ofrece vistas estupendas sobre os bosques que se estenden polas abas do volcán Popa.
A entrada é gratuíta, pero os voluntarios que están a limpar continuamente as escaleiras (hai que subir descalzo) reclaman unha pequena propina. Como sempre, temos moito coidado cos numerosos monos que saen ao noso encontro durante a subida.
Os viaxeiros que dispoñan de tempo tamén poden utilizar a aldea como punto de saída para realizar sendeirismo polo Parque do Monte Popa, descubrir miradoiros e fervenzas ou subir ata o cráter do Taung Magyi.
Xa de volta paramos como previsto antes de chegar a Bagan nun deses restaurantes que nos chamou tanto a atención na viaxe de ida. A súa especialidade son os doces e o ponche feitos con azucre proveniente do zume da palmeira Palmira (jaggery), tan abundante nestas planicies de Myanmar.
No restaurante que paramos, e supoño que en todos, hai unha pequena zona de degustación e venda onde explican a elaboración dos produtos. Pedimos unha xerra de ponche que vén acompañada de fritura de cabaza con prebe lixeiramente picante. A bebida resulta un pouco quente demais pero agradable. No restaurante hai lugares para relaxarse en familia e vemos moita xente pasando o día.
Ao día seguinte toca regresar a Mandalay. Á hora de reservar tivemos medo dun atraso no voo de Bagan a Mandalay e da posible perda da conexión a Bangkok. Máis tendo en conta que son dous billetes e dúas compañías aéreas diferentes.
A idea inicial pasaba por quedar vinte e catro horas na capital do norte e dedicar o tempo libre a coñecer o templo inacabado de Mingun. Situado río arriba de Mandalay, este templo ía ser o maior pagode do país.
Pero o caso é que o voo de Bagan a Mandalay da compañía Mann Yadanarpon Airlines (56 €) sae moi puntual. Chegamos a Mandalay e aínda temos catro horas e media por diante ata a saída do voo de Air Asia dese día con destino Bangkok.
Bruno avoga por cambiar a nosa reserva e seguir camiño ata Bangkok. Despois de tantos día sen actividade nocturna, o seu corpo reclama música e alcohol en sociedade. Estrañamente, o acceso ás oficinas de Air Asia tan só é posible con tarxeta de embarque.
Para face-lo cambio temos que chamar por teléfono ao representante da compañía aérea. Despois dun tempo de espera sae ao encontro connosco e autoriza o cambio pagando unha penalización de 55 € por persoa.
Decidimos de mutuo acordo cumpri-lo capricho de Bruno, paga-lo cambio do voo e renunciar ao noso aloxamento xa pago en Mandalay. Aínda así temos que baixar ao centro para recoller unha maleta que deixamos no mesmo hotel durante a nosa primeira estadía. Polo camiño entro na app de Booking.com para ampliar unha noite máis no hotel de Bangkok.
A terminal de Mandalay queda tan afastada e o tráfico do centro é tan caótico que Bruno vaise pondo nervioso ante a posibilidade de perder o voo a Bangkok e ter que pagar un novo cambio. Finalmente temos o tempo xusto –excesivamente xusto- de recoller a maleta e chegar de novo a facturar no aeroporto. É a unha do mediodía e estamos despegando cara a Bangkok.
Por diante outro día e medio na capital tai. Pouco que contar, Bangkok fainos sentir como sempre moi a gusto e supón unha despedida perfecta para esta marabillosa viaxe por Myanmar.
Remata Myanmar, pero de novo, como hai dezanove anos, deixa un forte poso en min. E desta vez tamén en Bruno. Certo que Myanmar ten dado moitos pasos adiante neste medio tempo e non todos foron os adecuados. Certo que o turismo fai que o que un país gaña en facilidades o perda en espontaneidade.
Pero Myanmar segue a ser un destino fácil, barato, agradable e con moreas de cousas para visitar e vivir. E, sobre todo, un destino cheo de xente encantadora que non vai provocar problemas e si axudar a que todo sexa máis doado. O meu consello é que non deixedes moito tempo sen vir a coñecelo. Amando Myanmar.