Bielorrusia, unha viaxe inusual

Palacio das Artes en Minsk
Fortaleza de Brest

Comezo a escribir este post no mes de xuño. Xa pasou tempo dabondo dende que rematou esta viaxe por Bielorrusia. Polo medio, moitos días de confinamento durante os que sentar a falar de viaxes estaba fóra de lugar. Agora estamos a vivir xa nesta pouco apetecíbel “nova normalidade” e retomo os meus bos vezos viaxeiros con ganas de anima-la xente a coñecer outras culturas.

Bielorrusia…, son moitas as cousas que non sabemos sobre este país. É máis, estou seguro de que o que a maioría da xente coñece se limita á súa pertenza á antiga URSS e á súa presenza anual no Festival de Eurovisión.

A verdade é que Bielorrusia tampouco ten feito moito por estar presente nas vidas do resto do mundo. Un país formado por unha mestura de pobos diferentes que non teñen xogado ningún papel protagonista ao longo da historia. A imaxe que transmite é a dunha nación discreta e con pouca identidade que segue a funcionar como un satélite de Rusia.

A prensa que este país ten no exterior tampouco é boa. Bielorrusia preséntase como unha “democracia” que, gobernada con man de ferro por Aleksandr Lukashenko, emana un esaxerado tufo a ditadura. O autoritario Lukashenko, quen goberna ininterrompidamente dende o ano 1994, está acusado de numerosas violacións dos dereitos humanos, de perseguir calquera tipo de oposición e de mudar a Constitución do país ao seu antollo.

Coche na cidade de Brest

O país estivo pechado ás visitas turísticas ata hai moi pouco tempo. A primeira concesión cara aos que tiñamos interese por coñecer este enclave europeo  foi a emisión de visados de tres días para os que chegaban por terra a través da fronteira polaca. Tan só tres días para todo un país! Logo o visado foi ampliado ata cinco días pero nese caso había que vir en avión e aterrar no aeroporto de Minsk, a capital de Bielorrusia.

Non obstante, dende xullo do ano 2018 os españois temos dereito a unha estadía de 30 días no país sen facer ningún trámite previo (visa-free). Os requisitos son, unha vez en Bielorrusia, presentar un pasaporte que non caduque polo menos en tres meses, entrar e saír polo aeroporto de Minsk e levar unha cantidade en divisas ou rublos bielorrusos equivalente a uns 21 € por día de estadía.

Outro requisito obrigatorio é contratar unha póliza de seguro de viaxe na que apareza especificado EN INGLÉS que é valida para Bielorrusia ou, no seu defecto, para todo o mundo. A súa cobertura médica debe ser por un mínimo de 10.000 €.

Aínda en Galicia, eu lin nalgunha web que ao pasar o control de pasaportes no aeroporto de Minsk a policía puña sempre problemas en relación ao seguro de viaxe. Unha posible corruptela pola que obrigaban a mercar alí mesmo un novo seguro. Pero ese non foi o noso caso. De feito nin nos pediron ve-lo seguro que levabamos.

Finalmente, os turistas con visa-free, como é o caso español, teñen que rexistrarse obrigatoriamente no Departamento de Cidadanía e Migración unha vez no país só no caso de que a súa estadía vaia ser superior a cinco noites. Habitualmente son os propios aloxamentos os encargados do rexistro pero non sempre é así (ver máis información o día 3 da viaxe).

Por suposto estas condicións poden variar e cómpre verificalas antes de viaxar. Se se quere entrar por vía terrestre ou se o viaxeiro español chega dende territorio ruso, as condicións anteriores non son aplicables.

www.belarus.by/en/travel/travel-visas/visa-free-travel-program-belarus

O meu interese por Bielorrusia vén de lonxe. Fascínanme os países dos que temos pouca información e aqueles que permanecen pechados ás visitas durante moito tempo. Esa situación asegura que o destino teña unha personalidade definida e que os que chegamos de fóra notemos un maior contraste coa nosa vida cotiá.

Por outra banda, dende hai uns anos procuro viaxar a lugares onde atopar poucos turistas. Sentirme un máis do país sen a presenza de miles de visitantes é un plus que agradezo moitísimo. E Bielorrusia cumpre perfectamente esa condición, xa que tan só recibiu 355.000 turistas no ano 2018. E deles un 57% eran rusos. Ser turista hoxe en día en Bielorrusia aínda é algo especial.

Escollo viaxar no mes de xaneiro, no máis cru do inverno. Un mes no que o país pode acadar ata os vinte graos baixo cero e a neve acostuma ter unha presenza constante. Se Bielorrusia recibe poucos turistas ao longo do ano, xaneiro é o mes perfecto para non atopar ningún.

O que ía ser unha viaxe en solitario remata converténdose nun pequeno grupo de cinco persoas. Os primeiros en apuntarse foron a miña irmá Ánxela e o meu cuñado Ricardo. E logo os meus amigos Mayte e Antonio. Mayte tivo unha mala caída o verán pasado e iso impediulles facer a súa habitual escapada estival.

Á hora de comezar coas reservas decídome por Lufthansa para voar de Madrid a Minsk vía Frankfurt. Esta compañía aérea alemá sempre resulta seria e fiable, e tamén resolutiva no caso de ter problemas. A tarifa de ida e volta que pagamos é de tan só 229 €, máis outros 50 € no caso de querer facturar maleta.

Como ningún de nós falamos ruso -e aínda menos bielorruso-, e como os meus amigos e parentes falan pouco inglés, decido  contratar unha furgoneta con chofer para movernos polo país. Supoño que non vai ser doado entenderse cos bielorrusos e temo perder aos meus compañeiros de viaxe á hora de coller taxis ou outros transportes.

Pido varios orzamentos e decídome pola empresa Lux Car baseada en Minsk. As miñas conversas con Eugene, o seu responsable, resultan frutuosas e chegamos a unha tarifa de 850 € polo total da nosa estadía, dende a nosa chegada o día 25 pola noite ata a nosa saída do país oito días despois. A furgoneta resultará moi cómoda, unha Mercedens Benz de oito prazas en moi bo estado de mantemento.

O noso chofer Vladimir diante da furgoneta na Fortaleza de Brest

Durante a negociación con Eugene deixo moi claro o itinerario a realizar e o número de horas dedicadas a cada visita. No prezo deben entrar todos os gastos do coche incluídas as posibles peaxes así como a manutención e o aloxamento do chofer.

Despois de consultar varias webs, de pasar pola caseta informativa de Bielorrusia na feira de turismo Fitur e de falar con algún coñecido bielorruso coido que a nosa visita vai dar para ver a maioría dos atractivos que Bielorrusia ten que ofrecer. O itinerario de ida e volta vainos levar pola metade occidental do país, dende Minsk ata a fronteira polaca.

DIA 1 MINSK

Aterramos en Minsk case ás dez da noite, unha hora máis tarde que en España.  Pasamos axiña os trámites fronteirizos e a policía, malia a súa face adusta, non pon ningún impedimento á nosa entrada ao país. A terminal, de clara inspiración soviética, está case baleira a esta hora da noite.

Aeroporto de Minsk

O que vai ser o noso chofer, Vladimir, espéranos cun carteliño á nosa saída ao hall de chegadas. Subo ao primeiro andar a trocar rublos bielorrusos a un cambio de 2,35 por euro. Neste país non  hai mercado negro e o cambio vai ser practicamente igual en todas as oficinas polas que pasaremos durante a nosa viaxe.

O aloxamento reservado é un apartamento preto da estación de metro Plošča Pieramohi, na praza do mesmo nome. Plošča Pieramohi ou praza da Victoria acolle un obelisco de 38 metros de altura levantado no ano 1954 para conmemorar o décimo aniversario da liberación do país fronte á ocupación nazi.

A praza está atravesada pola avenida da Independencia (Praspiekt Niezaliežnasci), principal eixo da cidade ao que se asoman algún dos edificios máis nobres e interesantes de Minsk. Unha localización moi axeitada para logo moverse a pé polo centro urbano. Pagamos 220 € polo total das tres noites por un apartamento para cinco persoas reservado a través de Booking.com.

Bielorrusia acaba de chegar ao mundo do turismo e os aloxamentos son case todos novos. Están ben en xeral, con relativo bo gusto e bastantes comodidades.  Os propietarios non falan inglés pero usan con mestría o tradutor de Google. Xa é máis difícil facerse entender en persoa, unha vez no aloxamento, cando non hai tempo de acudir ao tradutor.

Ao final da viaxe, a nosa experiencia levounos a varias conclusións. A primeira é que os propietarios dos apartamentos xa tiñan unha situación acomodada na época comunista polo que acostuman xestionar varios aloxamentos. A segunda é que sempre confirman aquel apartamento reservado en Booking.com, pero uns días antes da estadía tentan cambiar por outro da súa propiedade se é que lles resulta máis conveniente.

Finalmente, recibimos varias mensaxes de diferentes propietarios para que cancelaramos a nosa reserva con Booking.com. Non poñen gastos de cancelación para que se poida renunciar ata última hora. Logo piden volver facer a reserva pero xa directamente coa propiedade do apartamento. Dese xeito, buscan aumentar os seus beneficios ao aforrar a comisión que terían que pagar a Booking.

Tamén é verdade que se un se nega a facer cambios e cancelacións, non poñen maior problema. En calquera caso, hai que pagar sempre en metálico xa que as tarxetas de crédito non son un xeito habitual de face-lo pagamento nestes aloxamentos. Por contra, para outro tipo de servizos e restauración non tivemos ningún problema.

Despois de acomodarnos baixamos cear a un agradable restaurante a nivel de rúa no noso mesmo edificio. É o Café Skif, con decoración de dubidoso gusto medieval pero comida aceptable e barata. Son as once e media da noite, hai carta en inglés e non teñen ningún problema en servirnos.

Co pasar dos días comprobaremos que a maioría dos restaurantes deste país teñen carta en inglés malia que os camareiros non o falen. Unha boa axuda, xa que sempre queda o recurso de sinalar o que queremos directamente no menú.

Principiamos a nosa estadía en Bielorrusia cunha boa impresión. A xente local tenta agradar e reacciona sen os comportamentos acartonados doutros países de influencia soviética. Comezamos a pensar que Bielorrusia pode ser unha sorpresa positiva e, sobre todo, pracenteira.

DÍA 2 DUDUTKI e MINSK

Imos pasar dous días descubrindo os atractivos da capital bielorrusa. A primeira xornada queremos facer unha escapada ao Museo Dudutki, situado a 45 quilómetros de Minsk e con sona de ser un dos máis interesantes do país. E pola tarde temos unha cita no grandilocuente Gran Teatro Académico Nacional Bolshoi e Teatro de Ballet da República de Bielorrusia, Bolshoi para os amigos, para ver o ballet “O Principiño”.

O primeiro que facemos no día é pedirlle a Vladimir que nos leve almorzar.  Os restaurantes non son sempre evidentes dende o exterior e o tema da primeira comida do día aínda non o teñen moi traballado. Lévanos ao restaurante Vasilki, en plena avenida da Independencia, que resulta bo e barato.

Como xa intuïamos o día anterior, Minsk presenta un aspecto agradable, de cidade ordenada e extremadamente limpa. Os edificios locen pintados recentemente e todo parece no seu sitio. Nos seguintes días descubriremos que nos interiores non manteñen o mesmo nivel de coidado. Unha teima das ditaduras (aínda que presuman de réxime democrático) é amosar aos de fóra que os seus nacionais gozan dun bo nivel de vida e que o país está baixo “control”.

A cidade apenas conserva testemuños do seu pasado. Foi destruída nun 85% por mor dos bombardeos alemáns durante a II Guerra Mundial. O que vemos é novo ou reconstruído. Pero aínda así resulta agradable e bastante acolledora para o que é habitual nas urbes que medraron durante o período soviético.

Bonita escultura de palla camiño de Dudutki

Chegamos a media mañá a Dudutki, un museo formado por varios edificios que permiten entrar en contacto coa vida rural do século XIX. Hai algúns animais domésticos e dá a impresión de que co bo tempo deben facer actividades agrogandeiras no exterior. Nunha das cabanas do complexo invitan a unha pequena degustación de queixo e manteiga.

O museo tamén ofrece a posibilidade de ve-lo traballo en directo dos mesteirais e de mercar artesanía do país. Bielorrusia é un destino con abondosa artesanía. Malia non haber moitos turistas, atopamos quioscos e tendas por todo o país. Pero para os meus compañeiros de viaxe e para min resultou, como no resto de países do leste de Europa, pouco apetecible de mercar.

Diversas imaxes de Dudutki

Outros edificios para visitar son a igrexa ortodoxa San Xoán O Profeta, en madeira e moi preto da entrada ao complexo, e un muíño de vento, algo afastado do resto de construcións, que fai lembrar aos da imaxe típica de Holanda.

O grupo diante da igrexa de San Xoán O Profeta

Antonio e Richard en Dudutki

Muíño de vento en Dudutki e divertido sinal con Don Quixote

Tivemos a sensación de que Dudutki debe ter moitos admiradores dentro de Bielorrusia, unha escapada habitual para cando a xente de Minsk recibe visitas de familiares ou amigos. E de seguro que en tempada alta presenta un aspecto moito máis animado.

Pero para alguén que vén de fóra coma nós, Dudutki é totalmente prescindible no caso de ter poucos días dispoñibles. Por contra, de ter tempo dabondo e atopar transporte barato para chegar ata aquí, pode ser unha boa maneira de pasar medio día. O prezo da entrada é de 14 rublos ou 6 euros, incluídas as pequenas degustacións.

Artesanía bielorrusa en Dudutki

De volta en Minsk pedimos a Vladimir que nos deixe na praza Plošča Pryvakzalnaja, diante da estación de tren. A estación é un edificio novo e pouco interesante que substitúe aos dous anteriores destruídos, respectivamente, durante a I e a II Guerra Mundial.

Nesta mesma praza, esquina coa rúa Kirava, están as Portas da Cidade. Dúas pequenas torres xemelgas de once andares de evidente estilo soviético. Os edificios son obra dun arquitecto ruso de Leningrado e co tempo foron converténdose nun dos símbolos da cidade.

Plošča Pryvakzalnaja e Portas da Cidade

Dende alí seguimos a pé ata Plošča Niezaliežnasci (praza da Independencia), o centro administrativo da cidade e lugar de eventos e desfiles ata mediados dos anos 80 do século pasado. Unha praza inmensa á que asoman edificios de liñas rectas, como a inmensa Casa do Goberno (Asemblea Nacional), o edificio de Correos, a Universidade Estatal e outros edificios no estilo arquitectónico construtivista ruso.

Durante a etapa soviética foi coñecida como praza Lenin e aínda conserva unha grande estatua do persoeiro ruso na entrada da Casa do Goberno. Entre tanto edificio de arquitecturas “frías” destaca a Igrexa dos Santos Simón e Elena, coñecida como a Igrexa Vermella polo uso de ladrillo desta cor nas súas fachadas.

Plošča Niezaliežnasci

Casa do Goberno e Igrexa dos Santos Simón e Elena (á dereita) na Praza da Independencia (Plošča Niezaliežnasci)

Imaxes da Casa do Goberno na Plošča Niezaliežnasci

Construída por arquitectos polacos en estilo neogótico, foi levantada a comezos do século XX. Pechada en varias ocasións na etapa soviética, secularizada –incluso funcionou como cine-, foi devolta á igrexa católica en 1990. Entramos na hora da misa e quedamos abraiados da forza coa que as igrexas católica e ortodoxa están entrando de novo na vida cotiá de Europa do Leste.

Devoción na Igrexa dos Santos Simón e Elena

Vladimir recóllenos de novo e saímos en dirección nordés, varios quilómetros sen abandonar a principal arteria da cidade: a longuísima avenida da Independencia (Praspiekt Niezaliežnasci). O noso destino é a Biblioteca Nacional de Bielorrusia e a Igrexa de Todos os Santos. Tamén poderiamos chegar en metro seguindo a liña azul e baixando, respectivamente, nas estacións de Uschod e Barysaūski Trakt.

A Biblioteca Nacional foi rematada nos primeiros anos deste século. Convocado un concurso público, o proxecto gañador foi este “diamante bielorruso” con 74 metros de altura. O edificio e a praza que o arrodea resultan moi fríos. O máis orixinal son as fachadas recubertas de cristais e os 4.646 leds cambiantes de cor que as converten en pantallas xigantes dende as que se mandan diferentes mensaxes nun espectáculo visual. Paga a pena ve-la despois da caída do sol.

A Biblioteca é tamén un dos escasos miradoiros (coido que o único) dunha cidade tan chá como é Minsk. Pagamos 3,5 rublos por persoa para subir en ascensor os 22 andares ata os 72 metros de altura da súa plataforma exterior. Dende arriba temos unha ampla visión de barrios de última xeración, onde intuímos o bo nivel de vida dos seus habitantes. O miradoiro abre ata ás once da noite.

Inmensa praza diante da Biblioteca Nacional

Edificio da Biblioteca Nacional

Vista dende o miradoiro do andar 22 da Biblioteca Nacional

Seguimos en coche ata a veciña Catedral de Todos os Santos, admirada como a igrexa ortodoxa máis bonita de Minsk. Un edificio recente, xa que a primeira pedra foi colocada en 1991, pensado coma un memorial ás vítimas inocentes da guerra. Pintado en branco e coas súas cúpulas douradas, é fiel ao máis puro estilo ruso. Tamén paga a pena botar unha ollada á Igrexa da Santísima Trindade, construída en madeira e a escasa distancia da anterior.

Catedral de Todos os Santos (ao fondo) e Igrexa da Santísima Trindade

Interior da Igrexa da Santísima Trindade

Interior e exterior da Catedral de Todos os Santos

Regresamos ao centro da cidade. Temos unha cita co Teatro Bolshoi, o único teatro da ópera que está a funcionar en Bielorrusia. O edificio foi inaugurado en 1939 pero sufriu moitos danos durante a II Guerra Mundial. Despois da contenda foi reconstruído ata en catro ocasións, a derradeira no ano 2009.

Seguindo o estilo construtivista ruso, todo asemella excesivamente novo e con certo aire de rico exhibicionista e de pouco gusto. Aínda así resulta agradable. Ademais, o ballet é moi popular nos países do leste e o local presenta moita animación e un cheo total. Durante o descanso achegámonos ao ambigú, onde tomar tostas e bebidas a prezos incribelmente baratos.

Facendo fila, unha rapaza que nos escoita falar en castelán -ela tamén o fala por ter vivido un par de anos en Valladolid- interésase polos motivos que nos levan a escoller Bielorrusia como destino de vacacións. O asombro da súa cara reflicte perfectamente o pouco atractivo que ela atribúe ao seu país. Cústalle entender que sendo españois teñamos  interese en vir ata aquí e, sobre todo, que o fagamos en pleno inverno.

Chegamos coas entradas dende Galicia a través da web que aparece máis abaixo. A obra é “O Principiño”, pero nin o que vemos nin o que nos conta o programa nos fai lembrar o libro orixinal de Antoine de Saint-Exupéry. Polo que pagamos, 26 rublos (11 €) non podemos pedir máis e gozamos dunha experiencia plenamente bielorrusa no noso primeiro día no país.

https://bolshoibelarus.by/eng/

Teatro Bolshoi de Minsk

Xa de noite, regresamos ao apartamento e seguimos un  ritual que se vai repetir algunha outra tarde. Mayte e Antonio, como bos galegos, trouxeron chourizos e touciño con eles por se a gastronomía do lugar non era do seu gusto. E hainos que consumir. Aproveitamos para ir ao súper e mercar produtos locais como queixos, embutidos e vodka cos que preparar unhas ceas saborosas.

Copiamos os costumes do país e algúns de nós cearemos a miúdo tendo como única bebida grolos de vodka, que mesturamos con tragos de auga. A auga rebaixa o efecto alcohólico do vodka e ao día seguinte non sufrimos de resaca.

DÍA 3 MINSK

Hoxe démoslle día libre a Vladimir. Á hora de negociar coa empresa da nosa furgoneta de aluguer deixamos este día sen servizo. A nosa intención é andar pola cidade con certa improvisación e devagar. Pero ao final da xornada comprobaremos que foi un erro, xa que camiñamos case 30.000 pasos e aínda así perdemos de ver algún dos atractivos de Minsk, aqueles que fican afastados do centro.

Á primeira hora dirixímonos cara ao mercado Komarovsky, a principal despensa da cidade, nun edificio novo con aspecto de polideportivo. De novo un erro, o mercado pecha os luns e o que atopamos é un edificio pouco interesante e baleiro. Desfacemos o camiño cara ao centro. As rúas preséntanse pouco transitadas e os transeúntes non fan barullo ningún.

Mercado Komarovsky

O noso destino no centro é o barrio Trindade (Trinity nos mapas turísticos), na beira do río Svislač. Un pequeno grupo de vivendas de cores representativas dos séculos XIX e XX e de evidente estilo centroeuropeo. Hoxe en día é o máis parecido a un barrio turístico con diversos cafés, museos e tendas de souvenirs. É un lugar pequeno, con poucas rúas que se ve deseguida.

Barrio da Trindade

Ao seu carón está a Illa das Bágoas, tamén coñecida como Illa da Coraxe e da Pena. Un pequeno anaco artificial de terra no río Svislač unido por unha ponte ao barrio da Trindade. Aquí está o memorial aos soldados caídos na guerra afgá de entre 1979 e 1989. O monumento conmemorativo non resulta moi atractivo.

Chama máis a atención o feito de que a illa ofrece un panorama que permite entender perfectamente a evolución de Minsk. Os 360º de visión abarcan arquitecturas que van dende a cidade de preguerra, pasando pola etapa socialista ata estilos pos-modernos e un horizonte de nova xeración con edificios moi recentes e algún que outro rañaceos.

Memorial aos caídos na guerra afgá na Illa das Bágoas

Panorama de 360º dende a Illa das Bágoas

Bordeando o barrio da Trindade chegamos á Praza da Liberdade, o centro histórico e a parte da cidade máis interesante dende o punto de vista monumental.

Algúns edificios salientables son a Catedral Ortodoxa do Espírito Santo e o veciño Mosteiro das Bernardas, a Igrexa do Espírito Santo (si, mesmo nome pero diferente á anterior), a Catedral de San Pedro e San Paulo, a Igrexa de San Xosé, a Casa do Concello e a Arqui-Catedral Católica da Virxe María, é esta a igrexa católica máis importante do país, restaurada no ano 2000 seguindo o seu aspecto orixinal.

Estamos nun Minsk tan limpo que é case aséptico, unha parte da cidade que fai  lembrar a moitas outras da Europa do Leste. Ningún dos monumentos esperta o noso abraio pero o conxunto sorprende polo inesperado. A nosa idea de Minsk era a dunha cidade fría e nova sen apenas nada que lembrase o seu pasado. Como no caso do barrio da Trindade, a zona monumental é pequena e recórrese en moi pouco tempo.

Catedral Ortodoxa do Espíritu Santo e Igrexa Católica de San Xosé

Casa do Concello (á esquerda)

Catedral Ortodoxa do Espíritu Santo

E é nesta parte da cidade onde tamén se concentra a súa vida nocturna. Na Vulica Zybistskaya e nas rúas inmediatas abren as súas portas un número considerable de bares con abondosa afluencia durante as fins de semana. Teremos oportunidade de coñece-lo seu ambiente a nosa derradeira noite en Bielorrusia. Os bares están moi ben montados. En canto á clientela, resulta un pouco pija para o noso gusto e algunhas rapazas asemellan estar a “facer negocio”. Aínda así, benvida sexa a noite a Minsk.

Na parte máis alta deste barrio está a praza de Outubro (Plošča Kastryčnickaja) co Palacio da República e o Palacio da Cultura. Unha praza enorme, ao máis puro estilo soviético, na que os dous edificios mencionados reflicten perfectamente os estilos arquitectónicos imperantes en Rusia antes e despois da II Guerra Mundial.

O Palacio da República, unha das últimas intervencións na época soviética, é unha gran mole agrisada e rectangular. Unha coitelada ao corazón do barrio nobre da cidade e un edificio atípico na avenida da Independencia. Espazo para concertos e diversos eventos que non conseguimos ver por estar pechado durante a nosa estadía.

Na mesma praza de Outubro, fronte ao Palacio da Cultura e xa preto da avenida, hai un pequeno monumento que marca o Km O de Bielorrusia. E doutro lado da avenida hai unha gran praza axardinada, a praza Alexandre, onde podemos ver a traseira do Teatro Nacional Janka Kupala, o máis antigo en funcionamento do país. O teatro loce de novo, froito dunha reconstrución do ano 2010.

Palacio da República e Km 0 de Bielorrusia

Palacio da Cultura

Teatro Nacional Janka Kupala (á esquerda)

Rematamos a mañá percorrendo a maxestosa avenida Praspiekt Niezaliežnasci. Con máis de 200 anos de historia, está considerada un dos mellores exemplos a nivel mundial de arquitectura monumental stalinista. Tamén foi reconstruída despois da II Guerra Mundial.

A estas alturas, Minsk tería que estar cuberto por grandes cantidades de neve, son datas nas que as temperaturas acostuman baixar moito de cero. Pero a realidade é que o termómetro marca uns poucos graos en positivo e que a neve non aparece por ningures. E esta vai ser a tónica de toda a viaxe.

Facemos parada diante da sede da KGB, a temida policía secreta da antiga Unión Soviética. Tamén entramos nos grandes almacéns GUM (mesmo nome que os da Praza Vermella de Moscova), fundados no ano 1951. O GUM bielorruso desmerece o seu homónimo ruso, apenas conserva algún elemento que nos retrotrae á época soviética e os obxectos á venda están desfasados para o gusto occidental.

Avenida Praspiekt Niezaliežnasci

Sede da KGB

Detalles do grandes almacéns GUM

Desviámonos da avenida principal pola rúa Vulica Konsomol´skaya en dirección á Oficina de Turismo. O noso interese é recoller algúns folletos turísticos das outras partes a visitar en Bielorrusia, e, sobre todo, informarnos de como facer o rexistro que nos esixe o goberno deste país.

Os españois e outras nacionalidades con acceso a visa-free que vaian estar máis de cinco días en Bielorrusia teñen a obriga de rexistrarse no Departamento de Cidadanía e Migración máis próximo para así deixar constancia do itinerario e dos aloxamentos a utilizar no país. Seica o Goberno vai mudar esta norma en breve para que só teñan a obriga de rexistro aqueles cunha estadía superior a dez días.

O rexistro tense que facer nos primeiros cinco días laborables, sen ter en conta festivos e domingos. Se despois do rexistro se vai estar máis de cinco días nunha mesma poboación, haberá que rexistrarse de novo. Por contra, se o itinerario implica menos de cinco noites en cada lugar, co primeiro rexistro é suficiente. Coido que sería o caso, xa que segundo a miña opinión Bielorrusia non ten ningún destino turístico no que pague a pena quedar máis de dúas ou tres noites.

A responsabilidade de rexistrarse recae na xerencia dos aloxamentos agás no caso, como é o noso, de facer uso de apartamentos. Entón corresponde aos propios aloxados. A web portal.gov.by permite face-lo rexistro on line e así evitar perde-lo tempo nas xestións presenciais. Pero nas datas da nosa viaxe estaba de estrea, tan só levaba activada un mes, e aínda non funcionaba correctamente.

O caso é que a Oficina de Turismo tampouco consegue aclararnos nin onde nin como temos que rexistrarnos. E ao terceiro día da nosa estadía aínda seguimos igual. Comezo a sentirme algo molesto e bastante preocupado con esta situación.

Unha vez na Oficina de Turismo, a veciña rúa Vulica Revaliucyjnaja resulta moi agradable para pasear, ademais de ofrecer uns cantos restaurantes interesantes. Xantamos moi a gusto no restaurante DOM, de atmosfera sofisticada e boa cociña.

O barrio da Oficina de Información Turística

Xa pola tarde visitamos o Museo Nacional de Arte, que neste ano 2020 cumpre o seu 81 aniversario. O edificio por fóra non resulta tan atractivo como no seu interior. Pagamos 10 rublos (algo máis de 4 € ao cambio) por unha boa colección de pintura prerrevolucionaria rusa e bielorrusa, así como pintura bielorrusa da etapa soviética. O gardarroupa é gratuíto, como en todos os locais públicos e privados de Bielorrusia.

Edificio do Museo Nacional de Arte

Interior do museo

Durante a nosa visita á Oficina de Turismo recoméndannos visitar o Distrito Leninsky, unha especie de barrio bohemio e hipster que anima a vida cultural da cidade. A primeira reacción foi de sorpresa polo feito de que a descoñecida Minsk xa conte cun barrio “moderno” ao igual que moitas outras urbes europeas… E para coñecelo rematamos a nosa visita ao museo e encamiñamos os nosos pasos cara aló.

Dende a avenida da Independencia hai que se dirixir en dirección sueste, deixando atrás o Estadio Dinamo, o moi recentemente reconstruído estadio do equipo nacional, e cruza-la ponte sobre o río Svislač.

O barrio son unha serie de antigas naves industrias que arrodean a rúa Vulica Kastrycnickaja. Vemos algúns grandes murais que cobren as fachadas de antigas destilerías e varias mostras de street art, tanto polo camiño como no propio Distrito Leninsky.

Hoxe é luns e moitas das tendas, galerías de arte, bares e restaurantes están pechados. A propia rúa parece estar mal iluminada e a medio gas. Evidentemente, o luns non é un bo día para achegarse ata aquí, pero non sei se vindo durante a semana segue igual ou o ambiente queda limitado á fin de semana. Haberá que tenta-lo de novo na seguinte viaxe.

De camiño ao Distrito Leninsky

Mayte posando ante as esculturas de herba artificial

Distrito Leninsky, o Minsk moderno

A esta hora da tarde estamos totalmente esgotados e os nosos pés en vía de estoupar. Pero aínda temos por diante a visita a unhas poucas estacións do metro. O sistema de ferrocarril soterrado é relativamente novo (1984), cun total de 29 estacións e 37 quilómetros para as súas dúas únicas liñas. Non é comparable ao de Moscova ou ao de San Petersburgo, pero aínda así conta con interesantes elementos de aire soviético.

Baixamos ao metro no Distrito Leninsky, na liña vermella, e na seguinte paraxe xa estamos no noso primeiro destino: a estación de Kastryčnickaja. Realmente chegamos á estación de Kupalovskaja, que é o nome que recibe na liña vermella, para seguir a pé ata á súa estación xemelga na liña azul. Este é o único cruzamento entre as liñas vermella e azul de toda a rede.

Kastryčnickaja

O máis característico é a sucesión de columnas de mármore con luminarias de cor ámbar así como as liñas xeométricas do teito. Nalgunhas paredes hai slogans soviéticos. No caso de saír ao exterior hai que fixarse nos mosaicos que están enriba das saídas e fan referencia á Revolución de Outubro. Non hai que esquecer que ese é o nome da estación e da praza por riba dela.

Płošča  Lenina

A unha estación da anterior e tamén na liña azul.  Non resulta excesivamente atractiva a non ser pola bóla de cristal coa fouce e o martelo que se eleva uns poucos metros sobre o nivel da plataforma. Lamentablemente, colocáronlle pantallas de televisión nos laterais que afean o conxunto.

Płošča Pieramohi

Collemos o tren en dirección contraria para baixar dúas estacións máis aló na que, ademais, é a estación máis próxima ao noso aloxamento. O característico é de novo a sucesión de columnas e lámpadas. A estación, ao igual có obelisco levantado na praza exterior, forma parte do memorial para celebrar a vitoria das tropas rusas na II Guerra Mundial.

Aínda que tan só visitamos tres estacións, esta listaxe poderiamos facela extensiva a algunhas outras da liña azul como Instytut Kultury, Płošča Jakuba Kołasa, Akademija Navuk, Park Čaliuskincaŭ ou Maskoŭskaja. Todas elas presentan pequenos detalles decorativos e estética soviética que van ser do gusto dos que adoramos os metros con personalidade. Rematamos a visita do día e imos dereitiños a descansar ao noso apartamento.

DÍA 4 MIR e NIASVIŽ

Hoxe temos por diante os 345 quilómetros que separan Minsk de Brest, unha das principais cidades de Bielorrusia, xa case na fronteira con Polonia. A esa distancia haberá que sumar os desvíos á dereita e á esquerda que teremos que facer dende a autovía M1, a que une Varsovia con Moscova, para coñecer, respectivamente, os castelos-palacio de Mir e Niasviž.

Antes de partir, pedímoslle a Vladimir que nos leve a unha oficina na que poidamos facer o rexistro obrigatorio que esixe o goberno bielorruso. O noso condutor faime baixar nun edificio anódino sen cartel algún e indícame para subir por unhas escaleiras que fan lembrar a etapa máis negra da guerra fría. Unha vez arriba, un corredor longo e mal iluminado sen ninguén a quen preguntar.

Despois de  dar varias voltas atrévome a chamar nunha das numerosas portas pechadas e tento facerme entender. Nin falan nin entenden inglés. O único que chego a comprender é que xa non poden facelo ao estar saíndo de Minsk e que debemos rexistrarnos con algún dos aloxamentos nos próximos días. E Vladimir insiste en que o rexistro xa non é necesario. Seguimos con toda esta liorta que embrolla a nosa estadía.

Circulamos rápido, hai pouco tráfico e non se paga peaxe. Tampouco está a neve que queriamos atopar. A paisaxe resulta monótona pero non é ningunha sorpresa, Bielorrusia é coñecido como o país máis grande do mundo sen montañas. Cunha superficie de 207.000 km², a súa altura máxima é o outeiro Dzyarzhynskaya Hara que non supera os 345 metros sobre o nivel do mar e que realmente tan só sobresae 120 metros da súa contorna.

O primeiro en ser visitado é o Castelo Mir, a 97 km de Minsk, a onde chegamos despois dunha hora de viaxe. O castelo está á beira dun lago nas aforas da pequena poboación do mesmo nome. É esta unha fortificación de comezos do século XVI coa declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Chegamos envoltos na néboa e o edificio presenta un aspecto moi romántico e algo fantasmagórico.

O interior é o dun palacio, lonxe da austeridade dos nosos castelos medievais. Unha restauración rematada no ano 2010 devolveulle o esplendor dos tempos dos Radziwills, a familia propietaria do castelo dende finais do S. XVI ata comezos do XIX.

E dende o ano 2013 o Estado bielorruso foi incorporando mobles e pinturas que axudan a recrear os seus mellores tempos. Case todo o que vemos son reproducións dos orixinais. A salientar as inmensas estufas recubertas con baldosas de bonita cerámica.

En Mir aproveitamos para comprar champaña na ben acondicionada tenda de souvenirs do soto do castelo. Non somos especialistas no tema, pero pola noite, xa en Brest, daremos boa conta do apreciado líquido bielorruso.

Chegando ao Castelo Mir

Patio central en Mir

As bonitas estufas de cerámica á esquerda e dereita da foto

Mayte e Antonio en plan romántico

Na traseira do castelo hai unha capela de ladrillos vermellos que acolle no seu soto os sepulcros da familia principesca Swiatopolk-Mirski, propietaria do castelo entre 1895 e 1939 (entrada ao soto dende o exterior da igrexa). O prezo da entrada a todo o conxunto é de 14 rublos (6 €), máis outros 2 rublos durante a fin de semana. Ao igual que en Niasviž, posibilidade de autoguía en inglés.

http://mirzamak.by/en/

Ánxela na traseira do castelo, preto da igrexa (ver foto inferior)

Mir á hora de saír, xa sen néboa

Moitos visitantes chegan directamente dende Minsk nunha escapada de medio día, xa que hai frecuentes servizos de autobús entre ambos os lugares. Outros veñen en excursións organizadas de día completo (só en tempada alta) para visitar Mir, Niasviž e logo regresar a Minsk. Nós saímos cara a Niasviž a onde chegamos á primeira hora da tarde.

Comprobamos que as estradas están igual de limpas e coidadas que as rúas de Minsk. Teñen un nivel de mantemento semellante ás de calquera outro país da Europa occidental. Moitos dos sinais aparecen en cirílico e en grafía latina. E os costumes ao volante parecen os mesmos que no noso país. En ningún momento hai un exceso de tráfico.

A paisaxe dominante son as chairas inmensas de cultivos agrícolas. En xeral, vense poucas cidades e lugares habitados; Bielorrusia ten unha densidade de poboación baixa. Tampouco vemos atractivos que nos fagan fixar a vista, pero como a cor dominante é a verde da vexetación, conducir resulta cómodo e agradable.

Vladimir trata de agradar e responde positivamente ás nosas peticións, pero o seu inglés é tan básico que non dá para facer frases nin para resolver ningunha das nosa dúbidas. Unha mágoa! As súas explicacións poderían axudarnos a entender mellor este país. As  poucas palabras que coñece en inglés serven para fixar as horas de saída e os puntos de recollida. E pouco máis.

A visión de Niasviž resulta impresionante. Non é gratuíto o seu título de palacio máis bonito de Bielorrusia. A propia vila de Niasviž ten edificios de interese como a Casa do Concello e a Igrexa do Corpus Christi, ambas as dúas do século XVI. O palacio, como no caso de Mir, foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco (2005).

O acceso faise por unha ponte que atravesa o foso que rodea case todo o recinto, pasamos a monumental e barroca Porta da Cidade para, a través dun pasadizo, entrar directamente ao inmenso patio de armas.

O palacio pertenceu á familia Radziwill  -a mesma de Mir- dende finais do século XVI ata o ano 1939 en que foi expulsada polo Exército Vermello. A visita fai demorar o noso itinerario, Niasviž esixe tempo para coñecer todas as súas estancias. Moitos espazos que visitar, ben amoblados e algunha exposición temporal. O prezo da entrada é, ao igual que en Mir, de 14 rublos máis un suplemento de fin de semana. A audioguía cóbrase a maiores.

https://niasvizh.by/en/

Palacio de Niasviž dende o foso

Exterior do palacio de Niasviž

Igrexa do Corpus Christi na poboación de Niasviž, á entrada do palacio

Para os que non vaian limitados de cartos, o palacio ten unha parte acondicionada como hotel (Hotel Palace) e un sofisticado restaurante (The Hetman). Por outra banda, os xardíns teñen fama de bonitos pero o mes de xaneiro é o menos indicado para a súa visita. Seguimos camiño de Brest, aínda distante máis de 250 km, onde se atopa o noso aloxamento para esta noite.

Ao chegar, Vladimir déixanos no noso apartamento  e desaparece para buscar un lugar onde se aloxar. Pensabamos que a súa empresa xa se encargaría previamente de reservar pero constatamos que non é así.

O noso apartamento, PaulMarie Apartments on Halturina, resulta moi amplo e agradable, froito dunha rehabilitación recente. Non así as escaleiras de acceso e o aspecto exterior da torre na que se atopa que precisan dunha mellora urxente. Como é habitual, Paul e Marie teñen outros apartamentos repartidos pola cidade. Pagamos apenas 90 € polas dúas noites.

Hoxe o xantar foi frugal e decidimos agasallarnos cunha boa cea. Saímos á procura do restaurante Jules Verne, moi recomendado na guía Lonely Planet. Despois dunha boa andaina, o responsable do comedor recíbenos con pouca simpatía e rexeitando o pagamento con tarxeta Visa.

Como non temos cartos en metálico suficientes, mudamos de parecer. Finalmente ceamos no restaurante Pasta Bar, un pouco máis adiante na mesma rúa. A comida é exclusivamente italiana, ben cociñada. O local ten unha estética  chic e o seu persoal resulta moi agradable no trato.

DÍA 5 BREST

No pasado Brest pertenceu sucesivamente ao Reino de Polonia, ao Gran Ducado de Lituania e á Unión Polaco-Lituana. E non é ata case o século XIX que entrou a formar parte do Imperio Ruso. Logo volveu a mans polacas co goberno da Segunda República Polaca, durante un par de décadas da primeira metade do S. XX. Polo tanto, Brest non foi plenamente bielorrusa ata despois da II Guerra Mundial.

En Brest tampouco falta unha escultura de Lenin

Hoxe é  unha das principias cidades do país por poboación e entre as primeiras, ou a primeira despois de Minsk, polo seu interese turístico. O noso aloxamento está nunha barriada de aspecto socialista a quince minutos a pé do centro. A cidade é bastante extensa pero cun centro relativamente pequeno. Brest respira tranquilidade e de novo apreciamos unhas rúas limpas e ben coidadas en xeral.

Pasamos a mañá visitando os atractivos turísticos do centro, que non son moitos. Hai numerosos edificios do século XIX, pero o conxunto non pasa de agradable e harmónico, pouco monumental. As rúas son amplas e espazosas, o que permite que entre moita luz e sexan soleadas (no caso de lucir o Sol).

A primeira paradA é no Mercado Central, unha construción moderna, cuberta por unha gran cúpula colocada no ano 1986. Tamén hai unha parte de postos ao aire libre no exterior do edificio. As mercadorías están ben expostas e o espazo ofrece un aspecto saneado.

Mercado Central de Brest

Brest é a cidade dos farois. De feito é unha das poucas do mundo onde o visitante pode encontrarse coa figura do acende-farois vestido co seu antigo uniforme. Para ser testemuña da cerimonia de acendido -son só 17 farois- hai que acudir á rúa peonil Sovetskaya antes do solpor. A hora exacta do acendido está indicada nun reloxo de gran tamaño sobre un pilar nesa mesma rúa e varía en función do que as horas de luz medran ou minguan.

Como esa tarde non imos poder estar na hora determinada, damos un paseo polas rúas do centro para así ver a diversidade de farois antigos que adornan esta cidade. Os mellores lugares son a propia rúa Sovetskaya e as veciñas Gogola e Fomina. Eu non son moi amante dos traballos en ferro forxado pero recoñezo que os farois aportan unha dose de personalidade a Brest.

Polo que respecta ás igrexas, as que chaman a nosa atención son a Catedral Ortodoxa da Resurrección e a Igrexa Fraterna de San Nicolao. A primeira queda un pouco afastada do centro, á entrada da cidade na beira da autovía que vén de Minsk. Asemella moi nova. Vímola dende o coche á nosa chegada o día anterior. Era xa de noitiña e lucía perfectamente iluminada.

A segunda presenta unha traballada fachada en cores terracota e branco. Pero o que destacan son as cinco cúpulas bulbiformes e a torre pola súa intensa cor azul escura. A igrexa actual substitúe a unha anterior feita en madeira.

Igrexa de San Nicolao

A última parada da mañá é na grandiosa Estación de Ferrocarril. Dende o centro da cidade hai que cruzar por unha longa pasarela que sae a carón da nova Estación de Autobuses e pasa por riba das vías do tren. O edificio e o conxunto das instalacións ferroviarias son sorprendentes para unha cidade como Brest. Quizais o feito de ser a primeira paraxe vindo de Europa na liña Varsovia-Moscova teña algo que ver. Durante moito tempo, Brest tivo fama de se-la estación máis bonita de todo o Imperio Ruso.

Unha torre cunha agulla coroada por unha estrela, de evidente estilo stalinista, marca a entrada para os pasaxeiros. O interior decorado con mármores é tamén interesante pero a súa arquitectura monumental é o que realmente paga a pena. A estación foi moi castigada durante a II Guerra Mundial e restaurada posteriormente.

Estación de Ferrocarril de Brest

É a hora do xantar e volvemos intentalo no restaurante Jules Verne, esta vez con cartos no noso peto. O lugar cumpre coa súa sona de boa comida e servizo, moi recomendable. Por certo, hoxe non está o encargado da noite anterior e á hora de pagar non poñen ningún impedimento a que sexa coa Visa. Hai que ter paciencia…

Xa levamos uns días no país e a impresión que tivemos a primeira noite vaise confirmando. En Bielorrusia pódese comer ben e a prezos moi razoables, incluso nos mellores restaurantes. A súa gastronomía ten características comúns coas dos seus veciños polacos, lituanos e rusos: pouco peixe (moi pouco e de río) e moita sopa caseira, na que destacan a famosa borscht (sopa de remolacha de orixe ucraína) e a orixinal zhurek, sopa de avea feita directamente no interior dunha bola de pan negro.

A comida é preparada ao modo caseiro, resulta entrañable e saborosa en xeral. Con moitos guisos, coma a machanka de porco, deses que prepararía unha nai. Tamén salchichas caseiras. E pans tradicionais coma os galegos.

Cando visitamos restaurantes de gama superior decatámonos de que a elaboración e a presentación tamén son máis sofisticadas. E xa comeza a haber comida internacional, sobre todo italiana. O que non vimos (grazas a Deus!) foron chineses nin turcos. E pouca comida rápida.

Sen dúbida, poderíamos chamar o prato nacional aos dranikis, tortas básicas de puré de pataca que poden ser enriquecidas con outros ingredientes como carne, touciño, cogomelos e/ou queixo. Presentes en practicamente todos os restaurantes do país.

Outro básico habitual son os kletski, esa especie de empanadillas ao vapor (dumplings en inglés) que os que visitaron Rusia ou Polonia coñecen coma pierogi. Para beber: sempre cervexa ou vodka mesturado con auga.

A tarde dedicámola ao que é o grande atractivo de Brest e o seu principal reclamo turístico: a fortaleza. O recinto está algo afastado do centro, a uns catro quilómetros e a escasos centos de metros da fronteira polaca. Cometemos o erro de ir a pé, sen ter en conta todo a camiñada que implica a propia visita.

Logo, teremos a sorte de encontrarnos por casualidade con Vladimir, xa case ao final da nosa visita. E pedímoslle de levarnos de volta ao apartamento. Para futuras visitas pensade en facer, polo menos, un dos traxectos en taxi.

A fortaleza foi construída a mediados do século XIX. Como é natural neste país, é un sistema fortificado sen apenas elevación sobre o terreo da contorna. De feito, o monumento non tería maior importancia se non fose por todas as construcións que se fixeron posteriormente e porque a maquinaria propagandista de Stalin decidiu convertelo nun referente da heroicidade do exército ruso.

A fortaleza interesa por ser un memorial á resistencia das tropas rusas contra o avance dos nazis durante a II Guerra Mundial (1941). O feito foi que os dous rexementos acantonados no forte aguantaron durante un mes o ataque sorpresa dun exército moi superior en número. Moito máis tempo do esperado. Hoxe a fortaleza de Brest é un símbolo e unha lenda entre os países da antiga URSS nos que é coñecida como a “Fortaleza Heroica”.            

A entrada ao complexo faise despois de pasa-lo foso por unha porta monumental construída en formigón, na que destaca a figura dunha grande estrela socialista. Unha longa e ampla avenida conduce ata o espazo central da cidadela. Polo camiño deixamos algún búnker e unha exposición de tanques de combate.

A monumental porta de entrada á fortaleza

O principal atractivo da fortaleza son as dúas esculturas xigantes, exemplo perfecto do estilo coñecido como “realismo socialista”. A pequena -e aínda así enorme- recibe o nome de “Sedento” e mostra un soldado arrastrándose extenuado pola sede. A estatua grande, coñecida como “Coraxe”, representa a cabeza e parte do torso dun soldado. O tamaño é descomunal.

Arredor das dúas figuras podemos ver un altísimo obelisco e unha chama eterna na honra dos soldados caídos no asedio. Os seus nomes están gravados sobre placas de mármore preto da chama.

Pero os puntos de interese da fortaleza non quedan aí. Entre os edificios relixiosos destaca a Igrexa da Guarnición de San Nicolao, a igrexa bizantina máis antiga da cidade. San Nicolao pasou por instalación militar, logo foi destruída durante o ataque á fortaleza e completamente renovada no ano 2013. O exterior vese excesivamente novo pero o interior é outra cousa. Aínda conserva a súa atmosfera e respira devoción.

Nas paredes dos edificios que non foron renovados pódense ver os buratos deixados pola munición. Unha boa foto é saír pola Porta Kholmskiye, a de ladrillo vermello preto das estatuas xigantes, cruza-lo río Mukhavets e fotografar a súa cara exterior. As árbores de silueta fantasmagórica incrementan a tristeza que provoca a propia edificación.

Mapa da fortaleza

Avenida dende a entrada á praza principal

Tanques e búnkers na avenida de entrada

Mayte e a escultura “Sedento”

O conxunto formado pola igrexa, a escultura “Coraxe” e o obelisco

Impresionante tamaño da escultura “Coraxe” comparado có das persoas

Interior da Igrexa da Guarnición de San Nicolao

Igrexas dentro da fortaleza

Porta Kholmskiye vista dende a praza

Porta Kholmskiye cos buracos de balas dende o foso

Na fortaleza hai suficientes museos para pasar o día: o Museo da Defensa da Fortaleza de Brest, o Museo da Guerra-Territorio de Paz, o Museo Arqueolóxico Bereste ou o Museo de Arte Rexional. Vindo do centro da cidade e pouco antes de chegar á fortaleza está o Museo da Tecnoloxía Ferroviaria, con varias locomotoras en exhibición. Non entramos en ningún deles pero aínda así pasamos a tarde sen parar. Todas as visitas que fixemos en Brest foron gratuítas.

DÍA 6 PARQUE NACIONAL BELOVEZHSKAYA PUSCHA

Saímos cedo pola mañá para pasar todo o día no Parque Nacional máis senlleiro de Bielorrusia e no refuxio de vida salvaxe máis antigo de Europa: Belovezhskaya. O Parque é tamén a foresta de maior superficie de Europa Central, un bosque primixenio compartido coa veciña Polonia, onde recibe o nome de Białowieski Park Narodowy.

O que foi campo de batalla de moitas guerras pasou a ser un área natural protexida xa a comezos do século XX. Actualmente benefíciase da súa figura como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, despois da súa declaración no ano 1992.

A viaxe ata a entrada do Parque, uns 60 quilómetros dende Brest, demora menos dunha hora. Polo camiño, Vladimir aproveita para amosarnos cousas que non estaban no itinerario e así gañar puntos para unha boa propina. Paramos na poboación de Kamianiec, unha pequena vila bastante ordenada, que presenta un aspecto conxelado a esta hora da mañá.

O único reclamo de Kamianiec é a pequena torre Kamenetskaya, nos folletos tamén aparece como torre Kamyenyets ou Kamianiec, xa que a conversión do alfabeto cirílico ao latino pode ter diversas variantes. Non esquezades ter isto en conta para todos os nomes que aparecen neste post.

A torre formaba parte dun sistema defensivo espallado pola fronteira occidental do país e é a única que aínda se conserva en pé. O Goberno tentou metela na listaxe da Unesco como Patrimonio da Humanidade pero non foi aprobado. Agora funciona como unha  delegación do Museo Rexional de Brest.

Vila de Kamianiec

Torre Kamenetskaya

Chegamos á entrada do Parque Nacional na aldea de Kamenyuki e imos directamente á xanela de venda de entradas. A vendedora tenta explicar algo en ruso que eu non consigo entender. Acoden dúas persoas máis, persoal do Parque, pero ninguén fala nin unha chisca de inglés. Os acenos parecen dar a entender que non podemos visita-lo Parque. Pero ao mesmo tempo estamos vendo que o valado de entrada si está aberto (????).

Eu xa tratara de face-la reserva de entradas dende Galicia, a través da web do Parque, pero esta sempre fallaba no proceso final. Tamén mandei un par de correos electrónicos que ninguén se molestou en responder.

Pedímo-la axuda de Vladimir, quen tenta explicarnos o que está a pasar pero sen conseguilo. O seu vocabulario non é suficiente. Vladimir liquida o problema cun “van chamar a Minsk”. Entrementres decidimos agasallarnos cun bo almorzo no primeiro edificio despois da entrada do Parque, o bloque 3 do Complexo Hoteleiro Kamenyuki. Somos os únicos no inmenso comedor e o camareiro escasea en simpatía.

Ao noso regreso todo está solucionado. Ou case todo. En vez de paga-la entrada e face-las visitas pola nosa conta, estamos obrigados a coller unha guía (en ruso!) que virá con nós na furgoneta. O prezo é de 135 rublos ou 58 € para o total do grupo. Nalgún dos puntos do percorrido teremos que pagar unha pequena entrada a maiores.

A sona de Belovezhskaya vén dos seus carballos centenarios, disque algúns con case seiscentos anos de vida, e, sobre todo, por acoller unha importante poboación de bisontes (zubr), un animal que estivo a piques de extinguirse e que hoxe conta cunha abondosa poboación. O bisonte é o mamífero de maior tamaño con orixe no continente europeo que non está extinguido.

De feito, de non ser por estes animais o Parque podería resultar monótono e algo insípido para os que somos alleos ás especificidades do medio natural. Belovezhskaya é unha chaira arbórea inmensa sen  apenas variedades orográficas nin paisaxísticas.

A guía trata de agradar e cuns escasísimos vocábulos en inglés somos quen de saber o que estamos a ver. Lévanos a todos os puntos de interese que forman parte da clásica excursión dentro do Parque. Que se o carballo máis vello e de maior circunferencia. Que se árbores que acollen esculturas no seu interior. Tamén piñeiros con máis de 350 anos. Ou a presenza da Ruta Real dentro da zona protexida, unha ruta militar aberta  no ano 1903.

Ao fondo, o carballo máis vello do Parque

Na Ruta Real dentro do Parque. Vladimir e a guía

A miña irmá á procura de cogomelos

Bisontes en liberdade

Unha das paraxes que facemos é nunha cabana construída con troncos, onde somos convidados a unha degustación de touciño, acompañado de vodka caseiro. Os demais parecen saborear a estraña mestura, pero miña irmá e mais eu rexeitamos totalmente a sensación do brando touciño na boca.

Quizais os tres grandes momentos da ruta sexan a visita á residencia de Father Frost, o equivalente a Santa Claus nos países eslavos, a unha especie de zoo con gaiolas a ceo aberto que acollen animais salvaxes e ao Museo da Natureza.

A residencia do Father Frost bielorruso (Ded Moroz en ruso) é unha bonita casa de madeira arrodeada dunha chea de esculturas con ananos e outras figuras. Todo moi infantil dende logo. Pero estamos a falar dun dos lugares máis visitados de todo o país. Non podemos entrar na casa (?) e é Father Frost quen sae saudar e facer unha foto con nós.

Curiosamente, Father Frost ten unha axudante feminina: Snegurochka, a Doncela da Neve, que algunhas lendas eslavas presentan como a súa propia filla. Pois tamén atopamos a Snegurochka dando voltas arredor da casa. Evidentemente, esta visita resulta moi naïf, pero non deixa de ser simpática.

Polo que respecta ao que no Parque chaman gaiolas, é mais unha especie de zoo no bosque. Hai gaiolas relativamente pequenas e moi pechadas e outras con amplos espazos acoutados por valados metálicos para que os animais poidan moverse con certa liberdade. Esa é ás veces a única posibilidade de ve-los bisontes, xa que unha vez no bosque escapan cando senten a proximidade dos visitantes.

As gaiolas están ocupadas por osos, raposos, lobos, paxaros depredadores e, sobre todo, bisontes. Non todos os animais corresponden á fauna propia do Parque.

Animais nas gaiolas

O Museo da Natureza, a nosa derradeira parada, é un grande edificio que recibe tantas visitas coma a residencia de Father Frost. A exhibición que máis chama a atención son as reproducións dos diferentes ecosistemas do Parque, malia ao exceso de taxidermia e a tantos animais mortos.

No Museo da Natureza

https://npbp.by/eng/

Visitar o Parque ocúpanos toda a mañá. Rematamos xantando no restaurante Lesnaya Skazka, un edificio de madeira fronte ao Museo da Natureza. Un lugar agradable pero onde sufrimos a peor comida de todo Bielorrusia.

Logo seguimos uns poucos quilómetros en coche ata o noso aloxamento en Kamenyuki, a aldea máis próxima á entrada do Parque. Hoxe durmimos nunha casa rural nas aforas desta aldea. Segundo os folletos de promoción turística, Bielorrusia conta cuns 2.000 establecementos desta categoría.

O Usadba Belovezhskoye Pomestye é un pequeno complexo con varios cuartos e apartamentos ademais dun restaurante, dunha banya -a sauna tradicional rusa-, e unha parte exterior acondicionada para preparar grelladas. O noso apartamento está amoblado nun estilo moi rural e resulta cálido e confortable. A dona é moi amable pero non fala nada que non sexa ruso.

Pola tarde desfacemos a pé o par de quilómetros que nos separan da aldea. En Kamenyuki non hai nada que facer nin nada aberto, malia ser un día de semana. Todos os servizos están nas inmediacións da entrada do Parque. Visitamos a igrexa e regresamos ao aloxamento. O paseo permítenos ollar de preto a vida no rural bielorruso.

Casas típicas en madeira do rural bielorruso durante o noso paseo dende o aloxamento ata a aldea de Kamenyuki

Ceamos no restaurante do aloxamento e a comida resulta abundante e saborosa. O noso apartamento é unha boa escolla, tan só pagamos 50 € polo aloxamento dos cinco máis 5 € por persoa/almorzo e outros 5 € pola cea. Todo un acerto!

Pola que respecta ao Parque Nacional, dicir que pasamos un día entretidos e pouco máis. Sen restar interese a toda a súa riqueza medioambiental, foron os bisontes o único que nos fixo reaccionar. Ben, Papa Frost ou Father Claus tampouco estivo mal, levounos de volta aos anos de cativos. Pero coido que o interesante foi o feito de mergullarnos na vida do rural bielorruso.

DÍA 7 GRODNO (ou Hrodna)   

Despois dun moi bo almorzo saímos cara á nosa última parada importante deste itinerario: a cidade de Grodno, a 216 km do Parque Nacional. Pasamos preto de tres horas na furgoneta sen percibir grandes variacións na paisaxe.

Grodno, ao igual que Brest, é unha cidade fronteiriza, a tan só 19 quilómetros de Polonia e a 24 de Lituania. De feito, Grodno pertenceu en momentos diferentes da súa historia a ambos os países. A cidade tivo unha forte influencia xudía, coa metade da  súa poboación de orixe hebrea e ata un total de 43 sinagogas.

Hoxe son case 350.000 habitantes, pero Grodno segue a parecer pequena. A fama de bonita que ten Brest, para min correspóndelle a Grodno. Nótase o feito de que sexa unha das poucas urbes que non foi obxecto de bombardeos durante a II Guerra Mundial. Unha cidade que respira tranquilidade e limpeza. Delicada. Toda unha sorpresa.

Aproveitamos para facer a primeira visita antes de deixar as maletas no hotel, xa que pola tarde queremos darlle libre a Vladimir e quedar ao noso aire. Pedímoslle de nos levar directamente á Igrexa dos Santos Boris e  Gleb, dous irmáns considerados como os primeiros santos rusos. A igrexa está nun outeiro do parque situado na parte baixa da cidade, á beira do río Neman.

Construída no S. XII, é a igrexa máis antiga de Grodno e algúns din que incluso de Europa Oriental. Unha reliquia da arquitectura en pedra típica dunha escola que seguía a tradición dos templos bizantinos. Algo único da escola Grodno era pintar directamente sobre as pedras pulidas, mentres noutras partes de Europa se aplicaba pintura ao fresco. O edificio mantense en relativamente bo estado e apenas sufriu modificacións ao longo dos séculos.

Igrexa dos Santos Boris e  Gleb

O templo acolle a réplica da icona Kolozha da Nai de Deus, a súa vez copia doutra icona moi venerada en Vilnius (Lituania). Esta imaxe ortodoxa da virxe vai asociada a moitos milagres dende o século XVII. A orixinal foi levada para Rusia en 1915 onde se perdeu para sempre.

Dende alí seguimos ao noso aloxamento na céntrica Plošča Sovetskaya (praza Soviética), fronte á Catedral de San Francisco Xabier, tamén chamada Catedral Xesuítica.

O Apart-Hotel Semahskho  é o aloxamento máis caro da nova viaxe pero é tamén, sen dúbida, o mellor. Boa arquitectura, situación perfecta, servizo impecable e instalacións inmellorables. Pagamos 127 € por un apartamento para os cinco que ben vale eses cartos.

https://hotelsemashko.by/en/

A recepcionista é a primeira de todo o persoal dos aloxamentos utilizados que fala un bo inglés. Non temos problemas en comunicarnos e ela resolve nunha nadiña o que tanto tempo levabamos buscando: rexistrarnos segundo esixe o goberno bielorruso. A estas alturas, eu xa non as tiña todas comigo. E Vladimir estaba totalmente equivocado, tal e como me temía, a policía do aeroporto si nos esixirá o comprobante do rexistro para poder saír do país.

Visitamos a catedral e saímos á procura dun bo restaurante no centro. E de novo xantamos moi ben. O resto da tarde dedicámola a pasear pola cidade. Non hai monumentos que fagan abri-la boca pero toda Grodno resulta moi agradable para camiñar. De feito, convértese no meu lugar preferido de Bielorrusia, ese que vén á miña cabeza cando penso no país.

Catedral de Grodno, fronte ao noso hotel

Paseando pola cidade. As rúas sempre impolutas

 

Estatua de Lenin na praza do seu nome

O paseo lévanos cara ao norte á praza Lenin, onde aínda se mantén en pé unha grande estatua do revolucionario ruso levantada en 1987. A propia praza e o enorme edificio da Casa do Concello respiran un aire moi soviético e resultan moi fríos.

O veciño Parque Zhilibera é a referencia verde do centro da cidade. Aquí pode verse un memorial á guerra soviética e unha escultura tipo “I love Grodno” para facerse fotos de recordo.

Pasamos pola Catedral de San Basilio que nos fai lembrar a Igrexa Fraterna de San Nicolao, en Brest. Cambian as cores exteriores pero a estrutura do edificio é practicamente igual. Obra do mesmo arquitecto? Seguimos camiñando ata a Estación de Ferrocarril que non ofrece nada de interese.

Memorial á guerra soviética no Parque Zhilibera

Pois iso…

Catedral de San Basilio

Regresamos ao centro para achegarnos aos miradoiros sobre o río. Asomados ao seu canón están o Castelo Vello e o Castelo Novo. O primeiro, residencia de reis, príncipes e grandes duques dende o S. XII, é accesible por unha ponte. Actualmente é o Museo Histórico e Arqueolóxico da rexión de Grodno. A ponte e o castelo están pechados polas obras de mellora que están a realizar.

Xusto enfronte ao Castelo Vello ábrese a praza en forma de U do Castelo Novo (ás veces aparece co nome de Palacio Real). Palacio rococó construído como residencia real no século XVIII, que pasou por escola e hospital militar e por sede do Partido Comunista. Despois dos estragos da II Guerra Mundial foi reconstruído en estilo neoclásico. Hoxe en día acolle unha parte das exposicións do museo do Castelo Vello e a Biblioteca Científica Rexional.

Castelo Vello asomado ao río Neman

Praza do Castelo Novo

Aliñado co Castelo Novo está o edificio do Teatro Dramático de Grodno, unha reconstrución de 1975 dun edificio que levaba sendo transformado a través de melloras e engadidos dende finais do século XVIII. O teatro ten unha arquitectura moi especial e algo futurista que supón unha auténtica coitelada a unha contorna máis clásica.

Este edificio sae en case todas as fotografías que aparecen de Grodno en Google. Chegou a estar considerado nalgunha clasificación como un dos edificios máis salientables da antiga URSS. Algúns poderán consideralo horrible e fóra de lugar pero a min paréceme curioso e interesante. Tamén estaba pechado por obras no interior.

Teatro Dramático de Grodno

Doutro lado da gran avenida que pasa por diante do teatro hai un monumento aos soldados liberadores, que consiste nun tanque de guerra sobre unha peaña alta de formigón armado. E detrás, unha bonita igrexa católica de nome difícil de reproducir.

Monumento aos soldados liberadores

En Grodno hai algúns outros edificios a destacar, como a antiga sinagoga. E museos. Pero nós damos a visita por rematada e acudimos a un supermercado para repoñer as nosas existencias de vodka e de queixos locais.

DÍA 8 LIDA e STALIN LINE

Hoxe comeza o noso regreso. Aínda temos vinte e catro horas por diante ata o momento de colle-lo voo a Frankfurt, pero esta xornada vai consistir basicamente en desfacer os 275 quilómetros que separan Grodno de Minsk. Pararemos para dúas visitas no camiño, ao castelo Lida e á Stalin Line, interesantes pero sen o atractivo doutros lugares que vimos de visitar.

Lida é unha cidade pequena a 112 quilómetros de Grodno. A súa referencia turística é o castelo mandado construír polo Gran Duque de Lituania no século XIV, un edificio imperfectamente cadrado con muros que acadan os catorce metros de altura. A parte inferior está feita de cachotería, que se complementa con obra de ladrillo nos niveis superiores.

O castelo ten zonas acondicionadas con mobles de época que fan lembrar a decoración dun filme de serie B. Máis bonita é a exposición de cascos de diferentes épocas. O persoal do castelo proporciona coroas -de reis e raíñas, por suposto- e algunha vestimenta para facerse fotos. Un pouco de atracción de feira. Pero o castelo de seu non é feo. A entrada son 9 rublos.

Matámo-la fame nunha taberna de estilo rústico instalada no propio patio do castelo. Non hai apenas xente visitando o monumento e aínda menos consumindo na taberna. No exterior do edificio hai unha serie de quioscos para a venda de souvenirs. Malia estar a comezos de febreiro, moitos deles seguen abertos á espera de turistas.

Imaxes do Castelo Lida

Vistas dende o castelo

Ao saír de Lida, recibo un estraño correo electrónico de Booking.com no que me pide introducir de novo os datos da miña Visa para así poder manter a reserva no apartamento desa última noite en Minsk. Algo que nunca antes acontecera.

Todo resulta un pouco raro. Primeiro, por dar por suposto que os clientes teñan acceso ao correo cando están de viaxe e a escasas horas de entrar no aloxamento. Segundo, por que as condicións da reserva indicaban face-lo pagamento ao chegar. E finalmente, por que os datos, os que xa estaban no meu perfil de Booking e os que volvín introducir, son os da Visa coa que vin facendo os pagamentos –e sen ningún problema- durante a viaxe.

Aínda así, cubro de novo os datos que me piden e chamo ao responsable do aloxamento para comprobar que todo vai ben. Responde que ten que verificar que a reserva non fose cancelada (eh?) e que me chamará de volta. Eu, pola miña parte, coméntolle que estaremos en Minsk nun par de horas e que non entendo nada do que está a pasar.

Rendindo culto a Stalin no aparcadoiro da Liña Stalin

Nese medio tempo chegamos á Stalin Line, unha exhibición de equipamento militar como poucas no mundo. A Liña Stalin era unha rede de emprazamentos defensivos creada nos anos 20 do século pasado para protexe-la URSS contra un posible ataque de Europa occidental. A rede está espallada por lugares estratéxicos de Rusia, Bielorrusia e Ucraína.

Moito do armamento e algúns búnkers da Stalin Line foron desmantelados vinte anos despois, cando a liña defensiva foi trasladada cara ao oeste. Pero aínda así xogou certo papel protagonista durante a II Guerra Mundial. Ao rematar a guerra tamén rematou o mantemento destas instalacións bielorrusas, que caeron no esquecemento pero non desapareceron.

O que hoxe é coñecido como Complexo Histórico e Cultural da Liña Stalin  foi aberto ao público no ano 2005 en memoria das tropas defensoras de Minsk, a tan só 30 km deste lugar. Coido que é unha visita que vai agradar unicamente aos interesados en temas bélicos ou na historia dos dous bloques militares que dividiron Europa. Para o resto, non vai máis aló dunha curiosidade e coa graza xusta para pasa-lo tempo.

A exhibición abrangue dende vehículos, tanques, pasando por helicópteros e avións de guerra de diferentes épocas, ata mísiles actuais. Todo repartido por unha ampla zona ao aire libre. Tamén hai posibilidade de entrar en trincheiras e búnkers defensivos que aínda conservan o seu armamento. O prezo da entrada é de 15 rublos, uns 6 euros.

Mapa do complexo

No interior dun búnker

O meu cuñado Richard diante dun búnker

A Liña Stalin é unha excursión habitual dende a capital bielorrusa. Para os interesados no mundo militar e as súas actividades -non é o caso-, o complexo ofrece a posibilidade de realizar disparo de armamento, voos en helicóptero ou condución de tanques de guerra.

https://stalin-line.by/en/

Xa camiño de Minsk, o propietario do apartamento segue sen devolver a chamada prometida. E tampouco colle as miñas. Chegamos á capital e imos directamente ao enderezo que marca o noso bono. Pasamos media hora á porta do apartamento por se alguén quere facer acto de presenza… E nada.

Á fala co servizo de Atención ao Cliente de Booking.com chegamos á conclusión de que, posiblemente, o propietario tivese o apartamento alugado dúas veces. Clientes nacionais xa aloxados e estranxeiros, coma nós, aos que intentaría cobrar a reserva coma se fose unha cancelación de última hora. A desculpa sería que a información sobre a forma de pagamento era falsa. Non estaba mal non, dobre beneficio polo mesmo traballo.

O dono é evidentemente un raposeiro aproveitado e mala persoa. Pola contra, Booking conséguenos un apartamento das mesmas características e prezo, e tamén no centro da cidade. Solicito de Booking a baixa deste aloxamento da súa oferta, pero fago comprobación a día de hoxe e este apartamento segue a aparecer como opción en Minsk. Tomade nota do nome: Apartamenty Lux, e evitade aloxarvos nel. Quen o fai unha vez non ten inconveniente en repetilo.

Cando entramos en Minsk facémolo por barrios novos de arquitecturas frías con algún que outro edificio de ousado deseño. Un deles é o do Museo da Gran Guerra Patriótica Bielorrusa, un dos puntos turísticos que deixamos de ver durante a nosa estadía.

Mentres Booking fai os trámites co novo apartamento, aproveitamos para agasallarnos cun xantar-merenda no restaurante da nosa primeira noite, o Café Skif. Malia a decoración, a comida segue a ser saborosa e barata. Temos fame, o noso estómago mantense tan só cos petiscos do castelo Lida; a oferta culinaria da Liña Stalin era deficiente e non incitaba a quedarse. Convidamos a Vladimir a xantar con nós.

Unha vez rematado, deixamos as nosas cousas no novo apartamento e saímos para facer as últimas compras. Estas limítanse a caviar de salmón para familia, amigos e consumo propio. Máis barato que en Rusia.

Hoxe é sábado e Antonio, Mayte e mais eu decidimos vivi-la “marcha” de Minsk. Regresamos ao barrio da rúa Zybistskaya á primeira hora da noite, cedo para España. En xeral atopamos música aceptable e locais con boas instalacións. Xente nova e bo ambiente. Poucos camiñando polas rúas, pero bares con numerosos clientes e algúns deles incluso ateigados.

Vida nocturna en Minsk

Bielorrusia ten sido unha pequena sorpresa ata ao final. Non, non é o país máis interesante de Europa Oriental, nin moito menos. Quizais un destino á busca da súa personalidade para encaixar no mundo dos fluxos turísticos internacionais. Pero si é un lugar moderadamente acolledor e cunha serie de atractivos para amenizar unha viaxe. E por suposto, un dos mellores países para ver parafernalia e arquitectura soviética. Dende logo, a min non me importaría regresar algún día.

DÍA 9

Vladimir vén recollernos ás seis da mañá. Deixámoslle unha boa propina para compensar os minguados salarios bielorrusos. Por diante, tres voos que nos van levar a Frankfurt, Madrid e Santiago de Compostela. Foron uns días cómodos e en moi boa compañía. A comida axudou e o ambiente do país tamén. Só botei en falta a neve…

Finalmente, non publico este post ata o día 20 de agosto, case sete meses despois de gozar da viaxe. Esta semana Bielorrusia aparece continuamente nos medios. Aleksandr Lukashenko, o ditador disfrazado de demócrata, quitou a careta  e confesa publicamente que non deixará o goberno se non é cos pés por diante.

A oposición bielorrusa, a Unión Europea e unha gran parte da poboación do país avogan por un cambio para deixar de ser a última ditadura de Europa. Pero Rusia segue exercendo presión e, deste xeito, manter o poder sobre os seus antigos países satélites.

Vaian dende aquí os mellores desexos para un pobo que, como todos os pobos, merece o mellor. Удачи беларусь

 

4 comentarios en “Bielorrusia, unha viaxe inusual

  1. En primer lugar, felicidades por este extensísimo artículo.
    El final ha sido como de película de suspense, sin saber si podríais salir del país y si pasaríais la última noche al sereno…..
    Espero queden restos para probar de los manjares que compraste para compartir con los amigos (al menos con los que te seguimos en el blog).
    Me quedo con la foto del iconostasio de una de las iglesias. La arquitectura civil rusa es muy fría.
    Que tu próximo viaje sea estupendo. Al menos no tendrás problemas con el idioma.
    Nos vemos.
    Rosi

    • Hola Rosi. Pues creo que te vas a quedar sin el caviar ya que tiene una fecha de caducidad relativamente corta. Mi suegra se acordó hace una semana de qué aún no habían comido la suya. La lata estaba hinchada y el caviar en mal estado. Ya había caducado en Junio. Prometo compensarte con otra clase de delicias gallegas… Bicos.

  2. Ola Enrique. Si, igual paseime un pouco. Pero non hai moita información sobre Bielorrusia e coido que contar o que fixemos nós vai axudar a que a xente se anime e lles resulta doado organiza-la súa viaxe.
    Como saberás, a seguinte saída será ás illas Azores e aí non hai moitos tranvías, trolebuses ou trens. Para a seguinte! Apertas.

  3. Inusual viaxe e inusual reportaje, creo que no habías hecho nunca uno tan extenso. En el proximo te acuerdas de mi y haces alguna foto a los tranvias y trolebuses
    Bicos

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.