Vieiros no mar de Galicia

Hoxe falo de novo de Galicia e desa beleza que ás veces non somos quen de percibir. Idealizamos paisaxes e destinos que fican lonxe da casa sen decatarnos de que xa vivimos nunha terra bendicida polos deuses, unha terra que ten moito para ofrecer.

Faro de Cabo Home e Costa da Vela

Malia que o estado das nosas sendas non sempre é o mellor e que aos concellos e institucións locais aínda lles custa entender que as instalacións hai que mantelas, Galicia é de seu un espazo perfecto para a práctica sendeirista. De feito, as nosas aldeas adoitaban estar unidas entre elas por unha rede de vereas e carreiros, sendas ao fin e ao cabo, que facilitaban a comunicación.

Ponte a camiñar por Galicia e non será difícil que atopes algún miradoiro, cruceiro, hórreo, fonte, lavadoiro, peto de ánimas, capela e outros elementos patrimoniais da arquitectura popular galega. E case sempre en contornas paisaxísticas que alentan a seguir un pouco máis. Camiñar por Galicia é todo un pracer e unha experiencia vivificadora ao alcance de todo o mundo. E moitas veces de balde!

Hai uns anos xurdiron algunhas asociacións que dun xeito voluntarioso e sen ánimo de lucro tentaron popularizar o sendeirismo entre a poboación galega. Houbo certos logros nestes intentos pero non acadaron o éxito esperado. Quizais daquela os galegos eramos máis de asocia-las aldeas con enchentes de comida e ve-la familia que de camiñar dun lado para o outro sen unha razón evidente.

A globalización e as novas habitudes relacionadas cunha vida sa (e moito colesterol polo medio) leva a que xa sexamos moitos os que, sen ser apaixonados de cruzar campos e subir outeiros, vexamos no sendeirismo unha actividade lúdica e saudábel para o noso corpo. Un xeito de coñecer un territorio devagar gozando coas pequenas marabillas da natureza.

Sen dúbida, Galicia pode ter un gran futuro en relación co aproveitamento turístico e deportivo das sendas. Non hai máis que ver o boom que están a vivir os Camiños de Santiago. Aínda que no éxito do Camiño entran outros compoñentes que van máis aló da súa propia beleza. Todo vai depender do ben que o saibamos facer.

Estamos a finais de agosto do ano 2020 vivindo unha ¨nova normalidade” e os nosos corpos piden actividade. O confinamento de marzo a xuño pola Covid-19 pasou factura e agora temos cobiza de nos encontrar e facer “cousas”, así en xeral, que axuden a pasar os días.  E como non, visitar unha zona tan privilexiada de Galicia como é a Costa da Vela é sempre un pracer.

A iniciativa parte dunha nova empresa especializada en sendeirismo chamada Volta Montana. Eles definen o seu produto como “Rutas de sendeirismo, bicicleta e excursións en Galicia, escapadas e viaxes de sendeirismo e eco-turismo”. Detrás deste nome está unha parella galega á que se lle ocorreu esta idea de negocio despois de tanto mostrar Galicia aos seus amigos de fóra.

www.voltamontana.com/

Escultura metálica da Buguina máis coñecida como "a caracola"

A cita é o 22 de agosto ás dez da mañá na escultura “A Buguina”, máis coñecida como “a caracola”, en Donón, a aldea de referencia na Costa da Vela. Unha ruta de 12 quilómetros dunha dificultade media-baixa que pasa polo castro do Monte do Facho, polos impresionantes cantís da Costa da Vela e polas praias de Melide e de Barra. E todo isto sen perder de vista as marabillosas siluetas das illas Cíes como pano de fondo ao noso paseo.

O prezo é de 15 euros por persoa e inclúe o acompañamento dun guía así como o seguro de responsabilidade civil, accidente e rescate. É unha actividade de media xornada prevista para rematar ás dúas da tarde. Despois, cada un terá que procurar o xantar nun dos catro restaurantes que ofrece Donón.

Media hora antes do comezo da ruta quedamos na cafetería máis próxima á escultura. O noso grupo está formado por cinco amigas e amigos que chegamos de distintos puntos de Galicia: Lydia, Carmen, Olga, Bruno e mais eu. Á hora fixada incorporámonos ao resto de xente convocada por Volta Montana.

Loce un día luminoso de agosto e, malia ser primeira hora, os visitantes comezan a chegar a Donón. As vistas que se acadan dende aquí están sen dúbida entre as máis bonitas de Galicia. Os nosos ollos non poden deixar de mirar ese océano furioso batendo contra o inmenso peirao natural que son os acantilados da Costa de Vela, dende Punta Cousa a Cabo Home.

Petróglifos no camiño

De Donón saímos en dirección norte para visitar o castro de Beróbriga no alto do Monte do Facho, a 184 metros sobre o nivel do mar. Subimos por unha antiga calzada empedrada na que vemos varios petróglifos, de diversas temáticas e época, que foron limpados e sinalizados no acondicionamento feito polo Concello de Cangas a finais do 2018.

Pasmados ante o panel do Carballo dos Namorados

Nese camiño atopamos perfectamente sinalizados a “Cova e o Carballo dos Namorados”. O carballo de referencia ten dous troncos principais que fan lembrar a unha parella de noivos. Segundo unha lenda local este era o lugar de encontros entre mozos e mozas casadeiras das aldeas de Dozón e da veciña Vilanova. Da cova dise, realmente unha mina ou un alxibe de auga, que foi tapiada polo uso “indebido” que facían dela esas mesmas parellas.

Ruínas da aldea de Punxeiro

Antes de inicia-lo ascenso pasamos polas ruínas da aldea de Punxeiro, un pequeno grupo de oito vivendas abandonado hai xa moitos anos que foi utilizado máis recentemente para acolle-lo gando.

Chegando á coroa do castro

O castro actual no alto do Facho é un xacemento galaico que posiblemente tivo a súa orixe no século IV ou V a.C e que logo sufriu un proceso de romanización. E dise que houbo un poboado anterior do século X a.C. Non acadou a importancia doutras citanias galegas pero aínda pode verse parte da muralla defensiva e unha cantas vivendas que foron escavadas.

Moito máis importante é o feito de que este lugar serviu como un santuario obxecto de peregrinación entre os séculos II e IV, a medida que a cultura latina foi penetrando en Galicia. Segundo conta o guía, estamos no santuario máis antigo de Galicia e un lugar único para coñecer o mundo das crenzas en época prerromana e romana.

Copias das aras votivas de orixe romana

Na coroa do castro atopáronse ata 174 aras ou altares votivos cun tamaño que ía dende case medio metro a 1,70 metros. Un auténtico bosque pétreo de columnas labradas e de exvotos que servían de ofrendas ao deus Berobreo, aínda que non todas as teorías están de acordo con que fose esta a divindade. Como agora, a xente de aquel tempo tamén procuraba saúde a través da protección dos seus deuses.

Aldea de Donón dende O Facho
O Atlántico batendo con forza e creando figuras na auga
Dende O Facho, vista de Donón, Illas Cíes e, cara ao sur, da Ría de Vigo
O grupo de enmascarados. Da esquerda á dereita: Carmen,Olga,Lydia e Bruno
Garita de vixilancia no alto do Facho

O santuario desapareceu e a único construción que vemos rematada hoxe en día é un pequeno e sinxelo edificio circular. É unha garita de vixilancia da costa do século XVIII cun baseamento que puido corresponder a un faro de orixe prerromana ou romana. Por iso é tamén coñecido como o faro do Facho.

Das aras quedan uns poucos exemplares copias dos orixinais atopados neste lugar. Pero o feito de que esteamos no único asentamento do noroeste con estas características, unido ás vistas impresionantes dende o cumio, fan do Facho un lugar espectacular e arrodeado de certa maxia.

Chalé en Donón de atrevido deseño.

Desfacemos o camiño ata Donón e pasamos por diante dun chalé cun atrevido deseño circular. Saíndo de Donón cara ao sur seguimos as indicacións dun panel rotulado como “Senda da Costeira” onde comeza o descenso pola crebadas abas da costa. O camiño, doado é cómodo, ofrece unha panorámica espectacular.

Aldea de Donón e Monte Facho
Cabo Home e Illas Cíes

Despois dun tempo camiñando chegamos a Cabo Home, un dos puntos xeográficos que delimitan a bocana da Ría de Vigo. Facemos unha breve paradiña no faro de Punta Robaleira, pequeno e moi bonito grazas ás súas formas harmónicas e a súa rechamante cor vermella. As Illas Cíes parecen máis próximas que nunca.

Faro de Punta Robaleira
Faro de Cabo Home e Costa da Vela co Monte Facho ao fondo

Nun nadiña estamos no faro de Cabo Home, unha esvelta construción cilíndrica pintada en cores branca e azul. Este faro é case xemelgo do veciño de Punta Subrido, ao outro lado da praia de Melide, pero a contorna gana por goleada no primeiro caso. De feito, acho que o faro de Cabo Home é xunto co de Cabo Vilán (en Camariñas/Costa da Morte) a mellor imaxe dos faros de Galicia.

Se o faro é harmónico e estético, as vistas que o arrodean son únicas. Cara ao sur, a silueta recortada das illas de Monteagudo e do Faro, nas Cíes. Cara ao norte, a Costa da Vela na súa plenitude. Dende aquí é fácil de entender a razón do seu nome xa que presenta o aspecto dunha vela de barco enchida polo vento facendo fronte a unha mar brava.

Cruzando a praia de Melide

Cruzamos o areal virxe da praia de Melide. A que en tempos foi unha praia remota de difícil acceso agora recibe cada vez máis bañistas por mor da súa proximidade á cidade de Vigo. Aínda así, segue a ser un privilexio da natureza. Saímos atravesando un piñeiral cara á área de aparcadoiro preto de Punta Fuxiño, na cara sur da península de Cabo Home.

Faro de Punta Robaleira dende a praia de Melide

De seguido albiscamos as praias de Barra e Nerga, apenas separadas entre elas por un saínte rochoso. Estes son dous dos areais máis solicitados no verán por aqueles que procuran praias en estado natural. O camiño segue abeirando a costa e pasamos polo extremo occidental da praia de Barra,  principal praia nudista da Ría de Vigo.

Praias de Barra (esquerda) e Nerga (dereita)
Polo camiño preto da praia de Barra
Praia de Barra en marea baixa

Remontando cara a Donón, pasamos por pequenas fincas de viñedos plantados directamente sobre antigas dunas costeiras. Unha rareza da que non tiña ningún coñecemento. Seica estes viños non pertencen a ningunha Denominación de Orixe e a súa produción consúmese directamente polas familias colleiteiras. Poucas posibilidades pois de poder degustalos. Quen sabe, quizais nun tempo estaremos falando dunha exquisitez de prezos desorbitados para os coleccionistas de cousas senlleiras.

Finalmente chegamos a Donón e o grupo vaise separando. Deambulando pola aldea quedamos sorprendidos coas súas novas arquitecturas. Ademais do curioso chalé de planta redonda do que falamos antes, chámanos moito a atención a cúpula de cristal do aloxamento Casa Rústica O Facho, que pode ser unha posibilidade para os que queiran prolongar a súa estadía nesta parte da costa.

Xantamos no Restaurante Cabo Home, peixe fresco a custo razoable e cunha boa relación calidade-prezo.

Guiso do saboroso peixe da ría no Restaurante Cabo Home

Despois do xantar achegámonos en coche á aldea do Hío, no mesmo Concello de Cangas e a escasos quilómetros de Donón. A razón é o cruceiro barroco situado na praza da igrexa de Santo André. Realizado no ano 1872, é para moitos “o mellor” cruceiro de Galicia. Unha escultura realizada en pedra de granito que quere ser unha lección de teoloxía grazas ás imaxes narrativas que cobren o seu baseamento, o fuste e a cruz da parte superior.

Igrexa de Santo André e crudeiro do Hío

Na mesma praza da igrexa hai unha gaita metálica de gran tamaño en homenaxe ao gaiteiro Anxo Gago ¨Lito¨, nado na aldea de Pinténs nesta parroquia do Hío e falecido no ano 2018. E dende ese punto tamén gozamos dunha fabulosa panorámica da Ría de Aldán. Que mellor final para despedir un día que foi absolutamente perfecto?

Memorial ao gaiteiro Anxo Gago "Lito" e Ría de Aldán ao fondo

6 comentarios en “Vieiros no mar de Galicia

  1. Gracias por otro paseo virtual.
    Ese crucero es una maravilla.
    Pendiente de la próxima entrega.
    Enhorabuena por esa maravillosa tierra.

  2. Preciosa ruta, e descrita con con moito agarimo e fidelidade. Gracias Xan, por ensinarnos e darlle valor o noso. Estou dacordo en que temos un país fermosísimo, pero pouco e mal aproveitado. Bicos, Carmela

Deixa unha resposta a CarmelaCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.