Un día nos Passadiços do Paiva

Passadiços do Paiva
A nova ponte suspensa 516 Arouca

É o noso colega portugués António quen nos mantén informado de todas as novidades que van acontecendo no país veciño. E hai xa algún tempo que viña falando desta nova oferta de turismo de natureza que son os Passadiços do Paiva, unha senda de case nove quilómetros que percorre a marxe esquerda do Paiva, un afluente do río Duero.

O que lle dá carácter a este vieiro é, ademais da súa propia beleza natural, a intervención da man do home para, grazas a pasarelas e escaleiras de madeira, conseguir salva-los desniveis do canón do río Paiva. Algo semellante ao que se fixo en Galicia coa pasarela do río Mao, na Ribeira Sacra ourensá, e coa senda que vai dende Pazos de Arenteiro ao Pozo dos Fumes, no Ribeiro. Pero a obra portuguesa, ademais de estar moi ben feita, supera en moito aos treitos galegos.

Hoxe é día 1 de setembro. Chegamos de Galicia ao Porto o pasado domingo 30 de agosto por esixencias da nosa viaxe ás illas Azores. Este arquipélago será o noso destino durante todo o mes de setembro e as autoridades sanitarias do seu goberno autónomo obrigan a realizar unha proba PCR cun máximo de 72 horas antes da chegada ás illas. Interésanos facer a PCR en Portugal xa que hai laboratorios concertados onde as probas son pagas polo Governo dos Açores e gratuítas para nós.

Facemos o teste o luns 31, deixamos o día 1 para coñecer os pasadizos e voaremos ao día seguinte á illa de Santa Maria sempre que os resultados sexan negativos. Aproveitamos pois o día anterior á nosa saída para achegarnos ata o concello de Arouca no distrito de Aveiro.

Argallando a excursión aos Passadiços durante a nosa visita á Capela do Senhor da Pedra na praia de Miramar.

No caso de vir dende o Porto, coma nós, hai que contar con polo menos medio día, dúas horas e media para a viaxe de ida e volta e outro tanto para percorre-la senda. Pero non se vén ata aquí para andar ás presas. Se camiñamos devagar, paramos a xantar nalgunha aldea da zona e facemos unha visita á bonita vila de Arouca, contade co día enteiro.

Vindo do Porto a ruta pasa polas poboacións de Santa Maria da Feira, São João da Madeira, Vale de Cambra e Arouca. O tempo estimado de viaxe é de algo máis dunha hora. A medida que nos achegamos ao noso destino a paisaxe vaise facendo máis bonita cunha contorna natural de pequenas montañas que non escatiman en tonalidades de cor verde.

A senda é lineal e pode ser realizada en calquera dos dous sentidos. Os puntos de acceso en ambos extremos son as praias fluviais de Areinho e a de Espiunca (as coordenadas GPS aparecen na web dos Passadiços do Paiva). Nós fixémolo no sentido Areinho-Espiunca ao igual que a maioría das persoas que atopamos no camiño.

Os servizos que se ofertan tanto en Areinho como en Espiunca son básicos e limítanse a simples bares onde tomar un café, aseos e pouco máis. Hai outro bar con baños a medio camiño, preto da área de lecer e praia fluvial de Vau. Pero durante o noso paseo, este último lugar estaba pechado polas restricións da Covid 19 (?).

A entrada nos pasadizos é posible dende as oito ou as nove da mañá, segundo a tempada en que vaiamos percorrelos. A última entrada ten que ser antes das 14:00 h nos meses de inverno, antes das 15:00 h en abril e outubro (unha hora máis tarde en festivos e fin de semana), e antes das 17:00 h de maio a setembro.

Os pasadizos pechan tres horas despois da última entrada permitida xa que o tempo para realizar este percorrido calcúlase en aproximadamente dúas horas e media. Na páxina web pódese descargar o track da ruta pero non é realmente necesario dado que unha vez alí non hai perda ningunha. Passadiços do Paiva abre todos os días do ano.

É totalmente recomendable levar a entrada xa mercada a través da central de reservas da web. Outra posibilidade é acudir directamente á tenda de Turismo de Arouca ou a oficina na praia fluvial de Areinho, pero unicamente hai entradas á venda no caso de non ser superado o límite diario de acceso.

O prezo é de 1 € por persoa en liña (ou 2 € in situ). En tempada alta, do 1 de abril ao 31 de outubro, sobe a 2 € en liña ou 4 € no caso de comprala ao chegar. Os cativos menores de dez anos non pagan entrada.

A ruta está considerada como de dificultade alta polas fortes pendentes e longas escaleiras e non se recomenda para aquelas persoas con mobilidade reducida.

www.passadicosdopaiva.pt/es

Comezamos a camiñar a media mañá e gozamos de bo tempo e sen temperaturas excesivas. Portugal aínda está a facer unha boa xestión da pandemia e a maioría dos camiñantes van sen máscara. Pequenos grupos de xente nova e parellas son os principais usuarios da senda, case todos portugueses.

Saíndo do punto de comezo en Areinho
A ponte de Alvarenga

O primeiro reto son as escaleiras ascendentes despois de pasa-la ponte de Alvarenga.

Escaleiras despois da ponte de Alvarenga

Seguimos pola parte alta do canón ata chegar ao que pretende ser dende xa un dos principais atractivos do Portugal rural: a ponte colgante 516 Arouca. A publicidade fala da ponte suspensa peonil máis longa do mundo. O número que aparece no seu nome fai referencia á súa lonxitude de 516 metros.

Os 175 metros de altura sobre o río Paiva convértea nun desafío para os que padecen vertixe. Comezado a construír no mes de maio do 2018 está case a punto para recibir os primeiros clientes.

Vemos operarios facendo axustes na ponte e achegámonos para preguntarlles sobre a data prevista de inauguración. Falan con total seguridade de abrila ao público un mes máis tarde. Pero finalmente, e entendo que pola Covid 19, a ponte 516 Arouca vai ser inaugurada no momento de escribir este post, na última semana do mes de abril do ano 2021.

A ponte admitirá ata 30 persoas ao mesmo tempo. Haberá unha web de reservas que aínda non está operativa no momento de escribir estas liñas. O prezo será de 12 € para os adultos (10 € no caso de estudantes e maiores de 65 anos) e unha tarifa familiar de 30 a 40 € para unha parella con un ou dous menores.

Ponte suspensa 516 Arouca

Coa ponte suspensa atrás comezamos un pronunciadísimo descenso por escaleiras de madeira cara ao curso do río Paiva. Mentres baixamos imos contemplando a fervenza das Aguieiras, na outra beira do río á dereita da torre da ponte. Neste época do ano, a finais da tempada estival, o caudal é pouco e a fervenza non loce como acostuma.

Escaleiras de baixada cara ao curso do río Paiva

Seguimos acompañando o rio ata que chegamos á praia fluvial do Vau onde os camiñantes fan un descanso e nós aproveitamos para tomar un baño. Pouco antes desta área de lecer deixamos á dereita unha nova ponte suspensa pero, neste caso, a escasos metros de altura sobre o río.

Máis adiante asomámonos ao miradoiro da Gola do Salto para ver os rápidos no río formados pola presenza de rochas fracturadas que fan deste treito un lugar perfecto para a práctica de rafting. Evidentemente, nesta época do ano as rochas fican ao descuberto e o pouco caudal fai imposible esta práctica deportiva.

Miradoiro da Gola do Salto
Chegando á nosa meta na Espiunca

Xa no punto final da Espiunca tomamos algo de beber antes de coller o transporte que nos levará de volta ao noso punto de partida. No momento de chegar non hai ningún taxi dispoñible e temos de esperar unha media hora escasa. O prezo é de 15 € para as seis persoas que formamos o grupo.

Vistas de Aldeia de Cima e Canelas durante o regreso en taxi a Areinho

De regreso á cidade do Porto facemos unha visita á vila de Arouca. Nestes días Arouca sae acotío nos telexornais das canles portuguesas por acadar unha das taxas máis altas de infectados pola Covid 19.

A primeira paraxe é nas aforas da vila, na tenda-bar de Teixeira Pinto famosa polas especialidades doces típicas da vila como as cavacas, as castanhas doces, as barrigas de freira, as pedras parideiras e, sobre todo, o pão de ló.

Cadeirado barroco do mosteiro de Arouca

A última visita é ao centro da vila. Comezamos polo seu mosteiro (é gratis) considerado como un dos máis ricos de Portugal. Unha das súas prestixiosas hóspedes foi a filla do rei Sancho I, Dona Mafalda, quen lle proporcionou ao mosteiro un gran peso político e económico na rexión a comezos do século XIII.

A ultra-católica Mafalda, coñecida como a raíña santa, foi beatificada e enterrada nun túmulo nunha das capelas da igrexa do mosteiro. A súa urna está feita de ébano decorado con prata e cobre dourado. A santa é obxecto dunha forte devoción local e o seu nome é moi usual entre as mulleres de Arouca.

Pero o que quizais chame máis a nosa atención é o impresionante cadeirado barroco da igrexa. Un total de 104 asentos personalizados repartidos en catro ringleiras e franqueados por tallas douradas con pinturas que narran escenas da vida de San Bernardo e Santa Mafalda.

Cruzamos a praza principal, a Praça Brandao de Vasconcelos, coa capela da Misericordia e a antiga casa do concello de Arouca. Seguimos cara ao norte ata o calvario manierista de Arouca, onde as cruces ascenden lixeiramente por un rochedo que ofrece boas vistas da vila. Aquí vemos un conxunto de cruces, peto de ánimas e un curioso púlpito levantado durante os séculos XVII e XVIII que serve de escenario á Procesión dos Fogaréus na noite do mércores anterior á Pascua.

Durante a visita recibimos un sms que confirma o resultado negativo das nosas PCRs e que nos autoriza a poder voar ao día seguinte á illa de Santa Maria nos Azores. E ese será outro cantar…

4 comentarios en “Un día nos Passadiços do Paiva

  1. Seguro que fue una excursión muy particular y más seguro que pronto vais a ir a estrenar el puente colgante.
    Yo, como siempre, muerta de envidia.
    Besos y hasta el próximo viaje virtual.

Deixa unha resposta a Rosi Cancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.