Os Impérios, devoción nos Azores

Império do Divino Espíritu Santo da Caridade da Praia da Vitória (Illa Terceira)

Quen escoite ao mesmo tempo os vocábulos império e portugués vai facer unha rápida asociación de ideas que o levará aos tempos nos que Portugal era unha gran potencia marítima con territorios de ultramar por todos os continentes. Pero non é este o motivo desta entrada no blog, non.

Talvez se engadimos á palabra império tres adxectivos para convertelo en império do Divino Espírito Santo, xa algún comezará a facerse unha idea do que estou a falar. Sobre todo se ten viaxado polos Azores e especialmente polas illas de Terceira, Faial e Pico.

Igrexa e Império (no lateral esquerdo) do Divino Espíritu Santo dos Remèdios en Angra do Heroismo (Illa Terceira)

Os impérios son portugueses por extensión, pero realmente son elementos case exclusivos e  moi marcados da identidade azoriana. O culto ao Divino Espírito Santo forma parte da vida cotiá destas illas e tamén dos principais destinos da emigración azoriana como Brasil, Estados Unidos e Canada.

As orixes do culto non están confirmadas pero asócianse ás celebracións que a raíña Santa Isabel importou da súa rexión natal (Aragón) á corte portuguesa. Existe a crenza de que foron os padres franciscanos, os primeiros relixiosos en colonizar as illas Azores a partir do ano 1432, os que introduciron e potenciaron o culto ao Divino Espírito Santo, curiosamente ao mesmo tempo que esta devoción se ía apagando no resto de Europa.

Nese tempo, a poboación das illas vivía en localidades moi illadas e sometidas ás inseguridades propias dos pobos que habitan en lugares extremos. Foron posibelmente esas razóns as que xustificaron que o culto ao Divino Espírito Santo gañara tanta forza nesta parte do mundo.

As referencias escritas a este culto aparecen a finais do século XVI, momento no que as Irmandades do Espírito Santo son unha presenza xeneralizada nos Azores. Chama a atención que, malia non existir un goberno común para todo o arquipélago e a diversa orixe dos seus colonos, si houbese un culto con características comúns para todas as illas. Nese sentido, a teoría de que foron os padres franciscanos os propagadores do culto parece totalmente xustificada.

Império do Espírito Santo dos Pescadores (Marítimos) en Praia da Vitória (Illa Terceira)
Império do Espíritu Santo do Porto Judeu de Baixo (Illa Terceira)

O culto baséase na fe no Divino Espírito e nos seus sete dons (sabedoría, entendemento, consello, fortaleza, ciencia, piedade e temor) como fonte de toda virtude. Os “irmáns” teñen esperanza en tempos vindeiros no que o Espírito Santo será a fonte dunha nova orde. E presumen de practica-la solidariedade e a caridade.

O máis selleiro desta crenza é a súa autonomía fronte á Igrexa Católica. Non precisan da participación formal do clero nos seus ritos xa quen non ten por que haber intermediarios entre os devotos e o Divino. Non aceptan de boa gana nin as inxerencias da diocese nin as das autoridades civís.

Por outra banda, todos os irmáns teñen un mesmo status independentemente do seu xénero e clase social. E todos poden aspirar a ser o mordomo da irmandade, a súa maior autoridade, por un tempo determinado.

Império do Espírito Santo de São Sebastião (Illa Terceira)
Império do Espírito Santo das Doze Ribeiras (Illa Terceira)

Toda esta curiosa doutrina é herdeira do pensamento joaquimita, que tivo o seu maior defensor na figura de Gioacchino (Joaquim en portugués) da Fiore. A preferencia pola igrexa mística no lugar da igrexa formal tivo, e ten, un profundo arraigamento entre a poboación dos Azores.

Império do Espírito Santo da Serreta (Illa Terceira)
Império do Divino Espírito Santo do Raminho (Illa Terceira)

Os elementos comúns do culto ao Divino Espírito Santo son:

O Império:  

Edificios xeralmente de moi pequeno tamaño onde se realizan as actividades relacionadas co culto. Consta dunha zona de almacenaxe para gardar todo o material necesario. Poden estar vinculados a unha igrexa ou capela –ou non- e a súa arquitectura é moi variable.

O boom da construción dos impérios tivo lugar a finais do século XIX, ao mesmo tempo que comezaban a chegar os cartos da emigración no Brasil e nos Estados Unidos. Ata entón o culto tiña lugar en plataformas de madeira montadas para cada ocasión coñecidas como treatros.

A Irmandade:

Colectivos mixtos de homes e mulleres (os irmáns) dunha mesma parroquia ou localidade que con iguais dereitos e obrigas son os responsables de todo o relacionado co culto. En tempos houbo irmandades especificamente masculinas e tamén outras formadas exclusivamente pola clase alta das illas.

O Mordomo:

Irmán que, voluntariamente ou por votación, se converte na maior autoridade da Irmandade a quen o resto de membros deben unha estrita obediencia. É o encargado de conseguir e recolle-lo diñeiro para a organización da festa e o responsable de coordinar todos os eventos. 

Império do Espírito Santo dos Altares (Illa Terceira)
Império do Espírito Santo dos Biscoitos (Illa Terceira)

Os impérios son unha mostra da arte popular destas illas, algo único que lle proporciona un valor engadido a unha viaxe por esta parte do mundo. O percorrido polas nove illas dános a posibilidade de visitar ata un total de 200 impérios de moi diversas tipoloxías construtivas.

O que imos ver son unhas construcións que asemellan pequenas capelas, ás veces austeras e ás veces moi decoradas con cores rechamantes. Habitualmente están pechadas a non ser os días de culto ou os de celebracións especiais, pero o seu interior pode ser visto a través das cristaleiras. E sempre resultan moito máis interesantes por fóra que por dentro.

Império do Divino Espirito Santo dos Quatro Cantos en Angra do Heroismo (Illa Terceira)

A principal illa para ver impérios é a de Terceira con 84 dos 200 existentes. Seguen en importancia polo número de construcións as illas de Faial (38), Pico (30), São Jorge (17), Graciosa (16), Flores e São Miguel (con 6 impérios cada unha). As illas de Santa María e a de Corvo teñen respectivamente dous e un imperio.

Império do Divino Espírito Santo da Lombega (Illa do Faial)
Império do Divino Espírito Santo de São João (Illa do Pico)

Para ve-la listaxe completa podedes consultar as páxinas de portal do divino:

www.portaldodivino.com/Todos_Imperios/todos_imperios.htm

Império Bairro da Conceicão en Velas (Illa de São Jorge)
Império do Espírito Santo das Manadas (Illa de São Jorge)
Império do Espírito Santo do Topo (Illa de São Jorge)

Nesta entrada déixovos os dezasete impérios que fomos encontrando durante o noso percorrido por seis illas dos Azores. Malia non ter visto ningún con actividade, o feito de atopar estas bonitas construcións por sorpresa aportou un plus á nosa viaxe.

Império do Espírito Santo de Santo Antão (Illa de São Jorge)
Ermida de Santo António entre as aldeas de Remédios e Ajuda da Bretanha (Illa de São Miguel). Aínda que parece un império, non o é. A capela ten campá para chamar á oración

3 comentarios en “Os Impérios, devoción nos Azores

  1. Acabo de descubrir un tema completamente desconocido para mí y muy interesante. Aunque había visto las fotos, no imaginaba su historia.
    Muy bien descrito.
    Esperando el próximo.
    Rosi.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.