Engaiolante Ribeira Sacra

Vista dos socalcos dende o miradoiro de Pena do Castelo en Doade
Rosi na necrópole medieval de San Vítor

A Ribeira Sacra é o destino turístico de moda en Galicia. Mudou de ser unha absoluta descoñecida a estar en boca de todo o mundo. Eu mesmo, que pasei toda a miña infancia en Ourense capital –a 15 minutos en coche dunha das súas portas de entrada-, non fun coñecedor da súa existencia ata á miña volta a Galicia hai 29 anos.

Naquel tempo unicamente chegaron ata min algunhas referencias da beleza do canón do Sil e das moreas de cousas a visitar, grazas aos comentarios de dúas boas amigas orixinarias desa zona. Co tempo, e despois dunha ou varias visitas cada ano, fun descubrindo un recuncho apaixonante da nosa terra que non deixa indiferente a ninguén.

No presente, A Ribeira Sacra é xa unha demanda de moita da xente de fóra que nos visita e, evidentemente, tamén de moitísimos galegos. As Voltas Ciclistas a España nos anos 2016, 2018 e 2020 e o libro “Todo isto che darei” de Dolores Redondo, gañador do Premio Planeta 2016, teñen moito que ver

O filme “Live is Life” que o director galego (monfortino en concreto) Dani de la Torre rodou no ano 2020 (e que está a piques da súa estrea) e a novela “O bosque dos catro ventos” de María Oruña, ambientada no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, tamén van ser decisivos para que este destino dea un importante paso adiante no mundo do turismo.

Ademais, A Ribeira Sacra presentou oficialmente a súa candidatura á declaración de Patrimonio da Humanidade pola Unesco e pode ter todas as de gañar. Razóns non lle faltan, como é o feito de ser un exemplo senlleiro do monacato en Occidente e da sacralización dun territorio ao longo de 1.500 anos de historia.

Ermitáns primeiro e monxes despois deron forma a unha das maiores concentracións de cenobios e igrexas de toda a Europa rural. Dezaoito conventos e mosteiros e unha morea de templos románicos para reivindicar o cristianismo do noso territorio fronte á invasión musulmá.

Pero A Ribeira Sacra non é unicamente patrimonio, velaí a beleza dos canóns fluviais dos ríos Miño e Sil con paredes de ata 500 metros de altura. E algunhas destas paredes son dobremente espectaculares polo xeito tan especial, e propio desta zona, de cultivar as videiras en terrazas.

Socalcos na aldea de Belesar no canón do río Miño

Os socalcos –así se chaman- son pequenas superficies preparadas pola man do home e colocadas en fortes pendentes á beira do río. Traballar estes terreos para facelos produtivos e o arduo labor de coidar as vides e facer posteriormente a vendima, fai que falemos de “viticultura heroica”.

De feito, en moitas destas terrazas pódense ver raís metálicos, testemuño do grande esforzo que supón subir ou baixar as cestas para sacar a colleita de uvas ata lugares accesibles, ben en vehículos por estrada ou ben en barcas polo río.

Socalcos no canón do río Sil

Hoxe “Ribeira Sacra” é unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas que temos en Galicia e, posiblemente, a máis antiga de todas. Nos folletos de promoción turística acostuman facer referencia a que estes viños xa eran exportados a Roma a comezos da nosa era. Non se sabe con certeza, pero do que non hai dúbida é de que os socalcos teñen a súa orixe nos traballos realizados polos monxes na Idade Media.

Para a nosa escapada á Ribeira Sacra imos ter cinco compañeiras de excepción, a nosa amiga galega Carmen e outras catro amigas chegadas de Valencia que acostuman visitarnos e, de paso, aproveitan para coñecer un pouco máis de Galicia en cada viaxe.

Bruno e máis eu chegamos o día 15 de outubro da nosa frustrada viaxe aos Azores, vimos esgotados polo pesadelo causado pola mala xestión das autoridades sanitarias da Illa de São Miguel (entrada en preparación neste blog). Mati, Tere, Rosa e Rosi chegan o domingo 18 á primeira hora da mañá en voo directo dende Valencia.

Ese mesmo día recollemos as nosas amigas e saímos dende o aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro para coñecer a serra dos Ancares e a cidade de Lugo. Despois, os días 20 e 21 faremos noite na nosa casa en Teo para visitar outros atractivos máis próximos como son o mosteiro de Carboeiro, algúns lugares das Rías Baixas e facer unha ruta por pazos próximos a Compostela (Oca, Santa Cruz, Bendoiro e Liñares).

A propia viaxe pola Ribeira Sacra comeza o día 22. Temos por diante catro xornadas para visitar esta ampla zona que engloba moitos lugares interesantes con atractivos de diversa natureza como é a etnografía, as paisaxes, os monumentos e os lugares de importancia medioambiental.

Moita xente segue a identificar o canón do Sil coa Ribeira Sacra, pero a segunda é moito máis extensa có primeiro. Efectivamente, o canón é o seu principal atractivo paisaxístico e moitos dos mosteiros están próximos ás súas ribeiras. Pero o xeodestino Ribeira Sacra está formado por ata 21 concellos divididos entre as provincias de Lugo e Ourense e con multitude de atractivos senlleiros.

Iso si, a maioría dos visitantes que ata aquí se achegan veñen por coñecer algún dos máis de trinta templos de estilo románico (sobre todo na parte lucense), ou a percorrer os sete conventos e mosteiros que aínda se conservan (case todos na parte ourensá), así como navegar en catamarán polos canóns dos ríos Miño e Sil.

Os interesados nas paisaxes quedarán abraiados polo gran número de miradoiros que se asoman aos canóns. E os que prefiran actividades na natureza poderán gozar dunha extensa rede de sendas peonís e un Centro BTT con puntos de acollida en Luíntra e Parada de Sil que ofrece ata 110 km de itinerarios sinalizados con diferentes niveis de dificultade.

Visitar A Ribeira Sacra pode levar un día, unha semana ou incluso máis segundo os intereses do visitante. Á hora de programar convén localizar os lugares preferidos, buscar aloxamentos que non supoñan grandes desprazamentos ata os puntos a visitar e organizar rutas diarias con certa coherencia.

Hai que ter en conta que mentres a oferta de aloxamento medrou moitísimo en cantidade e calidade nestes últimos anos, a oferta de restauración segue estando limitada ás capitais dos concellos e uns poucos establecementos espallados polo seu territorio.

A ruta que propoño é axeitada para un primeiro contacto pero é tan só unha das moitas posibles. Neste caso adáptase ás nosas amigas valencianas quen, principiantes na Ribeira Sacra, piden levarse unha impresión xeral de todo o que esta ten que ofrecer.

O noso itinerario pasa por seis dos sete mosteiros que aínda se conservan, combinándoos con algunhas das mellores mostras do románico e un número importante de miradoiros. 

DÍA 1

Saímos cedo de Teo, nas aforas de Santiago de Compostela, xa que temos a nosa primeira quedada ás dez e media da mañá. A cita é con Begoña, guía e unha das responsables da empresa Máis que Románico, diante da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no concello lucense do Saviñao.

O grupo con Begoña diante da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño

Mais que Románico é un novo servizo de guías turísticos para amosar o patrimonio galego. Teñen o seu centro de operacións na Ribeira Sacra e solucionan un dos grandes problemas das igrexas románicas desta zona. A maioría delas fican pechadas a non ser para o culto e resulta moi complicado poder ve-lo seu interior.

Máis que Románico pode acceder a case todas as igrexas da Ribeira Sacra, saben a quen pedir as chaves e teñen permiso do bispado para realizar visitas guiadas. Simplemente hai que chamalos e pórse de acordo para a data e número de igrexas a visitar. O prezo depende das horas dedicadas á visita e do número de persoas a realizala.

Nós solicitamos tres visitas de mañá ás igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi (ambas no concello do Saviñao) e San Miguel de Eiré (Pantón). E despois do xantar á igrexa de San Vicente de Pombeiro, tamén no concello de Pantón.

Pagamos 80 euros pola visita organizada para sete persoas. Non chega nin a 12 € por cabeza, que sería aproximadamente o prezo das catro entradas se é que houbese que pagar en cada igrexa. O servizo foi totalmente satisfactorio xa que, ademais de facilitar o que sería de seu unha visita imposible, Begoña proporciona moita información dun xeito moi ameno.

maisqueromanicorutas.com/

A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (non confundir co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil no canón do Sil) xorde maxestosa nunha das paredes do canón do Miño, entre o encoro de Belesar e a aldea do mesmo nome.

No interior destaca unha Epifanía formada por pezas soltas que foron atopadas e recuperadas durante as últimas restauracións. Os Reis Magos formaban parte do pavimento da igrexa (!!) e a figura da Virxe apareceu agochada no seu atrio.

Magnífico rosetón na fachada principal de Santo Estevo

Non imos entrar en todos os detalles que conta a nosa guía Begoña pero si hai tres elementos desta igrexa que nos chaman moito a atención: a súa adaptación ao terreo erguéndose altiva entre os soutos que a arrodean, o desmedido rosetón da fachada e os arcobotantes que ancoran a igrexa ao terreo na súa parte posterior.

A seguinte parada é non lonxe da primeira, na igrexa de San Paio de Diomondi. Por boca de Begoña coñecemos que o santo da advocación desta igrexa (Pelayo en castelán) era un mártir de orixe galega decapitado no século IX en Córdoba por orde do emir Abderramán III.

O que máis nos gusta é a porta lateral sur, pequeniña pero moi xeitosa, cunha decoración formada por unha dobre fileira de pequenos arcos cegos e dúas cabezas simétricas de cánidos.

Anexo, e facendo medianeira cun dos laterais da igrexa, érguese un pequeno pazo no que acostumaban veranear os bispos da diocese de Lugo. O edificio foi remodelado recentemente para acoller un albergue público para peregrinos pola súa proximidade ao Camiño de Inverno a Santiago.

No momento de escribir este post, xa no mes de maio, a Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación para acondicionar o seu interior e pór o albergue en uso.

A última parada da mañá é na igrexa de San Miguel de Eiré que está considerada un dos exemplares máis interesantes do románico en Galicia. A razón é a súa torre campanario sobre un falso cruceiro que supón algo totalmente anómalo para os canons galegos. Seica puideron ser mestres casteláns os que a fixeron seguindo un estilo construtivo propio de certos lugares da actual provincia de Burgos.

Igrexa de San Miguel de Eiré

A igrexa é o que permanece dun antigo mosteiro do século XII. De novo, o que máis chama a nosa atención é a porta norte e a súas selleiras decoracións. No interior quedámonos coa variedade dos traballados capiteis e coas pinturas murais do século XVI.

Pinturas murais do século XVI

Rematada a visita matinal, Begoña regresa á súa casa para o xantar. Nós retrocedemos cara a Santo Estevo de Ribas de Miño e baixamos ata a aldea de Belesar. Facemos unha breve parada para fotografar os socalcos en ambas beiras do canón do Miño.

Imaxes dos socalcos baixando cara á aldea de Belesar

Seguimos o curso descendente do río para xantar no restaurante da praia fluvial da Cova. Malia que sabemos que os prezos son algo elevados non temos moitas outras opcións na contorna, xa que o Mesón A Cova está pechado por mor da Covid.

O restaurante Playa de A Cova forma parte dun pequeno complexo con servizo de restauración onde practicar deportes acuáticos. Unha pequena praia de area axuda a que a xente veña gozar dun dos recunchos máis bonitos do río Miño.

Hoxe fai un tempo excepcional para ser finais de outubro e decidimos comer na terraza con vistas ao río. A comida non importa tanto como o bo momento que estamos a pasar. Os paraísos están ás veces á volta da casa.

playadacova.es/

Complexo turístico e deportivo da praia da Cova. Fotos cedidas por Rosi Martínez
Igrexa de San Martiño da Cova

Despois do xantar seguimos o noso camiño cara á aldea dos Peares. A pouco de saír do restaurante facemos unha parada para admirar a igrexa románica do antigo mosteiro de San Martiño da Cova (por suposto, pechada).

Algo máis arriba hai un miradoiro (mal sinalizado) que debería ofrecer unha visión completa do famoso Cabo do Mundo. A visión non é boa pola altura das árbores e é mellor seguir ata un novo miradoiro a máis altitude pretiño da igrexa de Fión.

Cabo do Mundo é un meandro formado polo río Miño especialmente vistoso polas diferentes tonalidades de verdes durante os meses de outono. A súa fotografía foi tan utilizada para promocionar a Ribeira Sacra que rematou converténdose nunha das súas iconas.

Cabo do Mundo. Foto cortesía de Rosi Martínez

Begoña estanos á esperar en Fión e a seguimos por estreitas estradas locais ata enlazar coa N-120 entre Pantón e Ourense. Na aldea dos Peares deixamos o canón do Miño e entramos na parte máis estreita do canón do Sil.

Os Peares non é bonita pero si o é o lugar onde se atopa: o punto de encontro no que o río Sil verte as súas augas ao Miño. Ademais ten a particularidade de estar espallada polo territorio de catro parroquias distintas que pertencen a outros tantos concellos que, a súa vez, están divididos en dúas provincias (a ver quen goberna iso!).

A igrexa de San Vicente de Pombeiro é o que chegou ata nós dun mosteiro coa súa orixe no século X. Begoña relata a apaixonante historia desta construción, un refrito de obras inacabadas e retomadas nun estilo diferente. O Frankenstein das igrexas románicas da Ribeira Sacra.

Igrexa de San Vicente de Pombeiro
Rosi e Rosa atentas á explicación de Begoña en Pombeiro

Como bo amante do freakismo arquitectónico fago dela a miña preferida. É tamén a máis abondosa en pinturas murais (S. XV) das igrexas visitadas. Os que non veñan organizados e con guía poden facerse unha boa idea do interior grazas aos amplos cristais dunha porta lateral.

Damos o día por rematado e seguimos ata o aloxamento da nosa  primeira noite: a Casa Grande de Rosende, na aldea do mesmo nome no concello de Sober. A cociñeira prepararanos unha sinxela e saborosa cea. Como somos sete persoas e estamos coas restricións Covid temos que sentarnos en mesas separadas.

A Casa Grande de Rosende é un bonito pazo do século XVI restaurado respectando a arquitectura orixinal e conservando bastante mobiliario de época. Unha boa proposta de prezo moderado para aqueles que queiran experimentar a vida nun pazo.

Pazo de Rosende. Abaixo foto do interior con mobles de época

O edificio aparece fotografado na portada da edición galega de “Todo disto che darei” e aquí é onde Dolores Redondo fixo a presentación deste libro co que gañou o Premio Planeta. Pareceume entender un comentario do dono do pazo sobre que a autora ideou a historia do libro nunha casa veciña desa mesma aldea, pero non estou seguro de telo entendido axeitadamente.

casagrandederosende.com/gl/

O grupo fronte ao Pazo de Rosende

DÍA 2

Despois do almorzo, visitamos o bonito xardín do pazo e saímos para a capital do concello de Pantón. Unha vez en Ferreira achegámonos ao convento das Bernardas. É así como a xente acostuma referirse a este cenobio, aínda que en folletos e webs tamén aparece como mosteiro de San Salvador (de Ferreira) ou mosteiro do Divino Salvador (nome oficial).

Falamos do único mosteiro feminino que mantén a súa vida relixiosa na Ribeira Sacra. Tan só pode ser visitada a súa igrexa románica (S. XII) e o claustro renacentista (S. XVI). A igrexa adoita estar aberta, pero de non ser así hai que toca-lo timbre para solicitar que abran.

Exterior do mosteiro do Divino Salvador (As Bernardas) en Ferreira de Pantón

No caso de querer ve-lo claustro hai que toca-lo timbre si ou si. O acceso é pola recepción e zona de venda de doces preparados polas irmás. Nese mesmo espazo está exposta a bonita imaxe románica da Virxe co Neno e tamén pode verse o claustro a través dunha ampla cristaleira.

Interior da igrexa

Claustro renacentista visto dende a cristaleira da recepción

Escultura románica da Virxe co Neno

A visita é gratuíta e as irmás aconsellan facer reserva telefónica para combinar a hora de visita sen que coincida co horario da comunidade.

www.monasteriodeferreira.net/monastery/visitor-s-info/

Dende Ferreira de Pantón dirixímonos á ribeira lucense do canón do Sil para facermos unha ruta matutina polos seus mellores miradoiros. Por estradas locais que parecen non conducir a ningures chegamos ao miradoiro do Boqueiriño, unha plataforma de madeira asomada ao baleiro.

As vistas son preciosas, sobre todo cara ao oeste onde se pode ver o famoso meandro do río Sil -mil veces fotografado!- pero dende unha perspectiva lateral (e non frontal como se acostuma facer). Fixando a vista sobre a beira ourensá é posible distingui-lo campanario do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil asomando por riba dos castiñeiros.

Miradoiro do Boqueiriño

Por estradas aínda máis imposibles chegamos ao miradoiro de Santiorxo. Outra plataforma de madeira dende onde se distingue o cabo no que se asenta a pequena vila de Parada de Sil e o famoso miradoiro dos Balcóns de Madrid.

Dúas imaxes do miradoiro de Santiorxo

A última paraxe da mañá é para toma-lo vermú (coma non, galego) na Tapería Tear e visitar o veciño Santuario de Nosa Señora de Cadeiras e o miradoiro do mesmo nome. A taparía pode ser unha opción para xantar, sempre mellor reservando por adiantado xa que non hai máis oferta nos arredores.

O santuario é unha obra relativamente recente en comparación co habitual na Ribeira Sacra. Foi construído a finais do século XVIII no lugar dun antigo culto pagán (relacionado cos penedos veciños?) sacralizado a través dos milagres atribuídos á Virxe de Cadeiras.

Estaba previsto que o templo tivese grandes dimensións tal e como testemuña a súa fachada, pero nunca foi rematado. Non hai máis que camiñar ata un dos seus laterais para ver o estraño xogo de volumes entre a gran fachada, a pequena nave do templo e unha desmedida sancristía. E tan só se levantou unha das dúas torres previstas.

Santuario de Cadeiras

Para acceder ao interior hai que vir nos días de romaría, do 7 ao 9 de setembro, ou durante algunha celebración especial.

A visión lateral do santuario permite entender perfectamente as diferentes escalas do edificio así como as partes inacabadas

Á hora do xantar xa estamos na aldea de Doade, na estrada que vai de Monforte de Lemos ao Castro de Caldelas. Xantamos o menú do día na Cantina Doade por 10 €/persoa. O ambiente resulta agradable e o servizo axeitado. A comida pretendía máis do que conseguía pero estivo ben.

No mesmo Doade hai outras dúas opcións para xantar: os restaurantes Merenzao e O Castelo, este último pertencente ás instalacións da Adega de viño Algueira.

Xusto fronte ao edificio desa adega parte unha pista sen asfaltar que chega ata o mellor miradoiro para aqueles que estean interesados nos socalcos e no especial xeito de cultiva-lo viño na Ribeira Sacra: o miradoiro de Pena do Castelo. Pódese pasar en coche sen problemas uns centos de metros ata unha pequena área recreativa con bancos de madeira. Dende alí  hai que seguir a pé uns quince ou vinte minutos ata o miradoiro.

Miradoiro de Pena do Castelo

É doado ver socalcos no canón do Miño e no paseo en catamarán polo canón do Sil, pero en ningún lugar como dende Pena do Castelo. Ao carón dunha pequena capela e a 400 metros sobre o nivel do río, ofrece unhas vistas abraiantes das paredes do canón. E en outono coa gran variedade de cores, aínda máis.

Seguimos camiño, deixando atrás as Adegas Regina Viarum  e o miradoiro de Soutochao, a menos altitude có de Pena do Castelo pero tamén con boas vistas sobre os socalcos da zona. Atravesamos o canón do Sil e remontamos polas paredes da beira ourensá ata a vila do Castro de Caldelas

Castelo no Castro de Caldelas

Incorporada recentemente á “Asociación de los Pueblos más bonitos de España”, O Castro de Caldelas é unha agradable conxunto medieval de casas con escudos e moitas galerías. O seu principal punto de interese é o castelo dos Condes de Lemos (século XIV) que serve de miradoiro sobre a vila e o val do Sil.

Interior do castelo

Propiedade municipal, o castelo acolle o Museo Arqueolóxico e Etnográfico (2 €) onde se poden ver curiosidades como o traxe do irrio, o personaxe central das festas locais de Nosa Señora dos Remedios.

A peza máis destacable é o “Foro do bo burgo de Caldelas”, un manuscrito considerado como o documento máis antigo coñecido escrito en galego. Foi redactado na época do rei Afonso VIII, alá polo ano 1228. Recolle dereitos e obrigas da xente destas terras e é unha copia, feita na lingua do pobo, dun orixinal escrito en latín.

Aínda que nós non a visitamos, a Casa Museo Vicente Risco abre as súas portas na zona vella do Castro de Caldelas. O edificio acolle a biblioteca e o despacho do intelectual galego así  como manuscritos, obxectos persoais e obras artísticas do escritor.

Abaixo, vista da vila dende a muralla do castelo

Foto de grupo na zona vella desta bonita vila

Despois de comprar a tradicional bica mantecada de Castro Caldelas, damos por finalizadas as visitas do día e dirixímonos ata a capital do concello de Parada de Sil onde temos o noso aloxamento.

Parada de Sil estase a converter non novo referente de aloxamento e restauración na Ribeira Sacra ourensá: varios apartamentos, pensións, unha bonita reitoral restaurada e un cámping nas inmediacións. E ata cinco restaurantes ademais dos da reitoral e do cámping abertos unicamente aos seus aloxados.

Durmimos nos Apartamentos Ribeira Sacra, as catro amigas valencianas nun edificio restaurado e Carmen mais nós nun edifico novo a escasos metros do centro. Pagamos un total de 377 euros polas sete persoas e as dúas noites.

ribeirasacraturismo.es/

DÍA 3

Parada de Sil é o punto de partida para o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e para o miradoiro dos Balcóns de Madrid (tamén coñecido como Os Torgás). Dende o centro da vila parten dúas estradas de ida e volta ata cada un destes atractivos.

Despois do almorzo e en escasos cinco minutos estamos no aparcadoiro do campo de fútbol, preto dos Balcóns. Logo hai que seguir outros cinco minutos a pé para chegar ao miradoiro máis famoso da Ribeira Sacra cos seus 500 metros de elevación sobre o río.

No miradoiro dos Balcóns de Madrid. Foto cedida por Rosi Martínez

O estraño de que o seu nome faga referencia á capital de España vén xustificado por que era aquí dende onde as mulleres despedían os seus maridos e familiares cando ían traballar fóra das súas aldeas, principalmente como vendedores de barquillos a Madrid. Eran malos tempos para as comunicacións e o río a mellor vía de saída.

A seguinte parada do día está a unha media hora de Parada de Sil, no embarcadoiro de Santo Estevo. Dese peirao saen os catamaráns para coñecer a parte máis impresionante do canón do Sil. Hai outras rutas nos ríos Miño e Sil, pero esta é a de maior demanda.

O paseo de ida e volta dura unha hora e cuarto e o prezo é de 12 €/persoa. Convén levar os billetes reservados, sobre todo en tempada alta. É mellor chegar ao embarcadoiro con tempo dabondo xa que o último traxecto hai que facelo a pé.

Camiño do catamarán. Abaixo fotos da navegación

Navegar polo Sil é unha marabilla e a guía a bordo vai facilitando moita información sobre a historia e os costumes da Ribeira Sacra. Estamos no mes de outubro e a viruxe fai unha chisca incómodo viaxar na cuberta superior.

Para a reserva de billetes en liña, contactade en:

www.hemisferios.org/

Dende aquí seguimos en coche ata o veciño mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, para moitos o edificio máis impresionante de toda A Ribeira Sacra. Foi renovado hai uns anos para reconvertelo nun aloxamento con categoría catro estrelas da rede de Paradores de España.

Malia ser un aloxamento privado, os visitantes teñen dereito a pasear polos tres claustros de Santo Estevo: os renacentistas da Portaría e da Cociña e o románico dos Bispos. Tamén se pode facer uso do precioso restaurante Dos Abades situado na antiga corte do mosteiro.

O retablo pétreo da igrexa de Santo Estevo está considerado como un exemplar único no seu xénero. Posiblemente do século XII, presenta unha forma rectangular con frontón na que acolle a imaxe de Cristo en  maxestade e os doce apóstolos

Santo Estevo foi tan importante que se converteu no lugar de retiro de ata nove bispos que renunciaron ás súas sés episcopais (Ourense, Iria Flavia, Coimbra, Astorga,…) para rematar os seus días neste lugar. O mosteiro acolleu posteriormente os seus cadaleitos que foron enterrados no claustro dos Bispos (de aí o seu nome) e levou as correspondentes nove mitras ao seu escudo.

Unha lenda case esquecida por todos falaba de que os nove aneis dos bispos foron gardados nunha caixa de prata e de que estes tiñan poderes para sandar a xente.

Como curiosidade debo comentar que en decembro do ano 2020 (estou escribindo en maio do 2021) foron atopados catro deses aneis considerados como ¨milagreiros”. Unha pequena etiqueta en pergamiño na bolsa dos aneis aclaraba que os outros cinco desapareceron hai xa un tempo.

O achado tivo lugar grazas aos traballos de restauración e foi moi comentado por estar relacionado coa novela publicada tres meses antes “O bosque dos catro ventos”. Seica a escritora María Oruña tivo coñecemento da lenda e, tras un tempo de investigación,  decidiu basear a súa novela nela.

Dúas fotos de riba pertencentes ao claustro da Portaría ou dos Cabaleiros. Abaixo foto do claustro dos Bispos.

Claustro da Cociña

A igrexa está a espera da súa restauración (xa aprobada) e así poder pór en valor as pinturas murais datadas nos séculos XV e XVI que foron atopadas hai uns meses.

Regresamos a Parada de Sil para xantar no restaurante (tamén é aloxamento) O Balcón da Ribeira, posiblemente a mellor opción calidade/prezo desta beira da Ribeira Sacra. Polo camiño paramos no miradoiro de Cabezoás, a pé da estrada, pero a néboa impídenos ve-la imaxe máis característica do canón.

https://obalcondaribeira.es/

Despois de comer baixamos por unha estrada vertixinosa de dous quilómetros ata Santa Cristina de Ribas de Sil. O pequeno mosteiro bieito é dunha beleza moi especial polo seu emprazamento nas paredes do canón e polo entupido souto de Merilán que o arrodea.

Bruno baixando ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil
Claustro de Santa Cristina interrumpido por un camiño

De estilo románico, ten a súa orixe no século X. Co tempo pasou de ser un mosteiro independente a un priorado do mosteiro de Santo Estevo.

Igrexa de Santa Cristina de Ribas de Sil

Malia os anos de abandono e o espolio ao que foi sometido, conserva nun estado aceptable a igrexa, dúas das alas do seu claustro e algunhas dependencias dos monxes. Hai que pagar unha pequena cantidade para entrar.

Exemplo da reutilización dunha tumba para as paredes do mosteiro
Vistas do souto dende o balcón do mosteiro

Saímos do mosteiro e en media hora estamos na Fábrica da Luz, unha antiga central hidroeléctrica restaurada como albergue turístico e cantina. Aquí comeza a pasarela do río Mao, un paseo de madeira sobre pilotes construído no ano 2011 que percorre o canón deste afluente do río Sil.

Rosi na bonita porta de entrada ao recinto do mosteiro

No caso de querer realizar unicamente a pasarela -o máis habitual- haberá que contar cun traxecto de aproximadamente tres quilómetros entre a ida e volta ou percorrelo só nun sentido e pedir que vos vaian recoller á aldea de Barxacova.

Tamén existe a posibilidade de percorrer a senda homologada PR-G 177 “Ruta do canón do río Mao”, da que a pasarela forma parte, na súa totalidade. Nese caso haberá que contar cun total de 16 quilómetros e medio e un forte desnivel que vai supor unhas seis horas e media de camiñada.

Fotos da pasarela do río Mao

Dende a Fábrica da Luz subimos ata a aldea de San Lourenzo de Barxacova situada a bastante altitude na vertical da pasarela. Deixamos o coche nun pequeno aparcadoiro á entrada da aldea e seguimos a pé durante vinte minutos.

Nunha atalaia natural atópase a que podería ser a necrópole medieval máis grande do norte de España con ata 40 tumbas escavadas na rocha: a necrópole de San Vítor de Barxacova.

A PR-G 177, no caso de facela enteira, tamén visita estes enterramentos antropomorfos datados nos séculos IX e X. Non se sabe ben a razón pola que se fixeron neste lugar pero si se coñece que non estaban relacionados nin cos mosteiros nin cos eremitas que habitaban a zona.

Necrópole medieval de San Vítor

San Vítor é un novo atractivo que incorporar á longa listaxe da Ribeira Sacra. As escavacións desenvolvidas nestes últimos dez anos deixaron á luz algo único en Galicia. Paga a pena subir ata aquí tanto polo valor patrimonial das ruínas como polas fabulosas vistas dos canóns do Mao e do Sil.

Vistas dos canóns dos ríos Mao e Sil dende a necrópole

É xa última hora da tarde e regresamos a Parada de Sil para cear e durmir no mesmo aloxamento do día anterior. Hoxe é noite de sábado e esta pequena capital municipal comeza a ter algo de animación en bares e restaurantes.

DÍA 4

O noso último día de viaxe pola Ribeira Sacra ímolo dedicar a coñecer dous dos seus mosteiros máis sorprendentes: o de Santa María de Montederramo, impresionante polo seu tamaño, e o de San Pedro de Rocas, alcumado como o máis antigo de Galicia.

Poderíamos dicir que San Pedro é tamén o mosteiro máis antigo de España malia que nas guías turísticas non aparece así. Pero o caso é que as inscricións da súa lápida fundacional dátano no ano 573 e os que teñen a categoría oficial de se-los máis antigos son do século VI (!!!). Polo tanto…

Para visitar Montederramo é mellor concertar, previamente e por teléfono, unha das visitas guiadas realizadas pola oficina de turismo municipal (988 292 000/072) por un prezo de 3 €/persoa. Son a horas fixas (tres pola mañá e catro pola tarde en verán) e demoran unha hora escasa. Pechan os luns.

Mosteiro de Santa María de Montederramo

Tamén hai posibilidade de achegarse persoalmente á oficina de turismo, a escasos metros do mosteiro nun lateral da praza, pero arriscándose a que xa non haxa prazas dispoñibles para a seguinte visita. Por se hai que facer tempo, o Restaurante Casa Elvira abre as súas portas nos baixos da fachada principal do mosteiro.

Estamos a finais de outubro e por mor da Covid-19 non admiten grupos de máis de cinco persoas (contando a propia guía). Cedemos os nosos postos ás nosas amigas de Valencia con todo o agarimo do mundo.

Este mosteiro bieito procede do S. XII pero o que vemos hoxe en día correspóndese coas ampliacións en estilo renacentista dos séculos XVI e XVII.

Praza do mosteiro de Santa María de Montederramo

Polo que respecta á inmensa igrexa, é dun estilo herreriano moi austero. Nela destaca o retablo maior restaurado nestes últimos anos. O retablo aínda non ten iluminación polo que é aconsellable a visita de mañá. Pola tarde vese peor xa que a luz non incide directamente e, por suposto, non hai visitas sen luz natural.

Tamén paga a pena o coro alto obra do artista portugués Alonso Martínez, realizado en nogueira clara a comezos do século XVII. Como o retablo maior, tamén se beneficiou dunha recente restauración.

Retablo da igrexa de Montederramo

O claustro Procesional presenta dous andares en estilos arquitectónicos moi diferentes. Está bastante coidado malia a súa cuberta de cristal e aluminio de cando funcionou como patio de recreo dunha escola de nenos establecida no propio claustro. Agora xa non hai nenos suficientes para o seu funcionamento, un problema moi preocupante en case toda Galicia.

O claustro da Hospedaría está en moito peor estado pero é máis esvelto e loce uns bonitos medallóns de pedra con figuras humanas, entre as que aparecen os rostros do emperador Carlos V e o seu fillo Filipe II.

Claustro da Hospedaría en Montederramo

O mosteiro caeu en desgraza coa Desamortización de Mendizábal, foi adquirido por un particular e ocupado por negocios e vivendas privadas. Aínda está a espera de recupera-lo seu esplendor inicial.

Os que teñan máis tempo para Montederramo, non deben esquecer que nas montañas que se levantan por detrás da vila está o bosque de bidueiros máis ao sur de Europa: o Bidueiral de Montederramo. Mellor facelo acompañado dun guía co saiba interpretar e sen risco a perderse.

Camiño da cidade de Ourense facemos unha breve paraxe no mosteiro de Santa María, na capital municipal de Xunqueira de Espadanedo. É hora da misa dominical e a xente local comeza a chegar. E dese xeito somos testemuñas de primeira man de como a poboación rural galega está a envellecer.

O de Xunqueira de Espadanedo é un mosteiro menor se o comparamos con outros da Ribeira Sacra pero non carece nin de interese nin de beleza. Para maior seguridade de poder visitalo é mellor contratar unha visita guiada. Faise a horas fixas e por un prezo de tan só dous euros.

Aconsello consultar a páxina oficial de turismo da Ribeira Sacra para confirmar os horarios e o teléfono de reserva. A parte monacal está ocupada pola Casa do Concello e por dependencias municipais onde tamén poden informar das condicións da visita.

Por un euro máis (3 €) pódense combinar as visitas ao mosteiro e ao Museo Taller de Olaría na aldea de Niñodaguia, a catro quilómetros da capital municipal. Os habitantes desa parroquia souberon manter a súa olaría tradicional grazas a gran cantidade de arxila con caolín dispoñible nesa zona.

Na estrada do Castro de Caldelas a Ourense, á altura de Niñodaguia, hai varias tendas onde poder comprar obxectos desta popular e bonita cerámica.

A última parada da mañá é no mosteiro de San Pedro de Rocas. Despois de pasar Esgos hai que desviarse cara á dereita no lugar de Tarreirigo para así chegar ao mosteiro cinco minutos despois.  

Antes de subir ao monte Barbeirón, onde se ergue o edificio monacal, atravesamos un entupido bosque repoboado con coníferas e pasamos a carón do Pazo da Coutada. Temos a sensación de que os parentes de Bambi está agochados tras das árbores e de que en calquera momento poderiamos ver pasar unha fada voando.

É un bosque que, malia ser preparado pola man do home, ten algo  de especial. É como se nos estivese preparando para a beleza de San Pedro e da súa contorna.

Unha vez arriba, o pequeno complexo de edificios é capaz de retrotraernos axiña aos tempos dos primeiros eremitas e da vida monástica en comunidade. A cando os suevos fixeron de Galicia o primeiro reino de Europa e o primeiro en abrazar oficialmente o catolicismo como relixión oficial.

Casa Prioral no mosteiro de San Pedro de Rocas

O primeiro edifico que atopamos é a Casa Prioral (S. XVII), ocupando posiblemente o que foi o solar do primitivo mosteiro desaparecido por mor dun incendio . Hoxe acolle o Centro de Interpretación (gratuíto) onde obter información sobre a historia e a cultura da Ribeira Sacra. Especialmente interesante a sección dedicada aos oficios artesanais.

Entre este edificio e o seguinte (a igrexa) encontramos oito tumbas antropomórficas escavadas directamente no chan. Ao seu carón, unha sobria fachada dá acceso á igrexa do século XII que aproveitou as covas naturais dentro da rocha como parte do propio templo para crear tres pequenas naves e outras tantas capelas. Estas covas son, con bastante seguridade, o xermolo  de todo San Pedro.

Abaixo, dúas imaxes das tumbas antropomórficas no chan

Enriba dúas imaxes da igrexa de San Pedro de Rocas

O solo da igrexa está completamente furado por moitas sepulturas antropomorfas non cubertas. Grazas a que, algunhas veces, á xente dálle por pensar con atino, dende hai algúns meses xa non se permite acceder mais que a unha pequena parte da igrexa.

É por esa razón que non se poden ve-los restos do mapamundi mural de época románica da capela lateral esquerda, considerados como un rara avis na historia de Galicia. De calquera xeito, as pinturas están moi deterioradas pola humidade e resulta difícil distinguilas ben.

A fachada actual da igrexa é moi posterior ao resto do recinto. Foi construída no século XIX imitando o estilo construtivo da Casa Prioral. A igrexa ten uns horarios de apertura moi amplos, coincidentes cos do Centro de Interpretación.

Para unhas boas vistas dos montes circundantes e das rochas que apelidan este mosteiro, hai que subir á veciña espadana colocada directamente sobre un penedo con bastantes metros de altura. Sempre con moita precaución pola falta de protección e o esvaradío das pedras con auga de choiva.

Ao pé da espadana está un recinto pechado con muros que no pasado acollía o cemiterio parroquial. Dende ese punto sae un camiño que baixa pola aba da montaña para chegar en escasos minutos á Fonte de San Bieito, a que, segundo a tradición, verte augas milagreiras especialmente beneficiosas para as espunllas da pel.

Abaixo, de camiño á fonte de San Bieito

Saímos de San Pedro de Rocas coa sensación de vir de visitar un deses lugares que logo darían forma á Ribeira Sacra. Seguimos para xantar en Allariz, a vila mellor rehabilitada da provincia de Ourense. Xantamos moi ben, como é habitual, no restaurante Pallabarro no centro histórico da vila.

www.pallabarro.com/

Allariz dá para visitar un día enteiro. Pero ese relato mellor o deixamos para outro día.

Allariz coas cores do outono. O grupo despedindo a interesante viaxe pola Ribeira Sacra

6 comentarios en “Engaiolante Ribeira Sacra

  1. Coñezo bastante ben o banco sagrado do Sil, pero vexo que o do Miño é tan interesante, por non dicir un pouco máis, xa que é máis “románico”, que é un estilo que me encanta. Prometo este ano, se me deixa a pandemia, facer unha visita por este último. Grazas por avisarnos

  2. He vuelto a revivir el viaje con todo mi cariño a esa tierra que poco a poco me has descubierto y que ya amo casi tanto como tú. Deseando volver.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.