Pola Vía Verde do Salnés

É a mañá do día de Reis e o corpo pide actividade para compensar os efectos das numerosas enchentes que acompañan as festas de Nadal. E ocorréseme achegarme ata o concello de Portas, a escasos quilómetros da vila de Caldas de Reis e a corenta minutos por autoestrada de Santiago de Compostela, para coñecer e percorrer a Vía Verde do Salnés, unha nova oferta ciclosendeirista inaugurada durante a  pandemia, en novembro do 2020.

Para os que non coñezades o programa Vías Verdes, é esta unha marca rexistrada pola Fundación dos Ferrocarrís Españois, unha entidade pública estatal cuxo obxectivo é a recuperación e o uso alternativo do patrimonio cultural ferroviario.

Levan traballando dende o ano 1993 en colaboración co ADIF, con gobernos autonómicos, deputacións e con concellos de toda España para recuperar antigos trazados ferroviarios en desuso (case 8.000 km!) e darlle novos usos con fins ecoturísticos e de mobilidade sostible.

A día de hoxe son xa 3.200 os quilómetros recuperados para o uso de ciclistas, excursionistas e paseantes que queiran gozar da contorna natural destas vías. Convídovos a visitar a páxina de Vías Verdes para coñecer esta oferta distribuída por todo o territorio español:

www.viasverdes.com

Vías Verdes é, sen dúbida, unha boa iniciativa na que Galicia é totalmente deficitaria. A nosa terra estivo durante moitos anos (e aínda o está) ao final da listaxe de comunidades españolas pola lonxitude das súas Vías Verdes. Apenas unha ducia de quilómetros compartidos co Principado de Asturias na Vía Verde do Eo, entre A Pontenova e San Tirso de Abres.

Pero parece que esta situación podería comezar a mellorar en pouco tempo. Polo de pronto xa hai que engadir os nove quilómetros da Vía Verde do Salnés. E nuns cantos meses poderemos gozar doutros 36,5 quilómetros da futura Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle que unirá Santiago de Compostela con Cerceda, onde enlazará nun futuro coa Vía Verde de Culleredo para rematar na cidade da Coruña.

Ademais, a Vía Verde do Salnés podería ser alongada noutros quince quilómetros máis aproveitando a traza das vellas vías do tren e de sendas forestais para atravesar os concellos de Barro, Pontevedra e rematar na capital provincial. Ou alo menos, diso falan algúns xornais.

Volvendo á Vía Verde do Salnés que é o obxecto desta entrada, tedes toda a información no seguinte enlace:

www.viasverdes.com/itinerarios/itinerario.asp?id=164

Resumindo, falamos dun itinerario de 9,2 km dos que oito quilómetros ocupan un tramo da antiga vía do tren que unía o porto da vila de Carril coa cidade de Pontevedra e dos que os 1,25 km restantes transitan por camiños asfaltados.

Estación de tren de Portas, punto final da Vía Verde
Antiga estación de tren de Portas, punto de remate (de comezo no noso caso) da Vía Verde do Salnés

Oficialmente, a senda vai no sentido de Vilagarcía de Arousa á antiga estación de ferrocarril de Portas, pero o percorrido tamén se pode facer ao revés sen ningún problema. A única confusión posible é dende a estación de Portas ata o comezo da Vía Verde (non hai indicacións) pero nesta entrada explicamos como facelo. Unha vez na Vía verde do Salnés, os sinais están colocados de xeito que o itinerario é realizable en ambos os dous sentidos.

Os que comecen en Vilagarcía de Arousa teñen dúas opcións, ben dirixirse á rúa Camiño do Río de Abelle, nas aforas da vila, ou ben ao Tanatorio Vilagarcía, no barrio de Cea (Lugar do Vento, 4).

No primeiro caso, o acceso en coche ata o punto do inicio da Vía Verde é excesivamente estreito no seu último tramo e tampouco hai onde aparcar. Mellor deixalo na Avenida de Rubiáns, preto do concesionario Toyota, e seguir a pé uns centos de metros ata o punto de inicio. Tamén se pode tentar seguir co coche de vagar pola rúa Abelle para ir buscando un recuncho onde aparcar. Os últimos metros sempre mellor a pé.

Dende o Tanatorio Vilagarcía hai que seguir polas rúas Sobreira e Charco ata chegar ao comezo do Camiño do Río Abelle. Neste caso, deixar o coche a carón do lavadoiro e seguir os últimos metros a pé.

Nós decidimos comezar ao revés, a miña amiga Carmen e eu escollemos a opción da antiga estación de Portas, a escasa distancia da vila de Caldas de Reis. A estación aínda  ten operativa unha cafetería de aspecto rústico, pero con bastante clientela, e os correspondentes baños.

Tamén se conservan as vías do tren que comunicaba Portas con Pontevedra. Malia ser unha liña pechada ao tráfico de pasaxeiros dende o ano 2008, cando se inaugurou o novo eixo atlántico de alta velocidade, funciona para o tráfico de mercancías e así mover o cemento almacenado nos silos próximos á estación.

Panel de remate (ou comezo?) da Vía Verde do Salnés na estación de Portas

Deixamos o coche aparcado fronte a estación, desfacemos o camiño ata a avenida principal e seguimos pola beirarrúa da esquerda, pasando por diante da antiga fábrica azucreira de Portas.

Esta fábrica, un magnífico exemplar de arquitectura industrial en Galicia, pertenceu á sociedade “Azucarera Gallega”. Foi esta unha empresa fundada con capital español e con empresarios “cubanos” que, relacionados coa cana de azucre, regresaban á súa Galicia natal despois de que España perdese a colonia de Cuba no ano 1898.

A intención era compensar a carencia de azucre cubano coa produción de remolacha en Galicia. Pero o negocio non saíu ben e en 1903, catro anos despois de colocar a primeira pedra da fábrica, pechou definitivamente. Logo pasaron cen anos de ruína ata que o Concello de Portas decidiu no ano 2003 rehabilitar parcialmente o edificio para convertelo nun centro cultural (auditorio, sala de exposicións e conferencias) e outras infraestruturas municipais como son un centro da terceira idade, unha gardería e unha gardería.

A azucreira é perfectamente visible coa súa cheminea de 65 metros de altura que ademais funciona como un excepcional miradoiro sobre a contorna. A rehabilitación do edificio dotouna dun ascensor así como dunha escaleira exterior de caracol para poder subir ata a plataforma superior. Nós pasamos por diante no Día de Reis, festivo, e a cancela exterior estaba pechada impedindo o acceso ás instalacións.

Lugar no que hai que cruza-la vía para empalmar coa senda que dá acceso á Vía Verde. O edificio da azucreira de Portas ao fondo

Despois de deixar a azucreira, desviámonos pola primeira estrada asfaltada á esquerda, camiñamos apenas uns centos de metros e torcemos de novo pola primeira á esquerda, ata atopar coa vía do ferrocarril. Aquí atravesamos a vía e collemos á dereita ata que damos co sinal que indica o comezo da Vía Verde uns poucos metros máis adiante.

Sinal de indicación da Vía Verde que aparece despois de cruza-la vía do tren
Pequena área recreativa ao final (ou comezo) da Vía Verde
Carmen no inicio "real" da Vía Verde

Unha vez na Vía Verde todo é doado, moreas de sinais e mobiliario para facer o paseo fácil e agradable. E todo nun perfecto estado de conservación. Espero que os responsables de mantemento das infraestruturas galegas comecen a entender que as cousas que pagamos todos hai que coidalas.

Antigo semáforo ferroviario

Polo camiño imos encontrando numerosos ciclistas e xente de todo tipo, a maioría no sentido Vilagarcía de Arousa-Portas. O único aspecto negativo desta experiencia vén provocado polo presenza de cazadores nas inmediacións da vía, algo difícil de entender en pleno século XXI.

A ausencia de desniveis fai que o paseo non requira de grandes esforzos. A paisaxe resulta do máis agradable entre pradarías e bosques de mimosas, especialmente fermosas nesta época do ano pola súa abundante floración.

Outra das referencias arquitectónicas desta Vía Verde é a coñecida como Ponte de Ferro, preto da aldea de Paraíso, construída para salva-lo río Umia entre os concellos de Portas e Caldas de Reis.

A ponte é un bo exemplo de enxeñería de finais do século dezanove. Unha placa metálica nun dos seus extremos confirma que esta estrutura metálica de setenta e seis metros de lonxitude foi levantada pola compañía inglesa Joseph Westwood&Co. no ano 1897. 

Xaneiro pode ser un bo mes para percorre-la Vía Verde por mor do florecemento das mimosas

A pedra rañacús, pola que, segundo conta a tradición, xogaban a esvarar os rapaces das aldeas veciñas
Miradoiro sobre o río Umia
A carón da Vía Verde
As mimosas no seu mellor momento
Pequenos relatos sobre vidas que xiraron arredor da vía do tren

Á altura do antigo apeadoiro de Rubiáns, un panel fainos lembrar que estamos no trazado do que foi o primeiro ferrocarril de Galicia (1873) que percorría os 42 km que separaban o porto de Carril da estación de Cornes no desaparecido concello de Conxo, daquela nas aforas de Santiago de Compostela e agora integrado como un barrio máis da capital de Galicia.

Nacido co nome de “Ferrocarril Compostela de la Infanta Doña Isabel” mudou aos poucos anos ao máis internacional “The West Galicia Railway”, do que John Trulock (avó de Camilo José Cela) era xerente.

Antigo apeadoiro de Rubiáns

Deixamos o apeadoiro e aos poucos minutos pasamos por diante do Pazo de Rubiáns. Coido que de non coñece-lo pazo pode ser moi interesante incluír a súa visita no percorrido por esta vía Verde. É necesario reservar con antelación e a visita é guiada (todos os días ás 11:30 da mañá).

A entrada non é barata (18 € para adultos) pero hai que ter en conta que son dúas horas e media para ver o xardín, pertencente á Ruta da Camelia e especialmente fermoso nos meses de inverno en tempada de floración, os viñedos que arrodean o pazo, e a capela. A visita remata na adega do século XV cunha degustación do viño albariño que produce o propio pazo.

Ademais, a visita a Rubiáns é unha das poucas en Galicia que permite coñecer un pazo por dentro que, neste caso, recibe a miúdo a visita da familia propietaria.

www.pazoderubianes.com/

O Pazo de Rubiáns visto dende a Vía Verde
O panel do apeadoiro de Rubiáns fainos lembrar a historia desta que foi a primeira liña ferroviaria de Galicia

Vivenda señorial na contorna do Pazo de Rubiáns

Rematamos nas aforas de Vilagarcía de Arousa e chamamos un taxi para que nos leve de volta á antiga estación de Portas. Pagamos 17 € polo traxecto. Unha vez no noso punto de orixe, desfacemos o camiño ata Caldas de Reis para comer nalgún dos numerosos restaurantes que ofrece esta vila.

Punto de comezo (remate no noso caso) da Vía Verde do Salnés
Pequena zona de lecer no comezo da Vía Verde do Salnés

4 comentarios en “Pola Vía Verde do Salnés

  1. Esta escapada queda pendiente para la próxima. El paseo rodeado de mimosas debe ser una gran experiencia para la vista.
    Galicia en mi corazón .

  2. Ola Xan: Interesante artigo, descoñecía esta vía verde, porque xa sabes que non soporto que as “AVE” que tanto gustan aos políticos deixen pobos e cidades sen servizo ferroviario. Menos mal que en Galicia tes moi poucas ou case ningunha. Non obstante, fareino pronto, porque por fin vou xubilarme

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.