Mundo Guanaco

A viaxe está a rematar. Días contados para a volta ó fogar.

IMG_9061

Nos primeiros pasos do deseño destas vacacións, El Salvador ía ser protagonista case absoluto, xunto con Guatemala. Algunhas circunstancias, entre elas rebaixar o custe dos voos, determinaron que incluiramos Panamá, Belice e o noso breve tránsito por Costa Rica. Tamén, e a medida que iamos lendo sobre a realidade do país, decidiamos acurtar a nosa estadía en El Salvador. A súa fama, e moi especialmente a da súa capital, San Salvador, é de violenta, territorio onde sicarios, maras e tiroteos forman parte da vida cotiá da xente do lugar. O simpático colectivo de “pijas” esotéricas salvadoreñas que atopamos en Tikal e Yaxhá tampouco axudaron a relaxarnos cos últimos informes do país. Ó final deixamos tan só tres días para a nosa despedida de Centroamérica.

Seguir lendo

Antigua, esplendor español

IMG_9014IMG_9013

Dedicamos dous días a Antigua. Mostras da arquitectura colonial española, coma as que adornan esta cidade, fanme reconciliar co período colonial. É un dicir… nada me reconcilia coa explotación, racismo e escravitude, pero é verdade que coa desculpa de impoñer a cultura e, sobre todo, a relixión, ademais de auténticas atrocidades, tamén houbo grandes obras de enxeñería, importantes legados patrimoniais e incluso manifestacións artísticas de fusión moi interesantes. Partindo do negativo do colonialismo, parece que portugueses e españois foron capaces de compensar minimamente o seu latrocinio.

Seguir lendo

No altiplano chapín

IMG_8871IMG_8922IMG_8883

Chapín é o alcume dos guatemaltecos, nome con orixe nun tipo de zapato utilizado polos españois e semellante ó utilizado pola poboación indíxena do que hoxe é Guatemala. Pero volvamos á viaxe!

Estamos maiores, non me canso de dicilo! As miñas ansias de coñecer non teñen diminuído co tempo e a miña curiosidade vai a máis se cabe… pero o feito de sufrir percorridos en bus por enriba das seis horas de viaxe dáme preguiza. Por esa razón, reservamos o voo de mañá cedo entre Flores e a capital, Cidade de Guatemala.

Seguir lendo

A “Isla Bonita”? Ou non

O mundo está a globalizarse e a situación no sector aéreo é unha mostra evidente. Un exemplo: comprei un billete para a viaxe dende San José á Cidade de Belice voando coa compañía aérea colombiana Avianca e, aínda que a reserva xa adiantaba que o traxecto San José/Managua/San Salvador sería realizado baixo as siglas da antiga compañía costarriqueña, LACSA, e operado cun avión da guatemalteca Aviateca, finalmente voamos coa compañía salvadoreña Taca Regional. O traxecto entre San Salvador e Cidade de Belice seguiu a mesma tónica. Hoxe en día o mapa de América, dende Guatemala á Arxentina está a ser repartido entre dous grandes grupos aéreos que, nun proceso de absorción de compañías rexionais, van fortalecendo os seus dominios. A colombiana Avianca, no seu feudo dende Perú a Guatemala, e a chilena-brasileira LAN-TAM, dende Ecuador ata Tierra de Fuego. Pero esta situación non impide que as comunicacións entre as capitais centroamericanas sexan menos frecuentes do desexable e que os escasos voos teñan niveis de ocupación baixos.

IMG_8758

Canle de auga provocado polo furacán en Caye Caulker

IMG_8752

Caye Caulker

Seguir lendo

Costa Rica, visto e non visto

Costa Rica non entraba na ruta. É unha teima miña: os destinos preferidos polos españois á hora de viaxar provócanme certo rexeitamento. Son varios os países que teño aparcados por esta razón e, cando chegue a hora de visitalos, posiblemente me fagan cambiar de opinión. Son dos que gusta mesturarse coa poboación local mais que cos outros visitantes. Escoitar falar castelán coas entoacións propias de España faime sentir nunha vivencia temporal e lémbrame o feito de ter que regresar, máis cedo ou máis tarde, ao cotián. Tamén teño que recoñecer que unha oferta baseada en exceso na Natureza, primeiro recurso turístico de Costa Rica, me dá preguiza, non é o meu. Polo tanto, e como resumo, Costa Rica non estaba nesta ocasión na listaxe de países a visitar.

Foi a escasa oferta de voos para chegar dende Bocas del Toro á Cidade de Belice o que nos obrigará a facer un alto de 24 horas en San José.

Seguir lendo

Bocas del Toro: o Panamá que quere ser turístico

IMG_8608 IMG_8596Voo madrugador (aquí todo é moi madrugador) de Air Panamá dende o aeroporto de Albrook (un dos tres de Cidade de Panamá) con destino ó novo resort chic do Caribe continental, xa preto da fronteira con Costa Rica: Bocas del Toro.

O sono pesa moito, demais; se engadimos o jet lag, froito das sete horas de diferenza coa hora española, ós costumes horarios locais, fai que teñamos (e teremos ó longo da viaxe) moito sono, sempre.

Seguir lendo

Comarca de Guna Yala

IMG_8550

Cedo, moi cedo pola mañá, collemos a estrada Panamericana cara ó norte. En Los Llanos metémonos por unha curiosa estrada de montaña que nos fai lembrar unha montaña rusa.

Xa estamos na comarca de Guna Yala, coñecida ata o ano 2010 como Kuna Yala e anteriormente como San Blas. Un territorio ocupado polo pobo indíxena Guna, que goza da maior autonomía de tódolos pobos indíxenas do continente americano. Habitan nunha estreita franxa de territorio costeiro ata a fronteira con Colombia, ademais de 36 illas no Mar Caribe entre as 365, unha por cada día do ano, que son da súa propiedade.

Chegamos ó austero porto de Cartí, pasada a antiga pista de aterraxe que durante moito tempo foi a única vía de acceso a este territorio. De aquí parten as barcazas rápidas que nos achegarán ás microillas que se estenden polo Golfo de San Blas.

Seguir lendo