Os dous destinos aos que fago referencia no titular deste post serven como perfecto exemplo das diferentes realidades da China, unha viaxe dende as pequenas poboacións rurais de recendo evidentemente chinés ata as cidades do futuro (para ben e para mal) ateigadas de rañaceos de última xeración e atmosfera internacional. E ás veces, coma neste caso, a moi pouca distancia unha da outra.
CHINA
Macau – Las Vegas ao estilo chinés
Mágoa, aquí xa non se fala portugués. Inda que o portugués é un dos idiomas oficias da antiga colonia, tan só fun capaz da atopar dúas persoas, e xa entradas en aniños, que o podían falar. Como se perden os bos costumes! Pero o portugués segue a estar presente en todos os letreiros e informacións facilitadas polo Goberno Autónomo. A moeda local segue a chamarse “pataca”. Que bonito, non si? É como sentirse un pouco na casiña dun. Ambiente chinés a ritmo de fado.
No post anterior estabamos saíndo de Hong Kong. Mellor coller reserva de barco pola Internet xa que malia as numerosas frecuencias das dúas compañías que comunican o porto da illa de HK co porto exterior de Macau e o porto da illa de Taipa, tivemos que esperar bastante tempo para conseguir unha praza. Todos os barcos cheos ata a bandeira. Os viaxeiros que se atopen en Kowloon teñen frecuencias e destinos diferentes con respecto aos que parten dende a illa de Hong Kong.
Hong Kong, ou a ver quen a ten máis grande
Por se non é evidente, o titular pretende ser irónico. Pero esa é a impresión xeral que provoca o skyline desta agora Rexión Autónoma de China.
Tras vinte e catro horas de voos e aeroportos aterramos en Hong Kong. Voamos coa estupenda compañía Emirates, unha das compañías dos Emiratos Árabes que conxuntamente con outras compañías da zona como Gulf Air, Etihad, Qatar Airways e Turkish Airways dedícanse a trasladar por prezos económicos e bo servizo (debidamente subvencionadas polos seus ricos gobernos) a milleiros de pasaxeiros entre Europa e Asia. Realizamos unha breve escala en Dubai e puntuamos a relación calidade/prezo do servizo cun sobresaliente. Temos o plus engadido de voar por primeira vez co novo avión de Airbus, o modelo 380, entre Dubai e Hong Kong. O Airbus 380, que asemella un Jumbo con dous andares, está considerado coma o avión comercial máis grande do mundo.