Facemos unha entrada infernal en Bogotá. Os vinte e cinco quilómetros que marcan os sinais dende a Catedral de Sal convértense en cincuenta medidos polo contador do coche. Tardamos dúas horas e media en chegar ao noso hotel das que unha gran parte corresponden a un tremendo atasco de entrada na capital. Pecamos de inconscientes ao chegar de noite a unha gran megalópole na que non é doado conducir e da que descoñecemos case todo. Ademais, hoxe e venres e o próximo domingo será o plebiscito sobre a firma da PAZ entre o Goberno Colombiano e o grupo terrorista das FARC. Ao igual que ocorreu en Cartaxena de Indias, este sábado haberá lei seca dende as seis da tarde e os locais nocturnos permanecerán pechados na súa inmensa maioría. Sabiamos todo isto pero non reflexionamos sobre que este venres e a estas horas todo Bogotá e os coches dos seus oito millóns de habitantes estarían ocupando as vías da cidade. Un auténtico pesadelo!
COLOMBIA
De Bucaramanga a Bogotá – A ruta das cidades españolas
Saímos a media tarde de Cartaxena de Indias, de novo coa compañía Viva Colombia, cara ao aeroporto da capital do departamento de Santander: Bucaramanga, ou Buca como a chama a poboación local. Buca é unha cidade importante que supera os 500.000 habitantes e ofrece un aspecto saneado, limpo e bastante ordenado. Pero a pesar de que a súa fundación se remonta ao ano 1622, a súa arquitectura colonial e o seu legado patrimonial perdéronse hai xa moito tempo. A cidade ten un aspecto novo e non ofrece maior interese que ser un lugar de paso para visita-la aldea veciña de San Juan de Girón ou para alugar un coche, como é o noso caso, e comezar un itinerario que nos levará ata Bogotá atravesando algunha das vilas coloniais máis fermosas do país.
Polo Caribe Colombiano, dende Santa Marta a Cartaxena de Indias
Voamos entre Medellín e Santa Marta coa compañía aérea, colombiana e de baixo custo, “Viva Colombia”. O nome, certamente folclórico, pode crear unha expectativa negativa sobre a compañía que, con todo, ofrece un servizo moi razoable e sen tanta tensión á hora de facturar como pode provocar Ryanair en Europa.
O pequeno aeroporto de Santa Marta está nun bonito recuncho á beira do mar pero resulta algo confuso polas obras que se están a executar para a súa ampliación. Saímos directamente ao exterior, sen pasarela, e recibimos unha labazada de calor esaxerada e agravada por unha humidade moi pegadiza.
Guatapé, arte popular en Colombia
Todo comezou hai case un século cando o guatapeño José María Parra Jiménez decidiu aprender técnicas e tendencias artísticas para decora-las franxas inferiores das fachadas da súa poboación natal. José María, coñecido polos alcumes de Chepe e Hacedor de Zócalos, quería deste xeito protexe-los edificios das humidades que viñan do chan, e tamén da sucidade que provocaban as galiñas e outros animais, así como do deterioro causado polos rapaces do lugar cando xogaban nas estreitas rúas da vila.
Medellín (Unha cuestión de morbo)
Levo doce días de traballo intenso e sen apenas descanso cando saio de vacacións para Colombia. Nesta ocasión acompáñanme os meus amigos de Vigo, Chelo e Fernando, e Alex, un francés de orixe alxeriano que traballa para British Airways e reside a tempo parcial entre Barcelona e João Pessoa (nordeste brasileiro). Alex está percorrendo ao mesmo tempo Panamá e Costa Rica polo que se vai incorporar ao noso itinerario na cidade de Cartaxena de Indias para, despois, continuar con nós ata o remate da viaxe.