Graffiti de Bansky preto do muro que separa Cisxordania de Israel
Para coñecer o programa deste día e o resto da estadía en Terra Santa consultar o postIsrael
Despois de visitar o Monte das Oliveiras saímos cara a Bethlehem (Belén). Durante os escasos dez quilómetros que separan ambas cidades temos tempo de ir coñecendo algúns feitos do día a día en Palestina que contrastan coas imaxes preconcibidas que tiñamos.
Chego ao outro confín do Mar Mediterráneo cargado de imaxes e, tamén, dalgún que outro prexuízo. As imaxes foron depositándose dende a miña infancia a base das moreas de noticias que xeraron o asentamento do Estado de Israel e os seus conflitos cos seus veciños e coas terras palestinas ocupadas. Os prexuízos veñen dados pola miña tendencia a colocarme da parte dos que sofren e dos que son sometidos contra a súa vontade. Non estou aquí para facer análise política nin para buscar xustificacións históricas a un problema de difícil solución. Non me quero pronunciar en ningún sentido sen maior coñecemento pero…, o meu corazón está na parte palestina.