Había tempo que desexaba coñecer algo máis de Rusia alén das xa habituais visitas ás cidades de Moscova, San Petersburgo e ás súas correspondentes áreas de influencia. Hai moitos anos tiven a oportunidade de atravesar unha gran parte de país no mítico tren transmongol que une Moscova con Ulán Bátor, a capital de Mongolia, pero esta experiencia limitouse a catro días de contemplar as amplas chairas da estepa rusa, sen tempo para coñecer as cidades en ruta e sen ningún contacto coa poboación local.
RUSIA
Moscova – Unha cidade dura? III
Pode parecer un simple signo de interrogación engadido ao final do titular deste post, pero ese interrogante é unha auténtica declaración de sentimentos de min cara a Rusia. Con isto comezo a pór en dúbida as miñas propias afirmacións feitas nos dous artigos anteriores sobre Moscova. Neles viña defendendo que a capital rusa era unha cidade pouco desexada para o viaxeiro por diversas causas: unha meteoroloxía en xeral moi adversa, a dificultade para entenderse co alfabeto cirílico, a pouca calidade dos seus servizos turísticos e, sobre todo, polo desinterese e frialdade que amosaban os seus habitantes con respecto aos que íamos visitalos.
San Petersburgo – A cidade froito dun soño
Síntome unha persoa de paz e liberdade que non pode estar de acordo coas políticas practicadas polo ditador soviético Iosif Stalin (nin por ningún outro ditador) mentres gobernaba con man de ferro o bloque comunista, pero, unha vez en San Petersburgo, comprobo que tampouco coincido co seu concepto da estética. Stalin nunca amosou debilidade pola cidade que era coñecida durante o seu mandato como Leningrado. De feito, tan só a visitou nunha única ocasión durante os seus moitos anos ao fronte da URSS e a pesar de ser a segunda por importancia do país.
O nome orixinal Sankt-Peterburg (San Petersburgo ou a cidade de San Pedro), de orixe alemá, foi concedido polo Tsar Pedro O Grande en honra do seu santo patrón. A causa deste topónimo xermánico vén dada polos numerosos alemás que Pedro O Grande contratou no momento da fundación da cidade para construír os seus estaleiros. O nome mudou á súa adaptación ao ruso como Petrogrado por mor dun conflito coa inimiga Alemaña durante a I Guerra Mundial, pero a súa vixencia foi de tan só dez anos entre 1914 e 1924. E despois da morte de Lenin e para honrar a súa figura, no ano 1924, pasou a chamarse Leningrado, malia que a cidade natal de Lenin foi Uliánovsk, ao sur do país, na beira do río Volga. Hoxe o termo Leningrado quedou unicamente para a rexión que arrodea á cidade. San Petersburgo, Petrogrado ou Leningrado son unha mesma urbe que foi mudando de nome co paso do tempo para rematar, a partir dun plebiscito popular que tivo lugar no ano 1991, co seu topónimo orixinal de San Petersburgo.
Vladimir, un destino no anel de ouro de Moscova
Cando se viaxa a Moscova é de obrigado cumprimento facer unha escapada a unha ou a varias das cidades do chamado Anel de Ouro (Golden Ring). Visita que por outra banda case seguro se terá incluída no caso de viaxar cun paquete organizado.
Golden Ring é o nome para unha serie de vilas e cidades de diferente tamaño que se espallan cara ao nordés de Moscova, nunha zona especialmente fértil que facilitaba o asentamento do pobo rus e o nacemento destes núcleos de poboación. Son cidades que xogaron un papel importante na historia de Rusia a partir da Idade Media e, ao mesmo tempo, auténticos museos ao aire libre que ofrecen unha morea de vistosas igrexas, mosteiros e catedrais “de postal”.
Moscova – Unha cidade dura II
http://cidadanmundo.blog/2015/03/23/moscova-unha-cidade-dura/Marzo foi un mes completo. Da cidade de Córdoba en Arxentina paso, tras unha breve escala de menos de 48 horas en Santiago de Compostela, á capital de Rusia. Dos case 40º C austrais aos sete baixo cero cos que me recibe a noite moscovita a onde chego despois de varias horas de atraso ocasionado pola folga de controladores en Francia.
Sendo sincero…, ningunha destas cidades ocupa un lugar no meu corazón, non son sitios nos que perderme. Pero teño que recoñecer que o meu nivel de simpatía cara á Córdoba e Moscova mellorou un pouquiño neste último mes, no caso da metrópole arxentina polos seus arredores, e a capital imperial e bolxevique por que cada vez percibo un trato máis amable por parte dos seus habitantes. É máis, estou convencido de que Rusia será, en case todos os aspectos, un país como moitos outros europeos á volta dun par de xeracións.
Moscova – Unha cidade dura I
De novo en Moscova, e van sete: na época comunista, durante a Perestroika e xa varias veces de traballo nestes últimos anos. Non consigo que esta áspera cidade esperte en min a menor simpatía; é dura, incómoda e ruda para os hábitos occidentais. Sen esquecer o frío habitual destas latitudes.
Por outra banda, teño que recoñecer certa melloría, pouco a pouco. É coma se os moscovitas fosen esquecendo o seu pasado e comezasen a comportarse como calquera outro país europeo. Destas aínda vin algún sorriso nas súas faces e xente dando esmola ós pedichóns nas rúas. Se cadra por que facía bo tempo. A cidade estaba limpa de neve e durante o día acadabamos os nove graos de temperatura.