O luns de mañá collemos un autobús, cómodo por certo, que nos deixa na cidade fronteiriza de Subotica. Na Oficina de Turismo de Belgrado aconselláranos facer uso do transporte terrestre para viaxar polo país xa que o servizo ferroviario de Serbia é lento e escaso. Malia a pagar o servizo expreso e ter unha única paraxe na cidade de Novi Sad, a medio camiño, tardamos tres horas en percorrer os 185 km de autoestrada que separan as cidades de Belgrado e Subotica.
Estando na casa, en Galicia, ao tempo de buscar información sobre que ver neste país, atopamos que a cidade de Novi Sad era a primeira referencia urbana de Serbia polo bo estado de conservación do seu centro antigo. Nesa mesma pequena investigación apareceu o nome de Subotica, a tan só 85 km ao norte de Novi Sad, como cidade Art Nouveau. O cualificativo venlle dado grazas aos numerosos edificios deste estilo arquitectónico que dominan o centro desta urbe.