Saigón foi unha cidade mítica, polo menos para min. Non pola súa historia ou polos seus atractivos senón por estar continuamente nos medios de comunicación durante a miña infancia e adolescencia. Non me lembro exactamente das imaxes que saían na televisión durante a guerra de Vietnam pero a miña mente foi configurando unha cidade esaxeradamente caótica e asiática, moi asiática. Tamén puideron influír as películas americanas e a súa visión negativa dunha cidade que representaba a perda da guerra. Por suposto que a esta altura da viaxe xa sabía que a realidade de Cidade Ho Chi Minh non coincidía exactamente coas miñas imaxes, pero aínda así viaxaba coa esperanza de atopar algún testemuño do vello Saigón.
VIETNAM
Hoi An e Hue – Cara e cruz dun destino turístico
Saímos pola mañá cedo en voo de Vietnam Airlines dende Hanoi con destino ao aeroporto nacional de Hue. O noso seguinte destino é a zona centro de Vietnam: a cidade de Da Nang, a terceira máis populosa do país, e a cidade de Hue e a vila de Hoi An (respectivamente a escasas tres horas ao norte e corenta e cinco minutos ao sur de Da Nang).
Sapa e Bac Ha – No corazón dos Alpes Tonquineses
O tempo dedicado a Vietnam non é excesivo (19 días) e decidimos facer unha escapada rápida á fronteira entre Vietnam e China. É unha paisaxe totalmente contrastada coa baía de Halong da que vimos, pero non por iso de menor intensidade. Falamos da zona de alta montaña, os Alpes Tonquineses como foron nomeados polos franceses, no noroeste de Vietnam. É aquí onde se ergue a maior altura do país, o monte Fansipan, ou Phan Xi Pang en vietnamita, e os seus 3.143 m de altitude.
O interese desta visita está relacionado, por unha parte, coas estéticas terrazas de arroz que se estenden tanto polo val coma pola abas das montañas nos arredores da cidade de Sapa, e, por outra, co mercado indíxena de Bac Ha ao que acoden algunhas das numerosas etnias indíxenas de Vietnam.
Baía de Halong – O Dragón Descendente que marabilla á Natureza
Toda viaxe ten o seu cénit. E Halong é sen dúbida “o momento” en Vietnam. Sorprendeunos que dende Hanoi houbera viaxes no día para visitar esta incrible baía con máis de 2000 illas. Entre as tres horas de ida e as tres de volta para percorrer os 170 km que separan Hanoi da baía de Halong apenas queda tempo para dar unha voltiña. Tamén nos sorprendeu que no mellor dos casos a maioría de viaxeiros se conforme cunha excursión de dous días/unha noite na que se dedican menos de 24 horas (e soamente seis horas de navegación) a, para min, baía máis bonita do mundo. Como sempre, haberá quen diga que hai un exceso de explotación turística ou demasiado lixo flotando na auga. Verdade. Non son eu quen de discutilo. Pero, que importa? Esa especie de disparate creativo realizado pola natureza non pode ser cuestionado con argumentos tan superficiais. Non é Venecia unha auténtica beleza a pesar de todos os seus inconvenientes? Por suposto. Halong coma Venecia é deses lugares no mundo que debemos visitar unha vez na nosa vida.
Hanoi e arredores
Sabemos que comezamos á inversa. A visita máis habitual de Vietnam é principiar por Cidade Ho Chi Minh (antiga Shaigon) para rematar en Hanoi. Un percorrido de sur a norte que vai incrementando a súa intensidade e o interese das visitas realizadas. Nós tiñamos claro que queriamos botar unha ollada a Hong Kong e Macau para rematar de festa en Bangkok. De saltar de Macau á Cidade Ho Chi Minh sería ilóxico. Rematar en Hanoi para logo ir a Bangkok tampouco é o máis adecuado.
Somos pois conscientes do noso comezo contra natura en termos viaxeiros. Tomamos o voo xa nocturno con Air Macau para chegar de noite pecha a Hanoi. Entre Hong Kong, Macau e Hanoi non hai tarifas low cost como na maioría de cidades asiáticas e pagamos un voo bastante caro. Dentro de Vietnam será outro cantar e as compañías Vietnam Airlines, Vietjet Air e Jetstar ofrecen a posibilidade de voar realmente barato.