O nome de cidades e lugares poden mudar moito da súa lingua orixinal con respecto a como as denominamos en castelán ou galego. Isto é o que acontece na seguinte cidade en ser visitada neste itinerario que, por motivos profesionais, me leva de Austria a Alemaña pasando por Polonia. Os viaxeiros que veñan procurando a cidade de Ratisbona poden pasar de longo se descoñecen que as indicacións de sinais e letreiros farán referencia a Regensburg, xa que este é o topónimo xermano, e polo tanto o válido, do que nós coñecemos como Ratisbona.
Danubio
Xornada e media en Viena
Chego a Viena un xoves á última hora da mañá e non saio cara a Varsovia ata o luns ao mediodía. Pero se teño que descontar todas as horas ocupadas polo meu labor profesional, o tempo libre que poido dedicar a visita-la cidade limítase a unha xornada e media.
Non é moito, mais ben diría que moi pouco para todo o que ten que ofrecer Viena. Unha xornada e media movéndome ás présas dá para coñecer a inmensa zona antiga da cidade e visitar algún dos seus monumentos principais, tamén para achegarme ao Palacio de Schönbrunn e pasear polos seus xardíns, coñecer os tres edificios ideados polo artista austríaco Hundertwasser e, finalmente, pasar un par de horas de lecer no afamado Parque de Atraccións Prater.